| Ponte de Rande. Foto: J. Migueles, 2008. |
![]() |
| Ponte de Rande durante as obras de ampliación. Foto: J. Migueles, 2016. |
| Ponte de Rande. Foto: J. Migueles, 2008. |
![]() |
| Ponte de Rande durante as obras de ampliación. Foto: J. Migueles, 2016. |
Redondela é coñecida como a Vila dos Viadutos por estar atravesada por dous deles, un da liña de ferrocarril Vigo-Ourense e outro da liña Vigo-Pontevedra. Estas dúas estruturas foron declarado BIC en 1978.
Este viaduto mide 411 metros de largo por 32 de alto, se ben a parte metálica ten unha lonxitude de 255’89 m. As pezas metálicas foron importadas das fábricas de Fives-Lille (Francia). As obras foron dirixidas polo contratista Sr. Odriozola. O interior dos piares de pedra foron recheos con miles de piñeiros, xa que a madeira resultaba máis económica. A súa construción iniciouse en 1863. O 30 de xuño de 1876 realizáronse as probas de forza ás que asistiu o Gobernador Civil. Consistiron en que unha locomotora cruzara tres veces, a última con oito vagóns cargados de terra.
O inicio das obras do tramo Vigo-Redondela foi inaugurado e percorrido por Alfonso XII ao ano seguinte. Pero non sería ata 1881 cando entraría en funcionamento.. A viaxe inaugural celebrouse o 9 de xuño, con saída dende Vigo e chegada a Ourense. Nesta cidade celebrouse un banquete ao que asistiron máis de 80 comensais. Entre os asistentes figuraban os Bispos de Tui e Ourense; o consello de administración da compañía construtora, Sres. Rouvière, Coura, Galí e Pérez Caula; o xeneral Fuente Pita; Sr. Ballester, xefe do Movimiento; varios Deputados Provinciais; algúns ex-Deputados a Cortes; alcaldes de Ourense, Vigo, Redondela e outros concellos do percorrido, representantes da prensa... O primeiro tren de viaxeiros sairía o 18 de xullo de 1881. O tramo ata Monforte completaríase en 1885.
Sempre se dixo en Redondela que este viaduto fora construído por Pedro Paolo Floriani da Macerata, mestre italiano discípulo de Gustave Eiffiel, o construtor da homónima Torre parisina, mais parece ser que a realidade foi ben distinta. Efectivamente, existiu un Pedro Floriani, pero que nada tiña que ver cos anteriormente mencionados e que en realidade, era un subcontratista. No 1868, a adxudicataria das obras comunícalle que non se lle pagará a obra aducindo a falta de seguridade da mesma. Endebedado tentou suicidarse e quedou inválido. Os outros financiadores da obra que tampouco cobraron os custes foron Francisco Buenagua Magulegui, de Marquina (Vizcaya), e Juan Praria Rozaza. Eles si conseguiron suicidarse.
En 1911 inícianse unhas obras consistentes en reforzar a ponte cun trinta por cento máis de ferro, dirixidas polo enxeñeiro industrial Esteban Puiggali. Crónicas da época denuncian que o único que se fai e “quitar uns tornillos e poñer outros”. Estas obras rematarían coas probas de resistencia o 5 de novembro de 1912, cun custo de arredor dun millón de pesetas.
A principios de 1927 os carteis que prohibían o paso non impiden que o viaduto se encha de xente cada vez que o Redondela F. C. xoga no campo de Petán. O feito tampouco é tan estraño tendo en conta o índice de analfabetismo da época. Pero as aglomeracións chegan a ser tan perigosas que en ocasións os trens teñen que deterse no viaduto para evitar atropelar á xente.
Durante os anos de posguerra, cando “o tren Portugués” (tren procedente de Portugal) facía soar a súa sirena tres veces e freaba antes de chegar a este viaduto, a baixa velocidade era aproveitada para lanzar sacos de café, fariña...; que os mozos da vila recollían axiña. Este estraperlo axudaba á precaria economía de moitas familias de Redondela.
