lunes, 27 de abril de 2020

Personaxes 2ª metade do S.XX (2). Nené, "el último chorizo"

 
Nené, entroido no Centro Recreativo e Cultural, 1977. Foto: Cal3
       Nené era un delincuente habitual especialista en furto e timos a pequena escala, con numerosas entradas e saídas do cárcere, protagonizando numerosas anécdotas. Segundo contan xa de mozo apuntaba maneiras e facía "desaparecer" os xeados do Café de Triscallo, o que obrigou ao dono a poñerlle unha cadea á neveira. Como nunca tivo coche estafaba aos taxistas e ao chegar a Redondela lles contaba que o seu pai era o dono do bar Lisboa. Coa escusa de ir pedirlle cartos para pagar a carreira, entraba no bar e saía pola porta de atrás.
       Durante un tempo, gañouse a vida vendendo uns barquillos nas festas, feiras ou no pavillón ao grito de:
Al rico parisieeeeé.
Parisié rico,
rico parisié.

       Cando lle quedaban poucos dicía:
Me quedan dos
Cáceres y Badajoz,
si me quedaran más dos
no las vendía ni dios.
   
       Por suposto, en canto os vendía aparecía con outra bandexa chea. Este oficio valeulle un novo alcume e durante un tempo a xente lle chamou Nené Parisié.
       Outra das súas fontes de ingreso era a recuperación de obxectos roubados. Por unha módica recompensa sempre lograba que "aparecera" o subtraído dicindo que o culpable era un de fóra. A vítima quedaba contenta porque a perda era moito menor, pero coa dúbida de se non sería o propio Nené o autor dos feitos.
        As veces facía trasnadas tan só por divertirse. Nunha ocasión apostoulle a un "colega" que lle gañaba correndo ata o final da rúa. O outro confiado botouse a correr, saíndo Nené tras el gritando: -"¡Al ladrón, al ladrón!".
        Un timo orixinal foi cando lle encargou un trompo "especial" a Sesé Fernández. Con el foi á Alameda onde organizou un campionato de trompos, previa inscrición aportando unha certa cantidade. Os cartos recadados repartíanse entre os tres primeiros. Unha vez que se apuntou unha chea de xente, fixo un círculo duns dez metros de diámetro. ¡Que sorpresa levaron todos cando sacou o seu enorme trompo cunha "saída" que rebotaba nos xardíns! Gañou o campionato sen problemas embolsándose o maior premio.
         Outro dos seus timos era ir polas feiras vendendo rifas que nunca tocaban. Para desprazarse soia buscar un "taxista" co que repartía parte das súas ganancias. Unha vez reclamáronlle un premio, tratábase dun paraugas, polo que Nené asegurou que non había problema. Acercouse ao paraugueiro dun bar e entregou o "premio" ao afortunado.
        Unha vez mirou a unha señora maior que coñecía cargada coa compra. Quitándolle as bolsas da man, ofreceuse a subirlla á casa para que non fora tan cargada. A veciña que coñecía os seus antecedentes, cunha mistura de incredibilidade e temor, non soubo dicirlle que non. Unha vez no piso ofreceulle unha propina, pero el rechazouna pedindo, iso si, usar un momento o baño, non podendo novamente negarse a señora. Nené tardaba e tardaba, e os temores da pobre muller aumentaban. De súpeto, sae pola porta dando as grazas e a señora queda pasmada ao darse conta que Nené... ¡DEUSE UN BAÑO!
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.

Personaxes 2ª metade do S.XX (1). Douglas

        Era da familia dos Cochechos e dos Pintantes. Naceu cun pé máis curto que o outro e ademais era gangoso. O que para outros podería ser unha desgraza para el era unha vantaxe, xa que ninguén se atrevía a pegarlle. Cando se metía con alguén e se pasaba da raia dicía -"¿Como me vas a pegar se es máis forte e eu son un coxo, non te da vergoña?"; e así librábase dunhas labazadas.
        Traballou na fábrica de Regojo, onde se metía coas mulleres dicíndolle piropos e outras lindezas máis subidas de ton, tales como que pasaran dunha en unha ó baño que lles ía facer un favor. Cando o seu encargado lle reprochou a súa actitude, dixo na súa defensa: -“¿Que queres que faga? Elas métense comigo e eu que son, ¿un home ou un cabalo?”
         Nunha ocasión na que O Veneno tiña un conflito polas terras coa súa nai, Douglas en vinganza, colleu unha pistola enferruxara que atopara cavando na súa veiga, e obrigouno a meterse nunha cuneta, a carón da igrexa de Vilavella, que estaba ateigada de auga. Na axuda do pobre Veneno acudiu o Policía Municipal Ferpello. Pero non se deixou amedrentar e obrigou a Ferpello a meterse tamén na cuneta O pobre municipal tan só puido dicir:-“Estás jodido estaste a meter coa autoridade.” Ao que Douglas respondeu: -Jodidos estades vos que estades na cuneta”. Pouco despois iría a garda civil a casa do delincuente a requirirlle que entregara a arma. -“Hai a tedes, esta toda esferruxada.” Os axentes rían tanto, que nin sequera o detiveron.
         Durante unha tempada Douglas andaba polas rúas cunha machada no cinto. Cando lle preguntaban porqué a levaba, contaba: -“¡Vou rachar ó meu irmán! Eu andaba a entrarlle na bodega por unha xanela pequena para beberlle o viño, máis deuse conta que o barril estaba a baleirarse e deume unha malleira. Eu dicíalle, -¡Irmán, non me pegues! E el contestaba, -¡Nin irmán nin hostias! ¡Que malleira me deu, que malleira!”
         Noutra, sorprendérono tentando entrar nunha casa. Os veciños acoderon co que tiñan á man: fouces, machados..., e cando atoparon a Douglas subido a unha viña, este dixo: -“¿Que roubar, nin roubar? Eu o que quero é pinar á filla, pero a desgraciada non abre a fiestra”.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.

