Mostrando entradas con la etiqueta Capelas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Capelas. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de septiembre de 2021

As campás das igrexas do centro urbano de Redondela

 

Campanario da Igrexa de Redondela. Foto: www.turismoredondela.es
Campanario da Igrexa de Redondela. Foto: www.turismoredondela.es

Antes os rapaces axudaban á misa porque era unha pequena fonte de ingresos en épocas de máis necesidade, grazas ás propinas que daban os padriños en bautizos e vodas e a posterior loita no “a pelón” (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/tradicions-e-festas-desaparecidas-ou_93.html ). Os máis afortunados tamén recibían un “soldo” do cura, pero isto xa dependía de quen estivera á fronte da parroquia. Cartos aparte o máis gratificante do traballo era (e segue sendo para algúns) poder tocar as campás.

 

Cando se tocaba a defuntos era común que a xente se achegase a preguntar a gritos quen falecera. Debemos ter en conta que antes era unha vila onde todos se coñecían e non se poñían as necrolóxicas polas rúas nin estaba xeneralizado publicalas nos xornais. Por este motivo, nas etapas nas que houbo xornais locais, estes adoitaban publicar os movementos no rexistro civil (nacementos, matrimonios e falecementos). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

Outra función dos campanarios era mobilizar aos veciños ante un desastre tocando a fogo, toque desordenado tentando facer o máximo balbordo posible (incendio, asolagamento...) ou unha inxustiza. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mar-libre.html )

A continuación engado algunhas notas do que puiden descubrir sobre as campás e os campaneiros.



As campás da Igrexa Santiago de Redondela.

Na igrexa Santiago Apóstolo de Redondela hai catro campás, pero chegou a haber cinco, se contamos a campá do reloxo que coroaba o campanario e que foi retirado a mediados dos anos 90 do pasado século. O reloxo, datado en 1860, sería salvado da chatarra polo colectivo Alén Nós coa idea de crear un museo etnográfico no que poder expoñelo. O reloxo quedou gardado no local de Acción Católica que na actualidade emprega Cáritas. En 2010 catro persoas entraron no edificio e roubaron a campá. Os ladróns serían detidos pero a campá nunca se recuperou. Como as desgrazas nunca veñen sóas a colocación dun novo reloxo levou consigo a rotura de parte da varanda do campanario como se aprecia na imaxe anterior.

Recuperación do reloxo por Alén Nós. Faro de Vigo

 

    Grazas a Luis Pereda Canal descubrimos que tres campás foron fundidas en Salamanca e subidas ao campanario o 6 de novembro de 1917. O acto da colocación estaba presidido polo cura párroco José María Gerardo Sanmartín Catoira e as madriñas e padriños de cada campá que recibiron os nomes de “Santa Rita”, “Santiago Apostol” e “Jesús, María e José”.

    Antes de subilas houbo que baixar outra datada en 1822 coa inscrición “Santiago,ora pro nobis”, porque estaba rota. Segundo un redactor do xornal local “La Idea”: “Esta campana, que fue costeada por el Ayuntamiento, presumimos que fue la que se designo siempre como “campana de la justicia”. Segundo o propio Luis Pereda “este nome de “campá da xustiza” correspondería a unha vella tradición medieval segundo a cal podida tocala calquera persoa que sufrirá algunha acción inxusta ou que se lle negara algún dereito que lle correspondía, para que se fixera xustiza”.

    Na recollida de información das campás galegas que están a realizar (setembro de 2021) Estanislao Fdez. de la Cigoña e Xosé Troiano Carril recollen que tan só existe unha campá fundida en Salamanca por José Cabrillo Mayor que tería a data de 1917. As outras serían: A grande datada en 1850. A mediana despois da maior é obra de Juan Ocampo, en Arcos da Condesa (Caldas de Reis) en 1954. E a menor con data de 1861.

    Os nomes dados ás campás enseguida foron esquecidos polos rapaces encargados de tocalas e cando menos desde os anos 40 do pasado século foron chamadas polo son que emitían: “DAN, DEN, DIN, DON”, a estas engadíase a do reloxo, chamada “DUN”. DAN e DIN tiñan as cordas unidas, así podíanse tocar as dúas cunha man. Do contrario necesitaríase un segundo mozo para encargarse de DON. A DEN era tocada desde afora por un terceiro rapaz, pero era empregada en contadas ocasións, principalmente procesións.

