Mostrando entradas con la etiqueta Persoeiro H. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Persoeiro H. Mostrar todas las entradas

sábado, 3 de junio de 2023

Fernando de Haz de la Gándara (1912-1985) Conserveiro.

 

Fernando de Haz. Arquivo ANFACO
Fernando de Haz. Arquivo ANFACO

 

        Fillo de Gaspar de Haz González, quen estivo á fronte da empresa familiar conserveira, pois era neto dun fomentador catalán que establecera unha fábrica de salga en Vigo. Casou con Esperanza de la Gándara Cividanes, filla do tamén conserveiro José de la Gándara Sestelo (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/gandara-sestelo-jose-manuel-marcelino.html ). Co matrimonio fusionáronse as dúas empresas nacendo Conservas Gándara y Haz.

        Centrándonos xa en Fernando de Haz, titulouse como perito mecánico na Escola Industrial de Vigo. Logo pasaría tres anos ampliando a súa formación na Technicum Cantonal de Bienne, centro próximo a Basilea (Suiza). Mentres a conserveira era dirixida polo seu irmán Juan de Haz, pero en plena Guerra Civil foi mobilizado, polo que Fernando debeu regresar para facerse cargo da empresa. Lamentablemente Juan falecería na contenda, e Fernando seguiría na dirección, sendo axudado anos despois polo irmán menor, Gaspar de Haz, profesor mercantil.

Anuncio. Vida Gallega.


           Fernando de Haz sería presidente da Unión de Fabricantes de Conservas (1974-1977) e sería membro da agrupación de conserveiros Spanalbacore, que promovía exportacións de atún branco a Estados Unidos. Aquela foi unha década complicada para o mercado conserveiro e remataría coa intervención de Gándara y Haz.

            Ademais de empresario, Fernando de Haz tivo unha intensa vida deportiva sendo un dos pioneiros en Galicia do tenis e do tenis de mesa, acadando tres títulos galegos de tenis na modalidade de dobres. En 1944 xa ocupaba postos directivos na federación galega deste deporte, sendo nomeado presidente en 1962. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/tenis.html ). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/tenis-de-mesa-ping-pong.html ). Neste punto hai que lembrar que na casa da súa familia política construíuse a primeira pista de tenis do concello de Redondela. Estou a referirme á casa de Gándara, no barrio de Outide, en Cedeira. Do outro lado da estrada está a chamada Casa de don Fernando, hoxe en ruínas (2023) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/02/casas-destacadas-de-cedeira.html ). En Vigo tamén exercería como presidente do Club de Campo.

 

Anuncio. El Pueblo Gallego.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Conservero y jugador de tenis. Gerardo González Martín

La Larga reestructuración del sector y las nuevas tareas de la Unión. http://aniversario.anfaco.es/node/11

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche.

Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989)

El Rincón de MariPaz. El tenis de mesa vigués. http://lopezcerdeira.over-blog.es

Aportes orais.