Mostrando entradas con la etiqueta Inscricións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Inscricións. Mostrar todas las entradas

martes, 11 de febrero de 2025

Inscricións en casas e muros.

 


Casa de Cabanas. Pedra 1. Foto: J. Migueles

       Neste apartado veremos inscricións antigas en casas e muros. Poderíamos engadir aquí a Cruz de Aviso á Súa Maxestade, en Cesantes, que xa conta co seu propio apartado (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruz-de-aviso-sua-maxestade-cesantes.html )

        Outros apartados que completarían esta entrada serían: As marcas apotropaicas e cruces (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/marcas-apotropaicas-e-cruces.html ) e As marcas de canteiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=marcas+de+canteiro ).


A Casa de Cabanas (Trasmañó)


           
           Existe unha casa na Estrada de Cabanas que para a súa construcción empregáronse pedras doutra construcción máis antiga. Na parte da fachada que da á rúa pódese observar, apesares da capa de pintura e o cemento, dúas pedras con inscricións. Unha está ubicada sobre unha das ventás e a outra a pouco máis dun metro do chan e facendo esquina no lado oposto.
        Coa dificultade que supón distinguir a escritura podemos ler o seguinte:
 
AVE MARIA
VALLERO Y _R
DEA ANO D
           
       
        Na outra pedra (os guións baixos son letras ilexibles):
 
VRISSIMA. JPH CA
NES DE LAGO: Y S: DESTA
78_
         
Pedra2. Foto: J. Migueles, 2018

 

        Semella que orixinalmente unha pedra estaría a carón da outra, polo que as dúas xuntas dirían algo como:

AVE MARIA PVRISSIMA. JPH CA
VALLERO Y _R__NES DE LAGO: Y S: DESTA
DEA ANO DE 178_
 
       

        Un posible nome a investigar sería: Joseph Cavallero y Arines de Lago.

        ¿Haberá máis pedras escritas na casa? Habería que inspeccionar as demais paredes exteriores, pero tamén as interiores para o que seguramente habería que picar as paredes, algo totalmente imposible ao tratarse dunha propiedade privada.

        ¿De onde proceden as pedras? A frase “AVE MARÍA”, fainos pensar nunha construción de tipo relixioso. O máis lóxico sería pensar no priorato de Rande, do que xa nos deixa constancia o Catastro de Ensenada de 1752. Outro documento de 1768 o localiza no Castelo de Rande, como capela e priorato sendo atendida por un monxe de San Bernardo. Na primeira pedra aparece claramente o número 7, que podería facer referencia a unha data do século XVIII o que coincidiría coa época na que existiu o priorato. Outra construción relixiosa desaparecida e un pouco máis lonxe sería a Capela da Virxe da Encarnación, no coñecido como Alto da Encarnación, en Chapela.

        Isto serían tan só hipóteses que tan só unha investigación máis profunda (realización de calcos, busca de máis inscricións, entrevistas...) podería confirmar.

        A finais do 2017 o propietario comezou a picar a cal das pedras poñendo en grave perigo estas inscricións, aínda que nun principio semella que non resultaron moi danadas.

 

A inscrición na Casa da Alfóndega (R. Isidoro Queimaliños-Redondela)

        Na fachada lateral da Rúa Isidora Queimaliños da Casa da Alfóndega casa podemos ver escritas en espello as letras “RLxunto a un símbolo en forma de frecha. Para algúns trátase dun límite con Reboreda, xa que cando menos desde principios do s. XVII e ata 1890, esta rúa era chamada popularmente Rúa do Medio porque as casas pares dependían do cura de Reboreda e as impares a Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ) Como explico no artigo anterior, ata os nosos días chegou o nome de Rúa do Medio de xeito popular, pero dado erroneamente á actual rúa Reveriano Soutullo, probablemente por chamarse así esta rúa no período da II República.

        Outra teoría podería ser que fora un antigo indicador do camiño de Santiago ao seu paso por Redondela.






A inscrición da Carambola (Reboreda)

        Nas súas anotacións Casto Sampedro escribiu:


Escudos:

-1 Carambola inscrición

            Non teño noticias de que esta inscrición chegara ata os nosos días, pero deixo aquí constancia agardando atopar máis información.




