domingo, 27 de febrero de 2022

Historia da Parroquia de Saxamonde

 

Arquivo Centro Cultural Chan das Pipas
Arquivo Centro Cultural Chan das Pipas

 

3.000 a 1.800 a. C. (Neolítico): Consérvanse varias mámoas en Chan das Pipas (unha delas destruída ao construír o centro cultural) e no Chan da Grila. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/restos-arqueoloxicos-en-vilar-e.html )


S. I - IV d. C.: Atopouse un miliario romano desta época na propiedade chamada Socalco de Veigadeira no barrio de Padrón, que se conserva no museo de Pontevedra. O achado de restos de tégulas desta época confirma a existencia dun asentamento romano no lugar do Casal, que non foi escavado. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/os-miliarios.html )


1159. Fernando II de León concede o Couto de Saxamonde a Gonzalo Muñoz, que logo casaría con Estebana Aldonza Saez de Valladares, II señora de Valladares.


1180. O Rei Fernando co seu fillo Alfonso concede Saxamonde e outras posesións ao Bispado de Tui.


S. XIII. É Señor do coto de Saxamonde D. Ruy Suárez de Saxamonde, quen estaba casado con Dª. Rica de Tabeirós.


1239, 19 de marzo. Doazón das freguesías de San Miguel de Oya, San Saturnino de Amoedo, Santa María de Reboreda, San Martín de Nespereira, San Martín de Vilar de Infesta, Santiago de Borbén, San Esteban de Negros, e San Mamed de Quintela (Pontevedra), dada por Martín, arcebispo de Santiago de Compostela, a favor de Fernán Gómez de Valladares, Señor de Saxamonde.


1374, 8 de marzo. O Provisor do Bispo de Tui, o Arcediago de Labruja Pedro Fernández, deu sentencia contra os abades de Saxamonde para “que pagasen anualmente 54 sueldos leoneses por razón de Censoría”.


1451, xullo. O Bispo de Tui confire os beneficios de Saxamonde e Vilavella, e deu unha pesqueira do río Míño en foro a Ruy e Álvaro Lorenzo.


S. XV. O Palacio e Fortaleza de Saxamonde, propiedade de Gregorio de Valladares é incendiada por Álvaro de Cadaval “el Viejo”, merino en Tui, baixo a orde de Pedro Álvarez de Sotomayor (Pedro Madruga). (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos-e-casas-desaparecidas.html )


1537, 8 de marzo. Probanza e apeo (restitución) a Álvaro Sarmiento de Valladares, veciño de Vigo e señor dos cotos de Valladares, Saxamonde e Meira, sobre pertencerlle a este último certos bens nas freguesías, entre outras, de Santa María de Reboreda, San Esteban de Negros, San Mamed de Quintela e San Martín de Vilar de Infesta, que lle foran arrebatados polo arcebispado de Santiago.


1587, censo: Aparece como freguesía de Redondela co nome de Sajamonde.


1589, 8 de marzo. María de Sarmiento Lobera y Sotomayor, viúva, dota á súa filla, Antonia Sarmiento, que ía casarse con Leonardo Gil de Barraganes y Cordido, con 500 ducados, os cotos e xurisdicións de Mourente e Saxamonde, 100 fanegas de pan, a horta de Santa María del Camino e a Casa de Pontevedra.


1598, 6 de setembro. María de Sarmiento Lobera y Sotomayor outorga testamento e lega a Juan Sarmiento "El Viejo", a metade do Coto de Saxamonde, as casas grandes de morada, así como a renda de peixe e diñeiros, que tiña en Baiona , que lle pertencían por herdanza e sucesión da súa bisavoa Dª Sancha de Lobera.


1635, 17 de maio. Falece durante unha visita en Saxamonde D. Diego de Vela Becerril, Bispo de Tui e anteriormente de Lugo.


1664. Luis de Poderico empraza en Saxamonde parte das tropas galegas para frear o avance do exército portugués. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/parto-multiple.html )


1673, 6 de xullo. Luis Sarmiento de Valladares é nomeado I Marqués de Valladares polo Rei Carlos II. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/luis-sarmiento-de-valladares-meira-y.html )


Fonte de San Román entre 1965 e 68.  Romarías e Santuarios. Gustav Genningsen. Museo do Pobo Galego.
Fonte de San Román entre 1965 e 68.

Romarías e Santuarios. Gustav Genningsen. Museo do Pobo Galego.

 


1680, 10 de agosto. Diego Sarmiento de Valladares, Inquisidor Xeral, preside en Madrid un acto de fe con 118 reos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sarmiento-de-valladares-diego-redondela.html )


1692, 19 de marzo. O Rei Carlos II nomea Conde de San Román, título que fai referencia a San Román de Saxamonde, a Jacinto Sarmiento de Valladares (y Zamudio ou Barraganes). O nomeamento non sería efectivo ata o Real Despacho expedido por Felipe V o 5 de xaneiro de 1705.


1692, 29 de decembro. Jacinto Sarmiento de Valladares pasa as probas para converterse en Oficial da Inquisición como varios membros da súa familia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/familiares-e-oficiais-do-santo-oficio.html )


1696. José Sarmiento de Valladares é nomeado Vicerrei de México. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/jose-sarmiento-de-valladares-saxamonde.html )


1705. Jacinto Sarmiento de Valladares, I Conde de San Román, é nomeado Ministro do Consejo de Italia, organismo que atendía os asuntos italianos para a monarquía española dos Austrias. Nesta época é propietario da Casa da Torre en Redondela, polo que era coñecida como Casa do Conde de San Román.


1741, 17 de xuño. Felipe V ordena que se faga o apeo (restitución) e deslinde de todas as posesións pertencentes ao marquesado de Valladares, entre elas o Coto de Saxamonde e propiedades en Redondela.


