Mostrando entradas con la etiqueta II Guerra Mundial. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta II Guerra Mundial. Mostrar todas las entradas

viernes, 5 de enero de 2024

Faustino da Portela

 

 

Faustino da Portela. Foto publicada en nondesaesquecemento.blogspot-


        

            Faustino Otero Veloso, máis coñecido como “Faustino da Portela”, naceu o 2 de agosto de 1891. Como tantos nenos que nacían á beira do mar aprendeu o oficio da pesca co seu pai, Faustino Otero Cabaleiro, quen inventou a manobra chamada choqueira. Nesta forma de navegar a percha da que pendura a vela latina salta por riba do mastro nas viradas.


            Volvendo a Faustino Otero Veloso, co paso dos anos casou con Maria Bernardina Lino Pérez, “Bernarda”, e tiveron nove fillos que foron alcumados co nome do pai,“Os Faustinos” ou “As Faustinas”. Para sacar adiante unha familia tan numerosa Faustino compaxinou o oficio de mariñeiro co transporte de mercadorías e persoas no interior da ría, principalmente entre San Adrián de Cobres e Redondela, co seu galeón, A Lola. Os galeóns eran barcos de pouco calado ideais para achegarse a peiraos como o da Ribeira que tan só se podía empregar con marea alta. Tamén era propietario dunha buceta de vela latina, O Vedrines, que polo seu menor tamaño utilizaba máis para a pesca. Esta última fora construída en O Freixo e mercada polo seu pai quen lle dera o nome polo aviador francés Jules Védrines, quen fora o primeiro en sobrevoar Vigo en 1911. Probablemente ata puido coñecelo cando fixo parada na estación de Redondela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=cr%C3%B3nicas+do+aire )

            A ocupación de barqueiro levaríao a estar presente en varios feitos de gran transcendencia na historia do noso Concello. A primeira foi cando o golpe de estado militar do xeneral Franco levou á habilitación da illa de San Simón en cárcere, en outubro de 1936. Coa axuda do seu fillo maior, tamén chamado Faustino, era o encargado de comunicar por mar a illa con Redondela transportando víveres e a roupa, que levaba para a súa limpeza polas lavandeiras que foron declaradas “Persoeiro do Ano” en 2020 polo Concello de Redondela. Formou parte así dunha rede de solidariedade xa que á súa casa da Portela chegaban os paquetes e cartas que os familiares e amigos enviaban aos presos. Máis dunha vez tería que pasar noticias do que acontecía fora da prisión ou colar algún envío lonxe da mirada dos gardas.

 

Barca de vela latina "Manuel". Foto: Condor Press-El País

        A situación empeoraría en outubro de 1938, cando se decide trasladar á illa de San Simón aos presos máis vellos de todos os cárceres da España ocupada polo exército sublevado. A falta de espazo provoca que moi preto atraque o buque-prisión Upo Mendi co que Faustino tamén realizaría as funcións de enlace. Se as condicións eran malas na illa, chegando a acoller arredor de 2.500 presos, a estancia dentro do barco sería terrible, polo que se suceden as mortes “por enfermidade”, levándose aos falecidos a enterrar a Vigo pola pouca capacidade do cemiterio de Redondela. Despois aínda virían anos de horror cos falanxistas sacando pola noite presos da illa que aparecían á mañá seguinte tirados nas cunetas dos arredores de Redondela.

