Mostrando entradas con la etiqueta Política. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Política. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de diciembre de 2024

Castelao e Redondela.

 

 

O guía da danza das espadas. Por Castelao.

            No Museo de Pontevedra atopamos un cadro de Castelao no que reproduce a figura do xefe da danza das espadas. Dada a avanzada idade da persoa retratada podería tratarse de Juan Puertas Fervenza “Ley”, quen dirixira a danza entre 1884 e 1928,iniciando unha saga familiar que tería continuidade en Fernando Puertas Fervenza“Ley II” e Fernando Puertas Rodríguez “Ley III”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-da-danza-das-espadas.html )

            Esta obra engádese ao popular debuxo de Xan Carallás que entregou a Amador Pérez Sousa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html ). Este cedeuno para á súa publicación no Faro de Vigo en 1930 e crearía a prancha para reproducilo na súa imprenta, polo que tamén aparecería, en 1932, en El Soplete, xornal que dirixía. Castelao fixera amizade con Amador nas súas numerosas visitas á nosa vila, pero anteriormente xa fora compañeiro de José Bouzón Rosales durante os seus estudos de Menciña. Tamén consideraba como amigo seu e padriño literario ao poeta redondelán Ernesto Casto Padín Lorenzo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/padin-y-lorenzo-ernesto-casto-redondela.html )

Debuxo de Xan Carallás. El Soplete

 

        Outro debuxo con temática redondelá sería o realizado en 1917 cando decorou as paredes do desapareciddo Café Royalty de Pontevedra recreando personaxes populares da comarca entre os que se atopaba o chamado "Torero de Redondela". En Redondela, Fermina, avoa dos fotógrafos Raimundo e Félix Cal, contoulles que nunha das mesas de mármore do Café América, debuxara a figura de Xan Carallás. Tamén se conta que realizara un cadro ao óleo de Xan Carallás que sería copiado por César Pazos "Pisquito" para decorar a taberna de Mougás, na rúa Cruceiro.

        Por último citar a obra "As cruces de pedra na Galiza", na que Castelao debuxa algúns cruceiros e cruces do noso concello.

Cruz da Casa do Carballo. As cruces de pedra na Galiza.

 

        Non sabemos cando visitou Redondela por primeira vez, pero é de supor que como membro da Liga Agraria de Acción Gallega, asistiría á VI Asamblea Agraria de Galicia celebrada en Redondela en 1915.

        En 1930, durante unha reunión do Padroado do Museo de Pontevedra, mantén unha forte discusión co redondelán Casto Sampedro. Castelao argüíu que o Museo debería ser autónomo da Deputación e Sampedro defendeu a súa ligazón. Castelao acabaría por desculparse por medio de Alejandro Mon e o Marqués de Riestra, e posteriormente en carta pública ao presidente da Deputación. Sampedro aceptaría as desculpas dando por rematado esta polémica. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )

        En decembro de 1931 é un dos fundadores do Partido Galeguista e tan só catro meses despois organizaríase o Partido Galeguista de Redondela, que chegou a ter unha publicación propia titulada Terra!, dirixida por Avelino Cal e na que colaboraría Castelao xunto a outros destacados galeguistas: Paz Andrate, Otero Pedrayo, Bóveda... (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

        Dentro da súa actividade neste partido participaría como orador en varios actos, tanto na nosa vila como en Chapela a onde acudiu en 1933. Pola súa relevancia, poderiamos citar ademais o acto a prol do Estatuto de Galicia celebrado na Xunqueira en 1936. Aproveitando a estancia na nosa vila por mor nun destes actos, en outubro de 1932, no cine Nuevo Cinema da unha conferencia sobor do arte da caricatura. Nun principio ía celebrarse no Centro Republicano pero desbotouse pola gran afluencia de xente que se agardaba. Desde Vigo organizouse una excursión en autocar e nun xornal comentábase que “media hora antes do acto non se podía entrar”. En febreiro de 1934 tamén participara na homenaxe celebrada en Trasmañó na memoria do seu maior benfeitor, Benigno F. González. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/gonzalez-benigno-f-trasmano-emigrante-e.html ) e ese mesmo ano asistiría ao enterro de Xosé Mª Blanco Alfaya, concelleiro de Redondela polo Partido Galeguista. 

