Mostrando entradas con la etiqueta S. XVII. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta S. XVII. Mostrar todas las entradas

viernes, 26 de enero de 2024

Canteiros de Redondela.

 

Aspecto actual da Igrexa de San Xián de Marín obra de Pedro González. Foto: Bene Riobó, 2012

 

        

Seguindo coa busca de antigos artesáns de Redondela, despois dos imaxineiros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ) e os prateiros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/12/rua-prata-cara-1930-foto-otto-wunderlich.html ), chega a quenda dos canteiros. Como nos casos anteriores é moi difícil atopar datos pero algún vai aparecendo.


XVI


Duarte Fernández. En 1585 despois de realizar obras no mosteiro de San Martiño, este canteiro veciño de Redondela, xunto co tamén canteiro Juan de Ramírez, deben desfacer unha parede no cuarto da xente de servizo e volver a facer cimentos.

Blas González. Mestre canteiro encárgase da obra da igrexa de Santa María de Reboreda. Con el traballa Juan Noble, tamén canteiro e veciño de Redondela.


Pedro González.

O veciño de Redondela Pedro González foi un reputado canteiro do seu tempo. Apesares da dificultade que supón atopar información daquela época ata o de agora descubrín varias obras realizadas por el.

Entre 1575 e 1576-07-28 percibe cartas de pago de Juan de Mondragón, racioneiro de Santiago, cumpridor da ánima e testamento do defunto cardeal Juan de Mondragón, pola construción da igrexa de San Xián de Marín.

En 1582 atopamos o pago da obra dunha igrexa de Domaio: “Remate hecho por el canónigo Juan Abráldez, obrero de la iglesia de Santiago, de la cuarta vacante del beneficio de San Pedro de Domaio en Pedro González, vecino de la villa de Redondela, por una suma de diecisiete ducados”.

Entre 1588 e 1594 realiza a capela de Nuestra Señora dos Dores (antes coñecida mo de Santa Catalina, Nuestra Señora da Anunciación e a Concepción) no Convento de San Francisco de Pontevedra. Esta capela construída en estilo renacentista, sería mandada levantar polo rexedor de Pontevedra Antonio García Rajoo.

O último que sabemos del é que aínda constaba como canteiro veciño de Redondela en 1611.

SXVII

Juan Alonso. Canteiro, veciño de Redondela e natural da freguesía de San Martiño de Basiláns, no término de Barçelos (Portugal), citado nun poder de 1669.


S. XVIII


Pedro Solla. Canteiro do s. XVIII que pode estar detrás da construción da Ponte de Solla (Chapela).


Domingo Pereira. Canteiro de Cedeira, que en 1774 o Procurador Xeral do Mar, Antonio Amoedo, contratou para construír unha ponte na vila, que ese mesmo inverno tería que ser reparada por mor dun asolagamento.


Outros canteiros desta época serían:

Mathias Campana. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Saxamonde.

Jacob Castellano. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de O Viso. Dono de 2 colmeas.

Martín de Couñago. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Reboreda. Dono de 1 muíño.

Andrés Estévez. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Reboreda. Dono de 1 colmea.

Bartholome Garzia. Canteiro citado no censo de Redondela de 1762.

Santiago García. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Reboreda.

Martin Vidal. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de O Viso. Dono de 2 colmeas.



S. XIX

Bertoldo de Xeve. Non temos constancia da súa existencia real, tan só citado nun artigo de José Fontela Cal como autor da Fonte de Santiago Apóstolo (Pz. Santiago Apóstolo) no que conta que, despois de medio ano de traballo, Bertoldo de Xeve rematou un Santiago Apóstolo ecuestre, labrado nun granito traído exprofeso das canteiras do Ulló en Arcade. Cando amosou o traballo aos seus compañeiros, estes ríronse del porque lle “faltaban as espuelas". Humillado ese mesmo día aforcouse na pensión na que paraba.


Miguel Acuña

Mestre Canteiro comproba o estado dunhas obras, 20-9-1846.


Antonio Díez

Citado como canteiro nos anos 1879-1980-81-84 do Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración.