        Cando a Illa de San Simón entra nun período de mellora de condicións para os presos, co traslado de moitos deles evitando así a masificación, iníciase a II Guerra Mundial en 1941. O cárcere pecharía en 1943, pero daquela Faustino xa tiña outra ocupación, sacar co seu barco xudeus e levalos ata barcos que ao amparo da noite os conducen a Valença do Miño. Una vez a salvo en Portugal embarcaban cara o continente americano. Esta sería unha operación organizada polo vigués Eduardo Martínez Alonso, médico da Embaixada Británica e da Cruz Vermella, quen é propietario dunha casa na Portela, onde se ocultan os fuxidos. Calcúlase que salvou dunha morte segura arredor de 30.000 persoas sacándoas de España por diferentes puntos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ii-o-schindler.html )

        Aquí temos que facer un alto para explicar o risco que supuña esta actividade, pois nos anos sucesivos a Ría de Vigo convértese na base de aprovisionamento dos submarinos alemáns. Nas illas Cies a Praia dos Alemáns recibe o seu nome porque era onde os soldados dos submarinos pasaban os seus momentos de ocio. O Pazo de Torres Agrelo era empregado como hospital a onde trasladaban aos feridos, sendo enterrados na propia costa de Soutoxuste cando falecían antes de desembarcar. Precisamente unha casa desta zona era propiedade dun mando alemán. Sen saír de Redondela, en Rande, o dono da fábrica do Alemán, Otto Gerdtzen Boyé, foi un dos fundadores do partido nazi en Vigo. Moi preto o cargadoiro de Rande sería empregado para transportar wolfram cara Alemaña, mineral que se empregaba na fabricación de armamento. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-i-alemans-en.html )

        Faustino ensinaríalle todos os segredos da Ría de Vigo ao seu fillo, Faustino Otero Lino, quen participaría nunha das moitas buscas dos tesouros da Batalla de Rande. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1702-batalla-de-rande.html ) Sería en 1954 cando o norteamericano John Stauffer Potter chega a Redondela e atopa en Faustino a un home de mar que lle facilita a localización dos barcos afundidos e, isto si que é ben curioso, os nomes con que eran coñecidos polos mariñeiros. As peripecias deste aventureiro foron recollidas posteriormente en “Treasure divers of Vigo Bay” traducido ao castelán como “En busca del tesoro de la ría de Vigo”, Museo do mar de Galicia, e “On the Track of the HMS Monmouth’s galleon and Sunken Treasure”, publicado en galego co título “Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo”, Ed. Rinoceronte. Tamén publicaría The treasure diver's guide (1960) e My first nine lifes (2012). Tamén podemos coñecer o punto de vista doutro membro da tripulación, Robert Stenuit: “Tesoros y galeones hundidos” e “Os galeóns de Rande”.

 

No centro Faustino Otero Lino coa expedición de Potter. Foto publicada en Rande 1702 Arde o mar.

 

         Non sería a última expedición estranxeira sen apenas control administrativo nas nosas augas. Por sorte a situación cambiaría nos anos 80 cando as competencias para autorizar a exploración foron cedidas ao goberno autonómico quen puxo fin a esta situación.

        Faustino Otelo Veloso seguiría residindo na Portela ata o seu falecemento en 1965 aos 74 anos de idade, sendo soterrado no cemiterio da súa parroquia, Cedeira. Para os veciños queda a súa lembranza nunha cantiga que aínda canta a Rondalla de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/cantigas-de-tasca-e-furancho-i.html )

        En 2024 anúnciase o proxecto da restauración polo Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela dunha barca cedida desinteresadamente pola súa familia a unha asociación redondelá que pretende poñer en valor a nosa vinculación co mar e a súa historia. Trátase do bote de vela latina “Manuel” que fora adquirido por Faustino Otero Veloso e do que pasara a Faustino Otero Lino.


Plano de Potter. Foto publicada en Rande 1702 Arde o mar


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais.

Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón. Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara Mª de Saá. Ed. Ir Indo, 1995.

Non des ao esqueecemento. Luís Bará.

Rande 1702: Arde o mar. Coordinador: Alejandro de Arce. Museo do mar de Galicia., 2002

Historia de las Rías. (2 Volúmenes). Varios autores. Ed. Faro de Vigo.

Seren Nº 0. A Batalla de Rande. Guerra de Sucesión española. J. A. Orge.