Mitin a prol do Estatuto. Foto publicada en Galeguismo e sociedade na Redondela da II República

Lois Barros. Edicións do Castro.


 

        A gran pregunta sería se Castelao se inspirou en xentes de Redondela para outros debuxos e ata para a creación de personaxes literarios, como parece ser que ocorreu con Manuel Chichí, que poido servir de inspiración na obra Os dous de sempre. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/personaxes-1-metade-do-s-xx-4-manel.html )

      

        O debuxo de Xan Carallás sería reproducido en madeira por Sesé Fernández (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/fernandez-crespo-jose-sese-e-benito.html ), Antonio Martínez "Tonacho" (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/martinez-alvarez-antonio-tonacho.html ), Pablo Álvarez (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/alvarez-pablo-bola-ourense-1974-ebanista.html ) ou Pablo Giráldez "Pastor", quen o disfrazaría para un cartel de entroido (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/giraldez-rio-pablo-o-pastor-reboreda.html ), entre outros. Varios artistas realizarían as súas propias reproducións noutros materiais como cerámica ou bronce. Merece mención a parte o citado Sesé Fernández, porque ademais de tallar en madeira a Xan Carallás realizaría numerosas obras baseadas en outros debuxos de Castelao. Entre as súas exposicións a que lle causaría máis ilusión sería a ofrecida en Rianxo, vila natal de Castelao.

Debuxo de Castelao, por Sesé Fernández.


        Para rematar a relación de Castelao con Redondela, en 1988, o concello aproba darlle o nome de Daniel Rodríguez Castelao á Alameda. Este sería o lugar para erixirlle unha estatua que sería inaugurada o Día das Letras Galegas de 1987.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Xan Carallás de Redondela. El mito, la figura, la Orden. José Martínez Crespo. Ed. Orden de Xan Carallás.

Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo. Ed. Cardeñoso.

Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Dolores Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Vida Gallega, El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego...

Museo de Pontevedra

El Soplete

lunes, 8 de mayo de 2023

Jacinto Sarmiento de Valladares y Zamudio (Saxamonde (Redondela) ¿? /Madrid, 1727)

 

Fillo de Juan Antonio Sarmiento de Valladares (de Zamudio) (Saxamonde-Redondela)

e de Constanza Luisa Sarmiento de Valladares (Vigo).

Señor de San Román de Saxamonde. O 19-3-1665 nomeado I Conde de San Román. O 29 de decembro de 1692 iniciáronse as Probas para ser Oficial do Santo Oficio da Inquisición. En 1705 nomeado Ministro do Consejo de Italia, organismo que atendía os asuntos italianos para a monarquía española dos Austrias, cargo no que se mantivo ata a disolución de dito organismo en 1719. Era dono da Casa da Torre en Redondela, polo que no s. XVII era coñecida como Casa do Conde de San Román. Casado con María Sarmiento Sotomayor.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Familiares y Oficiales del Santo Oficio de la Inquisición y sus Genealogías. Amado Ricón Viruleg. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca.

www.senado.es

wikipedia-Condado de San Román

Faro de Vigo: El pazo de San Román volverá a salir a subasta a menor precio al ...

www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2013/03/...san-roman.../770968.html

La Cueva de Zaratustra. Taller de J. A. Durán (ED) www.tallerediciones.com Varios artigos.

