Mostrando entradas con la etiqueta Persoeiro M. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Persoeiro M. Mostrar todas las entradas

domingo, 4 de junio de 2023

Antigos Gaiteiros de Redondela.

 



Antonio del Villar. Catedral de Tui. Foto: O traxe das terras de Tui. Emilia Alonso Gzlez.

         A información que temos sobre os antigos gaiteiros, así como de outros músicos, é ben escasa. Por sorte en Redondela o traballo de investigación realizado por Casto Sampedro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html ) nos permiten coñecer os nomes dos gaiteiros que actuaron como os seus colaboradores, así como do acompañamento da Danza das Espadas desde mediados do século XIX (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-historia.html ).

         Apesares disto, a hora de buscar referencias anteriores no tempo temos dúas vías de investigación. A primeira, obviamente, sería a busca de documentación antiga. Ata agora o documento máis antigo de Redondela que atopei no que se cita a un gaiteiro data de 1740. Trátase do testamento de María Calvo Salcedo no que nas últimas vontades ordena completar a fundación da capelanía do Carme que iniciara o seu irmán. Comprobamos aquí como xa no século XVIII como xa estaba arraigada a devoción da virxe do Carme entre a xente mariñeira. Entre as directrices que deixa María Calvo está a obriga de celebrar a festividade o 16 de xullo, custeándose tanto os actos relixiosos como os profanos. Estes últimos serán os que nos interesan, porque se especifica: “(buscar dicho Capellán y los que le subcedieren Gaytero que toque en la tal Fiesta), e o nomeamento do capelán: Por la primera vez, hagan el nombramiento en quien quisieren, y a su Arbitrio y Voluntad, en la segunda lo hagan hacer precisamente en Hijo de Vecino de dicha villa de Redondela descendiente de Mareantes, y a falta de éstos en los Hijos de los de la Tierra...”

         A segunda vía de investigación sería a arte relixiosa e neste eido Redondela conta cunha gran escola de ebanistas (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ). Buscando en retablos e obras de imaxinería realizadas por redondeláns atopamos a representación de dous gaiteiros. A primeira procede da Colexiata de Vigo e actualmente atópase no Museo Diocesano de Tui. Trátase dun baixo relevo onde se representa o nacemento de Cristo e entre os que adoran o neno aparecen un gaiteiro acompañado por un pandereteiro. É obra do retablista redondelán Domingo Martínez e está datada en 1685.

Domingo Martínez, detalle relevo da Colexiata de Vigo. Arquivo Sonoro de Galicia
 

    O outro gaiteiro o atopamos tamén entre as figuras que adoran ao neno Xesús no retablo de Nosa Señora da Expectación da Catedral de Tui. Data de 1777, sendo realizada polo escultor Antonio Villar, que é considerado o máis importante do Bispado de Tui. As dúas obras teñen en común que os músicos cobren a cabeza cunha monteira, o que podería ser un signo de distinción dos artistas daquela época.

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

O traxe das terras de Tui. Emilia Alonso González.

Devocións mariñeiras: do Corpo Santo á Virxe do Carme. Clodio González Pérez. Ponencia de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega. Actas do Simposio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde. Pontevedra, 10-12 de xullo, 1997. Coordinador Francisco Calo Lourido.

Arquivo Sonoro de Galicia.

 

miércoles, 10 de mayo de 2023

José Martínez Crespo (Redondela)

 

José Martínez Crespo. Foto infomiño

Historiador.

Licenciado en historia. Dos seus traballos sobre Redondela destacar as súas investigacións entorno á Festa da Coca.

Libros de Redondela:

A Coca de Redondela en 1.000 imaxes. Ed. Concello de Redondela e varios comercios.

A festa da Coca de Redondela. O Corpus Christi e as súas manifestacións. José Martínez Crespo. Ed. Concello de Redondela. 2013.

A festa da Coca de Redondela. O Corpus Christi e as súas manifestacións. José Martínez Crespo. Ed. Concello de Redondela. (2ªEdición)

Xan Carallás de Redondela. El mito, la figura, la Orden. José Martínez Crespo. Ed. Orden de Xan Carallás.

