Mostrando entradas con la etiqueta Castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Castro. Mostrar todas las entradas

sábado, 13 de noviembre de 2021

Monte Mirallo (Monte Penide) V: O Castro de Negros

 

O Castro de Negros desde o outro lado do Val do Maceiras

        O Castro de Negros está enclavado dentro do conxunto arqueolóxico de Monte Penide ou Monte Mirallo. ( Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html )

        Podemos acceder a pé dende a Mámoa do Rei, pola pista de terra collendo a da man dereita, ou tamén ten acceso dende a Senda da Auga pero a pendente é bastante pronunciada.

        O castro non está escavado polo que tan só poderemos ver parte do muro exterior e depresións no terreo que indicarían a existencia de restos de vivendas. Este castro está moi ligado ás lendas das mouras polo que tamén podemos observar rochas cos nomes de: Igrexa da Petra, Cadeira da Moura, Cama da Moura e Cama dos Nenos. A lenda di que o mozo que teña suficiente valor debe agardar unha noite de lúa chea na Cadeira da Moura. Alí a moura aparecerase transformada en serpe e enroscarase ao mozo deixando ver un caravel vermello na súa boca. O mozo debe coller o caravel cos seus dentes. Se o consegue a moura entregaralle todos os seus tesouros, pero se fracasa acabará morto no fondo do precipicio. As demais pedras teñen as súas propias crenzas así na Cama das Moura deitábanse as parellas que tiñan complicacións para ter fillos ou á Cama dos Nenos levábase aos nenos enfermos as noites de lúa chea.

        Ademais destas pedras nos arredores están catalogados varios petróglifos e unha singular estela-menhir. O lugar tamén conta con fermosas vistas ao val do río Maceiras e ao centro urbano de Redondela. 

 

Cama da Moura. Partida durante a instalación da torre de alta tensión. Foto: J. Migueles

Cama dos Nenos. Foto: J. Migueles

Vistas a Redondela. Foto: J. Migueles
 
Igrexa da Preta. Foto: J. Migueles

        No lado negativo citar que no cumio do castro se instalou unha torre de alta tensión e unha antena de telecomunicacións do aeroporto de Peinador. Para esta tarefa abriuse unha pista atravesando a muralla do castro despois de nivelar o acceso mediante a acumulación de toneladas de entullos. A desfeita completouse coa colocación de mesas, bancos, unha fonte e ata un cruceiro por parte da Comunidade de Montes de Santo Estevo de Negros. A colocación da tubaxe da fonte sería especialmente lesiva cos restos do castro. A retirada de todos estes elementos sería un paso importante na posta en valor do que é un dos principais atractivos turísticos de Redondela.

Torres instaladas no castro. Foto: J. Migueles

        Outra agresión máis que sofre este castro viría pola aparición de restos, sobre todo cerámicos, o que levou á creación dun pequeno museo na escola de Porto Cabeiro, animando aínda máis a que os alumnos-as xogaran aos arqueólogos. Estes restos deberían ser postos en valor nun lugar máis axeitado. Calquera escavación no castro precisa unha autorización e unha supervisión de arqueólogos-as titulados, todo o demais é espolio do noso patrimonio.

Cruceiro no Castro de Negros

Petróglifo de Coto de Negros 1.

Rocha de aproximadamente 1’20m. de altura e 90x70 cm. de superficie superior na que atopamos unhas 14 coviñas de entre 3 e 6 cm. e un pequeno suco lonxitudinal que parte dunha delas.

 

Petróglifo Coto de Negros 1. Foto: J. Migueles


Petróglifo de Coto de Negros 2.

Rocha de gran tamaño (2’50x 2’05m.) no acceso ao castro. Esta é unha zona moi alterada xa que non se trata da entrada orixinal se non dunha pista aberta mediante movementos de terras e que atravesa unha das murallas do castro. A pedra está volteada polo que é complicado de ver o petróglifo, consistente nun conxunto de coviñas de diferentes tamaños. 

 

Petróglifo Coto de Negros 2. Foto: J. Migueles


Petróglifo de Coto de Negros 3.

Atópase nun afloramento rochoso ao noroeste do Coto de Negros en torno ao cal hai restos evidentes de traballos de cantería polo que o entorno está moi alterado. O gravado está cortado pola metade do que era unha combinación de tres círculos concéntricos cun diámetro máximo de 55cm. No centro aprécianse polo menos 5 coviñas.