1752 Catastro de Ensenada. O couto de Saxamonde está dividido en 4 distritos pertencentes a: o Marqués de Valladares, o Conde de San Román (conselleiro de Indias), José Mariño (residente en Pontevedra e señor de Toutón) e o Marqués de Sierra. Exercía na parte do marqués de Valladares, D. Miguel de Sanromán Ceballos, na xurisdición do Conde de San Román, D. Jacinto Carballido, veciño de Redondela, e no distrito da casa de Mariño, o notario Gerónimo Estévez, que tamén era apoderado e mordomo do marqués de Sierra; eles tres administraban ás 158 familias da parroquia. Os seus límites son: “en el mojón que se halla al sitio dos Valos, y de allí sigue al que se halla al sitio do Río do Louro y de allí al mojón da Fontaiña, y de allí sigue al dos Barreiros, y de allí sigue a el del sitio da fonte de Aver Covo, y va en derechura al de las Corvazeiras, y de allí al del sitio da Veiga Longa, y de este al mojón que se halla al sitio de Lamas, hasta el Río da Zapal, y va siguiendo al del sitio da Trigueira, y de este a otro que se halla al sitio de Carrascal y fenece en el mojón referido dos Valos primera demarcación”.

Recóllense 10 muíños. A principios do século XX tan só funcionaba un. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ). Na actualidade teño contabilizados 6. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )


1744. Pedro de Miranda y Omaña (falecido en 1757), III conde de San Román e III Marqués de Santa María del Villar. Constrúe na actual praza de Curros Enríquez en Pontevedra o Pazo de San Román. Tan só se conserva parte do conxunto.


1746. Construción da Igrexa de San Román de Saxamonde, daquela capela do pazo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/igrexas.html )


1799. A parroquia de San Román de Saxamonde ten 170 veciños.


1809. Saxamonde é incendiada polos franceses. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1809-guerra-da-independencia-dos.html )


1822. Unificación de Redondela (Cedeira, Reboreda, Saxamonde, Vilanova e Vilavella).


1823. Restauración do réxime señorial. Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella volven a separarse de Redondela.


1835: Abolición dos señoríos xurisdicionais. Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella únense a Redondela definitivamente.


1842, 29 de decembro. Os pedáneos das parroquias de Saxamonde, Quintela, Negros, Cepeda e Nespereira solicitan a segregación dos dous concellos (Borbén e Redondela) para formaren as cinco un concello propio, ao ser Saxamonde un couto antigo e nun tempo cabeza de distrito das cinco parroquias. Aducen que teñen unha longa legua para chegar á cabeceira, mentres Saxamonde lles queda moi ben a todas, ao ser limítrofe.


1876, 10 de abril. Caída dun andamio na construción do túnel dos Valos, falecendo dous operarios e resultando feridos varios compañeiros. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/02/cronicas-do-ferrocarril.html )

1888. Ricardo Sampedro y Folgar é nomeado párroco de Saxamonde. Era irmán de Casto Sampedro y Folgar o que explica que numerosas cantigas da parroquia sexan recollidas na súa obra Cancioneiro Musical de Galicia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html ) Outro colaborador na recollida sería o relixioso Manuel Lago Otero, natural de Saxamonde, do que sabemos que en 1922 era párroco en Arxentina. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/curas.html )

1900, marzo. As enormes desfeitas provocadas polos xabaríns obrigan a formar unha partida de caza. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/historias-de-caza.html )



1955 Escola de Saxamonde. Arquivo Deputación de Pontevedra
1955 Escola de Saxamonde. Arquivo Deputación de Pontevedra

1909, 23 de xullo. Afúndese un tramo de dez metros do túnel dos Valos.


1911. Péchase a escola mixta de Saxamonde por epidemia de sarampelo.


1918. Primeira referencia topada á Sociedad Agraria La Protectora de Sajamonde. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/parto-multiple.html )


1918. Incendio no serradoiro de Manuel Pereira Míguez. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/serradoiros.html )


1922, setembro. Celébranse en Saxamonde as Santas Misións. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-de-redondela-cantos-relixiosos.html )


1923. Autorizase a José Pereira Míguez a celebrar bailes en Saxamonde os domingos e festivos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/dos-bailes-aos-pubs-e-discotecas.html )


1924. Agustina Vázquez Fernández da a luz a dúas nenas e un neno. Anteriormente tivera cinco fillos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/parto-multiple.html )


1928. Un grupo de gaitas de Saxamonde actúa nas Festas da Coca. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-historia.html )


1929, setembro. Créase a Escola Masculina de Saxamonde, converténdose na de nenas a mixta existente. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/escolas.html )


1929. Colócase unha reixa na fonte de San Román para evitar o costume de bañar ás criaturas enfermas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/as-fontes-milagrosas.html )


1930. Con tan só 18 anos faise un oco entre os boxeadores galegos na categoría peso pluma Eugenio Garrido Iglesias “La Ciencia del Ring”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/boxeo.html )


1932. Primeira referencia atopada na prensa de un equipo de fútbol infantil en Saxamonde, o Estrella. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )


1933, 3 de novembro. Nove veciños de Saxamonde son detidos despois dunha noite de festa na que realizaron varias falcatruadas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/sucesos-1930-1949.html )


1934, 14 de maio. Unha forte tormenta provoca desprendementos sobre a vía férrea.


1936 18 de xullo. Golpe de Estado militar do xeneral Franco, inicio da Guerra Civil. Cando menos dous veciños de Saxamonde falecen en combate. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/guerra-civil-e-represion-en-redondela.html )


1954-Abril: Inaugúrase o Aeroporto de Peinador en terreos de Redondela, Mos e Vigo. Os veciños de Vilar de Infesta, Negros, Saxamonde, Cabeiro e da contorna serán obrigados a traballar na construción das pistas, podendo quedar eximidos enviando a alguén no seu lugar ou pagando unha cantidade de cartos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/03/o-aeroporto-de-peinador.html )

 

1955, 26 de febreiro. En Cans (O Porriño) falecen 31 persoas no accidente dun autobús da empresa Pé de Pote. Entre os falecidos atópase Carmen Alonso Veiga, de Saxamonde. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/cronicas-do-autobus.html )


1956, xullo. Inauguración dunha nova casa-escola para acoller á Escola Feminina de Saxamonde.