Durante todos estes anos de funcionamento o maior problema deste viaduto era o forte desnivel que o separaba do túnel de Os Valos, o que provocou non poucos incidentes. En agosto de 1967 entrou en funcionamento un trazado alternativo, que provocou a construción dunha nova estación. En 1971 o viaduto quedou definitivamente en desuso retirándose as vías e as varandas.
Daquela, a estrutura de ferro foise deteriorando pola falta de mantemento, que non chegaría ata o 2004, ano no que a Consellería de Cultura investiu 318.000 euros en limpeza, toma de mostras e pintado do viaduto. Os traballos non deberon resultar moi efectivos xa que tan só 5 anos máis tarde caiu unha peza metálica de case 1 Kg. de peso, coa fortuna de que non causou danos. Este suceso provocou que en maio do 2009 o viaduto comezara a ser tapado cunha malla en espera de financiamento. No 2013 inícianse novos traballos de restauración que rematan ao ano seguinte co pintado da estrutura metálica de cor verde. Apesares de que a maior parte da poboación tan só coñeceramos a ponte oxidada, os maiores lembran que a cor orixinal era similar ao que ten o viaduto de Pontevedra.
| Viaduto de Ourense, 2009. |
En xuño de 1881 dan comezo as obras de construción. Ás 7 da mañá do día 7 de marzo de 1882 colócase a primeira pedra do viaduto. As probas de resistencia realizáronse en maio de 1884. E definitivamente, o 30 de xuño de 1884 celébrase a inauguración oficial da liña Redondela-Pontevedra e bendícese a locomotora “Pontevedra”. Na actualidade segue en funcionamento.
O Viaduto de Pontevedra tan só ten pedra nos tramos de acceso. A parte metálica consta de tres tramos sostidos por dous piares. O central ten unha luz de 57’5 m. e os laterais de 46m. O enxeñeiro que dirixiu a obra foi Luis Wirtz. Empregouse ferro laminado construíndose as pezas nos talleres da barcelonesa “Maquinista Terrestre y Marítima”.
![]() |
| Viaduto de Pontevedra, 2009 |
| Viaduto de San Estevo, 2009. |
BIBLIOGRAFÍA
Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
SEREN
Nº4. Os viadutos de Redondela: Arquitectura, arte e estética. Carlos A. Antuña Souto e Javier Antuña Castro.
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El pueblo gallego, El Diario de Santiago, El Noticiero de Vigo, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La idea moderna, El heraldo gallego, Diario de Galicia...
El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))
En Consello da Cultura. www.consellodacultura.gal=> Céltiga (Buenos Aires), Eco de Galicia (La Habana)
No Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> La Ilustración Gallega y Asturiana,
La Voz de Galicia.
Ademais dos viadutos, Redondela conta con moitas pontes, principalmente no seu casco urbano que está bañado por tres ríos: Alvedosa, Maceiras e Pexegueiro.
Entre os datos antigos de pontes desaparecidas atopamos:
1665, outubro, 19 Venda que fan Felipe de Piñeiro e Francisca Pereira y Castro, veciños de Redondela, a Luis Gómez, toneleiro, da viña de "la Puente de Esteiro", na freguesía de San Pedro de Cesantes (Redondela, Pontevedra), polo prezo de 90 ducados...
1722. Foro de la casa en la que vive Pedro Travieso junto al puente de Villavieja.
Esc. p. de 1730 aparece el Procurador general de los mareantes dos vicarios del gremio de Mar de la Villa, un mayordomo de S. Juan y varios Mareantes reconociendose deudores a D. Mauro Vitorero y Colugna de 600 pesos de a quince reales vellón destinado a pagar a cada uno muro de la puente Lera según tienen escriturado.