O Corpus de Redondela vístese de historia. Vestuarios e óleos realizados por Margot Araujo. José Martínez Crespo. Ed. Xunta de Galicia.

Corpus Christi en Redondela. José Martínez Crespo e Sabela Arias Castro. Ed. Ir Indo. 2008


Artigos de Redondela:

Gallaecia. Publicación del Departamento de Prehistoria y Arqueología de la USC

Nº 26 (2007): Ordenanzas municipales de las villas de Redondela y Vilavella del año 1605 / José Martínez Crespo

Nalgures. Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia

Nº 5 (2009): 1809: A sangre y fuego. Redondela en la Guerra de la Independencia / José Martínez Crespo

Sobre a pretendida orixe grega de Redondela e das súas danzas do Corpus. / José Martínez Crespo

La Visita Pastoral de 1528-29 a las Iglesias del Arciprestazgo de Redondela, Diócesis de Tui. José Martínez Crespo: Liceo Franciscano, LX, 184-186, 2009, pp. 783-852

As xuntas do reino de Galicia celebradas en Redondela en 1666. José Martínez Crespo. Boletín do Seminario de Estudios Redondeláns (SEREN). Nº2. ISSN 1698-8051, páxs. 35-62.

Redondela y Vigo frente a la luctuosa y el diezmo eclesíasticola sentencia arbitral de 1494. José Martínez Crespo. Cuadernos de estudios gallegos. ISSN 0210-847X, páxs. 77-137 .


Outras publicacións:

A Guerra na Galicia do Antigo Réxime (S. XVI-XIX). José Martínez Crespo. Editorial Toxosoutos / 978-84-96673-19-9

Las Iglesias de Galicia en el Renacimiento y el gobierno episcopal. Fr. José García Oro, José Martínez Crespo e María Luz Ríos Rodríguez.



Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Francisco José Martelo Villar (Vilavella (Redondela), 1945)

Médico cirurxián.

 

Martelo Villar. Foto Marcos Míguez-La Voz de Galicia

Licenciado en Menciña en Santiago de Compostela especializouse en Cirurxía plástica e cirurxía xeral na Universidade Complutense de Madrid en 1975. Comezou traballando no Hospital Gregorio Marañón, de Madrid, e despois exercería no Hospital Primero de Octubre, tamén en Madrid. Completou a súa formación en Londres, Glasgow i East Grinsted. De volta a España acada praza no Hospital Virgen de la Arrixaca, en Murcia. En 1980 é nomeado Xefe de Servizo do Hospital Universitario de A Coruña, no que exercería ata a súa xubilación en 2011. Neste hospital sería director de traumatoloxía e rehabilitación nos anos 1981 e 82. Ademais foi profesor asociado na Universidade de A Coruña entre 2008 e 2011.

Foi fundador e primeiro presidente da Sociedad Española de Quemaduras.

En 2021 foi nomeado presidente da Academia de Medicina de Galicia e vocal da Fundación Barrié, de A Coruña. Académico Numerario da cadeira de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora da Real Academia de Menciña e Cirurxía de Galicia.

Foi homenaxeado en Redondela coa lectura do pregón da Festa do Choco en 1998.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Wikipedia https://gl.wikipedia.org/wiki/Francisco_Martelo_Villar

Redacción Médica. https://www.redaccionmedica.com/autonomias/galicia/martelo-villar-asume-la-presidencia-de-la-real-academia-de-medicina-4926

El Correo Gallego

La Voz de Galicia

 

miércoles, 30 de noviembre de 2022

Manuel Muíños Amoedo (Vilavella, 1966)

 

Manuel Muíños-La Gaceta de Salamanca
Manuel Muíños-La Gaceta de Salamanca

Relixioso.

