miércoles, 28 de octubre de 2026

A Virxe das Angustias da Capela de Santa Mariña e a Virxe do Carme de Cesantes.

 

 

Altar maior da Capela de Santa Mariña. Foto cedida por Xosé Couñago

En todas as igrexas e capelas hai imaxes de virxes e santos, pero non sempre é sinxelo saber a súa procedencia e o seu autor. A mellor forma de investigar sería consultar os libros de fábrica de cada parroquia ata atopar o rexistro da chegada da imaxe. Un traballo inxente que quizais nun futuro a dixitalización de documentos nos facilite. Pero ás veces, as casualidades fan que descubras vinculacións entre imaxes tan dispares como son a Virxe das Angustias da Capela de Santa Mariña e a Virxe do Carme da Igrexa de Cesantes.


A imaxe da Virxe das Angustias da Capela de Santa Mariña

Entre as buscas que realizo atopei unha estampa da Virxe das Angustias na que se pode ler: “Ramón Núñez. Catedralicio de Modelado de la Escuela Especial de Artes e Industrias”. Trátase de Ramón Núñez Fernández que exerceu dito cargo como mestre da Universidade de Santiago entre 1894 e 1910. Este dato xa nos ofrece unha datación aproximada da chegada da imaxe a Redondela.

Estampa da Virxe das Angustias. todocoleccion.net


A Virxe do Carme de Cesantes.

Na base desta virxe podemos ler nunha chapa:

Párroco: D. José Dávila

Donante y propietario: D. Juan Castro Lago

Camareras: Dª Dolores Lago V. De Castro

Dª Ana C. de Castro

Año de 1902.


Base da Virxe do Carme. Foto cedida por Jose Antonio Martinez Fdez


O cura era José Dávila Albán quen exerceu en Cesantes desde decembro de 1880 ata o seu falecemento a finais de 1917. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/curas.html ). O doante sería Juan Castro Lago, caixeiro da casa consignataria da Mala Real Inglesa, e as camareiras a súa nai, Maximina Dolores Lago Cobián, quen exercera de mestra en Redondela, e a súa dona Ana Carrasco. Era unha familia moi coñecida en Redondela porque o seu irmán, Casto Castro Lago, era secretario do xulgado e a súa irmá, María Castro Lago, era directora da escola de nenas de Redondela.

Segundo recolleu José Antonio Martínez Fernández da súa tía Muchita: “...a Santa (Virxe do Carme de Cesantes) foi doada por unha tal Dña. Ana cando Sña. Josefa a Valdiña llle comprou unha propiedade (onde imparte clase Elena a do Porco diante do que fora o campo de fútbol do Arenas)...”.

 

Virxe do Carme. Foto cedida por Xosé Couñago

 

En canto a autoría da imaxe unha nova do xornal La Idea de outubro de 1902 danos a resposta:

Si el 25 del actual llega a este pueblo la imagen de la Virgen del Carmen que nuestro querido amigo D. Juan Castro Lago encargo al escultor Sr. Nuñez de Santiago, se celebrara. el domingo proximo en la iglesia de Cesantes la bendicion de dicha imagen cantandose misa, solemne y saliendo luego la procesion. Dichos cultos revistaran toda la magnificencia y solemnidad posibles.

Es de esperar que a tal funcion religiosa asistan numerosos fieles de este pueblo.


Queda claro así que o autor da imaxe da Virxe do Carme é Ramón Núñez Fernández, o mesmo escultor que realizou a Virxe das Angustias da Capela de Santa Mariña.


Noutra nova recóllense os festexos que se realizaron con motivo da chegada do santo:

Como digimos se celebró en Cesantes, el 26 del más próximo pasado, la función religiosa que nuestro querido amigo D; Juan Castro Lago costeó en honor de la. Virgen del Cármen. Se dijo en aquella parroquial misa cantada, estando la parte musical á cargo de D. Generoso Muiños,

saliendo después la procesión que recorrió. el trayecto acostumbrado.

La vara del estandarte la conducía. D. Juan Castro y los cordones eran recogidos por el alcalde D. Avelino Giraldez y el médico D. Isidoro Queimaliños. Lo más notable y saliente en esta festividad, aparte de los cultos celebrados que resultaron expléndidos, es la belleza de la nueva imágen que es una verdadera obra de mérito, tanto apreciandola en conjunto como minuciosamente, y honra á los talleres del Sr. Nuñez de Santiago, donde todas las personas que la han visto hicieron verdaderos elogios de su escultura y personalmente oyó por ello el Sr.. Nuñez sinceras y justisimas Felicitaciones.

