Mostrando entradas con la etiqueta Empresas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Empresas. Mostrar todas las entradas

viernes, 20 de diciembre de 2024

As torres de Fenosa.

Torre Fenosa na Baixada a Vieira. GMaps


        As torres instaladas pola compañía Fenosa para acoller transformadores eléctricos son un exemplo de patrimonio industrial. A súa planta é cadrada variando a súa altura, estando rematadas por un tellado a catro augas, que en ocasións pode ser a dúas. As máis antigas están construídas en pedra, empregándose posteriormente ladrillo e cemento ou a combinación de ambos materiais.

        A empresa de electricidade Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (FENOSA) foi fundada en 1943 por Pedro Barrié de la Maza y Pastor, natural da Coruña. Desde 1939 ata 1971, ano do seu falecemento, dirixiu o Banco Pastor, desde 1948 o estaleiro ferrolá Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A. (ASTANO) e desde 1944 a Xunta de Obras do Porto de A Coruña, construíndose baixo o seu mandato o dique de abrigo. Ademais promoveu e presidiu moitas outras empresas, como Cedie, El Barco de Valdeorras, Aluminio de Galicia, Gas Madrid, La Toja, Minero Siderúrgico de Ponferrada, Pesquerías Españolas del Bacalao, S.A. (PEBSA)...

        O 1 de octubre de 1955 Francisco Franco concedeulle o título de Conde de Fenosa, que en virtude da Lei de Memoria Histórica, e posterior Ley de Memoria Democrática, sería anulado o 21 de octubre de 2022 cando era ostentado polo terceiro titular.

        Fenosa fusionouse en 1981 con Unión Eléctrica Madrileña, nacendo Unión Fenosa. En 2008 sería adquirida por Gas Natural, que en 2018 pasou a operar baixo o nome Naturgy Energy Group S. A.

        Antes de Fenosa as compañías eléctricas que operaron en Redondela foron: (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/electra-de-redondela-electra-popular-de.html )


Cedeira

Sda. a Cedeira ( 42°16'40.38"N, 8°37'16.94"O)

Est. Negros (42°16'9.89"N, 8°36'53.72"O)

Est. Rande (Baixada a Vieira) ( 42°17'14.81"N, 8°38'55.78"O)

Est. Rande (42°17'12.70"N, 8°38'59.57"O)

 

Subida a Cedeira. Foto J. Migueles.

Estrada de Negros. Foto: J. Migueles

Estrada de Rande. Gmaps


Chapela

Senda da Auga ( 42°15'54.97"N, 8°39'48.97"O)

Av. Vigo (42°15'55.54"N, 8°40'24.70"O)

Av. de Vigo. GMaps.

Senda da Auga. Foto: J. Migueles


Reboreda

Estrada Ventosela ( 42°17'19.83"N, 8°35'57.22"O)

Estrada de Ventosela. GMaps.

 

Redondela

Torre Fenosa-Sda. á Estación (42°17'1.86"N, 8°36'47.42"O)

Subida á Estación. Foto J. Migueles

 

O Viso

Saramagoso (42°19'21.43"N, 8°35'33.00"O)

 

Saramagoso. GMaps.


Vilar de Infesta

Est. redondela-Peinador ( 42°14'28.36"N, 8°37'36.25"O)

 

Estrada Redondela-Peinador. GMaps



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Wikipedia

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

 

miércoles, 10 de mayo de 2023

Manuel Puga Pereira (Redondela, 1951)

 


Manuel Puga Pereira. Foto: Estevoaei

Licenciado en Bioloxía e farmacia pola Universidade de Santiago e Doutor en Ciencias. Comezou a súa vida laboral no Departamento de Edafoloxía da USC e no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). En 1981 pasaría a traballar en empresas do sector farmacéutico como ICI Farma e Astra Zeneca. Colaborou en diversos proxectos de investigación neste eido publicando unha serie de traballos en revistas nacionais e internacionais.

Neto da pedagoga Ernestina Otero Sestelo, da que publicou á súa biografía.

Presidente do Consello Social da Universidade de Santiago (2006-2014), polo que actuou como membro do Consello Galego de Universidades, do Consello de Dirección da ACSUG e do comité de honra da Fundación Camilo José Cela. Membro do Padroado de Fundación Empresa Universidade de Galicia (FEUGA) e da xunta directiva de Feique. Foi presidente da Fundación Galicia-Empresa (2002-2007), da Academia de Farmacia de Galicia (2014-2022) e da Fundación Julian Francisco Suárez Freire. Premio Federico Maciñeira que concede a Deputación Provincial de A Coruña. Foi vogal profesional da Comisión Avaliadora da ACSUG no campo do coñecemento de Ciencias da Saúde dende 2014. Conselleiro da Editorial Galaxia. En decembro de 2016 foi nomeado presidente da Fundación Penzol. En 2022 tomou posesión como académico correspondente da Real Academia Nacional de Farmacia.

En 2010 recibiu a insignia de oro da Universidade de Santiago.

Uns anos antes, en 1998, foi homenaxeado durante as Festas do Choco, como “Redondelán distinguido”. Afeccionado á investigación da historia redondelá, en 1976 figuraba como vocal do Centro de Estudios Redondelanos. Publicou os seguintes libros sobre a nosa vila:

Redondela. Manuel Puga e Mundo Cal. Ir Indo Edicións S.A.

Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.

Redondela e os redondeláns na obra de Diego San José. Diego San José de la Torre, Manuel Puga Pereira e Xose Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela.

A Redondela de 1669 na acuarela de Pierr María Baldi. Manuel Puga Pereira.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Universidade de Santiago de Compostela

Revista Farmacéuticos

Galicia Digital https://www.galiciadigital.com/nota.2791.php

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

El Correo Gallego

 

lunes, 8 de mayo de 2023

Javier Varona Gómez

 

Javier Varona. Faro de Vigo, 1998
Javier Varona. Faro de Vigo, 1998

 Doutor veterinario, estableceuse en Redondela como alto cargo da empresa Pescanova, fixando a súa residencia en Cedeira. Nomeado Presidente do Fondo de Regulación y Organización del Mercado de Productos de la Pesca y Cultivos Marinos (FROM) en 1983, sendo daquela deputado provincial e concelleiro polo PSOE. Máis tarde sería nomeado Presidente do Instituto de Estudios Marinos para la Nutrición y el Bienestar. Especialista en nutrición e pesca, dentro do seu labor profesional ademais de dar numerosas conferencias, ten publicado numerosos artigos e algún libro, entre os que podemos citar os seguintes traballos:

Catálogo de denominaciones de especies acuicolas foránes. Peces, crustáceos, moluscos. Javier Varona. FROM. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Centro de Publicaciones, 1986 / 978-84-505-4796-2

Pesca industrial galega en alta mar . Javier Varona Gómez. Adega cadernos, ISSN 1137-0262, Nº. 2, 1997

Manual práctico sobre pescados y mariscos frescos. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Javier Varona. Madrid, 2006. 

 


 

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Boletín Oficial del Estado https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-1983-2915

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

La Verdad

Fundación Dialnet

www.todostuslibros.com

 

 

lunes, 27 de febrero de 2023

Crónica Negra (1931-1950)

 

1931, 4 de agosto. Avelino Barrera González, ambulante, natural de Redondela e veciño de Salcedo, foi ferido dun disparo cando tentaba roubarlle o coche a un veciño de Leiro (Ribadumia), quen puxo os feitos en coñecemento da benemérita de Cambados.


1932, xaneiro. Na fonte da Ribeira tres mozos, un deles bébedo, intentaron abusar dunha servinte, acudindo os veciños a auxiliala.


1932, 3 de xaneiro. Atopándose Benigno López Chapela nunha taberna que en Chapela ten María López, entrou Manuel Castro Castro, que días antes tivera un altercado con aquel na mesma taberna, sacou un coitelo e deulle unha puñalada, falecendo á noite seguinte.


1932, xullo. O turismo que conducía Manuel Iglesias Pérez atropelou no alto de Cesantes á nena de catro anos, Carmen Bastos Barreiro, que sufriu unha fractura na base do cranio, falecendo pouco despois.


1932, 10 de agosto. Na estrada de Prado a Pazos de Borbén o veciño de Pías (Ponteareas), Claudio Bernárdez Bugarín, quixo subir a unha furgoneta cargada de piñeiros propiedade do veciño de Saxamonde Constantino Rodríguez Barciela. A camioneta estaba en marcha e caeu debaixo dela, pasándolle as rodas por riba das pernas, causándolle feridas graves. Despois de ser curado na Casa de Socorro de Ponteareas foi trasladado ao Hospital de Pontevedra onde faleceu.


1933, xaneiro. O día 20 pola noite foron colocadas varias bombas no barrio de Rande. Estouparon dúas que provocaron pequenos danos materiais nas casas de Manuel Cabaleiro e Carmen Rodríguez. Unha terceira causou danos por valor de máis de mil pesetas. Sospéitase que este suceso forma parte da presión que veñen sofrendo ás obreiras que traballan na fábrica de Portanét en Vigo.


1933, 14 de xullo. Faleceu afogado en Redondela, o veciño Félix Barral Otero, de 13 anos. Mentres se bañaba, crese que unha das veces que se botou á auga feriuse na cara, perdendo o coñecemento.


1933, 1 de setembro. Na vía férrea de Redondela a Vigo, á saída do primeiro túnel, foi atopado envolto nuns papeis un feto duns cinco ou seis meses en avanzado estado de putrefacción.


1933, 30 de decembro. Fai uns días rifaron Encarnación González e Ricardo González, porque ela cunha filla de 16 anos chamada María lavaba a roupa nun pozo que Ricardo pretendía cegar. Durante a disputa Ricardo golpeou a María no ventre e faleceu onte a noite. Practicada a autopsia, o médico forense ditaminou que a morte foi natural. A veciñanza da parroquia de Quintela, onde vivía María, esta indignado por crer que a rapaza faleceu por mor dos golpes de Ricardo. O Xulgado intervén no asunto.


1934, 21 de marzo. Un automóbil ocupado polo alcalde da Garda e varios concelleiros, atropelou en Outeiro das Penas, Cesantes a Julia Táboas, de 38 anos, solteira, deixándoa morta. Hai algún tempo a súa nai falecera atropelada por un tren.


