sábado, 30 de abril de 2022

A Festa dos Maios


Cara a 1958. Foto cedida por Geles
Cara a 1958. Foto cedida por Geles

Esta festa celébrase o 1º de Maio en Redondela, pero tamén se conserva noutras vilas, principalmente no sur de Galicia 8Vilagarcía, O Grove, Allariz, Poio...), tendo moita fama os de Pontevedra e Ourense, coa diferencia de que nesta última cidade celébrase o día 3 de maio. En Marín celébrase a Festa dos Maios e as Embarcacións, na que se realizan ademáis replicas de barcos.

A orixe desta tradición non está clara, algúns autores considérana celta e outros creen que provén da prehistoria. O significado é o de dar a benvida á primavera. O armazón dos maios realízase en madeira e cúbrese con fiuncho e flores. Hai dos tipos de maios:

O maio tradicional: é o “cono”, que como o seu nome indica ten forma cónica. En outros concellos este maio ten forma de prisma. Tamén se considera tradicional o cruceiro.

E o maio artístico: defínese pola liberdade artística, pode ser: un canastro, a representación de oficios antigos, os viadutos, a coca...

Existe un terceiro tipo que sería o maio vivinte: en lugar do armazón de madeira engalánase a unha persoa. Este maio ten moita tradición noutras vilas, en Redondela tan só se realizou de forma puntual.

Cada maio ten as súas propias coplas que critican con humor os feitos máis relevantes ocorridos durante o ano anterior. Estas coplas cántanse dando voltas ao maio acompañando as cancións batendo dous paus ou golpeando con legóns no chan.

En Redondela, esta festa estaba practicamente desaparecida porque durante a Guerra Civil e os primeiros anos da dictadura os maios estaban prohibidos. Pouco a pouco a xente foise atrevendo a retomar a tradición. O primeiro maio que saiu á rúa foi o capitaneado por Gerónimo Rafael González, que tiña unha copla que foi moi soada:


El mayo nació muerto

estando en plena flor.

Salimos con permiso

del enterrador.

1959 Maio Arquivo J.A .Xesteira
1959 actuación. Arquivo J.A .Xesteira

 


Para darlle máis realce en 1957 organízase o primeiro concurso de maios por iniciativa do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, ao que se sumaría a SAR. Tan só se deixou de celebrar entre os anos 1962 e 1965 por falta de aportes económicos, o que non impediu que algún maio saíra á rúa. En 1966 o Centro de Iniciativas e Turismo volta a retomar a organización do concurso, celebrándose ininterrompidamente dende esta data. En 1967 formou parte do xurado o escritor ourensán Ben-Cho-Shey que realizou unhas gravacións conservadas no Arquivo Sonoro de Galicia. Nun artigo poñía como exemplo a Redondela porque as actuacións eran nun palco e non no chan, como se facía en Ourense, o que impedía a visión de boa parte do público.

Ao principio cantábase e agardábase que a xente dera algunha moeda, logo comézase a imprimir as coplas que se vendía pola "vontade".

Actualmente a participación nos derradeiros supera a veintena de maios, lonxe dos máis de cincuenta que se facían a finais dos anos 80 do pasado século. Os peores datos serían a principios deste século cando non chegaban a unha ducia.



Aí ven o maio

pola carretera

a tomar un vaso

na da Montera.


Aí ven o maio

pola Carambola

escapa rapaciño

que che comen a p...


1958-59. Foto cedida por Lucía Álvarez Figueroa


Outras exemplo de coplas antigas lembradas serían as seguintes:


Hoy por ser Primero de Mayo,
le venimos a cantar,
una copla muy bonita,
que les van a gustar.


Y si no le gustan

tengan paciencia

que somos pequeñitos

y tenemos poca ciencia.


Las chicas de Redondela,

no tienen mas que hablar,
que ponerse en la ventana
y ver el Mayo pasar.

Aí ven o Maio
pola Carambola,
e quen o ven traendo
son os rapaces da escola


Este noso maio

é moi bonito

que leva a coroa

de San Benito.


Para facer este maio

tivemos que ir a roubar

o fiuncho á do Cairo

e o armazón ó Carrascal.


 

1959 Maio Mala lengua.  Foto: Jaime Serín
1959 Maio Mala lengua.  Foto: Jaime Serín

 


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

El Pueblo Gallego

SEREN Nº4. Unha aproximación á festa dos Maios no Concello de Redondela. Jose Luis Míguez Acuña e Dolores Míguez Montes.

A festa dos maios en Galicia. Clodio González Pérez. Deputación Provincial de Pontevedra.

60 anos de crónicas redondelás. Unha ollada dende as coplas dos maios. Olimpio Giráldez Lera, 2015.

 

Aportes orais: Ramón P. Muíños, Matilde Fernández e Manuel Migueles.

 

 

jueves, 21 de abril de 2022

Historia da parroquia de Reboreda (2 de 2)

 

Continúa:

(https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/04/historia-da-parroquia-de-reboreda-1-de-2.html )

 

Os muíños da Ponte, cara a 1934. Foto: Saturno Cal
Os muíños da Ponte, cara a 1934. Foto: Saturno Cal

 

1959. Rodaxe en Reboreda da película La Casa de la Troya. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/peliculas-rodadas-en-redondela.html )


1961, 21 de outubro. Unha avioneta realiza unha aterraxe forzosa nun campo de millo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/03/sucesos-1950-1979.html )


1962: Otero Pedrayo publica a novela O Señorito da Reboraina baseada na vida de Juan Manuel Pereira, o persoeiro máis sobranceiro de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html )


1965, decembro. Inauguración da agrupación escolar. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/escolas.html )


1969. Obra de condución de auga desde a presa de Eiras (Calvos-Fornelos de Montes) ata Vigo. A tubaxe cruza 9 das 14 parroquias do Concello de Redondela, entre elas Reboreda.