Juan Fontán. Mestre canteiro veciño do Viso, que en 1842 se encargou do empedrado e dos bancos da actual Praza Constitución, ademais dos garda-rodas, ponte e paredes da praza da peixería. Por esa época tamén se encargou de encalar o cárcere. En 1843 encargouse da cavada desde o hospital ata Pousadouro.

 

O único dos bancos realizados por Juan Fontán que se conserva. Foto: Juan Migueles



Benito González (Cesantes)

"El Mayordomo de propios de Redondela entrega a Benito González maestro cantero vecino de la fra. de Cesantes 260 reales en que ajustó con este ayuntamiento bajar las piedras que arrojó el Rayo desde la torre del reloj en el techo del coro de la Yglesia de esta villa, de gn. ...1 de febrero de 1806."


Román da Veiga. Canteiro veciño de Saxamonde que, en 1806, cos seus oficiais repuxo a ponte que derruíu a riada no sitio do Canto da Torre en Redondela.


Manuel Vidal "Daniña". Canteiro do Viso que faleceu xa ancián na década dos 20 do século pasado. Obra súa é a zona vella do cemiterio do Viso e tamén as sepulturas e tampas esculpidas que se expoñen no adro da igrexa parroquial. Ademais foi un músico virtuoso, tocando a gaita e o clarinete. A súa descendencia aínda é coñecida como “Os do Gaiteiro”.

 

Fachada da reitoral do Viso con obras de Manuel Vidal. Foto: Juan Migueles


 

S. XX

O gremio de canteiros atopábase organizado a principios do século XX baixo a denominación Sociedad de Canteros. A directiva de 1924 estaría formada por: presidente, Luis Álvarez Carballo, vice, José Martínez Gil; secretario, Manuel Moreira; vice, Paulino Gómez; contador, Avelino Vidal; tesoureiro, Manuel Orge; vocais: Manuel Diz, Antonio González e Antonio Pérez. En 1927 Manuel García representaba a este colectivo nunha asamblea para tomar medidas contra a proposta de suprimir o xulgado de Redondela. Dous anos despois tomou posesión un novo presidente, Manuel González Narciso. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/colectivos-e-asociacions-ata-principios.html )



Antonio Amoedo Castro e Jesús García Graña (Negros)

En 1924 unha disputa entre estes veciños de Negros por rivalidade do oficio rematou co primeiro con feridas graves na cabeza producidas cunha regra de canteiro. Un mes despois por orde xudicial ingresou no cárcere do partido, Jesús García Graña.


Salustiano Bernárdez Martínez (Reboreda)

En 1965 restaurou o Cruceiro de Pousadouro e o Cruceiro do Alto do Viso que foran derrubados por impactos de vehículos. Construíu en 1990 o Cruceiro do Parque do Loureiro, se ben a cruz é obra de Eladio Martínez Arosa "o Mudo", canteiro de Bértola (Vilaboa).


Julio Bouzas Gallego

Canteiro que formaba parte da directiva da da Casa del Pueblo en xullo de 1936. Tamén pertenceu ao Grupo Masónico Alvar Yáñez nº 145.


Florentino Carloto

Canteiro, de 19 anos, natural de Redondela, que procedente de Lisboa, en 1908, foi recollido dun tren en grave estado e ingresado no hospital de Valença.


Antonio Corbal (Chapela)

Estando traballando con outros tres canteiros nunha obra en Cedeira, alcanzouno un raio. Contaba daquela 40 anos, estaba casado e con catro fillos. Resultou ferido grave, con grandes queimaduras especialmente no ventre. Os seus compañeiros saíron ilesos, apesares de quedar cegados e desorientados nos primeiros intres.


Enrique Freaza (Reboreda)

Realizou nos anos 60 a cruz do Cruceiro do Xogo dos Bolos de Reboreda, que hai poucos anos foi esnaquizada.


Ignacio García e Casimiro Ogando Cal

Canteiros procedentes da Lama e asentados no Viso. Realizaron, entre 1915 e 1920, o Cruceiro da Peneda, o Cruceiro do Alto do Viso e o Cruceiro da Mina.


