 |
| Campanario da Igrexa de Redondela. Foto: www.turismoredondela.es |
Antes os rapaces axudaban á misa porque era unha pequena fonte de
ingresos en épocas de máis necesidade, grazas ás propinas que
daban os padriños en bautizos e vodas e a posterior loita no “a
pelón” (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/tradicions-e-festas-desaparecidas-ou_93.html
). Os máis afortunados tamén recibían un “soldo”
do cura, pero isto xa dependía de quen estivera á fronte da
parroquia. Cartos aparte o máis gratificante do traballo era (e
segue sendo para algúns) poder tocar as campás.
Cando se tocaba a defuntos era común que a xente se achegase a
preguntar a gritos quen falecera. Debemos ter en conta que antes era
unha vila onde todos se coñecían e non se poñían as necrolóxicas
polas rúas nin estaba xeneralizado publicalas nos xornais. Por este
motivo, nas etapas nas que houbo xornais locais, estes adoitaban
publicar os movementos no rexistro civil (nacementos, matrimonios e
falecementos). (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html
)
Outra función dos campanarios era mobilizar aos veciños ante un
desastre tocando a fogo, toque desordenado tentando facer o máximo
balbordo posible (incendio, asolagamento...) ou unha inxustiza. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mar-libre.html
)
A continuación engado algunhas notas do que puiden descubrir sobre
as campás e os campaneiros.
As
campás da Igrexa Santiago de Redondela.
Na igrexa Santiago Apóstolo de Redondela hai catro campás, pero
chegou a haber cinco, se contamos a campá do reloxo que coroaba o
campanario e que foi retirado a mediados dos anos 90 do pasado
século. O reloxo, datado en 1860, sería salvado da chatarra polo
colectivo Alén Nós coa idea de crear un museo etnográfico no que
poder expoñelo. O reloxo quedou gardado no local de Acción Católica
que na actualidade emprega Cáritas. En 2010 catro persoas entraron
no edificio e roubaron a campá. Os ladróns serían detidos pero a
campá nunca se recuperou. Como as desgrazas nunca veñen sóas a
colocación dun novo reloxo levou consigo a rotura de parte da
varanda do campanario como se aprecia na imaxe anterior.
 |
Recuperación do reloxo por Alén Nós. Faro de Vigo
|
Grazas a Luis Pereda Canal descubrimos que tres campás foron
fundidas en Salamanca e subidas ao campanario o 6 de novembro de
1917. O acto da colocación estaba presidido polo cura párroco José
María Gerardo Sanmartín Catoira e as madriñas e padriños de cada
campá que recibiron os nomes de “Santa Rita”, “Santiago
Apostol” e “Jesús, María e José”.
Antes de subilas houbo que baixar outra datada en
1822 coa inscrición “Santiago,ora pro
nobis”, porque estaba rota. Segundo
un redactor do xornal local “La Idea”: “Esta
campana, que fue costeada por el Ayuntamiento, presumimos que fue la
que se designo siempre como “campana de la justicia”. Segundo
o
propio Luis
Pereda “este nome de “campá
da xustiza” correspondería a unha vella tradición medieval
segundo a cal podida tocala calquera persoa que sufrirá algunha
acción inxusta ou que se lle negara algún dereito que lle
correspondía, para que se fixera xustiza”.
Na
recollida
de información das
campás galegas que
están a realizar (setembro
de 2021)
Estanislao
Fdez. de la Cigoña e
Xosé
Troiano Carril recollen
que tan só existe unha campá fundida en Salamanca por
José Cabrillo Mayor que
tería a data de 1917.
As
outras serían: A grande datada en 1850.
A
mediana despois da maior é
obra de Juan Ocampo, en Arcos da Condesa (Caldas de Reis) en 1954. E
a menor con data de 1861.
Os nomes dados ás campás enseguida foron
esquecidos polos rapaces encargados de
tocalas e cando menos desde os anos 40 do pasado século foron
chamadas polo son que emitían: “DAN, DEN, DIN, DON”,
a estas engadíase a do reloxo, chamada “DUN”.
DAN e DIN tiñan as cordas unidas, así
podíanse tocar as dúas cunha man. Do
contrario necesitaríase un segundo mozo
para encargarse
de DON. A DEN era tocada desde afora por un terceiro rapaz, pero era
empregada en contadas ocasións, principalmente procesións.
 |
| Igrexa co reloxo. Foto: María Lago Barreiro |
A música variaba segundo cada ocasión: a misa, a
defunto, festa... Na función de
ánimas tocábase cunha soa campá e era o
último toque que había na igrexa xa entrada a noite. Cando se
tocaba a defuntos empregábanse dúas campás e facíanse uns sinais:
4-1 se o finado era home, 3-1 se era muller e 2-1 se era nena ou
neno.
