miércoles, 21 de septiembre de 2022

O Edificio Rubira, de Vigo a Redondela.

 

 

Aspecto do Edificio Rubira a principios do S. XX
Aspecto do Edificio Rubira a principios do S. XX.

        En 1880 o xeneral Salvador de la Fuente Pita Pastor encargou ao arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez a construción dun edificio. Este debía construírse no cruce das actuais rúas Colón e García Barbón. Un ano despois inícianse os traballos pero a morte do promotor da obra paralizan o proxecto.

        Terían que pasar 20 anos ata que os sobriños do militar venden en 1900 o solar ao empresario rioxano Lucas de la Riva, que fixera unha pequena fortuna en Santiago coa exportación de telas, quen decide retomar a obra. Jenaro de la Fuente xa gañara certo prestixio como arquitecto coa construción de varios edificios na cidade. Probablemente os coñecementos adquiridos neste período o levan a modificar o proxecto inicial. Estas innovacións o converten a este edificio nunha das xoias do eclecticismo vigués. Nos seguintes anos converteuse nunha imaxe habitual das postais turísticas de Vigo, competindo cos grande proxectos deseñados por Michel Pacewicz.

 

Pedras do Edificio Rubira reutilizadas nun inmoble de Juan Pazos. FªJ. Migueles
Pezas do Edificio Rubira reutilizadas nun inmoble de Juan Pazos. FªJ. Migueles

 

        Ata 1924 a planta baixa estaría ocupada polo Banco de Vigo e a Sociedade de Augas. Despois instalaríase a empresa de transporte de pasaxeiros “El Castromil”. En 1946 abre as súas portas a farmacia de Francisco Rubira Fariña, natural de Negreira. O seu apelido quedaría ligado ao edificio ata os nosos días. A súa notoriedade debeuse a que se converteu no punto de encontro de grandes médicos da época como Nicolás Peña, Cesáreo Corbal...

        O inicio da construción sede da Caja de Ahorros de Vigo en 1951 marcou o inicio dun período de especulación nesta zona. Daquela entra en escena o Banco Bilbao que merca o Edificio Rubira para instalar a súa nova sede. A súa intención é a de derruír o inmoble de catro andares para construír un de nove. A daquela propietaria, Isidora Sánchez de la Riva, neta de Lucas de la Riva, para salvar o edificio, ofrece vender os pisos e locais aos inquilinos. Por desgraza estes non aceptan a proposta porque prefiren a indemnización e abandonar o inmoble. Tan só quedaba a autorización do Concello e o edificio derrúbase en 1967.

        Entra en escena o empresario téxtil José Regojo, quen desmonta o edificio numerando as pedras e trasladándoas a Amoedo onde construíra unha nave da súa empresa. A súa intención era a de reconstruír a edificación en Redondela, pero nunca chegaría a realizalo. A crise na que se sumiu a súa empresa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html ) levaría á venta do solar de Amoedo a finais dos anos 70 ao empresario Juan Pazos Barciela. Na transacción incluíronse as pedras do Edificio Rubira que o novo propietario trasladará en parte a Quintela, onde as irá vendendo aos poucos nos anos seguintes. Estas pedras rematarían adornando casas e xardíns da nosa comarca (algunhas nas propiedades de dito industrial), pero tamén de puntos como Sanxenxo ou Madrid.

          Parte do edificio tamén remataría en Redondela, pois unha filla de Juan Pazos escolleu algunhas pedras belamente traballadas para decorar O Café da Vila, cafetería que rexenta coa súa parella.

     

Unha das pedras do edificio en O Café da Vila. Foto: J. Migueles
Unha das pedras do edificio en O Café da Vila. Foto: J. Migueles

         Como curiosidade dicir que en Amoedo chegou a levantarse un monumento na honra de José Regojo con pezas do edificio Rubira.

         En 2001 o, daquela, número dous do Concello de Vigo, Carlos Príncipe, propúxolle ao BBVA reconstruír a fachada, pero o alto custe fixo que a entidade bancaria non se interesara.

        A día de hoxe (2022), parte do edificio segue agardando comprador no solar de Amoedo, mentres en Vigo moitos seguen a laiarse por este e outros edificios que o “progreso” levou por diante. 

Restos do Edificio Rubira en Amoedo. Foto: J. Migueles
Restos do Edificio Rubira en Amoedo. Foto: J. Migueles



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Construcción y destrucción del edificio Rubira. Martín Curty. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses Nº 2, 1996.

Arquitectura y Urbanismo de Vigo. Edificio Rubira. Por Anonymus. http://arquitecturavigo.blogspot.com/2007/10/edificio-rubira_08.html

Vigo. La ciudad que se perdió. Jaime Garrido.

https://www.atlantico.net/articulo/vigo/piedras-guardan-historia-local-esperan-turno/20131023112418021281.html


Para saber máis:

Edificio Rubira (1880-1967). J. A. Martin Curty.