Mostrando entradas con la etiqueta Guerra Civil. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Guerra Civil. Mostrar todas las entradas

viernes, 5 de enero de 2024

Faustino da Portela

 

 

Faustino da Portela. Foto publicada en nondesaesquecemento.blogspot-


        

            Faustino Otero Veloso, máis coñecido como “Faustino da Portela”, naceu o 2 de agosto de 1891. Como tantos nenos que nacían á beira do mar aprendeu o oficio da pesca co seu pai, Faustino Otero Cabaleiro, quen inventou a manobra chamada choqueira. Nesta forma de navegar a percha da que pendura a vela latina salta por riba do mastro nas viradas.


            Volvendo a Faustino Otero Veloso, co paso dos anos casou con Maria Bernardina Lino Pérez, “Bernarda”, e tiveron nove fillos que foron alcumados co nome do pai,“Os Faustinos” ou “As Faustinas”. Para sacar adiante unha familia tan numerosa Faustino compaxinou o oficio de mariñeiro co transporte de mercadorías e persoas no interior da ría, principalmente entre San Adrián de Cobres e Redondela, co seu galeón, A Lola. Os galeóns eran barcos de pouco calado ideais para achegarse a peiraos como o da Ribeira que tan só se podía empregar con marea alta. Tamén era propietario dunha buceta de vela latina, O Vedrines, que polo seu menor tamaño utilizaba máis para a pesca. Esta última fora construída en O Freixo e mercada polo seu pai quen lle dera o nome polo aviador francés Jules Védrines, quen fora o primeiro en sobrevoar Vigo en 1911. Probablemente ata puido coñecelo cando fixo parada na estación de Redondela (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=cr%C3%B3nicas+do+aire )

            A ocupación de barqueiro levaríao a estar presente en varios feitos de gran transcendencia na historia do noso Concello. A primeira foi cando o golpe de estado militar do xeneral Franco levou á habilitación da illa de San Simón en cárcere, en outubro de 1936. Coa axuda do seu fillo maior, tamén chamado Faustino, era o encargado de comunicar por mar a illa con Redondela transportando víveres e a roupa, que levaba para a súa limpeza polas lavandeiras que foron declaradas “Persoeiro do Ano” en 2020 polo Concello de Redondela. Formou parte así dunha rede de solidariedade xa que á súa casa da Portela chegaban os paquetes e cartas que os familiares e amigos enviaban aos presos. Máis dunha vez tería que pasar noticias do que acontecía fora da prisión ou colar algún envío lonxe da mirada dos gardas.

 

Barca de vela latina "Manuel". Foto: Condor Press-El País

        A situación empeoraría en outubro de 1938, cando se decide trasladar á illa de San Simón aos presos máis vellos de todos os cárceres da España ocupada polo exército sublevado. A falta de espazo provoca que moi preto atraque o buque-prisión Upo Mendi co que Faustino tamén realizaría as funcións de enlace. Se as condicións eran malas na illa, chegando a acoller arredor de 2.500 presos, a estancia dentro do barco sería terrible, polo que se suceden as mortes “por enfermidade”, levándose aos falecidos a enterrar a Vigo pola pouca capacidade do cemiterio de Redondela. Despois aínda virían anos de horror cos falanxistas sacando pola noite presos da illa que aparecían á mañá seguinte tirados nas cunetas dos arredores de Redondela.

        Cando a Illa de San Simón entra nun período de mellora de condicións para os presos, co traslado de moitos deles evitando así a masificación, iníciase a II Guerra Mundial en 1941. O cárcere pecharía en 1943, pero daquela Faustino xa tiña outra ocupación, sacar co seu barco xudeus e levalos ata barcos que ao amparo da noite os conducen a Valença do Miño. Una vez a salvo en Portugal embarcaban cara o continente americano. Esta sería unha operación organizada polo vigués Eduardo Martínez Alonso, médico da Embaixada Británica e da Cruz Vermella, quen é propietario dunha casa na Portela, onde se ocultan os fuxidos. Calcúlase que salvou dunha morte segura arredor de 30.000 persoas sacándoas de España por diferentes puntos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ii-o-schindler.html )

        Aquí temos que facer un alto para explicar o risco que supuña esta actividade, pois nos anos sucesivos a Ría de Vigo convértese na base de aprovisionamento dos submarinos alemáns. Nas illas Cies a Praia dos Alemáns recibe o seu nome porque era onde os soldados dos submarinos pasaban os seus momentos de ocio. O Pazo de Torres Agrelo era empregado como hospital a onde trasladaban aos feridos, sendo enterrados na propia costa de Soutoxuste cando falecían antes de desembarcar. Precisamente unha casa desta zona era propiedade dun mando alemán. Sen saír de Redondela, en Rande, o dono da fábrica do Alemán, Otto Gerdtzen Boyé, foi un dos fundadores do partido nazi en Vigo. Moi preto o cargadoiro de Rande sería empregado para transportar wolfram cara Alemaña, mineral que se empregaba na fabricación de armamento. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-i-alemans-en.html )

        Faustino ensinaríalle todos os segredos da Ría de Vigo ao seu fillo, Faustino Otero Lino, quen participaría nunha das moitas buscas dos tesouros da Batalla de Rande. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1702-batalla-de-rande.html ) Sería en 1954 cando o norteamericano John Stauffer Potter chega a Redondela e atopa en Faustino a un home de mar que lle facilita a localización dos barcos afundidos e, isto si que é ben curioso, os nomes con que eran coñecidos polos mariñeiros. As peripecias deste aventureiro foron recollidas posteriormente en “Treasure divers of Vigo Bay” traducido ao castelán como “En busca del tesoro de la ría de Vigo”, Museo do mar de Galicia, e “On the Track of the HMS Monmouth’s galleon and Sunken Treasure”, publicado en galego co título “Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo”, Ed. Rinoceronte. Tamén publicaría The treasure diver's guide (1960) e My first nine lifes (2012). Tamén podemos coñecer o punto de vista doutro membro da tripulación, Robert Stenuit: “Tesoros y galeones hundidos” e “Os galeóns de Rande”.

 

No centro Faustino Otero Lino coa expedición de Potter. Foto publicada en Rande 1702 Arde o mar.