Ordenado sacerdote en 1995, ten atendido varias parroquias da provincia de Salamanca. Preocupado por como na súa adolescencia a droga facía estragos na súa xeración formouse no tratamento das adiccións na Escuela Nacional de Proyecto Hombre e na Universidad Complutense. Creou Proyecto Hombre Salamanca en 2001 xunto á Fundación Alcándara da que é director xerente. Esta asociación é un referente en Salamanca no tratamento das adiccións. A súa finalidade é a rehabilitación pero tamén proporcionar recursos para unha reintegración na sociedade a través da Casa de Reinserción. En Redondela organiza xornadas de convivencia. En 2022 é nomeado Fillo Adoptivo de Salamanca pola súa entrega aos máis necesitados, especialmente ás persoas afectadas por adiccións.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La Gaceta de Salamanca

El Español

El Norte de Castilla

 

jueves, 24 de noviembre de 2022

Buenavenura Marcó del Pont (Calella (Barcelona), 1738 /Vigo, setembro de 1818)_Empresario


Retrato de Buenaventura Marcó del Pont. Publicado en Vigopedia

Buenaventura Marcó del Pont Bori, foi un dos empresarios cataláns que instalaron fábricas de salga Ría de Vigo, nova técnica de conservación do peixe que revolucionaría o mundo da pesca.

Estableceuse na cidade de Vigo en 1758 asociándose con outro catalán, Miguel Buch, para formar unha empresa que comercializaba as mercadorías das naves corsarias francesas. Pouco despois con Francisco Puig, tamén catalán, funda unha fábrica de salga no Areal. A principios dos 70 era xa un dos empresarios máis ricos de Vigo como o amosa o feito de que, en 1772, estando España en guerra con Portugal, subministrou diñeiro para a guarnición de Vigo, mantendo ás súas expensas 150 paisanos., que se alternaban nas gardas coa Infantería.

En 1779 foille concedida patente de corso, o que lle permitiu armar varios barcos que mantivo durante toda la guerra contra Inglaterra. En 1783 consegue que se habilite o porto de Vigo para o comercio de Indias. Neste ano, é propietario de dúas fábricas de sombreiros, dúas de augardente en Pontevedra, ademais de outras de salga. En 1792 indica ao Ministerio de Facenda a utilidade de fomentar o comercio de carnes de Buenos Aires, empregando a arxentinos e desprazando aos irlandeses que controlaban o mercado.

O 17 de xuño de 1793 é nomeado Primeiro xefe da Milicia Urbana de Vigo e, o 1 de outubro de 1795, Rexedor de Vigo. Volveu a subministrar diñeiro e víveres ao exército en Pontevedra e Vigo

Comisario de guerra, desde o 4 de abril de 1799. O seu servizo más importante foi o de evitar, a partir del 29 agosto 1800, o desembarco dunha escuadra inglesa. Pouco antes da súa morte foi alcalde de Vigo, ordenando en 1817 a reconstrución da Concatedral e costeando persoalmente a restauración do Cristo dos Navegantes.

Outros cargos que desempeñou serían: Rexedor Perpetuo de Vigo, Síndico Procurador Xeneral , Deputado do común de Vigo, Comandante de Milicias Urbanas de Santa Catalina de Lavadores y Síndico Procurador General del Convento de San Francisco (1776), Administrador e Subdirector Xeneral da Administración das Rendas da Provincia de Tui, Mordomo de Fábrica e Tesoureiro da Colexiata de Vigo e Comisario Honorario dos Reais Exércitos.

En Redondela foi propietario do Pazo Pousadouro, no que se conserva o brasón familiar na súa fachada. Tralo seu falecemento en 1834 sería posto en venda entre outros bens. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )

Dos seus fillos destacar a Francisco Casimiro Marcó del Pont, derradeiro Gobernador de España en Chile, e a Juan José Marcó del Pont, Conselleiro de Estado do rei Fernando VII e Ministro de Facenda do pretendente Carlos V.


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

El Pazo del Pousadouro en Redondela y la familia Marcó del Pont. Por Galiciabaixo.

(https://gazeta.gal/web/es/el-pazo-del-pousadouro-en-redondela-y-la-familia-marco-del-pont/ )

Redondeláns. Web de X. Docampo e C. Milleiro

Vigopedia. https://vigopedia.com/biografias-buenaventura-marco-del-pont-y-bori/

Pazos y torres. Inventario de la provincia de Pontevedra. Tomo I. Juan M. López-Chaves Meléndez / Grato E. Amor Moreno. Ed. Diputación de Pontevedra.

