Mostrando entradas con la etiqueta Festas e Tradicións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Festas e Tradicións. Mostrar todas las entradas

domingo, 10 de mayo de 2026

Espectáculos nas feiras: dos cegos ás cabras.

 

1986 Recreación das Coplas de cego advirtindo dos carteiristas na feira. Á esquerda Morris.

Foto cedida por Xosé González Martínez


Cantares de cegos


A mediados do século XX, aínda viñan á feira os cegos que cantaban coplas nas que narraban asasinatos cometidos noutras vilas de Galicia. Esta narración era acompañada por un cartel no que uns debuxos a modo de cómic describían os sucesos que remataban nun macabro crime. A medida que avanzaba a narración o cego cunha vara ía sinalando as diferentes viñetas, previamente memorizadas. Vendían as coplas en papel e así gañaban a vida polas feiras adiante.

Unha destas coplas contaba como uns ladróns penetran nunha casa atopándose no interior a unha criada:


...allí encuentran a la pobre de la criada.

La cogen por el pelo y la tiran por la ventana

yendo a caer a la cuadra y allí entre malos olores

a Dios “entreghó” su alma.


Non atopei a ninguén que lembrara a un cego tocando algún instrumento para acompañar os seus cantares, pero si a foto dun tocando a gaita na estación do tren. Lembremos que na nosa estación antigamente era habitual facer transbordo, polo que soia xuntarse xente agardando a chegada de trens, polo que non era mal lugar para gañar uns pesos.

 

Cego tocando a gaita na estación, anos 20. todocoleccion.net



A Cabra


Ata finais do século XX, sobreviviu outro espectáculo típico das feiras e festas, era A Cabra. Era realizado por xentes de etnia xitana que adestraban unha cabra para que realizara acrobacias ao son dunha música, que nos inicios acostumaba ser un pandeiro e co tempo pasou a realizarse o acompañamento cuns modernos teclados. O número da cabra consistía en subir a pequenos troncos de madeira e subir ao alto dunha escaleira. Un colaborador ou colaboradora encargábase de pasar a gorra entre o público para recoller as esmolas dos presentes.

 

A cabra na Praza da Constitución. Foto cedida por José Luis Rodríguez Figueroa


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes M. Migueles.

sábado, 19 de abril de 2025

Festas de Redondela: O Samaín

 

 

Foto: J. Migueles

        A celebración celta do día dos defuntos foi recuperada no casco urbano de Redondela a principios do presente século pola asociación Xoeira. Suporía unha exaltación da nosa historia fronte o Hallowen estadounidense. Nas primeiras edicións se organizaban na Alameda Castelao obradoiros, xogos populares e magosto, rematando a festa con queimada e gaitas. Posteriormente asumiría a organización o Concello, variando a programación cada ano e afastándose desta iniciativa.


        O que sabemos de antes desta recuperación é por aportes orais. Na época da posguerra, apesares das carencias, había nenos e nenas que baleiraban cabazas ou calacús e prendían a vela no seu interior para colocalas en muros ou en canastros que estiveran á beira dos camiños. Marcelina Túnel tamén conta que ademais das cabazas poñían sabas brancas.


        Nos anos 60, Félix Cal lembra que era costume: “nas columnas das escaleiras de detrás do Adro, poñer cadansúa cabaza cunha vela dentro. Logo, algúns nenos subiamos ó campanario da igrexa e asabamos castañas nunha lata de marmelo furada, mentres nos turnabamos para tocar as campás polos defuntos”.


        Grazas a Antonio Ricón Rodríguez coñecemos unha historia que lle contaba a súa avoa materna Carmen López Ochoa: “Na noite de defuntos, a mocidade da súa época adoitaba ir a facer unha castañada e festa ao Campo das Redes. Noite de troula e esmorga. Pois en certa ocasión, nunha desas noites, unha amiga da minha avoa xa se retiraba para a súa casa cando viu a un home sentado baixo o peto das ánimas do Campo Santo coa cabeza baixa e cunha boina. A moza, como xa vinha de beber uns vinhos da festa, quixo facerlle unha broma e tiroulle a boina, levándoa con ela entre risos. Resulta que esa mesma noite ,e durante unha semana, ese home aparecéuselle en soños como un pesadelo, atormentándoa e reclamando a súa pertenza. A moza xa estaba preocupada e foi falar co párroco quen lle dixo que en certa noite e a certa hora, debía volver ao peto das ánimas e sen dirixirse a el, tinha que poñerlle a boina devolta na súa cabeza, rezar varias oracións e e prenderlle candelas durante unha semana porque era unha alma en pena que non encontrara o seu camiño ao máis alá. A moza foi a aquel encontro chea dun medo profundo e alí estaba, coa cabeza baixa, sen apenas vérselle o rostro. Ela achegouse, púxolle a boina na cabeza, fixo os rezos, prendeu as candelas e fuxiu correndo para casa. Desde entón, o home deixou de se lle aparecer en soños e nunca máis a atormentou”. Debía ser un conto popular da vila porque Alfonso Calvo tamén lembra que a súa avoa tamén o contaba dando os nomes e apelidos da moza e o cura.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Aportes Nacho Lueiro, Teresa Muíños Lago, Marcelina Túnel, Félix Cal, Antonio Ricón e Alfonso Calvo.

