domingo, 28 de noviembre de 2021

1859 - 1927 As Guerras de África.

 

Embarque de tropas en Vigo. Foto: Pacheco
Embarque de tropas en Vigo. Foto: Pacheco

            Calcúlase que entre 1859 e 1927 arredor de medio millón de españois participaron nas guerras de África.

            Non é sinxelo atopar información dos redondeláns que participaron nestas contendas pero xa entre 1859 e 1860 podemos citar ao Xeneral Leoncio Rubín y Oroña, substituíndo ao Xeneral Prim ao mando da División de Reserva. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-de-celis-y-orona-leoncio.html ). Non confundir co seu sobriño, o tamén xeneral Antero Rubín Homent, que da nome á Rúa Xeneral Rubín. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ). Precisamente o seu pai Evasio Rubín y Oroña, irmán de Leoncio, loitou xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral Martínez Campos, retirándose cando obtivo o ascenso a Xeneral.


Nesta época a inxusta lei de quintas permitía que as familias acomodadas pagaran para que os seus fillos non cumpriran o servizo militar e foran substituídos por mozos pertencentes á clase baixa. Por contra a Lei de 1912 reducía o servizo activo de seis a tres anos, pero créase o soldado de cuota. Esta figura abre a posibilidade de reducir aínda máis o servizo: a oito meses pagando mil pesetas e a cinco pagando dúas mil, podendo elixir destino e quedando exentos de servir en África. Resumindo, na práctica seguían sendo as clases medias e baixas as que ían á guerra.

            Outra práctica común na época era que os mozos que non se presentaban a filas eran declarados prófugos. Se eran detidos os condenaban a penas de cárcere que eran conmutadas polo alistamento forzoso á fronte de África.


Polo Ministerio de Gobernación foron indultados da penalidade de prófugos os mozos:... Serafín Martínez Blanco, da quinta de 1914 por Redondela... Todos sufrirán o sorteo correspondente para servir en África. (xuño de 1917)


Embarcando para a guerra do Rif. Vigo 1921 Foto: Llanos
Embarcando para a guerra do Rif. Vigo 1921 Foto: Llanos

            Uns meses antes desta nova, concretamente en febreiro dese ano, atopamos estoutra:


Onte verificouse no Cuartel de San Fernando, o sorteo dos reclutas que teñen que ir servir ao exército de África: ...De Redondela: Miguel Acosta Míguez, José Martínez Cabaleiro, Maximino Soto Lamas, Jaime Rodríguez Álvarez, Enrique Fernández Quijeiro, Ricardo Cabaleiro Lago e Porfirio Gómez Figueroa.

 

            O papel de Redondela nesta contenda viría marcada pola situación estratéxica da estación do ferrocarril para o transporte das tropas. Na nosa vila os trens ateigados de tropas procedentes de Coruña e Vigo enlazaban coa liña a Ourense, dirixíndose ao sur, onde embarcarían cara ao continente africano e, como veremos máis adiante, noutras ocasións sería lugar de paso cara o porto de Vigo.


            Unha das fontes de información que podemos consultar é a dos cronistas que participaron na guerra para informar a través dos xornais. Entre eles podemos citar ao ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho Shey) ou a Valentín Paz Andrade, pero tamén ao redondelán Joaquín Canós que en 1921 se alistou no Tercio de Estranxeiros partindo cara a Melilla para actuar como correspondente de “La Concordia” de Vigo.


            A finais de 1921 centos de mozos do rexemento de Murcia con sede en Vigo embarcan para ir loitar a África. Sería o 29 de agosto cando o vapor Guillén Sorolla parte con 1.200 homes ao mando do tenente coronel Lino Cordal. Pouco antes, entre xullo e agosto, producírase o coñecido como o Desastre de Annual, no que preto de 11.500 españois perderon a vida. Ás escenas de dor na despedida no porto vigués deron paso á preocupación pola falta de noticias dos soldados desde a fronte e desembocaron, a principios de 1922, nun clamor pola volta daqueles homes. O primeiro caído sería o soldado Gumersindo Fernández, durante una emboscada o 18 de outubro de 1921. O combate más importante sería o 18 de abril de 1922 en Miskrella, onde faleceron José Orol Méndez, José González Fernández, Pepito Portela Fontán, Antonio Somoza Rodríguez e Ramón Fraga.