1934, 7 de abril. A Benemérita detivo ao demente Juan Paz, fugado do Manicomio de Conxo. Estaba recluído por sentencia da Audiencia de Pontevedra, por asasinato dunha veciña súa. No momento de ser detido, montaba nunha bicicleta, e acompañáballe un portugués, que se deu á fuga. O xefe do cárcere non se comprometeu a recibilo, por inseguridade da mesma, quedando nos calabozos municipais.


1934, 14 de agosto. Un neno faleceu afogado no Muro. Francisco Montero Cabaleiro de 15 meses de idade era cuidado por unha nena menor de idade cando nun descoido caeu nun lavadoiro. Era fillo de Francisco Montero e Cándida Cabaleiro.


1935, 17 de xaneiro. Na casa de hóspedes de Redondela, chamada La Choqueira, apareceu morto, nunha habitación, un individuo, que semellaba obreiro sen traballo. Atopóuselle unha cédula persoal a nome de José Basanta Chan, de 47 anos, solteiro, fogoneiro, natural de Ferrol. Segundo o informe médico, a súa morte foi natural.


1935, 8 de febreiro. Esta mañá faleceu en medio de grandes dores, Angelita Amoedo Ruiz, de 26 años, natural de Redondela no momento na que a atendía la botadora de cartas Rosa Moreras. Crese que a morte foi producida por un abortivo que lle proporcionou non se sabe quen. O Xulgado intervén no asunto.


1935, 16 de marzo. Falece no incendio da súa casa na Quintana (Reboreda), o labrador Santos Ricón Míguez “Chiculate”, de 76 anos. Era viúvo e paralítico.


1935, 2 de maio. Celebrouse unha carreira ciclista en Redondela. Ao chegar os corredores á meta o coche do xurado quixo adiantalos, índose contra un grupo do público e atropelando a dezaseis persoas na súa maioría nenos. Resultaron feridos graves Isidoro Buceta, Castor Castro, Antonio González, e Marcial Pereira. Os demais menos graves.


1935, 28 de agosto. José Benito Míguez Amoedo, de 19 anos, veciño de O Coto-Cesantes, matou dunha pedrada ao seu pai Vicente Míguez Posada, quen o atacou cun coitelo de grandes dimensións. Eran continuos os altercados entre os dous porque o pai maltrataba a toda a familia, especialmente á súa dona Elisa Amoedo Otero. O falecido tiña mal carácter, segundo din por mor dunha enfermidade crónica. Estivera en América de onde regresou hai un ano, adquirindo débedas que descoñecen os familiares. José Benito foi detido.


1935, 13 de decembro. Nunha praia de Chapela atopouse o corpo do empregado de Telefónica, Alejandro Rojo, casado, de Victoria, de 47 anos de idade. Acudiron ao lugar o xuíz, o actuario Sr. Pintos, o oficial Sr. Pereira e o forense Sr. Torrado. A autopsia determinou que a causa da morte foi a asfixia. Crese que se trata dun suicidio porque días antes se despedira dos seus compañeiros de traballo.


1936, 7 de xaneiro. Á saída de Pontecaldelas precipitouse por un barranco unha camioneta cargada de aves. Dous dos ocupantes saíron despedidos sufrindo feridas leves. O terceiro, Luis Iglesias Domínguez, de 21 anos, natural de Ourense e veciño de Redondela, foi trasladado ao Sanatorio Marescot en estado crítico, falecendo ao día seguinte.


1938, 4 de xaneiro. En Angorén (Chapela), un automóbil atropelou á veciña Blanca Rivas, de 24 años, solteira, que faleceu no acto a causa do golpe recibido na cabeza, con saída de masa encefálica. No lugar atopábase o mozo da falecida, o sarxento de Artillería Angel López Corbal, de 25 años, quen saíu co seu automóbil en persecución do coche que cometeu o atropelo. Apiques estaba de darlle alcance, cando o paso dunha caravana automobilista procedente da Coruña evitou que identificara ao condutor.


1938, 7 de xaneiro. Faleceu en Cesantes a xove Dolores Crespo Míguez, de 17 anos, atropelada por un automóbil que se deu á fuga.


1938. Os familiares dun finado solicitaron a exhumación do cadáver por botar a faltar un obxecto valioso. Tan estraña petición foi concedida, e cal sería a súa sorpresa ó comprobar que ao morto faltáballe o traxe. Despois descubriuse que fora o sepultureiro municipal quen llo roubara.


1941, 31 de marzo. Incéndiase un almacén de materias inflamables que os propietarios da fábrica EIMA, lle tiñan alugado a Lloves, co resultado de varios mortos.


1942, 15 de xullo. Nunha canteira dos estaleiros de “Lorenzo y Compañía” sita no lugar do Espiñeiro, en Guixar, o contratista Antonio Costas Bugarín estaba colocando un barreno, que fixo explosión alcanzándoo, así como ao obreiro Herminio Rodríguez, de Chapela. Horas despois faleceron os dous a causa das feridas recibidas.