Anos 50-60. Amador Pérez Zabaleta actúa con varias orquestras en países de Europa, África e Asia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/orquestras.html )


Mediados do S. XX. Cando menos desde esta época a Rondalla de Saxamonde acode a actuar a Redondela o día de Reis. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/orfeons-corais-e-rondallas-historia-da.html )


1964. Constante Rodríguez imponse nun campionato de tiro ao prato organizado pola Sociedade de Caza La Redondelana. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/varios-deportes.html )


1969. Obra de condución de auga desde a presa de Eiras (Calvos-Fornelos de Montes) ata Vigo. A tubaxe cruza 9 das 14 parroquias do Concello de Redondela, entre elas Saxamonde.


Anos 80. O canteiro Gerardo Senra Vilas realiza obras como o Cruceiro da Praza da Alfóndega, en Redondela, ou o Cruceiro do Torreiro, en Vilar de Infesta. O seu fillo seguiría os seus pasos e o eido da casa familiar no Alto dos Valos converteuse nun pequeno museo ao aire libre.


19?? Inauguración do Centro Cultural de Chan das Pipas, onde se formaran varios grupos de música e baile tradicional. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-actualidade.html )


Rondalla de Saxamonde. Foto cedida por Elisa Bouzón Domínguez
Rondalla de Saxamonde. Foto cedida por Elisa Bouzón Domínguez

1995. Desaparece a cruz central do calvario da igrexa de Saxamonde. As outras dúas cruces terían o mesmo final. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/cruceiros-desaparecidos.html )


2007. A Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Redondela crea a Senda da Auga, seguindo o percorrido das tubaxes que abastecen de auga a Vigo desde a presa de Eiras. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/senda-da-auga.html )


2012. O xogador de balonmán Eloy Krook ascende a Asobal co Frigoríficos Morrazo de Cangas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/06/balonman.html )


2015. A Asociación de Mulleres Arela publica o libro Mulleres e memoria en Saxamonde. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/libros-en-feminino.html )


2018. Rubén Crespo ficha como preparador físico polo Leeds United. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/futbol-dirixentes-corpo-tecnico-e.html )


2019. Paula Domínguez “Pauleta” convértese na primeira futbolista española en acadar un título en Portugal. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbolistas-xogadoras.html )


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Catastro de Ensenada de Redondela, Vigo e Cedeira (1752).

Internovas. Historias de Redondela (http://www.ipdca.com/internovas/):

Elementos da Prehistoria de Redondela. Xosé Couñago,Asociación Alén Nós.

Os miliarios romanos de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro

A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. F. Javier Costas Goberna

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Orixe, nacemento e evolución dos concellos pontevedreses. Xosé Fariña Jamardo, 1996.

Arquivo da Catedral de Santiago:(USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela),...

Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI : con varios apéndices...... (1829) - González, Tomás (1780-1833). Madrid : en la Imprenta Real, 1829

España_sagrada_theatro_geographico-histórico de la Iglesia de España. Tomo 22 e 23. Enrique Flórez. Madrid 1767 e 1799.

El obispado de Tui en la Edad Media: sus iglesias románicas. Lorena Torrado Gándara. Tesis de doctorado UDC / 2016

1767 De la Iglesia de Tuy desde su origen hasta el siglo décimo sexto

1799 Continuación de las memorias de la Santa Iglesia de Tuy

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Boletín Eclesiástico de Tuy, ElCompostelano, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia.

José Luís Lamigueiro©, fuente: Pedro de Barcelos http://www.xenealoxiasdoortegal.net/

https://foros.xenealoxia.org>Serba

Faro de Vigo

La Cueva de Zaratustra. Taller de J. A. Durán (ED) www.tallerediciones.com Varios artigos.

Aportes: Xurxo Constela (A Citania S. L.), Gonzalo Amoedo.

Deputación de Pontevedra. Fondo Casto Sampedro

Communicaciones al XV Congreso internacional de las ciencias genealógica y heráldica. Volumen 3

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy

sábado, 19 de febrero de 2022

Crónicas do tren (antes de 1950)

 

Accidente de tren coa Peneda ao fondo. Arquivo Pacheco.
Accidente de tren coa Peneda ao fondo. Arquivo Pacheco.

            1876, 10 de abril. A caída dun andamio no túnel dos Valos provocou a morte de dous operarios ademais de varios feridos.


1876, 22 de xullo. Prodúcese un derrubamento duns 34 metros na boca sur do túnel de Os Valos. Por sorte non houbo desgrazas persoais.


1877 O traballador do túnel dos Valos, Santiago Oubiña, atopouse ás 8 da noite cun lobo dentro do túnel. Armado cunha navalla e un farol conseguiu darlle morte, saíndo ileso na loita. O cadáver do animal foi levado a Redondela ao día seguinte.


1878, 16 de setembro. O tren número 3 descarrilou no quilómetro 9 entre Redondela e Vigo quedando tan só a máquina na vía. Os pasaxeiros, a maior parte dos cales viña de tomar os baños en Caldelas, foron transbordados ao ascendente número 4, no que puideron continuar viaxe a Vigo. A causa do accidente foi o mal estado das travesas. Suspendendo os coches con gatos e arranxando a vía o tren puido volver a Tui.


1881, 28 de xullo. O condutor do tren mixto procedente de Tui, Sr. Monroy, examinaba unha peza da parte inferior do furgón no que viña, botando o corpo por fóra. Apesares das advertencias doutro empregado, non escoitou ou non lle deu tempo de evitar golpearse coa cabeza coa balaustrada do viaduto de Redondela, saíndo despedido o corpo fóra da ponte.


1881, 2 de outubro. No tren procedente de Vigo un condutor arrimouse á porta que estaba aberta, caendo ás vías e falecendo no acto. Deixa muller e cinco fillos.

