Mostrando entradas con la etiqueta Curiosidades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Curiosidades. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de noviembre de 2023

A mazá “Redondela”

 

Cartel da Festa da Mazá do 2009.

        Hoxe en día celébrase na parroquia de Negros a Festa da Mazá. A importancia desta froita na zona queda patente por darse no val do Río Maceiras. Un hidrónimo que nos deixa ben ás claras que a produción da mazá non é unha modernidade, porque sempre se dixo que o nome deste río ven polas mazás que caían ao mesmo. A mazá era empregada tamén para facer sidra e outro uso era aproveitar a que estaba en malas condicións como alimento para os animais.

        Ata o de agora non contamos ningunha novidade, pero o que non é tan coñecido é que estas mazás chegaron a venderse baixo a denominación “Redondela”. Así en novembro de 1962, no Mercado de Santiago de Compostela se conta que: “Vimos moita mazá. Vendíase ben desde 14 reais ata quince pesetas a ducia segundo a clase. As mellores eran as variedades «Alborona» e «Redondela».”

        Queda así patente que as nosas mazás chegaron a venderse en Santiago con denominación de orixe propia e cunha boa calidade, aínda que as boas críticas cambiaron totalmente ao ano seguinte noutro xornal. En 1962 fálase da gran cantidade de mazás nunca vista no mercado. Isto provocou a caída de prezos e que se puideran mercar cestos a cinco duros: As mazás máis prezadas eran “tabardilla parda”, “tabardilla real”, “deliciosa” e “sanroquera”. Non tanto a “redondela” que hai en abundancia e outras de escaso valor. Tamén se da conta da intención de varios empresarios de comercializar mazá francesa precisamente o ano de máis colleita. Esta apertura ás importacións pode ser a causa do abandono das colleitas de mazás no noso Concello.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>El Correo de Gallego, La Noche

 

domingo, 12 de noviembre de 2023

Xitanos en Redondela.

 

A cabra na Praza Constitución. Sen data. Foto cedida por José Luis Rodríguez Figueroa

 

Hai anos a xente de etnia xitana era nómade. Chegaban a unha vila montaban o seu campamento e despois dun tempo marchaban. En Cedeira, aínda nos anos 80 do pasado século, acamparon en Portacedeira (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/03/ruta-por-portacedeira.html ) e as mulleres facían cestos que vendían as veciñas. Como vemos na foto, tamén era habitual o ir polas vilas con espectáculos, sendo o da cabra o que máis perdurou no tempo. Consistía en que o animal subía unha escaleira e facía diferentes equilibrios ao son da música de pandeiros, que a finais do século XX foron substituídos polos teclados.

Na prensa antiga atopamos algunhas noticias nas que curiosamente os xitanos son chamados húngaros. As novas normalmente dan conta de roubos pero tamén, as máis interesantes, das súas tradicións.


 

 

1892, outubro. Según nos dicen, desde el viernes último se instaló en Redondela y en el punto denominado Junquera, una caravana de húngaros gitanos, tomándose la libertad de apropiarse de ropas de las huertas convecinas, y otros efectos.


1892, outubro. La tribu de húngaros que según digimos días pasados se halla acampada en las inmediaciones de Redondela, celebró el martes el bautizo de un recién nacido. festejaron con cohetes, y echaron á los chicos bastantes monedas de cinco y diez céntimos. Acompañaron al niño á la iglesia la mayor parte de los individuos. El jefe de esta era el padrino y se distinguía de todos por lo lujoso de su traje. De su zamarra pendían infinidad de broches y dijes de plata con anchas cintas de colores.


1895, decembro. En Redondela se verificó días pasados el matrimonio de dos jóvenes pertenecientes a una familia de gitanos. Los desposados contaban tan sólo de diez a doce años: el sacerdote era otro húngaro y las arras se sustituyeron por un cazuelo de barro que, después de hacer volteretas por el aire, cayó al suelo haciéndose añicos. Más tarde la caravana de húngaros acompañados de osos, monos y toda la bichería, zarpaba con rumbo a otra parte obligados por la Alcaldía.


1910, marzo. Hállase acampada una numerosa acampada de húngaros en las inmediaciones de la estación del ferrocarril de Redondela.


1940, abril. A Garda Civil de Redondela da conta de varios roubos de millo. Á veciña de Negros, Constantina Rodríguez Castro, sustraxéronlle 303 kilos; a Manuel Veiga, de Reboreda, 45; e a Ramón Castro Soto, de Saxamonde, 140. En todos estes casos actuouse con violencia. Practicadas xestións, foron detidos nas inmediacións daquela vila, os xitanos, Ramón Gabarri, de 30 anos; e Andrés Jiménez, de 18, que levaban 70 quilos daquel gran. Confesáronse autores dos roubos. Tamén foi detida a veciña de Redondela, Dolores Vázquez, que servía de intermediaria entre os xitanos e as persoas que mercaban o millo, así como varias destas.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La Voz de Galicia

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Diario deGalicia, El Pueblo Gallego, Gaceta de Galicia.



 

 

 

 

 

 

 

 

viernes, 10 de noviembre de 2023

Redondelán Distinguido.

 

 

Festa do Choco 1991. Faro de Vigo

 

Durante os anos 90 do pasado século, coincidindo coa celebración das Festas do Choco, creouse o galardón “Redondelán distinguido”, que foi concedido a:

1994 Ignacio Ramonet. Xornalista. Director do xornal francés Le Monde Diplomatique. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/ramonet-miguez-ignacio-redondela-1943.html )

1995 Jesús Pérez Varela. Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/deputados-parlamento-galego.html )

Teresa Regojo Otero. Foto: B. Rodrigo-ABC

 

1996 Teresa “Teté” Regojo Otero. Empresaria establecida en Lisboa. Tralo falecemento do seu pai José Regojo, fíxose cargo do Grupo Regojo en Portugal. Compartindo a dirección cos seus fillos, en 2010 esta empresa facturou 135 millóns de euros, contaba con 1.500 empregados e representaba no país veciño marcas como Massimo Dutti ou Pierre Cardin.