Na escola de Erundina Pérez Sobrino celebrouse o Sagrado Corazón de Xesús. Asistiu o párroco de Vilavella, José Sátiro Redondo. As nenas iniciaron unha subscrición para mandar dicir misas polos soldados falecidos en África.

 

1925 Escola de Erundina Pérez Sobrino-Foto Redondela crónica gráfica
Escola de Erundina, 1925.

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.



            Non sería ata outubro de 1922 que as tropas do rexemento de Murcia volverían no vapor Romeu despois dun longo ano de combates. Non é sinxelo atopar datos dos redondeláns alá destinados. A continuación citaremos os que van aparecendo.


            Un dos licenciados nesta data sería Alfredo Basanta Puig, oficial de Correos en Pontevedra e fillo do xefe de Telégrafos de Redondela, Alfredo Basanta Useletti. Co tempo este mozo acabaría sendo trasladado á nosa vila, casando máis tarde en Reboreda con Gloria Criado Fontán. En 1931 volvería a traballar en Pontevedra.

            En outubro de 1922 publícase outra nova:


Cantidades recadadas polas escolas para o Aguinaldo do Soldado e soldados aos que van destinadas: Escola de nenas de Redondela, 45; Soldados: Julián Calzas González, Wad-Ras. Escola de Vilavella, Josefa Valverde, 10; Soldados: Juan Sarmiento, Burgos, e Juan Rodríguez, Murcia.


De Juan Sarmiento aínda non fun quen de atopar datos pero os outros dous si que son coñecidos:


Julián Calzas González foi nomeado mestre de Trasmañó en 1919 como opositor procedente da provincia de Soria. Pouco despois é dado de baixa do servizo ao alistarse para combater na guerra de África. Alí sería ferido e despois de licenciarse reincorporouse a dita escola. En setembro de 1925 concédeselle a praza que solicitara en Peñaranda de Dueso (Burgos) o que supón a súa marcha da nosa vila. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-l.html )

 

Equipo do Rexemento de Murcia. Juan Rodríguez 6º de pé. Vida Gallega
Equipo do Rexemento de Murcia. Juan Rodríguez 6º de pé. Vida Gallega

Juan Rodríguez LópezRedondela” foi un dos precursores do fútbol en Redondela. Alistado no batallón de Murcia con base en Vigo venceu no Campionato de España Militar de 1920. Este pode considerarse o primeiro triunfo do fútbol galego e as rúas da cidade olívica ateigáronse de xente para recibir aos seus heroes. Este éxito non o librou de servir en África, pero unha vez licenciado, en outubro de 1922, fichou polo Real Fortuna. Con este equipo formaría ata a súa desaparición ao ano seguinte, cando se fusionou co Real Sporting de Vigo para fundarse o R. C. Celta. Na súa traxectoria xogaría cos principais equipos galegos: Pontevedra Athletic, Deportivo da Coruña, Eiriña, Orense F. C. E unión Sporting de Vigo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/07/futbol-os-precursores-futbolistas-da.html )

Campionato Militar 1920, recibimento en Urzáiz. Vida Gallega
Campionato Militar 1920, recibimento en Urzáiz. Vida Gallega

 

            Ademais de Juan Calzas cando menos outro mestre loitaría en África, sería o mestre da graduada de Redondela Joaquín Pais Llorens. Sarxento do batallón expedicionario de Murcia destinado en Xauen (África), en xaneiro de 1921, desfruta dun mes de licenza, convalecente dunha enfermidade da que tivo que recuperarse durante dous meses no sanatorio “Pedrosa” de Santander. Como os anteriores licenciouse en outubro de 1922 reincorporándose ao seu posto. Máis tarde sería director da escola de Redondela e alcalde interino da Comisión Xestora de Redondela entre marzo e abril 1933. Tras o golpe de Estado de 1936 esta implicación na política local o levaría ao cárcere e á perda do seu emprego, véndose na obriga de subsistir dando clases particulares. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-m-z.html )

 

Pais LLorens, Joaquín. Foto Bodas de Oro Antonio Ocampo
Joaquín Pais Llorens. Foto publicada en Bodas de Oro. Antonio Ocampo


            Outro licenciado da Guerra de África en outubro de 1922 sería:

Co batallón de Murcia regresou de África o soldado voluntario e alumno avantaxado de Maxisterio, Antonio Extremadouro Otero.