No 1774 o Procurador Xeral do Mar, Antonio Amoedo, contratou ao canteiro de Cedeira, Domingo Pereira, para construír unha ponte na vila, que ese mesmo inverno tería que ser reparada por mor dun asolagamento. 1854: Relación de obras mandadas realizar por el Gobernador Civil. Redondela: ...3443 Rs. Vn. Para la remodelación del puente Torrado en Reboreda
![]() |
| Ponte da Lama, 2018 |
| Ponte da Illa de San Simón, 2008 |
| Ponte de Esteiro, 2009 |
| Ponte de San Garrido, 2009 |
Pontes de Redondela
A Marca do Rei. Ponte que cruza o río Maceiras ao entrar no casco urbano de Redondela por Vilavella. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-marca-do-rei-vilavella-redondela.html)
Ponte de Arango. En xaneiro de 1910 acórdase no Concello arranxar unha pedra desta ponte e tamén recompoñer a ponte que unía a Xunqueira co camiño da estación.
Ponte de Fenosa ou da Xunqueira. Como dixemos anteriormente, en xaneiro de 1910 acórdase no Concello recompoñer a ponte que unía a Xunqueira co camiño da estación. Supoño que esta ponte era de madeira porque atopo referencias a outra que se construíra no 1915 e que tamén era deste material. Esta tamén debeu ser substituída poucos anos despois, porque en setembro de 1929 “a ponte inmediata á central eléctrica” atopábase medio derruída polas obras de encanamento do río, e solicitábase a construción dunha ponte provisional de madeira para evitar un rodeo dun quilómetro para subir á estación.
Ponte dos Fornos. Uniría a antiga rúa dos Fornos (de aí o seu nome), actual Xoán Manuel Pereira, coas rúas Isidoro Queimaliños e Alfonso XII. Aparece nun documento de 1605 como “Puente de Villavieja”. Sería destruído polo asolagamento do 28 de setembro de 1932. Da indemnización concedida polo Ministerio de la Gobernación o Concello adicou 3.443’57 pesetas á súa reparación. Desapareceu coa construción da actual praza Ribadavia, proxectada en 1930.
Ponte de Julián Peitudo. Chamada así polo dono dunha taberna próxima á ponte. Une a Rúa Xoán Manuel Pereira coa R. Figueiral. Destruída durante o asolagamento do 28 de setembro de 1932, sendo logo reconstruída.
Ponte de Lima. Construída en 1863. Co inicio da construción da primeira Praza de Abastos da vila o 3-4-1887 tápanse 7 dos 15 ollos que tiña esta ponte. Produciuse daquela a reclamación dos 3 médicos da vila porque se impedía a entrada das mareas, non contando o proxecto con estudos técnicos ao respecto e padecer numerosos defectos lexislativos. Mais só se consegue atrasar a inauguración da obra ata o 25 de xullo de 1891.
Posteriormente o que quedaba desta ponte sería substituída pola chamada Ponte do Concello, construída en formigón, que sería demolida en outubro de 1996 para facer outra máis ancha.
Ponte Longa. Desaparecida en 1930 ao taparse o río Alvedosa para construír a praza Ribadavia. Unía Vilavella coa actual rúa Alfonso XII. Aparece xa con este nome no século XVIII como lindeiro de Redondela uníndoa con Vilavella. Casto Sampedro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html), recolle que anteriormente era coñecida como Ponte Ancha. Nos anos 30 do pasado século, tamén chamada popularmente Ponte de Matilde, homónima da Fonte de Matilde, recibían o nome da propietaria dunha taberna situada no solar no que anos despois abriu a Cafetería La Farola.
Ponte de Paulino. Ponte que une o Paseo da Xunqueira coa Avenida Ernestina Otero. Chamada así por ser financiado polo dono do coñecido como Baile de Paulino, que co tempo pasaría a chamarse discoteca Diva. A principios do s. XXI foi recuberta de madeira.
Ponte de Pasais. O nome faría referencia aos pasos ou chanzos de pedra empregados antigamente para cruzar o río. Ponte do século XIX, sería arranxada no 1872 e posteriormente destruída polo asolagamento do 28 de setembro de 1932. Situada na rúa Pasais, actual Xoán Manuel Pereira, une Redondela con Reboreda. Foi ampliada en dúas ocasións, na segunda sería dotada de beirarrúas na marxe dereita no 2018.
