Mostrando entradas con la etiqueta Persoeiro T. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Persoeiro T. Mostrar todas las entradas

martes, 9 de mayo de 2023

Manuel de Táboas (Reboreda(Redondela), s. XVIII / XIX)

 

Casa dos Táboas. Foto: J. Migueles


            Propietario da Casa dos Táboas (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html ) e de varios barcos. Participou activamente na Reconquista de Vigo contra os franceses, pasando á historia porque un dos seus barcos levou á noticia da vitoria a Cádiz. Para tal motivo trocaría o nome da nave polo de Místico Fernando VII.

            Este método de dar nome aos barcos na busca de favores ou acadar información privilexada para os seus negocios, empregouno en máis ocasións. No Arquivo Histórico Nacional consérvanse correspondencia súa con Felipe Sáinz de Baranda, secretario do Duque do Infantado Pedro Alcántar Álvarez de Toledo, nas que se lle autoriza a darlle a un barco o nome de Duque do Infatado. Nas Obras Completas de Jovellanos atopamos dúas cartas de Manuel de Táboas con Gaspar de Jovellanos, nas que solicita o uso do nome El sin igual Jovellanos, fórmula rexeitada polo político, quen lle permite usar o nome de Jovellanos.

            Non sabemos se foi froito desta estratexia, pero foi nomeado polo Rei Vicecónsul de Cerdeña. Estableceu tamén contactos comerciais con Rusia e ate con Estados Unidos. Xa maior aproveitaría a situación económica adversa para liquidar os seus negocios e retirarse a Reboreda.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Reboreda. Parroquias de Redondela. Carlos Rodríguez. SNL de Redondela.

Manuel de Táboas y su manía de rebautizar barcos. Jorge Lamas. https://lamasdono.blogspot.com/2020/02/manuel-de-taboas-y-su-mania-de.html

La burguesía mercantil viguesa del siglo XVIII. Aspectos sociales (I). Por Juan Miguel González Fernández, José Antonio Tizón Rodríguez. Instituto de Estudios Vigueses. Boletín nº9.

domingo, 19 de junio de 2022

Baldomero Táboas Martínez (Redondela/Vigo, marzo 1974)

 

Secretario de Concello. Represaliado.

        A primeira nova que atopo del é exercendo como perito en Redondela en 1904. Foi redactor do xornal local La Opinión.

        En 1914 xunto a Antonio Orellana Pereira, Severo Rivas e José Pereira Míguez, presentou recurso de alzada contra acordo do Concello de Redondela nomeando secretario da Corporación a Celso Milleiro Seoane. Pechadas as portas do noso concello exerceu como secretario dos concellos de Nogueira de Ramuín (1915, xaneiro-1923), Amoeiro (en 1917) e dende 1925 de Ponteareas, habendo daquela 41 aspirantes a esta última praza. Durante a Segunda República foi presidente de Unión Republicana nesta última vila. Foi depurado despois do golpe de estado de 1936 abríndoselle expediente de responsabilidades políticas. En xuño de 1937 publícase un edicto para que varios funcionarios, entre os que se atopaba, comparezan no Concello de Ponteareas para que sexan escoitados polo xuíz que lles segue expediente, porque non foron localizados nos seus domicilios.

        Nesta época exercería como secretario do concello de Lavadores, anexionado a Vigo en 1941. En decembro dese ano aparece como residente en Vigo nunha lista de persoas ás que se lles instrúe expediente. En outubro de 1942 aparece exercendo como secretario adxunto de Vigo. Ao mes seguinte interpón un recurso contencioso administrativo contra o concello de Vigo polo seu cese. Sería reposto a principios dos anos 50. En 1954 atopámolo exercendo como secretario de Redondela, probablemente asumiría o cargo como interino ata novo nomeamento, porque seguía como secretario adxunto do concello de Vigo, posto no que xubilou en 1957. Faleceu en Vigo en 1974, sendo soterrado no cemiterio dos Eidos.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Cupo de Manuel Otero, 1904. (Arquivo J. Migueles)

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Correspondencia Gallega, Noticiero de Vigo, El Correo de Galicia, El Tea, La Noche, La Región, El Compostelano, El Pueblo Gallego

 

martes, 14 de junio de 2022

Benigno de la Torre Tono (O Viso, 1899 / Pontevedra, 1979)

Homenaxe a Benigno de la Torre. El Pueblo Gallego
Homenaxe a Benigno de la Torre. El Pueblo Gallego


        Xornalista afincado en Pontevedra. Traballou como correspondente en axencias como Alfil ou Cifra, publicando en xornais como El Progreso, La Noche, El Pueblo Gallego ou Faro de Vigo para o que era correspondente en Pontevedra.

