lunes, 29 de junio de 2020

Ciclismo en Redondela

 
Vigo-Redondela-Vigo, 1929. Vida Gallega

Finais S. XIX: Os inicios.
A primeira referencia á bicicleta que atopo é cando, en 1891, o vigués José Curbera Fernández, relata unha excursión en bicicleta na que cruzan por riba do viaduto de Redondela: “Imponía respeto al atravesar por encima de sus planchas”.
En 1895, o activo ciclista e dramaturgo, que anos despois acadaría o Premio Nobel, José Echegaray, é invitado polo Centro Ciclista de Vigo. Daquela tiña a súa residencia en Marín de onde saíu en coche acompañado por varios ciclistas. En Redondela engadíronse moitos máis que o escoltaron ata Vigo.
En febreiro de 1896, unha excursión de ciclistas vigueses para en Redondela a reparar unha das bicicletas e saudar ao compañeiro ciclista Marcial Carballido, quen fora rexistrador da propiedade en Redondela, establecendo a súa residencia na nosa vila apesares de trocar de destino. Ese mesmo mes celébrase unha carreira entre Vigo e Pontevedra, participando: Curbera, Del Río, Cantalapiedra e Solá. Vencería Curbera batendo o récord entre as dúas cidades cun tempo de 1 hora e 19 minutos, avantaxando en dez minutos aos demais participantes. Tamén batería o récord entre Vigo e Redondela en 30 min. e 45 s. En outubro dese ano serían os afeccionados de Pontevedra os que farían unha excursión a Redondela.
O domingo 29 de maio de 1898, 26 ciclistas do Centro Ciclista de Vigo fan unha excursión a Redondela onde se fixeron fotografías nun restaurante. Encabezaba a comitiva o seu presidente, o notario Eugenio Domínguez, e pechaba o grupo o vicepresidente, José Curbera.

Principios do S. XX: Primeiras competicións.
Nas Festas da Coca de 1909 organízase unha carreira de cintas, modalidade moi de moda naquela época. Nas de 1912 celébranse probas de velocidade, resistencia, obstáculos e negativa.
Un pouco antes, en setembro de 1910, varios ciclistas redondeláns participan en Pontevedra nunhas carreiras organizadas polo xornal El Progreso, da citada vila, na que estaban inscritos máis de 60 corredores. En agosto do seguinte ano, varios redondeláns regresan a competir en Pontevedra onde, con motivo das festas, celébranse probas de velocidade, resistencia e obstáculos. Nesta última vence Manuel Leirós, de Redondela, que será premiado con cincuenta pesetas e unha medalla.

En 1928 celebrouse o I Campionato Galego cun itinerario de 122 km. que comprendía Vigo, Redondela, Porriño, Tui, A Guarda e Vigo. Nestas vilas colocáronse controis realizados polos clubes de futbol, no noso caso o Redondela F. C. Este trazado repetiuse no campionato de 1929, sendo vencedor nas dúas ocasións Manuel Rosales de Marín. En 1930 co percorrido xa habitual gañou Bermúdez.
En 1933 os foguetes e a banda de música saudaba o paso dos participantes da Volta a Pontevedra ao seu paso por Redondela.
Subindo ao Alto da Encarnación, 1934. Facebook Chapela

A mediados dos anos 30 organízanse as primeiras probas na nosa vila:

Volta a Chapela.
O 17 de setembro de 1933 celébrase a I Volta a Chapela, co percorrido Chapela-Vigo-Lavadores-Porriño-Redondela-Chapela. As bases da proba establecen que só poden participar menores de 20 anos e que a liña de saída e meta estará situada diante do salón-baile La Luz del Día. Os premios foron entregados o día 18 en dito salón por Miss Salón La Luz del Día, durante un baile no que actuaron tres orquestras. A inscrición pode facerse en Almacenes Los Chicos, Imprenta Roel e Taberna de Fojo, no Calvario, e no Merendeiro El Canario, en Chapela. Como premios establécense primas na baixada dos Valos, unha copa para o vencedor cedida por Bicicletas Honor e varios obxectos para os primeiros de Chapela. O primeiro en chegar á meta sería Manuel Rodríguez, de Porriño, quedando 2º Ramón Covelo, 3º Fernando Covelo e 11º Edelmiro Pérez, todos de Chapela.
O 10 de xuño de 1934 ten lugar a II Volta Ciclista a Chapela, sen límite de idade. O percorrido de 96 km. sería Chapela-Pontevedra-Marín-Cangas-Vilaboa-Redondela-Chapela. A inscrición custaba 2'5 pesetas e podía facerse no bar La Cepa, de Vigo, na zapatería de Justo López, no Calvario, e na casa El Canario, de Chapela. Entre os premios ademais de copas había todo tipo de obxectos cedidos por establecementos comerciais e afeccionados: reloxos, pneumáticos, unha bufanda, unha camiseta, dúas estilográficas, un frasco de loción, unha cigarreira... O vencedor sería Manuel Parente, de Lavadores, seguido polo famoso Delio Rodríguez, de Ponteareas. O primeiro dos nosos sería Ramón Covelo no sétimo lugar.
Saída da Volta a Chapela, 1934. Foto: Pacheco