 

Petróglifo Coto de Negros 1. Foto: J. Migueles

   

        Xunto a Xosé Couñago atopei neste mesmo afloramento un novo gravado en 2024. Está formado por dúas rochas alongadas.

Rocha 1. Dun dos bordes parte unha liña recta que forma un arco que forma unha figura pechada ao rematar no mesmo borde, contendo no seu interior dúas coviñas. Está unida a outras figuras pechadas de menor tamaño.

Rocha 2. Combinación circular dobre un tanto irregular. O círculo interior contén cando menos 11coviñas e a exterior 1. Semella cortada ao estar pegada a outra combinación circular na que o círculo interior semella cortado por tres liñas lonxitudinais. O conxunto está unido a unha figura ovoide cunhas 7 coviñas no seu interior.

        Outra curiosidade deste afloramento é a existencia de dúas coviñas de gran tamaño situadas en rochas a diferente altura que estarían aliñadas co Petróglifo de Coto de Negros 3. Dita aliñación coincide co linde parroquial actual.

 

Foto: J. Migueles

Fotogrametría Xosé Couñago


Petróglifo de Coto de Negros 4.

Atópase preto do petróglifo anterior nun extremo da pista que conduce ao castro. O paso de maquinaria polos traballos forestais provocou que quedara enterrado e desaparecido, sendo re-descuberto en 2024 durante traballos de desbroce. Isto levou a que unha das rochas recibira bastantes golpes perdéndose parte do gravado.

Rocha 1: Conxunto de 18 coviñas de entre 1 e 2’5 cm.

Rocha 2: 11 coviñas que varian entre os 2 e 4 cm. Entre elas parece que hai cando menos 3 liñas e semella que unha das coviñas podería estar rodeada por un círculo moi gastado.


Petróglifo Coto de Negros 4. Foto: J. Migueles

Petróglifo Coto de Negros 4. Foto: J. Migueles


Petróglifo de Coto de Negros 5.

Trátase da referencia dunha combinación circular atopada hai anos por Xosé Couñago nun coto ao norte do castro e que ata o de agora continúa desaparecida.


Petróglifo de Coto de Negros 6.

Estela menhir descuberta por membros de A Citania S. L. nun parapeto ao N do Castro de Negros, baixando pola pista que bordea o castro. Trátase dunha rocha semienterrada de 1’20 de altura x 0`87 x 0’65 m. Na parte superior ten unha protuberancia natural que foi remarcada cunha liña profunda con forma de media lúa. Por debaixo desta outras liñas rodean a rocha de forma non equidistante.

 
Petróglifo Coto de Negros 6. Foto: J. Migueles


        Outro achado en 2019 sería a de parte dunha ánfora.

        Durante a tala en 2020 de eucaliptos queimados nun incendio A Citania S. L. descubriu un total de 9 novos petróglifos caracterizados por ser conxuntos de coviñas.

 

Novo petróglifo. Foto: J. Migueles

Novo petróglifo. Foto. Xurxo Constela



        Por desgraza na realización destes traballos ao abrir unha pista de acceso as máquina deron cun muro que romperon. A parte positiva foi que este descubrimento serviu para establecer que o perímetro do castro era moito máis grande do que se pensaba.

Punto no que se cortou a muralla. Foto: J. Migueles
Restos cerámicos. Foto: J. Migueles
Anaco dunha man de muíño realizada en anfibolita. Foto: J. Migueles

 



        Por se estes achados foran pouca cousa atopouse un betilo, obxecto relixioso de orixe púnico datado no S. IV ou V a.c. Crese que os púnicos chegaron desde o Mediterráneo ata as nosas costas buscando metais, principalmente estaño. Son moi poucos os betilos atopados en Galicia ata o de agora. Os máis próximos serían o do castro da illa de Toralla e o de Punta do Muíño do Vento no actual Museo do Mar (ambos en Vigo).

O Betilo na presentación no Multiusos da Xunqueira. Foto: J. Migueles

 

       Pouco despois destes traballos Xosé Couñago atopou outro conxunto de coviñas: 42°15'47.7"N 8°37'33.0"W

Novo petróglifo. Foto: J. Migueles

   

            En 2024 tamén atopou outro petróglifo nun coto ao norte do Castro de Negros. Trátase dun conxunto formado por dúas rochas:

Rocha 1: Coviñas de diferentes tamaños. Unha delas rodeada por coviñas máis pequenas que forman un círculo ao seu redor.