 

         Non sería a última expedición estranxeira sen apenas control administrativo nas nosas augas. Por sorte a situación cambiaría nos anos 80 cando as competencias para autorizar a exploración foron cedidas ao goberno autonómico quen puxo fin a esta situación.

        Faustino Otelo Veloso seguiría residindo na Portela ata o seu falecemento en 1965 aos 74 anos de idade, sendo soterrado no cemiterio da súa parroquia, Cedeira. Para os veciños queda a súa lembranza nunha cantiga que aínda canta a Rondalla de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/cantigas-de-tasca-e-furancho-i.html )

        En 2024 anúnciase o proxecto da restauración polo Obradoiro de Emprego do Concello de Redondela dunha barca cedida desinteresadamente pola súa familia a unha asociación redondelá que pretende poñer en valor a nosa vinculación co mar e a súa historia. Trátase do bote de vela latina “Manuel” que fora adquirido por Faustino Otero Veloso e do que pasara a Faustino Otero Lino.


Plano de Potter. Foto publicada en Rande 1702 Arde o mar


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volumes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais.

Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón. Antonio Caeiro, Juan A. González e Clara Mª de Saá. Ed. Ir Indo, 1995.

Non des ao esqueecemento. Luís Bará.

Rande 1702: Arde o mar. Coordinador: Alejandro de Arce. Museo do mar de Galicia., 2002

Historia de las Rías. (2 Volúmenes). Varios autores. Ed. Faro de Vigo.

Seren Nº 0. A Batalla de Rande. Guerra de Sucesión española. J. A. Orge.

A Voz de Vilalba. http://avozdevilalba.blogspot.com/2008/09/xulia-lola-e-amparo-na-memoria.html?showComment=1221945420000

Galicia en guerra. Eduardo Rolland Etchevers. Edicións Xerais de Galicia, S.A

Aportes: Pedro López (xerente de Os Cortizos) e Elvira Otero.

El País https://elpais.com/

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Varios xornais.

 

martes, 9 de mayo de 2023

Roberto Gil Moure

 

Roberto Gil e Gonzalo Amoedo 2007. Foto: Rafa Estévez. Faro de Vigo


Policía municipal de Redondela e investigador local. Coautor co seu compañeiro Gonzalo Amoedo López de varias obras, nas que cabe salientar a

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Concello de Redondela. 2001.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

A taberna de Nador. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. 2004.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais, 2007.


Outras publicacións:

Don Juan Manuel Pereira de Castro, paralelismos con don Juan Manuel de Montenegro. Revista de estudos valleinclanianos Cuadrante, 2001. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure.

Historia das traíñas en Redondela. Por Roberto Gil Moure. Na desaparecida páxina web: Internovas. Historia de Redondela.



Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Editorial Xerais

Faro de Vigo

 

Gonzalo Amoedo López (Redondela, 1959)

 

Gonzalo Amoedo. Foto: Ed. Xerais

        Policía municipal de Redondela e investigador local. Ten unha dilatada obra na que destacan os seus estudos sobre o período franquista, tanto en solitario como coa coautoría do seu compañeiro Roberto Gil Moure. Tamén ten publicado varias obras de ficción.

Investigación:

A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Concello de Redondela. 2001.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

A taberna de Nador. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. 2004.

As Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista. Gonzalo Amoedo. Edit. Fundación 10 de marzo.2006.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais, 2007.

A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra. Gonzalo Amoedo López. Ed. Xerais, 2011.


Outras publicacións:

Don Juan Manuel Pereira de Castro, paralelismos con don Juan Manuel de Montenegro. Revista de estudos valleinclanianos Cuadrante, 2001. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure.

As illas de San Simón nas Actas do IIº Congreso da Memoria. Culleredo (2006). Gonzalo Amoedo López.


Guión:

Manolo Barros, un rebelde de aceiro. Documental dirixido por Fernando Carreira “Cuchi”, con guión de Gonzalo Amoedo. Biografía de Manuel Barros, comunista preso, entre outros cárceres, na illa de San Simón durante a ditadura franquista.


Ficción:

Unha historia que ninguén contara. Palabra por palabra.

Contos da policía (2003)

O autobús sempre para en Teis. Col. Relatos da paisaxe (2009).



Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Ed. Xerais

Casa del Libro.

 

 

miércoles, 1 de febrero de 2023

O Precepto Pascual e a bendición das casas.

 

Peregrinaxe a Santiago. Foto: familia Fernández Otero
Peregrinaxe a Santiago. Foto: familia Fernández Otero

 

Nos tempos da posguerra en Semana Santa era obrigatorio cumprir o chamado precepto pascual, ou sexa, confesar e tomar a comuñón. Ao facelo se recibía unha papeleta que se debía introducir cos datos persoais nunha caixa que había na casa do cura. De non facelo, a persoa quedaba sinalada como mal cristián e en plena ditadura non pagaba moito chamar a atención e era aconsellable levarse ben co clero.

A picaresca coma sempre ía un paso por diante e algúns facían trampas. Un recurso era mandar a un rapaz ou rapaza a tomar a comuñón varias veces. Despois tan só tiña que cubrir as cartillas recibidas e deste xeito libraba do trámite a varios membros adultos da familia.

Outra tradición de Semana Santa era que o domingo de Ramos o cura ía bendicir as casas. As familias ese día facían limpeza xeral para ter a súa vivenda presentable ante a programada visita do cura. O sacerdote claro está, cobraba polo seu servizo a esmola dos seus fieis. Os propietarios máis modestos pagaban o servizo como boamente podían e se non tiñan cartos entregaban ovos, verduras...


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

 

jueves, 17 de noviembre de 2022

Josefa García Segret (Tui, 1900-Oleiros, 1986)

 

Josefa García e Hipólito Gallego. Foto publicada en Galicia Suroeste
Josefa García e Hipólito Gallego. Foto publicada en Galicia Suroeste

Era mestra en Tomiño e estaba casada con Hipólito Gallego Camarero, tamén mestre. Involucrada politicamente, por pertencer a UGT, foi detida tralo golpe de estado militar do 18-7-1936. Estivo presa no cárcere de Tui onde salvou a vida grazas ao servizo médico que simulou un embarazo e un aborto. Xulgada en Vigo por rebelión o 7 de xaneiro de 1937 foi condenada a pena da morte. A pena sería conmutada a cadea perpetua e, en 1944, a 6 anos e un día. Pasaría polos cárceres de Saturrarán, Palma de Mallorca e novamente Saturrarán, onde sería posta en liberdade o 22 de marzo de 1944.