José García Vidal (Rebordelo-Cotobade, 16-5-1829 / Redondela, 27-4-1905)

Canteiro asentado en Redondela a onde probablemente chegou para traballar na construción do viaduto de Ourense. Axiña converteuse no principal contratista do concello realizando numerosas obras públicas.

Ademais de arranxar numerosas rúas e pontes: En 1876 construíu o primeiro matadoiro da vila e en 1885 o cemiterio civil. En 1886 concedéuselle a construción da antiga praza de Abastos. As obras comezaron o 3-4-1887 e remataron o 24-3-1888. Prodúcese daquela a reclamación dos 3 médicos da vila por taparse 7 dos 15 ollos da ponte de Lima e impedir a entrada das mareas, non contando o proxecto con estudos técnicos ao respeto e padecer numerosos defectos lexislativos. Isto provoca o retraso da súa inauguración ata o 25 de xullo de 1891.

En Redondela tamén son da súa autoría varias casas nas rúas Telmo Bernárdez, Eidos e Alfonso XII.

Non se limitou ao noso concello e outras vilas realizou obras como o acceso que unía a estación de Guillarei (Tui) coa estrada nacional. Xunto a Antonio Garrido Otero e Abdón Pérez Martí, consegue no mes de xuño de 1892, en pública poxa, as obras de cantería do novo manicomio de Conxo, baixo o nome "José García Vidal y compañía".

Cándido Mouriño Lago (Reboreda)

En 1953 realizou o Cristo da Carreteira, o Cristo de Abaixo e a cruz do Cruceiro de Santo Paio en Reboreda.


Manuel Otero Lago.

En 1911 concédeselle o título de canteiro.


Manuel Rey Soto (Xeve-Pontevedra / Redondela,25-9-1938)

Canteiro citado nunha relación de militantes de Izquierda Republicana e que chegaría a ser tenente alcalde de Redondela durante a II República. Trala golpe militar do 36 estivo fuxido e cndo se normalizou a situación volveu a Redondela, onde permaneceu uns días preso no cárcere municipal.

A fachada da súa casa na rúa Isidoro Queimaliños deixa constancia da súa habilidade na labra fina, pero en Redondela exerceu máis como marmorista construíndo as escaleiras para varias casas de familias adiñeiradas.

 

Fachada da casa de Manuel Rey Soto. Foto: J. Migueles


Gerardo Senra Vilas (Saxamonde)

En 1973 realizou o Cruceiro do Adro da Igrexa de Quintela e , en 1982, o cruceiro da Alfóndega. Tamén reconstruíu o Cruceiro do Torreiro de Vilar de Infesta, en 1980, que fora derrubado por un camión. Na súa casa no Alto dos Valos podemos apreciar un cruceiro e varias obras da súa autoría.


Varias obras na casa de Gerardo Senra. Foto: J. Migueles


Manuel Sobrado

Obra súa é o Peto de Ánimas da Carretera (Cedeira), realizado en 1940.


Soliño

Empregado do Concello que en 1975 realizou o Cruceiro da Alameda aproveitando como fuste unha columna traída do parque infantil da propia alameda. Tamén e seu o traballo da escultura de Blanco Amor, que o "autor" se limitou a marcar na pedra. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


Jose Antonio Sueiro

Obra súa é o retablo do Peto de Ánimas do Cemiterio dos Eidos (1992), que substituíu ao antigo de madeira que foi roubado.


Enrique Vilas Alonso (Cedeira)

Canteiro que fora concelleiro de Redondela cando menos entre 1955 e 1960. Tamén formou parte da primeira directiva da Sociedade de Caza e Pesca de Redondela en 1929. En 1964 realizou o Cruceiro da Granxa da Ponte de Lima (ou de Don Pancho), a excepción da cruz coas imaxes que foi mercada nas inmediacións de Pontevedra. Encargouse da canteiría da Casa do Concello.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.

SEREN Nº2. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no concello de Redondela (2ª parte)

Carlos Alberto Antuña Souto, José Antonio Orge Quinteiro )

SEREN Nº4. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no concello de Redondela (3ª parte)

Carlos Alberto Antuña Souto, José Antonio Orge Quinteiro

SEREN Nº5. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no Concello de Redondela (4ª parte e derradeira)

Carlos Alberto Antuña Souto, José Antonio Orge Quinteiro

Seren nº5

Apuntes para la historia del convento y comunidad de San Francisco de Pontevedra. Prudencio Leza Tello e Pilar Pérez Fermoso. Archivo IberoAmericano 74, nº 277-278 (2014): 141-505.

