Mostrando entradas con la etiqueta A Peneda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A Peneda. Mostrar todas las entradas

jueves, 10 de septiembre de 2020

Redondela Baixo Terra


Entrada á mina da Peneda
Entrada á mina da Peneda. Foto: J. Migueles

        En Redondela téñense documentados varios túneles polos que na maioría pasaba unha persoa de pé ou agachada. Isto espertou o maxín da xente, inventándose lendas en torno a eles. En realidade son conducións de auga. O mesmo sucedería nas parroquias coas minas de auga, xa que son galerías escavadas na terra que soen rondar os dez metros de longo.


A Peneda (O Viso)
Hai un túnel duns 9 metros. É unha mina de auga.
Lenda: Segundo as diferentes versións o túnel unía a Peneda co castelo de Soutomaior, con Soutoxusto ou coa Illa de San Simón.

Soutoxuste (O Viso)

Baixo un “caseto” de mariñeiro hai un pozo.

Lendas: É un túnel que comunica Soutoxuste coa Peneda. Neste pozo podes atopar o tesouro da moura, pero tamén podes atopar un veleno que te mate.

Caseto co pozo no seu interior. Foto: J. Migueles
 
Praza Ponteareas (Vilavella)

        Dous túneles. Un era a mina que levaba auga á fonte da praza. Foi destruído parcialmente pola construción das vivendas da praza. Ía en dirección cara ao viaduto dende a antiga localización da fonte. O outro bordeaba o perímetro do muro do convento pola banda da estrada de Redondela cara a Vigo. Probablemente recollía as augas pluviais da praza e / ou dos terreos do convento e a auga da fonte. Serían conducidas cara ao río.

Lendas: Un túnel unía o Convento de Vilavella co Pazo de Petán. Polo túnel as monxas de clausura saían do convento.


Convento de Torres Agrelo (Cesantes)

Cando os franciscanos da Illa de San Simón trasladáronse ao Convento de San Antonio de Vista Real de Agrel a finais do ano 1746, na descrición das novas instalación cóntase que: "dispón de capela, granxa, cemiterio, horta e unha importante captación de auga cunha galería de 200 metros".


Pazo Torres Agrelo (Cesantes)

Un túnel de condución de augas sae do pazo cara ao mar.

Lenda: O túnel era empregado polos alemáns durante a II Guerra Mundial.


A Telleira (Cesantes)

No monte da Telleira hai unha mina de auga cun túnel de varios metros.

 

Túnel do Cargadoiro de Mineral Foto: J. Migueles
Túnel do Cargadoiro de Mineral de Rande. Foto: J. Migueles


Rande (Cedeira)
        No camiño das Regateiras pode verse a entrada dun túnel que conducía a auga dende o regato ata o cargadoiro de mineral.
        Do outro cargadoiro, o de Coto Wagner, quedaron soterradas parte das súas instalacións.
 


        Tamén existe unha entrada tapiada na propiedade ocupada pola empresa Vieira S. A., na que anteriormente estivo a Compañía Azufrera del Noroeste.


Cedeira
        A mina da fonte do Conde xorde dun pequeno túnel.
 
Lenda: Dise que existe un túnel entre o Pazo de Torrecedeira e a finca de Monterraso. As dúas propiedades pertencían á mesma familia pero ata o de agora non puiden constatar a súa existencia.
 
Fonte do Conde
Mina da Fonte do Conde. Foto: J. Migueles

Trasmañó

Antigas minas de auga preto do parque infantil.

Lendas: As covas conducen ao interior do monte Mirallo.


Rande e Reboreda

A todas estas poderíanse engadir dúas conducións de auga antigas realizadas en granito que foron catalogadas en Rande e en Reboreda.


Autor: Juan Migueles

 

BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Varios folletos turísticos do Concello de Redondela.

Visitas guiadas por Xurxo Constela, arqueólogo de A Citania S. L.

 https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/

 


viernes, 19 de junio de 2020

Galería. O Viso (I)

Subida ao Viso. Foto: Vida Gallega, 1916
O Viso. Foto: Vida Gallega, 1916


A procesión baixando A Peneda. Foto: Vida Gallega, 1916


A procesión baixando A Peneda. Foto: Vida Gallega, 1916

Autor: Juan Migueles

Galería. O Viso (II)






Reportaxe da festa da Peneda. Fotos: Jaime Solá. Vida Gallega, 1920

A Peneda dende Soutomaior. Foto: Vida Gallega, 1920

Autor: Juan Migueles


miércoles, 6 de mayo de 2020

Coplas adicadas á Peneda e á súa Virxe.

(Hai máis de 50, se ben é certo que algunhas son variacións da mesma copla)

Capela da Peneda, 2019. Foto: Juan Migueles
 
Referentes ao día da romaría

Miña Virxe da Peneda
vele ehí ven o voso día;
a cinco do mes de agosto
é a vosa romaría.