1997 Antonio Soto López. Xornalista. Ten en publicado: Toponimia urbana de Redondela e As lendas mouras na bisbarra de Redondela. Durante moitos anos secretario da SAR.

1998 Manuel Puga Pereira. Director da factoría de Zéneca Farma. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/05/manuel-puga-pereira-redondela-1951.html )

1999 Amado González Cardama. Ex-alcalde de Redondela. Correspondente de El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes e La Voz de Galicia. Nomeado Cronista Oficial de Redondela.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La Voz de Galicia.

ABC

sábado, 4 de noviembre de 2023

Lonxevidade.

 

Anciá na Rúa Prata. Foto: Otto Wunderlich, 1929. Fototeca del Patrimonio Histórico. Ministerio de Cultura.


 

Noutro apartado xa vimos a historia dun matrimonio centenario (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/matrimonio-centenario.html ) e tirando do fío imos citar varios casos de lonxevidade en Redondela, algúns deles aínda abraiantes hoxe en día. Nos xornais antigos atopamos as seguintes noticias:


1899, marzo. En Ventosela faleceu unha muller de 108 anos.

1903, outubro. En Vilavella faleceu Josefa Barciela Lago. Era a decana dos anciáns de Redondela. Viu a luz dos séculos XVIII, XIX e XX, lembrando perfectamente a invasión francesa e conservando a vista e a razón ata o derradeiro momento.

1917, marzo. Aos 107 anos de idade faleceu a señora dona Manuela Tejo Villanueva.

1925, febreiro. En Redondela faleceu o veciño daquela vila, Aquilino Fernández que contaba 111 anos de idade. Deixa 14 netos, 46 bisnetos e 1 tataraneto. Os seus fillos faleceron antes que el.

1946, decembro. Faleceu aos 117 anos en Redondela, Serafina Lais Somarriba, coñecida como “La Castellana”, e que leva residindo na vila moitos anos. Ningún dos seus fillos vive en Redondela, pero si gran cantidade de netos, bisnetos e tataranetos. En Algeciras tamén viven moitos dos seus descendentes, que, en total, son máis de 60. (19461231 El pueblo gallego)

1973, novembro. No Fogar do Pensionista da Seguridade Social, púxose punto final á Semana Internacional de Homenaxe aos Nosos Maiores coa elección dos avós do ano na provincia. Entre os homenaxeados estaba Dolores Rodríguez, de Saxamonde, con 104 anos.

1993, maio. Ao cumprir cen años, don Crisanto Couto Albán, acompañado da súa esposa, dona Pilar Rodríguez- Villarino y Guerra- Garay, ofreceu unha cea, seguida de baile, no Gran Hotel da Toxa despois de haber asistido, xunto aos seus familiares e amigos, a unha misa na capela da illa.

2002. Faleceu o veciño de Zacande (Cesantes) Campio Fernández Soto o da Amalia”. Naceu en 1895 e estaba a piques de cumprires os 107 anos, pasando así por tres séculos. 

2013, 22 de outubro. Falece aos 102 anos Rosario Cal Fernández. O seu irmán Emilio tamén chegaría aos cen anos.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El Progreso, La Idea Moderna, El Correo de Galicia

La Voz de Galicia

Aportes José Antonio Martínez Fernández, Xosé Moreira Docampo


domingo, 29 de octubre de 2023

Pintura. Arte inspirada en Redondela.

 

 

"En Redondela". Manuel Abelenda Zapata. Museo de Belas Artes da Coruña.

 

    A pintura máis antiga, que é a acuarela de Pier Maria Valdi de 1669, o óleo de G. Vivian do século XIX e as numerosas representacións da Batalla de Rande, non son as únicas obras nas que se representan as paisaxe de Redondela. Ademais dos pintores locais, algunhas obras nas que se representa o noso concello están repartidas por diferentes museos. Aquí van algunhas delas:


Ramón Buch y Buet (Vigo, 1842-O Ferrol, 1894). Na exposición semirexional da Coruña de 1878 presentou catro bodegóns e un cadro representando a feira de Redondela do que aínda non atopei unha reprodución. Pintor e fotógrafo, a súa obra ten unha temática variada: retrato, paisaxes, escenas de carácter costumbrista e copias de grandes mestres como Murillo ou Rafael. Gran parte da súa obra consérvase en Galicia en coleccións particulares e públicas como o Concello de Vigo, o Museo de Castrelos ou o Museo de Pontevedra.

Casto Plasencia y Maestro (Cañizar (Guadalajara), 1846-Madrid 1890). Ingresou na Academia de Bellas Artes de San Fernando, sendo becado para a Academia Española de Bellas Artes de Roma. O éxito chegoulle en 1878 cando acadou a primeira medalla na Exposición Nacional e a terceira medalla e gran cruz da Lexión de Honra na Universal de París. Establecido en Madrid, chegou a ser retratista dos reis Alfonso XII e María de las Mercede. Ademais de retratos realizou pintura relixiosa. En 1882 en La Ilustración Cantábrica publícase un debuxo del dun grupo de mariscadoras en Cesantes.

 

"Pescadoras de Mariscos en Redondela". Debuxo de Casto Plasencia. La Ilustración Cantábrica

 

Serafín Avendaño (Vigo, Pontevedra, 1838-Valladolid, 1916). Outro pintor vigués do que atopamos en 1906 unha pintura na que plasma un camiño en Redondela con vistas á Ría de Vigo. Moi novo trasladouse a Madrid onde foi alumno da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Despois ampliaría os seus estudios en Italia, regresando a España en 1891. Especializouse na paisaxe realista e luminista, propia da segunda metade do século XIX. Obtivo a terceira medalla nas Exposiciones Nacionales de Bellas Artes de 1864 e 1892 e a segunda en 1899 por Una fuente en Galicia, que se conserva no Museo do Prado.