Personaxes 1ª metade do S. XX (4)-Manel Chichí

          Manuel Montero Iglesias. Tipo peculiar da vila. Home coas facultades psíquicas mermadas, pero de carácter alegre e cariñoso. Era coidado pola súa curmá Juana Montero, durmindo na rúa Cruceiro. Tiña predilección polos puros e cando lle regalaban un desfacíase en reverencias. Cando miraba a alguén fumando pedíalle a cabicha e se o outro accedía pregáballe: -"Xa está, non fumes tanto que non me deixas nada, para xa...", e así seguía ata que por cansazo lle daban o puro. Nunha ocasión a un home delgado que fumaba un puro grande díxolle: -"¿Que fas? Non ves que non tes peito. Damo a min que son máis home."
           Estas historias gardan similitudes coas protagonizadas por unha personaxe da novela de Castelao Os dous de sempre. Inspirouse o escritor nas falcatruadas de Manel Chichí ou foi a tradición oral a que engrandeceu a súa figura outorgándolle feitos sacados do libro?

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989)
19810618049 Faro de Vigo-Entrevista a José Fontenla Cal

Personaxes 1ª metade do S. XX (3)-Enrique Borrajo, Quirico e Leirón

  
    Na primeira metade do s. XX a estes tres adicáronlle unha copla:

Enrique Borrajo, Quirico y Leirón
son los tres personajes que hay en la estación
Leirón, limpiabotas, saca mucho brillo
y si el cliente se descuida, le limpia el bolsillo.
         
        Como queda dito Leirón era limpabotas. Entre as falcatruadas que facía un día quitoulle o sable a Alfredo "Desenvaina", garda municipal que con ese mesmo sable ameazaba aos rapaces. Perseguido polo policía tiroullo a unha finca propiedade da señora Filomena, ao lado do edificio onde estaba Telégrafos e detrás da antiga Oficina de Correos.
Enrique Borrajo, conduciu durante moitos anos á Coca.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989)

Personaxes. 1ª metade s. XX (2)-Os bromistas de Cedeira

Nun xornal de 1926 atopei a seguinte noticia:
          "Según dicen de Redondela, el pasado domingo se atraparon una regular borrachera los vecinos de Cedeira Juan y Gonzalo Borjes, José Vicente Pérez Rodríguez, Juan Toracido y Jesús Pernas. La "paplina" dioles por gastar unas cuantas bromas a sus convecinos. Primero cogieron una escalera de mano en una obra en construcción y la atravesaron en la carretera, estando a punto de chocar con ella un automóvil. Cogieron luego un carro del país propiedad de Salvador Rodríguez, y lo dejaron a la puerta de la casa del alcalde, con cuatro nasas de pescar langostas que hurtaron a un vecino. Por último, se fueron a la cuadra del Taracido y sacaron un pollino que llevaron ante la casa del Teniente alcalde D. Andrés López, donde le dejaron atado del ronzal al llamador de la puerta. Los borrachos se divirtieron viendo como el pollino daba golpes al llamador cada vez que agitaba la cabeza. Una pareja de la guardia civil puso fin a estas "lindas" bromas, deteniendo a los borrachos".

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana=> El Diario de Pontevedra

Personaxes. 1ª metade s. XX (1)-Esganadí, Pena, Darrosa, Cacá...

Pena, Diego e De la Rosa. 1963, Faro de Vigo
        Unha cuadrilla formada por Jaime Esganadí, Manolo Pena, José Darrosa e Diego Cacá, entre outros, sempre andaban armando leas cando eran novos. Un día foron a Amoedo cinco ou seis cunha cinta métrica e comezaron a facer medicións polas fincas. Os veciños alarmados preguntaron que estaban a facer e eles contestaron que ían a facer unha nova estrada. Os donos dos terreos procuraron entón convencelos de que desviaran a estrada por outro lado invitándoos a viño, comida e o que fixera falta. O timo continuou varios días ata que un os recoñeceu e lle dixo ós afectados que eran uns farsantes de Redondela. Non lles quedou máis remedio que escapar como puideron dos alporizados veciños que os querían matar.
         Tamén simularon en Redondela o inicio das obras na Ribeira, cando o mercado que alí se facía non tiña un tellado que protexera da choiva. Os veciños encantados coa noticia chegaron a darlles "Vivas", pero do que pasou despois preferían non lembralo.
         Noutra ocasión na taberna de Nador convenceron a un coitado de que levaba os zocos do revés. O pobre do home ó chegar ó cemiterio dos Eidos non podía máis. Ao darse conta da broma volveu correndo ao bar, pero os outros xa marcharan.
         Doutra estenderon o rumor de que Ramón el Habanero morrera. O pobre do home estaba tranquilamente na súa finca, mentres a xente ía dar o pésame á súa casa.
Para rematar dicir que Diego Cacá conduciu durante moitos anos á Coca, pola súa banda, Jaime Esganadí formou parte do primeiro equipo de fútbol da vila en 1907, o Redondela F. C., sendo considerado "especialista en zancadillas cuando había que tumbar al contrario".