Rocha 2: Rocha que foi desprazada quedando a cara con gravados contra o toco dun eucalipto polo que é difícil de observar. Vense varias coviñas e cando menos unha delas rodeada por un círculo.

 

Rocha 1. Foto: J. Migueles

 


Rocha 2. Foto: J. Migueles

        Uns anos antes no cumio deste mesmo coto atopei unhas rochas aínda sen catalogar totalmente cubertas de coviñas. Con boa luz semella que algunhas están unidas por sucos menos profundos formando círculos.


Foto: J. Migueles

Foto: J. Migueles

        Bordeando este coto e dirixíndonos cara o val do Maceiras atoparemos os chamado Petróglifos de Eira Pedriña:

Petróglifo de Eira Pedriña 1.

Rocha duns 60 cm. de altura. Círculo de 20 cm. con coviña central.


Eira Pedriña 1. Foto: J. Migueles

Petróglifo de Eira Pedriña 2.

Rocha con varias coviñas de gran tamaño.

 

Eira Pedriña 2. Foto: J. Migueles

        Nas inmediacións tamén podemos ver antigas minas de auga. O aproveitamento de este recurso natural segue a ser esencial e hoxe en día este monte segue abastecendo a todas as parroquias das súas ladeiras.

 

Antiga mina de auga. Foto: J. Migueles

Rutas por Monte Mirallo Xosé Couñago:

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/ruta-arqueoloxica-e-paisaxistica-de.html )

Monte Mirallo (Penide) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html )

1 Coto Fenteira (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-i-coto.html )

2 Poza da Lagoa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-ii-poza-da.html )

3 Chan do Rato, Porteliñas e Coto da Rola (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-iii-chan-do.html )

4 Chan da Cruz (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-iv-chan-da.html )

5 Castro de Negros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html )

6 Coto do Corno (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-vii-coto-do.html )




Mapa do Patrimonio Arqueolóxico de Redondela


https://www.google.com/maps/d/edit?mid=1H4p5MqFehMbWImfzqYxL5yz042_xedYd&usp=sharing


Rutas por Xosé Couñago:

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/ruta-arqueoloxica-e-paisaxistica-de.html )

Monte Penidde (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html )

1 Coto Fenteira (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-i-coto.html )

2 Poza da Lagoa (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-ii-poza-da.html )

3 Chan do Rato, Porteliñas e Coto da Rola (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-iii-chan-do.html )

4 Chan da Cruz (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2025/04/monte-mirallo-monte-penide-iv-chan-da.html )

5 Castro de Negros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html )

6 Coto do Corno (Ver


Texto e fotos: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Internovas. Historias de Redondela

Elementos da prehistoria de Redondela. Xosé Couñago.

A lámina de sílex de Monte Penide. X. C. Abad Gallego.

A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. Fernando Javier Costas Goberna.

SEREN

Nº3. Redondela da Prehistoria á Romanización. Rafael Mª Rodríguez Martínez.

Anuario del Cuerpo Facultativo de Archiveros Bibliotecarios y Arqueólogos. 1934 nº 2: Los petroglifos de Monte Penide y los estudios sobre arte rupestre gallego-portugués. Fermín Bouza Brey.

Trisquel. Archivos del patrimonio histórico gallego. Julio Fernández Pintos.

Monte Penide (Redondela) Xosé Couñago.

Petroglifos y asentamientos: El caso del Monte Penide (Redondela, Pontevedra). R. Fábregas Valcarce e outros.

Redondela arqueológico-etnográfica. Jose Manuel Hidalgo.

Museo Virtual Monte Penide Prehistórico. A Citania S. L., Xurxo Constela. http://montepenideprehistorico.com/es/index.html

Blog de Xosé Couñago. http://montepenide.wordpress.com/

 

miércoles, 15 de abril de 2020

Monte Penide / Monte Mirallo. Un museo ao aire libre.