Obra de Avendaño. Reprodución publicada en todocoleccion.net

Rafael Monleón y Torres (Valencia, 1843-Madrid, 1900) Artista polifacético (pintor, gravador, ceramista, modelista, deseñador), arqueólogo, historiador naval e piloto da mariña mercante. Na súa pintura plasma a súa paixón pola historia e o mar, pintando sobre todo naufraxios, batallas navais...

        En 1870 foi nomeado pintor conservador-restaurador do Museo Naval de Madrid. A súa obra máis ambiciosa publicouse tralo seu falecemento: Historia gráfica de la navegación y de las construcciones navales en todos los tiempos y en todos los países. Está ilustrada por máis de mil debuxos, acuarelas e planos.

Gravado de R. Monleón da Illa de San Simón. Publicado en La Ilustración Española y Americana (1856)

 

Manuel Abelenda Zapata (A Coruña 1889/ Oleiros, 1957)

Na súa obra atopamos “En Redondela” (1955), na que inmortaliza a desembocadura do río Alvedosa. Formado na Escola de Artes e Oficios da Coruña sería becado para continuar os seus estudos no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Despois viaxará a Roma cunha bolsa para estudar na Academia de España, pero tan só permanecerá un ano. Na década dos vinte é considerado pola crítica un dos principais paisaxistas galegos. Posteriormente tamén se formará en Italia, Suiza e Francia. Nos 40 chegarían os recoñecementos. En 1943 recibiu a terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes. En 1941 foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes da Coruña e en 1946 académico correspondente da Real Academia Galega. Moitas das súas obras se expoñen en América do Sur e, máis preto de nós, no Museo de Pontevedra, na Fundación Abanca ou no Museo de Belas Artes da Coruña.


Florentino Peces Martín (Toledo, 1907-Mislata (Valencia), 2011) pintou os cadros "La Picota (Redondela)" e "Gitanos en Redondela". Esta última obra foi doada polo autor ao Museo de Belas Artes de A Coruña. De familia humilde entra a traballar de aprendiz co ceramista e profesor Sebastián Aguado, quen ve o seu potencial e o matrícula na Escuela de Artes y Oficios Artísticos. Deixa daquela a pintura polo toureo, no que non consegue triunfar polo que volve a coller os pinceis. Trasládase a Venezuela onde une as dúas paixóns deixando varias das súas obras no museo da praza taurina de Caracas. Vense a Galicia vivindo sa súa pintura ata que marcha a Mislata (Valencia) onde se establece nos seus últimos anos.


"Gitanos en Redondela". Obra de Florentino Peces. Museo de Belas Artes da Coruña


Diego de Giráldez (A Cañiza, 1957). A súa obra “Viaducto de Redondela” está exposta no Museo del Ferrocarril de Madrid. Pintor i escultor, iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Vigo marchando en 1976 a Cataluña onde continúa os seus estudos. En 1980 é seleccionado para a exposición Maestros del Realismo Español e en 1988 é un dos pintores que representa a España na Expo Universal de Lisboa. A súa obra está repartida por máis de cen museos de Europa, Asia, África e América e desde 2006 conta cun museo propio na súa Cañiza natal.

 

"Viaducto de Redondela". Pintura de Diego de Giráldez. Museo del Ferrocarril de Madrid


Francisco San José González (Madrid, 1919-1981). Integrante da Francisco San José González (Madrid, 1919-1981). Integrante de la Escuela de Vallecas. En 1956 emigrou a Venezuela, coa súa esposa, Pilar Aranda Nicolás, tamén pintora. Antes de embarcar en Vigo, pasaron varias semanas en Redondela na casa do seu tío, Diego San José de la Torre (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/san-jose-de-la-torre-diego-madrid-9-8.html ). Neste tempo pintou varios cadros da nosa vila e as súas inmediacións. En Venezuela crearon a Escuela del Bosque, canteira de novos pintores venezolanos. En 1972 deciden regresar a Madrid.

A súa obra pode contemplarse en importantes museos españois como o Museo de Arte Contemporáneo (Madrid) ou o Museo Nacional de Arte de Cataluña.

 

Estrecho de Rande. Obra de Francisco San José. Reproducción: todocoleccion.net


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Art Price https://es.artprice.com/

Wikipedia

Museo del Prado

Afundación Abanca.

Museo de Belas Artes de A Coruña. http://museobelasartescoruna.xunta.gal

Museo del Ferrocarril de Madrid.

La Noche

Faro de Vigo

franciscosanjose.es/index.html

Aportes Diego Farto San José




domingo, 24 de septiembre de 2023

Xogos Infantís 2

 

 

Foto publicada en Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.



Cantiga para xogar ao Escondite. Un adulto sentado canta mentres impide que o neno-a que “poucha” poida ver mantendo a súa cara contra as súas pernas. A canción remata beliscando o cu do rapaz-a.


Paxariños a esconder!

Que aí vai a liebre a correr.

Que salgaaa!!


Al son de los esquilones

cantan gallos y capones,

al son de los maragatos

cantan gallinas y gatos.


Aceiteira, vinagreira,

casco real,

pousar e non dar,

e non rir,

e non falar.


Un pellisquiño no cu

e a botar a voar.


Xogo (nome desoñecido)

Situados formando una roda pasan unha pedra ao ritmo da canción. O que non está atento e non a colle axiña “paga unha prenda”, que neste caso podería ser algún tipo de reto como ir canda un descoñecido que pasa pola rúa e darlle os bos días ou pedirlle a hora.


Es el conde decir la verdad,

San Xoán e naufragar,

San Pedro nin manda Deus

con el triqui, triqui, treus.


As espadas.

A mediados do s. XX os nenos de Redondela poñían unha punta grande nas vías. Co paso do tren, a punta quedaba plana e, despois de afiala nunha pedra, obtiñan unha navalla. Con esta facían espadas con varas de castiñeiro que collían na finca das Fontanas. Como escudos empregaban tapas vellas de tarteiras das que tiraba “Cachudo”.


Carros.