Ponte da Praza. Construída para dar acceso á Praza de Abastos. Coas obras do recheo instalouse nun principio unha pasarela de madeira que sería substituída pola actual ponte de pedra en 1956. Esta sería ampliada no 2007.
Ponte da Portela. Construída despois do recheo da Marisma para unir a Portela coa Avenida de Santa Mariña. Ampliada no ano 2000.
Ponte da Ribeira. Desapareceu coa desviación do río. Estaba situada ao final da Alameda, máis ou menos á altura da Praza Santiago Apóstolo. Daba acceso ao peirao e á Praza do Peixe.
Ponte da Xunqueira. Une Vilavella co Paseo da Xunqueira.
Ponte de Vilavella. Unía o barrio do Salgueiral coa rúa hoxe chamada Padre Crespo. En 1933 non era máis cunha ponte de madeira xunto á conserveira Otero Bilbao. Esta ponte desaparecería coa construción da industria téxtil Regojo, tapándose un tramo do río.
![]() |
| Marca do Rei, 2018 |
| Ponte da Portela, 2009 |
| Ponte da Praza, 2009 |
| Ponte de Julián Peitudo, 2009. |
| Ponte de Pasais, 2009 |
| Ponte de Paulino, 2008 |
| Ponte do Concello e restos do vello, 2009 |
| Scalextric, 2009 |
| Pasarela da Alameda, 2009 |
![]() |
| A Marca do Rei. Foto: J. Migueles |
A ponte que cruza o río Maceiras ao entrar no casco urbano de Redondela por Vilavella e baixo a que se inicia a Senda do Maceiras, ten a ambos lados unha balaustrada cun monólito. Eran coñecidas popularmente como “A Marca do Rei” e dise que foron erixidas para conmemorar a visita dun Rei. Garda moitas similitudes con A Pantalla, en Cesantes.
Son legoeiros do Camiño Real, ou sexa un fito que marca a distancia en légoas. O Camiño Real foi mandado construír, dende a vila de Padrón a Redondela, en 1793, polo Arcebispo de Santiago, Sebastián Malvar y Pinta ás súas expensas. O seu costo ascendería a dez millóns de reais da época. Cincuenta anos despois, atópase tan deteriorado que, o daquela novo gobernador civil de Pontevedra, Francisco Paez de la Cadena, ordena a súa inmediata recomposición iniciándose as obras en xullo de 1847.
En canto ao trazado cara a Vigo: “Si estaba completamente finalizada la carretera de Benavente a Vigo en 1803, con hijuelas a Santiago, Tui y Pontevedra.”
| A Pantalla, 2009. Foto: J. Migueles |
O único que sabiamos ata o de agora é que a Marca do Rei foi construída, cando menos, no s. XIX, xa que aparece nunha acuarela do pintor G. Vivian, publicada en 1838 na súa obra “Spanish Scenery”, e que sería realizada entre 1831 e 1837. Neste cadro pódese apreciar que a ponte contaba co arco actual e con polo menos outros dous máis próximos ao centro da Praza Ponteareas. Tendo en conta que ata hai pouco existiu unha fervenza e unha pequena charca no monte que hai tras a praza podemos supor que baixo estes arcos pasaría a auga nacida neses montes. Por referencias orais sabemos que a mediados do s. XX existían dous arcos, o actual baixo o que discorre o río Maceiras e outro polo que pasaba a auga procedente do muíño Arañol. Este último sería tapado por José Otero González “Mañas”, nos anos 50, durante as obras de reedificación do convento, no espazo no que os seus herdeiros construirían a nave industrial que estaba acaroada ao Convento de Vilavella (hoxe en día desaparecida e convertida en aparcamento).