Arquivo do Marqués de Mos

Catastro de Ensenada de Saxamonde, O Viso e Reboreda.

Arquivo da Catedral de Santiago

Deputación de Pontevedra > atopo.depo.gal > Contas de propios e arbitrios xurisdición de Redondela Nova (1805) (1806), Contas municipais. Concello de Redondela (1841-1843) (1842) (1844). Poder outorgado para reclamar unha herdanza (1669). Fondo Casto Sampedro-MuseoPontevedra

1879-1980-81-84 Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración

Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la villa de Redondela (Redondela, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.

http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/description/6088757?nm

Galiciana => El Pueblo Gallego, El Diario de Pontevedra, La correspondencia gallega, El Correo de Galicia

La Voz de Galicia

Xornais locais => La Opinión, Tramancazos

Aportes: José Luis Cofán



 

 

 

sábado, 30 de diciembre de 2023

Prateiros de Redondela.

 

Rúa Prata cara a 1930 Foto: Otto Wunderlich. Fototeca del Patrimonio Histórico

         No rueiro de Redondela podemos atopar nomes vencellados aos antigos gremios ou oficios, sería o caso de: Rúa Prata, R. Campo das Redes, R. Cabo dos Fumeiros, R. da Leña, R. do Muíño, R. das Regateiras ou Camiño da Tafona.

        A todos estes poderían engadirse nomes xa desaparecidos: Praza do Estaleiro, Pz. Do Mercado, Rúa dos Fornos, Pz. Do Leite, Barrio dos Muíños, R. da Carnicería ou Pz. Do Pan; e tamén nomes que se popularizaron aínda que nunca chegaran a ser oficiais como a Rúa da Herba ou A Canteira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html )

        Hoxe imos a deternos na Rúa Prata, nome que xa aparece nun documento de 1521 e que faría referencia ao oficio de prateiro. Pero quen eran eses artesáns e que importancia tiñan na vila para darlle este nome a unha rúa? A verdade é que outros oficios ligados ao arte como sería o dos imaxineiros ou ebanistas estaría moi documentado (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ) e ata atopamos bastante información dun canteiro da época (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/12/pedro-gonzalez-canteiro-s-xvi-s-xvii.html ). No caso dos prateiros a cousa complícase porque atopei o nome de varias persoas desempeñando este oficio pero apenas temos referencia das súas obras.

        Curiosamente a pesares de ser un topónimo do século XVI, polo que habería varios artesáns na nosa vila, a mediados deste século realízase unha oferta aberta para a realización dunha cruz de prata para a igrexa de Redondela.


Escritura de poder de vecinos de Redondela, a Rodrigo Troncoso, regidor, a Juan Botello, procurador general de la citada villa, para concertar e igualar con cualquier platero o plateros de Santiago, o de otro lugar, para realizar una cruz de plata, para la iglesia de Santiago en la citada villa. (1555, abril, 7)


        Neste século XVI podemos citar a:

Grabiel Alonso. Prateiro e veciño de Redondela, citado nun documento de 1594 sobre a renda dunha viña. En 1609 sería acusado de “judaizante”.

Gaspar Gómez. Prateiro citado nun documento de 1601 sobre o cobro dunhas casas en Redondela.

Gaspar Rodríguez. Aparece nunha carta de pago de 1578, como prateiro veciño de Santiago, xunto a súa irmá, María Rodríguez, como fillos e herdeiros dos defuntos Manuel Rodríguez e a súa dona Guiomar Rodríguez, veciños que foron da vila de Redondela.

Gonzalo Rodríguez. Prateiro e veciño de Redondela, citado nun documento de 1594 sobre a renda dunha viña.


        No S. XVII:

Nicolás Domínguez. Prateiro de Redondela que en 1732 realizou unha cruz procesional para a parroquia de Santiago de Esponseda (Noucos-Ribadavia), para o que se lle facilitou a prata da cruz vella, que pesaba 160 onzas. Recibiu polo seu traballo “cuarenta pesos”.