Para construír os típicos carros de bolas os nenos de mediados do século pasado, acudían a “Pibe”, pai das “Chachiñas”, carpinteiro que tiña un torno para facer as rodas. Cobraba caro polo que tocaba chorar para conseguir unha rebaixa.

Unha vez se tiña o carro o lugar para tirarse soia ser a Barronca, topónimo case esquecido da costa hoxe chamada “do Froiz”. As veces, en lugar de carros, empregaban para lanzarse defensas vellas de coches que desbotaban nos talleres. Isto non estaba exento de risco porque soía rematar con algún corte nunha perna.


Marro.

Os participantes divídense en dous grupos e cada un marcan no chan unha “casa” deixando un gran espazo entre elas. Os membros dun equipo tentan atrapar aos xogadores do equipo contrario que saíron da súa casa. Os que collen quedan presos, polo que tamén deben impedir que os contrarios os liberen. O xogo remata cando se atrapan a todos os oponentes.


A Campá.

Dous xogadores pegan as súas costas, enlazan os seus brazos e alternativamente un carga ao outro imitando o son das campás. 

 

Cantiga da escola de Sita.

Punto damos punto daremos

si no damos punto de la escuela escaparemos

de los tinteros salen los ratones

para que Doña Sita nos dea vacaciones.

 

(Ver tamén https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=xogos+infant%C3%ADs )


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais

 

sábado, 16 de septiembre de 2023

O Concello de Redondela pioneiro na promoción do galego nos anos 80.

 

O ciclista Álvaro Pino nun dos carteis da campaña "Sinte Galicia, fala o teu idioma".

 

Despois da persecución do galego durante a ditadura franquista na Constitución Española de 1978 prodúcese o recoñecemento do galego, catalán e euskera como linguas cooficiais

Cinco anos despois aprobouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, cuxos dous primeiros artigos din:

Artigo 1. O galego é a lingua propia de Galicia. Todos os galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo.

Artigo 2. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma.


Nos tempos da transición o Concello de Redondela encabezou a promoción do galego nas administracións. O alcalde era Xaime Rey, que era secundado por Xosé González Martínez, funcionario de administración local, e por Lino Velo, concelleiro de cultura do Concello e deputado provincial, substituído logo no cargo de concelleiro por Andrés Couñago Laxe. Estas actuacións non estiveron exentas de polémica, botándoselle en cara continuamente ao alcalde a súa preocupación polo galego e desatender outros asuntos daquela máis importantes para Redondela, como eran o peche da fábrica Regojo ou o vertedoiro de lixo. Algunhas das iniciativas que se tomaron foron:


1979. O alcalde de Redondela propón ao pleno que preste o seu apoio á celebración dun acto de desagravio á memoria de Eduardo Blanco Amor, porque o presidente da Xunta de Galicia non asistira ao enterro do escritor e polo inadecuado lugar no que se instalara a capela ardente.

En 1980 o Concello de Redondela promove a creación do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor, encargándose da primeira edición celebrada en decembro de 1981. Resultaría premiada «A vila sulagada» de Daniel Cortezón, con Xosé Fernández Ferreiro e Martínez Oca como finalistas. Formaron o xurado: Francisco Fernández del Riego, Benito Varela Jácome e Anxo Tarrío. Pouco a pouco súmanse novos concellos facéndose cargo do financiamento. Cada ano un deles é o organizador do evento, que consiste na difusión da obra de Blanco Amor e a entrega do premio.

Homenaxe a Blanco-Amor. Publicado polo Concello de Redondela

 

1980, novembro. O Concello de Redondella celebra a «Semán cultural galega». Entre os actos previstos figura unha mesa redonda baixo o tema «Os axuntamentos e o idioma galego» coa participación dos alcaldes de A Coruña, Pontevedra, Vigo, Cangas, Moaña e Redondela.

1981, xaneiro. O Concello de Redondela comeza a galeguizar os documentos municipais de maneira progresiva. Os primeiro será o «carnet de feirante».

1981, setembro. O pleno do Concello acorda propiciar cursos de galego para os funcionarios da Administración Local.

1981, novembro. O concello aproba unha moción presentada por Velo Amaro e Martínez ao Pleno, para reducir un 40% os impostos municipais sobre publicidade comercial dos comerciantes de Redondela feita en lingua galega.

1982, febreiro. O alcalde Xaime Rei reúnese co presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, para exporlle os acordos e accións de Redondela de cara a unha normalización do emprego do idioma galego na Administración.

1982, marzo. Presentadas dúas mocións, unha para que se cre un departamento de normalización no Concello e outro na Deputación Provincial.

1982, abril. Seguindo o proceso galeguizador do Concello os recibos da auga deste ano son no noso idioma. Tamén se informa aos establecementos hostaleiros da próxima publicación dunha guía turística do concello na que poderán aparecer coa única condición de que os seus menús estean en lingua galega e castelán.

1982, abril. Reunión no concello de Redondela de alcaldes y concelleiros de Cultura de toda a provincia, para tratar da «a normalización lingüística na Administración e nos concellos».

1982, maio. A consecuencia dunha iniciativa do Concello de Redondela, o deputado provincial Lino Velo presenta unha moción para crear un servizo de normalización lingüística, similar ao existente noutras deputacións de comunidades autónomas con idiomas propios.

1982, maio. Mesa redonda sobre a lingua galega con motivo do «Día das Letras Galegas» no Círculo Ourensán - Vigués sobre a lingua galega nos medios de comunicación, na que interviron Paz Lamela, inspectora de E. X. B.; Xosé González, funcionario do Concello de Redondela; Lino Velo, concelleiro de Redondela; Gustavo Luca de Tena, xornalista redondelán, e José Andrés Hernández, director de «Radio Popular». Como presentador actuou Víctor Freixanes, catedrático de galego.