Orgulloso también debe estar el Sr. Castro Lago, pues la imagen no deja nada que desear y seguramente habrá llenado todas sus aspiraciones.

Con motivo de la función que se celebraba y de la bendición de la nueva imagen, obsequió el Sr. Castro con un suculento almuerzo a varios amigos, entre los que se hallaban su señora madre y esposa y los señores abad de Cesantes, Redondela y Reboreda, el coadjutor de la primera parroquia nombrada, D. Manuel Pérez Alban, D. juan_ Castro Lago, D. Isidoro Queimaliños, D. Avelino Giraldez, D. Casto Castro, D. Ramon Nuñez, D. juvencio Rodriguez Parrado, D. Generoso Muiños D. josé Borines Sobrino, D. Ramon Muiños, D. Tomás Lago Garrido y el director de este semanario D. BuenhijoPérez Sobrino; quienes han agradecido muchísimo tal deferencia.

Por la tarde la música tocó algunos números á cuyos acordes bailó la juventud de esta villa y de la_ parroquia citada; y á la puesta del sol se condujo á este pueblo, ,procesiónalmente la nueva Virgen del Cármen hasta la casa de la camarera D“. Dolores Lago. ¡

Antes de terminar estas" lineas cúmplenos hacer presente y ensalzar los sentimientos religiosos de nuestro amigo D. juan Castro quien siguiendo la tradicion de su familia conserva

especial devoción á la Santísima Virgen del Carmen.


Ramón Núñez era natural de Cádiz, formándose en Zamora, con Ramón Álvarez, e Madrid, con Juan Samsó. Algunha das obras realizadas durante a súa estadía en Santiago serían: as figuras da fachada da Facultade de Xeografía e Historia, as virtudes teologais do tímpano da fachada do Mosteiro Mercedario de Conxo (Hospital Psiquiátrico), figuras das Virtudes nos sepulcros da capela da Comuñón na catedral, imaxes da Fe e a Esperanza, nos sepulcros dos arcebispos Bartolomé Rajoy e Lope de Mendoza tamén na catedral, o frontón da Facultade de Menciña e os bustos de Montero Ríos e Cervantes.

Ramón Núñez cara a 1894. La Opinión El Correo de Zamora

 

En 1908, recibe a medalla de prata da Exposición Hispano Francesa coa obra “Defensa del reducto del Pilar”.

En 1911 trasládase á Universidade de Valladolid onde ocupará a cátedra de modelado na Escuela de Bellas Artes, facultade da que foi director entre 1912 e 1924, e o cargo de Escultor Anatómico de la Facultad de Medicina. Remataría a súa carreira en Madrid entre 1931 e 1937.

Outras obras deste escultor serán: Sagrado Corazón de Jesús nas Torres da Catedral de Valladolid (1923), da igrexa parroquial de Fuentes de Béjar (1929) e de Puertollano, Ciudad Real (1930); Nuestra Señora de Lourdes, na Igrexa Parroquial de San Ildefonso, Valladolid (1917) e na fachada do Colegio de Nuestra Señora de Lourdes, Valladolid (1924); La Sentencia, “paso” procesional, Cofradía de la Vera Cruz, Zamora (1925); 1926.- Bustos dos doutores D. Luis Mercado e Daza Chacón nos xardíns da Facultad de Medicina de Valladolid (1926); Cristo Rey, para o Apostolado de la Oración, Igrexa do Sagrado Corazón de Jesús e San Ignacio de Loyola, Valladolid (1927); Cristo Yacente, Cofradía del Santo Sepulcro, Palencia (1927)...

 

Fachada da Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.

Mestras de Redondela. 1900-1945. Ed. Asociación de Mulleres Xanela.

La Idea

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Correspondencia Gallega, El Pueblo Gallego, El Noticiero Gallego, El Diario de Pontevedra, El Ideal Gallego, Correo de Galicia, El Magisterio Gallego...

Aportes: José Antonio Martínez Fernández

ANDRES ORDAX, Salvador. Notas acerca del escultor Ramón Núñez Fernández, en Santiago de Compostela. Norva Arte Nº34 (2014).