Inscrición na Calella de Don Basilio (Redondela)

        Catalogada en xaneiro de 2025 despois de ser descuberta por Telmo Crespo Tojeiro nun muro de contención. Na inscrición lese “A R” na liña superior e “D V” na inferior. Na ficha realizada polo arqueólogo Xurxo Constela, este especula coa posibilidade de que a liña superior completa poda ser “ARA” o que lle conferiría un hipotética orixe da época romana.

 

Pedra na Calella de Don Basilio. Foto: J. Migueles


Casa cunha inscrición baixo o lintel dunha xanela (Cño. do Souto-Saxamonde)

Non fun quen de ler o que pon, polo que queda pendente dun estudo en profundidade.

https://goo.gl/maps/ngTdnzxVo9jfA25P9

 

Inscrición no Camiño do Souto. Foto: J. Migueles


Virxe na Praza Constitución

Na fachada dunha casa da Praza Constitución hai unha virxe. Baixo ela, escrito en grande a palabra “LUZ”. Debaixo e nos laterais pódense apreciar máis letras, só lexibles desde o balcón.


Virxe na Praza Constitución. Foto: J. Migueles


Algunhas inscricións de datas antigas.

         É habitual ver datas nos linteis das portas das casas antigas. Algunhas destas pedras rematan sendo reutilizadas en muros. Deixamos aquí algúns exemplos como curiosidade:

 

Muro no Peirao da Portela

“1826”. Pedra dada volta nun muro, preto de onde estaba o posto dos carabineiros.

42.287939, -8.626384


Data de 1826. Foto: J. Migueles

Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)

“ANO DE 1805”. Pedra reaproveitada nun muro.

Data 1805. Foto: X. Couñago
 

Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)

“1767”. Pedra reaproveitada nun muro. Unha veciña comentou que pertencía a unha casa que se veu abaixo e puxeron a pedra no peche.


Data 1767. Foto. X. Couñago.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Deslinde parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro Martínez Adán.

Arquivo Deputación de Pontevedra. MUSEO DE PONTEVEDRA. Fondo Casto Sampedro.

1752 Catastro de Ensenada de Cedeira

1768 España sagrada theatro geographico

Aportes Xosé Couñago

 

 

martes, 12 de febrero de 2019

Inscricións nas igrexas.

Igrexa de Cesantes. Foto: J. Migueles 2009
 

        Nos muros das nosas igrexas atopamos inscricións que normalmente fan referencia ao ano en que se realizou ao ao seu promotor, pero tamén hai algún texto diferente:

 
 
Igrexa de San Pedro de Cesantes

        Enriba da porta principal aparece “AÑO 1763” e nunha parede lateral no exterior da sancristía: “ESTA CAPILLA LA MANDO FAZER EL LICDO. YSIDORO SGA SIENDO CUNPLIDO Y BLAS RODRIGUEZ COA EN EL AÑO DE 1670”.

         No lintel da sancristía aparece outra pedra gravada, pero ao presentarse semioculta apenas se pode entrever “DE ARAÚJO Y...”. O resto é de difícil interpretación.

 

Inscrición na sancristía da Igrexa de Cesantes. Foto: José Antonio Mtnez. Fdez.

 
Igrexa Santiago Apóstol de Redondela.
           Nos contrafortes da capela maior lese “ET ILLO ANNO LEVAVIT SE REGNVM PORTVGALLIAE”, que máis ou menos sería: “Y EN ESE AÑO SE LEVANTÓ EL REINO DE PORTUGAL”. Semella a continuación doutra inscriciónn case ilexible que existe no contraforte anterior.



Igrexa de San Román de Saxamonde
           Na Sacristía: “ANO DE 1759”. Na fachada dereita ten a inscrición: "HÍZOSE SIENDO ABAD D. ANTONIO DE SAN ROMAN Y ZEVALLOS DE 1746". E no exterior da ábside (fachada que da á estrada): “LEVANTOME DON ANTº DE SAN ROMAN Y ÇEVALLOS ANO DE 1795”.
 
Igrexa de Saxamonde. J. Migueles, 2008

Igrexa de San Vicente de Trasmañó
           Por riba da porta principal lese “AÑO1765”.

Igrexa de Santa María do Viso
           Na bóveda da igrexa pódese ler en latín: “Esta obra se hizo el año de 1710, solamente a Dios, honor y gloria".

Igrexa de San Martiño de Vilar de Infesta.
           Debaixo do campanario lese “ESTA OBRA SE IZO DE 1783 S. ABAD E. GARCIA”. E xunto á porta principal aparece “1720”.