            Dentro da propaganda animando aos mozos a alistarse atopamos en agosto de 1921:


O xove de Redondela, Eusebio Otero Figueroa, que segue a carreira de mariña mercante, elevou ao ministro de Mariña unha instancia ofrecendo os seus servizos voluntaria e gratuitamente para desempeñar calquera cargo nun buque hospital destinado a feridos en Marrocos.


Eusebio Otero, 1927. Cedida pola familia Fernández Otero
Eusebio Otero, 1927. Cedida pola familia Fernández Otero

            Ata o de agora non fun quen de constatar ningún falecemento dun soldado redondelán, pero si a do familiar dun dos nosos veciños en 1926:


Faleceu en Sidi Dris (guerra de África) o tenente médico militar Luis Hermida Pérez, que estudara na Universidade de Santiago e era irmán do rexistrador da propiedade de Redondela, Felipe. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/rexistrador-da-propiedade.html )


            Os soldados que marcharon a África con poucos recursos tampouco nadaban na abundancia ao seu regreso:

A garda civil busca a un ex-lexionario en África pola roubo no almacén do ferrocarril dun fardo de pezas de satén dirixido ao xastre de Redondela Joaquín López. (19231202 El correo de Galicia (ARX))


Chegada do vapor Romeu a Vigo. Foto: Pacheco
Chegada do vapor Romeu a Vigo. Foto: Pacheco

            Non a todos lle foi mal en África, a familia Saavedra de Reboreda faría fortuna producindo roupa para o exército nas colonias españolas do norte de África, como Larache.


            Nos sucesivos anos moitos redondeláns seguirían tendo que cumprir o servizo militar no continente africano:


Saíron para África para cumprir os seus deberes militares, Paulino Villar Martínez e José Barreiro Barreiro. (19290414 El pueblo gallego)


Chegou procedente do Norte de África, Luis Cuntín, en disfrute de licenza. (19561002 El pueblo gallego)


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Vigo en la guerra del Rif. Eduardo Rolland. https://www.vigoe.es/.../mas-vigo/vigo-en-la-guerra-del-rif/

La guerra del Rif. 01. El injusto sistema de quintas. Fernando R. Quesada Rettschlag. https://www.frquesada.com/la-guerra-del-rif-01-el.../.

La tropa viguesa en África. Jorge Lamas. http://lamasdono.blogspot.com.es/.../la-tropa-viguesa-en…

Militares censados en el campo de Granada. Gerardo González Martín. Atlántico Diario. https://www.atlantico.net/articulo/vigo/militares-censados-campo-granada/20160214034319514615.html

Diario de un testigo de la guerra de África. Pedro Antonio de Alarcón. Luarna Ediciones 2009.

La Voz de Galicia

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El norte de Galicia, El Diario de Pontevedra, Vida Gallega, La Integridad, Galicia diario de Vigo, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Heraldo Gallego, El Ideal Gallego, El Noticiero Gallego

jueves, 25 de noviembre de 2021

Victoriano Ballesteros Reboreda (Chapela, 1896-1960).

 


Xornalista. Director do semanal “Galicia Social” de Vigo. Foi un dos fundadores do xornal en 1919 e comezou a dirixilo en 1923, cargo que ocuparía ata o seu falecemento. Este xornal era de marcada ideoloxía católica como o marca o feito de que organizara peregrinacións a Lourdes ou Covadonga. En 1925 tamén dirixiu un novo semanario vigués chamado “Última hora”. Correspondente da axencia Logos ademais de realizar crónicas para o diario Ya.