1975. Inauguración do campo de fútbol de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/instalacions-deportivas.html )


1978. Fúndase a Agrupación Folklórica O Carballo das Cen Pólas na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-actualidade.html )


1979. Constitución da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda, sendo elixido Andrés Couñago Laxe como primeiro presidente.


1979. Comeza a celebrarse en Reboreda o Marathón Popular, de 6km. de percorrido. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/atletismo.html )


1985. A Sociedade Labrego Cultural de Reboreda comeza a publicar O Voceiro de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )


1988. Inicio das obras de ampliación da Sociedade Labrega por César Portela, nas que se instalará na fachada o escudo de Galicia deseñado por Castelao, obra de Ángeles Valladares. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


Rodaxe de "La Casa de la Troya". Foto: Eugenio Urtaza
Rodaxe de "La Casa de la Troya". Foto: Eugenio Urtaza

1990, 7 de abril. Un veciño de Reboreda é agraciado con 1.198 millóns de pesetas na Lotería Primitiva. Daquela, o maior premio de lotería da historia en España. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-boa-fortuna-redondela.html )


1990. Clausúrase o vertedoiro do monte de Reboreda, onde se queimaba o lixo de Redondela desde 1968. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/edificios-e-espazos-publicos.html )


1998. A Xunta de Galicia adquire o Carballo das Cen Pólas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/o-carballo-das-cen-polas.html )


2000. Publícase A nosa memoria. Vintecinco anos despois. 1975-2000. Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.


2001. A Sociedade Labrego e Cultural de Reboreda publicaReboreda os camiños da identidade”, traballo sobre a toponimia por Gonzalo Navaza. Obra que recibirá o Premio Moncho Valcárcel de Defensa da Terra.


2006. Estréase o documental Manolo Barros, un rebelde de aceiro e publícase o libro Memorias de Manolo Barros: Autobiografía dun militante comunista. Natural de Redondela e veciño de Reboreda, preso na illa de San Simón entre outras cárceres.


2007. A Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Redondela crea a Senda da Auga, seguindo o percorrido das tubaxes que abastecen de auga a Vigo desde a presa de Eiras. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/senda-da-auga.html )


2014. Posta en valor e construción dun novo acceso á Feixa, fervenza de Reboreda de gran atractivo turístico. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/a-feixa-fervenza-de-reboreda.html )


2015, abril. Preséntase no Festival de curtametraxes Redondela en Curto o documental “Ángel” de Fernando Carreira “Cuchi” no que se recolle a vida do restaurador Ángel Barros Montero, veciño de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/barros-montero-angel-redondela-1935.html )


2015. Descúbrese unha placa na casa de Marchabién conmemorando os 90 anos da creación da escola. Acto organizado por Alén Nós, S. C. Reboreda, CEIP Reboreda e Concellería de Cultura.


2018. Instalación da escultura das pedras dun muíño na rotonda de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


2021. O Servicio de Normalización Lingüística de Redondela (SNL), dentro da colección Parroquias de Redondela publica a entrega adicada a Reboreda, escrita polo párroco Carlos Rodríguez.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

A nosa memoria. Vintecinco anos despois. 1975-2000. Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.

O monte de Reboreda, Redondela. Guía escolar. Ed. Comunidade de Montes de Reboreda, 1993.

Reboreda os camiños da identidade. 2001. Gonzalo Navaza. Sociedad L. Cultural de Reboreda.

O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.

Catastro de Ensenada de Redondela, Vigo e Cedeira (1752).

Internovas. Historias de Redondela (http://www.ipdca.com/internovas/):

O Señorío da parroquia de Cedeira. X. Miguel González.

Elementos da Prehistoria de Redondela. Xosé Couñago,Asociación Alén Nós.

Os miliarios romanos de Redondela. Jose Antonio Orge Quinteiro

A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. F. Javier Costas Goberna

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro

Orixe, nacemento e evolución dos concellos pontevedreses. Xosé Fariña Jamardo, 1996.

Arquivo da Catedral de Santiago:(USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela),...

Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI : con varios apéndices...... (1829) - González, Tomás (1780-1833). Madrid : en la Imprenta Real, 1829

España_sagrada_theatro_geographico-histórico de la Iglesia de España. Tomo 22 e 23. Enrique Flórez. Madrid 1767 e 1799.

El obispado de Tui en la Edad Media: sus iglesias románicas. Lorena Torrado Gándara. Tesis de doctorado UDC / 2016

1767 De la Iglesia de Tuy desde su origen hasta el siglo décimo sexto

1799 Continuación de las memorias de la Santa Iglesia de Tuy

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => ElCompostelano, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia.

José Luís Lamigueiro©, fuente: Pedro de Barcelos http://www.xenealoxiasdoortegal.net/

https://foros.xenealoxia.org>Serba

Faro de Vigo

Aportes: Xurxo Constela (A Citania S. L.), Gonzalo Amoedo.

Deputación de Pontevedra. Fondo Casto Sampedro

Communicaciones al XV Congreso internacional de las ciencias genealógica y heráldica. Volumen 3



Historia da parroquia de Reboreda (1 de 2)

 

Reboreda, 1934. Foto Sarabia
Reboreda, 1934. Foto Sarabia

3.000 a 1.800 a. C. (Neolítico): No monte Buxel, limitando con Amoedo, atópanse varias mámoas desta época. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-buxel.html )


1.800 ao 600 a. C. (Idade de Bronce): Tamén no Monte Buxel atopáronse varios petróglifos, destacando o conxunto da Moscalleira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-buxel.html ) Outros restos desta época serían atopados no monte Carrascal, límite de Redondela e Reboreda, e no Couto Cosel. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/alguns-achados-arqueoloxicos-en.html )


1239, 19 de marzo. Doazón das freguesías de San Miguel de Oya, San Saturnino de Amoedo, Santa María de Reboreda, San Martín de Nespereira, San Martín de Vilar de Infesta, Santiago de Borbén, San Esteban de Negros, e San Mamed de Quintela (Pontevedra), dada por Martín, arcebispo de Santiago de Compostela, a favor de Fernán Gómez de Valladares, Señor de Saxamonde.