1942, 4 de agosto. Un automóbil atropelou no Pereiro a Preciosa Cabaleiro Vidal, causándolle fracturas de brazo e cranio. Foi trasladada a Pontevedra para o seu ingreso no hospital, pero dada a gravidade do seu estado foi levada á súa casa do Viso onde faleceu. A finada deixa tres fillos de curta idade.


1946, 6 de maio. Cando se atopaba en Redondela subido a un poste do tendido eléctrico sufriu unha descarga o empregado Manuel Ochoa Castiñeira, caendo ao chan e sufrindo tan graves lesións que falecería pouco despois.


1946, 25 de xuño. Manuel Rodríguez Fernández, veciño de Chapela, faleceu no acto ao caer dun terceiro piso cando traballaba nunha casa en construción no barrio de Espiñeiro.


1946, 31 de xullo. Polas forzas de Carabineiros de servizo no peirao de tras-atlánticos de Vigo descubriuse flotando o cadáver dun afogado. Resultou ser Serafín Reboreda Blanco, veciño de Redondela, de 62 anos. Suponse que caeu ao mar unhas horas antes.


1948, 18 de agosto. No serradoiro de Adriano Miranda, en Guixar, resultou con feridas graves e fractura da base do cranio por mor dun accidente o obreiro Crisanto Rivas Domínguez, de 37 anos, que faleceu pouco despois de ser conducido á súa casa en Chapela.


1950, 13 de xuño. Un mozo de Vigo perece afogado no “Pozo” ao tentar salvar ao seu irmán, que sería rescatado por un amigo.


1950, 22 de agosto. Aos 37 anos de idade, faleceu en Redondela, vítima de tráxico accidente, o debuxante valenciano Pascual Llop.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Gaceta de Galicia, El Diario de Pontevedra, La Integridad, El Progreso, El Regional, El Lucense, La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, Correo de Galicia...

www.boe.es => Gaceta Oficial de Madrid

www.consellodacultura.gal => Eco de Galicia (A Habana)

No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es => El Correo Salmantino, La Correspondencia de España, El Lábaro (Salamanca)...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Globo (Madrid), El Liberal, El Día (Madrid), El Correo Español, El regional

La Voz de Galicia => http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo => Hemeroteca.

Sucesos (1950-1979)

 

1951, setembro. O Xeneral Franco pasa por Redondela en dirección a Porriño. Un vehículo da súa comitiva sofreu un accidente na ponte de Quintela, co resultado de varios feridos, entre eles un alto mando da Garda Civil.


1952, 2 de febreiro. A veciña de Negros, Elvira Crespo Rodríguez, denunciou que dun local a carón da súa casa fóronlle roubados media cabeza de porco, dous lacóns, un pedazo de costela e outro de touciño, valorado todo en 400 pesetas.


1953, xaneiro. Ao saír da taberna “La Concha”, en Quintela, discutiron varios veciños de Reboreda, resultando gravemente ferido Claudio Mouriño Lago, de 45 anos. Semella que o agresor foi José Campos Campos, de 30 anos de idade, completando o grupo José Mouriño, parente do ferido, Severino Vidal e dous máis.


1953, 1 de febreiro. Foron detidos Álvaro Alonso Couto, de Vigo; Valentín Craveiro de Jesús “Catito”, de Redondela; e José Antela Bugarín, domiciliado en Fozara (Ponteareas), que se declararon autores de 21 roubos. En Redondela: No establecemento de Nieves Boullosa, en Trasmañó, dúas veces, a primeira artigos por valor de 1.250 pesetas e a segunda 2.600 en metálico e 900 en prendas de vestir. No domicilio de Manuel Cabaleiro, en Rande, unha caldeira de cobre valorada en 3.500 pesetas. Tentaron entrar nun comercio de Cedeira, barrenando a porta, pero fuxiron ao ser descubertos. No comercio de Rosendo Álvarez, en Cabanas (Trasmañó) levaron cartos en metálico. No comercio de Natividad Bastos, en Vilavella, levaron obxectos por valor de 1.500 pesetas. No comercio de Carmen González, en Trasmañó, levaron parte dun porco, valorado en 800 pesetas. Nunha romaría de Cedeira, Antela levaba 15.000 pesetas, sendo atacado polas costas por Valentín para roubarlle, o que non conseguiu ao non perder o coñecemento o primeiro.


1953, 14 de marzo. A veciña de Redondela denunciou onte que ao baixar do autobús na rúa Alfonso XII, notou a falta dun paquete con 18 camisas valoradas en 800 pesetas.


1954, 8 de xullo. Na vila chocaron dous coches e outro con exceso de velocidade provocou danos no toldo do señor Moreno.


1955, 4 de maio. Foi instruído atestado contra Arturo Rodríguez Couñago, que manobrando un camión cargado de madeira falláronlle os freos, indo contra unha casa inmediata, ocasionando danos por valor de 3.000 pesetas.


1955, 10 de maio. No alto da Encarnación o ciclista Enrique Froeces Míguez, de 19 anos, de Redondela, foi atropelado por un camión causándolle graves feridas que exisiron o seu internamento nun sanatorio.


1955, 18 de maio. Cando traballaban no derribo duns barracón da Xunta de Obras do Porto de Vigo, derrubouse unha viga metálica sobre a que estaban os peóns Guillermo Domínguez Acuña, de 29 anos, casado e veciño de Teis, e José Mouriño, de 41 anos, casado e veciño de Redondela. O primeiro sufriu fractura das extremidades inferiores e un brazo e lesións na cara e cabeza de prognóstico grave. O segundo fractura dos dous pulsos, epístase, e numerosas feridas en cabeza e rostro de prognóstico grave.


1955, 14 de xuño. Foi detido en Redondela pola Garda Civil, Moisés R. G., quen nunha discusión co seu pai, Moisés R. B., deulle unha puñada que lle provocou unha fractura da mandíbula inferior.


1956, 12 de setembro. Cando circulaba pola parroquia de Cesantes un carro de bois levando enriba ao neno de 3 anos Casimiro Crespo Bouzón, este caeu rozándolle a cabeza unha das rodas. Trasladado a esta vila foi atendido polo doutor Antonio Ocampo Otero, quen lle apreciou ferida con racho en rexio occipital con perda de coiro cabeludo, prognóstico reservado. Hai pouco un irmán deste neno tamén sufriu un accidente que lle provocou a morte.


1957, 9 de maio. Nas Catro Pontes, límite de Chapela e Teis, bateron de fronte o coche conducido polo comerciante estabelecido en Lisboa, Arlindo Cal Corujeira, acompañado polo seu fillo de sete anos, co camión cargado de bocois de viño procedente de Redondela, conducido por Manuel Diz Montáns. Os feridos serían trasladados á Casa de Socorro e de alí á clínica do Dr. Troncoso. Arlindo Cal sufre fractura de esterno con forte contusión torácica e hemotórax, ferida contusa na fronte e múltiples erosións con forte schock traumático de prognóstico grave. O seu fillo, ferida inciso-contusa no xeonllo dereito, outra no queixo e outra no frontal, fractura dos ósos do nariz, conmoción cerebral e schock traumático e varias erosións de prognóstico reservado.


1958, 7 de setembro. En termos de Redondela, unha moto con dous ocupantes veciños da Cañiza, atropelou a un can que resultou morto. O condutor perdeu o control chocando cunha bicicleta con motor que viña en sentido contrario, conducida por Rafael Luca de Tena Lazo, farmacéutico veciño de Redondela. Resultou ferido de consideración o Sr. Luca de Tena e de menos importancia os ocupantes da motocicleta.

1959, 21 de maio. Ás 2 da madrugada incendiouse unha casa en Laredo (Chapela), quedando destruída na súa totalidade. Semella que foi debido a un descoido do único inquilino da vivenda, José González Gómez, quen pouco antes de durmirse caeulle a cinza dun cigarro nunha cama preto da súa, espertando coa casa en chamas. Era de planta baixa e propiedade de José Martínez Fernández.


1960, 12 de xaneiro. A Garda civil de Vigo rexistrou unha casa no Coto (Cesantes), atopando: 365 caixas de tabaco rubio (182.500 paquetes), 208 despertadores de mesa, 55 transistores, 140 pilas, 120 camisas de nylon e 36 pistóns para coche. En total 5.640 kg. valorados en 2.100.000 pesetas.


1960, 26 de agosto. Por funcionarios da Brigada de Investigación Criminal desta Xefatura Superior de Policía, foi detido na madrugada do pasado mércores, o habitual delincuente contra a propiedade, Gonzalo Currás Fonseca, de 29 anos de idade, alias “O Gorila”, natural e con residencia habitual en Vigo, como autor de varios roubos en Vigo, Redondela e A Coruña.

1961, 21 de outubro. O Tenente do Exército do Aire, don Juan Gagane, que procedía de Salamanca, pilotando unha avioneta, non puido entrar no aeródromo de Peinador a causa da falta de visibilidade. Voou despois sobre Redondela e intentou tomar terra na estrada de Reboreda, pero cando ía a facelo pasou por alí un camión e obrigouno a aterrar nun campo de millo. Unha das ás da avioneta bateu contra un cable do tendido do alumeado eléctrico, e fíxolle capotar. O piloto resultou con feridas na cabeza e a fractura dun brazo. Saíu á estrada polo seu propio pé e nun coche foi trasladado a Vigo, onde foi hospitalizado.


1964, 06 de setembro. Ás sete da mañá declarouse un violento incendio na fábrica de Copiba. O lume orixinouse ao entrar en funcionamento unha das novas cámaras frigoríficas que se están a instalar. Axiña acudiron os tres coches do corpo de bombeiros e os equipos anti- lumes do buque-factoría “Galicia” e da empresa Hijos de J. Barreras. Os traballos de extinción prolongaríanse ao longo do día. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


1966, 7 de xaneiro. En Redondela foi detido o veciño daquel termo J. B. R., como autor do roubo de 3.200 pesetas ao veciño do Viso, Manuel Martínez Barral.


1966, 21 de setembro. En Redondela foi alcanzado por un camión José Maquieira López. Resultou con diversas lesións polo que foi trasladado a un sanatorio pontevedrés.


