Mostrando entradas con la etiqueta Cine-TV-Teatro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cine-TV-Teatro. Mostrar todas las entradas

domingo, 13 de octubre de 2024

Helena Amoedo Barros (Redondela). Actriz de dobraxe en galego.

 

Helena Amoedo. Foto publicada en Fandom


Comezou a traballar como actriz de dobraxe en 1989, participando principalmente en series de animación para a TVG. Poderiamos citar aquí a personaxe de Shizuka en Doraemon o gato cósmico e as series Dragon Ball Z, One Piece, Vickie o viquingo, Shin Chan, O detective Conan... Tamén participou na dobraxe en galego de varias películas, destacando a interpretación de Ginny Weasley na saga Harry Potter. Tamén interviría na dobraxe de Sucedeu en Manhattan, Gremlins ou Non sen a miña filla.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Fandom. adobraxe.fandom.com

 

miércoles, 16 de agosto de 2023

Roberto Casal Mouriño.

 

Roberto Casal

         Actor, autor e director teatral. Membro das compañías Pés Ceibes, Titereficcións, Monifate Teatro e Teatro Ó Cubo, este último xunto a Sofía Espiñeira e Alfredo Pérez.

        Compaxina as actuacións coa continuación da súa formación con mestres como Stephen Mottram, Chris Geris, Paco del Águila, Salvatore Gatto…, estudando na Escola UNIMA España. Titulado como Técnico Superior en Animación Sociocultural e especializado na animación teatral e na promoción das artes escénicas. En 2022 recibiu o premio fin de carreira de Artes Escénicas da Xunta de Galicia, dotado con 3.500 euros, na modalidade de arte dramática.

        Participa na coordinación de espazos culturais como “Colectivo Tachán” e na realización de “Ficción Sonora” na Semana Cultural do IES Porto do Son. Forma parte do equipo docente da escola de teatro e danza Espazo Aberto.

Con Xosé M. González forma o proxecto teatral o Caso R e, en 2023, presentan “As mulleres do téxtil” unha obra homenaxe a todas as mulleres que traballaron na fabrica de Regojo e que será representado polo grupo de teatro de Reboreda e por alumnado do IES Floriani.


Cartel de Teatro ó Cubo

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Facebook

Unima. Federación España.

GaliciaPress

lunes, 8 de mayo de 2023

Xandre Vázquez (Cesantes-Redondela) Director e productor teatral

Foto Linkdln
       

Fundador da compañía Educateatro e produtor da mesma. Despois de debutar con Os tres porquiños, no 2015 estrea a súa segunda obra, Carapuchiña Vermella e no 2017 Pinocho. Con estas obras sairá de Galicia realizando xiras nacionais. O seu seguinte paso sería reinventarse co Circo de Nadal. Espectáculo que mistura teatro con actuacións de equilibrismo e malabarismo por artistas de varios países.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Radio Redondela

domingo, 11 de diciembre de 2022

Unha película en Arxentina

 

Cartel en Filmaffinity


 En 1955 estreouse en Arxentina a película Un regalo para Laura dirixida por Julio Saraceni e protagonizada por Lolita Torres, Alberto Berco, Isabel Pradas e Francisco Álvarez. Esta película gravada en branco e negro tiña a sorpresa final de que os catro últimos minutos eran en cor. Neste filme a música española tiña un papel protagonista, participando: a falla valenciana El Turia, o Círculo Aragonés e a Casa de Galicia, cos conxuntos “Airiños” de Celia Caneda e “Los Redondelas”. Este último, como o seu nome indica, era un grupo de redondeláns emigrantes en Arxentina. Algúns dos seus membros tamén participaban no “Cuadro Vocacional Redondela”, agrupación teatral que nese mesmo ano de 1955 presentaron a obra “Rocas y Sangre”, escrita polo tamén redondelán Conde Alvedosa, pseudónimo dun membro da familia Bujones.

Estrea de “Rocas y Sangre”. De pé: Severo Míguez, Jorge Bujones, Francisco Cayetano, Donato F. Ron, Jesús Fernández e Manuel Cayetano. Sentados: Silvia da Riva, Flor Moysi, Nora da Riva, Zulema Paz, Elvira Rodríguez e Olga da Riva. Foto cedida por Laura Cayetano.

 

No seguinte enlace podedes ver a película completa:

https://www.youtube.com/watch?v=ZU2BIhO2zkE

 

Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA

Aportes: Lilia Daglio, Olga Norma da Riva, Laura Cayetano e Luisa Cayetano.