MCN Biografías. Autor A. Gil Novales https://www.mcnbiografias.com/app-bio/do/show?key=marco-del-pont-buenaventura

 

domingo, 26 de diciembre de 2021

Pilar Martínez González. Pediatra, política e fundadora da ONG Da Man.

 


Pilar Martínez González Facebook
Pilar Martínez González. Facebook

Pediatra establecida en Redondela. Con 14 anos ingresa no Partido Comunista, sendo nomeada secretaria das xuventudes deste partido con 18. Unha das primeiras mulleres concelleiras de Redondela no actual sistema democrático e a primeira en liderar a candidatura á alcaldía dun grupo político. Despois de 8 anos na oposición, en 1999 como líder de Esquerda de Galicia de Redondela pacta co PSOE pasando a formar parte do goberno local.

Responsable da comisión médica da Asociación Galega co Pobo Saharaui. Fundadora en 2009 da ONG Da Man, que organiza campañas de axuda no continente africano. 

Da Man https://www.facebook.com/damanorg


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

 

viernes, 22 de mayo de 2020

Os inicios musicais en Redondela. Os trobadores.

Escultura aos trobadores na Illa San Simón. Foto: Juan Migueles

Para comezar a falar de música en ou de Redondela debemos remontarnos aos trobadores:


Mendiño
Nos cancioneiros portugueses pode aparecer coma Mendiño, Mendinho ou Meendinho. Del non se coñece ningún dato e tan só se conserva unha única cantiga de amigo que é considerada unha das máis importantes da literatura trobadoresca galego-portuguesa. A cantiga fala da Illa de San Simón, polo que o consideramos un persoeiro de Redondela a pesares de que se descoñeza o seu lugar de nacemento. Adicóuselle o Día das Letra Galegas de 1998, compartindo este galardón con Martín Codax e Johan de Cangas. Por este motivo na illa de San Simón erixiuse unha estatua que lembra aos tres trobadores. Unha rúa e un instituto de Redondela tamén reciben o nome de Mendiño.

Sedia-mi eu na ermida de San Simion
e cercaram-mi as ondas, que grandes son ;
¡eu atendendo o meu amigo,
eu atendendo o meu amigo,

Estando na ermida, ante o altar,
(e) cercaron-mi as ondas grandes do mar ;
¡eu atendendo o meu amigo,
eu atendendo o meu amigo !

E cercaron-mi as ondas, que grandes son ;
non ei (i) barqueiro nen remador ;
¡eu atendendo o meu amigo,
eu atendendo o meu amigo !

E cercaron-mi as ondas grandes do mar ;
non ei (i) barqueiro, nen sei sei remar ;
¡eu atendendo o meu amigo,
eu atendendo o meu amigo !

Non ei (i) barqueiro nen remador ;
morrerei, fremosa, no mar maior ;
¡eu atendendo o meu amigo,
eu atendendo o meu amigo !

Non ei (i) barqueiro, nen sei remar ;
morrerei fremosa no alto mar  ;
¡eu atendendo o meu amigo,
eu atendendo o meu amigo !
Cancioneiro da Vaticana : 438 e Cancioneiro da Biblioteca Nacional : 568.

Airas Nunes (S. XIII)
Semella que este trobador foi un clérigo veciño de Santiago do que se conservan 16 composicións. Nunha destas cantigas narrou como Redondela era asaltada por soldados dos Churruchaos:

O meu senhor obispo na Redondela hũu dia
de noite com gram medo de desonrra fogia;
eu hyndo-m'aguysando por hyr com el mha via
achey hũa campanha assas brava e crua,
que me decerom logo de cima da mha ruiva
azemela, et ca m'alevarom-na por sua

E desque eu naçi'a nunca entrara em lide,
pero que já fora cabo Valedolide
escoltar doas muytas que fezerom en Molide
e ali me lançarom a mi a falcatrua
a mais escudeiros, gage o Churruchão,
et taaes sergentos, cá nom gente de rua