1982, maio. O Concello organiza un programación para conmemorar o Día das Letras Galegas con actos en todas as parroquias, no que destaca a inauguración do monumento a Blanco Amor, obra do escultor Eiravella . (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )

1982, maio. O concelleiro Lino Velo e o funcionario municipal Xosé González falaron na Asociación de la Prensa para expoñer os esforzos do Concello de Redondela pola normalización do idioma. Neste sentido convocouse unha segunda reunión cos alcaldes da provincia para o día 19, xa que na primeira convocatoria do Concello asistiron unicamente dous alcaldes, desculpáronse outros dous e o resto nin contestaron.

1982, maio. Campaña radiofónica, en cuñas publicitarias, do Concello de Redondela nas que dun xeito popular se da conta da necesidade institucional e pública de normalizar o uso do galego na Administración.

1982, 17 de maio. O Día das Letras Galegas o Concello de Redondela recibe en Vigo o “Premio da Crítica” no eido das «iniciativas culturais». Na recollida do premio o concelleiro de cultura Lino Velo criticou ao concelleiro de cultura, Figueira Valverde, que desde que anunciara os cursos de galego para funcionarios da Administración Pública ninguén sabía deles. Ademais agradeceu a axuda prestada polos responsables dos departamentos de Cultura del Gobierno Vasco e da Generalitat, mentres que non recibira a menor colaboración por parte da Xunta de Galicia.

1982, agosto. O Concello de Redondela creou o «Consello municipal de normalización do idioma», co fin de normalizar e xeneralizar o uso do galego na vida pública e na administración municipal.

1982, setembro. Na fachada da Casa Consistorial colocouse en bronce a lenda Casa do Concello, sendo o primeiro concello de Galicia en facelo. Tamén se nomearon en galego todos os departamentos do mesmo.

1982, novembro. O Premio Blanco Amor, iniciativa do Concello de Redondela xa conta co apoio de máis de 50 concellos.

1982, decembro. Despois dun tempo en que o Concello de Redondela envía todas as súas notificacións en galego, dos milleiros de destinatarios tan só unha persoa esixe unha tradución e outras catro foron pedindo un documento «en cristiano».

1982, decembro. O alcalde de Redondela, Xaime Rey e dous concelleiros Lino Velo e Xurxo Martins presentan en Vigo aos medios de comunicación a colección de formularios que, impresos en lingua galega, son empregados a diario pola administración municipal.

1982, decembro. O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia por fin deu contestación o escrito do concello de Redondela sobor dos cursos de galego a funcionarios: «A Xunta de Galicia non somentes acollerá con moito interés a iniciativa sino que pra funcionarios ten en trámite a xestión do Instituto Galego coa misma finalidade». «De todos xeitos pasó a presidencia este novo escrito seu, e sin perxuicio de insistir para inmediata posta en marcha de novos cursos pra funcionarios no Instituto da Lingua galega»

1982, decembro. Baixo a presidencia do alcalde, entrégase en Redondela o premio do octavo certame galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo,convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro. O gañador é Miguel Suárez Abel, de Vilagarcía de Arousa, coa obra «O quiquiriquí».

1983, xaneiro. O Concello organiza un curso de galego para funcionarios cursando invitación a varios organismos provinciais, entre eles, a Comandancia da Garda Civil, ICONA, notarías, Centro de Hixiene de Rande, confrarías de pescadores, etc. O curso será impartido conxuntamente polo catedrático de Vilagarcía Xavier Senín, o agregado do l. N. E. M. De Redondela, Modesto Hermida e mailo profesor i escritor Víctor F. Freixanes. O servizo municipal de normalización tiña provisto programar outro curso de perfeccionamento nese mesmo ano.

1983, febreiro. Unha representación do Concello de Redondela formada polo alcalde Xaime Rey, o concelleiro de Cultura Lino Velo e co funcionario do Servizo Municipal de Normalización, Xosé González, participa nunhas xornadas en torno ás linguas nacionais na administración, xunto a persoas adscritas á dirección xeneral de política lingüística do Gobierno Vasco e da Generalitat, e outros especialistas no tema.

1983, febreiro. O Concello de Redondela propón á Xunta de Galicia a publicación de dous libros básicos para a normalización lingüística na Administración Local, a creación de cursos permanentes de galego para funcionarios, a posta en marcha dunha política de subvención a ditos cursos e dunha campaña de sensibilización, e a expedición de certificados académicos que acrediten o coñecemento da lingua.

1983, marzo. Celébrase en Chapela un curso de lingua galega para adultos organizado polo servizo municipal de normalización.

1983, marzo. O concello de Redondela foi galardoado co Pedrón de Ouro “pola promoción e normalización da lingua e da cultura, pola creación do premio Eduardo Blanco Amor e polas probas inequívocas da sua galeguidade e entrega ao país”. É a primeira vez que unha institución recibe este recoñecemento.

Obsequio do Concello. Medalla de Sargadelos conmemorando a concesión do Pedrón de Ouro en 1983.

 

1983, abril. Noventa e seis persoas matricúlanse nos cursos de galego para adultos organizados na Casa do Mar de Redondela polo Servizo Municipal de Normalización do Idioma.

1983, abril. Os portavoces dos grupos políticos Esquerda Galega, Partido Comunista, Partido Socialista e mailo Partido Galeguista, que hoxe teñen representación no concello de Redondela, firmaron un pacto pola continuación das políticas a prol da normalización da lingua galega no ámbito local e administrativo.

1983, maio. O Concello de Redondela enviou un telegrama ao presidente da Compañía Telefónica, lamentando que en Galicia non se empregue nas guías telefónicas o galego, mentres en Cataluña e Euskadi utilizan o catalán e o euskera. Pouco despois a Compañía Telefónica anunciaría a publicación da próxima guía en galego.

1983, maio. O Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo obrigado a repoñer o sinal retirado da estrada N-550 e que fora colocado polo Concello de Redondela dando a benvida nos catro idiomas oficiais do estado español.

1983, maio. Novas conversas de membros da comisión de cultura do Servizo de Normalización do Idioma de Redondela con representantes dos departamentos semellantes dos idiomas catalán i euskera.