Comezou a traballar na empresa José Regojo vivindo a cabalo entre Redondela e Zamora. Despois estableceríase e Vigo onde escribiu o libro Abajo las dictaduras (1982), que presentou en Redondela. Os seus últimos anos os pasou en Cesantes, na casa de Manuel González “Cachano”. Unha rúa leva o seu nome en Santiago de Compostela



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aporte Andrés Couñago Laxe

Wikipedia. https://gl.wikipedia.org/wiki/Josefa_Garc%C3%ADa_Segret

domingo, 13 de noviembre de 2022

Emigración: De Redondela a México

 

Isabel Gómez e cinco dos seus fillos no Porto. Foto: sermosgaliza.ga
Isabel Gómez e cinco dos seus fillos no Porto antes de pasar a México. Foto: sermosgaliza.gal

México non foi un dos principais destinos migratorios, pero ao longo dos séculos foron varios os redondeláns que moraron naquela terra.

A independencia de México de España tivo lugar en 1821. Uns cantos anos antes, un redondelán de Saxamonde gobernou naquel país como máximo representante do rei español, José Sarmiento de Valladares, Vicerrei de México entre 1696 e 1701. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/jose-sarmiento-de-valladares-saxamonde.html )

Pouco despois, en 1703, o Tribunal de la Inquisición de México inicia o proceso de fe por bigamia de Juan Antonio Rodríguez, natural de Redondela e veciño de Veracruz (México), mariñeiro. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/bigamia.html )


En 1761, falece en México, Nicolás Dominguez del Monte, natural de Redondela, fillo de José Domínguez del Monte e de María Antonia Giráldez de Barrios. Sen fillos serían nomeados herdeiros os seus sobriños.


Retrato de José Sarmiento de Valladares

Andrés de Pazos Sotelo. No 1777 atopábase retirado como tenente capitán na cidade de Santiago de Querétaro (Nueva España- México), onde ocupaba o cargo de rexedor.


Juan Antonio de Quemaliños Vallejo, (Red. ¿?/Guadalajara (México), 1746). De Filipinas a México, onde se estableceu. Herdeiro: Domingo Antonio de Soto Bermúdez. Tivo unha filla natural con Maria de Amoedo.

 

Por esta época tamén chegarían a México dous irmáns militares:

Nicolás Márquez Giráldez. Capitán de Milicias Urbanas de Chiva. Faleceu cara a 1778 en Chiva (México). Probablemente fina solteiro porque herda a súa irmá.

Diego Ventura Márquez Giráldez. Capitán de dragóns do Presidio del Príncipe. Faleceu en Chihuahua (México) en 1784.


A finais do s. XIX, Tomás Iglesias, nado en Redondela, era funcionario de policía en Mérida (Yucatán-México).


Gumersindo Senra Varela. Nado o 08-09-1885 (ou 8-9-1884) en Millarada (Vilar de Infesta). Comerciante de profesión. Fillos: Ramón, Manuel, Alcira, José e Teresa. Chegada ao porto de Veracruz (México) o 02-10-1926. 22-10-1930 ata o 19-05-1948.


Manuel Otero. Emigrou a México e figura nunha listaxe de galegos retornados que axudaron ás súas parroquias.


A Guerra Civil levaría ao exilio ao médico e político, Alejandro Otero Fernández (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-fernandez-alejandro-redondela-14.html )

Outro médico militante de esquerdas non tería tanta sorte e sería asasinado despois de sacalo da illa de San Simón onde estaba preso, falamos de Telmo Bernárdez Santomé. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/bernardez-santome-telmo-redondela-10-04.html ). Trala súa morte sería a súa familia a que fuxiría de España. A viúva, Isabel Gómez Costas, e os seus fillos José, Pedro, Isabel, María, Rita e Carmela Bernárdez Gómez estableceríanse en México despois de pasar por Portugal, Francia e Estados Unidos. Outro fillo, Basilio, reuniuse con eles despois dun tempo vivindo cuns familiares en Uruguai. O maior, Telmo, pasaría polas cárceres de San Fernando, Ponte Caldelas, Illa de San Simón e Figueirido. Un novo traslado o leva á Prisión Fortaleza San Cristóbal de Pamplona (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/o-forte-de-san-cristobal.html ). Volve a Galicia o 18 de marzo de 1939, pasando de novo por Figueirido e San Simón ata que foi posto en liberdade o 28 de agosto de 1940. Chega ao exilio en México despois de pasar por Portugal. O segundo fillo, Jesús, sería encarcerado en Redondela e na illa de San Simón, onde cumprirá a maioría de idade. Por un erro burocrático é posto en liberdade. Aproveita a ocasión e pasa á zona republicana, loitando ata o fin da guerra. Co resto das tropas derrotadas pasa a Francia e despois do paso obrigado polos campos de refuxiados consegue unirse á súa familia. A maioría deles exercían como mestres-as antes da guerra. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-l.html )

Outro exiliado en México sería José Domínguez Esteiro “Peixiño” (Cesantes, 17-07-1909). En Redondela tiña unha ebanistería formando sociedade con Félix Fernández. Afiliado á UGT desde 1927 e a AS, da que foi presidente, desde 1930. Chegou a México a bordo do “Ipanema” en xullo de 1939. Naquel país traballou na empresa Vulcano.


Para rematar comentar que en Chihuahua existe unha praza chamada Plaza Redondela.