Tenente alcalde do Concello de Vigo (en 1928). En 1929 aparece como concelleiro suplente. Destacado membro da Sindicato Obrero Católico de Vigo do que era vicepresidente a finais dos anos 20. En 1930 aparece como presidente do re-fundado C. D. Bosco, equipo de fútbol ligado á escola dos salesianos. Xa na 2ª República, en xaneiro de 1932, aparece como vocal do partido político confesional católico recen fundado en Vigo, Acción Nacional. Este partido sería a base da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA).

Durante a Guerra Civil apoia ao bando franquista, participando en Radio Vigo no programa “Charlas patrióticas”, desde setembro de 1936. En 1939 comeza a escribir artigos e crónicas deportivas para El Correo Gallego dos que destacaremos, no referente a Redondela, os adicados á busca do tesouro de Rande en 1940. En 1947 foi homenaxeado con motivo de cumprir 25 anos á fronte da dirección de “Galicia Social”. Por esa época convértese en redactor de Hoja Oficial del Lunes e comeza a colaborar con El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. Tamén sería nomeado vogal de honra da Asociación de Prensa de Vigo. Faleceu en 1960 aos 65 anos.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Galicia, Vida Gallega, El Pueblo Gallego, El Diario de Pontevedra, El correo de Galicia, El Ideal Gallego, Hoja oficial del lunes, El Eco de Santiago, El Correo Gallego

Amado Ricón Virulegio (Redondela, 1933/Redondela, 7-8-2019).

 

Amado Ricón. Foto compartida polo PP de Redondela

 

Fillo do ebanista Amado Ricón Villar (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/ricon-villar-amado-redondela-1900-1945.html )

En 1958 emigrou a EE. UU. onde exerceu como catedrático de Literatura Española na Universidade de New York. Naquela cidade presidiu a Casa de Galicia. Xubilado en 1992, retornou a Galicia onde recibiu a Medalla Castelao, destacándose o seu estudo da obra de Eduardo Pondal. Foi presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

En Redondela é moi lembrado polo seu paso pola política local. En 1995 presentouse nas municipais como candidato do PP, accedendo á alcaldía ao ano seguinte despois dunha moción de censura. O seu mandato estivo marcado polo conflito coa recollida do lixo que naquela época se queimaba na Marisma. Un problema, o da xestión dos residuos, que se repetía en toda a xeografía galega naqueles anos. Nesta época tamén exerceu o cargo de Deputado provincial.

Investigador da historia local de Redondela, publicou varios artigos no Boletín do Seminario de Estudos Redondeláns:


A Batalla Naval de Rande. SEREN Nº8, 2020.

Notas dispersas sobre don Isidoro Queimaliños Queimaliños. SEREN Nº6, 2009.

Bosquexo da orixe da igrexa de Santiago de Redondela: vida dalgúns abades e a súa obra. SEREN Nº5, 2008.


Anos antes, deunos a coñecer a antigos persoeiros da vila e a Lenda de Marcolfo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=marcolfo ) Ademais de deixarnos numerosos artigos en xornais e nas publicacións das Festas da Coca, sirva como exemplo: Familiares y Oficiales redondelanos del Santo Oficio de la Inquisición y sus Genealogías. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca.

Obras publicadas:

Eduardo Pondal. Conciencia de Galicia. 1981.

Estética poética de Eduardo Pondal, 1985.

Os Eoas. Eduardo Pondal. Limiar, transcrición, selección e notas de Amado Ricón Viruleg, 1992.

Castelao, propagandista da República en Norteamérica, 2000. Emilio González López e Amado Ricón Virulegio.



Outros artigos:

Origen y sentido del himno gallego. Boletín da Real Academia Galega. Nº356, 1974.

Algunos ejemplos del ‘Axis rítmico’ en la poesía de Pondal. Boletín da Real Academia Galega. Nº345-360, 1968.

Relación contemporánea sobre la llegada y estancia en Galicia de la reina Dª Mariana de Neoburgo en 1960. Compostellanum: revista de la Archidiócesis de Santiago de Compostela. Vol. 13. Nº4 (Octubre-Diciembre, 1968).


Colaboraciones en obras colectivas

A fronte popular antifascista galega de Nova York: o ambiente políticos dos españois, cando chegou Castelao a Nova York. Amado Ricón Virulegio. Congreso sobre Castelao: actas do congreso realizado pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Rianxo, dos días 25 ó 29 de xaneiro de 2000, 2001.

Castelao propagandista da República e organizador galego. Amado Ricón Virulegio. Actas Congreso Castelao. Tomo I: (Santiago de Compostela, 24-29 novembro 1986). 1989.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

SEREN. Boletín do Seminario de Estudios Redondeláns.

Publicacións da Festa da Coca. Varios anos.

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

jueves, 18 de noviembre de 2021

De cando varias rúas de Redondela eran atendidas polo párroco de Reboreda.

 

Redondela. Debuxo de Castor Míguez, 1890.
Redondela. Debuxo de Castor Míguez, 1890.



        En 1890 varias rúas do centro urbano de Redondela denuncian ao Bispo de Tui que eran atendidas polo cura de Santa María de Reboreda e solicitaban a súa agregación á parroquia de Redondela: “...esta última parroquia dispone a la vez dentro del casco de la población de Redondela del trozo de casas y calles señaladas con tinta carmín, designadas por las calles de Alfonso XII, calle del Rivero y manzana derecha entrando de Oriente a Occidente de la calle del Bal con númº12 y propiedade de D. José Comesaña hasta el nº 23 en que termina”. Serían as actuais Alfonso XII, Reveriano Soutullo e parte do lado dereito da rúa Isidoro Queimaliños.


A Rúa do Medio.

Esta última rúa citada, ao ter nunha marxe casas de Reboreda e na outra de Redondela pasou a chamarse popularmente Rúa do Medio.

¿Por que hoxe en día se lle chame Rúa do Medio á R. Reveriano Soutullo e non á R. Isidoro Queimaliños? O motivo podería ser que a Rúa Isidoro Queimaliños foi nomeada Rúa Reveriano Soutullo durante a II República. Cando en 1960 lle deron o nome de Reveriano Soutullo á Rúa do Ribeiro, esta pasou a ser coñecida popularmente como Rúa do Medio.


Orixe do conflito.

¿En que momento estas rúas pasaron a pertencer ao cura de Reboreda?

Xa en 1890 os veciño das Rúas Ribeiro e Val non o lembraban: “... privilegio que a nada obedece y cuyo origen es desconocido. Consta no obstante, segun se dice, de un pleito habido sobre el derecho de patronato de esta parroquia”. Pola outra banda, os veciños da Alfonso XII danos algún dato máis: “en el pleito habido con su Majestad el Rey en el siglo 16 ó 17 que el Parroco de Reboreda entiende su jurisdición a una calle y parte de otra de la dicha Villa, sin especificar su nombre, ni el motivo de su privilegio”.

Alejandro Martínez comentou que lle soa ter lido que foi porque o párroco de Redondela desatendeu estas rúas durante unha peste e os veciños enoxados solicitaron ser asistidos polo cura de Reboreda. Sexa como fora atopei o nome de Rúa do Medio nun texto de 1605, o que nos indica que o troco de parroquia debeu acontecer cando menos no século XVI ou nos primeiros anos do XVII.


Redondela 1909. Postal: Hauser y Menet
Redondela e ao lonxe a igrexa de Reboreda, 1909. Postal: Hauser y Menet

Rúas Ribeiro e Val (actuais Reveriano Soutullo e Isidoro Queimaliños)

Os veciños das rúas Ribeiro e Val deixan clara a situación do servizo relixioso que están a recibir: el Parroco de Revoreda egerce su cargo pastoral sobre los referidos vecinos, y a el se les obliga siempre recurrir en esta materia, y solamente de la parroquial de esta villa se le facilita el sagrado viaticio y Extremauncion para que el mismo pueda administrarlos a los mencionados vecinos, debiendo sepultarse y enterrarse en esta de Redondela, repartiendo entre ambos parrocos los derechos, que por este concepto se perciben”.