Volta a Rande.
O 9 de setembro de 1934 celébrase a I Volta a Rande. Entre os premios destacan unha copa de prata cedida por afeccionados de Redondela e unha cantidade en metálico acadada grazas a unha subscrición aberta na vila. Cóntase ademais, con varias medallas, unha caixa de sidra, unha caixa de licores, un reloxo despertador, unha cigarreira, unha pluma estilográfica... Para o primeiro corredor de Rande unha estatua da Virxe de Luján, cedida por don Antonio Amil, e unha prima de 15 pesetas. As inscricións realizáronse fronte á empresa Vidriera Gallega, en Rande, e na Casa Areal, en Vigo. O percorrido sería Rande-Vigo-Porriño-Redondela-Rande. Non puiden atopar noticias da clasificación final da proba.
Poucos días antes do inicio da Guerra Civil, o 5 de xullo de 1936, celébrase a II Volta a Rande, para corredores non federados. Entre os participantes había equipos de Rande, Chapela e Redondela. Os ciclistas de Chapela Fernando e Ramón Covelo cederon dúas copas de prata. Resultou vencedor Manuel Cruces, de Santiago. Ningún redondelán quedaría entre os sete primeiros e dos de Redondela tan só sabemos que o último clasificado sería José Pío, de Chapela.
Nesta época tamén se colabora con outras probas como dan conta as seguintes noticias: En xuño de 1934, para unha proba en Angoares (Ponteareas), establécese como prima para o paso por Redondela unha copa cedida por uns afeccionados da vila. A finais dese mes o baile La Luz del Día,
cede para a II Volta do Calvario, co trazado Calvario-Redondela-Porriño-Calvario, dúas botellas de coñac para o primeiro ciclista de Chapela que pase por alí, ademais un grupo de mozas lanzará flores ao paso dos ciclistas. En xullo celébrase unha carreira infantil co trazado Vigo-Redondela-Vigo.
Con motivo do primeiro de maio, en 1935 celébranse as primeiras probas ciclistas das que teño constancia no casco urbano de Redondela. Na chegada á meta, un ciclista sufriu unha caída. O coche que viña tras el ao tentar evitalo lánzase contra o público atropelando a varios espectadores, co resultado dun ferido grave e varios leves.
Saída da Volta a Rande, 1934. El Pueblo Gallego
A continuación engado a información recopilada de ciclistas desta época naturais de Redondela.
Covelo, Fernando (Chapela). 1933: 6º na I Volta ao Calvario, 3º na I Volta a Chapela,
Covelo, Ramón (Chapela). Irmán do anterior. 1933: 7º na I Volta ao Calvario, 2º na I Volta a Chapela. 1934: 4º na II Volta ao Calvario, 7º na II Volta a Chapela. En xuño tamén participa na Volta a Ponteareas, non aparecendo entre os cinco primeiros clasificados. 1935: 2º na Vigo-Porriño-Pontevedra-Vigo co mesmo tempo que o vencedor Bernardo Longa 3h 1min 30s para 60 km apesares de ter problemas mecánicos en tres ocasións. Probablemente refírese a el a noticia de xuño de 1935, que da conta do atropelo en Chapela por un camión de Ramón Covelo Durán, de 20 anos, que ía en bicicleta, causándolle lesións na cara e danos por valor de 450 pesetas.
Moreira del Río, Julián (Redondela). 1934: 6º na II Volta ao Calvario. Participou na II Volta a Chapela e na Volta a Ponteareas.
Pérez, Edelmiro (Chapela). 1933: 11º na I Volta a Chapela.
Pío Cabaleiro, José (Chapela). 1934: Participa na Traviesas- Baiona- Traviesas. 1935: 5º na Vigo-Porriño-Pontevedra-Vigo, 5º na Volta á Garda. Participa no Campionato Galego de Fondo. A partir de aquí atopamos a este corredor en probas de atletismo como puidemos ver no apartado correspondente.
Rubín, Santiago. Corredor pertencente ao equipo Velo Club Vigués do que tan só atopo datos en 1935: No Gran Premio de Corpus (Vigo-Ourense-Vigo) gañou a prima de Ourense, retirándose despois ao sufrir unha caída baixando Fontefría. Tamén abandona, desta volta por problemas físicos, na Gran Carreira do Apóstolo (Vigo-Santiago), non sen antes comandar o pelotón ao seu paso por Redondela. Tampouco finalizou o I Gran Premio de Galicia (Coruña-Vigo-Coruña, 320km.), no que se retirou por mor dun golpe ao atropelar a un neno. Seguiu a mala sorte na II Volta a Galicia, na que abandonou por caída. Ademais participou no Campionato Galego de Fondo.

Guerra Civil
Ao quedar Galicia lonxe da fronte de combate, aos poucos meses de iniciada a contenda retómase a celebración de competicións rexionais. En setembro de 1938 o Celta organiza a proba Vigo-Porriño-Redondela-Vigo, na que de 42 participantes, clasifícase 5º o redondelán, José Estévez Rodríguez, gañando copa e 10 pesetas. Os dous primeiros serían José e Pastor, irmáns de Delio Rodríguez.

Posguerra
Trala Guerra Civil xorden novas carreiras que atravesan Redondela como as organizadas pola Sociedad Ciclista de Vigo ou Educación y Descanso e, posteriormente, comeza a celebrarse a Volta ao Morrazo.
En maio de 1940 celébranse en Redondela unha probas infantís organizadas por Argentino Rubín e que consisten en varias voltas ao campo de Petán.
En 1941 volta a organizarse o Campionato Galego de Afeccionados, que pasa pola nosa vila.
En 1944 celébranse probas ciclistas durante as festas da Coca.
No G. P. de Navidad de 1949, con percorrido Vigo-Bouzas-Porriño-Vigo, o redondelán Rivera acada o 8º posto, apesares de chegar tarde e participar con vestiario improvisado.
En 1960 Ducho Vidal vence nunha proba ciclista en Balaidos.


Anos 60: A Sociedade Atlética de Redondela (SAR)
O primeiro equipo ciclista redondelán do que teño constancia foi o de ciclismo e ciclo-cross afeccionado S.A.R. Debutou en setembro de 1964 con vitoria nunha proba en Porriño. En decembro dese mesmo ano celebrou en Redondela unha proba do campionato galego de ciclo-cross xuvenil e de afeccionados. En 1965 organizou o I Trofeo S.A.R. e o Campionato Galego de Fondo de Afeccionados (colaborando o Club Ciclista Vigués) e, no 66, o Campionato Provincial, estás dúas en categorías de ciclo-cross afeccionado e xuvenil. Entre os seus compoñentes contaba con: Horacio Barros (natural de Porriño, campión provincial de fondo afeccionado; e provincial e galego de Ciclo Cross en varias ocasións, grazas á SAR logra participar en varias probas en Guipúzcoa), Alfonso Barcelo (de Porriño, 2º no Cto. Galego de ciclo-cross de 1966), Cándido Lago (de Redondela, 5º no Cto. Galego de ciclo-cross de 1966), Fermín Bouzón Couñago (de Redondela, en 1969 formou parte da selección galega no Campeonato de España de Montaña para aficionados, anteriormente xa gañara varias probas como xuvenil), Juan Rafael Rodríguez (de Porriño), Domingo García (de Chapela, Campión Galego xuvenil), José María Longueira, Raúl Fernández, Eladio Díaz, Eduardo Parada, Alejandro Casal Castro, Manuel Pérez...
SAR, equipo ciclista. Arquivo Albi

Dos de Redondela podemos destacar a:

Domingo García Macías: Velocista natural de Chapela. En 1964 comezou a destacarse como xuvenil gañando varias probas co BH. En outubro debuta no recentemente creado equipo da SAR proclamándose Campión Galego pouco despois. No 65 corría co equipo afeccionado Fagor e coa selección galega. No 66 pasa ao Peugeot e gaña a Volta ao Morrazo. No 67 vence en probas como: Torneo Circuito Urbano (Santiago), Premio Pascua (Pontevedra), Premio de Marín ou a Volta ao Morrazo. No 68 triunfa na Volta ás Rías Baixas e o Circuíto de Lalín. En 1969, contando daquela 22 anos, proclámase Campión Galego Afeccionado e despois de vencer no Trofeo Circuíto da Alameda (Pontevedra) marcha a competir como independente en probas de fóra de Galiza nun intento por pasar a profesionais. Formou parte en numerosas ocasión da selección galega tanto xuvenil como de afeccionados.
Domingo García, vencedor dun circuíto en Santiago, 1967. La Noche.

Outros
Outros ciclistas desta época dos que atopo datos serían:
Juan Rodríguez Alonso: Este redondelán quedaría 5º nunha proba celebrada en Pontevedra en 1965 e na que venceu José Angueira.

Anos 70-80

Pescanova Chapela
Nesta época competiu o equipo ciclista afeccionado, Pescanova Chapela. Aquí formáronse varios ciclistas que darían o salto á categoría profesional (entre eles tres de Chapela como veremos máis adiante). Probablemente o primeiro foi Jose Manuel Uría, que en 1991 fichou polo Clas-Cajastur. O Pescanova sería un dos tres equipos afeccionados que participaron na Volta Galega de 1987 xunto a nove profesionais españois e dous portugueses.
Pescanova. Foto cedida por Manuel Aguiar Rodríguez

C. C. Redociclo
Nos anos 70-90 na categoría ciclo-turista tamén contabamos co Club Ciclista Redociclo, que ademais tiña equipos en categorías inferiores. Entre as competicións que chegaron a organizar podemos citar o Campionato Galego Cadete de Fondo no ano 1981. A mediados dos 80, o seu equipo infantil era dos mellores de Galicia.
AlejoGonzález presidente de Redociclo. Faro de Vigo, 1981

Ciclistas.
Aparte dos logros do Pescanova nesta época hai que citar a Jorge Javier Piñeiro Rodríguez, de Cedeira. En 1987, pertencendo ao C.C. Cortizo-Peña Blanco Villar de Rois (Padrón), proclamouse campión galego cadete e foi seleccionado para participar no Mundial xuvenil.