Ali me desbulharom do tabardo e dos panos
et nõ houverõ vergonha dos mis cabelos canos
nem me derom por ende grãs nem abanos
leixaron-me qual fuy nado no meyo de la ria,
et huũ donato tinhoso que a de par estava
chamav'a minha nana velha fududadia.
(nº 468 do Cancioneiro da Vaticana)

Johan Soarez Somesso
        No 2013 o investigador Henrique Monteagudo chega á conclusión de que este trobador era natural de Chapela. Considéranse da súa autoría vinte e cinco cantigas do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (Colocci Brancuti). Cod. 10991. Reprodução facsimilada. Lisboa: Biblioteca Nacional / Imprenta Nacional – Casa da Moeda, 1982. Sendo unha delas de escarnio e as vinte e catro restantes de amor.

         En época máis recente os referentes musicais en Redondela serán Casto Sampedro Folgar e Reveriano Soutullo Otero.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Cantigas D'escarnho e de Mal Dizer. Manuel Rodrigues Lapa. Ed. Galaxia, 1970.
A personalidade histórica do trobador Johan Soayrez Somesso. Henrique Monteagudo. Instituto da Lingua Galega - Universidade de Santiago de Compostela, 2013.
Faro de Vigo
Wikipedia

jueves, 16 de abril de 2020

Libros: Festas da Coca

As festas do corpus en Redondela (1875-1975). Ed. Concello de Redondela.
A Coca de Redondela en 1.000 imaxes. Ed. Concello de Redondela e varios comercios.
A Coca e o mito do dragón. Clodio González Pérez. 1993. Ed. Ir Indo.




A festa da Coca de Redondela. O Corpus Christi e as súas manifestacións. José Martínez Crespo. Ed. Concello de Redondela.
A festa da Coca de Redondela. O Corpus Christi e as súas manifestacións. José Martínez Crespo. Ed. Concello de Redondela. (2ªEdición)
A lenda da Coca de Redondela. (Libro musicado). Xesús Cameselle Ben.





O Corpus de Redondela vístese de historia. Vestuarios e óleos realizados por Margot Araujo. José Martínez Crespo. Ed. Xunta de Galicia.
Corpus Christi en Redondela. José Martínez Crespo e Sabela Arias Castro. Ed. Ir Indo. 2008
Xan Carallás de Redondela. El mito, la figura, la Orden. José Martínez Crespo. Ed. Orden de Xan Carallás.


As Penlas de Redondela. Telmo Crespo Tojeiro.

Especiais Festa da Coca. Comisión de festas (Varios anos).
 

 
 
 
 
 
 

 
 
 
 
Autor: Juan Migueles


martes, 14 de abril de 2020

1843, o levantamento de Vigo

          O 23 de outubro de 1843, tivo lugar na praza de Vigo o pronunciamento pola Xunta central para contrarrestar ao que derrocou ao Duque de la Victoria, máis coñecido como o Xeneral Espartero. Mais ningunha poboación galega da o seu apoio á sublevación quedando a cidade illada. Uns días antes, o 8 de outubro en Redondela, os partidarios do duque respaldados polo alcalde e o xuíz de Primeira instancia conseguen que non se verifiquen as eleccións nas que presuntamente serían destituídos. A pesares disto a falla de apoios provoca que deban acudir a Vigo onde participan activamente na sublevación.
Baldomero Espartero Foto: Wikipedia

29 de outubro
Militares do goberno chegan a Redondela para dar comezo ao sitio. Moi preto, un punto estratéxico como é Pontesampaio, atópase fortificado e fortemente vixiado. Noutras poboacións próximas como Caldas de Reis, Pontecaldelas, Portas, Barro, Cambados, Cotovade ou Vilagarcía; mobilizáronse os nacionais e diríxense á nosa vila para incorporarse ás tropas leais dirixidas na nosa vila polo coronel Macrohon. Ao mando do exército é nomeado o xeneral Cotoner, que se dirixe á nosa vila con seis pezas de artillería. Mentres en Vigo noméase xefe político a Buk e administrador de provincia a Fontano.