1881, 8 de outubro. No traxecto Vigo-Redondela, o revisor do tren correo pasaba dun coche a outro polos estribos, cando a porta aberta despois de bater nun poste o golpeou na cabeza, caendo por un terraplén. O tren seguiu a súa marcha e non sería ata máis tarde que sairía unha máquina a recollelo, atopándoo en tan mal estado que non recobraría a conciencia ata 30 horas despois. O ferido é natural de Valencia.


1882, 21 de xullo. Un xoven traballador da liña férrea de Redondela tivo a desgraza de que unha vagoneta lle collera unha perna. Dous días despois foi levado ao hospital de Pontevedra onde lle foi amputada.


1882, 15 de agosto. A un cura que chegou a Redondela procedente de Santiago, roubáronlle a súa maleta que contiña uns 1.000 duros en efectivo, deixándolle outra con roupa.


1885, 3 de agosto. Quedou cortada a liña férrea entre Vigo e Redondela dende as 6. A causa obedece a un desprendemento de terras a causa das abundantes choivas da noite pasada.


1886, 17 de marzo. A dous quilómetros da estación de Redondela o tren correo arroiou e deixou mortas cinco mulas cargadas de bacallau. Os viaxeiros tiveron que seguir a pé ata a estación e o arrieiro foi detido pola Garda Civil.


1888, 21 de novembro. Á chegada do tren de Pontevedra á estación de Redondela o sábado pola mañá, foi collido entre os topes de dous vagóns o garda agulla Francisco Muñoz Fernández. Ten unha forte contusión pero está fóra de perigo.


1891, 1 de febreiro. O xoves faleceu repentinamente na estación de Redondela o Sr. Juárez, maquinista do tren que ía de Vigo a Pontevedra.


1891, 13 de agosto. Ao saír o tren correo do túnel da Portela, preto da estación de Redondela, o maquinista viu un home tendido na vía. Tentou frear mais non puido evitar o atropelo. O falecido resultou ser o garda-vía Manuel Cabaleiro.


1893, 23 de xaneiro. No traxecto Vigo-Redondela, o tren correo arrollou á guardesa do paso a nivel da Concheira, deixándoa morta no acto. Contaba 26 anos e deixa un orfo de 7.


1894, 14 de xaneiro. Ao saír da estación de Redondela o tren correo descendente de Galicia, iniciouse fogo nun vagón cargado de palla. O lume durou todo o camiño ata que en Vigo o puideron apagar os empregados da compañía.


1894, 1 de marzo. Chegou a Pontevedra o tren mixto con dúas horas de retardo, porque descarrilou un coche de terceira, preto da estación de Redondela. Os viaxeiros sufriron un gran susto, tendo que ser tranquilizados polos empregados. Unha muller de Vigo púxose de parto dando á luz pouco despois.


1895 Colisión do tren Correo de Castela nº3 co de Vigo nª 26. Ás 23:48 entraron ó mesmo tempo en agullas. O xefe de estación alertou co disco anunciador ó tren de Vigo. O maquinista fixo retroceder o tren, máis o Correo de Castela procedente de Porriño non tivo tempo de frear. En total houbo 12 feridos de distinta consideración. Días máis tarde. Dous trens, un que ía cara Monforte e outro procedente de Pontevedra, entraron pola mesma vía, freando a escasos 6 metros un do outro.

1896, 27 de febreiro. Ás doce da noite chocaron preto da estación de Redondela o correo que viña de Monforte e o mixto número 26 de Vigo. O tren correo percorreu o tramo dende Porriño a excesiva velocidade sen aminorar a marcha no viaduto nin deterse na estación. Ao xefe da estación deulle tempo de trocar o disco para que o tren de Vigo frease, o que non impediu o choque. Resultaron feridos 10 homes e unha muller que foron atendidos nun primeiro momento polo médico de Pontevedra Sr. Cobián que viña no correo. Axiña chegaron tamén o alcalde e médico Juan Otero e o médico municipal Fermín Alfaya, acompañados polo secretario.


1896, 20 de decembro. O tren mixto que saíu cara a Pontevedra atopouse un desprendemento antes de Arcade, tendo que trasladarse viaxeiros e mercadorías a outro tren. A comunicación restableceuse pouco despois.


1897, 12 de febreiro. O tren procedente de Monforte non deu freado na estación, logrando deterse a bastante distancia. Por sorte o tren de Vigo xa estaba na estación. 

 

Coche accidentado no paso a nivel de Cesantes, 1936. Vida Gallega.
Coche accidentado no paso a nivel de Cesantes, 1936. Vida Gallega.


1899, 17 de maio. En Chapela o tren esnaquizou a unha criatura de dous anos e medio, filla dunha veciña daquela parroquia.


1899, 24 de novembro. O tren número 6 procedente de Vigo, que vai a Monforte, descarrilou ás sete da mañá no km. 121 á saída dun túnel, preto da estación de Redondela, saíndose da vía o tender da máquina e un vagón de mercancías.
Os viaxeiros non sufriron o menor dano e ás nove a vía quedaba despexada. A causa do descarrilamento foi a rotura do burlón e soporte que sosteñen a agulla da vía.

1900, 13 de marzo. En Redondela foi obxecto dun atraco moi audaz un viaxeiro que descendeu do tren mixto o sábado último. Ao baixar do vagón foi rodeado por tres homes, un dos cales lle envolveu cunha capa, mentres os outros lle rexistraban os petos e apoderábanse do diñeiro que levaba. O roubado conseguiu suxeitar a un dos ladróns, mentres daba berros para que acudisen no seu auxilio. Dous dos ladróns fuxiron, e ao detido non se lle atopou a cantidade roubada, que ascendía a 7.000 reais.


1900, 20 de abril. O domingo último lanzáronlle pedras preto da estación de Redondela o tren descendente número 5. O garda freo Eduardo Alvarez resultou gravemente ferido.


1900, 11 de decembro. Descarrilaron en Redondela dous vagóns de mercancías do tren correo de Castilla e outro tren procedente de Pontevedra que estaba verificando manobras. Non houbo desgrazas persoais.