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Faro de Vigo

Sorteos e concursos infantís.

No Concurso Profiden (campaña de hixiene dental), setembro 1955-maio 1956, a nena Matilde González Iglesias resultou agraciada cunha boneca «LILI» e unha bolsa de produtos Profiden.
           Entre os premiados nos concursos organizados con motivo da campaña Pro-Seminario nas escolas de 1965, resultou vencedor do primeiro premio de mozos no acróstico, Ramón Rodríguez Ferreira, de Pousadoura (Chapela). Ao ano seguinte entre os premiados aparece a nena Herminia Otero Pereira, da escola mixta de Cidadelle (Chapela).
No sorteo do concurso escolar “Historias de Manolín” de 1968, unha das gañadoras dunha moneca “Violeta” foi Isabel Docampo Pení, da escola de nenas de Trasmañó; e entre as agraciadas cun exemplar do Novo Testamento estaba María del Carmen Lusquiños López, de O Viso.
En xaneiro de 1975 no sorteo de Reis Magos de El Caserío el queso predilecto de los niños gañou un lote de xoguetes o neno Jesús Rodríguez de Cesantes.
Entre os 120 niños de toda España que, en abril de 1989, foron seleccionados para pasar 10 días no Campus Deportivo Nocilla, adestrando con Epi e Abascal, atopábase Diego Cobo Lodeiro de Redondela.

Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
19650515 El pueblo gallego
19660419 El pueblo gallego
19750107sorteo-ABC

Concursos de debuxo

          Durante o segundo semestre do ano 1933, o xornal vigués El Pueblo Gallego organizou mensualmente un concurso infantil de debuxo. Nas bases establecíase que os debuxos debían ser feitos con tinta china, publicaríanse os de maior calidade, entre os cales os dous mellores serían premiados con dez pesetas cada un, publicándose a foto dos autores e a dos catro ou cinco seguintes.
Nenos de toda Galicia enviaron os seus debuxos, moitos dos cales serían publicados, deixándonos unha testemuña do estilo e calidade dos novos debuxantes daquel tempo, pero tamén dos seus gustos e as súas inquietudes. Recrean escenas próximas a eles como as agrícolas, gandeiras ou mariñas, pero tamén de festas e de monicreques, ou ao porteiro de fútbol Ricardo Zamora, a Micky Mouse...
Entre os participantes aparece José Molinos, de Redondela, e varios nenos de Chapela: Ángel Lago Senlle, Fernando Villar Pena, Carlos Villar Pena, Julio Villamarín Iglesias, Antonio Arosa Rodal, José Rey Palacios e Emilio Costa González. De todos eles sería Julio Villamarín o que acadaría un dos premios, aparecendo a súa foto no xornal.
         En 1973 sería La Voz de Galicia o xornal que organiza un concurso de debuxo, aparecendo entre os participantes Tere Crespo Loureiro, de 7 anos, con domicilio en Redondela e os nenos de Cabeiro: María del Carmen García Martínez de 10, Manuel García de 7 e Concepción Barciela García de 9.
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego
La Voz de Galicia

Concursos musicais

     
Betty e Laura no concurso ¡Levántate!  de Tele5 no 2015

        Nos derradeiros anos na televisión abundan os concursos musicais, nos que ás veces participan talentos musicais de Redondela. Isto provoca expectación na nosa vila e durante a emisión dos programas convértese en tema de conversa habitual nas rúas e, agora tamén, nas redes. Pero a cousa ben de lonxe.
       En febreiro de 1948, Virgilio González, solista de acordeón, participou no concurso La Fiesta de l Radio, organizado por Radio Pontevedra. Interpretaría dous temas de Reveriano Soutullo o pasodobre “Puenteareas” e o intermedio “La leyenda del beso”.
       Nesta época e con tan só nove anos, Bernardina Vidal coa súa armónica vence no concurso Coser y cantar, organizado por Radio Vigo.
       En 1970 o Círculo Cultural e Recreativo de Chapela organiza un curioso concurso musical consistente en escoitar oito temas de música moderna e identificar os títulos e intérpretes.
Cara a 1978 ou 1979 o grupos de voces e guitarras Vento do Norte, que interpretaba versións da música folklórica, participou no concurso da TVE, Gente Joven.
       Por esa época Poli participaría no programa Aplauso, na cuarta edición de La juventud baila, na que quedaría en segundo lugar.
 https://www.facebook.com/100000346682446/videos/2349043641783836/?t=31
 