Igrexa e Convento de Vilavella
          No exterior da sacristía da igrexa aínda podemos observar o brasón dos Prego de Montaos e debaixo unha inscrición, hoxe ilexible, que di: “ESTE MOSTEIRO HIZO GARCIA PREGO ARCEDIANO DE CERBEIRA”.
 
Igrexa de Vilavella. Foto: J. Migueles, 2008

NOTA: Entrada relacionada Inscricións nas Casas e muros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/02/inscricions-en-casas-e-muros.html )



 Autor: Juan Migueles

 
BIBLIOGRAFÍA
Faro de Vigo
Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530
Mondariz, Vigo, Santiago. Guía del turista. Madrid, 1912. Sucesores de Rivadeneyra.
Fondo Casto Sampedro. Inscripcións (1894-1927). Museo de Pontevedra.
Aportes Xosé Couñago.
 

Legoeiros: A Marca do Rei (Vilavella) e a Pantalla (Cesantes).

A Marca do Rei. Foto: J. Migueles
A Marca do Rei. Foto: J. Migueles

A ponte que cruza o río Maceiras ao entrar no casco urbano de Redondela por Vilavella e baixo a que se inicia a Senda do Maceiras, ten a ambos lados unha balaustrada cun monólito. Eran coñecidas popularmente como A Marca do Rei e dise que foron erixidas para conmemorar a visita dun Rei. Garda moitas similitudes con A Pantalla, en Cesantes.

Son legoeiros do Camiño Real, ou sexa un fito que marca a distancia en légoas. O Camiño Real foi mandado construír, dende a vila de Padrón a Redondela, en 1793, polo Arcebispo de Santiago, Sebastián Malvar y Pinta ás súas expensas. O seu costo ascendería a dez millóns de reais da época. Cincuenta anos despois, atópase tan deteriorado que, o daquela novo gobernador civil de Pontevedra, Francisco Paez de la Cadena, ordena a súa inmediata recomposición iniciándose as obras en xullo de 1847.

 En canto ao trazado cara a Vigo: “Si estaba completamente finalizada la carretera de Benavente a Vigo en 1803, con hijuelas a Santiago, Tui y Pontevedra.”

 

A Pantalla. Foto: J. Migueles
A Pantalla, 2009. Foto: J. Migueles

 

O único que sabiamos ata o de agora é que a Marca do Rei foi construída, cando menos, no s. XIX, xa que aparece nunha acuarela do pintor G. Vivian, publicada en 1838 na súa obra “Spanish Scenery”, e que sería realizada entre 1831 e 1837. Neste cadro pódese apreciar que a ponte contaba co arco actual e con polo menos outros dous máis próximos ao centro da Praza Ponteareas. Tendo en conta que ata hai pouco existiu unha fervenza e unha pequena charca no monte que hai tras a praza podemos supor que baixo estes arcos pasaría a auga nacida neses montes. Por referencias orais sabemos que a mediados do s. XX existían dous arcos, o actual baixo o que discorre o río Maceiras e outro polo que pasaba a auga procedente do muíño Arañol. Este último sería tapado por José Otero González “Mañas”, nos anos 50, durante as obras de reedificación do convento, no espazo no que os seus herdeiros construirían a nave industrial que estaba acaroada ao Convento de Vilavella (hoxe en día desaparecida e convertida en aparcamento).

 


Acuarela de G. Vivian, 1838
Acuarela de G. Vivian, 1838. Marca do Rei

 

        En visita nocturna acompañando a Imelda e Xurxo Constela, membros de A Citania S. L., puidemos comprobar que saíndo de Redondela no panel do lado dereito lese:

REYNANDO

EL SEÑOR


        Por desgraza a terceira liña que correspondería co nome do rei está picada. Por contra ao revisar o lado esquerdo pasa o contrario, as liñas superiores están esnaquizadas e a inferior é a que se conserva:


ANO DE MDCCCVII


        A data de 1807 lévanos ao reinado de Carlos IV, que remataría ao ano seguinte. A posterior invasión francesa en 1809 pode estar detrás da destrución do nome do rei e do que puxera no resto do texto. É unha sorte que poidamos coñecer esta data porque esta estrutura fora golpeada por un camión e durante moito tempo as pedras ficaron baixo as augas do río Maceiras, ata que a insistencia de Xosé Antonio Orge Quinteiro conseguiu que o Concello a reconstruíse.


Marca do Rei. Foto: J. Migueles
A Marca do Rei. Foto: J. Migueles


         As diferenzas estruturais con outros leguarios próximos como o de Vilaboa se xustifica porque serían marco-paneis onde se indicarían as distancias entre as distintas cidades. A eliminación das inscricións, parcialmente na Marca do Rei e na súa totalidade na Pantalla, impide ter máis datos. Ata o de agora tampouco se atopou documentación referente á súa construción que nos aporte máis información.

 

Leguario de Vilaboa. Google maps
Leguario de Vilaboa. Google maps


      O que sabemos de certo é que a Marca do Rei construíuse en 1807 e, probablemente, a Pantalla tamén, durante o arranxo das estradas principais de Redondela e Vilavella:15 de Agosto. Manda S. M. Que el señor Pedro de Acuña tome a su cargo la obra de las 325 f. de Camino, que deben costear las villas nueva y vieja de Redondela, las que a cuenta del arbitrio de un maravedid en quartillo que se consuma en su distrito y coto de Cedeira reintegrarán a la comisión los caudales que para dicha obra adelante. Nota. La citada estrada por no corresponder el conocimiento de ella a esta oficina, la recogió Joseph Mella strio. intno. de Rentas la mañana del día 8 de Mayo de 1806.”

 

 

Agresión. A Pantalla, 2020. Foto: Alén Nós.
Agresión. A Pantalla, 2020. Foto: Alén Nós.

 

        É curioso como ata o de agora estes elementos etnográficos pasaron desapercibidos para a meirande parte da poboación. Especialmente no caso da Pantalla que da nome ao barrio e nin sequera boa parte da veciñanza coñece este feito. Tanto é así que o propio Concello cometeu unha agresión no monumento ao colocar beirarrúas por non telo catalogado e non dotalo da protección axeitada. Por sorte, a protesta de varias asociación conseguiu a rectificación e a posterior restauración e posta en valor, mediante a colocación dun panel explicativo a finais do 2021.

        Hai anos os veciños de Cesantes tiñan a crenza de que, cando lanzabas unha pedra de costas á Pantalla, se quedaba na cornixa do tímpano era sinal de que ías casar. Pola contra, se caía é que ías quedar solteiro.

.        En canto á Marca do Rei, como curiosidade dicir que aínda podemos ver como algunhas das súas pedras foron asentadas empregando cunchas de ostras.

 

Panel de A Citania SL colocado na Pantalla, 2022. Foto: Obradoiro Fernando Monroy

 

 

        Ao inicio das obras de humanización da Praza Ponteareas, a finais de 2021, causou expectación o descubrimento do muro, que sendo unha continuación da Marca do Rei, servía de contención da Praza de Ponteareas. Este muro era coñecido como O Petril polos veciños máis maiores que aínda lembran xogar a pasar por un pequeno conduto para as augas pluviais que atravesaba baixo a estrada.

 

Muro de contención. Foto: J. Migueles
Muro de contención. Foto: J. Migueles

 

.

Ubicación:

A Marca do Rei. Ponte que une a Praza Ponteareas coa Estrada de Vigo. 

42.278523, -8.611436

A Pantalla.

42.299342, -8.602540

A Marca do Rei. Foto: J. Migueles
A Marca do Rei. Foto: J. Migueles

 

 
Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Visita realizada con Imelda e Xurxo Constela, membros de A Citania S. L.

Aportes: Xurxo Constela, Matilde Fernández e Xose Antonio Orge Quinteiro.

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

Blog: Reloxos de sol. Descubriendo los relojes de sol de Galicia.

Esperanza, La (Madrid. 1844). 02-08-1847, página 2-Camiño Real

Arquivo Deputación de Pontevedra. atopo.depo.gal => 1807 Contas de propios e arbitrios xurisdición de Redondela Nova

 

 

 

Cruz de Aviso á Súa Maxestade (Cesantes)

Cruz de Aviso á súa Maxestade. Foto: J. Migueles


No pórtico da entrada dunha propiedade na que a casa foi substituída por unha de recente construción, coñecida popularmente como casa da Morena, reza o ano de 1807. No muro de peche lateral consérvase un escudo no que aparecen as iniciais: “C S P B”, sobre a inscrición: “IRIS IN CAPITE EJUS 1868 EN MEMORIA DEL BORBON QUE VIEN 28 DE JUNIO DE 1853”. E debaixo unha segunda pedra que reza:EN 27 DE ENERO DE 1852 AVISE DEL PELIGRO A S. M.”.