1966, 15 de decembro. Un camión conducido polo veciño de Redondela, Manuel Pérez Rodríguez, chocou na estrada de Fornelos de Montes cunha moto, resultando o condutor con feridas de gravidade.


1968, 21 de setembro. Pola Garda Civil do posto de Bouzas foi detido, despois de laboriosas pescudas, Ramón Carro Navia, de 37 anos, natural de Vilagarcía, que se facía pasar por oficial da Mariña Mercante. Descubriuse que este individuo roubou un día unha maleta na estación marítima de Vigo que correspondía, efectivamente, a un oficial da Mariña Mercante e que contiña dous uniformes, un branco e outro negro, que empregaba segundo as circunstancias. Foi detido na estación de Redondela cando se dirixía en tren a Vilagarcía. No seu domicilio foron encontrados numerosos obxectos procedentes dos seus roubos. Con este mesmo truco contraeu matrimonio nesta mesma provincia, simulando no seu fogar que os obxectos subtraídos eran regalos á sua volta de viaxes por mar, que non facía. Calcúlase que os obxectos roubados sobrepasan en valor as 200.000 pesetas.


1969, 18 de xaneiro. En Redondela inundáronse algunhas rúas de Vilavella, e tamén a estrada xeral de Vigo a Pontevedra, impedindo o paso dos vehículos lixeiros, por chegar a auga á altura dos tubos de escape. Entre os inmobles afectados está a Central de Teléfonos, na que a auga chegou a alcanzar unha altura de 30 a 35 centímetros. En ningún momento quedou interrompida a comunicación telefónica, ó ser retirados os equipos a lugares máis altos, evitando así que foran deteriorados polas aguas.


1969, 13 de agosto. Sete mil piñeiros que poboaban máis de cinco hectáreas de terreo arderon como consecuencia dun incendio que se declarou no monte Mirallo, propiedade do Patrimonio Forestal do Estado, na parroquia de Negros.


1969, 3 de setembro. Nun incendio no monte "Mirallo", en Redondela, arderon 1.500 pinos de tres anos de plantación, que foron valorados en cincuenta mil pesetas.

 

1970, 27 de xuño. No domicilio do veciño de Redondela, Ramón Hernández Ramírez, produciuse un incendio, orixinado por un escape de gas na cociña. Os danos orixinados polo sinistro, foron valorados en 60.000 pesetas.


1974, 12 de xuño O veciño de Pontevedra, Angel González López, foi condenado á pena dun mes e un día de arresto maior, á privación do carné de conducir por tres meses e un día, e ao abono dunha indemnización de 508.500 pesetas, como autor dun delito de imprudencia. Conducindo un automóbil, atropelou en Redondela a José Costoya Amoedo, que sufriu feridas diversas, quedándolle varias secuelas permanentes.


1974, 9 de agosto. Manuel Martínez Rodríguez, de 15 anos, foi atropelado por un automóbil, ao tentar cruzar correndo na estrada do Viso. Trasladado ao Hospital Provincial, apreciáronselle feridas diversas, diagnosticadas de graves.


1974, 9 de setembro. O grupo escolar de Redondela, disposto para 32 unidades e que leva en funcionamento dous anos e medio, tivo que ser desaloxado. O curso non puido comezar, porque repisou cedendo de vigas e aparecendo gretas de gran tamaño, o que fixo que se considere perigosa a estancia dentro do recinto. Dáse a circunstancia de que o arquitecto que planeou a obra faleceu e ninguén quere asumir a responsabilidade de ditaminar cal pode ser o futuro do edificio. Ademais dos defectos de construción, un dos motivos puido ser que o edificio se construíra sobre pilotes no que antes fora una marisma.


1976, 24 de agosto. Tormenta en Redondela. Unha chispa eléctrica arrasou as instalacións do servizo telefónico. A avaría afecta a unha ampla zona do sur de Pontevedra. Diversos técnicos e persoal de servizos especializados, traballan intensamente para solucionar este grave problema.


1977, 22 de abril. Por culpa da compra dunha vaca recibiu un corte cun coitelo nunha man, o inválido de Saxamonde, Afasto Martínez Bernárdez, labrador inválido de Saxamonde comprara no mercado de Santiago unha vaca en 35.000 pesetas, deixando de sinal 2.000. Pero cando chegou a Redondela decatouse de que andaban tras a compra da citada vaca tres carniceiros da vila. Tiveron unha discusión e o Afasto recibiu un corte na man con coitelo. Foi atendido nun sanatorio de Pontevedra e tivéronlle que dar máis de 30 puntos.


1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.


1979, 28 de xaneiro. Ingresou nun sanatorio de Pontevedra a veciña de Redondela Peregrina Rodríguez Paz, atropelada por un turismo na súa localidade de residencia. As lesións son consideradas pouco graves.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

miércoles, 30 de noviembre de 2022

Enrique García Candelas (1955)

 

Enrique García Candelas. Foto: C. Barajas-El Mundo
Enrique García Candelas. Foto: C. Barajas-El Mundo

Banqueiro e empresario. Residiu durante a súa infancia en Redondela, onde segue a ter familia.