 

 

Javier Varona Gómez

 

Javier Varona. Faro de Vigo, 1998
Javier Varona. Faro de Vigo, 1998

 Doutor veterinario, estableceuse en Redondela como alto cargo da empresa Pescanova, fixando a súa residencia en Cedeira. Nomeado Presidente do Fondo de Regulación y Organización del Mercado de Productos de la Pesca y Cultivos Marinos (FROM) en 1983, sendo daquela deputado provincial e concelleiro polo PSOE. Máis tarde sería nomeado Presidente do Instituto de Estudios Marinos para la Nutrición y el Bienestar. Especialista en nutrición e pesca, dentro do seu labor profesional ademais de dar numerosas conferencias, ten publicado numerosos artigos e algún libro, entre os que podemos citar os seguintes traballos:

Catálogo de denominaciones de especies acuicolas foránes. Peces, crustáceos, moluscos. Javier Varona. FROM. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Centro de Publicaciones, 1986 / 978-84-505-4796-2

Pesca industrial galega en alta mar . Javier Varona Gómez. Adega cadernos, ISSN 1137-0262, Nº. 2, 1997

Manual práctico sobre pescados y mariscos frescos. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Javier Varona. Madrid, 2006. 

 


 

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Boletín Oficial del Estado https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-1983-2915

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

La Verdad

Fundación Dialnet

www.todostuslibros.com

 

 

jueves, 16 de junio de 2022

Manuel Otero Lago “Xisma” (Vilavella, 1870/25-2-1950)

 

 

Manuel Otero Lago. Foto cedida pola familia Fernández Otero


        Empresario Conserveiro, Alcalde de Redondela e Sacristán das Monxas de Vilavella.

        Na súa infancia axudaba aos seus pais na tenda e cuns 10 anos tiña a tarefa de levar a cabalo as provisións para os peóns do ferrocarril que estaban a construír o túnel dos Valos. Saía ás 5 da mañá polo que á volta viña tan canso que quedaba durmido seguindo o cabalo o camiño que coñecía de memoria. Co andar do tempo chegou a ser dono dunha empresa conserveira na actual Rúa Padre Crespo. Esta fábrica tiña na entrada un bar que daba servizo tanto aos empregados como aos veciños e na outra beira posuía unha casa na que abriu unha tenda de comestibles. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )

 

        Foi durante uns 12 anos concelleiro pola parroquia de Cabeiro, a onde se desprazaba a cabalo. Daquela o camiño para chegar a esta parroquia desde Redondela era de terra. Para tratar de mellorar esta situación logrou levar a Cabeiro a un Deputado, volvendo avergoñado porque ao chegar os veciños lle cantaron: “Serás Deputado e chegarás a ser Ministro pero como non arranxes o camiño encoméndate a Jesucristo.” Un exemplo das súas intervencións no Concello sería no pleno 6 de novembro de 1920 cando como concelleiro prega: “... á alcaldía que ordene á garda municipal non permita tender a roupa de ningunha clase na reixa que circunda o terreo do convento, pois elo desdí o ornato público”. Tralo Golpe de Estado de Primo de Rivera foi nomeado alcalde, cargo que abandonaría aos poucos días. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )

 

Manuel Otero de mozo. Cedida pola familia Fernández Otero
Manuel Otero de mozo. Cedida pola familia Fernández Otero

        Tamén sería presidente da confraría de Ánimas de Vilavella, pertencendo a varias asociación relixiosas máis. Outro cargo que ostentaba era o de Sacristán das Monxas do Convento de Vilavella. Entre as súas atribucións estaba a de empregar un cuño co que lacraba os barrís de madeira, que facía cos seus fillos con madeira de salgueiro. Nestes barrís envasábanse os doces elaborados polas monxas e que chegaron a ter certa sona a nivel nacional. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/o-convento-de-vilavella.html )

Selo do Sacristán. Foto: J. Migueles
Selo do Sacristán. Foto: J. Migueles

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais Matilde Fernández

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es


miércoles, 15 de junio de 2022

Carolina García Tenreiro (Neda (A Coruña))

Primeira concelleira de Redondela.

Mestra de profesión comezou a súa carreira docente como interina en Aranza (Soutomaior), praza á que renuncia en 1914. Despois sería substituta en Codeseda (A Estrada) e Salceda de Caselas. A finais de 1916 foi nomeada mestra de Guláns (Ponteareas), alí púxose a mal co párroco quen a levou aos tribunais. O xornal "El Tea" conta que a sentenza non sería cumprida por presións de arriba pero o cura xunto co deputado Sr. Barrón, conseguiron que o seu nomeamento como mestra de Guláns quedara sen efecto.