Para situarnos no contexto histórico, comentar que o reinado da Raíña Isabel II iníciase no ano 1833 e remata no 1868, cando se ve na obriga, trala batalla de Alcobea, de exiliarse a Francia. É unha época de gran inestabilidade política. Centrándonos nos principios dos 50, que son as datas citadas, dicir que en decembro de 1851 prodúcese en Francia o golpe de Estado de Luis Bonaparte (Napoleón III). Isto provoca que en España Bravo Murillo suspenda as Cortes. Inicia daquela un goberno mediante decretos intentando outorgar máis poder á Coroa. A reacción non se fai agardar e en maio de 1852 redáctase un escrito instando á raíña a reabrir as Cortes. Finalmente será en decembro cando se reabran nomeándose un novo presidente, Francisco Martínez de la Rosa. Bravo Murillo, non acata o nomeamento, disolve as Cortes, redactando o proxecto constitucional de 1852, de corte absolutita e publica novas leis para o funcionamento das Cortes. A súa manobra fracasa e Bravo Murillo é obrigado a dimitir. Ata mediados de 1854 sucédense tres gobernos diferentes e prodúcese o levantamento encabezada por Leopoldo O’Donnell, partidario da nai da raíña, a ex-rexente María Cristina, que remata coa vitoria dos sublevados. A raíña ten que ceder e entrega a presidencia a Espartero, iniciándose o chamado Bienio Progresista (1854-1856).

Volvendo á cruz, o motivo da súa colocación nun muro de Cesantes, segundo José Pelayo Míguez, sería que, na catedral de Tui, unha conversa para atentar contra a vida da raíña foi escoitada por un clérigo. Este avisou aos gardas da raíña e desbaratouse o atentado. O relixioso era da familia Mos de Cesantes, por iso o monumento recoñece e agradece a axuda prestada á Raíña na casa familiar.

                       Ramona a Corenta, Morena, Rosa e Milucha. Foto cedida por Morena.                     Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy
 

O único que atopei ata o de agora deste relixioso é que podería tratarse de Manuel Mos, quen consta como Presbítero de Cesantes en 1860.

Outros Mos de Cesantes desta época serían:

- José María Mos de la Rosa. (Cesantes). En 1838 iniciou os seus estudos de menciña sen apenas medios na Universidade de Santiago, chegando os seus compañeiros a ofrecer unha obra teatral para que puidera cubrir os seus gastos. Logo acadaría o mérito na Universidade de Narbona (Francia), establecéndose finalmente na Habana (Cuba), onde acadaría gran reputación como médico.

- Pedro de Moos. Veciño de Cesantes en 1843.

- Manuel Mos. Mestre de Cesantes en 1845.

Pola proximidade co Viso tamén cabe citar a:

- Francisco Mos. Concelleiro polo Viso en 1841.

 

A finais do XIX e principios dos XX unha póla dos Mos estableceríase na vila de Redondela, sendo unha familia ben situada, con varios avogados, rexedores e concelleiros. Algúns maiores lembrarán a Fara Mos Figueroa, propietaria da finca do Canabal.

En 2001 tan só once persoas levaban este apelido en Redondela.


Detalle da inscrición. Foto: Juan Migueles
Detalle das inscricións.
 

Localización:

Rúa Carballiño (Cesantes)

42°18'26.8"N 8°36'44.1"W

42.307435, -8.612244



Texto e Fotos: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Cruces, cruceiros, esmoleiros e petos de ánimas de Redondela. Estanislao Fernández de la Cigoña. Edit. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía.2005.

Inventario de canastros, cruceiros, portóns, fontes e lavadoiros de Cesantes. Obradoiro de Estudos locais Fernando Monroy.

Aportes José Pelayo Míguez Baños

Wikipedia

Instituto da Lingua Galega. Cartografía dos apelidos en Galicia. https://ilg.usc.es/cag/

Aportes Celso Milleiro e Xosé Moreira Docampo.

Arquivo Deputación de Pontevedra

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego (Vigo)

Mouros, ánimas y demonios. Escrito por Mar Llinares García-GoogleBooks

Publicaciones del Archivo Nacional de Cuba. Archivo Nacional de Cuba, 1952)

Anales de la Academia de ciencias medicas, físicas y naturales de ..., Volumen 1-GoogleBooks