Poli nun concurso no Miramar. Foto cedida por Martín Fernández
       Pasando os anos, irrompen os canais privados na televisión e comezan a triunfar este tipo de programas. Nun concurso de imitación de cantantes famosos, Seve Fervenza e a súa esposa cantan temas de Amistades Peligrosas. O formato do programa, gravado cada quince días, e o avanzado estado de xestación dela impiden o seu paso á final, o que enfadou moito a Alaska, membro do xurado que tiña predilección pola parella.
         No pioneiro dos concursos infantís, Veo veo, presentado por Teresa Rabal, foi gañado por un membro da Orquestra de Saxos de Redondela, quen abraiou co seu dominio de varios tipos deste instrumento.
        A gran revolución deste tipo de concursos veu da man de Operación Triunfo, do que saíron artistas como Bisbal, Chenoa, Bustamante, Soraya... Aquí participou Miriam, que si ben naceu en Vigo, a súa familia paterna é de Redondela.
        Unha nova participación infantil sería a de Laura, nun concurso presentado por Pilar Rubio. A falta de audiencia provocaría que Tele 5 decidira cancelar a emisión cando a nosa representante era unha das favoritas, destacando pola súa calidade cantando clásicos do Soul. A principios de 2015, Laura volveu a participar nun concurso de Tele 5, ¡Levántate!, desta volta acompañada da súa nai, Betty. O seu bo facer no escenario levounas a quedarse as portas de entrares na gran final.
        A todos estes habería que sumar aos que participaron nos concursos da TVG. A última sería Charo Martínez, de Cesantes, que no 2017 participou en Recantos.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Noche, El Pueblo Gallego

A boa fortuna redondelá

         Durante dous anos Redondela foi o centro de atención informativo por mor da lotería primitiva e a súa choiva de millóns. O 2-7-1988 Juan Freaza veciño de Cedeira é o único acertante da lotería primitiva. O premio sería de 904 millóns de pesetas. Dous anos mais tarde, o 7 de abril sería un albanel de Reboreda o que se converteu no afortunado gañador no mesmo sorteo. O seu pleno valeulle gañar 1.198 millóns de pesetas, sendo naquel momento o maior premio de lotería dado en España. Ese mesmo ano en setembro unha obreira do téxtil tamén foi agraciada cun suculento premio da lotería primitiva.
           O antecedente máis antigo que atopei foi en xaneiro de 1883 cando dez familias pobres, algunhas con oito fillos, repartíronse un décimo da Lotería Nacional que resultou ser o do primeiro premio. Cada familia gañou 10.000 reais.
En novembro de 1901 son agraciados co segundo premio da Lotería Nacional: Manuel Fernández, ecónomo de Reboreda, cun décimo; Gregorio Miguel de los Nalos, capataz da liña Ourense-Vigo, tamén cun décimo; e compartindo un terceiro décimo os mozos de estación Manuel Mosquera, Francisco Muñoz e Benito Barrado.
En outubro de 1902 vendéronse en Redondela dous billetes de lotería premiados co segundo premio, que ascendía a 40.000 pesetas cada un. Os agraciados foron Juan Castro Lago, irmán do secretario do Xulgado municipal, e Arsenia Táboas, irmá de Olimpio, síndico do Concello, que deu participacións a varias persoas de Reboreda.
En decembro de 1907 o gordo da lotería cae en Tui, pero varios décimos véndense na estación de Redondela. Un deles foi mercado por un mestre da nosa vila e os demais por viaxeiros que ían de paso.
A lotería de nadal non se porta moi ben coa nosa vila pero en 1995 o Centro Cultural de Cedeira repartiu o terceiro premio en participacións de 250 ptas. pagadas a
600.000 ptas., sendo un total de novecentos corenta e tres millóns duascentas mil pesetas.
Os seguintes casos dan boa mostra de que a fortuna dos redondeláns non se reduce á lotería:
En 1925, nun concurso organizado por un concesionario de coches de Vigo consistente en resolver un crucigrama, sorteábanse cinco premios de 25 pesetas entre os que tiveron un só fallo. Na lista aparecen: Srta. Felisa González Ojea, D. Antonio Salvador Ruíz, Srta. María Carretero Orega, D. Félix González Ojea, D. Lorenzo Vicente Vicente e Srta. Pilar Vicente González, todos de Chapela.
En outubro de 1950, no sorteo celebrado entre os acertantes dos pasatempos propostos pola revista El Eco Franciscano, resultou agraciada Dolores Martínez Portela, finca “As Laxes”, Redondela, que recibirá o libro “Sabores”.
A finais de febreiro de 1951, no concurso semanal “El día del hincha” de El Pueblo Gallego, consistente en atinar o resultado de catro partidos de fútbol, houbo 20 acertantes, entre eles Alfredo Rubín, da Rúa Alfonso XII, en Redondela. Como tan só había un premio de 250 pesetas, procedeuse a realizar un sorteo no que Alfredo non tivo tanta sorte.
En setembro de 1953, foron entregadas 10.000 pesetas a Ángel Tellería Ayuso, que vive en Redondela, como gañador do sorteo organizado por Culmen S.A. Asistiu ao acto, Honorato López Ventín “Cabezo II”, inspector rexional da empresa. Curiosamente o seu fillo tamén levaría premios neste sorteo en 1954 e 1956.
Precisamente en 1956 recibiría 5.000 pesetas do sorteo mensual organizado pola compañía de seguros El Ocaso S. L.
En xaneiro de 1959, o ex-futbolista Rafael López Ventín “Cabezo I” atinou os catorce resultados da quiniela. Mágoa que o premio non fora dos máis grandes.
En maio de 1962 no 5º gran premio Soberano, Rogelio Rodríguez Núñez con domicilio na rúa Isidoro Queimaliños gañou un Seat 600 e o Auto Bar resultou gañador dun Televisor Marconi.
En marzo de 1966, no sorteo de primavera da emisora La Voz de Vigo, foi agraciado cunha neveira José Solla Castro, de Redondela. Outros agraciados da nosa vila foron Tito Lago Rodríguez, de Saxamonde, cun transistor, e María Mercedes Sobrino Pérez, cun lote de botellas Osborne.
En setembro de 1967 o sorteo mensual “Caja de Ahorros de Vigo” de 250.000 pesetas recaeu no matrimonio redondelán formado por Raimundo Couñago Couñago e Amparo González González. Tres anos despois esta caixa sorteou un piso entre os seus clientes, sendo o afortunado gañador o garda municipal Jaime Pérez Figueroa, con domicilio en Cesantes.
O establecemento Confecciones Terramar fixo entrega en xaneiro de 1968, dun Seat 600 ao gañador do seu sorteo Domingo García Macías, de 21 anos e coñecido ciclista, veciño de Cidadelle (Chapela).
Entre os premiados cun cheque de 500 pesetas no concurso semanal do viño Savin aparece en decembro de 1972, Lucila Melón Álvarez con domicilio na Av. do Generalísimo en Chapela e Pilar Comeselle Granada, tamén de Chapela.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
La Vanguardia (dende 1881): www.lavanguardia.es/hemeroteca
Centro Superior Bibliográfico de Galicia: http://www.csbg.net/ => Gaceta de Galicia Diario de Santiago, La correspondencia gallega, Hoja Oficial del Lunes, El pueblo gallego
Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => El Eco Franciscano