Na defensa das súas pretensións alegan a localización no centro urbano da vila: Dichas calles se hallan enclavadas en el centro de esta de Redondela de tal manera que no puede pasarse a ellos sin pisar y atravesar calles y territorio de esta villa.”; estando moi lonxe da igrexa de Reboreda: hallandose la parroquial de Revoreda cerca de tres cuartos de hora de camino para llegar a las calles referidas; motivo por lo cual se les causa una verdadera molestia, y se ofrece infinidad de obstaculos para el servicio espiritual de estos vecinos; por eso vienen ya de muy antiguo clamando para que desaparezcan esta anomalia.”

A continuación enumeran os perxuicios que lles supón esta situación: mal tiempo, y que este dura muchas veces a dos y tres meses, en virtud del cual se ponen intransitables los caminos hasta el termino de solo a caballo poder andar. Obligar pues a que los vecinos de estas calles tengan que caminar cerca de tres cuartos de hora en estas circunstancias, que acontencen en la mayor parte del año, para llevar a la parroquial de Reboreda a unas tiernas criaturas, a fin de ser bautizadas, esto es insoportable a un padre que ve esponer a sus hijos sino a la muerte; al menos a una enfermedad segura que le espone a fallecer. Y no es menos penoso y molesto el tener que emplear hora y medio de camino, a fin de que pueda el referido parroco administrar los ultimos sacramentos a los pobres enfermos, cuando no se tiene el desconsuelo de verles fallecer sin poder reconciliar sus almas con su Hacedor.”


Rúa Alfonso XII

Os veciños da Rúa Alfonso XII alegan que as súas casas son de nova construción e que nunca deberon ser atendidos polo cura de Reboreda: de ninguna manera debe atenderse a esta calle nueva, casas construidas sobre terrenos distintos de aquellas y en su mayoria en terrenos de aprovechamiento de las marismas que datan las dos primeras del año de 1869, y las mas del 79 hasta la fecha, siendo por lo tanto un abuso del párroco de Reboreda el apropiarse de mas vecinos que los que ya poseia. Sin duda alguna dio lugar a esta intrusion al hallarse esta calle enfrente de las de su jurisdición y haber sido uno de estos antiguos vecinos el primero que edificó y allí se haya trasladado a vivir, y que por evitar enojosas cuestiones y por deferencia permitió al principio percibiese los derechos pascuales; y por otra parte como en un principio hasta hace diez años los vecinos han sido solamente dos o tres, y esta Villa desde dicha fecha fue regentada por Economos hasta el año de 1880 nadie ha hecho reclamación alguna y así se fue introduciendo este abuso con perjuicio del bien espiritual de los fieles”.

Como os veciños das outras rúas afectadas denuncian a situación que levan séculos sufrindo: que les es demasiado perjudicial tener que andar cerca de tres cuartos de hora, la mayor parte del año con mal tiempo y caminos intransitables, a fin de que las tiernas criaturas puedan ser bautizadas, esponiendolas con tal motivo a la muerte o enfermedad segura; y no es menos graboso el emplear hora y media para que pueda llegar a tiempo el Parroco a administrar los ultimos sacramentos a los pobres enfermos, careciendo la mayor parte de las veces de los ausilios en los ultimos momentos”.


Rúa Alfonso XII anos 20-30 Colección Thomas. IEFC (Instituto de Estudios Fotográficos de Cataluña).
Rúa Alfonso XII anos 20-30 Colección Thomas. IEFC (Instituto de Estudios Fotográficos de Cataluña).

 

Trámites

Por mandado do Bispo de Tui con data de 19 de xullo de 1890 ínstase ao Alcipreste de Redondela, daquela o Abade Párroco de Cedeira, para que con dous párrocos ou sacerdotes estude la agregación de Reboreda a Redondela consultando a un e outro párroco e ao patrono da de Reboreda.