Aportes orais.


Festas gastronómicas

 

 

Anuncio da II Festa do Mexilón. Hoja Oficial del Lunes

Ademais da Festa do Choco, no Concello de Redondela celébranse e celebráronse numerosas festas gastronómicas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/a-festa-do-choco.html )


Festa do Mexillón.

Apesares de algúns anos que non se organizou, esta é a primeira festa gastronómica do Concello de Redondela, xa que se celebrou por primeira vez en 1963. Celébrase en agosto ou setembro en Chapela.


Festa da Mazá.

1º domingo de outubro en Negros (diante do centro cultural).

Festa adicada á mazá e os produtos elaborados con esta froita como a torta de mazá ou a sidra. Esta mazá chegou a comercializarse como vimos na seguinte entrada: (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/11/a-maza-redondela.html )


Magosto.

Festa tradicional galega na que se asan castañas. Está vencellada ao día de San Martiño, que é patrón de Ventosela e de Vilar de Infesta. No resto do Concello de Redondela hai varias iniciativas neste senso, sendo a do Centro Cultural de Cedeira a máis veterana e o “Castañazo”, do colectivo Sinha Paca, unha das máis recentes.


Festa do Cocido.

En Trasmañó, incluída dentro da programación das festas patronais de San Vicente.


Festa da Navalla.

Celébrase no verán en Chapela.


Festa de Carne ao Caldeiro

Organizada por primeira vez en 2025 ana parroquia de Quintela.


Festas gastronómicas desaparecidas.

Entre as festas desaparecidas máis destacadas podemos citar:


Festa do Carallote

Iniciativa da Confraría de Pescadores para potenciar a venda deste marisco, tamén coñecido como longueirón, que é moi abundante en Cesantes. Comezou a celebrarse en 2016 no peirao de dita parroquia. Na edición de 2019 servíronse 800 quilos á prancha, en salsa ou arroz, ademais de empanada de trigo e millo e coa novidade de empanadillas. Esta festa estaba a crecer cando o inicio da pandemia parou todas as actividades deste tipo.


Foto compartida pola organización da Festa do Carallote.

Festa da Orella de Porco.

Festa xa desaparecida que comezou a celebrarse na década dos 90 do pasado século en Cedeira. A data de celebración era a 1ª quincena de novembro.


Festa do Viño da Casa.

En xullo na área recreativa de Chan das Pipas (Saxamonde). Comezou a celebrarse no 2008, organizada pola Asociación Deportivo Cultural Chan das Pipas. Nela pódese degustar os viños de pequenos produtores da zona acompañados por carne ao caldeiro, polbo e empanada a prezos populares.


Ruta do Pincho

Festa de breve vida, comezou a celebrarse en 2012 co obxectivo de promover a hostalaría local imitando iniciativas doutros concellos. Cada cafetería ou restaurante ofrece un pincho e unha comisión a un prezo especial elixíndose o que máis guste.


Festa do polbo e o Churrasco.

No barrio da Teixeira, no Viso.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Aportes orais.

lunes, 20 de mayo de 2024

Os gremios de Reboreda e a Festa da Coca.

 

Varias imaxes na procesión de Corpus, sen data. Foto cedida por Chelo Cal Migueles

        Sabiamos da importancia dos gremios na celebración das Festas da Coca ou do Corpus, pois ata mediados do século XX costeaban a saída na procesión das imaxes dos seus patróns. Tamén debemos lembrar que a danza das espadas e as penlas son danzas gremiais. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/festas-da-coca.html ) O que non tiña constancia era da participación dos gremios doutras parroquias que non fora Redondela. Podemos pensar que a proximidade de Reboreda e a súa histórica vinculación relixiosa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ) fan factible esta circunstancia, o que non é tan explicable é a circunstancia de que no século XVIII Reboreda, aínda que pertencente ao Partido de Redondela, era unha xurisdicción independente, ou sexa, o que hoxe en día sería outro concello, do mesmo xeito que acontecía con Vilavella, Cedeira e Saxamonde.