1983, maio. O alcalde de Redondela dirixiuse por carta ao director xerente de Aviaco para pedirlle que de acordo co Estatuto de Autonomía de Galicia sexa usada a lingua galega nos avións que veñen a Galicia.

1983, xullo. O Concello de Redondela organiza unha campaña publicitaria para promover o idioma galego en todas as instancias e medios. Consta de 13 carteis coa lenda: Sinte Galicia, fala o teu idioma”. Colaboran na mesma varios galegos famosos: escritores como Camilo José Cela, a muller do tempo na TV, Pilar Sanjurjo, o director xeneral de RTVE, José María Calviño, o futbolista Miguel Angel, a actriz Rosalía Dans, o actor Fernando Rey, o bispo Araújo Iglesias, o modisto Adolfo Domínguez... 

 

Presentación da campaña "Sinte Galicia, fala o teu idioma". Foto cedida por Andrés Couñago Laxe


1983, outubro. O alcalde Xaime Rei é invitado polo Centro Galego de Madrid, para que faga na súa sede unha presentación da xa famosa campaña de carteis e expoñer o traballo levado a cabo no Concello de Redondela en prol da normalización da lingua galega.

1983, decembro. O Servicio Municipal de Normalización do Idioma do Concello de Redondela edita un folleto titulado: «Escribir en Galego 1». Esta publicación recolle un mini - dicionario de topónimos, épocas do ano e outros aspectos temporais, acompañado da normativa vixente respecto á normalización.

1983, decembro. Anúnciase para abril a saída da guía telefónica en galego para abril, pola que tanto insistiu o Concello de Redondela. Ademais imprimiranse tamén en galego os carteis para difundir a ampliación de capital da compañía recomendarase aos empregados o uso do galego.

1984, xaneiro. Mes cheo de actividades. Iníciase un ciclo de conferencias sobre o galego, o primeiro orador é Antonio Rosón, presidente do Parlamento galego. Xosé M. Martínez Oca presenta a sua novela «Beiramar», gañadora do derradeiro premio Blanco Amor. Comenza un novo ciclo de cursos de galego para adultos.

1984, xaneiro. Xosé González Martínez, funcionario do concello de Redondela promove a recén creada Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.

1984, xaneiro. Tras a protesta do alcalde de Redondela foron retirados os folletos do Ministerio de Obras Públicas (MOPU) escritos en galego non normalizado.

1984, xaneiro. O alcalde, Xaime Rei, dirixiuse por carta á directora xeral de Política Lingüística, Paz Lamela, e ao presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Mariano Rajoy, solicitando que os boletíns oficiais das deputacións escriban os topónimos en galego, porque apesares de que a Xunta constituíra a Comisión de Toponimia en 1979 seguen a publicarse de forma errónea.

1984, febreiro. O alcalde de Redondela escribiu ao presidente da Deputación de Pontevedra, pedíndolle que: cre unha unidade administrativa de asesoramento en temas lingüísticos, que nas actas se escriban en galego as intervencións feitas neste idioma, que o Boletín Oficial da Provincia se redacte en castelán e galego simultaneamente, que os selos, cuños e impresións sexan en galego, que se continúen os cursos en galego para funcionarios, que sexa mérito o coñecemento do galego nos exames, concursos e oposicións da Deputación, etc.

1984, marzo. Seguindo o exemplo do concello de Redondela, o alcalde de Compostela invita aos seus colegas dos principais municipios de Galicia, para firmar un documento de defensa e normalización do galego.

1984, abril. O Concello de Redondela escribiu á directora xeral de política lingüística e ao delegado provincial da Compañía Telefónica para dar conta dos errores da nova guía, escrita en galego e castelán, con denominacións erróneas sobre os colexios que aparecen como “nacionais”, cando unha orde da Xunta, os nomeou “públicos”.

1984, maio. Anunciase a celebración en Redondela dunhas xornadas de divulgación da Ley de Normalización Lingüística dirixidas a alcaldes e concelleiros galegos.

1984, maio. Invitada polo alcalde visitou Redondela a directora xeneral de Política Lingüística da Generalitat. Trala explicación dos traballos que en materia de política lingüística ven realizando o Concello, Aina Molí, animou a seguir por esa liña e valorou moi positivamente a laboura do Concello de Redondela neste eido. 

Primeira Ordenanza do Uso do Galego

 

1984, maio. Na reunión celebrada o día 16 en Santiago dos alcaldes de toda Galicia, o presidente del Parlamento galego, Antonio Rosón felicitou unha vez máis ao Concello de Redondela por ser pioneiro na normalización do galego.

1984, maio. O Concello de Redondela prosegue a campaña de carteis pola Normalización Lingüística, para o que confeccionou un tríptico no que expón a campaña e como adherirse. Tamén anuncia segue co ciclo de conferencias con Alexandre Cribeiro, director de TVG, e o día 30 con Domingo García Sabell, presidente da Real Academia Gallega e delegado do Gobierno. Co motivo do Día das Letras Galegas tamén se realizaran varias actividades dirixidas aos máis cativos.

1984, xuño. O Concello edita o segundo libro de «Escribir en galego 2» na que se recollen exemplos de diferentes tipos de formularios administrativos de uso común.

1984, xuño. En carta aos concelleiros o alcalde de Redondela pide a galeguización da Caja de Ahorros de Vigo.

1984, xuño. O alcalde, Xaime Rey, pediu aos seus veciños que coloquen nos seus balcóns e fiestras a bandeira galega con motivo da chegada dos restos mortais de Castelao a Galicia.

1984, xullo. O Alcalde de Redondela dirixiu unha carta ao director xerente da Caja de Ahorros Provincial de Pontevedra pedíndolle que fagan edicións en galego da documentación que empreguen en relación cos concellos galegos.

1984, agosto. O Concello de Redondeia negouse a distribuír máis de mil carteis enviados a Federación Española de Municipios, para a campaña de limpeza en vilas e cidades, por ter a lenda en castelán: «Juega limpio con tu ciudad, gracias». Considérase que a campaña debería ser nos catro idiomas del Estado.