Situación Topográfica

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi pór:
dun lado ten Redondela
e d’outro Soutomaior.

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi pór:
por un lado ten O Viso
por outro Soutomaior.

Miña Virxe da Peneda
c’un circo d’ouro arredor
por unha banda ten o mar
por outra Soutomaior.

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi por:
entre cotos e penedos,
carballiños arredor.

Miña Virxe da Peneda
que fondiña se foi por:
entre toxos e carqueixas,
penediños arredor.

Miña Virxe da Peneda
que tan alta se foi por:
dall’o aire dall’o vento,
dall’a raíña de sol.

Nosa Virxe da Peneda
que altiña se foi por:
dalle o vento, dalle a chuvia
dalle o vento derredor.

Miña Virxe da Peneda
sempre no alto te ves;
hei d’ir alá, miña Virxe
que quero bicarlle os pés.

A Peneda está nun alto,
Redondela nun baixiño;
e pola banda dalá,
Soutomaior albariño.

Coplas referentes á subida ata a capela

Miña Madre da Peneda
se non fora po-la ver,
da costiña de Cochón
hubérame de volver.
Miña Virxe da Peneda
o camiño pedras ten,
se non fora por ir vela
alá non iría ninguén.

Miña Virxe da Peneda
o camiño pedras ten,
se non fora por mirala
non iría alá ninguén.

Miña Madre da Peneda
ten vintacinco escaleiras,
para baixar as casadas
para subir as solteiras.
Miña Virxe da Peneda,
baixarvos e darme a man;
ténde-la costiña alta,
caime o corazón no chan.

Peticións á Virxe, case sempre de matrimonio.

Miña Virxe da Peneda
da Peneda penediña,
fun alá que me casara,
dixo que casada viña.

Miña Virxe da Peneda,
eu non vos pido facenda,
pídovos sorte e fortuna
e xente con quen me entenda.

Miña Virxe da Peneda,
escoitame esta canción;
que me quera o meu Manoeliño, con todo o seu corazón.
Eina de casar no Viso
que é terra de moita leña,
qu’eu ben a vin quedar,
cando viña da Peneda.

Promesas e ofrendas á Virxe

Tengo de ir a la Peneda
si la muerte no me mata,
tengo que llevar conmigo
amores de una muchacha.

Tengo de ir a la Peneda
si a morte non me mata,
teño que levar conmigo
una lámpara de plata.

Miña Virxe da Peneda
este ano alá hei d’ir
heille de levar un ramo
que do céo me ha de vir.

Miña Madre da Peneda
tén un navío no mar,
quen llo deu, quen llo daría
quen llo deu, púdollo dar.

Miña Madre da Peneda
ten unha galiña branca,
cando lle dá de comer,
deixa de comer e canta.

Miña Madre da Peneda
ten unha galiña pinta;
cando lle dá de comer,
deixa de comer e brinca.
Miña Madre da Peneda,
ten unha mantilla d’ouro,
para darlle a unha mociña
que ven de Ribadelouro.

Eu ei de subir o céo
por unha cinta bermella,
teño que levar conmigo,
a Señora da Peneda.
Referencias á Ermida da Guía que se ve dende a Peneda

Miña Virxe da Peneda
escribeulle a da Guía
que lle mandara decir
os miragres que facía

Nosa Señora da Guía
guíame o meu Manoel
que vai polo río abaixo
envoltiño nun papel

Nosa Señora da Guía
a guía dos mariñeiros
guíame a miña cuadrilla
toda de mozos solteiros

Nosa Señora de Darbo
ten o Darbo na mantilla,
que ll’o mandou de regalo
Nosa Señora da Guía.
Nosa Señora da Guía
ela é miña madriña
dichosa de miña nai
¡que boa comadre tiña!

Lembrando a antiga procesión que ía á capela de Soutomaior onde se venera a San Quiatán (San Caetano)

-¿Quen é aquela Señora
que vai por aquela chán?
-E a Madre da Peneda
que vai pr’o San Quiatán.

-¿Quen é aquela señora
que ven por aquela chán?
-É a virxe da Peneda
que ven do san Quietán

Meu Santiño San Quiatán
bótanos a bendición
botaina da torre abaixo
e da torre arriba non.

Referencia á imaxe da Virxe.

Miña Madre da Peneda
da Peneda, Penediña,
entrou pol-a porta grande
saíu pol-a pequeniña

Miña Madre da Peneda
abaixarvos para abaixo,
vinde tomar a medida
do voso lindo refaixo.

Miña Virxe da Peneda
funlle limpar a Capilla;
ela díxome do alto:
-Dios cho pague, miña filla.