De Cabeiro a Gibraltar

Tradicionalmente na parroquia de Cabeiro fabricábanse cestos que eran vendidos en Redondela e Vigo. Esta modesta industria sufriu un desenrolo enorme tralo estalido da I Guerra Mundial. O caso foi que Gibraltar mercaba cestos para o carbón a Italia e a contenda deixou a dita cidade sen subministro. Esta situación obriga a que se comece a solicitar este tipo de cestos a Cabeiro, que era a parroquia que fornecía a Vigo. A demanda é tan grande que esta parroquia e as máis próximas aumentan axiña a produción, que en 1919 chega a enviar a Gibraltar a cantidade de 5.000 cestos mensuais. Tendo en conta que o prezo por cesto era de dous pesetas, os ingresos ascendían ás 10.000 pesetas mensuais. Toda unha industria cunha ocupación netamente artesanal.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
19190209 El ideal gallego.

Restauración... do corpo.

         Os bares, restaurantes, hostais e hoteis sempre foron un lugar onde facer vida social. Alí se cantou, se bailou, celebráronse homenaxes, despedidas de solteiro, vodas, bautizos e comuñóns; se fixeron moitas amizades e se romperon outras tantas, se riu, se pelexou, se gastaron bromas, se contaron chistes e ocorreron anécdotas que se lembran anos despois e, por suposto, se bebeu e se comeu. Pero os locais de restauración tamén serviron para restaurar... o corpo.
         É unha faceta menos coñecida, pero durante anos médicos, curandeiros ou dentistas dábanlle outra utilidade a estes negocios exercendo os seus oficios. Así, nos anos 20, un podía curarse unha hernia no Restaurante Moderno ou, nos anos 50 e 60, podía sacarse un dente no Hotel España, onde todos os domingos e durante máis de quince anos, atendía o dentista Celso González Villar.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, Hoja Oficial del Lunes, El pueblo gallego, El Diario de Pontevedra, El Progreso

Tendeiros trampóns.

En 1926 o Concello decidiu exercer controis sobre a calidade e os prezos do leite que se vende na nosa vila. Como resultado destes controis en setembro foron multadas por adulterar o leite Peregrina González Vidal, veciña de Cesantes, e Filomena Sotelino Barral, de O Viso. A media é ben recibida pero os cidadáns demandan o mesmo control sobre a venda de carne e pan, polas moitas irregularidades que se cometían.
As autoridades deberon tomar nota porque en decembro dese ano a Xunta Provincial de Subsistencia multou en Redondela: Con 100 pesetas a Vicente Comesaña, concelleiro de Redondela, por comprobarse a falta de 100 gramos en todas as pezas de pan que se expedían no seu establecemento. Con 100 a Bernardo García, por falta de peso na carne e ademais cobrala a un prezo superior que o da taxa. Con 100 a Marcelina Queimaliños, polo mesmo que o anterior. Con 75 a Laureano Lago, por faltarlle 100 gramos en 1Kg., e 50g. en medio quilo no pan que expendía no seu establecemento. Con 75 a Dolores López, polo mesmo que o anterior. Con 50 a Emilio M. Bragado, por atoparse no seu establecemento de comestibles unha pesa de 2 kg. Á que lle faltaban 50 gramos, outra de 1 kg. con 40 gramos e outra de medio quilo con 20 gramos menos. E con 50 a Luisa Conde, por vender carne de vaca a maior prezo que o da taxa, atopando ademais o seu establecemento pouco hixiénico e cheo de morriña.
Este tipo de enganos e outros semellantes formaban parte dunha práctica xeneralizada en toda Galicia, polo que as sancións similares ás anteriores non se limitaban ao noso concello. Nos anos seguintes a situación non melloraría demasiado e continúan as multas e as peticións de maiores controis no leite, pan e carne. Como exemplo, dicir que dous anos despois, en Redondela, algúns carniceiros negábanse a vender carne para encarecer o produto, vendíase a maior prezo que o marcado pola xunta provincial de Abastos, as faltas de peso eran constantes e, o máis grave, un informe do veterinario municipal denunciaba varios casos de venda de carne en mal estado.
Ante a gravidade da situación a xunta provincial de Abastos endureceu as multas. Con 500 pesetas foron sancionados os carniceiros de Redondela: Bernardo García Figueroa, Elisa Conde Farto e Marcelina Queimaliños, por negarse a vender carne ao público, cobrala a maior prezo do da taxa e con falta de peso e tratar aos clientes con gran desconsideración.
Tamén se comeza a exercer un maior control sobre os fabricantes de conservas e, en Redondela, múltase con 25 pesetas a Enrique Avendaño Estela e Manuel Pérez Rodríguez, por negarse a facilitar datos ao Concello relacionados coa súa produción.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El Diario de Pontevedra

Telescopios fabricados en Regojo.