        Con catorce anos xa traballaba como aprendiz de tipógrafo. En 1917 acada no exército o grao de cabo de infantería, o que lle serviría para, en agosto de 1931, sexa nomeado carteiro do Viso. Cargo que debeu compaxinar co de xornalista en Pontevedra.

        Naquela cidade pertenceu á Juventudes de Acción Popular (J. A. P.), da que aparece como vice- secretario en 1935. Tamén formou parte da directiva do Club Náutico e da Confraría do Santísimo, participando na organización das festas do Corpus e das campañas a prol do Asilo de Anciáns, sendo o promotor da creación en 1948 do “Día do Asilo”. Isto último foi o motivo polo que Radio Pontevedra lle adicara unha homenaxe en 1968

        En 1975 foille outorgado o diploma “Ciudad de Pontevedra”, polo seu dilatado labor informativo durante máis de 40 anos.

        Faleceu en Pontevedra aos 80 anos en 1979. Ao seu funeral celebrado na Basílica Santa María a Maior asistiu o alcalde da cidade, o director do Museo, concelleiros, representantes de varias asociacións e dos medios de comunicación. Sería enterrado no panteón familiar no cemiterio do Viso.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El Progreso, La Noche, El Pueblo Gallego, El Ideal Gallego


domingo, 12 de abril de 2020

Diana Toucedo (Redondela, 1982) Editora, directora e docente cinematográfica.

Foto: Linkedln
        

Estudou a especialidade de montaxe de cine na ESCAC (UAB), obtendo o Master de teoría cinematográfica contemporánea na Universidad Pompeu Fabra. Encargada da montaxe de: In Between Days (2009), La noche que no acaba (2010), Les (2010), O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (que obtivo o galardón Fipresci 2013 no Festival de Cine de Rotterdam), Bugarach, La muerte en la Alcarria e Sonata para violonchelo. Outros traballos serían: o documental Belén de Adriana Vila, Sin miedo de Claudio Zulian e Penélope de Eva Vila e Júlia Ist. Coma asistenta de editor participou en Chico& Rita (2010) de Fernando Trueba.

Xa como directora realizaría varias curtametraxes documentais e experimentais. As súas primeiras longametraxes serían En todas as mans, producido por Trespés, e Trinta lumes, que sería nomeada aos premios Fénix e Gaudí.

En TV participou na montaxe da primeira tempada da serie Hierro.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Universitat Autònoma de Barcelona http://uab-documentalcreativo.es
Birdie Num Num https://birdienumnumcine.wordpress.com

Taboada y Ulloa, Francisco (Redondela 10-8-1648) Militar

 

        Sucesor da Casa xurisdición e fortaleza de Orbán, herdada do seu tío Lope Taboada y Ulloa. Fillo de Fernando Taboada Ulloa y Sotomayor, militar que exerceu como Capitán na Fortaleza de Redondela e de Gobernador na praza de A Coruña, e de Juana Fernández de Castro.

        Militar que aos 20 anos marcha a Flandes onde casa con Francisca de Landas e Terenaest (Natural de Mons de Enao) e alcanza a graduación de Maestre de Campo. De volta a España convértese en Gobernador da praza de A Coruña, cargo que desempeñou durante moitos anos. Brigadier dos exércitos de S. M. Na Guerra de Sucesión defende a Felipe V. No arquivo do Pazo de Santomé de Freijeiro consérvase unha carta, con data do 5-8-1706, na que o rei Luis XIV de Francia lle agradece o envío duns documentos.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Algunos hijos ilustres de Redondela. Grandes Fiestas de la Coca. Redondela 1968. Comisión de fiestas de la Coca.

 Antonio Ocampo Otero. Doctor en Medicina y Cirugía. Bodas de Oro (1939-1989)

El águila caída: Galicia en los reinados de Felipe IV y Carlos II. Escrito por Emilio González López

xenealoxía.org > Breogán Amoedo