Redondela nas grandes voltas.
A proximidade con Vigo impide a organización de saídas e metas en grandes voltas, pero do mesmo xeito, provoca que sexa un lugar de paso habitual da Vuelta a España e da Volta a Galicia. Como curiosidade dicir que en varias ocasións Redondela formou parte do itinerario da Volta a Portugal. En 1967 pasa por partida dobre a Carrera Ciclista Preolímpica, cos seleccionados para as Olimpiadas de México co itinerario Pontevedra-Porriño-Tui-Vigo-Pontevedra.
Carreira Preolímpica ao seu paso por Redondela, 1967. La Noche
 En 1980 traballadores da empresa Telanosa paralizan a Vuelta a España, lanzando chinchetas e provocando numerosas picadas.
En 1981 celébrase o Campeonato de España de Fondo no circuíto Vigo-Porriño-Redondela-Vigo, no que venceu Francisco Caro e co porriñés Blanco Villar como gran animador. Este ano tamén finalizaría na nosa vila o Campionato Galego de Fondo, no que vencería José Carlos Táboas Paso.
A nivel organizativo o máis destacado foi en 1988 a saída da 5ª e derradeira etapa Redondela-Vigo da Volta a Galicia na que venceu Acacio da Silva. A xeral sería para Marino Lejarreta seguido por Álvaro Pino e, un aínda descoñecido, Miguel Indurain, mais aquel día o autógrafo máis cobizado era o de Pedro Delgado. Outra etapa desta proba con saída dende Redondela, sería para Luc Leblanc en 1994, quen declarou que gañara grazas aos chocos que comera no bar Porrón antes da saída. Lideraba daquela a clasificación Laudelino Cubino. Antes, no 1989, un sprint especial sería gañado por Dáz Zabala.
Outros premios: En 1954, un sprint da Vuelta Ciclista a Pontevedra y el Ribero sería para o mítico Miguel Poblet. En 1984 Jose María Caroz do equipo Dormilón, se adxudicou unha meta voante da Vuelta a España. En 1987 un sprint especial nesta mesma volta sería gañado por Antonio Esparza.
Tamén destacar o habitual paso por esta vila da proba Volta Ciclista ó Baixo Miño e Val Miñor que na súa 35 edición, en 1990, chamouse Gran Premio Concello de Redondela, sendo saída e chegada dun percorrido de 166 quilómetros.
En 1988 e 1989 a Marisma foi o lugar escollido pola Peña Ciclista Olívica para organizar o Campionato Galego de Ciclo-cross (II e III Trofeo Concello de Redondela). As dúas probas serían dominadas de principio a fin polo porriñés Jesús Losada, que neses dous anos sería convocado para participar no campionato mundial.

Actualidade
En 2008 un grupo de rapaces redondeláns comezou a construción dun circuíto de BMX nos montes de Cedeira. Tamén destacar que son varios os que practican outro deporte novo o Gravity Bike.
En 2013 nace un equipo que compite na Élite-Sub23 o Racing Ciclyng Team GD, proxecto no que está involucrado o ex-profesional Enrique Salgueiro. O seu nome varía cada ano polo baile de patrocinadores sendo no 2018 Guerciotti-Kiwi Atlántico. En 2019 o equipo da un salto de calidade e pasa á categoría Continental UCI, con presencia en 20 países e 3 continentes.
2017 Team Guerciotti. Rañó Fotografía
Tamén no 2013 créase en Chapela a Escola de Ciclismo de Redondela dirixida nos seus inicios polo ex-ciclista, Marcos Serrano. Pronto chegan as primeiras victorias e xa na Gala do Ciclismo Galego 2016 foron premiados tres dos seus corredores: Carla Fernández Torres, en categoría cadete gañadora do Rankin de Ciclo-cross; Íñigo Rodriguez Beltrán, gañador do Rankin e do Open Galego de Ruta en categoría Cadete; e Claudia Portela Rodríguez, gañadora do Rankin BTT-XCO en Junior. 
Escola Ciclismo Redondela 2013. Facebook do equipo
 
Nos derradeiros anos vense organizando de noite a Marcha B.T.T. La Luciérnaga. A afección pola bicicleta de montaña fai que nazan clubs de afeccionados como Pa Casa, Os das Nove e Media Pasadas ou El Lado Oscuro.
Por último, citar á Marcha Ciclista organizada polo Centro Recreativo de Cedeira que se celebra dende os anos 80.
Pa Casa. Facebook


Ciclistas
Os ciclistas do noso Concello que chegaron ao profesionalismo foron:

Marcos Antonio Serrano Rodríguez (Chapela 8-9-1972). Formado no Pescanova Chapela, deu o salto a profesionais en 1993 co equipo Kelme. Axiña se destacaría coma un gregario de luxo e un gran escalador. Pasou polas filas do ONCE-Eroski, Liberty Seguros e Karpin Galicia, retirándose en febreiro do 2008.
No seu palmarés figuran unha etapa no Tour de Francia (2005), a Milán-Turín (2004), a Volta a Galicia (1999) e a Volta a Castela e León (2001). Chegou a quedar décimo tanto no Tour de Francia como na Volta a España, algo moi meritorio se temos en conta que a única vez que correu como xefe de filas nunha gran volta, tivo a desgraza de ter que retirarse por mor dunha caída.
Como xa citamos, unha vez retirado involucrouse na creación da Escola de Ciclismo de Redondela e dende o 2015 exerce como máximo responsable deportivo do CC Rías Baixas.
Marcos Serrano. Etapa Tour 2005. Foto: Robert Laberge-Getty Images Sport

Enrique Salgueiro. Facebook
Enrique Salgueiro Alonso (Chapela 2-05-1981). Debutou en profesionais no 2003 co equipo Beppi-Pepolim (Portugal). En 2005 pasaría ó español Spiuk Semar e no 2007 ó Karpin-Galicia. En 2008 voltou ó Extremadura-Spiuk que pouco despois sería descendido a categoría amateur. Despois de pasar polo Seguros La Estrella de Vigo, en 2012 regresa a profesionais co equipo portugués La Aluminios Antarte. No 2013 pasa a disputar a categoría Élite fichando polo Rías Baixas. Pouco despois embárcase na aventura do xa citado equipo redondelán Racing Ciclyng Team GD. En 2015 é cedido ao Rías Baixas como reforzo para disputar á Volta a Lleida. Pouco despois retírase para exercer como director do equipo de Redondela.
Nos seus sete anos como profesional conseguiu unha etapa e xeral da Volta a León e outra etapa e xeral na francesa Volta aos Pirineos. No 2009 como amateur liderou de principio a fin a Volta a Galicia.
David Abal. Karpin Galicia

David Abal Diego (Chapela 25-08-1986). Campión galego de BTT, campión de España de Ciclo-cross no 2002 e campión galego de fondo e contrarreloxo no 2005 e 2006. Correu como profesional no Karpin-Galicia as tempadas 2007 e 2008, esta última co nome Xacobeo Galicia. Nas tempadas 2009 e 2010 formou parte do equipo afeccionado Cueva el Soplao. Continuou ligado a este deporte como adestrador da Escola de Ciclismo Redondela.