 

Mámoa do Rei. Foto: J. Migueles

          O nome de Monte Penide foi popularizado polos traballos publicados por arqueólogos nos anos 70 e 80. En realidade trátase do Monte Mirallo, sendo o Monte Penide a parte máis alta desta montaña hoxe coñecida como Pico San Vicente. Aclarado este punto, dicir que este monte destaca pola súa riqueza arqueolóxica. Nel podemos atopar petróglifos, máis de 30 mámoas e o castro de Negros que veremos na seguinte entrada:

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html

Tamén existen restos de asentamentos ao aire libre, isto quere dicir que poboados construídos de barro non se conservaron ata os nosos días, como sucede cos castros, pero sabemos da súa existencia polo achado de restos cerámicos. Foi declarado Conxunto Histórico-artístico en 1970 e Ben de Interese Cultural en xullo do 2008. Isto non evitou a destrución de numerosas mámoas, chegaron a catalogarse 58, as dúas últimas en 2015.

Este conxunto ten a súa continuación no concello de Vigo.

http://vigoarqueologico.blogspot.com/2008/03/sobre-los-yacimientos-arqueolgicos-en_919.html

      

O arqueólogo Xurxo Constela, de A Citania S. L., realizou o proxecto Museo Virtual Monte Penide Prehistórico http://montepenideprehistorico.com/es/index.html ao que seguiría a posta en valor deste conxunto coa colocación de paneis informativos, construción de pasarelas de acceso e a realización de visitas guiadas. Na súa páxina podemos atopar varias rutas e a situación dos puntos de interese que enumero brevemente a continuación:


Miradoiro natural

Saímos de Redondela en coche cara a Vigo. Na rotonda xiramos á esquerda. Seguimos esta estrada ata ver os muros do colexio de Cedeira, tomando á dereita no cruce do cruceiro da Raíña. Comezamos a subida ao monte Mirallo pasando a carón do Pazo de Torrecedeira (non pode ser visitado por ser de propiedade privada). Na subida tamén podemos contemplar os muíños do Pardo. A primeira pista que atopamos será a Senda da Auga. Despois de pasar unha segunda pista, chegamos a unha recta con espacio para aparcar dous ou tres coches onde podemos desfrutar dunhas espectaculares vistas da Enseada de San Simón. En 2020 colocouse un banco, algo que non era novidade porque nos anos 90 do pasado século xa existira un banco neste punto.

Un pouco antes se subimos por un carreiro de bicicletas e motos atopamos un pequeno gravado que era coñecido polos veciños pero que non se catalogou ata o 2018. O máis probable é que se trate da marca dun canteiro, polo que sería considerado petróglifo histórico.



Miradoiro. Foto: J. Migueles
Marca de canteiro

Coto Fenteira

A seguinte pista do lado dereito (cunha gran entrada) condúcenos a un vello campo de fútbol que nunca se rematou de construír, coñecido como Campo da Rata. Nos arredores podemos atopar restos dun asentamento, unha mámoa e varios petróglifos entre os que destaca un muíño navicular. Se subimos a un alto, poderemos desfrutar dunhas espectaculares vistas á ría de Vigo coa sensación de que imos caer na Ponte da Rande. Este punto, chamado Coto da Fenteira, acadou certa sona pola colocación do chamado "Mellor banco do Mundo", imitando ao colocado en Ortigueira e que daría pé á “moda” de colocares bancos nos montes.

Túmulo Coto Fenteira: 42.278805705, -8.648388498

Petróglifo Coto Fenteira 1: 42.279909194, -8.648473217

Petróglifo Coto Fenteira 2: 42.278771168, -8.648188523

Petróglifo Coto Fenteira 3: 42.279191677, -8.649447444

Petróglifo Coto Fenteira 4: (sen catalogar)

Muíño navicular: 42.2783397447, -8.64930868149

 
O mellor banco do mundo

 
Muíño navicular.

Petroglifos do Coto da Fenteira

 

Poza da Lagoa

Se continuamos a subida pola estrada, chegaremos á área de descanso Poza da Lagoa. Nas inmediacións atopáronse unha mámoa e restos doutro asentamento. Deixando as mesas á nosa esquerda seguiremos a pé por un sendeiro, se collemos á dereita chegaremos a outro miradoiro á Ría de Vigo coñecido popularmente como O Cocodrilo pola forma dunha rocha, na que existe unha cruz de termo. Neste tramo tamén existe unha mámoa pero difícil de observar.

Se houbéramos seguido o sendeiro de fronte, achegámonos á poza que da nome ao lugar e un pouco máis adiante os petróglifos da Poza da Lagoa, nos que destacan os antropomorfos e a representación de armas.