El arte en Béjar. 1900-1950. Pablo Puente Aparicio. Centro de Estudios Bejaranos

file:///C:/Users/super/Downloads/Dialnet-ElArteEnBejar19001950-4645217.pdf

Cofradías Sacramentales, de Gloria y Devocionales en Valladolid. Francisco Javier Juárez Domínguez.

https://gloriasdevalladolid.blogspot.com/2012/02/el-escultor-ramon-nunez-fernandez.html

El Correo Gallego

https://www.elcorreogallego.es/opinion/2022/01/26/ramon-nunez-109735462.html

La Opinión de Zamora

https://www.laopiniondezamora.es/semana-santa/2021/04/01/monumental-huella-escultor-cristiano-ramon-46024065.html

NOTA: (Pendente de ler)

ANDRES ORDAX, Salvador. Monumentales virtudes teologales, del escultar Ramón Núñez, en el Hospital Modelo Psiquiátrico de Santiago de Compostela. Revista Abrente. Vol. 46. Año 2014. Páx. 333.

ANDRES ORDAX, Salvador. De Santa Cruz a lo más alto. Ramón Núñez F. Matheu, “el escultor de las alturas” (según F. Cossío). Universidad de Valladolid, 2020.




jueves, 13 de agosto de 2026

Minusvalías no século XX.

Entrega de cadeira de rodas a Manuel Martínez Barreiro, 1964. Foto Fotsca. Cedida por José Antonio Martínez Fernández.

Agora que a Sanidade Pública está sendo maltratada polos nosos gobernantes para favorecer os intereses privados, non está de máis lembrar outros tempos onde non estaban cubertas nin as necesidades sanitarias básicas da cidadanía. Hoxe en día, calquera español que perde a capacidade de camiñar tan só ten que acercarse ao seu centro médico e solicitar unha cadeira de rodas. Isto que agora nos parece normal, non sucedía hai pouco máis de cincuenta anos.

Antes da chegada do actual sistema democrático a cobertura médica era moi limitada. As persoas non tiñan acceso a unha cadeira de rodas gratuitamente e moitos quedaban encamados. As limitacións médicas da época co engadido das sucesivas guerras, as malas condicións laborais e accidentes de todo tipo, provocaban que fora moito máis habitual ver a persoas con algún membro amputado ademais dos impedidos por enfermidade, que moitas veces son asociadas coa vellez. No caso da amputación dunha perna os que tiñan forzas nos brazos, aínda tiñan a posibilidade de moverse con muletas, xa que as próteses eran de madeira e de moita peor calidade, polo que moitos preferían non usala. Cando era necesario o uso da cadeira de rodas o que non tiña os recursos suficientes, dependía das iniciativas veciñais ou dalgún colectivo.

Neste último caso, podemos citar á Confraría de Pescadores San Xoán de Redondela que en xaneiro de 1964, con motivo das festas do Nadal, facilitoulle unha cadeira de rodas a un neno veciño de Cesantes, chamado Manuel Martínez Barreiro. Á entrega asistiron: Mauro Martínez Martínez, en representación da Confraría de Pescadores e concelleiro de Redondela; Juan Muíños Iglesias, alcalde; Arsenio Nicanor Río Pena, axudante Militar de Mariña, Fernando Rivas Araújo, concelleiro por Cesantes, Juan Pérez Bastos, alcalde de Barrio; e Amado González Cardama, correspondente de La Noche. Ademais a confraría repartiría 68 doazóns de 200 pesetas cada unha entre a xente máis necesitada.

Manuel Martínez Barreiro cos seus amigos, 1964. Foto Fotsca.Publicada en La Noche.

 

Chegado San Xoán, patrón da Confraría de Pescadores, axudan a un mariñeiro, Generoso Barros Rodríguez que “levaba dous anos impedido”. Nesta ocasión a doazón consistira nunha pequena embarcación, de nome “San Juan”, coa que poder subsistir. Asistiron ao acto: Juan Muíños Iglesias, alcalde; Arsenio Nicanor Río Pena, axudante Militar de Mariña deste distrito; Mauro Martínez Martínez, Patrón Maior da Confraría Sindical de Pescadores “San Juan”; Serafín Gesteira Fernández, concelleiro en representación da Delegación Comarcal de Sindicatos; Juan Pérez Muíños, secretario contador da confraría; e Victoriano Núñez Novás, concelleiro delegado de Servizos Especiais.