1984, setembro. O Concello de Redondela recibe un novo premio, o diploma do Centro Catequético de Xestoso por: «A normalización da Lingua Galega».

1984, setembro. O alcalde de Redondela escribiu ao ministro de Cultura: “... pidiéndole que aproveche todas las ocasiones que se le presenten para difundir y popularizar todavía más nuestra lengua en el país gallego y para llamar la atención de los ciudadanos sobre la riqueza que supone para un Estado una variedad lingüística tan amplia...”.

1984, outubro. O alcalde Xaime Rei, enviou, unha vez máis, unha carta aos restantes rexedores galegos animándoos á normalización do idioma galego na burocracia municipal e os informa de dúas empresas especializadas en material da Administración Local en galego.

1984, outubro. Os representantes de Vigo e Redondela da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en Galicia, que vai nomear en Santiago a súa primeira xunta directiva, informan que pretenden desenrolar una serie de mecanismos que suplan a falta dunha política oficial.

1984, outubro. Nunhas xornadas a prol da normalización, intervirá o funcionario municipal de Redondela Xosé González Martínez co tema «Un servicio de normalización lingüística nunha vila de tipo medio», tamén participarán A.R. Reixa e Víctor Fernández Freixanes, entre outros.

1984, outubro. Xaime Rei lembra que hai pouco o Ministerio de Comercio, a través dun decreto que deixou en suspenso o Tribunal Constitucional, prohibía na etiquetaxe de envases o uso do galego, euskera e catalán. Para el sería necesario facer unha campaña institucional, desde Madrid, en televisión e medios de gran audiencia, con espazos publicitarios para resaltar a existencia destas linguas como un patrimonio de todos.

1984, novembro. Nun informe sobre a normalización do uso do galego na Administración local destácase que o concello de Redondela cumpriu a tódolos niveis a oficialización da lingua galega, mentres outras entidades locais fan caso omiso a que a lingua galega é a oficial de Galicia, chegando ao extremo de que algunhas delas se resisten a recuperar o seu nome galego.

1984, novembro. O alcalde accidental do Concello de Redondela enviou unha carta ao Conselleiro de Ordenación do Territorio pedíndolle que se dirixa aos concellos en adaptándose á Normalización Lingüística: «O galego so aparece na denominación de Consellería, sendo o resto en castelán, dando lugar deste xeito a unha situación delicada», e de no ser así, mellor que poñan: «Junta de Galicia. Consejería de Ordenación del Territorio». Ademais denuncian o emprego da palabra “Puertos” e de topónimos castelanizados: «e os toponímicos que se poden encontrar fai vinte anos como Sanjenjo, La Guardia, Poyo, etc...». Por todo isto,sinálase a necesidade de exixir aos funcionarios da Consellería o estrito cumprimento de todas las disposicns legais en materia de toponimia. 

Miguel Ángel, porteiro do Real Madrid na campaña "Sinte Galicia, fala o teu idioma".

 

1984, decembro. O senador catalán do PSC-PSOE Francesc Ferrer deu unha conferencia en galego, en Redondela. Considera totalmente incerto que a utilización das linguas propias de cada nacionalidade do Estado Español, implique insolidariedade, discriminación ou dificultades de entendemento entre eses pobos. «A gran falacia de España é o que se quere facer entender como solidariedade. Se nos decatamos, a solidariedade sempre vai a favor do castelán».

1984, decembro. Fírmase un convenio por parte da Xunta, o Goberno Civil de Pontevedra e por 18 concellos (entre os que figura o de Redondela) para o emprego do galego nas administracións, que terá como obxectivos inmediatos a elaboración dun formulario de procedemento administrativo, un formulario de documentación municipal e un vocabulario bilingüe xurídico - administrativo.

1985, xaneiro. A petición do alcalde de Redondela, Protección Civil xa envía desde Madrid os seus folletos escritos en galego Vigo.

1985, xaneiro. Comezo de dous novos cursos de iniciación ao galego para adultos que serán impartidos en Redondela e Chapela.

1985, xaneiro. Carta do alcalde de Redondela ao Ministro de Transportes y Comunicaciones, Enrique Barón, solicitando que se galeguicen as mensaxes nos transportes públicos «Nos produce desazón que las estaciones y apeaderos de Renfe exhiban en sus letreros los nombres de las respectivas localidades gallegas en «castrapo».

1985, febreiro. A Associació de Mestres Rosa Sensat, de Barcelona, solicitou á Comisión de Ensino do Concello de Redondela, exemplares da revista escolar «Primeiros e Rabelos» da que xa está en circulación o número un.

1985, febreiro. O alcalde de Redondela podería presentar recursos contra a mala utilización da toponimia por algunhas institucións: «que fan caso omiso dos decretos da Consellería da Presidencia relativos á toponimia».


1985, marzo. Cursos de iniciación e perfeccionamento en Lingua Galega que se celebrarán en distintos municipios de la provincia, destinados al profesorado de E. G. B. Los cursos de iniciación se celebrarán en Pontevedra, Vigo, Vilagarcia, Ponteareas, A Guardia, Cangas e Redondela, mentres que os de perfeccionamento se celebrarán en Porriño, Caldas de Reis, Lalín, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra.

1985, marzo. Froito das xestións realizadas polo alcalde de Redondela, a través do Servizo Municipal de Normalización do Idioma, os nomes dos colexios públicos da provincia de Pontevedra figurarán na lingua galega na próxima edición de la Guía Telefónica.

1985, 27 de marzo de a Audiencia Territorial de A Coruña ditou a primeira sentenza xudicial en galego, sendo o uso de este idioma promovido polo concello de Redondela. (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/03/a-primeira-sentenza-en-galego.html )

1985, 8 de maio. o pleno da corporación redondelá, aprobou, a proposta do Grupo Socialista, a oficialización de 619 topónimos do municipio, incluídos os nomes das parroquias, barrios e lugares. Tamén se aprobou a galeguización dunha vintena de rúas, a solicitude da Comisión de Cultura del Ayuntamiento.