1 de novembro
Son declarados en busca e captura Juan Igneson, xuíz de primeira instancia de Redondela; D. N. Sánchez, promotor fiscal do partido; e Ramón Martínez Saco, veciño de Redondela; por marchar a Vigo para unirse aos sublevados.
A goleta “Minerva” acompañada por un quechemarín mercante, partiu da Coruña cara a Pontevedra con artillería e municións.

2 de novembro
Aproveitando que o xeneral Cotoner aínda non chegara a Redondela cos reforzos, os sublevados atacan a nosa vila con algo mais de 200 homes e 3 lanchas cun canón de a 8 e outro de a 4. Abriron fogo contra as forzas do coronel Macrohon pero estes rexeitaron o ataque.
En Tui os voluntarios engrosan as filas dunha columna formada para marchar sobre Vigo. Ademais estanse a reforzar os pasos fronteirizos con Portugal. No país veciño, concentráronse bastantes tropas en Valença.

3 de novembro
Chegan a Pontevedra o coronel Suazo e os seus artilleiros, prisioneiros en Vigo aos que se lles permitiu abandonar a cidade. Informan de que os pronunciados contan con 1.500 homes entre nacionais e compañías de Lugo. Están comandados polo señor Martín José Iriarte, quen ordenou celebrar con repiques de campás o pronunciamento de Ferrol, o que co tempo se comprobaría que era falso. Por contra as tropas que conformaban o cerco da Cidade Olívica, rondaba os 4.000 homes.
A Redondela chegan noticias de que parte da xunta de goberno de Vigo fuxe abandonando a cidade á súa sorte. Entra na nosa vila o xeneral Cotoner cunha división na que destaca un batallón de licenciados chamado “Cazadores de la Reina” formado por 800 homes. Parte destas forzas destinaranse a Ponteareas para evitar unha posible incursión inimiga.
           De Vigo saen 150 carabineiros que nun primeiro momento se sublevaron e agora se entregan na nosa vila ao exército nacional.

1852 Biografía del Teniente General Don Martín José Iriarte Urdániz. Foto: todocoleccion.net

4 de novembro.
        Os sublevados disparan dende a ría de Redondela. En realidade esta non foi mais ca unha manobra de distracción que permitiu a saída de Vigo de 600 homes mandados por Iriarte. Os rebeldes perseguidos por Macrohon entran en Ponteareas finxindo ser tropas do goberno. Pouco despois saen cara a Cañiza pola proximidade do inimigo.

6 de novembro.
         Ás once e media da mañá Iriarte chega cos seus homes a Ribadavia. Horas despois cruza o río Miño por Castrelo, onde pasan a noite a tan só dúas leguas de Ourense. Mentres, en Vigo, a xunta de goberno tenta resistir o sitio obtendo rescates polos retidos. Polo administrador de Cangas piden 70 onzas ou 70 soldados licenciados.

7 de novembro.
        Manuel Nogueira, como enviado de Iriarte, exixe que as autoridades e a guarnición abandonen Ourense. Pero a cidade non se rende porque a defensa, reforzada polos provinciais de Tui, conta con máis de 400 homes. Nese momento os perseguidores aproxímanse a Ribadavia con 1.500 homes.     Estando así as cousas Iriarte decide fuxir cara a Portugal.
        Chega a Pontevedra a goleta “Minerva” e o quechemarín portando un obús, un morteiro, barrís de pólvora... Todo este armamento foi desembarcado e conducido á fortaleza que anteriormente era convento de San Francisco.

8 de novembro.
         Ás dez da mañá unha delegación de Vigo acude a Redondela para tratar a capitulación da cidade. Pola súa banda, Iriarte é derrotado na fronteira con Portugal, tendo que depor as armas en Melgaço.
      Unhas horas despois entraba en Pontevedra o batallón provincial de A Coruña con 300 homes, saíndo pouco despois cara a Redondela. Tamén partiu para a nosa vila o xefe político da capital por un incidente no Lazareto de San Simón. A illa atopábase baixo a vixilancia do tenente Simón Bulnes, que interceptou unha mensaxe do presidente da xunta de Vigo, Sr. Fontano, para o director do Lazareto, Sr. Vicente de Vicente. Nela se informaba da inminente rendición da praza e do avanzadas que estaban as negociacións co xeneral Cotoner, que de non seres pola oposición dunha minoría xa terían chegado a bo porto. O tenente Bulnes ante a importancia do asunto procedeu á detención do Sr. Vicente de Vicente e ao seu traslado a Redondela.
       En Ourense entraron os provinciais de Gijón e Zamora e un escuadrón da Constitución.