Nos talleres da fábrica de camisas Regojo o profesor da facultade de dereito José Lois Estévez construíu dous telescopios. Axudáronlle na súa labor o xefe da sección de talleres, José Abal Darriba, o encargado xeneral da empresa e mecánico Juan Ipiña (coñecido por poñerlle motor á Coca) e como operarios Vidal Moreira, Andrés Fervenza, Molinos y Alonso Montes.
            O primeiro dos aparatos telescópicos, feito en 1959, tiña un reflector de 22 cm. de diámetro e foi o máis grande de España na súa época. A súa construción foi realizada na factoría téxtil Regojo pero algunhas pezas fabricáronse nos talleres Sanjurjo en Vigo.
            Entre 1962 e 1963 construíuse o segundo, Era aínda máis grande, cun reflector de 50 cm. Alcanzaba os sete metros de altura, polo que, para a súa montaxe e construción, houbo que furar o teito da nave. Logo, sería trasladado á universidade de Santiago.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA:
Recuerdos de mi vida 1990. José Regojo Rodríguez
El observatorio astronómico de la Universidad de Santiago de Compostela. Iván Fernández Pérez

Cetáceos

       

Arroaz na ría 2017. Facebook Esther Bastos
          
        

        No blog do Arquivo Municipal de Redondela, Ana Gesteira nos da conta do seguinte achado no Libro de Actas de Pleno do ano 1882: "Presentada una cuenta importante setenta y cuatro pesetas cincuenta céntimos referente a los gastos ocasionados con motivo del ballenato que apareció en la Playa del Pazo en el mes de Julio último, después de examinada la Corporación se aprobó y acordó su pago con cargo al capítulo de Imprevistos del corriente ejercicio". Nun xornal dese ano cóntase: “El ballenato que se hallaba en la playa de Cesantes ha sido llevado a remolque hasta Redondela, por haberlo comprado un vecino de esa villa”.

Buscando, buscando... non atopo máis datos de cetáceos na nosa costa ata a época máis recente:
        En xullo de 1983 un barco de pesca atopou un delfín morto na Ría, e o arrastrou ata o peirao de Cesantes.
        O 5 de febreiro de 1999 apareceu a poucos metros do peirao de Cesantes, un exemplar de quenlla, concretamente un alopias supercilious. Medía 351 cm., dos que 167 correspondían á cola.
Unha investigación sobre os delfíns publicada en 2008 pola Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (Cemma), indica que unha manada de entre 15 e 40 exemplares, dependendo da época de cría, soe frecuentar a costa de Moaña e Cabo Home, abundando tamén grupos na ría de Aldán. Crese que isto se debe ás peores condicións da auga e ao maior tráfico marítimo, nas costas de Vigo e Redondela. Tamén se comenta que son menos as entradas de arroaces na ría pola diminución de sardiñas e crustáceos.
        En decembro de 2011 localizouse un delfín morto na praia de Cesantes, dándose a casualidade de que ese mesmo día tamén se atopou o cadáver dunha balea preto de Vigo.
        En maio de 2016 aparece unha balea morta na Portela. Tratábase dunha cría de rorcual común (Balaenoptera physalus), un macho de 5,70 metros e uns mil quilos con poucas semanas de vida. Os exemplares adultos de esta especie poden chegar a medir ata 27 metros. Apesares de atoparnos na ruta migratoria desta especie é moi estraño que se adentren na Ría de Vigo, polo que se cría que debeu desorientarse.

Balea na Portela, maio 2016. Foto Radio Redondela
         
        En setembro dese mesmo ano, recibimos a visita dunha parella de baleas alibrancas que se pasearon entre o porto de Vigo e Rande. O maior dos exemplares medía uns 10 metros e 5 o máis pequeno.
 
Baleas alibrancas Faro de Vigo, 2016
 
         Actualmente é habitual a visita de arroaces que entran na Enseada de San Simón perseguindo aos peixes.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Arquivo Municipal de Redondela

La Voz de Galicia

https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es

Masmar.Tu portal naútico en internet. http://www.masmar.com/

Faro de Vigo

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>Gaceta de Galicia

 

O merlo

        O merlo de Paradela cantaba o Himno de Riego ao paso das procesións antes da II República. Foi tanta a súa popularidade que coa chegada da República, en decembro de 1932, Avelino Cal chegou a publicar un artigo comentando que a corporación se esquecera del ao poñerlle nome as rúas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Historias de caza