En agosto de 1918 sería nomeada mestra substituta en Vilaboa. Logo exercería en Chaín (Pontecaldelas), entre maio de 1921 e xuño de 1926, cando foi nomeada mestra de Santo Paio de Arriba (Reboreda). Despois de pasar pola escola de Ventosela, en marzo de 1935, volve a tomar posesión da de Santo Paio de Arriba, onde ensinaría ata a súa xubilación en 1943.

Militante do Partido Radical, foi a primeira muller Concelleira de Redondela tomando posesión o 13 de novembro de 1934. En 1935 formaría parte da comisión organizadora das Festas da Coca. Algunhas das súas intervencións como concelleira:

Interesa se abone la indemnización de Casa habitación aos mestres o máis axiña posible e sen preferencia. (Abril 1935)

Denuncia o estado ruinoso dunha casa en Reboreda. (Xullo, 1935)

Interesa se abone la indemnización de Casa habitación aos mestres o máis axiña posible e sen preferencia. (Outubro 1935)

Interesa o arranxo da fonte da Esfarrapada que se atopa en malas condicións. (Decembro 1935)


Outra das súas preocupacións era o exceso de velocidade dos coches que cruzaban a vila. Era chamada polos seus detractores Carolina “Guau Guau” por ir a todos lados acompañada do seu can.

Sofreu proceso de depuración, sendo suspendida de emprego e soldo o 1-9-1936 e reposta en abril de 1938. En maio de 1944 concédenselle 2.000 pesetas de haberes pasivos como mestra xubilada.


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

El Pueblo Gallego

 

jueves, 25 de noviembre de 2021

Victoriano Ballesteros Reboreda (Chapela, 1896-1960).

 


Xornalista. Director do semanal “Galicia Social” de Vigo. Foi un dos fundadores do xornal en 1919 e comezou a dirixilo en 1923, cargo que ocuparía ata o seu falecemento. Este xornal era de marcada ideoloxía católica como o marca o feito de que organizara peregrinacións a Lourdes ou Covadonga. En 1925 tamén dirixiu un novo semanario vigués chamado “Última hora”. Correspondente da axencia Logos ademais de realizar crónicas para o diario Ya.

Tenente alcalde do Concello de Vigo (en 1928). En 1929 aparece como concelleiro suplente. Destacado membro da Sindicato Obrero Católico de Vigo do que era vicepresidente a finais dos anos 20. En 1930 aparece como presidente do re-fundado C. D. Bosco, equipo de fútbol ligado á escola dos salesianos. Xa na 2ª República, en xaneiro de 1932, aparece como vocal do partido político confesional católico recen fundado en Vigo, Acción Nacional. Este partido sería a base da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA).

Durante a Guerra Civil apoia ao bando franquista, participando en Radio Vigo no programa “Charlas patrióticas”, desde setembro de 1936. En 1939 comeza a escribir artigos e crónicas deportivas para El Correo Gallego dos que destacaremos, no referente a Redondela, os adicados á busca do tesouro de Rande en 1940. En 1947 foi homenaxeado con motivo de cumprir 25 anos á fronte da dirección de “Galicia Social”. Por esa época convértese en redactor de Hoja Oficial del Lunes e comeza a colaborar con El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. Tamén sería nomeado vogal de honra da Asociación de Prensa de Vigo. Faleceu en 1960 aos 65 anos.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Galicia, Vida Gallega, El Pueblo Gallego, El Diario de Pontevedra, El correo de Galicia, El Ideal Gallego, Hoja oficial del lunes, El Eco de Santiago, El Correo Gallego

Amado Ricón Virulegio (Redondela, 1933/Redondela, 7-8-2019).