 

Doazón da barca, 1964. Foto cedida por Jose Antonio Martínez Fernández

 

Naquel mesmo ano, tamén sairía na prensa Narciso Rodríguez Couñago. Era estudante no Seminario de Ourense cando o agravamento dunha enfermidade deixouno impedido das dúas pernas. Sen posibilidade para chegar a sacerdote e despois dun tempo tratando de aceptar a súa nova situación, descubriu o centro de educación a distancia de Barcelona “Auxilia” dirixido a persoas enfermas. Unha vez rematado o curso e acadado o título, A profesora, Montserrat Gramunt, interesouse polo seu estado e acadou os cartos necesarios para que puidera mercar unha cadeira de rodas.

Narciso Rodríguez charlando con Amado González, correspondente de La Noche. Foto Fotsca.

 

Anos despois, o veciño de Redondela, Alejo Martínez Ramírez, perdeu as dúas pernas nun accidente laboral. Podería volver a camiñar grazas a unhas próteses e, en agosto 1973, a Mutualidad de la Construcción, proporcionoulle un coche adaptado.

 


Entrega do coche a Alejo Martínez. Fotos: Fernando Otero. El Pueblo Gallego


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

El Pueblo, La Noche.

Aportes: José Antonio Martínez.

 

domingo, 10 de mayo de 2026

Espectáculos nas feiras: dos cegos ás cabras.

 

1986 Recreación das Coplas de cego advirtindo dos carteiristas na feira. Á esquerda Morris.

Foto cedida por Xosé González Martínez


Cantares de cegos


A mediados do século XX, aínda viñan á feira os cegos que cantaban coplas nas que narraban asasinatos cometidos noutras vilas de Galicia. Esta narración era acompañada por un cartel no que uns debuxos a modo de cómic describían os sucesos que remataban nun macabro crime. A medida que avanzaba a narración o cego cunha vara ía sinalando as diferentes viñetas, previamente memorizadas. Vendían as coplas en papel e así gañaban a vida polas feiras adiante.

Unha destas coplas contaba como uns ladróns penetran nunha casa atopándose no interior a unha criada:


...allí encuentran a la pobre de la criada.

La cogen por el pelo y la tiran por la ventana

yendo a caer a la cuadra y allí entre malos olores

a Dios “entreghó” su alma.


Non atopei a ninguén que lembrara a un cego tocando algún instrumento para acompañar os seus cantares, pero si a foto dun tocando a gaita na estación do tren. Lembremos que na nosa estación antigamente era habitual facer transbordo, polo que soia xuntarse xente agardando a chegada de trens, polo que non era mal lugar para gañar uns pesos.

 

Cego tocando a gaita na estación, anos 20. todocoleccion.net



A Cabra


Ata finais do século XX, sobreviviu outro espectáculo típico das feiras e festas, era A Cabra. Era realizado por xentes de etnia xitana que adestraban unha cabra para que realizara acrobacias ao son dunha música, que nos inicios acostumaba ser un pandeiro e co tempo pasou a realizarse o acompañamento cuns modernos teclados. O número da cabra consistía en subir a pequenos troncos de madeira e subir ao alto dunha escaleira. Un colaborador ou colaboradora encargábase de pasar a gorra entre o público para recoller as esmolas dos presentes.

 

A cabra na Praza da Constitución. Foto cedida por José Luis Rodríguez Figueroa


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes M. Migueles.

martes, 16 de diciembre de 2025

Fotografía en Redondela durante o século XX


Saturno Cal. Foto publicada en Vida Gallega

Para comezar a falar de fotografía no Concello de Redondela hai que comezar pola saga dos Cal.

Saturno Cal. Saturnino Cal Muiños (Reboreda 1875/Mos, 1952). Alcalde agrarista en 1924, entre os seus logros estiveron a canalización do río Alvedosa, a inauguración da central de teléfonos e as melloras do matadoiro e da Praza do Mercado. Foi secretario da comisión organizadora da 6ª Asamblea Agrícola Gallega celebrada en Redondela en 1914 e presidiu o Centro Científico Deportivo. As súas fotos de paisaxes de Redondela foron reproducidas en numerosos xornais como Vida Gallega ou Mundo Gráfico, na colección de cromos Bellezas de Galicia, publicacións como Libro de oro de la provincia de Pontevedra e numerosas postais.