Ramón Carrera coa loba cazada en Negros. El Pueblo Gallego
 
O 27 de xaneiro de 1877 ás oito da noite, o mineiro Santiago Ubiña dirixíase a traballar na construción do túnel dos Valos cando o sorprenderon dúas luces diante súa. Pensou que se trataba dos candís dos seus compañeiros polo que seguiu avanzando ata que se decatou de que eran os ollos dun lobo. Tentou escapar pero a besta adiantábase aos seus movementos polo que decidiu enfrontarse a el. Co candil que levaba golpeou ao lobo que torceu a cabeza, aproveitando para cravarlle unha navalla. O animal ferido arremeteu contra Ubiña, que se defendía a golpes e navalladas. Os traballadores correron alarmados polos os gritos de auxilio, mais cando chegaron o lobo estaba morto e Santiago Ubiña ileso aínda que moi afectado.
En decembro de 1891, acosado por uns afeccionados á caza un xabarín refuxiouse na horta de Luciano Fernández. O notario Antonio Ferreras atinoulle cunha bala que lle esnaquizou a parte superior da boca. O xabarín fuxiu pola vía férrea sen que lle alcanzasen os disparos de Santos Lago e Eduardo Sánchez. Esgotado polo sangue perdido foi finalmente alcanzado en Trasmañó por uns labregos que o mataron a paus. Apesares de que os de Trasmañó pretendían quedarse co animal, os cazadores conseguiron facer prevalecer os seus dereitos traéndoo a Redondela, onde se repartiron a carne. Pesaba nove arrobas. Crese que este e outros xabaríns chegaron aos montes de Redondela fuxindo dunha batida que fixeron en Ponteareas.
En agosto de 1898 os xabaríns convertéranse nun problema, provocando desfeitas nos campos de millo de Cabeiro, Os Valos, Nespereira e Cepeda.
En marzo de 1900, os de xabaríns causaban desfeitas en Saxamonde polo que se formou unha partida de caza. Conseguiuse matar a un destes animais duns 60 quilos de peso preto do Mendo, entre Quintela e Louredo (Mos). Probablemente viña fuxindo daqueles montes o xabarín que poucos días despois, paseou polas rúas de Redondela causando o pánico dos veciños e internándose logo nun bosque próximo ao viaduto de Pontevedra. Saíron tras el varios cazadores sendo abatido polo señor Álvarez dun certeiro disparo. Pesaba uns 75 quilos.
En decembro de 1907 cinco cazadores que estiveron tres días no Suído (Fornelos) cobraron 83 perdices. Un deles, que ía cos de Redondela, Manuel González Fresco, de Vigo, de 65 tiros matou 62.
En decembro de 1908, en Reboreda, Narciso Míguez ao disparar cunha escopeta a un can, feriu ao seu compañeiro, Sabino Otero.
En abril de 1914 foi abatido en Padróns (Saxamonde) un xabarín que causara varios danos e que pesaba uns 70 quilos.
O párroco de Quintela Alfonso Álvarez Gil, matou en xullo de 1916 un xabarín que pesou unhas nove arrobas.
A finais de 1930, os paxaros chamados vulgarmente bicotorto común e en linguaxe técnico Loxia Curvirostra, provocaban moitas desfeitas nas árbores, polo que a Comisión provincial acordou pagar 25 céntimos por cabeza de ave. A sorpresa veu cando, o 8 de xaneiro, presentouse na deputación José Martínez, veciño de Redondela, con cen cabezas do citado paxaro.
En novembro de 1935, José Escudero, veciño de Trasmañó, sufriu unha ferida de prognóstico reservado con perda de tres dedos da man dereita. Produciuse a ferida ao disparárselle a escopeta de caza cando tiña apoiada a man no canón.
Ante os numerosos danos causados polos xabaríns, en agosto de 1938, organizouse unha batida nos límites entre Mos e Redondela. Despois de localizar unha manada, esta foi rodeada e plantouse lume na maleza. Os xabaríns saíron con tanta forza que derrubaron a varios cazadores causando a fuxida dos veciños.
A finais de 1954 unha disposición gobernamental dispón que se considere zona reservada para a caza os montes da parroquia de Cedeira. A Sociedad La Viguesa de Caza y Pesca, á que pertencían a maioría dos aficionados locais, realizaron unha solta de perdices por montes de Vigo, Chapela, Trasmañó, Cabeiro e Cedeira. A especie estaba practicamente extinguida na contorna, polo que estaba vedada a súa caza para tentar a súa implantación.
En 1962 os lobos causaron grandes prexuízos en Negros e Cedeira matando a trinta ovellas e multitude de galiñas. Esta situación levou a organización de servizos de vixilancia por parte dos veciños. A paciencia deu os seus froitos e Ramón Carrera Rodríguez, veciño de Negros, abateu unha loba de 47 quilos.
Recentemente, o 30 de novembro de 2017, seis xabaríns chegaron ao casco urbano de Redondela. Asustados ao ser perseguidos por un grupo de curiosos, saltaron dende o adro da igrexa á rúa Figueiral. Por mor da gran altura que existe un deles faleceu.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El Diario de Santiago, Gaceta de Galicia Diario de Santiago, El Diario de Pontevedra, La idea moderna, El Correo de Galicia

Pescas abraiantes

       

1960_anos Praia Arealonga - Foto cedida por EnriqueComesaña
        O peixe máis grande que se ten capturado en Redondela é o congro. A continuación enumero algunhas boas pescas:
        En xullo de 1959, no peirao da conserveira JOB, na Regasenda, Amador Pérez Sousa pescaría un congro de 11'5 quilos. En 1965 o mesmo pescador, en Rande capturaría outra peza de 11 quilos e 1’45 m. de lonxitude.
        En xullo de 1964 Genaro Alonso Bouzón pescou nun peirao de Rande dous congros, un dos cales era case da súa altura e superaba os dez quilos. Ao pouco tempo o propietario do bar “D’o Canario” de Rande, informa de que un veciño seu, Francisco Cabaleiro Couto “Campicho”, pescara un congro de vinte quilos. Este pescador afeccionado tiña realizadas as súas boas capturas, pero nunca unha desta envergadura.