Filmaffinity. https://www.filmaffinity.com

Wikipedia

 

 

 

 

sábado, 19 de noviembre de 2022

Ángel Filgueira (Redondela, 1992)


Ángel Filgueira. Foto publicada en Vinte

Director de cine. En 2018 presenta o seu primeiro traballo “Sevilla y gomorra”, unha ollada documental a unha noite de esmorga dun grupo de amigos na cidade andaluza. En 2022 presenta a primeira longametraxe “Cuando toco un animal”, película intimista sobre as novas sexualidades e forma de relacionarse da chamada “xeración millenial”.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Radio Redondela

Vinte. https://vinte.praza.gal/artigo/entendo-o-cinema-como-un-traballo-fisico-manual

 

jueves, 17 de noviembre de 2022

Juanjo Amoedo

 

Juanjo Amoedo. Festival Internacional de Títeres de Redondela
Juanjo Amoedo. Festival Internacional de Títeres de Redondela


Ideólogo do Festival Internacional de Títeres de Redondela. A súa iniciativa fixo posible este festival, formando parte da organización das primeiras edicións. Un tráxico incendio na súa vivenda remataría coa súa vida. Na súa honra ao festival engadíuselle o nome de Memorial Juanjo Amoedo.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.


lunes, 18 de enero de 2021

Redondela. A película.

 

      

        No ano 1987 estrease a película “Redondela”, dirixida por Pedro Costa e protagonizada por Patrick Newell, Carlos Velat, Fernando Guillén e Carlos Larrañaga. Rodada principalmente en Vigo, pero con algunha escena en Redondela, rodándose no interior do convento de Vilavella.

         A película estaba baseada nun caso real, coñecido como”caso Reace” (Refinerías del Noroeste, Aceites y Grasas S.A). En 1972 desapareceron 4.052 toneladas de aceite de oliva en Guixar (Vigo). Isto provocou un escándalo no que estaba implicado Nicolás Franco, irmán do Generalísimo. Durante a instrución do sumario foron asasinados varios acusados e testemuñas do caso, un deles nunha cela do cárcere de Vigo. No xuízo tampouco puido comparecer o denunciante porque tamén falecera. Ao final nin o aceite apareceu nin caeu ningún alto cargo.

        ¿Que tiña que ver Redondela neste asunto? Pois practicamente nada, parece ser que a empresa fundouse nesta vila, pero no momento dos feitos a central estaba localizada en Guixar (moitas informacións sitúan Guixar en Redondela, cando en realidade pertence a Vigo). A parte disto, houbo rumores de que o aceite foi agochado no alto da Encarnación (Chapela) ou na nave coñecida como a Fedora na Portela, pero nunca se demostrou nada. No caso da Fedora a nave estaba alugada pero os depósitos nunca chegaron a encherse. 

 

Convocatoria de xunta de accionistas de REACE.


 

        O caso pasou a historia como Reace o aceite de Redondela, o que provocou as protestas, con pouco éxito, do alcalde de Redondela pola mala imaxe que daba do noso Concello.

        En canto á película tamén deu que falar coa misteriosa desaparición do actor protagonista, Patrick Newell, poucos días antes da proxección da mesma. Ao final todo pareceu ser un truco de marketing para unha película que pasaría sen pena nen gloria polas carteleiras españolas. 

 

Botella de aceite REACE de 1 litro. Foto: todocoleccion.net

 

 Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA.

ABC: http://www.abc.es/hemeroteca

La Vanguardia: www.lavanguardia.es/hemeroteca

El País

El Pueblo Gallego

 


lunes, 4 de enero de 2021

Películas rodadas en Redondela

 

La Casa de la Troya, figurantes de Redondela. Foto cedida por Fernando Cabaleiro Santos
La Casa de la Troya, figurantes de Redondela. Foto cedida por Fernando Cabaleiro Santos

Entre as primeiras gravacións cinematográficas que se realizaron en Redondela podemos citar que o 24 de xuño de 1925 embarcaron para España os señores Rodríguez e Cora representantes dunha compañía cinematográfica que viñan rodar unha película para a Unión Agraria de Parroquias Unidas de del Distrito de Porriño nas parroquias do distrito e Tui, Redondela, Vigo,.... En novembro dese mesmo ano a sociedade organizou un festival artístico para conmemorar o seu segundo aniversario e a beneficio total da cinta cinematográfica.