A súa afección pola fotografía tería continuidade nos seus fillos Emilio e Avelino, pero principalmente neste último.


Avelino Cal. Avelino Cal Fernández (Redondela 1904-1985). Contable en Azufrera del Noroeste e Conservas Job, onde deseñou os anagramas e debuxos dos envases. Militou no Partido Galeguista, dirixindo o xornal Terra!. Formou parte das directivas de varios equipos de fútbol, deporte no que foi un destacado xogador. Na súa mocidade a cámara o acompañou á guerra de Marrocos onde recolleu costumes daquelas terras. De Redondela deixounas numerosas instantáneas das súas paisaxes. A súa paixón pola pintura levouno a colorear boa parte das súas fotografías. 

 

Avelino Cal. Fondo Jaime Serín, recorte.

 

A saga continúa cos seus sobriños Raimundo “Mundo”, Félix e Jacinto Cal Cortizas.


Cal-3. Estudo fotográfico que abriu as súas portas en 1975 na rúa do Adro, pasando logo á Praza Constitución e actualmente a rúa Alfonso XII. Inicialmente eran Mundo e o seu curmán José Luis, rompéndose pouco despois esta sociedade e quedando co negocio Mundo e o seu irmán Félix. Desde aquela teñen recollido a transformación social e política da nosa vila, sendo o principal arquivo fotográfico de Redondela, realizando exposicións e publicando varios libros de fotografías. Tamén destacar a faceta de Mundo como fotoxornalista e aos fotógrafos que traballaron neste estudo durante todos estes anos. Na actualidade Cal-3 reconverteuse en cooperativa con Helena Cal (cuarta xeración), Quino R. Vilas e a colaboración de Fernando Carreira “Cuchi” no audiovisual.

A saga familiar foi recollida no libro:

A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela. Cal-3. 2023.

Outros libros referentes a Redondela serían:

Redondela. Manuel Puga e Mundo Cal. Ir Indo Edicións S.A.

25 anos de fotografía en Redondela. Cal-3.


Outros Fotógrafos

Ao longo do século pasado foron varios os fotógrafos que exerceron en Redondela, pero por desgraza non se ten publicado gran cousa sobre eles, polo que a falta dun traballo en profundidade recollo aquí os datos que vou atopando.


Raimundo Díaz. Fotógrafo procedente de Madrid que en 1895 se estableceu na rúa da Ribeira.

Rodríguez y Díez. A primeira referencia que atopo a este estudio fotográfico sería nun censo de actividades de 1910. En Contribución al patrimonio fotográfico de Ponteareas de Salvador Fernández de la Cigoña, publícanse varias fotos do Concello de Ponteareas firmadas por este estudo.


Vigo. Llegada de traineras, postal Rodriguez y Díez

Joaquín Rodríguez. En 1911 anúnciase como fotógrafo na rúa Alfonso XII. Non puiden confirmar que sexa o mesmo Rodríguez da sociedade anterior, pero non sería descartable. Do pouco que sabemos deste fotógrafo é que chegou a colaborar con Saturno Cal.


Braulio González Pasantino. (Santiago de Compostela 1902). Viu traballar a Vigo e rematou casando en Redondela con Ramona Sánchez Álvarez, residindo na rúa Reveriano Soutullo coa que tivo catro fillos: Braulio, Ramona, Francisco “Paco Periquito” e Antonio. Traballaba como zapateiro e tiña unha máquina fotográfica coa que sacaba retratos na Praza de Figueroa. Formou parte do comité local do “Frente Popular” e nos días seguintes ao golpe militar do xeneral Franco participou requisando armas polas parroquias, polo que cando triunfou o “Alzamento Militar” permaneceu agochado ata que, ao ser descuberto, non tivo máis remedio que entregarse. Estivo preso no cárcere de Redondela de onde foi sacado. O seu corpo sería atopado o día 17 de setembro de 1936, na parroquia de Cans no Porriño, onde está enterrado. O seu corpo presentaba un disparo de bala e os seus testículos foran seccionados.