Samuel Blanco, 2016. Atlántico
Samuel Blanco Prol (Chapela, 3-6-1994). Iniciouse con 16 anos no Club Ciclista Vigués, pasando logo ao Supermercados Froiz e ao Rías Baixas. Con este último, no 2016 proclamouse Subcampión Sub23 no Campionato Galego contrarreloxo, gañador da Volta a Galicia e do GP Cidade de Vigo. En decembro dese mesmo ano da o salto ao profesionalismo fichando polo equipo portugués LA Aluminios Metalusa. No 2018 comeza a tempada co equipo afeccionado de Padrón, Cortizos-Anova, fichando pouco despois polo profesional portugués Liberty Seguros Carglass, co que corre por primeira vez a Volta a Portugal. No 2019 regresa ao Rías Baixas, sendo o seu mellor resultado un 3º posto na Challenge Vetusta (Oviedo). No 2020 volta a fichar polo Supermercados Froiz.



Outros novos valores cos que contamos son: Adrián Abelleira Bastos (Copa Deputación Junior, 2014) , David Pérez (Campión Junior Galego 2013) ou Daniel Gómez Otero, quen fichou en xaneiro do 2018, con 21 anos, polo equipo redondelán Guerciotti-Kiwi Atlántico. 
 
Noelia Serrano. ciclismofem.wordpress

En categoría feminina Noelia Serrano Albraldes (22-08-1999), no 2018 competirá por primeiro ano na categoría Sub23 co Clube Ciclista Farto. Sería a súa volta ao ciclismo despois dun ano lesionada.









Alex Martínez. CampiónEspañaBMX2019. Facebook
En BTT Freestyle, Alex Martínez Rodríguez (Vilar de Infesta) acadou no 2018 o Campionato de España Junior na categoría Park. No 2019 sufriu unha fractura de tibia cando estaba clasificado para a final do Cto. Europeo Wizinkcenter.









Entre os veteranos podemos citar a:

Diego Félix Álvarez. No 2002 quedou 3º no Campeonato de España Junior de BTT Descenso. Ese mesmo ano acadaría a 1ª posición do Ranking da Federación Galega nesa categoría. No 2008 sería 8º no Campeonato de España de Descenso Élite. No 2018 3º no Cto. de España de Descenso Máster 30.

Albi Rozas, de Chapela, foi quen de completar en 38 horas o Camiño de Santiago desde Roncesvalles. No 2017, superaría este reto facendo os 1.061 quilómetros que separan Cádiz de Santiago en 52 horas e 38 minutos. No 2019 tentou realizar o Camiño a Santiago dende Albufeira (Portugal) en menos de 50 horas pero unha lesión preto da fronteira con Galiza impediulle completar o recorrido.
Albi Rozas. Foto: A. B.-Faro de Vigo
            Paco Araújo conseguiu con 65 anos completar a proba de BTT Cuatro Picos en once horas.
Pola súa banda, Francisco Barciela, de Cedeira, proclamouse no 2012 campión galego de fondo en categoría Master 40.
Francisco Barciela 2º pola esquerda. Foto: codigoatlantico. com

Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA
Seren Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
120 años de ciclismo galego‎. Xerardo González Martín 2007.
El Mundo Deportivo (dende 1906): www.elmundodeportivo.es/hemeroteca
La Idea
Faro de Vigo
La Voz de Galicia
Atlántico Diario
Galipedia
www.clubciclistariasbaixas.com
www.anosaterra.org
Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Noticiero de Vigo, La Correspondencia Gallega, Vida Gallega, Eco de Galicia, Diario de Galicia
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Los Deportes, Heraldo Deportivo, El Deporte Velocipédico








domingo, 28 de junio de 2020

Boxeo

        
César Campuzano. Foto cedida por Alberto Canle
 
      O noso boxeador máis destacado foi o peso medio, César Campuzano, de nome completo Teodoro César Campuzano Sanz. Apesares de que na Federación Española de Boxeo figura como nado en Redondela cara a 1907 (outras fontes establecen o ano 1905), en visita realizada ao rexistro da nosa vila non atopei o certificado de nacemento. A isto hai que engadir que nun xornal da época afírmase que naceu en Pontevedra. De tódolos xeitos o que si é certo e que a prensa o consideraba como un boxeador de Redondela. Aquí se criou e aquí rexentaba un cine o seu pai Nicolás Campuzano. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/os-cines-de-redondela.html ) Os seus combates eran seguidos polo público redondelán e, en menor medida, polo de O Porriño, onde se estableceu o seu irmán Arturo.
        Con once anos, en 1918, emigrou coa súa nai a Arxentina, onde se adicou a actividades comerciais e tamén practicou o rugby e o remo. O combate entre Dempsey e Carpentier espertoulle a súa afección polo boxeo iniciándose na súa práctica no C. D. Barracas. En 57 combates tan só sofreu sete derrotas aos puntos, unha delas ante Méndez, campión arxentino e finalista nas Olimpiadas de París de 1924. Tamén destaca desta época o seu match nulo ante o uruguaio Gómez Campión Panamericano.
        A imposibilidade de pelexar coa selección arxentina provocou a súa volta a España en 1928. Baixo as ordes da Federación Española presentouse o 9 de xuño nun combate de exhibición durante os Campionatos de Cataluña, loitando co tamén retornado Dionisio Fernández, nado en Zamora. Precisamente este boxeador salvaríalle a vida uns días despois cando se foron a bañar no mar ao saír do adestramento. As olas impedíanlle a César regresar e subir ás rochas, sendo golpeado contra elas, ata que Dionisio conseguiu sacalo da auga. O propio Campuzano co seu acento arxentino explicaba nos xornais da época o sucedido:-“Primero sentía el percanse por el agua que tragaba. ¡Che! Pensaba que iba a subir otra vez de peso. Pero, ¡que farra!, luego no me quedaba ya tiempo sino para pensar en mis viejos”.
 
César Campuzano coa súa familia en Redondela. Foto cedida por Alberto Canle
César Campuzano coa súa familia en Redondela. Foto cedida por Alberto Canle