1497. Ventosela xa aparece coma un anexo de Reboreda.


1587, censo: Aparece como freguesía de Redondela co nome de Rebolleda.


1608, 5 de outubro. Apeo (restitución) dos bens pertencentes ao arcebispado de Santiago de Compostela nas freguesías, entre outras, de Santa María de Reboreda, San Martín de Vilar de Infesta, San Esteban de Negros e San Mamed de Quintela.


1628. Nun documento deste ano aparece (ata o de agora) a referencia máis antiga dun muíño en Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ) Teño catalogados 24 muíños en Reboreda, dous deles xa desaparecidos. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )


S. XVII. Fundación do Pazo de Reboreda por García Prego de Montaos.


1674. Deslinde para fixar os lindes aos que “... deberían atenerse los Abades de las parroquias de Viso, Cesantes y Reboreda para el percibo de diezmos...”. Esta sería a orixe do topónimo Poza dos Tres Abades.


1740. Construción do Pazo de Pousadouro, polo Buenaventura Marcó del Pont, empresario de ascendencia catalá. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )


1752 Catastro de Ensenada. Reboreda, si ben pertence a Redondela, é cabeza de Partido (circunscrición fiscal). Os lugares Castiñeira e Vilar do Mato sitos en Reboreda pertencen ó Duque de Soutomaior. Os seus límites son: “principiando por el N en el sitio de Eira Pedraza y de allí sigue al Penedo llamado do Toxo, de este al Laxeal, de allí al sitio do Campiño, de allí a la fuente Vaceira, siguiendo a la fuente Bilela, de esta sigue a la fuente do Mouro, de allí al portal de la casa de d. Antonio Gago, de allí sigue una recta al portal de la casa del Conde de San Román, de este a la fuente de Alta Meiga, y de allí al sitio nombrado de Eira Pedraza, primera demarcación”.


1752. Construción da Ermida de Nosa Sra. Da Concepción, que non chegou aos nosos días. O mesmo que a Ermida de San Boaventura. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/capelas-desaparecidas.html )


1784, 17 de novembro. Nace Ignacio Manuel María Pereira, Señor da Casa de Reboreda e militar realista. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-ignacio-manuel-maria-reboreda.html )


1786. O Bispo de Santiago de Compostela, Domingo Fernández Angulo, separa de Reboreda a capela de San Martiño de Ventosela xunto cos lugares de O Castiñeiro e Vilar do Mato, creando unha parroquia independente e construíndo unha nova igrexa.


1799. A parroquia de Reboreda ten 400 veciños. Inclúe os anexos de S. Martín de Ventosela e S. Vicente de Soutoxusto.


1809. Guerra da Independencia dos Franceses. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1809-guerra-da-independencia-dos.html )


1812: Abolición do réxime señorial e administración municipal do territorio. Creación dos concellos de Redondela, Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella.


Río Alvedosa, cara a 1934. Foto Saturno Cal
Río Alvedosa, cara a 1934. Foto Saturno Cal

1822: Unificación de Redondela (Cedeira, Reboreda, Saxamonde, Vilanova e Vilavella).


1823: Restauración do réxime señorial. Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella volven a separarse de Redondela.


1835: Abolición dos señoríos xurisdicionais. Cedeira, Reboreda, Saxamonde e Vilavella únense a Redondela definitivamente.


1855, novembro. O Concello crea unha feira en Reboreda o 14 de cada mes. Celebrarase nas inmediacións da igrexa, para a venda de gando e produtos agrícolas e industriais. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/edificios-e-espazos-publicos.html )


S. XIX. San Vicente de Soutoxuste, pertencente a Reboreda, pasa a depender do Viso.


1865. O Mariscal Leoncio Rubín de Celis constrúe o Pazo de Torres Agrelo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html )


1883, agosto. O presidente da antiga república Emilio Castelar visita en Reboreda a Juan Manuel Pereira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/libro-de-visitas.html )


1890. As rúas Val (Isidoro Queimaliños), Rivero (Reveriano Soutullo) e Alfonso XII atendidas polo cura de Reboreda, conseguen a súa agregación á parroquia de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html )


1901, xuño. É aprobado o regulamento da Asociación de Propietarios y Agricultores de Reboreda, Quintela y Ventosela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/sociedades-agrarias.html )


1904. O Bispado fai un arranxo parroquial. As rúas Oriente (actual Telmo Bernárdez) e Eidos pertencentes a Reboreda, agréganse a Redondela. Pasa a pertencer a Vilavella: a rúa de Pasales (actual Juan Manuel Pereira) que tamén pertencía a Reboreda.


1910, xullo. Constitución da Sociedad Agraria de Reboreda “La Redentora”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/sociedades-agrarias.html )


1918. Falece accidentalmente no Pazo de Torres Agrelo o seu propietario, o empresario Concepto López. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/12/concepto-lopez-lorenzo-vigo-18reboreda.html )


1919. Créase a Escola Mixta de Santo Paio de Arriba. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/escolas.html )


1921, abril. Unha cornetada en Reboreda acaba a navalladas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/tradicions-e-festas-desaparecidas-ou_5.html )


Anos 20-30. Os bolos celtas son moi populares na parroquia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/08/deporte-xogos-tradicionais.html )


1925. Fúndase o Apostolado de la Oración. Nesta época a Hermandad de la Santísima Virgen xa costeaba as festas patronais. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/confrarias-e-outras-asociacions.html )


1927. Un matrimonio de Reboreda supera os cen anos de idade. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/matrimonio-centenario.html )


1932. Primeira referencia dun equipo de fútbol de Reboreda, o Alvedosa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-equipos.html )

 

1934, 13 de maio. Un corremento de terras corta a estrada con Fornelos provocando unha fochanca de 6 metros de profundidade. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/sucesos-1930-1949.html )


1934, 13 de novembro. Toma posesión a primeira concelleira de Redondela, Carolina García Tenreiro, mestra que exercía en Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/carolina-garcia-tenreiro-primeira.html )


Escola de Reboreda visitando Pontevedra, 1935. Foto: Novás
Escola de Reboreda visitando Pontevedra, 1935. Foto: Novás

1935. Inauguración das novas instalacións da Sociedade Agraria de Reboreda “La Redentora”, actual edificio da Sociedade Labrego e Cultural.