José Bellver Álvarez (Ponferrada, 1886-Pontevedra, 1968). Exerceu como xuíz de primeira instancia de Redondela, dende maio de 1933, procedente do xulgado de Ortigueira, ata que en outubro de 1941 foi ascendido a Maxistrado de entrada. O motivo de incluílo neste apartado é que realizou fotos e gravou películas en todas as vilas nas que estivo destinado. A súa colección consérvase no Museo de Pontevedra. En 2013, realizouse unha mostra no Multiusos da Xunqueira con algunhas das súas fotografías.


Rafael. Fotógrafo na rúa Alfonso XII nos anos 40.


Anuncio. Festas da Coca 1948.

Montes. Na Estrada de Vigo nos anos 50.


Montes. Selo. Ano 1956

Geno Lueiro. Eugenio Lueiro Urtaza (Redondela 1940 - A Coruña 2018). Correspondente en Redondela de Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Ademais de colaborador gráfico da prensa escrita, as súas fotos ilustraban os especiais da festa da Coca nos anos 60. A súa obra sería cedida pola súa filla Uxía ao Arquivo Audiovisual do Concello de Redeondela.


Eugenio Lueiro. Foto cedida por Uxía Lueiro

Gena. Bernardo Núñez Muíños. (Redondela xaneiro, 1900 - Cesantes 1973). Casou con María Estévez Losada, coa que compartía a paixón pola fotografía e rexentaba Fotografía Photum, en Vigo. Nas súas fotos deixaron constancia da beleza das paisaxes galegas, monumentos, postas de sol..., e como non, da vila de Redondela. Vivían en Cesantes. Os seus fillos foron destacados nadadores e o maior, José Bernardo Núñez Estévez “Colón”, dálle nome á piscina municipal de Redondela.


Gena. Foto publicada en Bodas de Oro. Antonio Ocampo.

Hervés. Exerceu alá polos anos 60 e 80, tendo o seu estudo no primeiro andar da rúa Ernestina Otero número 2. O seu arquivo foi destruído.


Anuncio. Grandes fiestas de la Coca. 1968.

Fots’ca. Carlos Alonso Martínez (Redondela). Fillo do vixiante da Illa de San Simón, cando esta era empregada como Albergue Nacional, en 1950 sobreviviu cando envorcou a lancha “Monchita”, no que faleceron 43 mozos que recibían formación para ser altos mandos de Falanje. Foi un activo fotógrafo local durante a segunda metade do século XX, colaborando con xornais como El Pueblo Gallego. O Arquivo Audiovisual Municipal de Redondela adquiriulle as súas fotografías.


Fondo Fotsca. Arquivo Concello de Redondela

Garo. Leodegario Iglesias Martínez. Emigrante retornado, estableceuse en Redondela, tendo tenda tanto en Redondela, na rúa Alfonso XII, como en Vigo, sendo atendidas pola esposa e unha filla. Os dous negocios tiñan o nome comercial de Foto Bandfield. Acostumaba acudir coa súa cámara as festas e competicións deportivas do Concello. Contáronme que o seu arquivo foi cedido pola familia á Deputación de Pontevedra, pero non puiden confirmar este punto.


Garo. Arquivo Cal-3

Puga. Era un habitual fotografando as competicións deportivas da comarca polo que se fixo moi coñecido en Redondela. Implicado nunha operación contra a pederastia deuse á fuga e nunca máis se soubo del.


J. y C. Estudo de breve vida que abriu as súas portas na rúa Alfonso XII nos anos 90.


            Ricardo Grobas Antúnez (Chapela, 1962). Fotoxornalista que ten exercido como redactor gráfico en diferentes medios de comunicación. A súa obra céntrase na fotografía de paisaxes destacando as imaxes da costa galega, publicando: Faros y paisajes costeros de Galicia (2020Belagua), Galicia: todo un mundo (2015Belagua), Illas atlánticas de Galicia (2013 Belagua), Faros de Galicia,


Ricardo Grobas. Twitter

Javier Teniente (Chapela, 1968). Fotoxornalista que ten cuberto conflitos bélicos e desastres naturais en varios países, ademais de realizar reportaxes sobre a pesca. Algunhas das súas reportaxes serían: en Centroamérica (huracán Mitch 1998), Kosovo (1999), Irak (2003), Haití (2004) ou o Tsunami en Banda Aceh, Indonesia (Enero 2005). Durante anos colaborou como fotógrafo con Naciones Unidas, Médicos del Mundo, Médicos sin Fronteras, Acción contra el Hambre e outras organizacións internacionais. Reconvertido como independente, xestiona en Vigo a galería J. Photo Gallery.