10 de novembro.
       As tropas de Cotoner reúnense en Redondela baixo as ordes de Nouvillas e procédese á rendición da praza de Vigo.

       Os sublevados en Vigo correron diferente sorte e a finais dese ano de 1843 aínda se sospeitaba que moitos dos homes de Iriarte non cruzaran a fronteira de Portugal e se agochaban nos arredores de Vigo. Entre a xente de Redondela que participou no motín atopo os datos seguintes:

Juan Igneson y Miramon. Era promotor fiscal en propiedade no Xulgado de Carballino (Ourense) dende o 30-6-1842, se ben viña desempeñando este cargo de xeito interino dende 11-10-1840. A Xunta de goberno da vila de Redondela nomeouno xuíz o 6 de agosto de 1843, tomando posesión o día 19 dese mes. Abandonou este posto o 23 de outubro de 1843, en que tivo lugar na praza de Vigo o pronunciamento pola Xunta central para contrarrestar ao que derrocou ao Duque de la Victoria. Tomou parte activa no movemento tanto coas armas na man como auxiliando nos traballos de Secretaría da Xunta. Por estes feitos veuse obrigado a emigrar ao estranxeiro, non podendo volver ata a amnistía xeral de 1847. O Supremo Tribunal de Guerra y Marina implicouno na causa formada ao xeneral José Iriarte, polos sucesos de 1843, sendo condenado á pena de inhabilitación de por vida para obter destinos e cargos públicos. Despois dun longo contencioso coa Administración do Estado, o 12 de setembro de 1861 conseguiu que se lle aplicara a lei de 26 de xuño de 1855, pola que tiña dereito ao abono na súa clasificación de 11 anos, correspondente ao período comprendido entre o 20 de maio de 1843 e o 11 de agosto de 1854, no que permaneceu en situación pasiva, sen solicitar nin obter ningunha comisión, destino ou cargo público lucrativo.

Ramón Martínez Saco. Natural de Mos. Acababa de ser elixido deputado provincial por Redondela cando se iniciou o motín. Trala revolución de 1854 rexeitou a proposta de recuperar o cargo de deputado para converterse en alcalde da nosa vila. Repetiu no posto anos despois, destacando entre os seus logros a creación en 1861 das prazas de médico e cirurxán dos pobres. En 1863, regresaría ao posto de deputado provincial, sendo reelixido dous anos despois. Trala revolución coñecida como A Gloriosa, en 1868, volvería a ser nomeado alcalde e deputado provincial. En 1871 sería nomeado Deputado a Cortes por Redondela, substituíndo a Juan Manuel Pereira cando este foi destinado a China.

Evasio Rubín Oroña. Militar, pai do Xeneral Rubín. Loitou xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral Martínez Campos. Retirouse despois de ser ascendido a Xeneral.

D. N. Sánchez. O único que atopei del é o apuntado anteriormente, era promotor fiscal de Redondela e participou na sublevación polo que foi declarado en busca e captura.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Gaceta de Madrid
Internovas
(18611111 Boletín Oficial de la Provincia de Guadalajara)
(18431104 Boletín de noticias)
18431106 Boletín de noticias Num. 551
18431104 El Centinela de Galicia (A Coruña)


domingo, 12 de abril de 2020

Movilla Rodríguez, Casimiro (O Viso) Vicecónsul e alcalde.