        O primeiro que se cita nun censo de 1762 é o gremio dos xastres que teñen por patrona a Santa Catalina:

"Ay ansimismo ocho sastres que lo son Jacinto Miguez, Domingo Balado, Joseph Gorje, Juan Bentura Pobeda este ausente del Paraje, Benito do Lago, Joseph de Amill, Martin Freire y Francisco Miguez de castiñeyra, los que tampoco trabajan diariamente por ocuparse en el cultivo de sus lavores...teniendo estos la obligacion precisa de tener por sus turnos, como lo hacen los de la villa de Redondela de este oficio (segun costumbre) el tener por un año la cofradia de Santa Cathalina Ynclusa en la Parroquia de dicha villa hacer la funcion en su dia a su costa y ademas de ello ponerla decente para la festividad de su dia como para la solemnidad de corpus christi gastando su quarta en aquel año mas de cien rreales;".

 

A Gabacha acompañada na procesión do Corpus, sen data. Foto publicada en

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.


        O mesmo acontece cos carpinteiros e ferreiros con San Sebastián, santo que chegou a ter gran devoción en Redondela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/05/festa-de-san-sebastian.html ):

" como ansimmismo sucede a los carpinteros y herreros, que tambien (como lo hacen los de la referida villa de Redondela) hacen lo mismo con la cofradia de San Sebastian Ynclusa en dicha villa, en la que por tener mas cargos y hermanos le consideran a cada uno, el año que la tenga, de gastos de su quenta ducientos reales de vellon;"

        O derradeiro gremio ao que se refire o documento é o dos zapateiros, apesares de que tan só exista unha persoa que desempeñe este oficio:

"Ay asimismo un zapatero, que lo es Joseph Barreiro... el que tambien es obligado por dicho oficio segun costumbre a tener de su quenta y expensas como los demas de su oficio, vecinos de la villa de Redondela la cofradia de San Lorenzo Ynclusa en la misma villa y en la funcion del dia y la de Corpus Christi se le consideran cien rrs. vellon de gastos..."


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Portal de Archivos Españoles (Pares)-Ministerio de Cultura https://pares.cultura.gob.es/inicio.html => Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Reboreda (Reboreda, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución. 

 

 

martes, 9 de enero de 2024

Tradicións do Nadal.

Belén vivinte. Foto cedida por J. A. Xesteira


 

 

        Na Noite Boa era tradición non recoller a mesa despois de cear.


Non recollas a mesa

que van pasar os anxiños.


        Un prato típico desta data é o bacallau con coliflor que se acompañaba con empanada de carne ou de polo. A mediados do século XX os doces que completaban a cea eran arroz con leite, tostadas de viño e leite frita. Nalgunhas casas tamén se mercaba un pouco de turrón.

        Ao xuntarse a familia, se eran trece na mesa, poñíase un prato máis por aquilo de evitar a mala sorte.

         Visita obrigada era o belén da casa de Acción Católica no adro da Igrexa de Redondela. As figuras tiñan movemento grazas a un enxeñoso sistema con cordeis.

         Outra tradición era cantar os reis que xa vimos ao tratar a historia musical de Redondela. Son coñecidos como Ranchos de Reis pero aínda non coñezo o motivo deste nome. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/orfeons-corais-e-rondallas-historia-da.html ). Os grupos que ían cantando recibían un can (10 céntimos) e si había sorte caían os rás ou reais (moedas de 25 céntimos). Tamén era frecuente que o pago fora con doces ou algo de beber. Se alguén non daba nada arriscábase a que lle cantaran:


Canillas de can,

canillas de cabra,

cantámosche os reis

e non nos deches nada.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes: Manuel Migueles, Matilde Fernández e José Alfaro.

 

 

viernes, 10 de noviembre de 2023

Redondelán Distinguido.

 

 

Festa do Choco 1991. Faro de Vigo

 

Durante os anos 90 do pasado século, coincidindo coa celebración das Festas do Choco, creouse o galardón “Redondelán distinguido”, que foi concedido a:

1994 Ignacio Ramonet. Xornalista. Director do xornal francés Le Monde Diplomatique. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/ramonet-miguez-ignacio-redondela-1943.html )

1995 Jesús Pérez Varela. Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/deputados-parlamento-galego.html )

Teresa Regojo Otero. Foto: B. Rodrigo-ABC

 

1996 Teresa “Teté” Regojo Otero. Empresaria establecida en Lisboa. Tralo falecemento do seu pai José Regojo, fíxose cargo do Grupo Regojo en Portugal. Compartindo a dirección cos seus fillos, en 2010 esta empresa facturou 135 millóns de euros, contaba con 1.500 empregados e representaba no país veciño marcas como Massimo Dutti ou Pierre Cardin.

1997 Antonio Soto López. Xornalista. Ten en publicado: Toponimia urbana de Redondela e As lendas mouras na bisbarra de Redondela. Durante moitos anos secretario da SAR.

1998 Manuel Puga Pereira. Director da factoría de Zéneca Farma. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/05/manuel-puga-pereira-redondela-1951.html )

1999 Amado González Cardama. Ex-alcalde de Redondela. Correspondente de El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes e La Voz de Galicia. Nomeado Cronista Oficial de Redondela.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La Voz de Galicia.

ABC

martes, 13 de junio de 2023

A Semana Santa en Redondela.

 

A Gabacha. Foto cedida por Carmen María Fernández Núñez

 

        A Semana Santa ten a súa orixe nunha festividade xudía na que se celebraba a saída dos xudeus de Exipto coincidindo coa primeira lúa chea da primavera. Tralo falecemento de Cristo o cristianismo escolle a mesma data para celebrar a Semana Santa. Co descorrer do tempo a Igrexa Católica para distanciarse do Xudaísmo establece que o Domingo de Pascua, no que se conmemora a resurrección de Cristo, coincida co primeiro domingo despois do primeiro plenilunio da primavera. Este é o motivo polo que a Semana Santa pode variar entre o 22 de marzo e o 25 de abril.


Domingo de Ramos

        A Semana Santa arranca co Domingo de Ramos, tamén chamado, Domingo da Palma, na que se celebra a entrada de Jesús en Jerusalén. En tempos era un auténtico acontecemento social en Redondela, no que se estreaba roupa e se colocaban as bandeiras nos balcóns. Trala misa celebrábase a bendición dos ramos (palmas e ramas de oliveira) e despois realizábase unha pequena procesión arredor da igrexa.

 

Mucha "A Baldiña" vestida de Nazareno. Foto cedida por Antonio Ricón Rodríguez


A vela do Santísimo

        O venres Santo lémbrase a crucifixión e morte de Cristo, con tal motivo móntase o “monumento”. No caso de Vilavella este monumento consiste nunha escaleira de madeira con varanda que sube ata os pés do Cristo crucificado en dous tramos desde a dereita e desde a esquerda. Nos pasos colócanse as velas cos nomes dos propietarios en candelabros e co acendido das mesmas iníciase a vixilia. Ao remate da mesma a xente leva a súa vela para casa. A esta vela confíreselle poderes protectores polo que os días de tormenta era habitual oír nas casas: “¡Pecha as ventás e prende a vela do Santísimo!”


Os santos de Vilavella: O Cristo Articulado e A Gabacha.

O Cristo articulado

        En Vilavella para representar a morte de Cristo cóntase co a imaxe máis sobranceira so concello, trátase do Cristo articulado, obra de Antonio del Villar, destacado imaxineiro do século XVIII natural desta mesma parroquia e do que se conservan máis figuras de santos nesta igrexa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ). A capacidade de poder pregar os brazos permite baixalo da cruz e introducilo nun cadaleito con cristais nos laterais e na tapa que permite que sexa visible no seu traslado ata a igrexa de Redondela para lembrar a morte de Cristo.

 

O Cristo articulado


A Gabacha.

        A tradición oral conta que un día un barco de pesca de Redondela recolleu nas súas redes unha caixa de madeira. Ao abrila no seu interior atoparon as mans e a cara dunha virxe. Estas pezas llas trocaron á parroquia de Vilavella pola imaxe de San Juan, patrón dos mariñeiros e que hoxe en día da nome á confraría. Apesares disto, curiosamente, é o “Cristo dos Navegantes” polo que os pescadores amosaban máis devoción na vila e aínda hoxe é a procesión máis multitudinaria da vila.

        Volvendo ás pezas “pescadas” construíuse unha estrutura adecuada, nacendo así a Virxe da Inmaculada Concepción, popularmente coñecida como A Gabacha. Segundo contan os maiores chamada así por ser bonita e semellar alegre.

        As lendas de santos atopados no mar repítense por toda a costa galega, baseadas no feito histórico de que nas illas británicas ante a escalada de violencia nos enfrontamentos cos protestantes, os cristiáns deciden botar ao mar as súas imaxes relixiosas para tentar salvalas da queima de igrexas. Sexa certa ou non a lenda, o certo é que a Virxe da Gabacha é a imaxe máis venerada de Vilavella, estando colocada xusto fronte á entrada, polo que é o primeiro que ves ao entrar na igrexa. Esta imaxe é a única que segue a saír na Festa da Coca, tanto o xoves, día de Redondela, como o domingo, día de Vilavella. Lonxe queda a época en que cada gremio sacaba ao seu patrón, polo que era a procesión con máis santos de Redondela.