Plaza Redondela en Chihuahua. Foto: Icasas México


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

PARES Portal de Archivos Españoles http://pares.mcu.es

=>Portal Movimientos Migratorios Iberoamericanos

=>Archivo Archivo Histórico Nacional>Consejo Inquisición

Fundación Pablo Iglesias http://www.fpabloiglesias.es => AGGC/Salamanca (Fichas AS México); Archivo JARE/AMAE (M). Caja 58 (Documento 24.IV.1941); Archivo Amaro Rosal Díaz (AARD 271-2/FPI)

Repertorio biobibliográfico do exilio galego: Unha primeira achega. Edita: © Consello da Cultura Galega Arquivo da Emigración Galega. Santiago de Compostela, 2001ISBN: 84-95415-42-9

sermosgaliza.gal

Ilustrados en la Nueva España: los socios de la Real Sociedad... – Pág. 260. María Cristina Torales Pacheco – 2001

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es

Hoja Oficial del Lunes (Vigo), El Compostelano (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), El Ideal Gallego, La Correspondencia Gallega, Diario de Galicia (Santiago), El Eco de Galicia (Coruña), La Noche, El Noticiero Gallego (Pontevedra), La Opinión (Pontevedra), El Progreso (Pontevedra), El Pueblo Gallego (Vigo), Vida Gallega...

 

domingo, 19 de junio de 2022

Baldomero Táboas Martínez (Redondela/Vigo, marzo 1974)

 

Secretario de Concello. Represaliado.

        A primeira nova que atopo del é exercendo como perito en Redondela en 1904. Foi redactor do xornal local La Opinión.

        En 1914 xunto a Antonio Orellana Pereira, Severo Rivas e José Pereira Míguez, presentou recurso de alzada contra acordo do Concello de Redondela nomeando secretario da Corporación a Celso Milleiro Seoane. Pechadas as portas do noso concello exerceu como secretario dos concellos de Nogueira de Ramuín (1915, xaneiro-1923), Amoeiro (en 1917) e dende 1925 de Ponteareas, habendo daquela 41 aspirantes a esta última praza. Durante a Segunda República foi presidente de Unión Republicana nesta última vila. Foi depurado despois do golpe de estado de 1936 abríndoselle expediente de responsabilidades políticas. En xuño de 1937 publícase un edicto para que varios funcionarios, entre os que se atopaba, comparezan no Concello de Ponteareas para que sexan escoitados polo xuíz que lles segue expediente, porque non foron localizados nos seus domicilios.

        Nesta época exercería como secretario do concello de Lavadores, anexionado a Vigo en 1941. En decembro dese ano aparece como residente en Vigo nunha lista de persoas ás que se lles instrúe expediente. En outubro de 1942 aparece exercendo como secretario adxunto de Vigo. Ao mes seguinte interpón un recurso contencioso administrativo contra o concello de Vigo polo seu cese. Sería reposto a principios dos anos 50. En 1954 atopámolo exercendo como secretario de Redondela, probablemente asumiría o cargo como interino ata novo nomeamento, porque seguía como secretario adxunto do concello de Vigo, posto no que xubilou en 1957. Faleceu en Vigo en 1974, sendo soterrado no cemiterio dos Eidos.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Cupo de Manuel Otero, 1904. (Arquivo J. Migueles)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Correspondencia Gallega, Noticiero de Vigo, El Correo de Galicia, El Tea, La Noche, La Región, El Compostelano, El Pueblo Gallego

 

viernes, 6 de mayo de 2022

Guerra Civil. Soldados falecidos.

 

Basilio Lago Riveiro. Foto: El Pueblo Gallego

 

O 18 de xullo de 1936 produciuse un golpe de estado militar que provocaría a chamada guerra civil española que remataría coa vitoria do bando nacional en 1939. Como consecuencia España veríase gobernada polo réxime fascista do xeneral Franco ata o falecemento deste en 1975.


Falecidos en combate (Bando Nacional)

Tralo Golpe Militar do 17 de xullo, Redondela, como toda Galicia, pasou a formar parte dos territorios ocupados polo bando nacional, polo que independentemente da súa ideoloxía os redondeláns que se atopaban na nosa vila víronse na obriga de loitar no exército de Franco. Algúns destes falecidos foron empregados como propaganda franquista, rematando os seus nomes nas fachadas das igrexas de Redondela e Vilavella.

José Alonso Amoedo (N. Cabeiro). Soldado no Rexemento de Infantería de Zamora 29 da Coruña, morto en acción de guerra o 10-2-1937.

Benigno Alonso Gómez (N. Negros). Soldado no Rexemento de Infantería de Mariña. Falecido na Guerra.

Jesús Alonso Montes (N. Cedeira). Faleceu no "Baleares" o 6-3-1938.

Bernardino Álvarez Álvarez. (N. Negros). Sarxento no Rexemento de Infantería de Gerona nº18, de Zaragoza. Falecido en combate o 6-11-1937.

Manuel Álvarez Álvarez (N. Cedeira). Soldado no Rexemento de Infantería de Aragón nº17 de Zaragoza. Falecido na Guerra o 10-7-1938.

Juan Álvarez Vázquez (N. Redondela). Veciño da Rúa Espírito Santo. Destinado á División 105, 1ª Brigada. Faleceu na Guerra o 10-07-1938 en Valdecosa (Tarragona)

Manuel Balado Queimaliños (N. Redondela). Cabo no Rexemento de Infantería de Zamora 29 da Coruña, morto en acción de guerra o 10-05-1938.

José Ballesteros Reboreda (N. Chapela). Cabo de infantería de Mérida. Faleceu loitando na fronte de Teruel, aos 20 anos, en agosto de 1938. Fillo de Cándido Ballesteros Reboreda. Era sobriño do director de "Galicia Social", Victoriano Ballesteros.

Manuel Barciela Blanco (N. Vilar). Soldado do Rexemento de Infantería Aragón nº17. Dado por desaparecido na Guerra.

Santiago Baz Rodríguez (N. Redondela). Soldado no Rexemento de Infantería de San Quintín nº25, de Valladolid, falecido en combate o 25-10-1938.

Juan Bemposta Acuña (N. Cedeira). Soldado no Batallón de Cazadores nº3 de Melilla, morto en combate o 10-09-1938.

Ricardo Bouzas Couñago (N. Reboreda). Soldado no Rexemento de Infantería de San Marcial nº22. Faleceu na Guerra.

Alfredo Cabaleiro Amoedo (N. Cedeira). Soldado no Rexemento de Infantería Argel nº27 de Cáceres, faleceu na Guerra o 25-8-1938.

Narciso Camiña Retorta (N. Reboreda). Soldado no Cruceiro Baleares, morto en combate o 6-3-1938.