A Voz de Vilalba. http://avozdevilalba.blogspot.com/2008/09/xulia-lola-e-amparo-na-memoria.html?showComment=1221945420000

Galicia en guerra. Eduardo Rolland Etchevers. Edicións Xerais de Galicia, S.A

Aportes: Pedro López (xerente de Os Cortizos) e Elvira Otero.

El País https://elpais.com/

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Varios xornais.

 

jueves, 3 de febrero de 2022

II Guerra Mundial (V). Redondeláns que se atopaban en Alemaña.

Identificación de José Otero Darriba. Arquivo Antonio Muñoz Sánchez
Identificación de José Otero Darriba, 1942. Arquivo Antonio Muñoz Sánchez

Semella que algúns redondeláns emigraron a Alemaña pouco antes do estalido da II Guerra Mundial. Así nunha lista de traballadores estranxeiros naquel país, entre 1941 e 1945, aparecen:



Serafin González Taboada (N. Redondela, 26-12-1923). Veciño de Teis.

Manuel González González. Non naceu en Redondela, mais era veciño da mesma, estaba casado con Isaura Perez.

Francisco Araújo Carreras (N. Vigo 5-2-1909). Veciño de Redondela.

José Otero Darriba (N. Reboreda, 1906). En 1949 toma posesión como vixiante de arbitrios. Trala fusión deste corpo coa Garda Municipal pasa a ocupar a praza de Policía Municipal. Seguía nese cargo en 1960.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Antonio Muñoz Sánchez (mestre de Historia na Universidade de Lisboa) e Celso Milleiro.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.


martes, 14 de abril de 2020

1941-II Guerra Mundial (IV).Os Campos de Concentración.

Mauthausen_supervivintes españois saúdan aos americanos Foto:exiliados org

          
      

Moitos exiliados da Guerra Civil despois de abandonar España atopáronse de cheo coa II Guerra Mundial. A mala sorte cebouse con algúns deles que, capturados polos nazis, deron cos seus ósos nos campos de concentración. Os seguintes son os redondeláns dos que se ten constancia, que sufriron esta situación. Deles descoñécese como saíron do país e cal foi o seu periplo ata chegar ós campos de concentración.

  • José María González Vázquez (Quintela, 24-9-1914). Labrador, fillo de Joaquín e Regina, morto no campo de exterminio de Mauthausen (Austria).

  • Alejandro Lafuente Pose (Redondela 3-5-1909 / ¿?) Preso nos campos de exterminio de Krems-Gneixendorf XVII-B e Mauthausen no que ingresou o 19 de decembro de 1941. Liberado o 5-5-1945, sendo repatriado a Francia. O 19 de xuño de 1950 parte para Arxentina. Descoñécese canto tempo estivo en Arxentina, dende onde retorna a España.

  • Olimpio Marino Miguez Pazos (Redondela, 8-9-1909 / Mauthausen, 18/04/1943). Ao inicio da Guerra Civil como moitos mariñeiros redondeláns atopábase en Pasaia (País Vasco). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/guerra-civil-soldados-falecidos.html). PSOE. Destacado militante da CNT San Pedro. Morreu no campo de concentración de Mauthausen no que ingresara o 13 de decembro de 1940 procedente de Estrasburgo.

  • Antonio Piñeiro Otero (Chapela-Redondela, 28-7-1912 - Gusen, 24/02/1942) Procedente de Estrasburgo foi trasladado ao campo de concentración de Mauthausen e posteriormente ao comando Gusen o 20-10-1941, onde faleceu.