Domingo de Pascua. O Santo Encontro.

        Outra saída que fai A Gabacha é en Semana Santa, concretamente na procesión do Santo Encontro. O Domingo de Pascua celébrase a resurrección Cristo e na procesión o encontro coa súa nai. A Virxe sae de Vilavella vestida de negro e ao chegar á Praza Constitución atópase co Cristo resucitado, imaxe que sae da igrexa de Redondela. Neste momento retíranse as prendas de loito e a Gabacha recupera o seu esplendor co característico manto azul. Ao acercarse a imaxe é baixada ao chan en tres ocasións, representando as caídas que sofre á virxe pola emoción. Aquí o número tres non é casual, xa que é empregado constantemente no cristianismo para lembrarnos o concepto da Santísima Trinidade: Pai, Fillo e Espírito Santo. Cando están suficientemente cerca os dous santos son inclinados, simulando o abrazo da Virxe e o seu fillo resucitado.

 

1958. O Santo Encontro na rúa Xeneral Rubín. Foto: todocoleccion.net


        Como curiosidade dicir que antigamente o Santo Encontro celebrábase na actual rúa Xeneral Rubín e non na Praza Constitución como se fai agora, polo que o Cristo sairía desde a igrexa de Redondela, cruzaría pola Esfarrapada e baixaría polo Cabo dos Fumeiros, mentres que a Virxe faría o propio desde Vilavella e chegaría pola Ribeira.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Historia de las Rías. Faro de Vigo. Varios autores.

O Cristo dos Navegantes da vila de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro. 17-04-2023 Faro de Vigo.

 

lunes, 29 de mayo de 2023

Festa de San Sebastián

 

San Sebastián. Foto: Igrexa de Redondela.

Festa celebrada o 20 de xaneiro en Redondela. Cóntase, que a devoción da vila por este santo, débese a que escoitou os rezos dos crentes ante a ameaza da peste, librando aos redondeláns desta enfermidade. Isto levou á creación da Hermandad de San Sebastián, que estaba vinculada ao gremio dos toneleiros, en 1791. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/confrarias-e-outras-asociacions.html ).

Esta confraría debeu ir a menos ata que o 1 de xaneiro de 1862 prodúcese a súa reorganización, con acta firmada por Isidro Álvarez Piñeiro (párroco de Redondela), José María Carreira, Juan Esteiro, José Novás e Juan Otero. O primeiro artigo das súas constitucións sería: “Esta asociación, que se denominará S. Sebastián, podrá formarse y tendrá entrada en ella todas las personas que quieran inscribirse a condición de que tengan buenas condiciones o costimbres morales y no carezcan de uso de la razón”. Na lista de confrades dese ano de 1862 constaba de 11 asociados, 9 señoras e 4 “hermanos artesanos y menestrales”. Ademais de veciños do casco urbano de Redondela, nesta relación figuraban membros de Reboreda,, Cesantes e O Viso.

A cota de entrada que tiñan estipulada era dunha libra de cera ou equivalente, para os maiores de 40 anos, e a metade para os menores de esa idade cabezas de casa ou pais de familia.

Nunha acta do párroco de Redondela Bernardino Couñago Beasada, do 7 de decembro de 1882, ocupando a sede tudense Fernando Hué, procedeuse a examinar os documentos e as reliquias que de San Sebastián e San Lorenzo existían na imaxe do santo. En dita documentación con data de 24 de xuño de 1692, expoñíase que ditas reliquias foran traídas de Roma, sendo párroco Jerónimo Calvo Salcedo.


Nun vello xornal atopo varios datos sacados do libro de actas desta irmandade:


En 1866 se había pintado la imagen, así como la capilla, importando esta obra la cantidad de 1.316 reales.

En Junta general celebrada el 3 de febrero de 1881, se acordó, con entusiasmo general dar las gracias al socio Domingo Fernández por haber regalado al Santo un bastón con puño y regatón de plata.

El 23 de octubre de 1881 la Junta directiva de la Hermandad que presidía don Joaquín Sánchez, acordó, en vista del mal estado en que se hallaba la sagrada imagen, enviarla a pintar a Tuy, dejando a criterio del párroco la elección de artista que la deje al mejor gusto de todos. Esto se hizo con el producto de limosnas de todos los socios que aportaron según relación, 315 reales. La obra importó, según recibo, 500 pesetas, comprendiendo ojos nuevos, pestañas y llagas de cristal.