Igrexa co reloxo Foto María Lago Barreiro
Igrexa co reloxo. Foto: María Lago Barreiro

 

    A música variaba segundo cada ocasión: a misa, a defunto, festa... Na función de ánimas tocábase cunha soa campá e era o último toque que había na igrexa xa entrada a noite. Cando se tocaba a defuntos empregábanse dúas campás e facíanse uns sinais: 4-1 se o finado era home, 3-1 se era muller e 2-1 se era nena ou neno.

    Como curiosidade engadir que un dos rapaces que tocaba foi alcumado “Campanero” e o alcume pasou á familia chegando ata os nosos días.


As campás da Igrexa Santiago de Vilavella.

    A igrexa de Vilavella está unida ao convento de Vilavella. A súa construción data de 1554 (substituíndo a unha igrexa máis antiga) e en 1574 estableceuse a orde de clausura de San Lorenzo Justiniano. Dende aquela eran as monxas as encargadas de tocar as campás. Isto cambiaría coa decisión do Bispado de Tui de que as monxas abandonaran o edificio en 1932. O convento, despois dun tempo alugado, sería vendido en 1942 ao empresario conserveiro José Otero González “Mañas”. Este industrial chegaría ao acordo de ceder o coro, desde onde as relixiosas asistían aos oficios relixiosos e que daba acceso ao campanario, a cambio de construírse un palco para que a súa familia puidera acceder ao templo desde o convento. A hora da verdade este palco nunca sería empregado porque a súa dona colocaría unha cadeira e un reclinatorio a carón da pía bautismal para acudir á misa co resto dos veciños. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html )

Igrexa e convento de Vilavella antes da reconstrución deste último.
O campanario da igrexa e o convento de Vilavella antes da reconstrución deste último.

 

    No campanario de Vilavella había 3 campás, pero a unha delas rompéralle o soporte de madeira e xacía abandonada no chan cando menos desde os anos 70. A maior data de 1884 e saiu da fundición viguesa de Antonio Sanjurjo Badía. Unha cuarta campá é coñecida como “o Esquilón”. Emprégase para a última chamada a misa cinco minutos antes do inicio e está fóra do campanario, preto da sacristía.

    Dos que tocaban as campás nos anos 50-70 podemos citar a: Jesús Calvo “Suso”, propietario dun taller mecánico na Praza Ponteareas, e os irmáns Martín “Tintorro” e Sebastián “Tián” Fernández. O que mellor tocaba dos tres era Martín, que nas festas da Coca era quen de tocar a Danza das Espadas coas campás.

    Nas seguintes décadas foise complicando o de conseguir quen tocara ben os días de festa por falta de relevo encargándose Francisco Crespo Santos “Tócalle o Bombo”, xefe da Policía Municipal xubilado, e Manuel Migueles "Repolo"ou "Gharín".

Vista do campanario. Foto: Juan Migueles 2009
Vista do campanario. Foto: Juan Migueles 2009

 

Como anécdota, nunha ocasión nos anos 80, as campás comezaron a soar a fogo e Octavio, o cura, asustado mandou ir ver quen subira a tocar coma un tolo. Cal non sería a sorpresa ao atopar no campanario a un veciño xa ancián, quen se xustificou dicindo que o desexo de toda a súa vida fora tocar aquelas campás.

Por último, comentar que o primeiro cuarto do actual século sentoulle mal a este campanario. Primeiro unha cruz de metal que a coroaba caeu durante unha treboada e nunca máis se soubo dela e, segundo, colocouse un reloxo que, como no caso da igrexa de Redondela, levou consigo o corte de parte da estrutura do campanario. Por sorte o reloxo estivo pouco tempo en funcionamento, porque o seu son era similar ao toque a defunto para desesperación dos veciños.


As campás da Capela de Santa Mariña.

Capela de Santa Mariña. Foto: J. Migueles, 2008
Capela de Santa Mariña coa cruz no campanario. Foto: J. Migueles, 2008

 

A Capela de Santa Mariña ten dúas campás. A menor data de 1862, sendo obra de José Cabrillo Mayor, fundidor de Salamanca do que xa falamos no apartado adicado á igrexa Santiago de Redondela. E a maior foi fundida en Braga na segunda metade do século XX por Serafím da Silva Jerónimo. O acceso ao campanario é tan pequeno que tan só os rapaces pequenos e fracos poden subir a tocar sentados, porque non hai espazo para erguerse. 

Serafim da Silva Jerónimo. Arquivo Campaners de la Catedral de València

 

O campanario estaba coroado por unha cruz de metal que foi derrubada polo vento durante unha treboada, o mesmo que sucedeu, como acabo de comentar, na igrexa de Vilavella.





Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530

Recompilación das campás galegas (Pendente de publicación). Estanislao Fdez. de la Cigoña e Xosé Troiano Carril.

La Idea 1917

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => 19171107 El Progreso

Faro de Vigo

Aportes Luis Pereda Canal, Alberto Vilas, Manuel Migueles e Antonio Ricón.

 

 


martes, 14 de abril de 2020

Capelas desaparecidas

 
Desaparecida capela no Cabo dos Fumeiros. Detalle foto de José Bellver.

 

Ermida de Santa Tareixa de Xesús (Cedeira). A mediados do s. XVIII pertencía ao fidalgo D. Fernando de Castro e Moscoso.


Ermida de Nosa Sra. do Socorro (A Portela-Cedeira). Da nome á Punta Socorro. No s. XVIII era propia das monxas xustinianas do convento de Vilavella.

En 1753 tiveron un preito co párroco de Cedeira pola súa titularidade. Sería o resultado dun enfrontamento acontecido o 28 de maio, cando o cura de Vilavella, Pedro Míguez, como era tradición, saíu con moitos fieis, en procesión coa cruz parroquial, desde a Igrexa de Vilavella: “hasta el regato que es llamado de Riandi, del repetido sitio de La Portela; en el qual y camino que pasa a la citada capilla; se hallaba D. Juan Blanco Theniente Cura de D. Francisco Pablo Feixoo Abad y Cura propio del Coto y feligresia de San Andrés de Zedeira con la cruz de su parroquia también arbolada y un altar portatil en dicho camino con una efigie de San Roque; y como dicho D. Pedro Miguez Cura viese aquella novedad se fue preciso requerir y intimar al antedicho Theniente Cura diversas veces, le dejase pasar adelante con su procesión según dicha costumbre a lo que se resistió diciendo que no lo permitia. Pues tenía orden del mencionado del mencionado su Abad para no hacer y sin embargo de ello, el dicho D. Pedro Míguez. Negando a la mencionada posesión prosiguió adelante a la contenida capilla a celebrar misa cantada con otros señores sacerdotes”. O pleito daría a razón ás monxas de Vilavella que manterían a titularidade da capela.

No Catastro de Ensenada (1752) como lindes de Vilavella cítanse: “... y de esta va a la fuente de Reande y de esta sigue a la mar y de esta sigue al Crucero de la capilla de Nuestra Señora del Socorro y de allí por la orilla del río que viene de la Maceira hasta llegar a la Puente Longa...”. Isto danos a entender que daquela a parte baixa da Portela pertencía a Vilavella.

No expediente de rendas de Vilavella para establecer a Única Contribución atopamos o seguinte: Antonio de Camba vecino de Redondela como hermitaño de Nuestra Señora del Socorro. Murió antes de 1762”.

Despois do seu abandono, nesta pequena península, o enxeñeiro Carlos E. Gunche Rodríguez, construíu as instalacións de Electro Metalúrgica Galega, empresa fundada en 1920. ( Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/industrias-quimicas-e-metalurxicas.html ). Daquela a construción sería alterada e aínda hoxe pode verse nun estado de conservación aceptable.

 

Ermida de Nosa Señora do Socorro. Foto: J. Migueles

Capela dos Remedios (Cedeira/Vilavella)

        Na zona de Canabal existiu unha capela da que xa non queda nada porque unha vez abandonada as súas pedras foron aproveitadas polos veciños para a construción de casas, alpendres e muros.

        O que si se conserva é a fonte dos Remedios, citada xa en 1586 como linde entre Vilavella e Cedeira co nome de Canabal e no século XVIII como fonte de Canabal ou dos Remedios.


Ermida da Encarnación (Chapela). Da nome ao Alto da Encarnación. Pertencía á liñaxe dos Araújo (Riofrío). Xa existía a mediados do séc. XVII. En 1923 edificouse unha casa sobre as súas ruínas.


Ermida de San Boaventura (Reboreda). En 1754 era padroado lego de María de Souto, veciña de S. Salvador de Queimadelos


Capela de San Xoán Bautista (R. San Xoán de Arcal-Redondela). Era propia das monxas do convento Vilavella, a onde pertencía o lugar.

        No xornal La Idea, ao describir as festas de San Xoán celebradas en Redondela en 1902, lemos o seguinte: En el solar del médico, señor Amoedo, se había levantado una capilla en la que figuraba una imágen tan tradicional que, por sus muchos años, despertaba la curiosidad del público. Perteneció la referida imagen á la antigua ermita de San Juan de Arcal, hoy derruída, debiendo tener aquélla al menos medio siglo”.