       
         Tan só hai constancia dun supervivente nos campos de concentración:
José Otero Sánchez (Aldea-Cedeira, 1917), estando na batalla de Teruel, pasouse aos republicanos e ao rematar a contenda marchou a Francia, onde foi feito prisioneiro polos nazis. Sobrevivente de Auschwitz, despois da súa liberación estableceuse en Burdeos, morrendo a finais do ano 1984. 
 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Libro memorial: españoles deportados a los campos nazis (1940-1945). Benito Bermejo,Sandra Checa.
Transterrados y emigrados: Una interpretación sociopolítica del exilio gallego de 1936. Xosé M. Núñez Seixas e Ruy Farias. Arbor. Ciencia, pensamiento y cultura. CLXXXV 735 enero-febrero (2009) 113-127 ISSN: 0210-1963
Hazte oír. blogs.hazteoir.com
Repertorio biobibliográfico do exilio galego: Unha primeira achega. Ed. Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega. Santiago de Compostela, 2001 ISBN: 84-95415-42-9



1941-II Guerra Mundial (III). A División Azul

 
         
Soldados españois da División Azul-El Confidencial

        Despois da Guerra Civil, moitos españois enrolados na División Azul loitaron na fronte rusa apoiando aos alemáns contra a Unión Soviética de Stalin. Algúns irían polos seus ideais falanxistas pero a meirande parte o farían para congraciarse co réxime franquista, ben para evitar o cárcere ou para axudar algún familiar preso. Os alemáns lanzaron unha tripla ataque contra Rusia dirixido polo centro, cara Moscú; polo sur, cara Kiex; e a fronte Norte, desde Novgorod a Leningrado. Nesta última é onde loitaron os españois perdendo a vida arredor de 5.000 homes.

        Varios redondeláns formaron parte destas forzas e despois da derrota pasaron a Alemaña e dende alí volveron a España. Un deles foi Simeón Otero Rivas que soia contar as súas aventuras na fronte de Estalingrado e como as “rusas me preparaban mi tecito”.

        Outro era Suso (ata o de agora descoñezo o nome completo), mutilado de guerra. O seu pai emigrara a Estados Unidos onde faleceu.

        Nunha relación de familiares con dereito a pensión polo falecemento na División Azul aparecen:

Soldado Isidro Becerra Bujones. Redondela. Fillo de Eulalia Bujones Lage. +6-12-41.

Soldado Inocencio Vidal Lusquiños. Redondela. Fillo de María Lusquiños Alján. +2-12-41.

        Isidro David Becerra Bujones naceu en Redondela en 1915, era fillo de Pedro Becerra Ramos, natural de Compostela, e irmán de Santiago e Alberto Generoso “Toberal””Cositas”, este último moi coñecido por ser correspondente en Redondela de Faro de Vigo.

        Inocencio era irmán do Policía Municipal Antonio Vidal Lusquiños “Fontán”. Por unha descendente de sabemos que foi obrigado a unirse a Division Azul nun xuízo que se lle seguiu por deserción con data do 15-10-1938. Pola ficha do seu expediente é de supor que debeu fuxir no ataque ou tratar de cambiar de bando na fronte de Guadalajara. As outras opcións eran cárcere ou fusilamento. Na listaxe de falecidos na fronte rusa consta como pertencente ao corpo Primer Tercio Legión. A familia lembra que era un gran atleta, practicaba ciclismo e xogaba a waterpolo. Neste último deporte o atopamos na aliñación do equipo que disputou a final do Campionato galego da Serie B. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/natacion-e-waterpolo.html )

        A súa nai apesares de saír na prensa o seu dereito a pensión esta non se faría efectiva, ata que tempo despois se descubriu que Manuel Leirós “Machaquito”, daquela xefe de Correos de Redondela, apropiábase destes e outros xiros o que supuxo a súa expulsión inmediata deste traballo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=correos )

 

1942-Exército español desfilando por Vigo. Foto cedida pola familia Docampo

        Non temos constancia do lugar onde están enterrados estes dous redondeláns, o que si podemos comentar e que as autoridades rusas e alemás chegaron a un acordo en 1997 para que os corpos dos soldados españois da División Azul e da Legión Azul caídos en Rusia e enterrados en varios cemiterios foran reunidos no cemiterio alemán de Novgorob, en Rusia, preto de San Petersburgo. A parcela española sería inaugurada o 14 de setembro de 1997. Dende aquela se teñen realizadas varias exhumacións de fosas comúns grazas a diferentes asociacións como a fundación alemá Volksbund Deutsche Kriegsgräberfürsorge e.V. (VDK) e a Asociación de Españoles Desaparecidos en Rusia. Cando se consegue a identificación póñense en contacto coas familias e decídese o enterro no cemiterio ruso ou a repatriación do corpo. Como sucede en España coas fosas da Guerra Civil este é un proceso longo e complicado.


        Finalizada a guerra volveron a Galicia o resto dos sobreviventes, a meirande parte moi enfermos, postos en liberdade despois de estares presos en Siberia. Non puiden confirmar que houbera algún redondelán entre eles pero si se fala dun home do veciño concello de Soutomaior e algúns máis nos concellos comarcais. Tamén foi moi soado o caso nesta rexión dun liberado que foi dado por morto e cando volveu á súa casa a súa esposa casara de novo.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

19420110 Heraldo de Zamora

Foro memoria histórica de la División azul. ERG en http://memoriablau.foros.ws

Buscador de combatentes. https://buscar.combatientes.es/e

El Confidencial https://www.elconfidencialdigital.com/articulo/defensa/exhumaciones-espanoles-division-azul-rusia-paralizadas-ano-mas-covid/20210709142004259906.html

Españoles en la 2ª Guerra Mundial. https://www.mve2gm.es/paises/bando-del-eje/cementerios-en-el-extranjero/

El Mundo https://www.elmundo.es/larevista/num198/textos/guerra1.html

Investigación realizada por Alba Vidal Rivas, sobriña-neta de Inocencio Vidal.

Investigacións de xenealoxía de Celso Milleiro e Xosé Docampo.

Aportes M. Migueles

 

1941-II Guerra Mundial (I). Alemáns en Redondela


Desfile en Vigo da Lexión Cóndor alemana en maio de 1939. Autor: Hugo Jaeger.
 
Durante a II Guerra Mundial a Ría de Vigo foi empregada como base de aprovisionamento e reparación dos submarinos alemáns. Este punto foi confirmado nos arquivos ingleses xa que a gran censura da época impídenos contar en Galicia de información de primeira man. A prensa baixo o réxime franquista ofrecía unha información pouco rigurosa polo que o Faro de Vigo era coñecido en Redondela como “o Trampón”, xa que “a única verdade que dicía eran as esquelas”.

Por testemuñas orais coñecemos que daquela se dicía na vila que o cargadoiro de Rande empregouse para cargar wolfram, mineral de gran importancia bélica. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/08/cargadoiros-de-mineral-i-cargadoiro-de.html ). Este wolfram serviulle a Franco para pagar as débedas de guerra, lembremos que anos antes a lexión Cóndor alemana desembarcara en Vigo para apoiar ao bando nacional na Guerra Civil española. Este mineral era moi abundante en Galicia, sobre todo en Santa Comba e Carballo, e León, mina de Coto Wagner.

 

          O consulado alemán de Vigo era o centro dos servizos de espionaxe na zona, ademais nesta rexión vivían familias alemanas dende había anos que se converteron en colaboradores. Deste xeito, mentres os submarinos alemáns fondeaban na praia de Barra ou na Enseada de San Simón, os seus tripulantes se repoñían en propiedades de alemáns como o “Pazo do Alemán” en Soutomaior, no “Colexio Alemán”en Vigo e noutros puntos da Ría como as Illas Cíes, onde aínda se coñece como Praia dos Alemáns ao lugar empregado polos soldados para o seu tempo de ocio. Outro punto sería o Pazo do Alemán, no veciño concello de Soutomaior.
 
Cargadoiro de Rande, 2008. Foto: Juan Migueles
       

          En Redondela, no pazo de Cesantes, Torres Agrelo, recuperábanse os alemáns feridos na fronte. Teresa Amoedo aínda lembra (2020), cando de nena a súa nai a enviaba ao pazo a mercar froita para vender na Praza. Ela era moi nova e ía coa roupa de traballo, pero sempre tentaban acompañala as súas curmás e amigas que ían coa roupa das festas. Daquela, a chegada daqueles estranxeiros loiros con uniforme causaba furor entre o sector feminino.

         Do xa falecido Luciano Domínguez, de Vigo, un sobriño nos conta que era mariñeiro nun gardacostas. Entre as súas funcións estaba a de levar as pezas á parte sur das illas Cíes para reparar os submarinos. Á volta traían aos oficiais ata o río Verduxo desde onde se dirixían ao Pazo do Alemán. Tamén traían aos feridos ao pazo de Torres Agrelo e aos falecidos os desembarcaban “en Redondela preto dun restaurante”, onde os enterraban. Unha veciña de Soutomaior confirma que o seu pai lle contaba que os alemáns que chegaban mortos os enterraban ao desembarcar en Redondela.

 

       Cara a 1942 ou 1943 publícase en Información de España. (México), as declaracións dun home que chegara da provincia de Pontevedra, que di de Redondela:




            Tamén en Nuestra Bandera fanse eco do publicado no Daily Mirror:

A todo isto habería que engadir a saída de refuxiados cara a Portugal polo porto da Portela.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ii-o-schindler.html )

 
 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002
Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Galicia en guerra. Eduardo Rolland Etchevers. Edicións Xerais de Galicia, S.A
Aportes: Pedro López (xerente de Os Cortizos).
O wolframio galego de don Federico Guillermo. Eduardo Rolland.http://www.gciencia.com/historias-gc/volframio-en-rande/
Faro de Vigo
Información de España, 1942 ou1943. (México)
19441031Nuestra Bandera
Vigo en la II Guerra Mundial. Por Hacheron. Vigo Express
Los U-Boote en Galicia en la Segunda Guerra Mundial. Por Juan Carlos Salgado. Historias con historia.
Xornal de Galicia. http://www.xornaldegalicia.es
El Correo Gallego
19441031Nuestra Bandera
Información de España, 1942 ou1943. (México)
Aportes Teresa Amoedo e Pedro López Cadilla 
 

1941-II Guerra Mundial (II). O Schindler vigués.

Eduardo Martínez Alonso. Foto: vigoe.es
Durante a II Guerra Mundial miles de refuxiados, na súa meirande parte xudeos, eran detidos e encarcerados en Miranda do Ebro despois de atravesar ilegalmente os Pirineos. O Servicio Secreto Bitránico puido sacar a moitos deles do cárcere e poñelos a salvo a través de Portugal.
O vigués Eduardo Martínez Alonso (1903), médico da Embaixada Británica e da Cruz Vermella, foi o ideólogo da coñecida como ruta de Valença do Miño. Os refuxiados eran conducidos a súa residencia de verán en A Portela (Cedeira-Redondela). Polas noites, nun embarcadoiro próximo subían aos barcos que os levaban ata Tui. Unha vez alí, buscaban o mellor punto para cruzar a fronteira. Despois eran embarcados cara ó continente americano. A presencia dos alemáns en toda a zona nos pode dar unha idea da dificultade que suporía trasladar persoas cara a Portugal.
Exiliado a Inglaterra, dende onde seguiu dirixindo o operativo, Eduardo Martínez recibiría en 1945 a Medalla ao Valor do Goberno Británico. Pouco despois volvería a España. Xa no 2008, sería distinguido co título de Xusto entre as Nacións.
A súa filla, a antropóloga social Patricia Martínez de Vicente, publicou no 2003 un libro contando a historia do seu pai. No 2005, documentos desclasificados dos Arquivos Nacionais británicos amosaron novos datos sobre o acontecido.
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002
Galicia en guerra. Eduardo Rolland Etchevers. Edicións Xerais de Galicia, S.A
Aportes: Pedro López (xerente de Os Cortizos).
La Voz de Galicia.
Faro de Vigo