En canto ás películas rodáronse en Redondela as seguintes:

             Maruxa (1923). Película rodada en Vigo e en Cedeira na propiedade “La Chicharra”. Dirixida por Henry Vorins e interpretada por Paulette Landais e Florián Rey.

Promoción de Maruxa na Chicharra Foto: Pacheco
Promoción de Maruxa na Chicharra Foto: Pacheco

 

 Carmiña flor de Galicia (1926). Rodada en Oporto e, entre outras vilas galegas, en Cedeira (Redondela), na leira “La Chicharra”. Dirixida polo italiano Rino Lupo e interpretada por Maruja del Mazo, Irene de Salazar, Eduardo Prados... 

Carmiña flor de Galicia. Fotograma na Chicharra. rodadoengalicia.galiciafc.org
Carmiña flor de Galicia. Fotograma na Chicharra. rodadoengalicia.galiciafc.org

 

A Chicharra a partires do minuto 30’.


 

Alalá. En setembro de 1934 rodouse na nosa vila esta película, con guión do novelista López de Haro.

             La casa de la Troya (1959). Baseada na novela homónima de Alejandro Pérez e dirixida por Rafael Gil. Contaba no seu reparto con Arturo Fernández, Ana Esmeralda, José Rubio, Julio Riscal, Pepe Isbert e Manolo Morán. Graváronse varias escenas desta película no Pazo de Pousadouro e nunha finca, coa igrexa de Reboreda ao fondo, na que se representou unha romaría na que participaron como extras mozos e mozas da vila. 

Rodaxe de La Casa de la Troya en Reboreda. El Pueblo Gallego
Rodaxe de La Casa de la Troya en Reboreda. El Pueblo Gallego

Rodaxe de La Casa de la Troya no Pazo de Pousadouro. El Pueblo Gallego
Rodaxe de La Casa de la Troya no Pazo de Pousadouro. El Pueblo Gallego

Parte 4-Igrexa de Reboreda a partir 8’35’’

 



Parte 5-Pazo de Pousadouro


              Rías Gallegas (1961). Primeiro documental galego en cinemascope e color. Rodada en 1956 no peirao de Cesantes, Vigo, Marín e Arousa. Obra do enxeñeiro Pedro Bandin e o cámara Juan Mariné.

 

1956, rodaxe de Rías Gallegas en Cesantes. Foto Siorty

         

            La Familia Colón. Cap. 22. Un hombre llamado Redondela (1966). Serie TVE. Capítulo con escenas do casco urbano de Redondela. 

https://www.rtve.es/play/videos/la-familia-colon/familia-colon-aquel-hombre-llamado-redondela/4830650/

Más allá del río Miño (1969). A acción desenvólvese en Santiago e numerosas poboacións da provincia de Pontevedra. Película do director galego Ramón Torrado, conta no reparto con: Nino del Arco, Gustavo Rojo, Enriqueta Carballeira, Luis Marín, “Xan das Bolas” e “Tip”.

 

Lejos de los árboles (1972). Película-documental dirixida por Jacinto Esteva, na que se recollen ritos e tradicións de diversas localidades españolas coa morte como fío condutor. Nela podemos ver á Coca perseguida pola rapazada no peirao de Cesantes e imaxes da danza das espadas na praza da Constitución.


 

Diario de una asesina (1973). Rodada especialmente en Vigo e Pontevedra ademais de no Pazo de Torrecedeira. A dirección do filme correu a cargo de Manuel Mur Oti, vigués de nacemento, e os principais protagonistas foron Marisa Mell e Anthony Stephen.

             Los caballeros del boton de ancla (1974). Película de Ramon Torrado na que aparece o paso do tren polo viaduto de Fontán coa illa de San Simón ao fondo.

Loca por el circo (1982). Película infantil de Teresa Rabal con algunha escena rodada en Cesantes.


 

La hora bruja (1985). Película protagonizada por Paco Rabal, Concha Velasco e Victoria Abril. A trama ten lugar en Mondariz Balneario e os concellos da contorna, rodándose algunha escena en Rande.

 Esperanza (1986). Curtametraxe de 35 minutos rodada por Chano Piñeiro en Vigo, Valladares e Redondela.

 Redondela (1987).Ver  https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/redondela-pelicula.html

 El juego de los mensajes invisibles (1991). Gravado no Pazo de Torrecedeira. Dirixida por Juan Pinzás e protagonizado por Antonio Ferrandis, o mítico Chanquete de Verano Azul. O reparto tamén contaba con Eusebio Poncela, María Barranco e Jose Luis López Vázquez.

La novia de medianoche (1997). Con escenas no Pazo de Torreceira. Antonio Simón dirixiu nesta película aos actores: Francisco Rabal, Nancho Novo, Juan Diego, Esperanza Roy e Laura Ponte.

Las noches de Constantinopla (2001). Rodáronse varias escenas no Pazo de Torrecedeira. Do director Orlando Rojas, contaba no seu reparto con Paco Rabal, que volvía a Cedeira co seu neto Liberto Rabal.

Galactea. A conquista da vía láctea. (2002). Película de cine fantástico xuvenil rodada en Redondela, Vigo, Vilagarcía, Mondariz e Forzáns.

 

Fotograma de Galactea na Casa da Torre. fantasio.es
Fotograma de Galactea na Casa da Torre. fantasio.es

O Lapis do Carpinteiro (2003). Protagonizada por Tristán Ulloa, María Adánez e Luis Tosar. Basada na novela homónima de Manuel Rivas. Conta no seu reparto co redondelán Tatán. Escenas rodadas na praia de Cesantes.

La Promesa (2004). Dirixida por Héctor Carré e protagonizada por Carmen Maura. Rodaxe dalgunhas escenas no Pazo de Torrecedeira.

Carmen Maura en La promesa. www.alamy.com

 

Heroína (2005). Protagonizada por Adriana Ozores. Escenas na praia e o cemiterio de Cesantes. Nesta película ademais, participaron os redondeláns: Tatán, Borines e Andrés Giráldez; compoñentes do grupo de monicreques Tanxarina.

 

Heroína, fotograma. La Voz de Galicia

Canciones de amor en Lolita's Club (2007). Película de Vicente Aranda, na que aparece a ponte de Rande.

Mar Libre (2010). Mini-serie de dous capítulos con escenas no Pazo de Pousadouro e a participación do actor redondelán Jose Ángel Egido.

             María Soliña (2019). Película rodada por Ignacio Villar en varios puntos de Redondela e Cesantes con Emma Suárez como rostro máis recoñecible.

 

 Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

Primeros tiempos del cinematógrafo en España. Coordinador: Juan Carlos de la Madrid. 1996, Universidad de Oviedo.

www.filmaffinity.com

Enciclopedia General de Galicia: www.egu.es

www.rodadoengalicia.galiciafc.org

Aportacións J. A. Xesteira

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego, La Integridad, El Correo de Galicia (Buenos Aires), El Heraldo Gallego

ABC

http://www.abc.es/hemeroteca

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

www.youtube.com

www.egu.es

 Aportes: Gonzalo Amoedp, José Antonio Martínez e Facebook Reloxos de Sol

 

sábado, 16 de mayo de 2020

Os Cines de Redondela.

        A primeira proba dun cinematógrafo en Redondela fíxose na casa de Fontán, na Ribeira, no ano 1899.
       O primeiro cine que atopo documentado é o Cinema Artístico, máis tarde coñecido como o Cine Imperial. Estaba situado na Travesía, actual rúa José Regojo, coa cabina de proxección no solar onde tiña un garaxe Bienvenido Míguez. O cine estaba dividido en xeral e preferencia. A parte de xeral tiña os bancos cravados ao chan de terra, para que non os romperan cando había pelexadas. Estivo a cargo de Nicolás Campuzano, pioneiro cinematográfico de Redondela, acompañado na billeteira pola súa muller dona Fe. Colocábase a carteleira na Praza de Abastos, nun lugar o bastante alto para que os nenos non lla romperan. Nos anos 40, a entrada custaba 40 céntimos en xeral e 60 en preferencia. Como non todos podían permitirse pagar a entrada, segundo os cartos que se tiveran entrábase antes ou despois (algúns con cinco céntimos apenas chegaban ao final). Cada vez que se abrían as portas se molestaba aos que xa estaban dentro e o público de xeral protestaba gritando: “¡Esa porta don Nicolás!”. Outros gritos típicos eran “¡Arriba don Nicolás!” ou “¡Abaixo don Nicolás!”, cando a película se descentraba. A cousa viña de vello como amosa un xornal de outubro de 1925: “Rogamos ao señor alcalde ordene concorra unha parella da Garda Municipal ás sesións que se celebran no cine da rúa Francisco de Federico, pois é tal o balbordo nas localidades de xeral, que dubidamos se estamos nun país civilizado ou nunha das zonas insubmisas do Rif”. O 20 de novembro de 1932 proxectou a primeira película sonora na vila titulada “La Canción del día”. Uns meses antes, en maio, o seu propietario, o señor Campuzano, deu unha función a beneficio dos pobres da vila para que puideran desfrutar das Festas da Coca.
O 11 de decembro de 1926 chega a Redondela o Cinemóvil Reclame.
 