Juan Durán. Prateiro de Redondela no censo de 1694.

Gregorio Giráldez Duarte. Prateiro veciño de Redondela en 1675 e casado con María Duarte.

Gaspar Gómez. Aparece como prateiro de Redondela en varios documentos de compra de propiedades de 1665 e 1667; e no censo de 1694. Podería tratarse do mesmo Gaspar Gómez morto exhausto en Reboreda cando fuxía dos saqueos realizados polos ingleses despois da batalla de Rande (1702).

Antonio Martínez. Prateiro, veciño de Redondela que en 1705 vende ao seu irmán Domingo Martínez Nieto, parte dunha parra e horta que lle pertence na propiedade "del Cruseiro Viejo de la Esfarrapada".

Antonio Pereira. Prateiro no censo de Redondela de 1694.

Francisco Roupeiro Nogueira. Prateiro veciño de Redondela en 1698.


        No S. XVIII:

Joseph Alcalde de Romay. Prateiro veciño de Redondela e do Gremio da Terra en 1719

Fernando Alcalde de Romay. Prateiro veciño de Redondela e do Gremio da Terra en 1719

Francisco de Avilés y Vázquez. Nun censo de 1763 aparece como prateiro veciño de Vilavella. Idade 30 anos, casado ten unha filla e unha criada. Gaña polo oficio de prateiro que exerce 3 r. v. ao dia: É Casa de Mesón e pola utilidade que esta lle deixa ao ano regulanselle 80 r. v.”. Posible irmán seu sería Manuel Avilés, natural de Redondela, que en 1735 se expón as Informacións de Limpeza de Sangue, por ser colexial electo a unha beca sumulista do Colexio de San
Xerome, destinada a
os naturais do bispado de Tui. Constan como pais Francisco de Avilés e Dominga Vázquez.

Juan Crespo. Prateiro nun censo de Redondela de 1712. En 1732 coa súa muller Juana de Amoedo aparecen como padriños dun neno bautizado en Santiago de Redondela. Aparece tamén como prateiro no Catastro de Ensenada de Quintela (1752).

Domingo González de Lamas Carballido. Prateiro nado a principios do s. XVIII.

Domingo Fernández do Casal. Prateiro no Catastro de Enseada de Redondela (1752).

Pedro Fernández do Casal. Prateiro no Catastro de Enseada de Redondela (1752).

Juan Francisco de Figueroa. Prateiro no Catastro de Enseada de Redondela (1752).

Pascual González. Prateiro no Catastro de Enseada de Redondela (1752).

Francisco Pérez. Nun censo de 1763 aparece como oficial prateiro veciño de Vilavella. Idade 28 anos, casado ten un fillo menor dos 18 anos, e unha filla, ten de utilidade como oficial de prateiro un r. v. e 17 mrs vellón ao día”.

Manuel Pérez. Nun censo de 1763 aparece como prateiro veciño de Vilavella. “Procurador. casado, idade 53 anos, ten na súa compaña un fillo Presbítero e dúas criadas, polo oficio de prateiro que exerce regúlanselle de utilidade tres rr.”

Francisco de Soto. Prateiro no Catastro de Enseada de Redondela (1752). Propietario dun muíño.

  

    O último prateiro atopado sería:

Leopoldo Fernandez Avendaño. Prateiro de 40 anos en 1899 e estaba casado con Esperanza Alján. Faleceu no seu domicilio na rúa Loureiro o 10 de xaneiro de 1914.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Los plateros gallegos y el Santo Oficio de la Inquisición. Manuela Sáez González.

Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX. José Couselo Bouzas.

Catastro de Ensenada (1752) de Redondela e Quintela.

Arquivo da Catedral de Santiago.

Arquivo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Galiciana>Arquivo do Reino de Galicia.

Fondo Casto Sampedro. MuseoPontevedra.

Censo de Redondela (1694) por Celso Xavier Milleiro.

1763 Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Villavieja de Redondela (Mos, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.http://pares.mcu.es

O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.

Aportes Celso Xavier Milleiro e Xosé Moreira Docampo.