1985, maio. As comisións de cultura e ensino do Concello de Redondela publican a Primera Guía Didáctica adicada a «Os Maios», tendo moi avanzada a segunda, que levará por título «A Redondela arqueolóxica», de Xosé Manuel Hidalgo Cuñarro.

1985 maio. O Concello ourensán de Cenlle felicita por carta ao de Redondela pola normalización do galego, especialmente na Administración Local.

1985, xuño. Os alcaldes de Redondela, Moaña e Fene, así como concelleiros e técnicos de educación dos citados concellos e os de Vigo, A Coruña, As Pontes, Celanova, Rianxo, Mugardos, Oleiros, Nigrán, Ribeira, Corcubión e Culleredo, asistiron onte, en Santiago, á constitución da Coordinadora de Concellos para Temas Educativos. Presidiu o concelleiro delegado de Educación, Víctor Ferreira Montero.

1985, agosto. Segundo unha enquisa realizada polo Servicio de Normalización do Idioma do Concello de Redondela a maioría dos funcionarios municipais galegos descoñecen a Lei de Normalización Lingüística, promulgada o 15 de xuño de 1983.

1985, setembro. Tendo en conta o acordo de decembro, polo que se presentou un proxecto de ley para a creación do Instituto Galego de Administración Pública, o alcalde de Redondela proporá un novo convenio porque os funcionarios das corporacións locais non estarían acollidos aos beneficios de este centro de ensino institucional. Polo que cita a 30 alcaldes galegos a unha reunión na Casa Consistorial.

1985, novembro. O alcalde de Redondela analizou en Valencia o uso do galego na Administración pública, nunhas xornadas organizadas pola Generalitat Valenciana.

1985, decembro. Inícianse en Redondela as III Xornadas de Lingua e Administración.

1986, xaneiro. O alcalde de Redondela, Xaime Rey, solicitou a creación dun servizo, autónomo ou vinculado á Comisión de Cultura, que se encargue de dinamizar o uso do galego na Deputación.

1986, abril. O alcalde de Redondela lembra ao comandante da Guardia Civil o dereito a usar o idioma galego en resposta a unha carta que este lle remitira.

1986, maio. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia considera totalmente incumpridos os dez puntos da «Declaración de Alcaldes Galegos», salvo exemplos, como o de Redondela.

1986, maio. Xunto co escritor e parlamentario Alfredo Conde, desprazouse a Cataluña, unha comisión da que forma parte Xosé González Martínez, funcionario del Servicio Municipal de Normalización do Idioma do Concello de Redondela, para participar no terceiro Congreso Internacional de la Cultura Catalana.

1986, xullo. A Consellería de Cultura, Educación e Ciencia da Generalitat valenciana, acaba de publicar un libro titulado «Les Llengües en lAdministració», no que se recollen comentarios e informes de oito persoas relacionadas coa defensa das linguas minoritarias do Estado español, entre o que figura o alcalde de Redondela, Xaime Rei e Xosé González, funcionario do Concello.

1986, outubro. No Concello de Redondela deuse a coñecer o fallo do xurado do concurso Libro Infantil «O Barco de Vapor» convocado polo Patronato de la Fundación Santa María. O primeiro premio, dotado con 350.000 pesetas, foi outorgado a «Aventuras de Sol», do vigués Alberto Avendaño. O segundo foi para a santiaguesa Elena Villar Janeiro por «Unha viaxe a Ondas mil» o terceiro para Jorge Cadalulle, de Carballo, por «Na procura dos garabellos.

1986, novembro. Comeza un novo curso de galego para adultos, organizado polo departamento de Cultura do Concello Concello.

1986, novembro. O alcalde de Redondela agradece ao delegado de Telefónica a inclusión na Guía dos topónimos galegos.

1986, novembro. O Concello de Redondela publicou un curioso bando sobre a salubridade na matanza do porco, posto en escena por un grupo de teatro.

1986, novembro. Un delegado de Renfe en Vigo devolveu un oficio ao alcalde de Redondela por estar escrito en galego.

1987, xaneiro. Con motivo da chegada dos restos de Castelao a Galicia, iníciase unha campaña pro monumento a Castelao, que tomou corpo coa chegada á estación de Redondela dun tren-exposición que mostraba a obra deste insigne galego.

Inaguración da estatua a Castelao. Foto cedida por Andrés Couñago Laxe

 

1987, marzo. O Concello de Redondela, por segundo ano, exixe ás orquestras que actúen nas festas da Coca que o 40 por cento das cancións que interpreten sexan en galego e recomenda ás comisións de festas que adoiten a mesma medida.

1987, abril. Tan só catro concello da provincia de Pontevedra, entre o que se atopa de Redondela, recibirán manuais de uso do galego elaborados polo Instituto da Lingua. O resto non amosaron interese por galeguizar as súas administracións.

1987, abril. Celebración do partido Choco-Celta a beneficio da construción do monumento a Castelao.

1987, 17 de maio. Celebración do Día das Letras Galegas co descubrimento da estatua a Castelao na Alameda.

1987 xuño. Redondela celebra o Primeiro Festival Galego de Cantiga Tabernaria dentro da programación da Festa da Coca.

1989, agosto. «Estas no teu dereito. Comunícate coa comunide», é o lema da nova campaña de normalización lingüística do Concello de Redondela, co fin de “converter nun feito normal o uso do idioma galego nas relacións persoais, comerciais, administrativas ou de calquera outra orde”. Edítanse 100.000 folletos que serán repartidos en comercios e organismos públicos.


A promoción do galego continuaría e cabe destacar que na seguinte década, en 1998, nace a Fundación Lois Peña Novo por iniciativa de varios funcionarios do Concello de Redondela co fin de promover o uso do galego no ámbito administrativo. Entre as súas iniciativas está o Premio Lois Peña Novo.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La Voz de Galicia

O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.