sábado, 13 de marzo de 2021

Reutilizando nos cemiterios.

Casa reitoral do Viso

Unha das cousas que máis chama a atención no adro da igrexa do Viso son as vellas lápidas do cemiterio, que foron colgadas na entrada e nunha das fachadas da casa reitoral. Outras pedras antigas no recinto conforman un pequeno museo ao aire libre. Estas lousas foron obra de Manuel Vidal “Daniña”, canteiro de labra fina e afamado gaiteiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-historia.htm ) falecido na década dos 20 do pasado século, quen tamén esculpiu a parte vella do cemiterio. 

Restos funerarios no adro da igrexa do Viso

 Por toda Galicia atopamos pedras reutilizadas. Inscricións dunha capela aparecen nunha casa ou a pedra dun lagar aproveitouse para construír un muro. En Vilar de Infesta levaron este costume provocado pola necesidade un pouco máis alá e as columnas da propia entrada ao adro está formada por lápidas e pedras de antigas sepulturas.




Pero a maior sorpresa a levamos na pequena entrada que está fronte a porta da igrexa. Aquí o acceso é unha escaleira formada por grandes lousas. Chamoume a atención que unha tiña unha cruz, logo vin que outra tiña letras e finalmente descubrín que eran lápidas, pero que a maioría estaban postas do revés. Esta debía ser a “escaleira ao ceo” que cantaba Led Zeppelin. 



 

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/igrexas.html )

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes José Luis Cofán