 

Amado Ricón. Foto compartida polo PP de Redondela

 

Fillo do ebanista Amado Ricón Villar (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/ricon-villar-amado-redondela-1900-1945.html )

En 1958 emigrou a EE. UU. onde exerceu como catedrático de Literatura Española na Universidade de New York. Naquela cidade presidiu a Casa de Galicia. Xubilado en 1992, retornou a Galicia onde recibiu a Medalla Castelao, destacándose o seu estudo da obra de Eduardo Pondal. Foi presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

En Redondela é moi lembrado polo seu paso pola política local. En 1995 presentouse nas municipais como candidato do PP, accedendo á alcaldía ao ano seguinte despois dunha moción de censura. O seu mandato estivo marcado polo conflito coa recollida do lixo que naquela época se queimaba na Marisma. Un problema, o da xestión dos residuos, que se repetía en toda a xeografía galega naqueles anos. Nesta época tamén exerceu o cargo de Deputado provincial.

Investigador da historia local de Redondela, publicou varios artigos no Boletín do Seminario de Estudos Redondeláns:


A Batalla Naval de Rande. SEREN Nº8, 2020.

Notas dispersas sobre don Isidoro Queimaliños Queimaliños. SEREN Nº6, 2009.

Bosquexo da orixe da igrexa de Santiago de Redondela: vida dalgúns abades e a súa obra. SEREN Nº5, 2008.


Anos antes, deunos a coñecer a antigos persoeiros da vila e a Lenda de Marcolfo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=marcolfo ) Ademais de deixarnos numerosos artigos en xornais e nas publicacións das Festas da Coca, sirva como exemplo: Familiares y Oficiales redondelanos del Santo Oficio de la Inquisición y sus Genealogías. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca.

Obras publicadas:

Eduardo Pondal. Conciencia de Galicia. 1981.

Estética poética de Eduardo Pondal, 1985.

Os Eoas. Eduardo Pondal. Limiar, transcrición, selección e notas de Amado Ricón Viruleg, 1992.

Castelao, propagandista da República en Norteamérica, 2000. Emilio González López e Amado Ricón Virulegio.



Outros artigos:

Origen y sentido del himno gallego. Boletín da Real Academia Galega. Nº356, 1974.

Algunos ejemplos del ‘Axis rítmico’ en la poesía de Pondal. Boletín da Real Academia Galega. Nº345-360, 1968.

Relación contemporánea sobre la llegada y estancia en Galicia de la reina Dª Mariana de Neoburgo en 1960. Compostellanum: revista de la Archidiócesis de Santiago de Compostela. Vol. 13. Nº4 (Octubre-Diciembre, 1968).


Colaboraciones en obras colectivas

A fronte popular antifascista galega de Nova York: o ambiente políticos dos españois, cando chegou Castelao a Nova York. Amado Ricón Virulegio. Congreso sobre Castelao: actas do congreso realizado pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Rianxo, dos días 25 ó 29 de xaneiro de 2000, 2001.

Castelao propagandista da República e organizador galego. Amado Ricón Virulegio. Actas Congreso Castelao. Tomo I: (Santiago de Compostela, 24-29 novembro 1986). 1989.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

SEREN. Boletín do Seminario de Estudios Redondeláns.

Publicacións da Festa da Coca. Varios anos.

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

domingo, 25 de abril de 2021

Uhagón y Hurgado de Corcuera, Manuel (Bilbao, 1809/Vigo, 17-3-1882)

Manuel Uhagón foi un enxeñeiro e político vasco pertencente a unha familia nobre de Bilbao moi vinculada á vida política. O seu pai Gabriel Uhagón Olea sería Prior do Consulado de Bilbao en 1822 e rexedor en varias ocasiones do Concello bilbaíno. O seu tío Pedro Pascual, Padre de Provincia do Señorío, Deputado foral, Deputado a Cortes (Bizkaia), Prior do Tribunal de Comercio de Bilbao e Comendador de la Real orden de Isabel la Católica e da de Carlos III. O seu tío Francisco sería fundador do Banco de Bilbao en 1857 e un fillo deste Felipe Uhagón sería alcalde de Bilbao.