1901, 17 de abril. A guardesa Adelaida Figueroa, de 18 anos e filla do capataz da brigada 24 da vía férrea Redondela-Pontevedra, que prestaba servizo no Coto (Cesantes), tentou salvar a unha nena que se atopaba distraída na vía, tendo a mala sorte de ser alcanzada polo tren. O seu cadáver foi trasladado a Redondela.


1901, 11 de agosto. Choque de trens en Redondela. Unha máquina e cinco vagóns saíron das vías quedando algúns envorcados. Por sorte os trens diminuirán a velocidade pola proximidade da estación e por decatarse os maquinistas do perigo, polo que non houbo feridos de gravidade.


1902, 9 de febreiro. Dun coche do correo descendente de Vigo caeuse un mariñeiro veciño desta vila, chamado Bernardo Pérez. A causa do accidente, que ocorreu nas proximidades de Rande, foi asomarse á fiestra cando se deixara a porta aberta o revisor. Botado en falta ao chegar o tren a Redondela, os empregados do ferrocarril tan só atoparon algunha prenda de roupa no lugar onde caeu, sabéndose despois que se atopaba na súa casa. Ao caer nunhas silvas, o desgraciado viaxeiro non sufriu a morte, malia iso ten feridas de consideración na cabeza e no resto do corpo.


1900, 24 de marzo. Hai uns días, pasando o viaduto de Redondela o tren de Monforte, caeu ás vías un viaxeiro condutor de aves, con tan boa sorte que tan só sofreu lesións leves en peito e pernas.


1902, 22 de maio. Foi detido en Vigo un carteirista arxentino chamado José Yuria, por apoderarse dunha carteira que levaba un viaxeiro de Redondela a aquela cidade.

1902, 21 de xullo. Á súa chegada a Redondela o marqués de Comillas notou que lle subtraeran unha carteira do peto. Non tiña nada de valor tan só billetes circulares de ferrocarril.


1902, 4 de agosto. O maquinista do tren mixto ascendente portugués de onte á noite atopou o cadáver esnaquizado dun home á saída do túnel de Outide, na vía férrea de esta vila á Vigo. Non se puido identificar o cadáver, pero un viaxeiro di que lle parece é o dun prateiro de Santiago. Cren que se trata dun crime por acharse o cadáver desposuído das súas roupas exteriores e a carteira e a gorra á un lado, sen conter aquela papeis nin documentos de ningunha clase.


1902, setembro. A máquina do tren correo ascendente arrollou á veciña de Redondela, Rita Prieto Molde, feríndoa de gravidade nun brazo.


1902, 07 de outubro. Despréndese unha pedra do túnel dos Valos ao paso to tren correo ascendente ferindo ao maquinista. Ante os continuos incidentes o Bispo de Santiago pediu no Senado que o Goberno ordene unha inspección que evite unha traxedia.


1902, novembro. Na noite do xoves, ao pasar o tren discrecional número 53 polo viaduto de Redondela, no km. 120 da liña xeral, caeu á vía o garda- freo Ricardo Seoane, causándose varias feridas contusas na cabeza.


1903, 10 de febreiro. Continúa o despido de obreiros da compañía do ferrocarril, por este motivo os servizos sofren a falla de persoal. Ao saír do túnel de Redondela o tren correo, foi apedrado o vagón no que ía o comandante da garda civil.


1903, 26 de febreiro. Verificouse en Redondela o enterro do asentador de vía e obras Gumersindo Santos. De Vigo foron moitos folguistas a pé, para asistir ao enterro. Sobre a caixa depositaron dúas coroas, con inscricións que dicían Recuerdo de la Unión Ferroviaria. Catro folguistas conduciron a ombros o cadaleito ata o cemiterio.


1906, 18 de maio. Hai unha noites, chegou un tren cargado de explosivos á estación de Redondela, declarándose un incendio nun dos vagóns. O capataz Insua, poñendo en risco a súa vida, separou o vagón do resto do tren e conseguiu sacar catro caixas de dinamita. Grazas á súa acción tan só arderon uns bidóns de gasolina.


1907, novembro. Fracturouse unha perna na estación de Redondela o súbdito italiano Bertolini Luisi, decretándose o seu ingreso no Hospital.


1908, xuño. Cando o tren procedente de Vigo saía do túnel que hai a uns 3 km. da estación de Redondela, Regina Carrera veciña de Cedeira, que coidaba unha parella de bois, foi acometida por estes cando se asustaron polo ruído. Caída na vía foi alcanzada por un dos topes da máquina, falecendo instantaneamente.


1909, 23 de xullo. No túnel de Os Valos da liña férrea de Orense a Vigo, ocorreu un desprendemento de terras, cortando as comunicacións con Ourense e Portugal. Tardarase tres días en restablecer a comunicación, xa que o afundimento alcanza os dez metros.


1910, 28 de maio. Foi arrollado polo tren descendente nº11, no quilómetro 116.900, entre o túnel dos Valos e o viaduto de Redondela, José Martínez Pérez, de 60 anos de idade, viúvo e natural de Louredo (Mos). Recibiu sepultura no cemiterio de Saxamonde.


1910, 18 de decembro. A causa dun desprendemento de terras houbo un descarrilamento entre Arcade e Redondela. Por sorte non houbo feridos.


1911, 14 de decembro. Un desprendemento en Chapela duns 25 metros cúbicos de terra e pedras cortou a circulación de trens. Non puideron saír nin o Vigo-Pontevedra das seis da mañá nin o correo de Madrid que sae ás oito.


1912, 25 de xaneiro. Nas obras do viaduto de Monforte un mozo ao servizo dos obreiros que alí traballaban, caeu, sendo retido pola rede protectora.


1914, 14 de maio. Ao entrar na estación de Redondela o tren rápido Vigo-Santiago, rozou por un lateral cun tren de traballo que retrocedía da vía-apartado. Dous ou tres pasaxeiros sufriron pequenas contusións que tras ser atendidos continuaron viaxe no mesmo tren. A saída produciuse con 40 minutos de retardo por obstruírse a vía ao descarrilar tres plataformas do tren de traballo.


1914, 11 de xuño. O deputado a cortes pola Cañiza, Alejandro Mon y Landa, esixe a supresión do túnel dos Valos, polos continuos desprendementos, e do Viaduto de Ourense pola seu perigo.


1915, 28 de decembro. A parella que presta servizo de escolta nos trens salvoulle a vida a unha muller na estación de Redondela. A muller caera ás vías por un síncope e a benemérita conseguiu retirala xusto antes de que pasara un tren.


1917, 18 de xaneiro. Cando un tren recorría o tramo Redondela-Vigo caeulle enriba un pino que estaban cortando uns campesiños. Non se rexistraron desgrazas persoais pero si danos en varios coches, ademais do corte do fío telegráfico. 

 

Chegada a Guillarei do tren accidentado en Redondela, 1931. El Pueblo Gallego
Chegada a Guillarei do tren accidentado en Redondela, 1931. El Pueblo Gallego


1918, 19 de abril. No traxecto de Redondela a Vigo caeuse a vía unha nena de 8 anos. Detívose o tren e despois de volver atrás dous quilómetros foi atopada a nena que tan só tiña unha lixeira contusión.


1919. Angelina Otero pasaba tranquilamente por debaixo do viaduto de Madrid cun sobriño de poucos meses nos brazos, cando de súpeto, dun tren de mercadorías que pasaba, desprendeuse unha carga de madeira. A moza levou un bo golpe no ombro e o cativo aparentemente estaba ben, mais en realidade sufrira unha contusión interna que acabou coa súa vida ó día seguinte.


1919, 01 de abril. Da estación de Redondela saíu un tren cunha brigada de obreiros para realizar obras de reparación no túnel dos Valos. Un deles chamado Daniel Dapresa Otero, ía sentado no borde dunha das plataformas cargadas de madeira, cando nun descoido perdeu o equilibrio. Un compañeiro chamado Ricardo Darriba tentou suxeitalo caendo os dous ás vías. O primeiro resultou morto no acto ao ser alcanzado polas rodas e o segundo gravemente ferido.


1920, 21 de agosto. Entre as estacións de Redondela e Arcade foi atropelada polo tren a guardesa Dolores Teijeiro, de 54 anos, resultando morta.


1920, 15 de decembro. Procedente de Santiago, foi conducido a Vigo o xove de 18 anos de idade Leopoldo Senra, de oficio canteiro, natural do lugar de Salgueiral, Pontevedra. Ía traballar a Redondela, pero segundo viaxaba sen billete, procurando ao arrancar o tren das estacións, colocarse nos topes dun dos furgóns. Na estación de Arcade, fixo o mesmo pero con tan mala sorte, que a perna esquerda foi alcanzada e esnaquizada.


1921, 31 de maio. Fronte ao apeadoiro da empresa "Vidriera Gallega", en Rande, descarrilou o tren que une Santiago con Vigo. Por sorte non houbo que lamentar desgrazas persoais.


1922, 18 de xuño. Preto da estación de Redondela, o tren mixto da mañá que se dirixía a Vigo atropelou a un home que camiñaba bébedo pola vía. Trasladado a Redondela o cadáver aínda non foi identificado pero crese que se trata dun veciño de Vigo.


1922, 12 de xullo. Preto de Palencia chocaron o rápido de Vigo a Madrid e o correo de Asturias. O resultado foi de 27 mortos e 4 feridos graves. Entre os viaxeiros ían o senador de Pontevedra, o deputado por Redondela Sr. Barreras e o ex-Gobernador Calvo Sotelo coa súa familia, resultando todos ilesos.


1923, xaneiro. Cándido Movilla Soto, natural do Viso, faleceu en Vigo entre os topes de dous vagóns do ferrocarril.


1923, 11 de xaneiro. Manuela Domínguez "A Monta", viúva de 65 anos, que era corta de vista, foi golpeada pola plataforma dun tren na estación de Redondela. Avisado o médico da compañía, Eladio Martínez Pedrayo, cando ía atendela a desgraciada deixou de existir. Adicábase ao transporte de equipaxes.


1923, abril. O recadador de contribucións de Redondela e de Lavadores, e secretario daquel Concello, Juan Suárez Iglesias, faleceu vítima dun desgraciado accidente na estación ferroviaria. Tentou subir a un vagón cando o tren iniciaba a marcha, enganchándoselle a americana e caendo entre os topes.


1924, 22 de febreiro. O tren procedente de Vigo, pouco antes de chegar a Chapela no lugar chamado Chumbo, atropelou á guardesa de servizo. Tralo levantamento do cadáver o tren remudou a súa marcha cunha hora de retardo.


1924, 29 de xuño. A Garda civil detivo en Redondela a José Rodríguez Roupeiro por roubo dunhas travesas da liña M. Z. e O. V.


1924, 02 de setembro. O tren Vigo-Santiago atropelou a un home preto da Vidriera Gallega, en Rande. Aínda que nun principio non se identificou o cadáver, descubriuse despois que se trataba dun veciño de Cedeira que era xordo, polo que non puido escoitar o tren.


1925, 02 de outubro. Un fogoneiro cae a vía e morre atropelado polo tren durante as tarefas de reposición de auga no depósito que hai antes da entrada do túnel dos Valos. Chapábase José Rodríguez Frieira, tiña 30 anos e era casado, deixando varios fillos. Vivía en Teis onde rexentaba un establecemento de bebidas.


1925, 28 de outubro. Ao paso dun tren polo viaduto de Pontevedra desprendeuse unha pedra de carbón duns cinco quilos. Atravesou o tellado dunha das casas que están baixo a ponte, sen que por fortuna alcanzara a ningunha das persoas que se atopaban no inmoble.


1925, 09 de novembro. O empregado da estación de Redondela, Alfredo Otero Carballo, solteiro, de 21 anos e veciño de Quintela, faleceu ao ser atropelado por un tren ao que tentaba subir. O seu pai, José Otero Bouzón traballa como garda-agullas na mesma estación.


1925, 18 de novembro. Dun tren de mercancías que se dirixía a Pontevedra, caeu do viaduto á rúa Ribeira, unha garita que ía nunha plataforma. Por sorte non ocorreu ningunha desgraza.


1926, 10 de febreiro. Un desprendemento de terras na liña Porriño-Redondela, provocou que o tren correo estivera un tempo detido ata que os traballadores limparan a vía.

Vagóns apiques de cair enriba das casas. Chapela, 1958. Foto Siorty
Vagóns apiques de cair enriba das casas. Chapela, 1958. Foto Siorty


1927, 20 de xaneiro. O tren número 21 que saíu de Pontevedra cara a Redondela esqueceuse dos coches de pasaxeiros. Eran dúas as máquinas e dous os maquinistas que non notaron a falla de 100 toneladas de peso, nin atenderon aos sinais visuais e sonoras que lles fixeron dende a estación de Pontevedra. Ao chegar a Figueirido tiveron que volver á estación de partida a recoller a metade do tren, o que provocou en Redondela un retardo de 45 minutos no tren correo Vigo-Madrid.


1927, 7 de xuño. Foi detida na estación de Redondela Ramona Fernández que transportaba unha maleta que contiña moeda falsa (200 duros) e útiles para a súa impresión.


1927, 24 de xuño. Na estación de Redondela dúas mulleres roubáronlle a carteira con 800 pesetas ó músico maior do rexemento de Zaragoza, sendo detidas.


1928, 26 de novembro. Entre as estacións de Redondela e Vigo apagáronse de súpeto as lámpadas dun coche de terceira, caendo o aceite sobre a nena Cristina Bueno, que viaxaba coa súa familia e viñan dende un pobo da provincia de Santander, para tomar un barco e emigrar á Arxentina. Aos gritos da nena agrupáronse ao seu redor todos os viaxeiros do coche, e cando se desvaneceu a alarma, José María

Nieto, tío da nena, atopou en falta a carteira, que contiña 3.700 pesetas, cantidade para comprar os billetes da pasaxe de toda a familia. A policía de servizo no tren extremou a vixilancia, procedendo a rexistrar aos viaxeiros ao chegar a Vigo, pero as pesetas roubadas non apareceron


1929, 05 de marzo. O venres día 1 o expreso que se dirixía a Pontevedra, tivo que deterse entre Redondela e Arcade, por observar o maquinista que na vía había unha viga. Descubriuse que fora colocada por un veciño de Arcade que ten trastornadas as facultades mentais. Foi detido.


1929, 20 de xuño. Unha señora que levaba no colo á súa filla de corta idade, apeouse en Redondela do tren correo procedente de Monforte para coller o que se dirixía a Pontevedra, que xa iniciaba a marcha. A señora foi collida entre o estribo dun dos vagóns e o borde do andén. O seu home, que levaba a outra filla no colo, foi quen de arrastrar á muller ata o andén, non podendo evitar que as rodas alcanzaran á nena seccionándolle un brazo case por completo. Foi inmediatamente trasladada ao hospital municipal de Vigo, onde falecería. Cumpriría dous anos en setembro.

.

Accidente en Chapela, 1958. Foto: Siorty
Accidente en Chapela, 1958. Foto: Siorty

1931, 18 de marzo. O xove de Pontevedra José Gallego, apeouse do tren na estación de Redondela e ao tentar tomalo de novo cando xa estaba en marcha enganchouse da gabardina caendo á vía. O tren arrastrouno uns metros, indo aprisionado entre a plataforma e o estribo. Por sorte tan só sufriu feridas leves.


1931, 19 de marzo. Onte pola tarde na estación de Redondela, o tren procedente de Santiago non deu freado, esnaquizando os topes situados ao final da vía morta e descarrilando. Por sorte tan só o maquinista e algúns viaxeiros sufriron feridas leves. Pasado o nerviosismo dos primeiros momentos, todos os pasaxeiros subiron ao tren correo continuando viaxe ata Vigo.


1931, 30 de agosto. 1932, 30 de agosto- Cando o sábado chegou a Redondela o tren número 731, ás cinco da tarde, viuse que sobre o teito dun vagón va morto o garda-freos de servizo Ramiro Varela, de 41 anos de idade, veciño de Vigo. Presentaba a fractura do cranio, e suponse que ao pasar por unha atarjea que existe no quilómetro 109, termos de Mos, recibiu un golpe na cabeza. No citado quilómetro foi achada unha boina da vítima.


1931, 31 de outubro. Esta mañá saíu de Vigo un tren especial conducindo reclutas destinados a diferentes guarnicións. ao saír do túnel de Os Valos se desengancharon catro unidades que impulsadas pola pendente favorable iniciaron un vertixinoso retroceso. Os coches que ocupaban unhas noventa persoas pasaron a gran marcha o túnel e a ponte da la de Morforte sobre Redondela en cuxa estación atoparon vía franca deslizándose a terrible velocidade. O pánico que se produzo nos ocupantes dos coches foi espantoso, con constantes gritos de socorro. De Redondela saíu unha máquina tras as catro unidades que seguían velozmente cara a Vigo e que se detiveron despois de recorrer seis quilómetros, contidas por unha pendente contraria xunto á fábrica “Vidriera Gallega”. A máquina conduciunos a Gillarei, onde se incorporaron ao tren militar. Non se produciron desgrazas, agás as feridas leves que sufriu un soldado ó botarse á vía nos primeiros momentos, e outros dous que foron golpeados contra os asentos.


1932, 10 de febreiro. Descarrilamento dun tren a carón da “Vidreira” (Rande) sen que ocorreran desgracias persoais.


1932, 30 de decembro. Dous empregados da estación de Redondela sorprenderon a tres suxeitos que romperan os precintos de dous vagóns cargados de fariña. Aproveitando que estaban dentro dun deles tentando roubar unha saca, pecharon as portas e deron aviso a garda civil. Tratábase dun veciño de Oviedo de 20 anos, e dous de Marín de 17 e 18, sendo todos eles detidos. A garda civil tamén detivo a dous homes da provincia de Ourense que se atopaban agochados noutro vagón e aseguraban non ter nada que ver cos ladróns.


1933, 23 de setembro. A muller que foi esnaquizada por un tren preto do viaduto de Pontevedra era de nacionalidade portuguesa e veciña de Reboreda. A pobre non escoitou o tren por ser xorda.

1934, 2 de xullo. No quilómetro 3.720 da liña Redondela-Pontevedra, un tren arroiou á veciña de Cesantes, María Sotelino López, quedando o seu corpo esnaquizado.


1934, 8 de novembro. Na estación de Redondela foi arroiado polo tren correo Francisco Iglesias Lusquiños, carniceiro de Arcade de 65 anos, que tentou subir ao mesmo cando se poñía en marcha. A mala fortuna quixo que caese entre as rodas dos coches. Cando se acudiu no seu auxiliou era cadáver.


1934, 22 de novembro. Un garda atopou no túnel número 2, preto de Redondela, o cadáver do ancián Venancio Cernadas Iglesias, de 60 anos, veciño de Pazos de Borbén coas facultades mentais algo perturbadas. Tiña a cabeza esnaquizada polo que debeu falecer no acto ao ser golpeado polo tren correo.


1934, 27 de decembro. Cando viaxaba no tren expreso entre Redondela e Vigo, deu a luz un neno, a moza de dezaoito anos Rosa Fernández Coello, veciña do lugar de Bela Vista, na parroquia de Teis. Foi atendida por unha parella da garda civil e por varios viaxeiros.


1936, xaneiro. No paso a nivel de Cesantes, unha noite de choiva, un coche atopou a barreira aberta e ao pasar foi golpeado por un tren. Por sorte, entre os ocupantes do vehículo, distinguidas persoas de Vilagarcía e Pontevedra, non se rexistraron vítimas mortais.


1936, 23 de setembro. Durante as manobras dun tren na estación de Redondela, quedou atrapado entre os topes Julio Pérez, garda-agullas de primeira, que faleceu pouco despois.


1937, 17 de xuño. No paso a nivel de Cesantes houbo un accidente por que uns recrutas tiveron a mala idea de viaxar subidos aos vagóns. Dous deles foron alcanzados polos cables do tendido telegráfico, falecendo un no hospital de Pontevedra. O outro, José Otero Collazo, veciño de Trasmañó, de 20 anos, sufriu unha ferida contusa no queixo. Crese que ían bébedos.


Desprendemento en Rande, 1966. Foto: Belarmo
Desprendemento en Rande, 1966. Foto: Belarmo

1938, 15 de maio. Descarrilaron a 3 km. de Redondela, 14 vagóns dun tren de mercancías que saíra dos Valos. No accidente faleceu un garda- freos e outro, domiciliado en Teis, resultou gravemente ferido, perdendo unha perna.


1941, 09 de xaneiro. Faleceu no Hospital Provincial de Pontevedra, o veciño de Ventosela, Eladio Couñago Soto, que onte foi arrollado por un tren na estación de Redondela.


1941, 12 de xaneiro. Cando unha máquina manobraba na estación de Redondela, atropelou a unha muller que faleceu no acto.


1941, 21 de marzo. En términos de Cedeira, no quilómetro 121 da liña Vigo-Monforte, foi arrollado polo tren o neno Pedro Maestú Amoedo, de 11 anos de idade, que faleceu no acto.


1941, 20 de xuño. Generoso García Fraile garda civil do posto de Redondela. Natural de Orihuela del Campo (Salamanca), faleceu aos 28 anos, por mor das feridas sufridas ao caer dun vagón na estación de Redondela.


1942, 15 de xullo. Entre as estacións de Arcade e Redondela apareceu morta unha muller na vía coa cabeza e os brazos separados do corpo.


1943, 5 de xaneiro. Faleceu Josefa García Sestelo, quen sufrira graves feridas ao tirarse do tren en marcha hai uns días en Chapela.


1943, 20 de outubro. Foi trasladado ao hospital de Pontevedra Antonio Maneiro Lago, veciño de Redondela, quen naquela estación foi atropelado por un tren ao tentar cruzar as vías. O ferido presentaba amputación do brazo esquerda, fractura do maxilar do mesmo lado e feridas na cara.


1943, 05 de decembro. Na estación de Chapela foi alcanzado por un tren Constante Couñago Balado, quen sufriu unha lesión nun pé, sendo conducido a Vigo.


1945, 7 de marzo. Un xove da parroquia de Reboreda que se dirixía a Pontevedra para incorporarse como recruta, caeuse do tren pasando Figueirido quedando morto nas vías.


           1945, 30 de novembro. Na ponte que para sobre a liña de ferrocarril pouco despois da estación de Chapela, un camión saíuse da estrada caendo nas vías. O condutor tan só sufriu feridas leves. Inmediatamente saíu de Vigo un tren de socorro co persoal e material necesario para deixar as vías libres. O tráfico ferroviario estivo cortado durante algo máis de dúas horas.


1949, 20 de xullo. O brigada da Garda Civil do posto de Redondela, Enrique de la Peña Novás, resultou gravemente ferido, con posible amputación das pernas, no choque de trens ocorrido entre Arcade e Pontevedra. 

 

(Ver tamén https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/02/cronicas-do-tren-partires-de-1950.html )


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

SEREN

Nº4. Os viadutos de Redondela: Arquitectura, arte e estética. Carlos A. Antuña Souto e Javier Antuña Castro.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, El Diario de Santiago, La Ilustración Gallega y Asturiana, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La Idea Moderna, El Heraldo Gallego, El Áncora, La Correspondencia Gallega, El Compostelano, La Noche, El País, El Norte de Galicia...

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

Biblioteca Nacional de España www.bne.es => El Pabellón Nacional (Madrid), El Día, La Libertad, El Imparcial, La Correspondencia de España, El País, La Época, El Heraldo de Madrid, El Correo Español

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/