En el año 1882 los mayordomos José Fernández Carrera y Manuel Otero dispusieron que se pintase la sagrada reliquia a sus expensas, construyendo también un anda para salir en procesión. La Junta general acordó se hiciese constar en acta a fin de que “llegue a conocimiento y recuerdo de todos los venideros”, dándose también las gracias a la mayordoma Soledad Muíños, por sus sacrificios en beneficio de la Hermandad.

En 26 de diciembre de 1884: “A consecuencia de un gran desengaño que en muchos años está notando la Junta, prohíben terminantemente la colocación de cadenas en la imagen del Santo, ya que además de ser una risa para las personas forasteras que contemplan a este pueblo con poca civilización y causan daños en la pintura del Santo”.

En 14 de junio de 1886 se hizo el escudo de plata que lleva el estandarte de la Asociación en la conducción de cadáveres de los hermanos fallecidos. Se emplearon tres gargantas de plata pertenecientes a la Asociación y pedazos de dicho metal que gratuitamente ofrecieron varios vocales.


Nunha nova de 1901 dáse conta de que ese ano na procesión estreouse un estandarte regalo dos devotos residentes en Lisboa e Manaos. O estandarte fora bordado no Convento de la Enseñanza de Vigo.

A principios do século XX, a noite anterior se poñían a arder barricas cheas de alcatrán na Praza de Abastos. No día de San Sebastián, pola tarde, cando saía a procesión, na Alameda disparábase un canón e do ceo caían paracaídas e lambonadas, facendo as delicias dos nenos. Pola noite había baile na sociedade.

Ao día seguinte era o da Astilla, festa dos carpinteiros. A familia que acollía a festa gardaba o pendón na súa casa ata o ano seguinte. Pola noite tamén se celebraba baile.

Ata mediados de século a xente lanzaba fogos ao paso da procesión e os capitáns dos barcos competían a ver quen lanzaba máis fogos o día da festa. Aínda hoxe en día (2025), esta tradición mantense co lanzamento de numerosas bombas de palenque ao paso do santo.

Outra tradición era a”entrega do ramo”. Un exemplo o temos en 1957, cando se lle fai entrega do ramo aos novos mordomos, José Palmeiro Fernández e Manuel García Casqueiro. No acto pronunciou un discurso o presidente da Irmandade, Luis Alfonso Pereira, e os mordomos obsequiaron ás autoridades e invitados no salón do bar La Torre.

A festa estaba indo a menos, xa se reducira de 3 a 1 só día, cando deixou de ser festivo alá polos anos 80. Na actualidade segue a facerse a tirada de bombas e a condución da imaxe da igrexa de Redondela á de Vilavella pero con pouca asistencia de fieis.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, El Correo Gallego.

Tramancazos

 

jueves, 23 de febrero de 2023

O Piscolabis

 


O Piscolabis é un licor de augardente con froitas típico de Redondela. Coma sempre, cada casa tiña a súa propia receita con pequenas variacións segundo o gusto de cada quen. A clave do asunto é remexer e deixar repousar unha e outra vez durante varios días. Receita para un garrafón:


8 litros de augardente

2 quilos de azucre

2 gramos de vainilla

2 ramas de canela

15 gramos de anises estrelados (pícanse)

15 gramos de anises comúns

15 gramos noz moscada.

1 landra da india (picada)

15 gramos de herba luisa

Cacao tres culleres de sopa, a falta de cacao 3 pastillas de chocolate (raiado)

20 gramos de café en gran

A monda de 1 laranxa

3 mazás camoesas





Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais





 

lunes, 13 de febrero de 2023

Tradicións da Noiteboa.

 

 

Bacallau con coliflor. Foto: Cocina para torpes


En Noiteboa a tradición marca que é noite de cear coliflor con bacallau. As lambetadas típicas eran as chulas de viño ou a leite frita.

Ao rematar non se recollía a mesa porque daba mala sorte. A explicación que se lle daba aos cativos era: “Porque veñen os anxiños pola noite.”


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

martes, 31 de mayo de 2022

As tarefas do campo

 


A matanza do porco. Foto cedida por Isabel Martínez
A matanza do porco. Foto cedida por Isabel Martínez

As tarefas do campo eran labores comunais nas que participaba toda a familia e nalgunhas ocasións tamén veciños e veciñas. Eran momentos de encontro que adoitaban rematar en xantares e improvisadas festas onde non faltaban a música, os cantares, o baile e os xogos populares. Isto provocaba unha maior unión veciñal. Por contra, o abandono do campo, leva ao aumento da individualidade. Os motivos son de sobra coñecidos: endurecemento das normativas, prezos de venta baixos e encarecemento dos custes.

A continuación citarei algunhas destas labores do campo para as que se necesitaban moitas mans:


A matanza do porco.

A matanza do porco realizábase a coitelo polo que facían falta cando menos 5 homes, un para agarrar cada pata e o matarife. O primeiro era deitar de lado o porco no banco, tarefa nada sinxela que daba comezo aos berros do animal. Unha vez cravado o coitelo deixábase desangrar o porco, recollendo o sangue nun caldeiro, porque como di o dito, do porco aproveitase todo. Despois de morto queimábase con palla para eliminarlle o vello e quitábanse as unllas dos pezuños. O seguinte paso era colgalo polas patas traseiras para abrilo e baleirarlle as vísceras. O animal quedaba pendurado cuns paus de pata a pata para mantelo aberto en canal. Era o momento de afanarse na preparación de chourizos e das morcillas.

Na seguinte xornada procedíase ao despece do porco e ao salgado do mesmo quedando gardado na artesa para ir consumindo ao longo do ano.

As matanzas deron para máis dunha anécdota, desde o que se lle escapou o porco, ata o que o matou cun coitelo sen punta.

O 11 de novembro de 2013 comeza a aplicarse a normativa, de matar o porco con pistola para evitar o sufrimento do animal. Esta medida acelerou o abandono da tradición de criar porcos na casa.


Por San Martiño

mata o porquiño.



O gando.

Existen varias tarefas ligadas ao coidado do gando que se fan en grupo como son ir a apañar toxo ao monte para facer o batume (cama para manter quente aos animais) ou a realización de palleiros para ter palla ao longo do ano, que será empregada como alimento. Nos palleiros ou medas tamén se recollía o trigo ou centeo antes de mallalo para levalo a moer ao muíño.



Facendo a meda. Foto cedida por Isabel Martínez
Facendo a meda. Foto cedida por Isabel Martínez


O millo.

O cultivo do millo é moi laborioso. Despois da colleita aínda quedan varios procesos que sería a esfollada (retirada da folla) e o debulle (separación do gran). Despois gardábase no canastro para alimentar aos animais ou levábase a moer ao muíño para facer fariña. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )

A industrialización levaría ao debulle a máquina e a aparición do muíño eléctrico.

O seguinte dito, con moita sorna, fai referencia ás festas que se realizaban aproveitando as reunións xurdidas destas tarefas:


As esfolletadas de noite

non fan ben a ninguén.

Levei a miña muller

e esfolletáronma tamén.


1964. Desfollando o millo. Foto cedida por Carlos Cerdeira
1964. Desfollando o millo. Foto cedida por Carlos Cerdeira
 

O viño.

Os cuidados da viña durante o ano son labores que pode realizar unha soa persoa en pequenas explotacións. Neste caso o traballo comunal viría na vendima e posterior embotellado.


O augardente.

A figura do augardenteiro foi desaparecendo dos nosos barrios polo endurecemento da normativa que a rexe. Despois da vendima chegaba o augardenteiro que se instalaba na casa dun veciño que lle cedía un baixo ou alboio. Alí instalaba a súa pota e os veciños acudían cos seus bagazos pagando por potada, xa fora en cartos ou con parte do augardente.

Como o proceso é lento arredor do lume xuntábase a veciñanza e o augardenteiro, as máis das veces, entretiña á rapazada contándolles historias de medo, mentres os adultos aproveitaban para ir “catando o caldo”.

As potadas eran de augardente branca ou de herbas. O primeiro emprégase para facer todo tipo de licores (licor café, tostada...), pero de entre todos eles o típico de Redondela era o piscolabis.


As patacas.

A pataca é un alimento básico na nosa alimentación. Tanto o proceso de plantado como a recolleita son moi laboriosos, polo que son necesarias varias persoas para un campo pequeno. A rebaixa da carga de traballo pola chegada do tractor non evita o abandono dos campos polos baixos prezos do mercado.



Sachando as patacas, no Pereiro. Foto cedida por Adela Cabaleiro Hortas-Obradoiro Fernando Monroy
Sachando as patacas, no Pereiro. Foto cedida por Adela Cabaleiro Hortas-Obradoiro Fernando Monroy

Fiadas do liño.

Á fiadas do liño realizábanse á noitiña no inverno, porque é unha época onde o tempo impide botar horas a traballar no campo.

Esta tarefa deixou de realizarse hai moitos anos en Redondela, un dos motivos podería ser que as fiados do liño daban paso á seráns que en ocasións remataban con pelexadas e altercados, polo que en 1895 o Concello decidiu prohibir estas celebracións:

O alcalde Juan Manuel Otero Milleiro, secretario e gardas municipais dan unha batida en cruceiro e Eira Pedriña para prohibir os seráns das fiadas.”

O Alcalde multa ás donas das casas onde se celebran as fiadas en Cedeira por contravir as súas disposicións.”


O cardado da la.

A cría de ovellas e o posterior tratado da la era outro xeito de ter ingresos nunha casa. A la ademais de para a roupa empregábase para recheo de colchóns e almofadas.



Cardando la en Zacande. Foto cedida por Concha-Obradoiro Fernando Monroy
Cardando la en Zacande. Foto cedida por Concha-Obradoiro Fernando Monroy


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

 

domingo, 15 de mayo de 2022

Festa de San Xoán

 

San Xoán na Portela, 2010. Foto: J. Migueles
San Xoán na Portela, 2010. Foto: J. Migueles

Festa tradicional en numerosas vilas de España. Cando se cumpren as 24 horas do día 23 iníciase o 24 de xuño, día de San Xoán Bautista, e acéndese a fogueira que hai que saltar. Cómense sardiñas acompañadas de bo viño ou auga segundo os gustos de cada quen. O mellor remate da festa será unha queimada co seu esconxuro para afastar todo mal.

Outra tradición é a Auga de San Xoán. Nun balde de auga introducir as 0:00 horas polo menos sete das seguintes plantas: herba de San Xoán (artemisa), bieiteiro, espadana, fiuncho, herba de Santa María, malvavisco, ourego, herba luisa, trovisco, rosa silvestre (rosa canina), ruda e romeu. Esta lista pode variar. Hai xente que emprega outras plantas como follas de limoeiro e laranxeiro, tomiño ou ruda. Deixamos a auga baixo a luz da lúa e pola mañá retiramos as plantas e lavamos a cara con ela. Tamén hai quen a bebe.

 

Herbas de San Xoán.

 

Nesta noite québrase a casca dun ovo de xeito que a clara saia pouco a pouco. Se a clara sae en forma de fíos representa unha catedral. Isto significa que a persoa que escachou o ovo vai casar.

Outra crenza é que esa noite hai que varrer a casa, o que antigamente se facía con vasoiras de xestas.

Tamén é noite de falcatruadas tales como desmontar os portais e agachalos, ou como sucedeu en 1924 en Reboreda, guindar un carro de labranza ao río, suceso que rematou coa detención de tres mozos.”En Reboreda foron detidos os mozos Albino Veiga Míguez, Florentino Amoedo Rivas e José García Andrés, por guindar ao río a noite de San Xoán un carro de labranza propiedade de Vicenta Garrido Couñago”.


Festa de San Xoán no casco urbano de Redondela.

Ata os anos 80 do século pasado, a Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela, celebraba a festa na Ribeira. Prendíase unha fogueira, asábanse sardiñas e logo tocaban uns gaiteiros seguidos por unha banda ou orquestra. No mesmo ano que a festa de San Antón se trasladou da Praza Ponteareas á diante da leitería, por mor da ampliación da estrada, na festa de San Xoán non houbo gaiteiros polo que a xente dicía: “San Juan sen gaita e San Antonio leiteiro”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/duas-festas-desaparecidas.html )

Desaparecida esta festa comezáronse a organizar fogueiras por barrios. Nos derradeiros anos a celebración desta festa na parroquia de Redondela está practicamente desaparecida.

 

Preparación da fogueira anos 90. Facebook Natalia Crespo
Preparación da fogueira anos 90. Facebook Natalia Crespo

 

Festa de San Xoán nas demais parroquias.

San Xoán é o patrón de Cabeiro polo que é a festa máis importante desta parroquia que todos os anos organiza verbena.

As asociacións veciñais e centros culturais realizan fogueiras noutras parroquias (por exemplo, no 2010 en Saxamonde ou Ventosela). Nalgúns casos organízase directamente unha sardiñada.

Cesantes é outra parroquia con tradición na organización de fogueiras cambiando a localización ao longo dos anos (campo do Arenas, Praia da Punta, proximidades do Círculo Cultural...)

            Preto ao casco urbano de Redondela tivo moito éxito durante varios anos a da Portela (Cedeira), organizada por iniciativa privada. 

 

Cartel das Festas de San Xoán de Cabeiro


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Galicia Diario de Vigo