Capela da Nosa Sra. do Carme (Redondela). A súa fundación complétase no testamento da veciña de Nigrán, Dona María Calvo, en 1740


Capela do Espírito Santo (Rúa do Espírito Santo-Redondela). Aínda se conservan restos. En 1781 se atopaba en mal estado polo que se retiraron as imaxes á igrexa parroquial de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/igrexas.html )


Restos da Capela do Espítito Santo. Foto: J. Migueles


Capela ¿? (R. Cabo dos Fumeiros-Redondela). Estaba vinculada á Casa do Cristo de Limpias. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html ). Nos anos 40 do século pasado atopábase abandonada e servía de vivenda a un portugués coñecido como señor Juan, que se gañaba a vida vendendo leña e traballando como xornaleiro e que falecería nela. Nun artigo de 1962 Amado González Cardama, a cita como Capela do Espírito Santo (e de supor que a confunde coa anterior) e conta que está habitada por unha familia. A capela sería derruída nesa mesma década para crear o acceso a un solar onde se edificou. Parece ser que se conservou o escudo da súa fachada, sendo trasladado á parroquia de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/escudos-e-brasons.html )


Capela na actual rúa Cabo dos Fumeiros. Foto Loty. Arquivo Histórico Provincial de Lugo


Capela ¿da Virxe de Guadalupe? (A Lamosa-Trasmañó). En 1673 o fidalgo Gaspar Méndez de Sotomayor, fundaba na súa casa grande da Lamosa unha misa na honra da Virxe de Guadalupe. Na segunda metade do s. XVIII esta capela atopábase practicamente abandonada.


Capela do Pazo de Petán (R. Padre Crespo-Redondela). O señor desta casa tamén era patrón da capela maior da igrexa de Vilavella tendo chave do Sagrario. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html ).

        Non sabemos en que momento desaparecería esta capela, sería a finais do século XIX ou principios do XX, en todo caso, antes de que o pazo fora mercado por José Regojo. Nas escaleiras da entrada actual aínda se poden ver as marcas do antigo tellado da capela.

        Actualmente neste pazo existe unha capela na base da torre de recente construción, onde recibiron sepultura os restos de José Regojo Rodríguez e Rita Otero Fernández.


Ermida do Anxo Custodio (O Viso): Erixiuse na primeira metade do XVIII por iniciativa do párroco D. Lucas Vicente Fidalgo nun terreo da comunidade. A finais deste século xa se atopaba en ruínas.


Ermida de Santo Tomás de Aquino (Alxán-O Viso). No pazo ou “caserón” fundada por Antonio Rodríguez e que no s. XVIII pertencía aos Pereira. A mediados do s. XVIII xa non se empregaba.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Internovas. Historias de Redondela (http://www.ipdca.com/internovas/). As vellas ermidas redondelanas (Unha aproximación histórica). X. Miguel González.

Fondo Casto Sampedro-MuseoPontevedra> Poder de representación nunha querela acerca da posesión da capela de Nosa Señora do Socorro (1753). https://atopo.depo.gal/Record/arc.DEPO00200188415

Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Villavieja de Redondela (Mos, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.http://pares.mcu.es )

http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/description/6088758?nm

Catastro de Ensenada (1752) de Vilavella.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es

=> El Pueblo Gallego, La Noche.

La Idea

Aportes => Manuel Migueles, Telmo Crespo Tojeiro, Francisco Calvo Santana, Carlos Couñago Teles

.



Pazos e Casas desaparecidas

Torre do Pazo de Soutoxuste, 2011. Foto J. Migueles
 
 
 
Casa Solarenga de Riofrío (Chapela)
No barrio Riofrío na freguesía de Chapela, pertenceu á liñaxe dos Araújo. Aquel que fora Señor de Riofrío tiña o privilexio de levar unha das 12 varas do palio na procesión do Corpus Christi, en Vigo. Na Igrexa de San Fausto de Chapela, os membros desta liñaxe posuían asento ao lado da Epístola, sepultura propia e estaban exentos do tributo “de pechos”. Rodrigo de Araujo y Vasconcelos, nado en 1250, sería o primeiro Señor da casa de Riofrío. Entre os seus descendentes estivo Diego de Riofrío y Ulloa, chamado “El Bueno”, que serviu aos Reis Católicos na conquista de Granada. Parece ser que tan só se salvou o brasón trala caída do muro desta propiedade.