1936. Golpe Militar do Xeneral Franco, inicio da Guerra Civil. Varios veciños morren na fronte e nos sucesos posteriores e moitos máis serán detidos ou represaliados. Incautación das sedes e pertenzas das sociedades agrarias de Cedeira, Cesantes, Chapela, Reboreda, Vilar e o Viso, ademais das do Partido Galeguista, Izquierda Republicana e a Casa del Pueblo, que albergaba os locais do Partido Comunista e a Agrupación Socialista. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/guerra-civil-e-represion-en-redondela.html )


1942. Primeira referencia de gaiteiros de Reboreda. Actúan nas festas da Asunción e ao ano seguinte na Coca. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/musica-e-baile-tradicional-historia.html )


1945. Iníciase a construción do Cemiterio de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/09/edificios-e-espazos-publicos.html )


1946. Fúndase a Peña Xan Carallás, que celebra un xantar anual baixo o Carballo das Cen Pólas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html )


Segue en:

(https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/04/historia-da-parroquia-de-reboreda-2-de-2.html )



sábado, 2 de abril de 2022

As Reais Devesas do Concello de Redondela

 

Marcos do Viveiro da Cova da Serpe (Cesantes). Foto: Juan Migueles
Marcos do Viveiro da Cova da Serpe (Cesantes). Foto: Juan Migueles

A partires de 1563 o Rei Felipe II establece nas costas de Galicia e nos seus ríos navegables, unha franxa de dúas leguas (arredor de 11 quilómetros) que debía de ser repoboada de carballos ou, de non ser posible, de freixos. O motivo era a obtención da madeira que necesitaba a Armada Real para a construción de barcos. Na práctica, o exército tamén aproveitaría esta madeira para a construción de parapetos e todo tipo de armas. Esta sería a orixe das chamadas Reais Devesas, establecidas a mediados do S. XVIII, para garantir o aporte de madeira á Armada ante a irracional explotación da masa forestal. Os veciños en condicións de traballar debían encargarse dos traballos propios de plantación, cuidado e tala. Por contra, se lles permitía o aproveitamento do toxo, landras e leña miúda, así como a caza. Tan só nas cinco provincias costeiras galegas chegou a haber 720 devesas e cotos reais.

A primeira referencia ás Reais Devesas de Redondela a atopamos no documento de 1750: “Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui”. A segunda inspección realizaríase en 1785, recolléndose nun informe máis amplo, centrado no noso Concello: “Visitas ás reais devesas e plantíos da vila e xurisdición de Redondela”. Estaba firmado por un comisario visitador que neste caso era Phelipe Mateos Comisario Real de Guerra de Mariña e Ministro Principal da Mariña da Provincia de Pontevedra. Por contra, a visita anterior, de 1750, sería levada a término por Joseph Reguero y Riaño, Juez de Montes por Su Magestad en este Reyno y visitador de Reales Dehesas Montes Valdios de comunidades y particulares.

Na inspección participaba o Xuíz Ordinario (Alcalde) ou o Procurador Síndico Xeneral, no caso da xurisdición ou coto, ou o Maiordomo Xuíz Pedáneo, no caso das freguesías. Estes nomeaban ademais a dous veciños que actuaban como peritos. Neste informe se recollía o observado nas devesas e os viveiros: extensión, especie e número de árbores, calidade do terreo, recomendacións... En base a todo o recapitulado redactábase o Auto, no que se recollían as ordes de obrigado cumprimento para a súa xestión futura inmediata e, se foran necesarias, as multas polo seu mal estado ou incumprimento do mandado na anterior visita. Sería o caso da freguesía de Redondela que sería multada en 1785 con 50 ducados por non crear un viveiro como se lle recomendara na visita de 1750. Outras parroquias eran apercibidas por infraccións menores, como non ter pechados os viveiros, pero eran perdoadas: “...les absuelve su Majestad por un efecto de su real piedad conforme a la real orden de 14 de Junio de este año...”.


No informe de 1750 recóllense as seguintes freguesías: Redondela, Amoedo, Borbén, Cabeiro, Cepeda, Cesantes, Moscoso, Negros, Nespereira, Quintela, Reboreda, Vilar de Infesta, O Viso e Xunqueiras. O que serían parte dos actuais concellos de Pazos de Borbén e Redondela. Ademais cítanse como agregados Vilavella e os Coutos de Saxamonde e Cedeira que eran independentes. Na visita de 1785 xa aparecen Trasmañó e Chapela, que anteriormente pertencían ao Val do Fragoso, e Ventosela, que aínda formaba parte de Reboreda.