Antonio Carreira Riveiro (Red. 10-1-1917). Militante do Partido Galeguista. Tralo golpe de estado militar afíliase a Falanje e enrólase como voluntario en xaneiro de 1937 na Segunda Bandera do Batallón de FET y de las JONS. Faleceu polas feridas de metralla recibidas nun bombardeo na fronte de Sigüenza (Guadalajara) en maio de 1937. En 1959 a súa irmá xestionou o traslado dos seus restos a Redondela. Déronlle o seu nome ao cuartel da Falanje de Redondela, por ser o primeiro caído en combate do concello.

Felipe Carrera Martínez. Cedeira. Soldado en anticarros "Flechas Negras". Faleceu na Guerra.

Amadeo Comesaña López. Redondela. Estudante de 25 años afiliado a FET y de las JONS. Foi dado por morto ou desaparecido durante o asalto ao cuartel da Montaña (Madrid) o 20-7-1936.

Alejandro Costas Fernández “Platillero”. Natural de Redondela e veciño de Paramos (Tui). Morto o 13 de agosto de 1936 tras "combate con las fuerzas del ejército". O seu pai José (N. Tui), e irmán Emilio (N. Vigo), tamén mortos.

José Couñago Míguez. Reboreda. Soldado do Rexemento de Infantería Gerona nº18 de Zaragoza. Dado por desaparecido.

Celso Couñago Otero. Reboreda. Destinado na Compañía de Talavera de la Reina do 1º Tercio da Legión. Faleceu na fronte o 10-09-1938.

Basilio Cruz Álvarez. Trasmañó. Soldado no Rexemento de Infantería Aragón nº17 de Zaragoza. Faleceu en combate o 10-06-1938 (noutra fonte cítase o 29-8-1937 como data do seu falecemento).

Manuel Darriba Lago. Redondela. Destinado no Rexemento de Infantería Zaragoza nº39. Faleceu por enfermidade o 10-02-1938.

Constantino Durán Rodríguez. 10-04-1938. Soldado no Batallón de Galicia de FET y de las JONS. Faleceu en combate no sector de S. Mateo (Castelló) en abril de 1938.

Juan Fernández López. Cedeira. Soldado no Rexemento de Infantería de Mariña. Faleceu en combate o 25-9-1938.

Manuel García Cabaleiro. Chapela. Sarxento da Infantería de Mariña. Falecido na fronte de Teruel o 20-05-1938.

Manuel García Cabezas "Goal". Redondela. Soldado no Rexemento de Mérida nº35 do Ferrol. Falecido en combate. Facía as crónicas deportivas en El Soplete. Membro do Partido Galeguista.

Juan Gómez Crespo. Redondela. Carabineiro desaparecido en acción de guerra en Biescas (Huelva).

Ramón Gómez Serín. Redondela. En agosto de 1939 confirmouse o seu falecemento na fronte de Teruel.

Ángel González González. Chapela. Soldado do Rexemento de Infantería de Aragón nº17, de Zaragoza, fillo de Ángel e de Isolina, morto o 17-10-1938 na fronte do Ebro.

José González González. Quintela. Soldado no 2º Tercio da Legión, morto o 10-10-1938.

Benito González López. Chapela. . Soldado do Rexemento de Infantería de Mariña. Falecido en combate.

Marcelino Guisande López. Cedeira. Soldado do Rexemento de Infantería Burgos nº31 de León. Falecido na guerra o 30-5-1938.

Salvador Iglesias. Redondela. Faleceu en combate en Cataluña o 15-09-1938.

Faustino Lago Cabaleiro. Negros. Soldado na 1ª sección de Montaña de Sanidade. Falecido en combate o 27-5-1938.

Aladino Lago Carrera. Cabeiro. Prestaba servizo no Rexemento de Infantería de Burgos nº31 de León. Morto na fronte o 10-09-1938.

Alfonso Lago Figueroa. Redondela. Soldado do Rexemento de Infantería de Mariña falecido en combate en 1937 en Peñarroya (Córdoba).

Enrique Lago Figueroa. Redondela. Soldado do Rexemento de Artillería Lixeira nº 15 de Pontevedra. Morto por artillería inimiga o 10-05-1938, preto da Casa de Campo de Madrid. Irmán do anterior, eran fillos de Laureano e Carmen. Pertencía ao Grupo Galeguista.

Cándido Lago González. Redondela. Soldado na 1ª Compañía do Batallón 26 do Rexemento de Infantería de Burgos nº31 de León. Morto en combate o 10-07-1938.

Emilio Lago González. Chapela. Destinado no Rexemento de Infantería de Aragón nº17. Morto no fronte o 10-08-1938.

Basilio Lago Rivero. Chapela. Atopábase realizando o servizo militar cando comezou a guerra. Sarxento de Infantería, Mérida nº35. Faleceu o 2-4-1938 nos campos de batalla de Teruel.

José López Blanco. Redondela. Faleceu en setembro de 1938 en Asturias.

Víctor Lores López. Natural de Vigo e veciño de Redondela. Cabo do Rexemento de Mérida nº35 de Ferrol. Faleceu nun hospital por mor das feridas sufridas, en xullo de 1937 aos 25 anos. Estaba casado con Carmen Carrera, irmá do mercedario R. P. Carrera. Enterrado en Eidos.

Víctor Lores. El Pueblo Gallego
Víctor Lores. El Pueblo Gallego

 

Saladino Loureiro López. Negros. Soldado do Rexemento de Infantería de Zaragoza nº30 de Lugo. Faleceu na guerra o 10-07-1938.

Vicente Luíngas Rosal. Negros. Soldado do Rexemento de Infantería Arxel nº27 de Cáceres. Faleceu en combate o 17-06-1938.

Luis Martínez Amoedo. Natural de Redondela. Estudante de menciña e Alférez Piloto de Aviación. Faleceu na fronte de Teruel o 22-2-1938, aos 21 anos. Pais Eladio Martínez Pedrayo e María Amoedo Seoane.

José Martínez Rivas. Cesantes. Soldado do Rexemento de Infantería Aragón nº17 de Zaragoza. Falecido en combate o 25-01-1938.