Casa de Mañó (Quintela)

Fundada por Gutiérrez Falcón de Sotomayor (ou Gutiérrez Falcón de Oya) a finais do s. XVI. Descendentes seus foron señores de Parderrubias (A Merca-Ourense) e marqueses de Bendaña, título concedido a Rodrigo Antonio Falcón de Ulloa y Ribadeneira (Real despacho 27-10-1692), bisneto de Don Gutiérrez.

O escudo desta casa coas armas dos Falcón e Sotomayor pasou a formar parte dos fondos do Museo de Pontevedra cedido por Francisca e Carolina Míguez Esteiro en 1927.


Casa de Quintela
Os donos desta casa entroncaron coa Casa de Salgado, de Baiona, ao casar Rosalía Núñez de Araujo con Juan Salgado. Para obter máis información sobre esta casa habería que estudar en profundidade a documentación da: “Relación de las fundaciones, testamentos y agregaciones de bienes relativos a la casa de Quintela [¿San Mamed de Quintela (Redondela, Pontevedra)?] desde el año de 1516 hasta el de 1787, cuando testa Javier Enríquez Sarmiento de Valladares, V marqués de Valladares”.

Pazo de San Román (Saxamonde)

Aínda se conservan restos do pazo con engadidos e modificacións posteriores, ademais da capela que é a igrexa parroquial de Saxamonde.

Cítase como “Palacio y Fortaleza de Saxamonde”, cando pertencía a Gregorio de Valladares (s. XV) e foi incendiada por Álvaro de Cadaval “el Viejo”, merino en Tui por Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga). Polo que García Sarmiento “el Rojo”, xenro de Gregorio, preiteou co de Cadaval, quen debeu pagar 30 ou 40 maravedís para reparar os danos causados.

Entre os que viviron neste pazo destacan Luis Sarmiento de Valladares, primeiro marqués de Valladares (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/luis-sarmiento-de-valladares-meira-y.html ), ou José Sarmiento de Valladares, Vicerrei de México (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/jose-sarmiento-de-valladares-saxamonde.html ).


Casa Grande da Lamosa (Trasmañó)
Fundada en 1673 polo fidalgo Gaspar Méndez de Sotomayor.

Fortaleza de Castrizán (O Viso)

Construída no Monte da Peneda (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-peneda.html ) en 1477 polo arcebispo de Santiago Alonso II de Fonseca, co fin de vixiar de preto o castelo de Soutomaior, propiedade de Pedro Madruga que daquela se atopaba preso. Estaría formada por unha torre e probablemente por outras construcións menores, rodeado todo o conxunto por un muro defensivo. Pouco tempo despois Pedro Madruga xa en liberdade destruíu esta fortaleza da que aínda se poden observar os cimentos e parte do muro defensivo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/s-xv-loitas-de-poder-entre-pedro.html )


Pazo de Soutoxuste (O Viso)
Deste pazo aínda se pode ver a torre entre casas e engadidos de recente construción. Tamén se conserva a capela, que é a de San Vicente de Soutoxuste, que foi desprazada da súa situación orixinal.
Foi propiedade de Esteban Barbeito Padrón. A súa liñaxe procedía da casa de Piñeiro (Corzáns-Salvaterra do Miño). Destes Barbeito descenderon os da praza da Ferrería de Pontevedra, donos da casa chamada “Casa de las Caras”. Outro descendente sería Antonio Mauricio Troncoso de Lira Sotomayor y Barbeito, o famoso “abade do Couto” da guerra da Independencia e defensor de Tui e Vigo.
 



Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
SEREN
Nº1. O pazo como elemento diferenciador da cultura de noso. Telmo Crespo Tojeiro.
Nº3. Heráldica de Redondela. Ernesto Iglesias Almeida.
As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.
Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Redondeláns. Web de X. Docampo e C. Milleiro
Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013. J. M. Crespo
Universidade de Santiago de Compostela USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional (Lugo), Hoja Oficial del Lunes (Vigo), Gaceta de Galicia (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), Diario de Galicia (Santiago), El Progreso (Pontevedra), Vida Gallega...
Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es =>El Imparcial...
Boletín Oficial de la Provincia de Oviedo
Faro de Vigo
La Voz de Galicia.
Volumen 27 de Cuadernos de estudios gallegos. Escrito por José Luis Pensado
Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013. J. M. Crespo
Aportes de Gonzalo Amoedo e Xosé Docampo.