O párroco de Cedeira, Francisco Bernardez, informa o 23 de agosto de que elixiu para esta labor aos párrocos de Saxamonde e Cesantes, Ricardo Sampedro e José Dávila. O cura de Saxamonde era irmán do avogado Casto Sampedro Folgar. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )

A primeira reunión será co patrono de Reboreda, que non é outro que o afamado político Juan Manuel Pereira (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html ): me he apersonado al Escmo. Patrono D. Juan Manuel Pereira, el cual manifestó hallar muy justa y razonable la pretensión de los esponentes manifestando su conformidad en ello.” Nas entrevistas mantidas cos párrocos de Reboreda e Redondela, os dous amosáronse tamén dacordo


Juan Manuel Pereira. Foto: José Suárez, 1869. BNE
Juan Manuel Pereira. Foto: José Suárez, 1869. BNE

Resolución

O 5 de setembro de 1890 o Bispo de Tui resolve: la desmenbración de la de Reboreda de la parte de las calles mencionadas y su agregación a la de Redondela, fijándose como limite entre ambas la antigua línea que partiendo del crucero llamado del Carrascal sigue en una amplitud de ciento cuarenta y ocho metros y cuarenta centímetros por la propiedad de los herederos del Presbítero Prudencio Molinos y D. Manuel Valenzuela Vieites, lugar del Espiritusanto, y bajo un angulo obtuso de ciento cincuenta grados dieciocho minutos continua la división por entre casa y casa de D. Pedro Fontenla y D. Juan Esteiro, hasta los bajos molinos harineros del río principal de dicha villa, sirviendo luego de límite divisorio la configuración o alveo de la expresada corriente o río, que desemboca en la Ría de Redondela”.

O cruceiro do Carrascal, hoxe desaparecido, era o histórico límite entre Redondela, Reboreda e Cesantes. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/cruceiros-desaparecidos.html ). Os muíños aos que fai referencia son os que estaban no coñecido como Barrio dos Muíños. A nos chegaron os nomes dos muíños de Pájaro Pinto, Domitila e Filomena, dos que tan só se conserva parte do de Domitila. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )

O Bispo remata ordenando que se realice pública lectura do seu ditame nas igrexas de Santa María de Reboreda e de Santiago de Redondela: Espidase testimonio este auto a ambos Párrocos, para que lo lean al ofertorio de la Misa popular levantando a continuacion acta por ante Notario”.


A orde sería acatada o 15 de setembro na igrexa de Redondela. O párroco, Bernardino Couñago Besada, leu ante os asistentes á misa a certificación, polo secretario da Diocese de Tui, da disgregación de Reboreda das Rúas Alfonso XII, Riveiro e metade do Val e a súa agregación a Redondela. Levanta acta deste feito o notario eclesiástico da diocese de Tui e veciño de Redondela, Salvador Luis Barros Pereira, actuando como testemuñas José Benito Rodriguez Arango, licenciado en Dereito e Fiscal Municipal, e os médicos Isidoro Queimaliños Queimaliños e Manuel Amoedo Acuña.

Á semana seguinte, faría o propio o cura ecónomo de Santa María de Reboreda, José Moreira, asistindo nesta ocasión como testemiñas: o presbítero Manuel Fernández Presa e os labradores e veciños de Reboreda, Jose Mario Rivas Miguez e Roque Ramos Piedras.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Deslinde parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro Martínez Adán.

Anecdotario Redondelán. Rueiro de Redondela: https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html




sábado, 13 de noviembre de 2021

O Castro de Negros

 

O Castro de Negros desde o outro lado do Val do Maceiras

O Castro de Negros está enclavado dentro do conxunto arqueolóxico de Monte Penide ou Monte Mirallo. ( Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html )

Podemos acceder a pé dende a Mámoa do Rei, pola pista de terra collendo a da man dereita, ou tamén ten acceso dende a Senda da Auga pero a pendente é bastante pronunciada.

O castro non está escavado polo que tan só poderemos ver parte do muro exterior e depresións no terreo que indicarían a existencia de restos de vivendas. Este castro está moi ligado ás lendas das mouras polo que tamén podemos observar rochas cos nomes de: Igrexa da Petra, Cama da Moura e Cama dos Nenos. Ademais nos arredores están catalogados varios petróglifos e unha singular estela-menhir. O lugar tamén conta con fermosas vistas ao val do río Maceiras e ao centro urbano de Redondela.


Petróglifo nunha rocha volteada na apertura do acceso

Cama da Moura, rachada na instalación da torre de alta tensión.