Miña Virxe da Peneda
pequeniña, milagrosa,
vimos aquí de tan lonxe
para ver tan linda rosa.

Miña Virxe da Peneda
tén o xardín na ribada.
Mandaino regar, Señora,
por unha moza casada.

Miña Virxe da Peneda
tén o xardín na ribada.
Mandaino regar, Señora,
pol-a man d’unha casada.

Miña Virxe da Peneda
ten o tellado de pedra.
Ben o pudera ter d’ouro,
miña Virxe si quixera.

Miña Virxe da Peneda
¿Con qué peina seu cabelo?
Con unha herbiña do monte
que lle chaman tormentelo.

Miña Virxe da Peneda
está peiteando o séu cabelo,
con unhas herbiñas do monte
que lle chaman tormentelo.

Miña Virxe da Peneda,
da Peneda penediña,
chamárame ela afillado
que eu lle chamarei madriña.

Miña Virxe da Peneda,
da Peneda penediña,
chamarme vosa afillada,
que eu vos chamarei madriña.

Miña Virxe da Peneda,
ela é a miña madriña;
háme de mandar as páscoas
pol-a súa criadiña.

Miña Madre da Peneda,
o que lle foron armar,
que tiña o sacristán morto
debaixo o seu altar.

Miña Virxe da Peneda,
¡A que lle foron armar!,
que tiña o ermitaño morto
debaixo do seu altar.

Miña Virxe da Peneda,
recollei o cobertor,
que vos caeu da ventana,
cando pasou el Señor.

Miña Virxe da Peneda,
recolléi o caravel,
que vos caeu da ventana,
cando pasou San Miguel.

Miña Virxe da Peneda,
dáime a vosa meadiña,
que a tea teño parada,
fáltalle unha caveliña.

Miña Virxe da Peneda,
da Peneda penediña,
teño unha tea acabada,
fáltalle unha caveliña.

Fuxe de min que son pobre,
non teñas pena ningunha.
¡Nosa Señora m’aparte
a miña sangre da túa!

Coplas picarescas

Miña Virxe da Peneda,
falaime que teño medo,
que me queren acañar,
de detrás d’aquel penedo.
-¿Costureiriña bonita,
onde perdiche o dedal?
-No turreiro da Peneda,
onde me fún pasear.
A subila e a baixala,
a costiña da Peneda;
a subila e a baixala,
perdín o pano de seda.

Cantares para o regreso da romaría ou se non se puido ir.

Miña Virxe da Peneda,
fun alá e non a vín,
o baixar das escaleiras,
dóulle a risa para min.

Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vou,
que tiña os cartiños xuntos
e unha vella mos robóu.

Miña Virxe da Peneda,
este ano alá non vou,
tócame a rólda d’auga
¡malia quen ma vot’ou!

Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vóu,
tiña o diñeiriño xunto
e non sei quen mo levóu.

Miña Virxe da Peneda,
este ano alá non vóu,
pol-a falta de diñeiro,
moita xente se quedou.

Miña Virxe da Peneda,
para o ano alá hei d-ir
casadiña ou solteira,
ou criada de servir.
Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vóu,
para o-outro que viñere,
agárdaime qu’alá estóu.

Miña Madre da Peneda,
este ano alá non vóu,
para o-outro que viñere
a súa portiña estóu.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA 
Nuestra Señora de la Peneda. Víctor Lis Quibén
Romarías e santuarios. Antonio Fraguas.
Miña Virxen da Peneda. Antonio Soto López
Cantares Vellos. Antonio Soto López 19740612 Faro de Vigo Páx. 24.
Aportes: David Conde Lourido

domingo, 26 de abril de 2020

Linchamento dunha muller

        
Facebook APenedaOViso
 
         En la romería de Nuestra Señora de las Nieves que el día cinco se celebró en la hermita de la Peneda, límite de Redondela y Sotomayor, se presentaron dos mujeres, que decían “tener el bocado”, cometiendo toda clase de escándalos, a los cuales nadie trataba de poner coto, sino al contrario consentido y tolerados por todo el mundo. Pero a una infeliz pordiosera de Antas se le ocurrió decir que “ya no lo había echado en la fiesta del Corpiño, y que allí tampoco lo echaría”, y entonces ocurrió lo que no puede describirse.
         Una avalancha de gente se echa encima de la desgraciada mujer, la apalean, le arrancan los cabellos, le atan las manos, la sujetan el cuello a un árbol con una cuerda, y para colmo de tanta barbarie se prende fuego al monte, y solo por un milagro se salva aquella infeliz de morir abrasada.
Hechos como este revelan de un modo elocuente, claro y terminante el oscurantismo, la ceguera y la ignorancia que todavía se ceba en las clases bajas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Hemeroteca Tarragona> 18900812 El Municipio

miércoles, 15 de abril de 2020

A Peneda

Monte da Peneda. Foto: J. Migueles
        
          A Peneda é un monte que marca o límite entre Redondela (parroquia do Viso) e Soutomaior. A pesares de non ser unha cota demasiado elevada (327 m.) ofrécenos unhas vistas privilexiadas. No seu cumio atopamos a capela da Virxe das Neves do s. XVIII, construída sobre os cimentos da fortaleza de Castrizán de 1477. Esta fortaleza foi destruída pouco tempo despois da súa construción por Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga. Ademais da citada base, consérvase o muro defensivo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/s-xv-loitas-de-poder-entre-pedro.html )
 