Volvendo a Manuel Uhagón, exercería os cargos de: Padre de Provincia do Señorío. Deputado a Cortes por Baleares (1858 e 1863) e Barcelona (1864 e 1865). Senador electo pola provincia das Illas Baleares en 1872 e pola de Pontevedra en 1877 e 1879-80. Rexedor do Concello de Bilbao en varias ocasións. Redactor do xornal El Bilbaíno, onde redactaba os escritos e manifestos do concello. Conselleiro de Estado, Director General del Tesoro, Caballero de la Real orden de Isabel la Católica e Comendador de la orden de Carlos III

Casa do  Sobral ou Torre de Calle. Foto: idealista com.

 

Casado en 1827 con María Josefa Gregoria Aldecoa Olabarri coa que tivo 6 fillos. Ao falecer esta, en 1873, casaría en segundas nupcias con María Isidora Mier Elorriaga.

En que se relaciona Manuel Uhagón con Redondela? Pois que en 1877 anúnciase a posibilidade de que se presente a deputado provincial por Redondela. Probablemente non chegou a facer oficial a súa candidatura porque ese mesmo ano foi elixido Senador por Pontevedra. Pero non remata aí a relación coa nosa vila, xa que estableceu a súa residencia en Cesantes. Naquela parroquia mercaría en 1872 a finca ou granxa do Sobral. Na documentación desta finca fálase da granxa recreo Torre-calle, casa na que residiu. Hoxe en día esta propiedade é coñecida como Lugar de Vaghón.

Na bibliografía consultada sinálase como lugar de falecemento Vigo ou Pontevedra en 1882, contando daquela 73 anos, polo que o máis probable é que seguira residindo en Cesantes. Os seus restos repousan no cemiterio dos Eidos. En 1907 expediuse un certificado de taxación de leiras da Sra. viúva do Sr. Uhagón no Sobral, o que indicaría que por esta época a familia poría estas propiedades á venda.

Como curiosidade, dicir que estivo entre os que respaldou a Enrique Peinador na construción do Balneario de Mondariz.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

www.senado.es

https://www.congreso.es

https://gw.geneanet.org/sanchiz?lang=es&n=uhagon+hurtado+de+corcuera&oc=0&p=manuel

Ayuntamiento de Bilbao https://www.bilbao.eus Biografías de alcaldes y gestión en el ayuntamiento de Bilbao.

Balnearios, intereses políticos y desarrollo turístico en el noroeste de España: el caso de A Toxa y Mondariz (1874-1935). Margarita Vilar Rodríguez, Universidad de A Coruña

Documentación da finca Sobral (Redondela, San Pedro de Cesantes). Arquivo Deputación de Pontevedra

www.idealista.com

 Aportes Xosé Moreira Docampo


sábado, 9 de mayo de 2020

Cal Brandao, Mario (Porto, 1910/Maia, 1996)_Político portugués.

Foto: El Pueblo Gallego
         Fillo de Silo José Cal Muíños, natural de Redondela, quen fora irmán de Saturno Cal, alcalde da vila. Mario Cal Brandao era licenciado en Dereito e exerceu como avogado, sendo directivo do colexio de avogados de Oporte. Destacouse desde a súa mocidade pola súa militancia e actividades contra a a ditadura do Estado Novo encabezada por Antonio de Oliveira Salazar. Concretamente, na súa época universitaria entrou na loxa masónica Revolta e foi membro dos corpos directivos do Jardim-Ecola Joao de Deus, Asociación Académica e do Centro Republicano Académico, ademais de ser un dos fundadores da Editorial Horizonte. Detido catorce veces pola policía política PIDE, formou parte das comisións de apoio ás candidaturas democráticas á presidencia da República dos xenerais Norton de Matogueiras e Humberto Delgado. Foi un dos fundadores do Partido Socialista portugués (PS). En 1974 foi nomeado gobernador civil do Porto e sería durante 14 anos deputado da Asemblea da República.
          Déronlle o seu nome a dúas rúas de Guimaraes e Águas Santas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
19961022 El País
19740901 El Pueblo Gallego
20100325 Jornal de Noticias