 
O Cocodrilo. Foto: J. Migueles, 2018.
Alabardas e coitelos, Poza da Lagoa 

Alabardas e coitelos

Antropomorfos, Poza da Lagoa

Preto de aquí tamén se atopou un cocho. Pequena construción abovedada da que non se sabe a ciencia certa a súa utilidade, podendo ser acubillo de pastores ou do gando.

 
 
Restos dun cocho. Foto: J. Migueles

Porteliñas, Chan do Rato e Coto da Rola.
Se seguimos pola estrada e subimos por un camiño da esquerda veremos os petróglifos das Porteliñas, no que o máis visible son os muíños naviculares. Moi preto tamén se atopan a mámoa e os petróglifos de Chan do Rato e un pouco máis lonxe os petróglifos do Coto da Rola.
 
Chan do Rato. Foto: J. Migueles

 
Porteliñas. Cruz. Foto: J. Migueles


Petróglifos das Porteliñas. Foto: J. Migueles

Coto da Rola. Foto: J. Migueles


 

 

Chan da Cruz

Seguindo o sendeiro acharemos os petróglifos do Chan da Cruz que conta cunha pasarela de acceso. Nel veremos unha gran cruz, unha agrupación de cruces, numerosas composicións circulares con coviñas e dúas representacións humanas.

 

Chan da Cruz. Foto: J. Migueles

Chan da Cruz. Foto: J. Migueles
 
A Cruz que da nome ao lugar. Foto: J. Migueles



 

 

 

 

 

 

 

 

 

      

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  Collendo no cruce de fronte chegaremos á estrada na que se atopa a Mámoa do Rei (nome tamén popularizado, antigamente chamada Pedra do Couto). Nela podemos observar unha cruz gravada. Fixándonos nos arredores atoparemos ata 30 mámoas catalogadas.

Mámoa do Rei ou Pedra do Couto. Foto: J. Migueles

Mámoa. Foto: J. Migueles
     

Castro de Negros

Podemos completar a visita acercándonos ao Castro de Negros. Podemos ir a pé dende a Mámoa do Rei, pola pista de terra collendo a da man dereita. Tamén ten acceso dende a Senda da Auga pero a pendente é bastante pronunciada.

Para coñecer máis sobre este castro visita a seguinte entrada do blog: https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html

 

O Castro de Negros visto dende Quintela. Foto: J. Migueles



 
Coto do Corno
        Preto do castro e seguindo unha serie de pistas atópanse os petroglifos do Coto do Corno, nos que se representan puntos e círculos, ademais dun muíño e un cervo, que probablemente sexa o que da nome ao lugar.

Coto do Corno. Foto: J. Migueles
Coto do Corno. Foto: J. Migueles

A medio camiño entre o castro e o Coto do Corno apareceu outro petróglifo en 2020 formado por ducias de puntos algúns deles unidos por pequenos círculos.

42.267808, -8.627245


Novo petróglifo. Foto: J. Migueles


Para saber máis.
Ruta alternativa:
Blog de Xosé Couñago no que aparecen dúas rutas.
           http://montepenide.wordpress.com/


 
Texto: Juan Migueles
 
BIBLIOGRAFÍA
Elementos da prehistoria de Redondela. Xosé Couñago.
A lámina de sílex de Monte Penide. X. C. Abad Gallego.
A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. Fernando Javier Costas Goberna.
SEREN
Nº3. Redondela da Prehistoria á Romanización. Rafael Mª Rodríguez Martínez.
Anuario del Cuerpo Facultativo de Archiveros Bibliotecarios y Arqueólogos. 1934 nº 2: Los petroglifos de Monte Penide y los estudios sobre arte rupestre gallego-portugués. Fermín Bouza Brey.
Trisquel. Archivos del patrimonio histórico gallego. Julio Fernández Pintos.
Monte Penide (Redondela) Xosé Couñago.
Petroglifos y asentamientos: El caso del Monte Penide (Redondela, Pontevedra). R. Fábregas Valcarce e outros.
Museo Virtual Monte Penide Prehistórico. A Citania S. L., Xurxo Constela. http://montepenideprehistorico.com/es/index.html
O mapa e os calcos dos petróglifos foron facilitados na ruta guiada celebrada o 12 de outubro do 2008, organizada pola Consellería de Cultura e Deporte, e a do Medio Rural, a excepción do calco da Poza da Lagoa no que aparecen formas humanas, recollida na páxina Internovas.