Mostrando entradas con la etiqueta O Nome. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O Nome. Mostrar todas las entradas

viernes, 17 de abril de 2020

Negocios que pasean o nome de Redondela


         Moitos dos redondeláns que abren os seus negocios noutras vilas ou noutros países, non esquecen as súas raíces á hora de poñerlles nome. Convértense deste xeito nos mellores embaixadores do noso Concello. Algúns exemplos serían os seguintes:
Publicado en España democrática, 1941
 
         Nos anos 40 do pasado século os socios Lamas e Rivero rexentaban en Montevideo (Uruguai) o “Bar Redondela”. Na década seguinte Celso González Sequeiros, un dos fundadores da Peña Xan Carallás (Ver Xan Carallás), abriría en Bouzas (Vigo) outro bar co mesmo nome. Por esa época Francisco Hernández Bahillo abre as portas da “Mercería Redondela” en Salamanca.

Publicado en Hoja Oficial del Lunes, 1960
          En tempos máis recentes atopamos dous exemplos máis nas Illas Canarias o “Bazar Arealonga”, en Tenerife, e o “Restaurante Redondela”, en Las Palmas de Gran Canarias. Braulio Míguez, dono deste último, sería distinguido pola Xunta de Galicia polo seu labor na promoción da gastronomía e cultura galegas.
Restaurante Redondela na casa Gallega de Las Palmas Foto Faro de Vigo

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, La Noche, Hoja Oficial del Lunes
No Ministerio de Cultura http://pares.mcu.es/ => España Democrática
Facebook => Braulio Míguez
La Provincia

jueves, 16 de abril de 2020

Redondela encallou

          En 1965 sorprendía aos redondeláns a noticia de que Redondela encallara. Tratábase do buque español de nome “Redondela” que chocara contra uns arrecifes na illa Isley, fronte as costas occidentais escocesas. Dende o próximo porto de Glasgow acudiu un barco salvavidas entre outros navíos. Ao día seguinte o capitán informaba de que o barco non sufrira danos. Por sorte a tripulación, formada por trece homes, atopábase fora de perigo. Comezaban daquela os traballos para reducir o peso do barco para tentar poñelo á boia en canto enchera a marea. O xeito de facelo era a retirada do xeo que se formaba no sistema de refrixeración. Pouco despois chegaría a noticia de que “Redondela” navegaba de novo.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego

Redondela, algo máis que un Concello.

        Na administración de xustiza o Partido Xudicial de Redondela comprende os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior.
        Por contra a nivel relixioso na diocese de Tui-Vigo o Arciprestado de Redondela está formado polos concello de Redondela, Soutomaior e parte de Pazos de Borbén, sumando un total de 19 parroquias e 2 anexos.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Diocese de Tui-Vigo

Redondela na Literatura

        
Unha das primeiras edicións de "20.000 leguas de viaxe submarino".
       

        Redondela ten sido o marco elixido por varios escritores para as súas narracións. Estes son algúns deles:

            S. XIII ou XIV, Mendiño escribe unha cantiga de amigo ambientada na Illa de San Simón.

            S. XIII, o crego e trobador Airas Nunes narra como Redondela é asaltada por soldados dos Churruchaos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/mendino-s-xiii-xiv-trobador-medieval.html )

1745, o Padre Sarmiento nos seus diarios de viaxe pasa por Redondela anotando descricións como a seguinte: “Rande, punta y castillo y batería”. Este autor da nome a unha rúa de Redondela. (Ver (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html )

            1870, Jules Verne no seu famoso libro 20.000 leguas de viaxe submarino (1870) conta como o capitán Nemo e os seus homes recollen o tesouro de Rande na enseada de San Simón. En homenaxe a este feito na praia da Punta erixíronse estatuas a Nemo e dous dos seus buzos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )

1880. Na obra cume da lingua galega “Follas Novas” de Rosalía de Castro, tamén se cita a Redondela.

1912, Joaquín Dicenta, publicou “Bajo los mirtos”, obra ambientada na Illa de San Simón.

1918. Federico García Lorca no primeiro libro que publicou, “Impresiones y paisajes”, relata viaxes que realizou nos seus tempos de estudante. Pasa por Redondela en tren e ao mirar a vila desde o viaduto de Pontevedra a describe como “caído del cielo” . Unha placa na estación do tren lembra este feito. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/placas-e-monolitos.html )

1925. Diego San José publica en Mundo Gráfico un artigo no que escribe “La maravilla parece trasponer sus límites al llegar a Redondela...”. Lonxe estaba de imaxinar que pasaría dous anos preso na illa de San Simón e o desterro de Madrid o levaría a establecer a súa residencia na nosa vila á que adicaría moitos dos seus textos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/san-jose-de-la-torre-diego-madrid-9-8.html )

1929, L. da Carvalheira. Nun dos capítulos de “Galicia, la mágica”, relata unha excursión á Illa de San Simón.

1940, Gerardo Diego, nun dos versos de “Ángeles de Compostela” fai referencia ao paso do tren polo viaduto de Redondela.

Ramón González- Alegre Bálgoma, nado en 1920 en Villafranca do Bierzo, escribe a súa propia Cantiga de San Simón”.

1962, o ourensán Ramón Otero Pedrayo publica a novela O Señorito da Reboraina baseada na vida de Xoán Manuel Pereira, nado en Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html )

1999. Tamén o Premio Nobel Camilo José Cela fala da nosa vila na súa novela Madera de Boj.

2002, Manuel Vázquez Montalbán escribe a súa derradeira novela Eric y Enide no que parte da trama desenrólase na illa de San Simón. O escritor aínda visitaría a illa antes de falecer no 2003.

A todos estes libros habería que engadir centos de libros de viaxes, historia...


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

www.hemerotecadigital.bne.es

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Vida Gallega, El Pueblo Gallego

Faro de Vigo 5-4-2002: http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

Wikipedia


Redondela de Galicia

        
         O Concello de Redondela, ademais de Vila dos Viadutos, tamén é coñecida como Redondela de Galicia, e este chegou a ser o nome que os viaxeiros lían ao parar na estación do ferrocarril. O motivo non é outro que a existencia de La Redondela, na provincia de Huelva.
         J. Conde no Faro de Vigo do 7-10-1999 recollía a posibilidade de irmandade entre as dúas poboacións, e que ata o de agora non se fixo efectivo. Nese artigo, José Luis Jeréz, director do diario Odiel, defende a teoría de que, si ben Isla Cristina foi fundada por cataláns, La Redondela foi fundada con anterioridade e probablemente por xente de Redondela. Baséase en que na actualidade aínda abundan os apelidos galegos. Ademais, engade que un dos mariñeiros que acompañou na súa viaxe a Cristóbal Colón procedía de Galicia e estaba asentado en La Redondela.
La Redondela. Foto Junta de Andalucía
         O topónimo Redondela tamén existe en Mañón (A Coruña) e en Ribas de Sil (Lugo). Por outra banda, Redondela tamén é o nome dun monte da parroquia de Barroso, concello de Avión, de 582 metros de altura. Este monte faríase tristemente famoso por ser escenario dalgúns dos asasinatos de Romasanta, o lobishome galego.
         Na provincia de Lugo tamén atopamos o topónimo A Redondela en: Padornelo (Pedrafita do Cebreiro), Rinlo (Ribadeo), Arante (Ribadeo), Covelas (Ribadeo), Vilamartín Pequeno (Degolado-Barreiros), San Miguel de Reinante (Barreiros), San Xusto de Cabarcos (Barreiros)San Xurxo (Ribeira de Piquín), Navallos (Ribeira de Piquín), Meixide (Palas de Reis), Ribas de Miño (O Páramo), A Merca, Conforto (Pontenova),
        Outros topónimos na provincia de Lugo serían: O Carreiro de Redondela (A Merca), Fonte de Redondela (Conforto-Pontenova), A Redondela de Marcelo en San Miguel de Reinante (Barreiros-Lugo).

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
https://toponimia.xunta.gal
Faro de Vigo do 7-10-1999
www.egu.es