En visita nocturna acompañando a Imelda e Xurxo Constela, membros de A Citania S. L., puidemos comprobar que saíndo de Redondela no panel do lado dereito lese:
REYNANDO
EL SEÑOR
Por desgraza a terceira liña que correspondería co nome do rei está picada. Por contra ao revisar o lado esquerdo pasa o contrario, as liñas superiores están esnaquizadas e a inferior é a que se conserva:
ANO DE MDCCCVII
A data de 1807 lévanos ao reinado de Carlos IV, que remataría ao ano seguinte. A posterior invasión francesa en 1809 pode estar detrás da destrución do nome do rei e do que puxera no resto do texto. É unha sorte que poidamos coñecer esta data porque esta estrutura fora golpeada por un camión e durante moito tempo as pedras ficaron baixo as augas do río Maceiras, ata que a insistencia de Xosé Antonio Orge Quinteiro conseguiu que o Concello a reconstruíse.
| A Marca do Rei. Foto: J. Migueles |
As diferenzas estruturais con outros leguarios próximos como o de Vilaboa se xustifica porque serían marco-paneis onde se indicarían as distancias entre as distintas cidades. A eliminación das inscricións, parcialmente na Marca do Rei e na súa totalidade na Pantalla, impide ter máis datos. Ata o de agora tampouco se atopou documentación referente á súa construción que nos aporte máis información.
| Leguario de Vilaboa. Google maps |
O que sabemos de certo é que a Marca do Rei construíuse en 1807 e, probablemente, a Pantalla tamén, durante o arranxo das estradas principais de Redondela e Vilavella: “15 de Agosto. Manda S. M. Que el señor Pedro de Acuña tome a su cargo la obra de las 325 f. de Camino, que deben costear las villas nueva y vieja de Redondela, las que a cuenta del arbitrio de un maravedid en quartillo que se consuma en su distrito y coto de Cedeira reintegrarán a la comisión los caudales que para dicha obra adelante. Nota. La citada estrada por no corresponder el conocimiento de ella a esta oficina, la recogió Joseph Mella strio. intno. de Rentas la mañana del día 8 de Mayo de 1806.”
| Agresión. A Pantalla, 2020. Foto: Alén Nós. |
É curioso como ata o de agora estes elementos etnográficos pasaron desapercibidos para a meirande parte da poboación. Especialmente no caso da Pantalla que da nome ao barrio e nin sequera boa parte da veciñanza coñece este feito. Tanto é así que o propio Concello cometeu unha agresión no monumento ao colocar beirarrúas por non telo catalogado e non dotalo da protección axeitada. Por sorte, a protesta de varias asociación conseguiu a rectificación e a posterior restauración e posta en valor, mediante a colocación dun panel explicativo a finais do 2021.
Hai anos os veciños de Cesantes tiñan a crenza de que, cando lanzabas unha pedra de costas á Pantalla, se quedaba na cornixa do tímpano era sinal de que ías casar. Pola contra, se caía é que ías quedar solteiro.
. En canto á Marca do Rei, como curiosidade dicir que aínda podemos ver como algunhas das súas pedras foron asentadas empregando cunchas de ostras.
| Panel de A Citania SL colocado na Pantalla, 2022. Foto: Obradoiro Fernando Monroy |
Ao inicio das obras de humanización da Praza Ponteareas, a finais de 2021, causou expectación o descubrimento do muro, que sendo unha continuación da Marca do Rei, servía de contención da Praza de Ponteareas. Este muro era coñecido como O Petril polos veciños máis maiores que aínda lembran xogar a pasar por un pequeno conduto para as augas pluviais que atravesaba baixo a estrada.
| Muro de contención. Foto: J. Migueles |
.
Ubicación:
42.278523, -8.611436
A Pantalla.
42.299342, -8.602540
| A Marca do Rei. Foto: J. Migueles |
BIBLIOGRAFÍA
Visita realizada con Imelda e Xurxo Constela, membros de A Citania S. L.
Aportes: Xurxo Constela, Matilde Fernández e Xose Antonio Orge Quinteiro.
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.
Blog: Reloxos de sol. Descubriendo los relojes de sol de Galicia.
Esperanza, La (Madrid. 1844). 02-08-1847, página 2-Camiño Real
Arquivo Deputación de Pontevedra. atopo.depo.gal => 1807 Contas de propios e arbitrios xurisdición de Redondela Nova