Ten realizado numerosas exposicións, recibindo as seguintes mencións: Premios Ortega y Gasset de periodismo. Mención especial (2006), Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2005), Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. (Finalista)(2004), Premio Galicia de Comunicación (2004), Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003), Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. (Finalista) (2000).

Publicacións: Mans Salgadas (2002), Iraq, días de posguerra (2003), Cabalos de Vento, Curros de Pedra (2009), todos con Edicións Xerais e Hijos del Océano (Blume, 2016).


Javier Teniente. Foto: Atléntico Diario.

Outras tendas de fotografía que abriron as súas portas nos últimos anos serían: Polaris (Sandra Bastos, na rúa 8 de Marzo), O Fotógrafo Ambulante (Camiño Moreira, Chapela) e Feitiños (Camiño do Campo de Fútbol).



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Antonio Ocampo Otero. Bodas de Oro (1939-1989). Doctor en Medicina y Cirugía.

A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela.

Arquivo do Concello de Redondela =>Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90.

Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del Norte de España.

Faro de Vigo.

Atlántico Diario

Xornais locais=> La Idea, El Soplete, La Opinión, Terra!

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, La Noche...

Programas da Agrupación Artística Redondela e das Festas da Coca.

Ricardo Grobas: https://ricardogrobas.com/es/

Javier Teniente https://www.javierteniente.com/web/

https://www.laopinioncoruna.es/galicia/2010/06/15/javier-teniente-fotografo-agencia-arrasa-25219033.html

https://blogs.eitb.eus/rogeblasco/2016/12/12/javier-teniente-fotografia-a-los-hijos-del-oceano/

domingo, 23 de noviembre de 2025

O grupo de Breakdance de Redondela de 1987.

 

Fisi e Salva ensaiando para o Campionato Galego. Foto cedida por Fisi

 

            O Breakdance é un baile que se caracteriza por incluír movementos acrobáticos. Naceu nos anos 70 do pasado século, dentro da cultura do hip hop entre a comunidade afroamericana de New York e abriría paso a outras expresións artísticas como o Rap e o graffiti. Nos 80 estendeuse a outros países grazas a películas como Flashdance. Un dos países onde arraigou máis este baile foi en Francia, chegando a ser moi controvertida a súa inclusión como disciplina olímpica nos Xogos Olímpicos de París 2024.

            En España tamén entrou con forza nos anos 80, sendo maior a influencia en Madrid e Barcelona. As discotecas, sempre pendentes das modas musicais do momento, organizaban concursos ou exhibicións. O éxito era tal, que era habitual que apareceran nos programas televisivos daqueles anos, como Tocata, normalmente en modalidade individual, tríos e por equipos.

            E a 1987, ano no que se celebra o Primeiro Campionato Provincial de Pontevedra de Baile Breakdance nunha discoteca de Poio. Como non podía ser doutro xeito Redondela estivo representada por un grupo de mozos. O equipo estaba formado por Jaime Borines, Pepe Alján, Antonio Ojea, Salva, Rodolfo Pato e Fernando “Fisi” Piñeiro. A súa participación sería todo un éxito acadando unha meritoria segunda posición, sendo derrotados polo equipo de Vigo.

            Para o campionato galego, problemas para compaxinar os ensaios minguan o equipo e finalmente soamente poden acudir Salva e Fisi. Apesares de participar como parella, conseguen o terceiro posto, superados tan só por Vigo e A Coruña. Os tres primeiros clasificábanse para o campionato nacional de España, pero finalmente ese ano non se celebrou por problemas organizativos e de índole económico. 

 

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Fisi Piñeiro.

Tmblr. Orígenes, principios de los ‘80. Break Dance. https://www.tumblr.com/jldg-uoc-student/143706592599/origenes-principios-de-los-80-break-dance?redirect_to=%2Fjldg-uoc-student%2F143706592599%2Forigenes-principios-de-los-80-break-dance&source=blog_view_login_wall

Público. https://www.publico.es/culturas/hey-pijo-air-jordan-asi-nacieron-break-dance-grafiti-rap-espana.html