 Ese mesmo ano acadou o Campionato de España Amateur de peso medio (75 Kg.), o que lle valeu a súa clasificación para as Olimpíadas de Amberes 1928. Nesta competición non pasou a primeira eliminatoria, perdendo co estadounidense H. H. Henderson. Nun xornal da época no que se analiza a derrota dos boxeadores españois, a vitoria do americano achácase a unha decisión arbitral considerada unha “incalificable usurpación”. Tras as Olimpíadas debutou como profesional en Vigo o 4 de outubro de 1928, nunha velada a prol da Asociación de Prensa. Enfrontouse daquela a Recio, campión de Andalucía e Levante ao que venceu cun rotundo K. O.
En 1929 o campión de España en peso medio foi penalizado con seis meses de suspensión e a perda do título que se poría en xogo. Entre os aspirantes ao campionato resultaron finalistas Campuzano e o catalán Lorenzo. Gañaría este último aos puntos no combate definitivo celebrado en Valencia o 31 de maio de 1930. Esta loita fora atrasada por enfermidade de Campuzano, quen solicitou a repetición do combate por non poder prepararse en condicións, mais nunca volveron a pelexar polo título. Ese mesmo ano vence a Frías, campión de Cuba.
O único combate deste boxeador en Redondela do que hai constancia foi en marzo de 1930,
no primeiro certame de boxeo organizado na vila. Celebrouse no Círculo Mercantil de Redondela a prol das familias dos mariñeiros falecidos nunha tráxica xornada na que naufragaron un barco de Redondela e catro de Bouzas. Houbo dous combates de exhibición, o de César Campuzano Sanz contra Edelmiro Morales “Cañoto” (Vigo, Campión de España 1930) e o de Lafuentre contra Julián. Naquela xornada tamén competiron catro afeccionados locais dos 5 combates programados: Varela venceu a González, por puntos; Arturo Pérez a Besada, tamén aos puntos; Ramón Rey a Gallego, por eliminación; Chalala e Novás, combate nulo; e no de Posada e Ferrón, retirouse este último por desacordo cos xuíces nomeados. A velada completábase coa exhibición ximnástica de tres rapaces vigueses.
En setembro de 1930 Campuzano anuncia dende Zamora, onde se atopa aumentando o seu palmarés, que en novembro partirá cara a Buenos Aires, onde foi contratado para unha serie de combates. Estableceríase naquel país, onde despois de deixar o boxeo fundaría a Peña Amigos del Box, coa que a mediados dos 50 se reunía cada mes para homenaxear aos antigos boxeadores.

Outros boxeadores.
Entre os amateurs que participaron na velada en Redondela que vimos anteriormente atopábase tamen o redondelán González que sería derrotado aos puntos por Varela.

Outro boxeador daqueles anos sería Eugenio Garrido Iglesias “La Ciencia del Ring”, veciño de Saxamonde. En 1930 e con tan só 18 anos xa se fai un oco entre os boxeadores galegos de peso pluma, enfrontándose entre outros a Cabaco (Gondomar), Gil Sánchez (Ferrol), Lapido, Mario... Nese mesmo ano caese do programa dunha velada de boxeo por comunicar os seus familiares que levaba tres días desaparecido. Sería o inicio dunha caída que remataría coa súa detención en novembro de 1932 por agredir a un taxista e cometer varios roubos.
En 1941 comeza a competir Amador Costas, de Chapela, considerado daquela como un “welter de pegada fácil” e que con tan só dous combates xa tiña ofertas para ir boxear á Coruña. En 1944 despertaron moito interese os seus combates co ourensán King Kong.
Outro destacado era Francisco González Sánchez (Paco Piriquito), campión militar de natación e boxeo, que en 1958 pelexou varias veces contra Jesús Martínez, de Pontevedra. Outros dos seus opoñentes serían Valentín e Maquieira. Tamén boxeaban naqueles anos Fontán, de Redondela; e Pozas”, de Cabeiro.

Nas festas da Coca de 1952 houbera unha velada de boxeo no cine Fantasio (daquela cine Figueiral) que tiña como derradeiro combate o de “Raspeli e Rosini”, que non eran outros que os redondeláns Raspelo e o fillo da Rosina. Como os dous eran amigos, puxéronse de acordo para amañar o combate e gañar os cartos sen mancarse. Pero nada mais comezar, a un deles se lle escapou a man golpeando fortemente ao outro, que enfadado devolveu o puñazo. A cousa foise quentando e ao rematar, os dous recibirán cadansúa morea de golpes.
Voltou a celebrarse unha velada de boxeo nas festas da Coca de 1971, nun programa que incluía loita grecorromana: “Welter: González-Cañoto (Vigo). Gallos: Rebollo (orensano)-Bernárdez (Vigo). Super- welters: Martínez Leal (Coruña)-Silva (campeón galaico- astur). Super-ligeros: Jaime (gran noqueador)-Carrera (finalista campeonato de España). Plumas: Vieitez (orensano)-Campos (campeón galaico-astur). Combate de Fondo (ligeros): Puialto (campeón gallego)-Zamora (subcampeón de España).”
 
Judith Barbosa 2011. Foto: Óscar Vázquez-La Voz de Galicia
 
No 2006 se celebrou no pavillón a III Gran Velada Internacional de Boxeo de Redondela. Foi a primeira vez que pelexou en Redondela Judith Barbosa Sotelo (Cesantes 1988) que no 2005 e con tan só 17 anos acadou o Campionato de España (daquela oficioso). Máis tarde pasaría a adestrar no centro de alto rendemento de Murcia. No 2011 revalidou o título de peso lixeiro, 60 kg., e pasou a formar parte do equipo pre-olímpico español, que por desgraza non se clasificou para as primeiras Olimpíadas con boxeo femenino. No 2014 acadou o seu terceiro campionato de España, nesta ocasión en peso welter-lixeiro, 64 kg. Despois de ser nai e compaxinando o boxeo co seu traballo coma militar acadou o seu cuarto campionato en 2018, en categoría welter, 69 kg.
Actualmente en Redondela contamos co club de boxeo Gimnasio Escuela Omnihum.

Autor: Juan Migueles


 
BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Aportes: Alberto Campuzano Canle e Manuel Migueles
Mundo Deportivo
ABC
Galiciana http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, La Noche, La Región 


 

sábado, 27 de junio de 2020

Balonmán

Inicios
A mediados do século XX a O. J. E. organizou dous equipos de balonmán:
San Simón. Na categoría de cadetes. En 1953 xa disputou a fase final do campionato provincial de balonmán A-7 do Frente de Juventudes de Falange. En 1968 venceron no campionato provincial clasificándose para o sector con: Juan, Amil, Castro, Eduardo, José Luis, Lago, Dosi e Argibay.
Los Arqueros. Equipo xuvenil, que participaba nos Juegos Nacionales de la O. J. E., chegando a ser campión provincial en 1967 e quedando 3º no sector con: Victoriano, Orge, Abal, Pichi, Amoedo, Chimino, Paco Reboredo, Juan, Jose Ramón e Miguel Figueroa.
Nesta época para fomentar a afección a este deporte no noso concello, xogáronse varios partidos que soían celebrarse no campo de Santa Mariña. Como exemplo, dicir que en xuño de 1959 tivo lugar o Unión Sampaio-Salcedo, pertencente á Copa Pontevedra. En setembro de 1960, con motivo da “I Exposición Móvil de Avance Provincial de 1940 a 1960”, xogaron o Vulcano de Vigo e o Teucro de Pontevedra. En xuño de 1962, regresaron a enfrontarse o Vulcano e o Teucro, na final do “Trofeo Confecciones Carral”.

Chapela
 
1967 Chapela 1ºequipo 1967.
Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia.

O equipo de Redondela con mellor palmarés é o S. D. Chapela. Debutou, estreando campo, en 1967 co nome Atlético de Chapela. Para adestrar ao equipo convenceuse a Francisco Domínguez Araújo “Paco”, veciño de Chapela e daquela xogador do Vulcano de Primeira división. No seu primeiro partido venceu ao Semca 11-8, formando: Castro, Paco, Ballesteros, Campos, Cándido, Casal, Senlle, Otero, Veiga, Collazo e Santorio. En 1968 durante a celebración dun “torneo relámpago” durante a III Semana de la Juventud, o At. Chapela entrega ao párroco Juan Manuel González Blanco e a Alfonso Freijeiro, que abandona o cargo de tesoureiro, a insignia de ouro do club e a de prata ao adestrador Francisco Domínguez, pola súa marcha ao servizo militar.
En 1969, sendo aínda equipo de Terceira, organizou o I Trofeo Occidente. Ascendeu a Primeira División en 1970 despois de vencer en Liga e Copa. En 1972 comeza a organizar o Trofeo Bazar Víctor Mencía, financiado por este para que o club tivera un campionato de verán.