En 1792 as autoridades amosan unha maior preocupación polo estado e a viabilidade dos viveiros. Decídese crear novos onde non se daba o rendemento esperado, pechalos con muros de pedra se estaban abertos e delimitalos cuns marcos nos que se gravaría un “R”: “... y colocando en sus quatro esquinas unos marcos altos o piedras grandes con la letra R para que manifiesten pertenecer al Rey Nuestro señor...”. Algunhas destas pedras conserváronse ata os nosos días e grazas a este documento sabemos que a meirande parte delimitaban os viveiros, aínda que algúns se colocaron nas Devesas Reais. Como veremos máis adiante, son varios os casos nos que se especifica que se gravaban os marcos que daban á Vereda Real. Pero o máis importante é que podemos establecer como data da realización dos gravados os últimos meses de 1792. O motivo de poñer marcos e gravalos é evitar a confusión na propiedade das árbores xa que algúns veciños plantas as súas propias árbores nas inmediacións das devesas e, nalgúns casos, dentro da propia Devesa Real, o que causaba moita confusión. Outra orde que se da é a de pechar os viveiros con muros de pedra. Pretendíase así evitar dúas cousas: a entrada de gando, que puidera danar ás novas árbores, e o paso habitual de xente, porque creaban camiños.

O traballo nas Devesas Reais era obrigatorio para todos os veciños: “...pues S. M. No releva de esta obligación a los Nobles, Matriculados para el Servicio de Marina, Militares, ynclusos los Milicianos Provinciales, ni deotro qualquiera fuero que sea, como tengan algunos vienes por si o sus mugeres, libertando solo alas viudas pobres en caso que no se halle en su compañía hijo que pase de diez y ocho años.” A única parte positiva do cumprimento destes traballos era que liberaba aos veciños doutras obrigas e sancións: ... indultar por aora a los naturales del anual plantío de tres arboles por vezino que prescrive la Real ordenanza de Montes y ademas de que no se les hace cargo ni procesa por la falta de cumplimiento a los mandatos de la ultima visita...”

Na descrición das Reais Devesas inclúese o embarcadoiro máis próximo, dada a importancia que tiña para o transporte por mar da madeira obtida. Coñecemos así os peiraos existentes en Redondela na segunda metade do século XVIII: Sete fontes (O Viso), Cova da Serpe (Cesantes), Redondela, A Portela e Rande (Cedeira) e Arealonga (Chapela)

A continuación citarei as Reais Devesas do informe de 1785, engadindo os datos de 1750 máis interesantes, xa que ao referirse á provincia de Tui trata a Redondela máis polo miúdo, e os cambios que experimenten en 1792:


Freguesía de San Xoán de Cabeiro

Real Devesa do Mirallo, 842 carballos. No Monte Mirallo con 400 ferrados. En 1792 o número de carballos descendera a 745 achacándose ás presas ao contar na primeira visita, porque non había constancia de roubo nin outra circunstancia que o explicara. Ordéase chegar aos 900 carballos e decídese trasladar o viveiro ao Poniente da Devesa porque: El Vivero se halla en medio de la Deesa, cerrado con muro de piedra, y con la sembradura de ferrado y medio, y no puede producir por la sombra que le hacen los robles”


Coto de Cedeira

Real Devesa da Esbarronda. En 1750 é chamada Real Devesa do Covelo. Recibe o nome do Monte da Esbarronda. Tiña unha extensión en 1.785 de 200 ferrados con 1.565 carballos. En 1792 redúcese, eliminando o terreo de peor calidade e quedando 942 carballos. Ordénase aos veciños plantar ata acadar a cifra de mil. Chegou aos nosos días co topónimo Devesa do Rei.

Real Devesa da Bellota, citada en 1750. En 1785 sería substituída proxectándose un novo plantío de carballos no sitio chamado Rego da Bouza, en Rande, no que se pretendía alcanzar o número de 87 a finais de ano. Apesares deste troco a nova localización non semellaba mellor que a anterior: “... 4 ferrados de tierra de 2ª y 3ª calidad pero la maior parte pedragosa”. O tempo da á razón ao anterior comentario e en 1792 dáse conta de que os 97 carballos do plantío son de mala calidade polo que se decide trocalos por piñeiros. Os veciños veranse na obriga de pechar o plantío con muros de pedra e substituír os catro marcos provisionais por unhas pedras altas coa letra “R”.

Viveiro no sitio de Fontenla ou Longra. En 1792 descríbese como de pouco máis dun ferrado, con muro de pedra mal pechado e con algúns exemplares listos para transplantar. Do mesmo xeito que co plantío, os veciños deberán reparar os muros e substituír os catro marcos.

 

Freguesía de San Pedro de Cesantes

Real Devesa do Monte de la Mina, 521 carballos. En 1792, ten unha extensión de 38 ferrados e hai 509 carballos.

Real Devesa da Boca da Serpe, trozo de Deesa” no chamado monte Coba de Serpes”, 518 carballos. En 1792 conta con: 35 ferrados en el qual se contaron 563 robles”.

Na visita de 1750 tan só se recolle unha Real Devesa da que non se especifica o nome.

En canto ao viveiro, en 1792 cítase: Vivero está contiguo a la propia Deesa da Serpe, y parte de Naciente con la sembradura de ferrado y medio, cerrado con muro de piedra, pero mal cultivado”. Daquela deuse orde de reparar os muros, colocar catro marcos coa letra “R” e outros dous “en el frente que hace la Deesa Real a la vereda”. Este viveiro é doado de localizar hoxe en día, xa que limita co Camiño Portugués de Santiago, onde podemos ver tres marcos, dos cales dous teñen gravados a letra “R”.


Marco da Real Devesa da Mina (Cesantes). Foto: Juan Migueles
Marco do Viveiro da Cova da Serpe (Cesantes). Foto: Juan Migueles

Freguesía de San Fausto de Chapela

Real Devesa de Chocín, 673 carballos. No Monte de Chocín, duns 250 ferrados.

Plantío da Bellota: “... reducido en el cual solo se contaron 9 robles de ninguna utilidad los cuales con el terreno se deja a veneficio de los vecinos”.

Viveiro: “... inmediato a la Real Dehesa azia la parte del Poniente esta vien cerrado y aunque sembrado de bellota en el pasado henero han nacido muy pocos cuio defecto es originado de la siembra que no fue a mano”.


Freguesía de San Estevo de Negros

No informe de 1750 fálase de dúas Reais Devesas: á antiga, que podería corresponderse co Castro de Negros, e a chamada nova que sería a do Patelo.

Real Devesa do Patelo, 635 carballos. No Monte do Patelo de 40 ferrados. Nas inmediacións do Patelo atopamos no Catastro o Eido do Rei e Coutada do Rei. A existencia de estes dous topónimos pode vir motivada por ser unha devesa dividida en tres partes, como se explica en 1792: En el monte que se denomina do Patelo está la Real Deesa de esta feligresía, colocada en tres trozos o especie de encañadas en la que se contaron 727 robles”.

No mesmo informe fálase do viveiro: El Vivero está en uno de los trozos y en medio de los robles con la sembradura de dos ferrados cerrado con muro de piedra y sin arbol capaz de trasplantarse.” Decídese deixar de traballar un dos tres trozos da Real Devesa. Os veciños quedan na obriga de chegar aos 920 carballos e a quitar os muros do viveiro, que está no medio da Devesa, e crear un novo ao nacente que pecharan cun muro e con 4 marcos nas esquinas, nos que gravaran a letra “R”.

Plantío Castro de Negros, ten 400 ferrados: “...los 150 de ellos capaces para la producción de árboles y los restantes de ¿? que es pedragoso”. En 1792 non se atopan referencias a esta devesa polo que probablemente deixaría de empregarse como tal polo seu pobre rendemento.

Freguesía de San Mamede de Quintela

Real Devesa de Novelle no Monte de Novelle. 1.034 carballos. En 1750 dise que ten dous marcos. En 1792 chámaselle Monte de Nobelle y Fontáns, contando con 961 carballos.

Viveiro contiguo á Real Devesa. En 1792 aumentárase a súa extensión a un ferrado e tres cuartos, dándose a orde de pechalo.

Partido de Reboreda

Real Devesa da Barcia, no Monte de Barcia, Rotea e Fraga, 3.269 carballos. Actualmente atopamos no Catastro Devesa do Rei preto do Monte Barcia.

Piñeiral sito en el Monte de Agrelo “... el qual es perteneciente a las 9 feligresías de que se compone el partido de Reboreda...”, 380 piñeiros. En 1750 cítase tanto á Real Devesa como o Piñeiral do que se conta que: “... esta todo bien cerrado de muro nuevo y doble de piedra su terreno es de buena calidad para pinos y aunque se halla contiguo al conbento nuevo de San Francisco de Agrelo, limita por todos vientos con monte comun...” e engádese que limita co convento: por las demas partes con terrenos del convento de San Francisco, que esta en el propio parage, de modo que el pinar está mui inmediato al edificio y ocasiona a la clausura vastante perjuicio”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/o-convento-de-agrelo.html ) Estando así as cousas, o gardián do Convento de San Francisco e San Antonio de Vista Real de Agrelo propón cambiar os 13 ferrados deste piñeiral contiguo ao convento por outro propiedade da congregación no sitio chamado Fonte Virtud ou Casal do Eido que conta con 320 pinos e unha extensión de 36 ferrados.

Viveiro no sitio da Musaraña (en 1792 citado como “Muzaraia”), está ben cerrado. En 1792 dáse orde de reparar os muros e colocar 4 marcos coa letra “R”.


Vila de Redondela

Real Devesa de Agrelo, 516 carballos. No monte de Agrelo, en Cesantes, fronte ao Convento de San Francisco, que ten cabida de 40 ferrados.

En 1750 ante a imposibilidade de ampliar a Real Devesa de Agrelo ao estar delimitada por camiños, o Convento de Agrelo e varias propiedades privadas, o visitador ordena o seguinte: en atencion a no tener los vecinos de esta villa mas terreno que tan solamente el de junquera de enfrente la Rivera de ella que sigue asta contestar con los terminos de Villavieja, y ser este de buena calidad y natural para alamos, planten 3 cada uno de dichos vecinos que se le tomaran por robles hasta dejar bien poblado de ellos dicho terreno de Junquera”. En Agrelo daquela contabilizábanse daquela 9 marcos que delimitaban o terreo. En 1792 contaba con 564 carballos en arredor de 50 ferrados.

En 1792 cóntase ademais cun plantío con 140 carballos novos en Santa Mariña (daquela pertencente a Cesantes), contiguo a outro pertencente a Vilavella, polo que se decide que desligue de Redondela e se una a este:“...se le releba de continuarlo respecto se yncorporara al que hay en el propio parage de los vecinos de dicha Viilla Vieja, a quienes se les prevendrá en su propio auto el que coloquen en las quatro esquinas del muro del vivero unas piedras altas o marcos grandes con la letra R...”.

En 1750 e 1785 non se conta con viveiro, pero si en 1792, situado tamén en Santa Mariña e compartido con Vilavella, atopábase poboado por carballos que aínda non se podían transplantar.



Coto de Saxamonde

Real Devesa de Mende. Ten 746 carballos en 1785, acadándose en 1792 o número de 1.242. Nesta visita de 1792 dáse conta de que a devesa estendérase cara o norte ata acadar os 58 ferrados. Ordénase a obriga de acadar a cifra de 1.500 carballos e de colocar uns marcos de maior tamaño, gravando a letra “R” nos dous que dan á Vereda Real. Probablemente sexa a que en 1750 é descrita como a Real Devesa vella delimitada con dous marcos.

Trozo” de Devesa de Formoso. Lo límite con Louredo. En 1785 contabilízanse 508 carballos e en 1792 diminúe o número ata 462, dos que se din que non son de utilidade. Engádese neste informe que o paraxe é estreito e non pode estenderse, o que complica a saída da madeira, ao que se engade a moita distancia que hai á devesa principal.

O viveiro estaba acaroado a esta segunda devesa cos mesmos problemas, polo que en 1792 é substituída por outra anexa á Real Devesa de Mende coa obriga de colocar marcos nas esquinas coa letra “R”. Tanto a Devesa de Formoso coma o viveiro contiguo quedan excluídos do real servizo e a disposición dos veciños para os gastos da creación do novo viveiro.


Freguesía de San Vicente de Trasmañó

Real Devesa da Lobagueira, 330 carballos. No monte Mirallo, duns 300 ferrados que se pensan estender outros 150: “... y el plantío se ha de estender por los parrafos que queda prevenido arriva y con preferencia por el L hasta unir esta dehesa con la otra real situada en el monte que llaman Riofrío”. Debe corresponderse co lugar hoxe coñecido como Devesa do Rei, no que non se atoparon marcos.

Real Devesa de Río Frío, 697 carballos. No Monte Riofrío, duns 150 ferrados.

Viveiro: “...algo distante y hacia la parte del N de esta Real Dehesa en el paraje que llaman da Lobageira”.

Freguesía de San Martiño de Vilar de Infesta

Real Devesa de Curras, 880 carballos. No Monte dos Curras con 40 ferrados. En 1792 conta con 938 robles en preto de 50 ferrados, dándose orde de chegar aos 1.200 carballos.

Viveiro no sitio chamado Millerada. En 1792 decídese trasladalo ao norte da Devesa porque: No es terreno a proposito para igual objeto y ademas está mui distante de la deesa”.


Vila Vella

Real Devesa de Villavieja, Monte de Ansamonde 721 carballos. Como vemos, no caso de Vilavella a súa Real Devesa estaba no anexo de Ansamonde, freguesía de Borbén, actualmente pertencente a Pazos de Borbén: ...esta dehesa no tiene por donde estenderse está mal situada por la ymposibilidad de caminos y como la cittada Villavieja no tiene Monte en donde pueda formarse dehesa Real...”. No reconto de 1792 apenas aumentara o número con 732 carballos.

Viveiro inmediato á Real Devesa que será empregado para abastecer á R. D. de Borbén. En 1792 eran dous os viveiros neste punto, un de dous ferrados e medio e outro de tres cuartos de ferrado. En 1828, Vilavella xa non mantiña o anexo de Ansamonde.

O nulo aproveitamento da devesa de Ansamonde pola gran distancia ata o mar e a dificultade de extraer a madeira pola orografía, leva a crear en 1785 un plantío e un viveiro (este compartido con Redondela) en Santa Mariña (Cesantes). Como xa citamos, en 1792 dábase orde de engadírselle a este plantío o de Redondela coa obriga de colocar dous marcos grandes coa letra “R” na Vereda Real e outros marcos no nacente, norte e vendaval pero sen que a letra fose necesaria. Antes da unión o plantío tiña 162 carballos, pasando agora a ter unha extensión de 50 ferrados e contar con 252 carballos novos. Os veciños quedaban na obriga de plantar 349 carballos para acadar o número fixo de 600. Por outra banda, decídese que o viveiro quede de “mistidumbre y común para este pueblo y la villa de Redondela” e “que se coloquen quatro marcos en las esqquinas de su muro”.


Freguesía de Santa María O Viso

Real Devesa de Sete Fontes 1.758 carballos, no monte chamado Sete Fontes. En 1792 tiña unha extensión de 90 ferrados e contaba con 1.731 carballos.

Real Devesa da Gandra, trozo de Deesa” no Monte e sitio da Gándara. En 1792 contaba con 378 carballos nuns 24 ferrados.

En 1.750 se cita como Real Devesa nova a de Sete Fontes polo que a de Gándara sería a que cita como antiga.

Ordénase a construción dun viveiro en 1785 na “parte do poniente de Siete Fuentes”. O motivo é que: ... es indispensable vivero porque el que se señalo antes era reducido y de tan mala calidad que apenas se logro arbol en el ...”. Non mellora a situación e en 1792: Se halla mui descubierto de los aires de la mar”, o que segundo o informe provoca que a meirande parte dos carballos sexan de mala calidade. Daquela decídese crear un viveiro novo na parte do nacente contiguo á Devesa, ordenando colocar catro marcos coa letra “R”, outros catro nas dúas frontes que ten na Vereda Real e outros grandes sen letra na parte de Poniente.


A finais do século XVIII créase a figura do Fiscal ou Garda, quen se ocupará de velar polo cuidado dos reais plantíos e montes, denunciando os excesos que se cometan nos mesmos e con autoridade de deter aos responsables de talas ilegais ou feitos similares. Un exemplo sería o seguinte docummento: “Expediente de nomeamento de Garda celador de montes a Juan Francisco Martínez na Real Devesa da parroquia Santa María de Reboreda (Redondela) (1830)”.

A desamortización propiciaría que parte destes terreos pasaran a mans privadas, tendencia que tería continuidade coa chegada da guerra: “Expedientes sobre recursos extraordinarios para atender á Guerra Civil (1ª Guerra Carlista): Circular da Xunta de Armamento e Defensa del 14 de outubro de 1836 ordenando a venda de Devesas Reais e Viveiros. Poxas e taxacións de Devesas e Viveiros no partido de Redondela”.

Trala aprobación da Constitución de 1837 as Devesas Reais pasan a ser bens nacionais, trocando o seu nome polo de Devesas Nacionais. Nesta época atopamos algúns exemplos de como a madeira é aproveitada para as obras públicas: Expedientes instruídos en virtude de instancias para a corta de árbores para edificar. Concello de Redondela: Solicitude de árbores para construír unha ponte das devesas nacionais das parroquias de Cesantes, San Pedro e San Martiño. (1841)”. “Expedientes de solicitude de árbores dos montes e devesas do Estado. Concello de Redondela: Quintela, San Mamede. O alcalde pide carballos da devesa nacional de Quintela para a construción dun pontón provisional de madeira para levar a pedra dos sumidoiros no Camiño de Ponteareas. (1850)”

Este aproveitamento de madeiras tamén se daría para obras privadas, tanto de Devesas Nacionais como de monte comunal: Expediente de solicitude para a corta de árbores da devesa nacional de Reboreda para a reedificación de casa por parte de María da Concepción Cobián en Redondela (1842).” “Expediente de solicitude de Manuel Lago, de madeiras para construción de casa. Lugar: O Viso, Redondela. (1846)”. Ao mesmo tempo, continúase tamén a liña de privatización de monte comunal: Expediente de solicitude de Manuel Antonio Rodal dun terreo do monte común para a construción dunha casa en Santa María de Reboreda. (1846)”. No seguinte caso a solicitude estaría motivada pola necesidade de ampliar un terreo adicado á explotación agrícola: “Expediente de solicitude de Joaquín Romay propietario na parroquia de Cesantes dun ex-convento, para que se lle conceda agregar ao seu terreo en Agrelo unha porción de terreo da devesa nacional chamada Vilavella. Concello de Redondela. (1845-1847).”


Nun censo de 1.847 aparece como propietario Devesas Nacionais o Estado e como administrador o Goberno Político. Ademais destas devesas cítanse montes comunais, estes últimos atópanse a toxo ou carrasco:

(NOTA: Transcribo directamente o escrito neste documento polo que algún topónimo non aparece correctamente escrito).


Cabeiro: Pereiro.

Común de veciños: Monte Baldío.

Cedeira: Barronda.

Común de veciños: Penide ou Mirallos.

Cesantes: Cova da Serpe, da Mina e Boavista.

Común de veciños: Cova da Serpe.

Chapela: Leitón.

Común de veciños: Dosín.

Negros: Mangueiro.

Común de veciños: Do Castro.

Quintela: Coto de Novelle.

Común de veciños: Sabugueiro, Coutada e Mourelle.

Reboreda: Da Poza, Rego Da Riva e Pozo do Canizo.

Común de veciños: Do Castro ou Barcia.


Aproveito aquí para facer un inciso e falar do Monte do Castro, topónimo que nos fala dun castro nas inmediacións do Monte Barcia, xa que en documentos máis antigos aparecen diferenciados aínda que nesta ocasión se identifiquen como un só monte. Ata o día de hoxe están catalogadas varias mámoas e petróglifos no límite entre Reboreda e Pazos de Borbén, pero segue sen coñecerse a localización exacta deste castro.


Redondela: Agrelo (en Reboreda).

Saxamonde: Mindo.

Común de veciños: Formoso e Mende.

Trasmañó: Albogueira.

Común de veciños: Do Mirallo.

Vilar de Infesta: Curros e Viveiro.

Común de veciños: Deseniño e Carrascal.

Vilavella: Santa Mariña (en Cesantes)

O Viso: Sete Fontes.

Común de veciños: Espiño, Peneda e Baltar.


A finais do S. XIX, unha gran obra pública provocaría cambios profundos na vida e a paisaxe do Concello de Redondela, a chegada do ferrocarril. A madeira será aproveitada para facer as travesas das vías pero tamén para a construción dos viadutos.

E chegamos ao século XX, que viría marcado polos plans forestais das ditaduras de Primo de Rivera e Francisco Franco na que as plantacións de carballos darían paso ás de piñeiros e eucaliptos respectivamente. Durante este período continuarían as cesións de terreos comunais. Como exemplo podemos citar que a Comunidade de Montes de Quintela denunciou en 2011 que sete hectáreas de monte comunal permanecían en mans privadas. O Concello as cedera nos anos 40 para traballalas pero nunca foran devoltas co agravante de que en varias destas parcelas se construíran vivendas.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Siempre de negro: Galicia en la contrarreforma : El reinado de Felipe II. Emilio González López. Galaxia. Vigo. 1970.

Bienes comunales: propiedad, arraigo y apropiación. Coordinador: José A. Piqueras Arenas. Serie Estudios. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Aportes: Xurxo Constela, arqueólogo de A Citania S. L.

Arquivo Deputación de Pontevedra. atopo.depo.gal/ :

Visitas ás reais devesas e plantíos da antiga Provincia de Tui (1750)

Visitas ás reais devesas e plantíos da vila e xurisdición de Redondela (1785)

Visitas ás reais devesas e plantíos na provincia de Tui da xurisdición do Partido Valle de Fragoso (1785)

Novo arranxo e establecemento dos Reais Plantíos e Devesas nos pobos das xurisdicións de Redondela, Vilavella, Saxamonde e Cedeira (1792)

Listas das Reais devesas que hai en varios términos (1828)

Estado dos Montes e Reais Devesas dos partidos xudiciais da provincia de Pontevedra (1837)

Expedientes de remisión de testimonios de visitas e estados das devesas nacionais (1839)

Censo de montes baldíos, realengos e de dono non coñecido que se atopan no Partido Xudicial de Redondela (1847)

https://www.farodevigo.es/comarcas/2011/11/13/comuneros-quintela-denuncian-usurpacion-7-17708813.html

Sárria Acento Galego . Pílulas de historia dende Sárria (Galicia). Coñecernos, o noso principio activo. Autor: Arlindo. https://sarriaacentogalego.blogspot.com/2020/10/devesas-reais-devesas-nacionais-en.html

As devesas reais en Matamá (séculos XVII – XIX). Xulio Fernández Pintos. 2015. https://www.montedematama.org/sites/default/files/Artigo%20Completo.%20Devesas%20Reais%2C%20Matam%C3%A1_0.pdf