Ventura Míguez Lago. Redondela. Soldado no 2º Tercio da Legión, de apenas 18 anos. Seminarista de Tui, membro da Juventud Católica e militante de Falange de Redondela. Faleceu na fronte de combate en xuño de 1939. Pai Francisco Míguez Sánchez.

Adolfo Novoa Blanco. Cesantes. Soldado no Batallón de Cazadores de Ceuta nº 7, de Malilla. Finado a consecuencia de feridas de guerra o 12-07-1938.

Isidro Otero Míguez. Quintela. Soldado na 6ª Comandancia de Intendencia. Falecido na Guerra en febreiro de 1939.

Manuel Peixoto Costa. Redondela. Soldado do Rexemento de Infantería Burgos nº31, de León. Falecido na Guerra.

Cándido Pérez. Chapela. Faleceu en Bilbao, ao comezar o Movimiento Naciona xunto ao tenente de navío vigués Javier Quiroga, quen daría nome a un patrulleiro de guerra, sendo homenaxeado en Vigo en 1956.

Manuel Pérez Chapela. Chapela. Soldado de Cazadores de Ceuta nº7 de Melilla. Finado no fronte de Brunete o 24-07-1937.

Laureano Presas Rodríguez. Quintela. Morto o 10-07-1938 cando realizaba servizo militar no 2º Rexemento de carros de combate de Zaragoza.

Ramón Ramonet Figueroa. Quintela. Soldado do Rexemento de Infantería de Mérida nº35, de Ferrol. Morto en combate no sector de Grado (Asturias) o 10-12-1938.

Ramón Reguera de la Iglesia. Reboreda. Soldado do Rexemento de Infantería San Quintín nº25 de Valladolid, morto en acción de guerra o 25-07-1938.

Joaquín Rodríguez Bernárdez. Saxamonde. Soldado do Rexemento de Infantería de Zamora nº29 da Coruña. Faleceu en combate o 11-04-1938.

Benedicto Rodríguez Piñeiro. O Viso. Soldado do 2ºRexemento de Infantería de Mariña do Ferrol. Desaparecido en combate entre o 18 e o 23 de setembro de 1938.

Enrique Rodríguez del Río. Lexionario de Redondela caído na fronte en xuño de 1937.

Domingo Rodríguez Saavedra. Reboreda. Soldado de Tiradores de Ifni, Batallón. 253, Rexemento 91. Morto por mor das feridas no hospital Militar de Zaragoza o 15-05-1938 (noutra fonte o 13-10-1937). Fillo de Daniel Rodríguez Reguera e Elisa Saavedra Martínez.

José Sánchez Domínguez. Redondela (Rúa Espírito Santo). Zapateiro de 20 anos de idade. Soldado no Rexemento de Infantería Zaragoza nº30 de Lugo. Foi morto ao ser disparado polas costas durante un ataque, probablemente por descubrirse o seu pasado como militante do Partido Comunista. Fillo de Carmen Sánchez Domínguez "A Nadora".

Jesús Seijas López. Redondela. Faleceu ao disparárselle a arma cando realizaba o saúdo militar a un superior. Aconteceu na estación de Redondela, onde prestaba servizo de vixilancia. 10-11-1937. Enterrado en Eidos.

Jesús Seijas López. El Pueblo Gallego
Jesús Seijas López. El Pueblo Gallego

 

Alfonso Vázquez Ricón. Saxamonde. Soldado do Rexemento de Infantería Aragón nº17 de Zaragoza. Morto en combate o 15-11-1938.

Manuel Vilán Pérez. Cesantes. Soldado do Rexemento de Infantería Toledo nº26 de Zamora. Faleceu en combate o 15-09-1938.


NOTA:

En decembro de 1937 foi declarada con dereito a pensión, María Luisa Lanzós Nuche, de Redondela, viúva do Comandante de Infantería, Manuel Carrasco Verde. (Ata o de agora non puiden establecer nin a data nin a causa do seu falecemento).


Enterrados en El Valle de los Caídos

El Valle de los Caídos foi unha gran obra construída por presos republicanos. Catorce deles falecerían durante a obra e moitos máis o farían ao contraer a silicose durante a perforación do túnel da cripta. O proxecto de construílo recóllese no Decreto de 1 de abril de 1940. Trátase dun gran mausoleo ideado por Franco para acoller aos ex-combatentes do bando sublevado, que segundo o ideario falanxista eran “muertos por Dios y por España. Pero como os restos de corpos exhumados de cemiterios de toda España non chegaban ás previsións realizadas abriuse a porta a enterrar a soldados do bando republicano. Como apesares desta medida a cifra non alcanzaba chegouse ao levantamento de fosas comúns. Este sería o caso dos cadáveres de 53 presos da prisión provincial de Pamplona que foran enganados cunha posta en liberdade para ser asasinados o 23-8-1936.

O investigador inglés Raymond Carr estimou o custo da obra en 1.086’4 millóns de pesetas, uns 6.529.758 euros actuais. Unha cifra astronómica se pensamos que foi construída no período de posguerra, no que meirande parte da poboación sufría moitas carencias nas súas necesidades máis básicas.

Estímase que hai enterradas 33.833 persoas, destas 48 eran galegos e 7 de Redondela, podendo subir a cifra polas dúbidas na procedencia de 2 máis. A maioría recibirían sepultura entre marzo e abril de 1959, pero os enterros continuarían ata 1983. A inauguración oficial tería lugar o 1 de abril de 1959, coincidindo co XX aniversario do fin da guerra.

O 27 de marzo de 1959 chegan os restos de 35 falecidos procedentes da provincia de Pontevedra, entre eles o primeiro redondelán enterrado en El Valle de los Caídos:

Armando Vázquez Taboelle. Procedente do cemiterio de Pereiró (Vigo). Alférez de Infantería veciño de Vigo, pero citado como natural de Redondela.


Os outros seis enterrados de Redondela serían:

Ramón Ramonet Figueroa.

Manuel Fernández Pérez. Cabo do Rexemento de Aragón, natural de Redondela, morto en setembro de 1937. Procedente do cemiterio de Sant Joan (Tarragona). Hai dúbidas que sexa o Cabo de Redondela por haber outro soldado co mesmo nome.

Belarmino Carrera Castro. Morto en maio de 1938. Procedente do cemiterio de Griñón (Madrid).