O seu maior éxito foi o ascenso á Liga Asobal conseguido o 28 de abril de 1996, despois de proclamarse campión da División de Honra B. Na seguinte tempada, ademais do Chapela xogarían na máxima categoría Cangas, Octavio de Vigo e Teucro de Pontevedra. Conseguiu manterse na máxima categoría catro tempadas, chegando a gañarlle ao Barcelona no seu propio campo. A súa mellor tempada sería a 1997-1998 acadando o 7º posto na liga e caindo eliminados en cuartos de final da Copa do Rei. Tristemente, despois de descender na 1999-2000 a acumulación de débedas levaron ao club á desaparición. Por sorte, a praza do equipo en Primeira mantívose grazas a cesión a un novo club, o Deportivo Balonmán Chapela.

 No 2017 a Real Federación Española de Balonmano concedeulle ao seu presidente, ex-xogador e ex-adestrador, Manuel González Soto, a Medalla e Insignia ao Mérito Deportivo. En novembro do 2018 o pleno do Concello aprobou darlle o seu nome ao pavillón de Chapela.
O equipo xuvenil masculino formouse a finais de 1967. En 1970 clasifícase por primeira vez para xogar o sector. Na 1971-72, acadou o Campionato Galego e o 5º posto na fase final do Campionato Nacional.

A sección feminina foi creada en 1979. O seu primeiro gran triunfo foi na categoría cadete, campión galego 1993. Ao ano seguinte o equipo de segunda nacional iniciou unha racha de cinco títulos de liga seguidos, pero o ascenso á División de Honra Prata non chegaría ata o ano 2013. Entre as súas xogadoras destacar a Emma Prieto que formou coa selección española en varias ocasións.
 
1979 Chapela feminino Foto web do equipo


S. A. R.
O outro club da vila é a Sociedade Atlética de Redondela (S.A.R.) que como xa dixemos foi fundado o 6 de agosto de 1963, si ben é certo que o equipo de balonmán non comezaría a competir oficialmente ata decembro de 1964 cun equipo formado por: Manuel Acosta, José Augusto Ventín, Gumersindo Guedella (capitán e adestrador), Manuel Fernández, Ramón Castro, Miguel Carreira, Agustín Lobera, Ramón Tojeiro, Plácido Ramonet, Amador Pérez Reboredo e Casal. 
 
1965 SAR. Foto cedida por Carmen Bas
 
En 1968 recibiu a Placa de Plata al Mérito Deportivo. En 1969 ascenden a Primeira Provincial. Despois de 4 anos promovendo por fin en 1981 acadan o ascenso a Primeira Nacional. Na tempada 1997-98 quedou invicto na Primeira División, promovendo na fase de ascenso á División de Honra B. Na 2007-08, acadou un novo ascenso a Primeira División e gañou a Copa Federación. Recentemente, recibiu un premio como mellor Clube Galego de Balonmán, destacando a súa laboura nas categorías base.


En 1967 formouse o equipo feminino, daquela patrocinado por Regojo. As precursoras deste deporte en Redondela foron: María Argentina González, Isabel Jiménez, Marcelina Túnel, Ceferina Saa, Josefa Pérez, María del Carmen Hermida, María del Carmen Hortas, María Rodríguez, María Albina Reboredo e María Hortas González. Entre os logros desta sección esta o primeiro ascenso á 2ª División en 1974 ou a clasificación para o Campionato Nacional xuvenil. No 2015 acadaría o ascenso á División de Prata.

SAR feminino, sen data. Arquivo Albi
 
Da canteira destacar que chegou a loitar en categoría xuvenil masculina polo Campionato Nacional en 1985. Nesa mesma tempada o equipo do Instituto de Redondela, formado por xogadores da S.A.R., gañou o Campionato de España Escolar xuvenil.
Tamén citar neste clube ao adestrador Javier Cordero que en 1985 recibiu a Medalla de Plata al Mérito en Balonmano otorgada pola Federación Española de Balonmano.

            No 2019 o equipo feminino da SAR sofre unha escisión en categorías inferiores nacendo As Choqueiras.
C. D. Vilar-Cabeiro
            Clube xa desaparecido. Fundado nos 70 por Jose Carlos Iglesias, mestre de Vilar e gran dinamizador do deporte nesta parroquia. Comezou sendo un equipo alevín e infantil de fútbol, creándose logo equipos de balonmán nas categorías infantil feminina e xuvenil e sénior masculina, chegando a xogar este último equipo en segunda. En 1973 organiza a I Olimpiada, torneo de verán nas categorías coas que contaba o club e con probas tamén de ciclismo e fútbol.
 
José Carlos Iglesias. El Pueblo Gallego


Outros datos
En 1966 a SAR organizou a I Liga de Balonmán Infantil con 4 equipos. Na terceira edición competiron 14 equipos locais: Spakos, Lombardos, Hong Kong, Relámpagos, Spakos B, Senadores, Reboreda, 7 Leones, Cesantes, Sajamonde, Hong Kong B, Media Luna, Halcones e Wikingos. En 1972 nesta liga tan só participan 4 equipos, impoñéndose o Reboreda a Riveira, A. E. Redondela e Poderosos.

1967 Liga  de Balonmán Infantil. La Noche.
 
No vran de 1970 no Torneo de Playas celebrado en Samil (Vigo) participaron At. Chapela, que chegou á final, Tesoro de Rande, semifinalista, e Gonzacoca (Chapela). Os dous primeiros tamén participarían no campionato xuvenil.
Con motivo da celebración das Olimpiadas en Barcelona na tempada 1985-86, comeza a xogarse o campionato nacional de seleccións autonómicas de xuvenís, baixo o nome de Objetivo 92, sendo retransmitido por TVE. O equipo que aportou máis xogadores á selección galega, que remataría segunda, foi a SAR: Germán Muíños, Javi Orge, Xorxe Fontela, Domingo Pérez "Mingui", Jose Orge "Cuni" e Daniel Virulegio. Derrotarían a Madrid en semifinais, sendo derrotados na final por Cataluña. Ao ano seguinte a nosa selección quedaría terceira repetindo no campionato José Orge “Cuni”.

Tamén xogou no Objetivo 92, pero en categoría cadete, Chus Guedella, enfrontándose coa selección galega a Asturias e Castela e Leon. Despois sería convocado coa selección española para xogar un torneo en Iugoslavia que se suspendería un par de semanas antes do inicio. Ficharía daquela polo Teucro xuvenil, co que quedou octavo no Campionato de España dous anos consecutivos, coincidindo no segundo co porteiro de Chapela, Oscar Puch. Logo xogaría en maiores co S. D. Chapela.
A nivel organizativo en 1989 xogáronse, tanto en Redondela como en Chapela, partidos correspondentes ao Campionato Mundial Júnior. Daquela a selección española estaba composta por xogadores como Barrufet, Masip, Urdangarín ou Barbeito.