Como curiosidade
engadir que un
dos rapaces que tocaba foi alcumado “Campanero” e o alcume pasou
á familia chegando
ata os nosos días.
As
campás da Igrexa Santiago de Vilavella.
A igrexa de Vilavella está unida ao convento de Vilavella. A súa
construción data de 1554 (substituíndo a unha igrexa máis antiga)
e en 1574 estableceuse a orde de clausura de San
Lorenzo Justiniano. Dende aquela eran
as monxas as encargadas de tocar as campás. Isto cambiaría coa
decisión do Bispado de Tui de que as monxas abandonaran o edificio
en 1932. O convento, despois dun tempo alugado, sería vendido en
1942 ao empresario conserveiro José Otero González “Mañas”.
Este industrial chegaría ao acordo de ceder o coro, desde onde as
relixiosas asistían aos oficios relixiosos e que daba acceso ao
campanario, a cambio de construírse un palco para que a súa familia
puidera acceder ao templo desde o convento. A hora da verdade este
palco nunca sería empregado porque a súa dona colocaría unha
cadeira e un reclinatorio a carón da pía bautismal para acudir á
misa co resto dos veciños. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html
)
 |
| O campanario da igrexa e o convento de Vilavella antes da reconstrución deste último. |
No campanario de Vilavella había 3 campás, pero a unha delas
rompéralle o soporte de madeira e xacía abandonada no chan cando
menos desde os anos 70. A maior data de 1884 e saiu da fundición
viguesa de Antonio Sanjurjo Badía. Unha cuarta campá é coñecida
como “o Esquilón”. Emprégase para a última chamada a misa
cinco minutos antes do inicio e está fóra do campanario, preto da
sacristía.
Dos que tocaban as campás nos anos 50-70 podemos citar a: Jesús
Calvo “Suso”, propietario dun taller mecánico na Praza
Ponteareas, e os irmáns Martín “Tintorro” e Sebastián “Tián”
Fernández. O que mellor tocaba dos tres era Martín, que nas festas
da Coca era quen de tocar a Danza das Espadas coas campás.
Nas seguintes décadas foise complicando o de conseguir quen tocara
ben os días de festa por falta de relevo encargándose Francisco
Crespo Santos “Tócalle o Bombo”, xefe da Policía Municipal
xubilado, e Manuel Migueles "Repolo"ou "Gharín".
 |
| Vista do campanario. Foto: Juan Migueles 2009 |
Como anécdota, nunha ocasión nos anos 80, as campás comezaron a
soar a fogo e Octavio, o cura, asustado mandou ir ver quen subira a
tocar coma un tolo. Cal non sería a sorpresa ao atopar no campanario
a un veciño xa ancián, quen se xustificou dicindo que o desexo de
toda a súa vida fora tocar aquelas campás.
Por último, comentar que o primeiro cuarto do actual século
sentoulle mal a este campanario. Primeiro unha cruz de metal que a
coroaba caeu durante unha treboada e nunca máis se soubo dela e,
segundo, colocouse un reloxo que, como no caso da igrexa de
Redondela, levou consigo o corte de parte da estrutura do campanario.
Por sorte o reloxo estivo pouco tempo en funcionamento, porque o seu
son era similar ao toque a defunto para desesperación dos veciños.
As
campás da Capela de Santa Mariña.
 |
Capela de Santa Mariña coa cruz no campanario. Foto: J. Migueles, 2008
|
A Capela de Santa Mariña ten dúas campás. A menor data de 1862,
sendo obra de José Cabrillo Mayor, fundidor de Salamanca do que xa
falamos no apartado adicado á igrexa Santiago de Redondela. E a
maior foi fundida en Braga na segunda metade do século XX por
Serafím da Silva Jerónimo. O acceso ao campanario é tan pequeno que
tan só os rapaces pequenos e fracos poden subir a tocar sentados,
porque non hai espazo para erguerse.
 |
Serafim da Silva Jerónimo. Arquivo Campaners de la Catedral de València
|
O campanario estaba coroado por unha cruz de metal que foi derrubada
polo vento durante unha treboada, o mesmo que sucedeu, como acabo de
comentar, na igrexa de Vilavella.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado
González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 –
ISSN: 0211-5530
Recompilación das campás galegas (Pendente de publicación).
Estanislao
Fdez. de la Cigoña e
Xosé Troiano Carril.
La Idea 1917
En
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> 19171107 El Progreso
Faro de Vigo
Aportes Luis Pereda Canal, Alberto Vilas, Manuel Migueles e Antonio
Ricón.