Nuevo Cinema posteriormente as cocheiras de Aurelio García  Foto de Carlos Muíños "Dula"
 
En decembro de 1927 anúnciase que Francisco Míguez Esteiro construíra un edificio na rúa Ribeira para destinalo a salón cinematográfico. O proxecto atopábase á espera do informe da Xunta Provincial de Espectáculos e descoñezo se chegou a abrirse ao público.
En xaneiro de 1928 autorízase á Sociedade de Agricultores de Chapela para dar sesións públicas de cine no seu local
No nadal de 1931 inaugúrase o Nuevo Cinema coa película “Varieté”. Neste cine daría Castelao unha conferencia sobor do arte da caricatura o 6 de outubro de 1932, “media hora antes do acto non se podía entrar”. Ao ano seguinte sería un mozo estudante de dereito, Francisco Fernández del Riego, o que daría unha conferencia o Día de Galicia. Pouco despois pecharía este cine, que sería re-inaugurado o 13-10-1935.
En marzo de 1932 lévase á sesión da corporación municipal a petición de instalar un cine no recheo da Alameda, deixándose o asunto para á seguinte reunión.
Na primeira metade dos anos 30 tamén aparece o Cinema Rotalty. En maio de 1936 o seu dono cede o local para dar funcións os xoves a beneficio da Festa da Coca. As cousas trocarían co estalido da Guerra Civil e en maio de 1935 celébrase neste cine unha homenaxe a Alemaña e Italia coa proxección da conquista de Abisinia por Italia e as melloras agrícolas acadadas por Alemaña.
 
Cine Fantasio, antigo Cine Figueiral Foto: cinesdegalicia.educabarrie.org
 
 Máis tarde, Gonzalo Figueiral Caride abriría na actual rúa José Regojo, no 1945, o Cine Redondela e, no 1948 na mesma rúa, o Cine Figueiral (despois a empresa Buhigas-Arizcun trocaríalle o nome por Cine Fantasio). Este último, nunha inspección de 1953 xa aparece como propiedade de José Godoy Riveiro, dono tamén do Palermo e o Caramuxo en Vigo. Tiña un aforo de 572 localidades. Foi administrador deste cine o pai do actor José Ángel Ejido, mentres que a súa nai atendía a billeteira.
Todos eles ademais de cine facían as veces de teatro, ao igual que o Cine Coca que abriría as súas portas no 1948 da man de Jaime Lago Maslloréns, empresario dono de varios cines na provincia de Pontevedra. A finais dos 70 e inicios dos 80, tanto o cine Fantasio como o Coca especializáronse en películas de artes marciais, proxectando as de: Bruce Lee, Bruce Le, Bruce Li, Los hijos de Bruce Lee, El abuelo de Bruce Lee... Na lembranza de todos os que desfrutamos daquelas sesións sempre estará a técnica do mono borracho. O Cine Coca pecharía en 1984.
 
Cine Coca. Arquivo J. A. Xesteira
 
Tamén existiu un cine no alto de Cesantes chamado Cine San Simón propiedade de Fermín Hortas Esteiro. Abriu as súas portas en 1960 e tiña 230 localidades. O 5 de xaneiro de 1975 ofreceu o concerto da Coral Polifónica de Pontevedra. Ese mesmo ano pechou temporalmente e de forma definitiva no 1986.

Cine San Simón. Foto: Arquitectura Industrial en la provincia de Pontevedra. Iria Sobrino Fagilde e Rai Iglesias, 2008.
 

Tralo citado peche do cine Fantasio a principios dos 90, Redondela ficou sen cines ata a apertura do Cine 2R, cine de curta vida e que permaneceu aberto poucos anos. O cese da súa actividade produciríase en xullo do 2008.


Cine 2R. Foto: Juan Migueles
          
          Destacar por último ao Cine Club Búrbida (creado no 1979 pola Asociación de Vecinos Búrbida), o Cine Clube Claqueta (que programaba Cine na Rúa) e o Cine Clube Fantasio (organizaba ciclos de cine de autor no Cine 2R).

 Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA.
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989)
Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga. Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
O cine na provincia de Pontevedra a través dos seus arquivos públicos. Director: A. L. Hueso Montón. Universidade Santiago de Compostela. Xunta de Galicia.
Aportes: J. A. Xesteira, M. Migueles
Galiciana> El ideal gallego, El pueblo gallego









Maxia

        Se nos remontarnos a 1879 atopámonos co anuncio da actuación do prestidixitador Fortuna na nosa vila.
Mago Yoscar. Faro de Vigo
         O primeiro mago no Concello de Redondela do que teño referencias foi o mestre da escola de Vilar Infesta José Carlos Iglesias, coñecido artisticamente como o “Mago Yoscar”. Nas súas actuacións ademais dos típicos trucos de cartas e de desaparición de obxectos destacaba o de hipnotismo. Este entusiasta profesor ademais de formar equipos de fútbol e balonmán, realizou numerosas actividades escolares e, entre elas, deu renda solta á súa afección creando en 1968 o grupo infantil de maxia “Los Magic Brothers”, composto por seis prestidixitadores e un faquir experto en tragar coitelas de afeitar. Debutarían ese mesmo ano nas festas da Coca nun festival infantil celebrado na Sala Parque La Junquera.
Tres de Los Magic Brothers de Villar, 1968. Foto Freire-El Pueblo Gallego
         Máis recentemente, a maxia atopou o seu oco na programación do festival Artistas na Rúa, na que comparten cartel con malabaristas, equilibristas, estatuas viventes... Actualmente volta a estar de moda este xénero e ata téñense emitido programas adicados completamente á maxia na televisión. Isto veuse reflectido na nosa vila coa celebración, no 2009, do I Encontro de Maxia e a presentación ante o público no 2011, do mago redondelán Eloy Crespo co seu número “101 argucias y un imposible”.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego
Faro de Vigo

viernes, 15 de mayo de 2020

Festivais Teatrais e Cinematográficos


Artistas na rúa
Certame organizado na Alameda dende o ano 2000 pola iniciativa de Luis Crespo. Conta coa actuación de magos, pallasos, músicos, malabaristas e equilibristas. Festival que tivo altos e baixos incluído en varias ocasións na programación das Festas da Cooca. A partires do 2016 celébrase complementando á Shopping Night, noite no que o comercio local oferta promocións e descontos.

Ciclo de Teatro Afeccionado
Vénse celebrando no Multiusos do Piñeral do Crego, en Chapela, dende o 2012.

Lareta -Humor na súa tinta
Lareta é un festival de monólogos en galego que dende o 2013 vén organizando o Servizo de Normalización Lingüística, tendo actuado recoñecidos monologuistas como Quico Cadaval ou Víctor Fábregas. No 2017 pasou a chamarse Humor na súa tinta.

Festival de Curtrametraxes e Diversidade Funcional Andaina
Nado no 2013 dentro da programación do Redondela en Curto. Festival organizado pola Asociación Andaina de Persoas con Necesidades Especiais co dobre obxectivo de naturalizar e dar visibilidade á discapacidade a través do audiovisual.









Festival internacional de títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo)
No ano 2000 celebrouse a primeira edición e dende aquela non parou de crecer a asistencia de público. Neste certame teñen participado grupos de puntos tan dispares coma Australia, India ou Arxentina.



Redondela en Curto
Festival internacional de curtametraxes organizado por Fernando Carreira "Cuchi" dende o 2005. A proxección divídese en bloques, elixíndose ao gañador co voto do público. Conta ademais cun bloque alternativo chamado Sección Friki ou Sesión Golfa. Á sombra deste festival naceu o Festival de Curtametraxes Andaina.
O festival suspendeuse no 2019 por desacordos co Concello e despois do peche de Redondela Tv, proxecto da mesma persoa. Fernando Carreira marcharía daquela a Soutomaior creando Soutomaior Tv e o Festival Souto Pequeno. Co troco do goberno , no 2020 retómanse unhas negociacións para volver a organizar o festival que fracasan polo que Fernando da por finalizada a traxectoria deste festival.



Outono Teatro
Programación teatral do Concello que nos derradeiros anos oferta obras de diferentes compañías galegas.

Teatrarte
Festival de teatro afeccionado organizado polo Concello e que sería suspendido no 2012 por mor dos recortes.

Teatro Cativo
Programación teatral do Concello dirixida ao público infantil.

Autor: Juan Migueles