Director xeneral de banca comercial do Banco Santander, sendo considerado o número 3 da firma. No 2011 controlaba 3.000 oficinas e 16.000 profesionais, dos que dependían 120.000 millóns de euros en créditos e outros 100.000 en depósitos. A chegada de Ana Botín á presidencia supón a súa saída deste grupo bancario en 2015.

Pasa daquela ao negocio inmobiliario. En 2020 aparece como propietario dun hotel de catro estrelas alugado ao Grupo Barceló en Huelva. En 2021 figura con cargos executivos en dezanove sociedades repartidas por toda a xeografía española. No 2022 entra no consello de administración de Asisa, grupo de sanidade privada.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

El Mundo

El País

Huelvared. https://huelvared.com/2021/07/23/enrique-garcia-candelas-ex-directivo-del-santander-detras-del-negocio-de-la-joya/

El Economista. https://www.eleconomista.es/empresas-finanzas/noticias/11567885/01/22/Asisa-ficha-para-el-consejo-al-exSantander-Garcia-Candelas.html

Librebor https://librebor.me/borme/persona/garcia-candelas-enrique/

 

jueves, 24 de noviembre de 2022

Buenavenura Marcó del Pont (Calella (Barcelona), 1738 /Vigo, setembro de 1818)_Empresario


Retrato de Buenaventura Marcó del Pont. Publicado en Vigopedia

Buenaventura Marcó del Pont Bori, foi un dos empresarios cataláns que instalaron fábricas de salga Ría de Vigo, nova técnica de conservación do peixe que revolucionaría o mundo da pesca.

Estableceuse na cidade de Vigo en 1758 asociándose con outro catalán, Miguel Buch, para formar unha empresa que comercializaba as mercadorías das naves corsarias francesas. Pouco despois con Francisco Puig, tamén catalán, funda unha fábrica de salga no Areal. A principios dos 70 era xa un dos empresarios máis ricos de Vigo como o amosa o feito de que, en 1772, estando España en guerra con Portugal, subministrou diñeiro para a guarnición de Vigo, mantendo ás súas expensas 150 paisanos., que se alternaban nas gardas coa Infantería.

En 1779 foille concedida patente de corso, o que lle permitiu armar varios barcos que mantivo durante toda la guerra contra Inglaterra. En 1783 consegue que se habilite o porto de Vigo para o comercio de Indias. Neste ano, é propietario de dúas fábricas de sombreiros, dúas de augardente en Pontevedra, ademais de outras de salga. En 1792 indica ao Ministerio de Facenda a utilidade de fomentar o comercio de carnes de Buenos Aires, empregando a arxentinos e desprazando aos irlandeses que controlaban o mercado.

O 17 de xuño de 1793 é nomeado Primeiro xefe da Milicia Urbana de Vigo e, o 1 de outubro de 1795, Rexedor de Vigo. Volveu a subministrar diñeiro e víveres ao exército en Pontevedra e Vigo

Comisario de guerra, desde o 4 de abril de 1799. O seu servizo más importante foi o de evitar, a partir del 29 agosto 1800, o desembarco dunha escuadra inglesa. Pouco antes da súa morte foi alcalde de Vigo, ordenando en 1817 a reconstrución da Concatedral e costeando persoalmente a restauración do Cristo dos Navegantes.

Outros cargos que desempeñou serían: Rexedor Perpetuo de Vigo, Síndico Procurador Xeneral , Deputado do común de Vigo, Comandante de Milicias Urbanas de Santa Catalina de Lavadores y Síndico Procurador General del Convento de San Francisco (1776), Administrador e Subdirector Xeneral da Administración das Rendas da Provincia de Tui, Mordomo de Fábrica e Tesoureiro da Colexiata de Vigo e Comisario Honorario dos Reais Exércitos.

En Redondela foi propietario do Pazo Pousadouro, no que se conserva o brasón familiar na súa fachada. Tralo seu falecemento en 1834 sería posto en venda entre outros bens. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )

Dos seus fillos destacar a Francisco Casimiro Marcó del Pont, derradeiro Gobernador de España en Chile, e a Juan José Marcó del Pont, Conselleiro de Estado do rei Fernando VII e Ministro de Facenda do pretendente Carlos V.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

El Pazo del Pousadouro en Redondela y la familia Marcó del Pont. Por Galiciabaixo.

(https://gazeta.gal/web/es/el-pazo-del-pousadouro-en-redondela-y-la-familia-marco-del-pont/ )

Redondeláns. Web de X. Docampo e C. Milleiro

Vigopedia. https://vigopedia.com/biografias-buenaventura-marco-del-pont-y-bori/

Pazos y torres. Inventario de la provincia de Pontevedra. Tomo I. Juan M. López-Chaves Meléndez / Grato E. Amor Moreno. Ed. Diputación de Pontevedra.

MCN Biografías. Autor A. Gil Novales https://www.mcnbiografias.com/app-bio/do/show?key=marco-del-pont-buenaventura

 

domingo, 20 de noviembre de 2022

Lorenzo Docampo, Enrique (Vigo, 1892/Vigo, 1981)

 

Enrique Lorenzo. Publicada en Vigoempresa
Enrique Lorenzo. Publicada en Vigoempresa

Despois de estar emigrado en Arxentina (1911-1915), volveu a Vigo onde comeza a traballar no sector naval, co-fundando en 1919 unha empresa de caldeiraría, que sería o xerme das Factorías Vulcano. Esta empresa sería un referente en Vigo na construción naval durante os anos 60. Gabábase de coñecer o nome de todos os seus numerosos empregados. Creou unha cooperativa para proporcionar vivenda a moitos deles e patrocinou a un club de balonmán que chegou a disputar a primeira división. Ligado a esta empresa tamén posuía unha serraría na Estrada de Pazos, en Reboreda. Para outro dos seus negocios construíu un embarcadoiro en Trasmañó para a comercialización de grava. Outros dos seus negocios sería a conserveira “Conservas La Guía”, que abriu en 1958 en Meira (Moaña), e Aceros de Galicia y Sumna, de suministros metalúrxicos navais.

A nivel político foi presidente da Deputación de Pontevedra durante sete anos (1963-1970), logo de acceder por vez primeira a ela, como deputado, en 1960. Nese mesmo período foi Procurador nas Cortes como representante das deputacións provinciais.

Moi involucrado na vida social viguesa, sendo membro da xunta directiva da Cámara de Comercio de Vigo, conselleiro do Banco de Vigo, censor de cuentas de Tranvías Eléctricos de Vigo, presidente do Centro de Hijos de Vigo, directivo do Club de Campo de Vigo e presidente fundador do Real Aero Club de Vigo. Dentro das iniciativas deportivas do Aero Club destacan a construción do primeiro campo de golf da provincia e a creación do Rally Rías Baixas. Ademais era un gran afeccionado do Celta e tiña un palco en Balaídos.

Estaba casado con Maruja Feijoo Alfaya, filla de Ramón Feijoo e Genoveva Alfaya, neta de Fermín Alfaya Milijosa. Era propietaria do Pazo de Pousadouro, en Reboreda, e a finca Meu Lar, en Redondela. Residían na Praza de España en Vigo, nunha casa obra do arquitecto Gómez Román, e que actualmente (2022) está alugada pola Fundación Celta de Vigo. Empregaban Meu Lar como segunda residencia, mentres que, nos 50, encargaron a reforma do pazo ao mesmo arquitecto, pero tan só o empregaron para celebracións familiares.

En 1968 recibiu a Orde do Mérito Civil e unha rúa de Vigo leva o seu nome. Enrique falecería aos 89 anos, o 20 de novembro de 1981. Está enterrado no cemiterio de Pereiró, en Vigo. Factorías Vulcano inunciaría a súa liquidación en 2019.


Vulcano anos 30-Facebook RecuerdaVigo
Vulcano anos 30-Facebook RecuerdaVigo



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Vigo Empresa. https://www.vigoempresa.com/enrique-lorenzo-docampomemoria-de-un-gran-vigues-y-hombre-singular/

Aportes Gonzalo Amoedo e Antonio Cobián

Wikipedia.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego, La Noche...

 

 

 


viernes, 18 de noviembre de 2022

Manuel Bárcena Franco (Vigo, 26-8-1834 /Vigo, 1908) _ Conde de Torrecedeira

 

Manuel Bárcena. Vida Gallega
Manuel Bárcena. Vida Gallega

Nado no seo dunha familia adiñeirada o que lle permitiu estudar no Reino Unido e visitar varios países aprendendo varios idiomas. Isto lle permitiu ter unha visión moi avanzada para a súa época o que o levou a ter éxito no mundo empresarial. Aumentou o negocio de curtidos que posuía o seu pai en Lavadores e creou as súas propias empresas: consignatario de buques, exportación de gando a Inglaterra e promotor de vivendas. Tamén era propietario dunha gran finca en Filaboa (Salvaterra), onde se adicou á produción de viño. En 1880 funda a Caja de Ahorros Municipal (actualmente (2022) Abanca).

En 1891 recibe o título de Conde de Torrecedeira. En Vigo era propietario de varios edificios, destacando o chamado Casa de Manuel Bárcena Franco, obra de Jenaro de la Fuente, que na actualidade albergan as salas de exposicións de arte da Fundación Abanca. En Cedeira mercou a Casa do Corredor que pasou a chamarse Pazo de Torrecedeira, encargando a súa reforma en 1888 ao arquitecto Michel Pacewicz. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )

Tamén se involucrou politicamente primeiro na Deputación e despois como senador en varias lexislaturas: 1872-73, 1884-85, 1985-86, 1886, 1887, 1887-88, 1888-89, 1889-90, 1891, 1896, 1903-04 e 1904-05. Ademais foi Cónsul de varios países, alcalde de Vigo (1879 -1881) e presidente fundador da Cámara de Comercio de Vigo en 1886.


A Condesa de Torrecedeira supervisando a vendimia en Salvaterra. Vida Gallega
A Condesa de Torrecedeira supervisando a vendimia en Salvaterra. Vida Gallega

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Cámara de Comercio de Vigo. https://www.camarapvv.com/index.php?option=com_content&view=article&id=83&Itemid=106&lang=es

Senado de España. https://www.senado.es/web/conocersenado/senadohistoria/senado18341923/senadores/fichasenador/index.html?id1=2914

vigo.org

Faro de Vigo