Cama dos Nenos

 

Estea menhir
Igrexa da Preta afectada polo lume de 2018


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No lado negativo citar que no cumio do castro se instalou unha torre de alta tensión e unha antena de telecomunicacións do aeroporto de Peinador. Para esta tarefa abriuse unha pista atravesando a muralla do castro despois de nivelar o acceso mediante a acumulación de toneladas de entullos. A desfeita completouse coa colocación de mesas, bancos, unha fonte e ata un cruceiro por parte da Comunidade de Montes de Santo Estevo de Negros. A colocación da tubaxe da fonte sería especialmente lesiva cos restos do castro. A retirada de todos estes elementos sería un paso importante na posta en valor do que é un dos principais atractivos turísticos de Redondela.

Vista das agresións do castro

Outra agresión máis que sofre este castro viría pola aparición de restos, sobre todo cerámicos, o que levou á creación dun pequeno museo na escola de Porto Cabeiro, animando aínda máis a que os alumnos-as xogaran aos arqueólogos. Estes restos deberían ser postos en valor nun lugar máis axeitado. Calquera escavación no castro precisa unha autorización e unha supervisión de arqueólogos-as titulados, todo o demais é espolio do noso patrimonio.

Cruceiro no Castro de Negros

 

Outro achado en 2019 sería a de parte dunha ánfora.

Durante a tala en 2020 de eucaliptos queimados nun incendio A Citania S. L. descubriu un total de 9 novos petróglifos caracterizados por ser conxuntos de coviñas.

 

 

Novos petróglifos 2020


Por desgraza na realización destes traballos ao abrir unha pista de acceso as máquina deron cun muro que romperon. A parte positiva foi que este descubrimento serviu para establecer que o perímetro do castro era moito máis grande do que se pensaba.

 

Parte da man dun muíño

Restos de cerámica

Por se estes achados foran pouca cousa atopouse un betilo, obxecto relixioso de orixe púnico datado no S. IV ou V a.c. Crese que os púnicos chegaron desde o Mediterráneo ata as nosas costas buscando metais, principalmente estaño. Son moi poucos os betilos atopados en Galicia ata o de agora. Os máis próximos serían o do castro da illa de Toralla e o de Punta do Muíño do Vento no actual Museo do Mar (ambos en Vigo).

O betilo na súa presentación en Redondela

  

Pouco despois destes traballos Xosé Couñago atopou outro conxunto de coviñas: 42°15'47.7"N 8°37'33.0"W

Petróglifo descuberto por X. Couñago

Mágoa que despois desta tala o castro pouco a pouco volve a quedar tapado polos eucaliptos, polo que nun futuro é máis que probable que volva a sufrir incendios e novas cortas, o que levará a novas agresións.


Para saber máis.

Museo Virtual Monte Penide Prehistórico. A Citania S. L., Xurxo Constela. http://montepenideprehistorico.com/es/index.html

Ruta alternativa:

http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=185427

Blog de Xosé Couñago no que aparecen dúas rutas.

http://montepenide.wordpress.com/


Texto e fotos: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Internovas. Historias de Redondela

Elementos da prehistoria de Redondela. Xosé Couñago.

A lámina de sílex de Monte Penide. X. C. Abad Gallego.

A arte rupestre prehistórica do Concello de Redondela. Fernando Javier Costas Goberna.

SEREN

Nº3. Redondela da Prehistoria á Romanización. Rafael Mª Rodríguez Martínez.

Anuario del Cuerpo Facultativo de Archiveros Bibliotecarios y Arqueólogos. 1934 nº 2: Los petroglifos de Monte Penide y los estudios sobre arte rupestre gallego-portugués. Fermín Bouza Brey.

Trisquel. Archivos del patrimonio histórico gallego. Julio Fernández Pintos.

Monte Penide (Redondela) Xosé Couñago.

Petroglifos y asentamientos: El caso del Monte Penide (Redondela, Pontevedra). R. Fábregas Valcarce e outros.

Redondela arqueológico-etnográfica. Jose Manuel Hidalgo.

Museo Virtual Monte Penide Prehistórico. A Citania S. L., Xurxo Constela. http://montepenideprehistorico.com/es/index.html