1965 Amador co congro de Octavio Rotea. Foto: Gene-La Noche
    
1964 Genaro Alonso Foto Fotsca










   
       En 1965, sería o cura de Vilavella, Octavio Rotea, o que pescaría un congro de 1'90m. e 21'5 quilos, novamente no peirao da Conserveira JOB, na Regasenda. Este peixe sería exposto no Pardiñeiro polo propietario da imprenta Amador.
       En novembro de 1987, Laureano González Pereira pescaría en Rande un congro de 41'5 kg e case dous metros e medio.
Laureano González Pereira-Foto: Grobas-Faro de Vigo

Soto e Ángel na Portela. Facebook Aurora Soto

Milucho, Andrés e Mingos. Foto cedida por Irene Sobral a Obradoiro Fernando Monroy
       En febreiro do 2012, pulverizan aos anteriores, os submarinistas redondeláns Paulino Toucedo Otero e Juan Figueroa Couñago que pescan en Alcabre (Vigo), un congro de 2’35 metros e 57 quilos de peso.

2012 Paulino Toucedo e Juan Figueroa. Faro de Vigo
          Sirvan estes datos, como mostra das espectaculares capturas deste peixe que se teñen dado na nosa vila. Sen dúbida houbo moitas que quedan no tinteiro. As vellas fotos dan conta dalgunhas máis.
Pero as grandes capturas non se limitan aos congros. En maio de 1984, o veciño de Redondela, Melchor Vidal Novoa, pescou un salmón de 7'8 kg. no río Verduxo, concretamente no Pozo do Inferno (Soutomaior). Para conseguilo tivo que loitar máis dunha hora e ata se lle rompeu a cana.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego
La Voz de Galicia

domingo, 26 de abril de 2020

O Mono Paco


O mono Paco Foto:Interviu
           En 1990 un mariñeiro cedeulle unha parella de monos ó concello de Redondela. Construíronse para eles unhas gaiolas na Alameda xunto ós columpios dos nenos. Eran individuais, coa súa caseta personalizada e todo. Os seus nomes Paco e Coco. O pouco tempo Coco faleceu. As causas non se esclareceron pero os máis maliciosos da vila dicían que fora asasinada por Cocó, porque o nome do mono non lle facía moita gracia. (Hai xente con moi mala uva.) Fora como fora o caso e que Paco quedou só.
           Se xa era difícil soportar vivir sen unha compañeira, vivir sen un amigo converteuse nun inferno para Paco. Empezou a comportarse dun xeito estraño e acabou por caer no vicio de Onán. Isto foi o principio do fin.
Descoñecemos se os nenos que estaban no parque nese momento sofreron algún tipo de secuela psicolóxica. Pero o que si sabemos e que os pais puxeron o grito no ceo e queixáronse ó concello. Pronto os medios de comunicación fixeron pública a noticia. Isto abriu un debate na vila. ¿Que facer co mono? Algúns querían matalo, outros poñerlle unha medalla, as feministas manifestábanse diante da gaiola...
Nestas estabamos, cando apareceu o que faltaba. Leri, o máis carismático concelleiro vigués, rompendo unha lanza polo pobre Paco. Pero foi, nese xusto momento, cando a masturbación deixou de satisfacer ós seus baixos instintos. Tocou fondo. Caeu o máis baixo que pode caer un mono. Tentou violar a unha pomba. Sí, non é unha errata de impresión. O suceso chegou a aparecer nos canais de televisión nacionais.
Antonio Nieto "Leri" co mono. Foto: Faro de Vigo

           Todo o mundo andaba exasperado menos un. Leri atopou a solución. O mono foi trasladado ó zoolóxico da Madroa. Alí déronlle unha gaiola máis grande e, o máis importante, púxose a súa disposición tres monas coas que desafogarse.
           Xa respiraba Redondela tranquila. Algúns ata envexaban a boa sorte de Paco. Pero, de pronto, chegou a traxedia. Un desalmado lanzáralle comida cun imperdible no interior. O mono, confiado como era, morrera dun desgarro estomacal. Isto polo menos foi a versión oficial, mais algúns redondeláns, aínda hoxe, preferimos pensar que Paco morreu de exceso de desfrute coas tres monas.
Tan grande foi a pena na que se sumiu a vila, que o enterro da sardiña foi substituído polo enterro do mono Paco. Como curiosidade, dicir que o primeiro ano que se fixo, foi organizado de xeito tan caótico que, en lugar de mono, na caixa ía un león de peluche.
Ós tres ou catro anos, este pobo desagradecido esqueceuse de todo. Volveu a celebrarse o enterro da sardiña e Paco morreu por segunda vez. Mais estas verbas servirán para que reviva. E o mono, que paseou o nome de Redondela por toda España, volverá a ter o seu lugar na historia da vila dos viadutos. ¡Larga vida ó mono Paco!
Antes de morrer, a semente de Paco deu os seus froitos. Se visitades o Vigozoo, na gaiola dos monos, seguro que vedes algún dos seus descendentes mirando de esguello ás pombas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA: