Mostrando entradas con la etiqueta Concursos e sorteos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concursos e sorteos. Mostrar todas las entradas

lunes, 27 de abril de 2020

Sorteos e concursos infantís.

No Concurso Profiden (campaña de hixiene dental), setembro 1955-maio 1956, a nena Matilde González Iglesias resultou agraciada cunha boneca «LILI» e unha bolsa de produtos Profiden.
           Entre os premiados nos concursos organizados con motivo da campaña Pro-Seminario nas escolas de 1965, resultou vencedor do primeiro premio de mozos no acróstico, Ramón Rodríguez Ferreira, de Pousadoura (Chapela). Ao ano seguinte entre os premiados aparece a nena Herminia Otero Pereira, da escola mixta de Cidadelle (Chapela).
No sorteo do concurso escolar “Historias de Manolín” de 1968, unha das gañadoras dunha moneca “Violeta” foi Isabel Docampo Pení, da escola de nenas de Trasmañó; e entre as agraciadas cun exemplar do Novo Testamento estaba María del Carmen Lusquiños López, de O Viso.
En xaneiro de 1975 no sorteo de Reis Magos de El Caserío el queso predilecto de los niños gañou un lote de xoguetes o neno Jesús Rodríguez de Cesantes.
Entre os 120 niños de toda España que, en abril de 1989, foron seleccionados para pasar 10 días no Campus Deportivo Nocilla, adestrando con Epi e Abascal, atopábase Diego Cobo Lodeiro de Redondela.

Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
19650515 El pueblo gallego
19660419 El pueblo gallego
19750107sorteo-ABC

Concursos de debuxo

          Durante o segundo semestre do ano 1933, o xornal vigués El Pueblo Gallego organizou mensualmente un concurso infantil de debuxo. Nas bases establecíase que os debuxos debían ser feitos con tinta china, publicaríanse os de maior calidade, entre os cales os dous mellores serían premiados con dez pesetas cada un, publicándose a foto dos autores e a dos catro ou cinco seguintes.
Nenos de toda Galicia enviaron os seus debuxos, moitos dos cales serían publicados, deixándonos unha testemuña do estilo e calidade dos novos debuxantes daquel tempo, pero tamén dos seus gustos e as súas inquietudes. Recrean escenas próximas a eles como as agrícolas, gandeiras ou mariñas, pero tamén de festas e de monicreques, ou ao porteiro de fútbol Ricardo Zamora, a Micky Mouse...
Entre os participantes aparece José Molinos, de Redondela, e varios nenos de Chapela: Ángel Lago Senlle, Fernando Villar Pena, Carlos Villar Pena, Julio Villamarín Iglesias, Antonio Arosa Rodal, José Rey Palacios e Emilio Costa González. De todos eles sería Julio Villamarín o que acadaría un dos premios, aparecendo a súa foto no xornal.
         En 1973 sería La Voz de Galicia o xornal que organiza un concurso de debuxo, aparecendo entre os participantes Tere Crespo Loureiro, de 7 anos, con domicilio en Redondela e os nenos de Cabeiro: María del Carmen García Martínez de 10, Manuel García de 7 e Concepción Barciela García de 9.
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego
La Voz de Galicia

Concursos musicais

     
Betty e Laura no concurso ¡Levántate!  de Tele5 no 2015

        Nos derradeiros anos na televisión abundan os concursos musicais, nos que ás veces participan talentos musicais de Redondela. Isto provoca expectación na nosa vila e durante a emisión dos programas convértese en tema de conversa habitual nas rúas e, agora tamén, nas redes. Pero a cousa ben de lonxe.
       En febreiro de 1948, Virgilio González, solista de acordeón, participou no concurso La Fiesta de l Radio, organizado por Radio Pontevedra. Interpretaría dous temas de Reveriano Soutullo o pasodobre “Puenteareas” e o intermedio “La leyenda del beso”.
       Nesta época e con tan só nove anos, Bernardina Vidal coa súa armónica vence no concurso Coser y cantar, organizado por Radio Vigo.
       En 1970 o Círculo Cultural e Recreativo de Chapela organiza un curioso concurso musical consistente en escoitar oito temas de música moderna e identificar os títulos e intérpretes.
Cara a 1978 ou 1979 o grupos de voces e guitarras Vento do Norte, que interpretaba versións da música folklórica, participou no concurso da TVE, Gente Joven.
       Por esa época Poli participaría no programa Aplauso, na cuarta edición de La juventud baila, na que quedaría en segundo lugar.
 https://www.facebook.com/100000346682446/videos/2349043641783836/?t=31
 
Poli nun concurso no Miramar. Foto cedida por Martín Fernández
       Pasando os anos, irrompen os canais privados na televisión e comezan a triunfar este tipo de programas. Nun concurso de imitación de cantantes famosos, Seve Fervenza e a súa esposa cantan temas de Amistades Peligrosas. O formato do programa, gravado cada quince días, e o avanzado estado de xestación dela impiden o seu paso á final, o que enfadou moito a Alaska, membro do xurado que tiña predilección pola parella.
         No pioneiro dos concursos infantís, Veo veo, presentado por Teresa Rabal, foi gañado por un membro da Orquestra de Saxos de Redondela, quen abraiou co seu dominio de varios tipos deste instrumento.
        A gran revolución deste tipo de concursos veu da man de Operación Triunfo, do que saíron artistas como Bisbal, Chenoa, Bustamante, Soraya... Aquí participou Miriam, que si ben naceu en Vigo, a súa familia paterna é de Redondela.
        Unha nova participación infantil sería a de Laura, nun concurso presentado por Pilar Rubio. A falta de audiencia provocaría que Tele 5 decidira cancelar a emisión cando a nosa representante era unha das favoritas, destacando pola súa calidade cantando clásicos do Soul. A principios de 2015, Laura volveu a participar nun concurso de Tele 5, ¡Levántate!, desta volta acompañada da súa nai, Betty. O seu bo facer no escenario levounas a quedarse as portas de entrares na gran final.
        A todos estes habería que sumar aos que participaron nos concursos da TVG. A última sería Charo Martínez, de Cesantes, que no 2017 participou en Recantos.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, El Pueblo Gallego

A boa fortuna redondelá

         Durante dous anos Redondela foi o centro de atención informativo por mor da lotería primitiva e a súa choiva de millóns. O 2-7-1988 Juan Freaza veciño de Cedeira é o único acertante da lotería primitiva. O premio sería de 904 millóns de pesetas. Dous anos mais tarde, o 7 de abril sería un albanel de Reboreda o que se converteu no afortunado gañador no mesmo sorteo. O seu pleno valeulle gañar 1.198 millóns de pesetas, sendo naquel momento o maior premio de lotería dado en España. Ese mesmo ano en setembro unha obreira do téxtil tamén foi agraciada cun suculento premio da lotería primitiva.
           O antecedente máis antigo que atopei foi en xaneiro de 1883 cando dez familias pobres, algunhas con oito fillos, repartíronse un décimo da Lotería Nacional que resultou ser o do primeiro premio. Cada familia gañou 10.000 reais.
En novembro de 1901 son agraciados co segundo premio da Lotería Nacional: Manuel Fernández, ecónomo de Reboreda, cun décimo; Gregorio Miguel de los Nalos, capataz da liña Ourense-Vigo, tamén cun décimo; e compartindo un terceiro décimo os mozos de estación Manuel Mosquera, Francisco Muñoz e Benito Barrado.
En outubro de 1902 vendéronse en Redondela dous billetes de lotería premiados co segundo premio, que ascendía a 40.000 pesetas cada un. Os agraciados foron Juan Castro Lago, irmán do secretario do Xulgado municipal, e Arsenia Táboas, irmá de Olimpio, síndico do Concello, que deu participacións a varias persoas de Reboreda.
En decembro de 1907 o gordo da lotería cae en Tui, pero varios décimos véndense na estación de Redondela. Un deles foi mercado por un mestre da nosa vila e os demais por viaxeiros que ían de paso.
A lotería de nadal non se porta moi ben coa nosa vila pero en 1995 o Centro Cultural de Cedeira repartiu o terceiro premio en participacións de 250 ptas. pagadas a
600.000 ptas., sendo un total de novecentos corenta e tres millóns duascentas mil pesetas.
Os seguintes casos dan boa mostra de que a fortuna dos redondeláns non se reduce á lotería:
En 1925, nun concurso organizado por un concesionario de coches de Vigo consistente en resolver un crucigrama, sorteábanse cinco premios de 25 pesetas entre os que tiveron un só fallo. Na lista aparecen: Srta. Felisa González Ojea, D. Antonio Salvador Ruíz, Srta. María Carretero Orega, D. Félix González Ojea, D. Lorenzo Vicente Vicente e Srta. Pilar Vicente González, todos de Chapela.
En outubro de 1950, no sorteo celebrado entre os acertantes dos pasatempos propostos pola revista El Eco Franciscano, resultou agraciada Dolores Martínez Portela, finca “As Laxes”, Redondela, que recibirá o libro “Sabores”.
A finais de febreiro de 1951, no concurso semanal “El día del hincha” de El Pueblo Gallego, consistente en atinar o resultado de catro partidos de fútbol, houbo 20 acertantes, entre eles Alfredo Rubín, da Rúa Alfonso XII, en Redondela. Como tan só había un premio de 250 pesetas, procedeuse a realizar un sorteo no que Alfredo non tivo tanta sorte.
En setembro de 1953, foron entregadas 10.000 pesetas a Ángel Tellería Ayuso, que vive en Redondela, como gañador do sorteo organizado por Culmen S.A. Asistiu ao acto, Honorato López Ventín “Cabezo II”, inspector rexional da empresa. Curiosamente o seu fillo tamén levaría premios neste sorteo en 1954 e 1956.
Precisamente en 1956 recibiría 5.000 pesetas do sorteo mensual organizado pola compañía de seguros El Ocaso S. L.
En xaneiro de 1959, o ex-futbolista Rafael López Ventín “Cabezo I” atinou os catorce resultados da quiniela. Mágoa que o premio non fora dos máis grandes.
En maio de 1962 no 5º gran premio Soberano, Rogelio Rodríguez Núñez con domicilio na rúa Isidoro Queimaliños gañou un Seat 600 e o Auto Bar resultou gañador dun Televisor Marconi.
En marzo de 1966, no sorteo de primavera da emisora La Voz de Vigo, foi agraciado cunha neveira José Solla Castro, de Redondela. Outros agraciados da nosa vila foron Tito Lago Rodríguez, de Saxamonde, cun transistor, e María Mercedes Sobrino Pérez, cun lote de botellas Osborne.
En setembro de 1967 o sorteo mensual “Caja de Ahorros de Vigo” de 250.000 pesetas recaeu no matrimonio redondelán formado por Raimundo Couñago Couñago e Amparo González González. Tres anos despois esta caixa sorteou un piso entre os seus clientes, sendo o afortunado gañador o garda municipal Jaime Pérez Figueroa, con domicilio en Cesantes.
O establecemento Confecciones Terramar fixo entrega en xaneiro de 1968, dun Seat 600 ao gañador do seu sorteo Domingo García Macías, de 21 anos e coñecido ciclista, veciño de Cidadelle (Chapela).
Entre os premiados cun cheque de 500 pesetas no concurso semanal do viño Savin aparece en decembro de 1972, Lucila Melón Álvarez con domicilio na Av. do Generalísimo en Chapela e Pilar Comeselle Granada, tamén de Chapela.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
Centro Superior Bibliográfico de Galicia: http://www.csbg.net/ => Gaceta de Galicia Diario de Santiago, La correspondencia gallega, Hoja Oficial del Lunes, El pueblo gallego
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Eco Franciscano