BALONMÁN. XOGADORES-AS
Balonmán Masculino.
Xogadores anos 70/80
Amoedo, Francisco "Paquiño": Formado na S.A.R. acadou o ascenso á División de Honra (Asobal) co 3 de Mayo. Tamén xogou nesta categoría co Octavio (1976-1980). Logo regresaría ao 3 de Mayo co que xogaría na División de Honra B e na Primeira División, retirándose con máis de corenta anos.

Manuel González Soto. El Pueblo Gallego
González Soto, Manuel: Xogador do Chapela que en 1974 fichou polo Teucro de División de Honra. Isto non lle impediu seguir sendo adestrador dos equipos sénior e xuvenil do Chapela. Deste club tamén sería directivo e presidente e, como xa comentamos, en 2018 o pleno do Concello aprobou darlle o seu nome ao pavillón. O seu labor sería recoñecido anteriormente coa medalla de ouro da Consellería de Deportes e da Real Federación Española de Balonmán e coa homenaxe que se lle tributou na Gala do Deporte Feminino Galego 2018.





Juri, Leonardo "Leo": Pasou da S.A.R. a xogar na Liga Asobal co Octavio (1976-1980). En 1980, ficha polo equipo canario 3 de Mayo, co que acadou o 4º e 5º postos, a Copa do Rei e disputou en dúas tempadas a Copa IHF. Destacar tamén que en 1984 participou no primeiro encontro da selección galega que perdeu fronte a España 36-9. Antes de retirarse tamén xogou no modesto Arona.
Despois de retirarse seguiu vinculado ao balonmán como adestrador da categoría base e como presidente do Tacaronte.
 
Leo e Paquiño co Octavio 1976-77. Foto: Web do clube.


Xogadores anos 80/90
Ballesteros, Oscar (Chapela): Xogou co SD Chapela en Asobal, fichando logo pola SAR en 1ªA.

Cabaleiro, Pablo (Chapela): Xogou co SD Chapela en Asobal.

Jose Luis Fernández Foto Xoan Carlos Gil-La Voz de Galicia
Fernández Costas, José Luis “Chof” (Chapela): Pivote. Xogou dende os 12 aos 26 anos no SD Chapela, co que competiu dúas tempadas en Asobal. Logo pasaría catro tempadas co Teucro, as dúas últimas en Asobal. No 2001 fichou polo Calvo Xiria, de Carballo, de Primeira División.






Ferreras Fontenla, Xorxe (Redondela): Da S.A.R. deu o salto á Asobal da man do Teucro e o Octavio (1993-1994).
1993-94Octavio . Quique Orge  e Xorxe Ferreras Fontenla. Web do clube

Agustín Lago Web da SAR
Lago, Agustín (Tito) (Cesantes): Lateral dereito. Procedente da canteira da S.A.R., debutou co S.D. Chapela na Asobal. Logo tornaría á S.A.R., equipo no que seguiría en activo ata o 2016.










Germán Muíños, mellor porteiro da Copa 1995.
Muíños Docampo, Germán (Redondela): Porteiro. Seleccionado Nacional B e nas categorías inferiores. Formado na canteira da S.A.R. a súa boa actuación no mencionado campionato Objetivo 92 valeulle a convocatoria coa Selección Española Xuvenil e a fichaxe polo desaparecido Caja Madrid (1986-90). A súa mellor tempada na máxima categoría sería a 1988-89, na que o equipo acada o terceiro posto na liga e, en Europa, cae eliminado na semifinal da Copa IHF. Logo pasaría ao Teucro (1990-94) e Octavio (1994-1997). Mellor porteiro da Copa do Rei de 1995 da que foi finalista co Octavio. Con este equipo tamén sería 4º na Liga Asobal 1996-97, 5º na 1995-96, semifinalista EHF 1996-97 e semifinalista Copa City. Retirouse en decembro de 1997, cando disputaba a súa novena tempada na Asobal.

Orge, Javi (Redondela): Despois de participar no Objetivo 92, en 1987 o equipo xuvenil da S.A.R. vence no sector autonómico, sendo distinguido como mellor xogador do torneo. Foi fichado polo Lalín, Cangas (1993-94) e despois disputaría a Asobal co Teucro e Octavio (1994-1997). Con este último foi finalista da Copa do Rei 1995, 4º na Liga Asobal 1996-97 e 5º en 1995-96; e semifinalista EHF1996-97.
Octavio. Final copa Asobal, 1995. Javi e Germán
Orge Míguez, Quique (Redondela, 1974): Curmán do anterior. Central nado o 28-12-1974. Pasou de Primeira División, coa S.A.R. (1992-93), á Asobal co Octavio Pilotes Posada (1993-94). Despois pasaría á S.D. Chapela (1994-96) coa que ascendería á Asobal. Xogaría tamén na máxima categoría co Teucro (96-97 e 97-98) e outra vez co Octavio (1998-99). Por motivos laborais ficha polo Xiria de Carballo co que xoga unha tempada en Segunda e as tres seguintes en Primeira. En febreiro do 2003 con tan só 28 anos deixa o balonmán por motivos laborais.


Pérez Souto, Domingo "Mingui" (Redondela): Formado na S.A.R., xogou en División de Honra co Teucro e co Lalín na División de Prata.

Pérez Souto, Rodrigo "Rodri" (Redondela, 1970): Irmán do anterior. Toda a súa carreira deportiva na S.A.R. Xogou na Selección Española Júnior.
S. XXI
Pablo Docampo Foto www.eurohandball
Docampo, Pablo (Redondela, 17-5-1985): Nas tempadas 2007-08 e 2008-09 disputou a Challenge Cup co University of Manchester.












Rubén Gómez co Chapela, 2014-Atlántico

Gómez García, Rubén: Do D. B. Chapela, chegou a xogar coa Selección Galega no 2013 e 2017.






 
Eloy Krook. Web Frigorificos Morrazo
Krook, Eloy (Saxamonde): Lateral esquerdo. Formado na canteira da S. A.R. Con 19 anos fichou polo Frigoríficos Morrazo, para a tempada 2011-2012, na que o equipo acadou o ascenso á Asobal, categoría na que continuou con este club ata a 2016-2017. En xuño deste último ano fichou polo Villa de Aranda e ao ano seguinte polo ARS Palma del Río. No 2019 pasa ao Vestas BM Alarcos, de Ciudad Real, e no 2020 volta a Galicia co Acanor Novás, sendo todos estes equipos da División de Prata.



Roberto Sánchez. Villa de Aranda 2016-17

Sánchez Figueroa, Roberto “Bicho” (Chapela, 1990): Extremo esquerdo. Entrou a formar parte do S. D. Chapela con seis anos. Alí se formou pasando ao primeiro equipo cando aínda era xuvenil. En maio de 2013 fichou polo equipo da Asobal, Villa de Aranda, no que milita cinco tempadas chegando a exercer como capitán. No 2018 volta ao D. B. Chapela. Selección Galega.





Valores de Futuro
Daniel Virulegio: Formado nas categorías inferiores de la SAR, no 2019, enrolado no Cisne de Pontevedra, foi convocado por primeira vez para una concentración no Centro de Alto Rendimiento de Granada ca selección española de balonmano na categoría xuvenil.


Balonmán Feminino
As precursoras

Na primeira época dourada do balonmán masculino redondelán as nosas xogadoras non se quedaban atrás e en abril de 1987 eran preseleccionadas da SAR para formar a selección galega: Mónica Docampo, Josefina Cayetano, Angeles Rodríguez, Marina Orge, Dolores Vilaboa, Uxía Rodríguez e María José Fernández.
As primeiras xogadoras en disputar a División de Honra serían da SAR, Josefa Cayetano Montero e Toñi Carballeira, que ficharían polo Citröen, de Vigo, club que disputou por primeira vez esta categoría na tempada 1985-86.


S. XXI
Bibi co Porriño, 2012 Foto Atlántico

Amoedo Cabaleiro, Bibiana “Bibi” (A Portela-Cedeira): Xogadora procedente das categorías base da SAR, equipo no que xogaba como lateral. Fichou polo C. B. Porriño que militaba na División de Prata pasando a ocupar a demarcación de pivote. Con este club acadou o ascenso á máxima categoría, na que xogou varias tempadas. En decembro do 2012 deixa este equipo para continuar os seus estudos no estranxeiro. Formou parte da Selección Galega sénior.

2014 04 co Guardés Facebook Santiago Baz Lomba2

Abad Alonso, Carla (Redondela, 1987): Extremo dereita formada na S.A.R. Pasou a xogar a División de Honra co At. Guardés, trocando a súa posición no campo pola de extremo dereito. No 2013 fichou polo D. B. Chapela co que acadou o ascenso a División de Honra B. No 2015 pasa ao Magope Seis do Nadal. Asume a dirección da selección galega infantil femenina e pouco despois, como xogadora, pasa ao Saeplast BM Cañiza en 1ª Autonómica. Alí converteuse en adestradora e coordinadora do apartado feminino do club, segunda adestradora do equipo masculino de Primeira Nacional e directiva da Federación Galega de Balonmán. Todo isto serviulle para recibir o premio a mellor adestradora na Gala ao Deporte Feminino Galego 2018. En outubro de 2019 é nomeada seleccionadora galega xuvenil feminina.
        Xogou nas categorías inferiores da Selección Galega e varias veces na sénior coa que venceu no Cuatro Naciones no 2016.

Facebook Alba Araújo
Araujo Otero, Alba Elvira (A Portela-Cedeira, 1987): Porteira formada na canteira da S.A.R., fichou polo equipo xuvenil do C. B. Porriño, pasando logo ao sénior co que xogaría na división de Honra. No 2008 marcha a Asturias, xogando co Universidad de Oviedo. Pouco despois regresaría ao C. B. Porriño. Na 2014-2015 defende a portería da S.A.R., coa que acada o ascenso a División de Honra B.
        Formou parte da Selección Galega sénior, coa que venceu no Torneo de Nacións Territoriais 2012, sendo electa mellor porteira.




Xeila. Faro de Vigo

Fervenza Rodríguez, Xeila (Redondela, 1993): Extremo. Formada na S. A. R., onde destacou na división de Prata marcando 131 goles en 19 partidos na tempada 2015-2016. Grazas a tan boa media foi fichada polo Mecalia Guardés, clasificado para competicións europeas, co que gañaría a Liga 2016-17. Para a seguinte tempada tornaría á S.A.R.
Na I Gala do Deporte celebrada en Redondela, 2016, foi premiada como mellor deportista. Selección Galega sénior coa que venceu no Cuatro Naciones no 2016.





Sara González Foto: Patry Rivas

González Abal, Sara: Formada na S. A. R. que na tempada 2018-2019 debutará co C. B. Porriño na División de Honra, regresando á S.A.R. ao ano seguinte.









Sandra Loureiro Iglesias-RFEBM

Loureiro Iglesias, Sandra (Chapela): Xogou na División de Honra co C. B. Porriño, regresando despois ao D. B. Chapela, equipo no que se iniciou neste deporte. Ten formado coa Selección Galega Sénior.









Piñeiro, Eva (Redondela, 1972): Porteira. Formouse na canteira da S.A.R. Deste equipo pasou a mediados dos 90 ao C. B. Porriño, daquela na división de Prata, sendo convocada pola Selección Galega sénior. Logo emigrou a Holanda recalando no PSV Eindhoven co que xogaría na División de Honra ata 2019 cando, a piques de cumprir os 47 anos, retírase do balonmán.

Eva Piñeiro 2013 Foto: www.psvhandbal.nl
Emma Prieto, 2015-16 Foto: C.B.Porriño
 
Prieto Miranda, Emma (Chapela, 1979): Extremo-Lateral dereita. Do D. B. Chapela. Pasou polo Citröen e xogou en División de Honra co C. B. Porriño, regresando logo ao D. B. Chapela. No 2015, a piques de cumprir os 36 anos é fichada novamente polo C. B. Porriño para retornar á máxima categoría. Foi convocada en varias ocasións tanto pola Selección Española como pola Galega sénior.








Carla Rivas. Foto: Atlántico Diario
Rivas Garrido, Carla. (Redondela): Lateral Esquerda. Formada na SAR, foi fichada polo C. B. Porriño cando aínda era xuvenil. Neste club acada o ascenso a División de Honra (2010-2011) e colle máis peso cada ano que pasa, converténdose nunha peza fundamental. A mellor clasificación en liga con este equipo sería a 5ª posición. Con 26 anos, no 2017, recibe unha mellor oferta económica e ficha polo Sporting La Rioja, da División de Prata. Na súa primeira tempada o equipo xoga a fase de ascenso. Selección Galega sénior.
Alba Silva Martínez Foto: Patry Rivas2016


Silva Martínez, Alba (Chapela): Porteira. No 2019 despois de rematar a tempada co D. B. Chapela na División de Prata foi chamada polo C. B. Porriño para disputar os derradeiros partidos da División de Honra.









Noemí Sío Martínez-RFEBM
Sío Martínez, Noemí (Chapela, 1977): Central. Entrou con 17 anos no D. B. Chapela procedente do baloncesto. Varias veces campiona da Liga galega e da Copa de Galicia. Selección Galega sénior.

 









     Outros logros recentes do balonmán feminino serían:
En decembro de 2016 foron convocadas por primeira vez coa Selección Galega Lucía Vázquez e Lara Patiño, xogadoras do equipo da SAR da D. H. Prata.
Outras xogadoras convocadas pola Selección Galega serían: Pamela Arca, do Chapela; e Sara González e María Pexegueiro (Porriño), pola SAR.
Por último citar que no 2019 as xogadoras da SAR: Lara, Sara, María e Xeila; venceron no Campionato de España Universitario co equipo da Universidade de Vigo.


Colexiada
Elena Rivas. Facebook
 
Elena Rivas Garrido. Acadou no 2017 o ascenso á categoría nacional.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Seren Nº0-A Sociedade Atlética Redondela (S.A.R). Miguel López Docampo.
Webs de: D. B. Chapela, Octavio, C.B. Porriño, Teucro, Liga Asobal, Real Federación Española de Balonmano
www.sarbalonman.blogspot.es
Atlántico Diario
www.atlantico.net
El Mundo Deportivo (dende 1906)
La Vanguardia (dende 1881)
Aportes: Pablo Muíños, Antía, Ana Figueroa, Andrés Fervenza e Chus Guedella.
La Voz de Galicia 12-06-2001.
Galiciana > El Pueblo Gallego
eldia.es
delcelta.com