Enrique Lago Figueroa. Citado anteriormente. Procedente do cemiterio de Griñón (Madrid).

Enrique Lago Lorenzo. El Pueblo Gallego
Enrique Lago Figueroa El Pueblo Gallego

 

Bernardino Álvarez Álvarez.

Basilio Cruz Álvarez.

Faustino Lago Cabaleiro.

Domingo Rodríguez Saavedra.

Os 4 últimos citados anteriormente e procedentes do cemiterio de Zaragoza.


En 1980 procedeuse á exhumación dos primeiros cadáveres de El Valle de los Caídos, reclamados polos seus familiares, que non deran permiso para o traslado dos restos. A aprobación da chamada Lei de Memoria Histórica de 2007, facilitaría e axilizaría os trámites necesarios para ditas exhumacións. Outro dos problemas que se atopan estes familiares son as obras e traslados de restos dentro da propia cripta ao logo dos anos, sen control nin rexistro dos mesmos.




Redondeláns falecidos no País Vasco e Asturias (zona republicana)

Antes do conflito bélico moitos mariñeiros de Redondela marcharon ao País Vasco, onde había unha gran demanda de man de obra neste sector. Alí os colleu o inicio da guerra correndo diferente sorte.


Manuel Barros Fervenza "Xabelón". Natural de Redondela, mariñeiro, casado con Luciana Montero Paz. Faleceu en combate o 27 de agosto de 1936, en Pasaia (Guipúzcoa), cubrindo a evacuación da cidade. Tiña 42 anos.

José Domínguez Villar. Natural de Redondela. Miliciano do batallón Nº 3 MAOC Nº 1. Pasaia. Salsamendi (PC) Larrañaga. Morto en combate en Otxandio o 04/04/37.

Faustino Fervenza Míguez. Natural de Redondela (Pontevedra). Mariñeiro da Federación Local de Sindicatos da UXT. Miliciano do batallón Nº 11 CNT Nº 3 Isaac Puente. Falece en Asturias combatendo na II Brigada Expedicionaria Vasca o 21/02/1937 aos 28 anos..

Bernardo Gómez Fernández. Natural de Redondela. Capitán da 3ª Compañía. Falecido en combate no monte Bizkargi (Biscaia) o 17-05-1937.

Ángel Milleiro Milleiro. Nado en Redondela o 27-12-1904 / Monte-Cuero-Grado (Asturias), 2-10-1936, con 31 anos. Estableceuse en Jove, preto de Gijón, casando en 1927 con Angeles Ovin González (natural de Gijón e veciña de Jove) en la parroquia de Roces (Xixón). Exerceu como estibador, xornaleiro e canteiro. Miliciano confederal morto na fronte, concretamente no monte Cuero (Grado-Asturias), o 2 de Outubro de 1936.

Juan Milleiro Pérez. 29 anos, natural de Redondela, casado con Dolores Novás Montero "A Presenteira". Era contramestre do “Iziar”, da Casa Zuloaga e vivía en Trincherpe. Faleceu xunto ao tamén redondelán Constantino Vázquez Lago, o 14 de agosto de 1936, durante un bombardeo en Pasaia (Guipúzcoa) mentres desfrutaba dun día de descanso na praia.

Valentín Ochoa Barreiro. N. Redondela. Bilbao. Alameda Recalde. 25 anos. XSU. Redeiro. Morte rexistrada o 24/7/36 en Donostia.

Celso Otero Gómez. Natural de Redondela. Miliciano do batallón Nº 3 MAOC Nº 1 Larrañaga (PC). Falecido en acción de guerra en Euba (Zornotza, Bizkaia) o 10/05/1937.

Francisco Posada Martínez. Natural de Redondela. Traballaba como decorador en Bilbao, tiña 32 anos e pai de 5 fillos. Tralo fracaso do golpe militar en Bilbao, foron detidos numerosos desafectos e moitos foron confinados en buques. En outubro do 36, milicianos asaltaron eses barcos-prisión fusilando sumariamente a decenas de presos. Para evitar que volvesen producirse feitos similares, o Goberno de Euzkadi decidiu trasladar os presos a Bilbao, habilitando como cárcere tres edificios próximos á Prisión provincial. O 4 de xaneiro de 1937 produciuse un bombardeo da aviación franquista sobre Bilbao, que deixou 5 mortos. Un avión alemán foi derribado e dous dos seus ocupantes foron linchados. Logo a multitude liderada por milicianos asaltou os catro edificios asasinando a 224 persoas. Entre eles, na Casa Galera, Francisco Pousada Martínez.

Bienvenido Rial Costas. Rande. CNT. Carboeiro. Soldado do rexemento de infantería Mérida nº35. Evadido a campo republicano o 27 de abril de 1937 por Gamiz-Olagorta cota 64. Prisioneiro en El Dueso, trasládano á prisión de Larrígana (Bilbao). Fusilado en Derio o 12 de marzo de 1938 aos 28 anos.

Constantino Vázquez Lago. Natural de Redondela (Pontevedra). Redeiro da casa Arcelus afiliado a El Avance Marino. Como xa comentamos, falece xunto Juan Milleiro Pérez na praia preto do cuartel Garchegui (Pasai San Juan) mentres descansa a causa dun bombardeo aéreo o 09 ou 10/08/36. Tiña 31 anos, era solteiro, de profesión redeiro e traballaba na Casa Arcelus. Estaba afiliado al Avance Marino.

Gonzalo Amoedo e Gil Moure tamén citan a outro republicano falecido no País Vasco que aínda non din identificado con ningún dos anteriores: Juanito "Mico da Rigueira".



Outros Redondeláns no País Vasco

Florián Aguiar Soutullo. N. Redondela. Trinxerpe. 23 anos. CNT. Nº1 Bakunin. Miliciano 2ªCía. Pertencente á Fronte Popular de Altza (Guipuzkoa).

Juan Aguiar Soutullo. N. Redondela. Trinxerpe. 33 anos. CNT. Nº1 Bakunin. Miliciano 2ªCía. Pertencente á Fronte Popular de Altza (Guipuzkoa).

Ramón Aguiar Soutullo. N. Redondela. CNT nº3 Isaac Puente. Pertencente á Fronte Popular de Altza (Guipuzkoa).

Severo Álvarez Rodríguez. N. Redondela. Pasaia-San Pedro 33 anos. Afiliado a U.G.T. O 16-1-1937 embarcou no Gure Izarra D6. O 10-5-1937 pasa ao Dragaminas D-23 (Eugenio) como contramestre.

Floriano Ayar. N. Redondela. 23 anos. Trintxerpe. Milicias da CNT.

Ángel Barbeito Cal. N. Redondela. Pasaia. 36 anos. CNT. Afiliado ao sindicato El Avance Marino. Preso na Illa de San Simón. Exiliouse en febreiro de 1939, pasou 30 meses en batallóns de traballadores no sur de Francia. Nos anos 40 residía en Anglet (Francia).

Ramón Bas Rodríguez. N. Redondela. UGT. Bou Iparreko Izarra.

Santiago Bas Rodríguez. N. Redondela. 29 anos. CNT. Nª6 Celta Miliciano 1ªCompañía.

Manuel Bemposta Puga. N. Redondela. Pasaia. 54 anos. UGT. Mariñeiro afiliado ao sindicato socialista “La unión marítima de Pasaia”. Inculpado en causa militar en Ferrol sendo posto en liberdade.

José Blanco Martínez. N. Redondela. Pasaia. 31 anos. CNT. Bous Araba e Navarra. Mariñeiro. Xulgado en Ferrol por deserción co resultado de libre absolución. Ademais dos bous citados serviu en diferentes dragaminas e no destrutor Jose Luis Diez.

Andrés Cabaleiro. Chapela. 36 anos. CNT nº6 Celta

Fermín González Rúa. N. Redondela. 41 anos. CNT. Centinela do cuartel da CNT Pasaitarra. NOTA: ¿Será o "Fermín Rodela” citado por Gonzalo Amoedo e Roberto Gil?

Manuel Landín González. N. Redondela. UGT/PSOE. Dragaminas D-20 (Salvadora) e D-13 (Motriko). Embarcado o 7-5-1937. Fogueiro. Detido como tripulante do vapor Isla de Tenerife. Xulgado en Santander por adhesión á rebelión co resultado de sentenza a cadea perpetua.

Adolfo López López. N. Redondela. Altza. 35 anos. Mariñeiro. Pertencía ás milicias da Fronte Popular de Altza. Inculpado en causa militar en Ferrol.

Alfonso Martínez Rivas. Cesantes. Trinxerpe. 27 anos. CNT nº3 Isaac Puente

José Míguez Esteiro. N. Redondela. Dragaminas D6 Gure Izarra.

Juan Míguez Esteiro. N. Redondela. Trintxerpe/Orereta. 29 anos. CNT. Milicias Confederais de Guipuzkoa. Retén de Gaintzuriezketa.

Olimpio Míguez Pazos. N. Redondela. Pasaia. 34 anos. PSOE. Destacado militante da CNT San Pedro. Finado no campo de exterminio nazi Mauthausen o 18-4-1943. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-ivos-campos-de.html )

Ramón Míguez Pazos. N. Redondela. Pasaia, San Pedro. PSOE. Dono do bar “Flor de Galicia”. Rematada a guerra viuse na obriga de trocar o nome do bar por “España 2”.

Manuel Mosquera. Chapela. Orereta, Trintxerpe. 30 anos. CNT. Combate en Gaintzurizketa.

Ángel Otero Lago. N. Redondela. Pasaia, San Pedro. 33 anos. UXT. Buque auxiliar Trinxerpe e bou Iparreko Izarra. Mariñeiro.

Diego Vázquez Lago. N. Redondela. San Sebastián. 25 anos. CNT nº1 Bakunin. Miliciano 1ª Compañía.





Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Episodios de terror durante la Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa San Simón. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. Ed. Xerais.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003

Final de traxecto: Cuelgamuros. Pontevedreses en El Valle de los Caídos. Xoán Carlos Abad Gallego. Colección Vigo na Memoria. Instituto de Estudios Vigueses.

Ministerio de Cultura. Portal de Archivo Españoles. http://pares.mcu.es

Nomes e Voces. http://vitimas.nomesevoces.net

Todos los rostros. todoslosrostros.blogspot.com

Foro de historia militar Gran Capitán http://www.elgrancapitan.org/foro/viewtopic.php?p=891483)

Euskal Memoria Fundazioa http://www.euskalmemoria.eus

Hotel de Londres. Hospital de sangre de San Sebastián. Por Manuel Solorzano. http://enfeps.blogspot.com.es/2015/12/hotel-de-londres-hospital-de-sangre-de.html

Que aflore o soterrado. O forte de San Cristobal. Ateneo de Santiago. http://www.ateneodesantiago.com/wp-content/uploads/2015/02/periodico.pdf

Wikipedia https://es.wikipedia.org/wiki/Fuerte_de_San_Crist%C3%B3bal_ (Navarra)

Foros: https://foros.xenealoxia.org>kruzul


Azul Bilbao 1933. Materiales para la historia del falangismo en Vizcaya. Asesinatos del 4 de enero de 1937: las víctimas falangistas. https://azulbilbao1933.wordpress.com/

Asturias Semanal http://www.asturiasemanal.es/asturias3/libertad22.html

Gallegos rojos en Asturias, rojos de Asturias en Galicia. Actas do Congreso da Memoria. Narón, decembro de 2003. Publicada en: A represión franquista en Galicia. Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática. Colaboran: Ayuntamiento de Narón y Diputación A Coruña. Ediciones Embora. http://memoriahistoricademocratica.org/

Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937. Sergio Balchada Outeiral.

En Acto de Servicio: Combatentes galegos falecidos no exército de Euzkadi. Sergio Balchada Outeiral. https://elgajedeloficio.wordpress.com/2021/03/12/en-acto-de-servizo-combatentes-galegos-falecidos-no-exercito-de-euzkadi/?fbclid=IwAR240NhwuJ2CMayqPkIWEhUVhEdHamsFoHsh12kPCbjxam1OZpeZzGUD5u4

Facetas de actualidad española. 4-1938, n.º 12 (La Habana-Cuba)

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego e Hoja Oficial del Lunes.

Aportes: Celso Xabier Milleiro.