  
Capela e Cruceiro. Fotos: J. Migueles
 
     

       Tamén, atopamos os restos dun castro, do que apenas se pode observar nada e do que se recuperaron varios obxectos que se conservan no Museo de Pontevedra. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/alguns-achados-arqueoloxicos-en.html )  

    Outra curiosidade é a entrada dunha mina de auga de orixe probablemente romana. Completan o cadro un cruceiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html )e unha impoñente sobreira, declarada en 2021 árbore senlleira. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/06/as-arbores-senlleiras-de-redondela.html )

        Nunha esquina da capela tamén podemos ver un reloxo de sol. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/reloxos-de-sol.html )



  Posible mina de auga romana, entrada e interior. Fotos: J. Migueles.

 
 
Restos dunha vivenda do castro. Foto: J. Migueles

 

Localización Monte da Peneda: 42.326881, -8.590467

Saír de Redondela cara a Pontevedra. Máis ou menos, a 2 km. atoparemos un cruce cara a O Viso. Seguindo a estrada pasaremos entre o cemiterio e a Igrexa Parroquial de O Viso. Un pouco máis adiante un camiño á esquerda conduciranos ata o cumio da Peneda.

Chegados a este punto poderemos escoller dúas opcións subir ata preto do cumio pola estrada ou coller á esquerda e realizar o camiño tradicional a pé. Esta é a ruta por onde se sube á imaxe da Virxe nas festa. A romaría chegou a ter moita devoción por ser un lugar onde se sacaba o mal do aire. Son numerosas as coplas adicadas tanto á Peneda como á Virxe. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/coplas-adicadas-peneda-e-sua-virxe.html ) A subida é algo esixente pero máis curta, ronda os 500 metros.

 

Petróglifo da Peneda

        Á altura da última propiedade privada podemos ver unha rocha con petróglifos.

Motivo 1. Dous círculos concéntricos con coviña central.

Motivo 2. Círculo con coviña central e un pequeno radio que sae do mesmo. Forma un triángulo cun círculo con coviña central e con outra coviña que aparece soa.

        Nos arredores tamén atopamos coviñas e puntos, pero pola intensa actividade de cantería semellan marcas froito desta actividade.

        Os gravados rupestres do Monte da Peneda foron declarados Ben de Interese Cultural (BIC) o 20 de Decembro de 1974. Dado que a visión desta rocha resulta pouco interesante, leva a pensar que quizais algúns motivos puideran ser destruídos.

 

Petróglifo da Peneda. Foto: J. Migueles

Petróglifo da Peneda. Fotogrametría Xosé Couñago.

 

     No traxecto atopamos outros gravados máis modernos con mensaxes escritos nas rochas do camiño polo que tradicionalmente descorre a procesión.

 

Gravado coa data de 1947.

 

Subida a pé da Peneda.

        Podemos completar á visita achegándonos ao Outeiro Grande, monte cun área con mesas, un heliporto dos servizos de loita contra o lume e unhas fantásticas vistas á Ría de Vigo. En 2023 colocouse neste punto un columpio. Localización Monte Outeiro Grande: 42.320713, -8.602429

 

O Outeiro Grande visto desde a Peneda. Foto: J. Migueles

 


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Internovas. Historias de Redondela

Elementos da prehistoria de Redondela. Xosé Couñago.

A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. Fernando Javier Costas Goberna.

SEREN

Nº3. Redondela da Prehistoria á Romanización. Rafael María Rodríguez Martínez.

Los calderos del castro de A Peneda (Redondela Pontevedra) datos y argumentos para una revalorización. Xosé Lois Armada Pita.

Redondela arqueológico-etnográfica. Jose Manuel Hidalgo.

O Viso. A construción dunha paisaxe cultural. Xurxo Constela Doce, A Citania S. L. Sociedade Cultural do Viso, 2020.

Santuario de Nuestra Señora de la Peneda. Víctor Lis Quiben.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/99-petroglifos-de-redondela-ruta-2-o-viso-zona-sudoeste-da-peneda-a-gandara-rodinas-61869141

Visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela Doce, A Citania S. L.

Aportes: Xosé Couñago.