Foto Vida Gallega
Na “Asociación Galaica de Socorros Mutuos de Lisboa”, figuran en 1906 como comerciantes de ultramariños, tanto Casimiro Movilla coma o seu irmán.
En 1911, xa en Brasil, era vicecónsul de España e Maceio. Nomeado alcalde de Redondela en 1923, tralo golpe de estado de Primo de Rivera. Deixou axiña o cargo alegando ter que regresar a Brasil. En xullo de 1932, volta a asumir a alcaldía de Redondela, cando o alcalde Florencio Soto asistiu á asemblea de redacción do Estatuto Galego.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003
(19060203 El noticiero de Vigo)
(19231003 Galicia diario de Vigo)
19271120 El Correo de Galicia (Bos Aires)) (19271006 El pueblo gallego)
Fondo Casto Sampedro. Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares. MUSEO DE PONTEVEDRA
19330110 El progreso
19330914 El pueblo gallego

Míguez Puhinger, Marcos (Redondela) Pintor.

Foto: Facebook
           Pintor hiperrealista especializado na técnica de debuxo con bolígrafo BIC. Establecido en Vigo onde ten realizado varias exposicións e murais na rúa. No 2015 expón por primeira vez na súa vila natal e no 2019 expón en Madrid no proxecto “Fuera de escena”.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Faro de Vigo

Medal, Paulo (Cesantes) Actor


         Participa principalmente en obras musicais dirixidas ao público infantil. No 2011 con Almudena Zurita e Fran Machado, presenta Impro K-Baret en Andalucía, espectáculo baseado na improvisación que chegaría a Redondela anos despois. Forma parte das compañías locais Educateatro ou Escuadra17 Teatro. Con esta última forma parte do reparto das visitas teatrais ao Museo Meirande. No 2017 tamén presentou obras coas compañías Migallas Teatro e Inventi Teatro. Ademais traballou coma reporteiro de RedondelaTV.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Faro de Vigo, Atlántico, La Voz de Galicia

Enrique Martínez Berrotarán (Córdoba (Arxentina) 25-7-1887 / Bos Aires (Arx.) 2-12-1950) Vicepresidente de Arxentina

Foto: Céltiga

          O seu pai Rogelio Martínez Garzón, era natural de Marín. Estaba casado con María Teresa Fernández Voglino, filla do redondelán Bernardo Fernández López (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/fernandez-lopez-bernardo-redondela-1852.html )e emparentada con Avelino Giráldez Pazó, Saturno Cal Muíños e do procurador Bernardo Fernández Esteiro.

En decembro de 1927 foi elixido Gobernador de Córdoba, desempeñando o cargo entre o 17 de maio de 1928 e o 10 de outubro do mesmo ano. Deixou o cargo por ser elixido Vicepresidente da República Arxentina secundando a Yrigoyen en abril de 1928. Asumiu a presidencia de forma interina por razóns de saúde de Yrigoyen, gobernando do 5 ao 6 de setembro de 1930 (día do golpe de estado).
Despois do golpe estivo preso 2 anos, logo se mudou a Bos Aires en 1934. Tres anos despois, nas eleccións internas do seu partido, foi candidato a presidente pero perdeu. Aínda presentaría a súa candidatura a gobernador de Córdoba en 1940, pero tampouco foi elixido.

 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
19281010 Vida Gallega
19280923 El correo de Galicia(ARX)

Martínez Barreiro, Rogelio (Cesantes, 4-10-1923) Exiliado e escritor

Foto: El País
Tivo que exiliarse no 1941, sendo aínda adolescente, estableceuse en Uruguai despois de pasar por Francia e Arxentina. En Montevideo reencontrouse co seu pai, mariñeiro que no 1936 se atopaba fóra de España, negándose a volver pola súa ideoloxía Republicana. Pasou por diferentes traballos ata conseguir o título de maquinista naval co que puido empregarse nun pesqueiro. Foi membro do comité central do partido Comunista uruguaio, un dos fundadores do Padroado da Cultura Galega e dirixiu o semanario “España Democrática”. Publicou en España unha crónica en tres tomos sobre o exilio español en Uruguai: Una derrota divertida (1997), Los exiliados españoles en Uruguay (1999) e Crónica del exilio de Mercedes Pinto en Uruguay (2003)

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA