Mostrando entradas con la etiqueta Chapela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Chapela. Mostrar todas las entradas

martes, 16 de diciembre de 2025

Fotografía en Redondela durante o século XX


Saturno Cal. Foto publicada en Vida Gallega

Para comezar a falar de fotografía no Concello de Redondela hai que comezar pola saga dos Cal.

Saturno Cal. Saturnino Cal Muiños (Reboreda 1875/Mos, 1952). Alcalde agrarista en 1924, entre os seus logros estiveron a canalización do río Alvedosa, a inauguración da central de teléfonos e as melloras do matadoiro e da Praza do Mercado. Foi secretario da comisión organizadora da 6ª Asamblea Agrícola Gallega celebrada en Redondela en 1914 e presidiu o Centro Científico Deportivo. As súas fotos de paisaxes de Redondela foron reproducidas en numerosos xornais como Vida Gallega ou Mundo Gráfico, na colección de cromos Bellezas de Galicia, publicacións como Libro de oro de la provincia de Pontevedra e numerosas postais.

A súa afección pola fotografía tería continuidade nos seus fillos Emilio e Avelino, pero principalmente neste último.


Avelino Cal. Avelino Cal Fernández (Redondela 1904-1985). Contable en Azufrera del Noroeste e Conservas Job, onde deseñou os anagramas e debuxos dos envases. Militou no Partido Galeguista, dirixindo o xornal Terra!. Formou parte das directivas de varios equipos de fútbol, deporte no que foi un destacado xogador. Na súa mocidade a cámara o acompañou á guerra de Marrocos onde recolleu costumes daquelas terras. De Redondela deixounas numerosas instantáneas das súas paisaxes. A súa paixón pola pintura levouno a colorear boa parte das súas fotografías. 

 

Avelino Cal. Fondo Jaime Serín, recorte.

 

A saga continúa cos seus sobriños Raimundo “Mundo”, Félix e Jacinto Cal Cortizas.


Cal-3. Estudo fotográfico que abriu as súas portas en 1975 na rúa do Adro, pasando logo á Praza Constitución e actualmente a rúa Alfonso XII. Inicialmente eran Mundo e o seu curmán José Luis, rompéndose pouco despois esta sociedade e quedando co negocio Mundo e o seu irmán Félix. Desde aquela teñen recollido a transformación social e política da nosa vila, sendo o principal arquivo fotográfico de Redondela, realizando exposicións e publicando varios libros de fotografías. Tamén destacar a faceta de Mundo como fotoxornalista e aos fotógrafos que traballaron neste estudo durante todos estes anos. Na actualidade Cal-3 reconverteuse en cooperativa con Helena Cal (cuarta xeración), Quino R. Vilas e a colaboración de Fernando Carreira “Cuchi” no audiovisual.

A saga familiar foi recollida no libro:

A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela. Cal-3. 2023.

Outros libros referentes a Redondela serían:

Redondela. Manuel Puga e Mundo Cal. Ir Indo Edicións S.A.

25 anos de fotografía en Redondela. Cal-3.


Outros Fotógrafos

Ao longo do século pasado foron varios os fotógrafos que exerceron en Redondela, pero por desgraza non se ten publicado gran cousa sobre eles, polo que a falta dun traballo en profundidade recollo aquí os datos que vou atopando.


Raimundo Díaz. Fotógrafo procedente de Madrid que en 1895 se estableceu na rúa da Ribeira.

Rodríguez y Díez. A primeira referencia que atopo a este estudio fotográfico sería nun censo de actividades de 1910. En Contribución al patrimonio fotográfico de Ponteareas de Salvador Fernández de la Cigoña, publícanse varias fotos do Concello de Ponteareas firmadas por este estudo.


Vigo. Llegada de traineras, postal Rodriguez y Díez

Joaquín Rodríguez. En 1911 anúnciase como fotógrafo na rúa Alfonso XII. Non puiden confirmar que sexa o mesmo Rodríguez da sociedade anterior, pero non sería descartable. Do pouco que sabemos deste fotógrafo é que chegou a colaborar con Saturno Cal.


Braulio González Pasantino. (Santiago de Compostela 1902). Viu traballar a Vigo e rematou casando en Redondela con Ramona Sánchez Álvarez, residindo na rúa Reveriano Soutullo coa que tivo catro fillos: Braulio, Ramona, Francisco “Paco Periquito” e Antonio. Traballaba como zapateiro e tiña unha máquina fotográfica coa que sacaba retratos na Praza de Figueroa. Formou parte do comité local do “Frente Popular” e nos días seguintes ao golpe militar do xeneral Franco participou requisando armas polas parroquias, polo que cando triunfou o “Alzamento Militar” permaneceu agochado ata que, ao ser descuberto, non tivo máis remedio que entregarse. Estivo preso no cárcere de Redondela de onde foi sacado. O seu corpo sería atopado o día 17 de setembro de 1936, na parroquia de Cans no Porriño, onde está enterrado. O seu corpo presentaba un disparo de bala e os seus testículos foran seccionados.


José Bellver Álvarez (Ponferrada, 1886-Pontevedra, 1968). Exerceu como xuíz de primeira instancia de Redondela, dende maio de 1933, procedente do xulgado de Ortigueira, ata que en outubro de 1941 foi ascendido a Maxistrado de entrada. O motivo de incluílo neste apartado é que realizou fotos e gravou películas en todas as vilas nas que estivo destinado. A súa colección consérvase no Museo de Pontevedra. En 2013, realizouse unha mostra no Multiusos da Xunqueira con algunhas das súas fotografías.


Rafael. Fotógrafo na rúa Alfonso XII nos anos 40.


Anuncio. Festas da Coca 1948.

Montes. Na Estrada de Vigo nos anos 50.


Montes. Selo. Ano 1956

Geno Lueiro. Eugenio Lueiro Urtaza (Redondela 1940 - A Coruña 2018). Correspondente en Redondela de Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Ademais de colaborador gráfico da prensa escrita, as súas fotos ilustraban os especiais da festa da Coca nos anos 60. A súa obra sería cedida pola súa filla Uxía ao Arquivo Audiovisual do Concello de Redeondela.


Eugenio Lueiro. Foto cedida por Uxía Lueiro

Gena. Bernardo Núñez Muíños. (Redondela xaneiro, 1900 - Cesantes 1973). Casou con María Estévez Losada, coa que compartía a paixón pola fotografía e rexentaba Fotografía Photum, en Vigo. Nas súas fotos deixaron constancia da beleza das paisaxes galegas, monumentos, postas de sol..., e como non, da vila de Redondela. Vivían en Cesantes. Os seus fillos foron destacados nadadores e o maior, José Bernardo Núñez Estévez Colón”, dálle nome á piscina municipal de Redondela.


Gena. Foto publicada en Bodas de Oro. Antonio Ocampo.

Hervés. Exerceu alá polos anos 60 e 80, tendo o seu estudo no primeiro andar da rúa Ernestina Otero número 2. O seu arquivo foi destruído.


Anuncio. Grandes fiestas de la Coca. 1968.

Fots’ca. Carlos Alonso Martínez (Redondela). Fillo do vixiante da Illa de San Simón, cando esta era empregada como Albergue Nacional, en 1950 sobreviviu cando envorcou a lancha “Monchita”, no que faleceron 43 mozos que recibían formación para ser altos mandos de Falanje. Foi un activo fotógrafo local durante a segunda metade do século XX, colaborando con xornais como El Pueblo Gallego. O Arquivo Audiovisual Municipal de Redondela adquiriulle as súas fotografías.


Fondo Fotsca. Arquivo Concello de Redondela

Garo. Leodegario Iglesias Martínez. Emigrante retornado, estableceuse en Redondela, tendo tenda tanto en Redondela, na rúa Alfonso XII, como en Vigo, sendo atendidas pola esposa e unha filla. Os dous negocios tiñan o nome comercial de Foto Bandfield. Acostumaba acudir coa súa cámara as festas e competicións deportivas do Concello. Contáronme que o seu arquivo foi cedido pola familia á Deputación de Pontevedra, pero non puiden confirmar este punto.


Garo. Arquivo Cal-3

Puga. Era un habitual fotografando as competicións deportivas da comarca polo que se fixo moi coñecido en Redondela. Implicado nunha operación contra a pederastia deuse á fuga e nunca máis se soubo del.


J. y C. Estudo de breve vida que abriu as súas portas na rúa Alfonso XII nos anos 90.


            Ricardo Grobas Antúnez (Chapela, 1962). Fotoxornalista que ten exercido como redactor gráfico en diferentes medios de comunicación. A súa obra céntrase na fotografía de paisaxes destacando as imaxes da costa galega, publicando: Faros y paisajes costeros de Galicia (2020Belagua), Galicia: todo un mundo (2015Belagua), Illas atlánticas de Galicia (2013 Belagua), Faros de Galicia,


Ricardo Grobas. Twitter

Javier Teniente (Chapela, 1968). Fotoxornalista que ten cuberto conflitos bélicos e desastres naturais en varios países, ademais de realizar reportaxes sobre a pesca. Algunhas das súas reportaxes serían: en Centroamérica (huracán Mitch 1998), Kosovo (1999), Irak (2003), Haití (2004) ou o Tsunami en Banda Aceh, Indonesia (Enero 2005). Durante anos colaborou como fotógrafo con Naciones Unidas, Médicos del Mundo, Médicos sin Fronteras, Acción contra el Hambre e outras organizacións internacionais. Reconvertido como independente, xestiona en Vigo a galería J. Photo Gallery.

Ten realizado numerosas exposicións, recibindo as seguintes mencións: Premios Ortega y Gasset de periodismo. Mención especial (2006), Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2005), Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. (Finalista)(2004), Premio Galicia de Comunicación (2004), Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003), Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. (Finalista) (2000).

Publicacións: Mans Salgadas (2002), Iraq, días de posguerra (2003), Cabalos de Vento, Curros de Pedra (2009), todos con Edicións Xerais e Hijos del Océano (Blume, 2016).


Javier Teniente. Foto: Atléntico Diario.

Outras tendas de fotografía que abriron as súas portas nos últimos anos serían: Polaris (Sandra Bastos, na rúa 8 de Marzo), O Fotógrafo Ambulante (Camiño Moreira, Chapela) e Feitiños (Camiño do Campo de Fútbol).



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Antonio Ocampo Otero. Bodas de Oro (1939-1989). Doctor en Medicina y Cirugía.

A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela.

Arquivo do Concello de Redondela =>Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90.

Biblioteca Nacional de España: www.bne.es => Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del Norte de España.

Faro de Vigo.

Atlántico Diario

Xornais locais=> La Idea, El Soplete, La Opinión, Terra!

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, La Noche...

Programas da Agrupación Artística Redondela e das Festas da Coca.

Ricardo Grobas: https://ricardogrobas.com/es/

Javier Teniente https://www.javierteniente.com/web/

https://www.laopinioncoruna.es/galicia/2010/06/15/javier-teniente-fotografo-agencia-arrasa-25219033.html

https://blogs.eitb.eus/rogeblasco/2016/12/12/javier-teniente-fotografia-a-los-hijos-del-oceano/

jueves, 24 de abril de 2025

Ruta do Río Fondón

 

Ruta do Río Fondón. Foto: J. Migueles

         Trátase dunha ruta lineal con forte pendente polo que a dificultade varía se imos nun ou noutro sentido, podendo facela de ida e volta.

        Se optamos pola dificultade media-baixa podemos deixar o coche nas inmediacións da mámoa do Rei ou do campo de fútbol de Trasmañó. O inicio do camiño soe estar sen desbrozar e en inverno soe anegarse polo que é recomendable comezar na estrada que baixa cara a Chapela e retroceder para ver os primeiros muíños. Se optamos pola opción de só ida deixaremos previamente outro coche preto de Faro de Vigo, en Chapela, xa que a ruta remata no Camiño da Fraga que arranca nunha área de descanso con fonte e accedemos a el por un túnel baixo a Autopista.

Un dos numerosos muíños da ruta. Foto: J. Migueles

Foto: J. Migueles

 

 

        Esta ruta é atravesada pola Senda da Auga polo que nos permitirá numerosas combinacións para futuras camiñadas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/senda-da-auga.html )

        Os atractivos desta ruta son os mesmos que os de moitas rutas fluviais. Unha rica flora autóctona, saltos de auga e ata 21 muíños. Se prestamos atención tamén distinguiremos os lugares onde as mulleres lavaban antigamente a roupa. A ruta comeza na parroquia de Trasmañó e remata na de Chapela. Por esta última o río continúa polo casco urbano ata chegar ao mar preto das instalacións de Pescanova, contabilizándose 6 muíños máis neste tramo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html ) Un pequeno desvío tamén nos levará ata o Cruceiro do Fondón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html )

 

Interior do muíño de Alfonso do Lagho. Foto: J. Migueles

Muíño Novo. Foto: J. Migueles

Muíño Novo. Foto: J. Migueles

 

        É recomendable realizar a ruta tanto no verán como no inverno porque o cambio é máis que notable. No inverno ao levar máis auga o río é o momento ideal para deleitarnos coas fervenzas e rápidos, mentres que no verán as árbores dannos a sensación de pasar por un túnel vexetal que nos proporciona frescor nos días máis cálidos do ano.


No verán a sombra converte a ruta nun paseo moi agradable. Foto: J. Migueles

Muíño de Casqueira. Foto: j. Migueles

Foto: J. Migueles

Foto: J. Migueles



Acceso ao mapa no seguinte enlace:

https://www.google.com/maps/d/edit?hl=es&mid=11twxsT_8furX9xVu46twxOoLzMPnLcs&ll=42.268509590878395%2C-8.656454999999989&z=16

 

Autor: J. Migueles

 

 

 

 

sábado, 19 de abril de 2025

Festas gastronómicas

 

 

Anuncio da II Festa do Mexilón. Hoja Oficial del Lunes

Ademais da Festa do Choco, no Concello de Redondela celébranse e celebráronse numerosas festas gastronómicas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/05/a-festa-do-choco.html )


Festa do Mexillón.

Apesares de algúns anos que non se organizou, esta é a primeira festa gastronómica do Concello de Redondela, xa que se celebrou por primeira vez en 1963. Celébrase en agosto ou setembro en Chapela.


Festa da Mazá.

1º domingo de outubro en Negros (diante do centro cultural).

Festa adicada á mazá e os produtos elaborados con esta froita como a torta de mazá ou a sidra. Esta mazá chegou a comercializarse como vimos na seguinte entrada: (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/11/a-maza-redondela.html )


Magosto.

Festa tradicional galega na que se asan castañas. Está vencellada ao día de San Martiño, que é patrón de Ventosela e de Vilar de Infesta. No resto do Concello de Redondela hai varias iniciativas neste senso, sendo a do Centro Cultural de Cedeira a máis veterana e o “Castañazo”, do colectivo Sinha Paca, unha das máis recentes.


Festa do Cocido.

En Trasmañó, incluída dentro da programación das festas patronais de San Vicente.


Festa da Navalla.

Celébrase no verán en Chapela.


Festa de Carne ao Caldeiro

Organizada por primeira vez en 2025 ana parroquia de Quintela.


Festas gastronómicas desaparecidas.

Entre as festas desaparecidas máis destacadas podemos citar:


Festa do Carallote

Iniciativa da Confraría de Pescadores para potenciar a venda deste marisco, tamén coñecido como longueirón, que é moi abundante en Cesantes. Comezou a celebrarse en 2016 no peirao de dita parroquia. Na edición de 2019 servíronse 800 quilos á prancha, en salsa ou arroz, ademais de empanada de trigo e millo e coa novidade de empanadillas. Esta festa estaba a crecer cando o inicio da pandemia parou todas as actividades deste tipo.


Foto compartida pola organización da Festa do Carallote.

Festa da Orella de Porco.

Festa xa desaparecida que comezou a celebrarse na década dos 90 do pasado século en Cedeira. A data de celebración era a 1ª quincena de novembro.


Festa do Viño da Casa.

En xullo na área recreativa de Chan das Pipas (Saxamonde). Comezou a celebrarse no 2008, organizada pola Asociación Deportivo Cultural Chan das Pipas. Nela pódese degustar os viños de pequenos produtores da zona acompañados por carne ao caldeiro, polbo e empanada a prezos populares.


Ruta do Pincho

Festa de breve vida, comezou a celebrarse en 2012 co obxectivo de promover a hostalaría local imitando iniciativas doutros concellos. Cada cafetería ou restaurante ofrece un pincho e unha comisión a un prezo especial elixíndose o que máis guste.


Festa do polbo e o Churrasco.

No barrio da Teixeira, no Viso.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Faro de Vigo

Aportes orais.

viernes, 20 de diciembre de 2024

As torres de Fenosa.

Torre Fenosa na Baixada a Vieira. GMaps


        As torres instaladas pola compañía Fenosa para acoller transformadores eléctricos son un exemplo de patrimonio industrial. A súa planta é cadrada variando a súa altura, estando rematadas por un tellado a catro augas, que en ocasións pode ser a dúas. As máis antigas están construídas en pedra, empregándose posteriormente ladrillo e cemento ou a combinación de ambos materiais.

        A empresa de electricidade Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A. (FENOSA) foi fundada en 1943 por Pedro Barrié de la Maza y Pastor, natural da Coruña. Desde 1939 ata 1971, ano do seu falecemento, dirixiu o Banco Pastor, desde 1948 o estaleiro ferrolá Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A. (ASTANO) e desde 1944 a Xunta de Obras do Porto de A Coruña, construíndose baixo o seu mandato o dique de abrigo. Ademais promoveu e presidiu moitas outras empresas, como Cedie, El Barco de Valdeorras, Aluminio de Galicia, Gas Madrid, La Toja, Minero Siderúrgico de Ponferrada, Pesquerías Españolas del Bacalao, S.A. (PEBSA)...

        O 1 de octubre de 1955 Francisco Franco concedeulle o título de Conde de Fenosa, que en virtude da Lei de Memoria Histórica, e posterior Ley de Memoria Democrática, sería anulado o 21 de octubre de 2022 cando era ostentado polo terceiro titular.

        Fenosa fusionouse en 1981 con Unión Eléctrica Madrileña, nacendo Unión Fenosa. En 2008 sería adquirida por Gas Natural, que en 2018 pasou a operar baixo o nome Naturgy Energy Group S. A.

        Antes de Fenosa as compañías eléctricas que operaron en Redondela foron: (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/electra-de-redondela-electra-popular-de.html )


Cedeira

Sda. a Cedeira ( 42°16'40.38"N, 8°37'16.94"O)

Est. Negros (42°16'9.89"N, 8°36'53.72"O)

Est. Rande (Baixada a Vieira) ( 42°17'14.81"N, 8°38'55.78"O)

Est. Rande (42°17'12.70"N, 8°38'59.57"O)

 

Subida a Cedeira. Foto J. Migueles.

Estrada de Negros. Foto: J. Migueles

Estrada de Rande. Gmaps


Chapela

Senda da Auga ( 42°15'54.97"N, 8°39'48.97"O)

Av. Vigo (42°15'55.54"N, 8°40'24.70"O)

Av. de Vigo. GMaps.

Senda da Auga. Foto: J. Migueles


Reboreda

Estrada Ventosela ( 42°17'19.83"N, 8°35'57.22"O)

Estrada de Ventosela. GMaps.

 

Redondela

Torre Fenosa-Sda. á Estación (42°17'1.86"N, 8°36'47.42"O)

Subida á Estación. Foto J. Migueles

 

O Viso

Saramagoso (42°19'21.43"N, 8°35'33.00"O)

 

Saramagoso. GMaps.


Vilar de Infesta

Est. redondela-Peinador ( 42°14'28.36"N, 8°37'36.25"O)

 

Estrada Redondela-Peinador. GMaps



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Wikipedia

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

 

miércoles, 18 de diciembre de 2024

Castelao e Redondela.

 

 

O guía da danza das espadas. Por Castelao.

            No Museo de Pontevedra atopamos un cadro de Castelao no que reproduce a figura do xefe da danza das espadas. Dada a avanzada idade da persoa retratada podería tratarse de Juan Puertas Fervenza “Ley”, quen dirixira a danza entre 1884 e 1928,iniciando unha saga familiar que tería continuidade en Fernando Puertas Fervenza“Ley II” e Fernando Puertas Rodríguez “Ley III”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-da-danza-das-espadas.html )

            Esta obra engádese ao popular debuxo de Xan Carallás que entregou a Amador Pérez Sousa. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xan-carallas.html ). Este cedeuno para á súa publicación no Faro de Vigo en 1930 e crearía a prancha para reproducilo na súa imprenta, polo que tamén aparecería, en 1932, en El Soplete, xornal que dirixía. Castelao fixera amizade con Amador nas súas numerosas visitas á nosa vila, pero anteriormente xa fora compañeiro de José Bouzón Rosales durante os seus estudos de Menciña. Tamén consideraba como amigo seu e padriño literario ao poeta redondelán Ernesto Casto Padín Lorenzo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/padin-y-lorenzo-ernesto-casto-redondela.html )

Debuxo de Xan Carallás. El Soplete

 

        Outro debuxo con temática redondelá sería o realizado en 1917 cando decorou as paredes do desapareciddo Café Royalty de Pontevedra recreando personaxes populares da comarca entre os que se atopaba o chamado "Torero de Redondela". En Redondela, Fermina, avoa dos fotógrafos Raimundo e Félix Cal, contoulles que nunha das mesas de mármore do Café América, debuxara a figura de Xan Carallás. Tamén se conta que realizara un cadro ao óleo de Xan Carallás que sería copiado por César Pazos "Pisquito" para decorar a taberna de Mougás, na rúa Cruceiro.

        Por último citar a obra "As cruces de pedra na Galiza", na que Castelao debuxa algúns cruceiros e cruces do noso concello.

Cruz da Casa do Carballo. As cruces de pedra na Galiza.

 

        Non sabemos cando visitou Redondela por primeira vez, pero é de supor que como membro da Liga Agraria de Acción Gallega, asistiría á VI Asamblea Agraria de Galicia celebrada en Redondela en 1915.

        En 1930, durante unha reunión do Padroado do Museo de Pontevedra, mantén unha forte discusión co redondelán Casto Sampedro. Castelao argüíu que o Museo debería ser autónomo da Deputación e Sampedro defendeu a súa ligazón. Castelao acabaría por desculparse por medio de Alejandro Mon e o Marqués de Riestra, e posteriormente en carta pública ao presidente da Deputación. Sampedro aceptaría as desculpas dando por rematado esta polémica. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )

        En decembro de 1931 é un dos fundadores do Partido Galeguista e tan só catro meses despois organizaríase o Partido Galeguista de Redondela, que chegou a ter unha publicación propia titulada Terra!, dirixida por Avelino Cal e na que colaboraría Castelao xunto a outros destacados galeguistas: Paz Andrate, Otero Pedrayo, Bóveda... (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/xornais-de-redondela.html )

        Dentro da súa actividade neste partido participaría como orador en varios actos, tanto na nosa vila como en Chapela a onde acudiu en 1933. Pola súa relevancia, poderiamos citar ademais o acto a prol do Estatuto de Galicia celebrado na Xunqueira en 1936. Aproveitando a estancia na nosa vila por mor nun destes actos, en outubro de 1932, no cine Nuevo Cinema da unha conferencia sobor do arte da caricatura. Nun principio ía celebrarse no Centro Republicano pero desbotouse pola gran afluencia de xente que se agardaba. Desde Vigo organizouse una excursión en autocar e nun xornal comentábase que “media hora antes do acto non se podía entrar”. En febreiro de 1934 tamén participara na homenaxe celebrada en Trasmañó na memoria do seu maior benfeitor, Benigno F. González. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/gonzalez-benigno-f-trasmano-emigrante-e.html ) e ese mesmo ano asistiría ao enterro de Xosé Mª Blanco Alfaya, concelleiro de Redondela polo Partido Galeguista. 

Mitin a prol do Estatuto. Foto publicada en Galeguismo e sociedade na Redondela da II República

Lois Barros. Edicións do Castro.


 

        A gran pregunta sería se Castelao se inspirou en xentes de Redondela para outros debuxos e ata para a creación de personaxes literarios, como parece ser que ocorreu con Manuel Chichí, que poido servir de inspiración na obra Os dous de sempre. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/personaxes-1-metade-do-s-xx-4-manel.html )

      

        O debuxo de Xan Carallás sería reproducido en madeira por Sesé Fernández (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/fernandez-crespo-jose-sese-e-benito.html ), Antonio Martínez "Tonacho" (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/martinez-alvarez-antonio-tonacho.html ), Pablo Álvarez (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/alvarez-pablo-bola-ourense-1974-ebanista.html ) ou Pablo Giráldez "Pastor", quen o disfrazaría para un cartel de entroido (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/giraldez-rio-pablo-o-pastor-reboreda.html ), entre outros. Varios artistas realizarían as súas propias reproducións noutros materiais como cerámica ou bronce. Merece mención a parte o citado Sesé Fernández, porque ademais de tallar en madeira a Xan Carallás realizaría numerosas obras baseadas en outros debuxos de Castelao. Entre as súas exposicións a que lle causaría máis ilusión sería a ofrecida en Rianxo, vila natal de Castelao.

Debuxo de Castelao, por Sesé Fernández.


        Para rematar a relación de Castelao con Redondela, en 1988, o concello aproba darlle o nome de Daniel Rodríguez Castelao á Alameda. Este sería o lugar para erixirlle unha estatua que sería inaugurada o Día das Letras Galegas de 1987.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Xan Carallás de Redondela. El mito, la figura, la Orden. José Martínez Crespo. Ed. Orden de Xan Carallás.

Alcuños de Redondela. Francisco X. Sobral Crespo. Ed. Cardeñoso.

Ernesto Casto Padín Lorenzo. Un poeta redondelán. Carlos Antuña e Dolores Míguez. Ed. Coordenadora de equipos de normalización lingüistica dos centros educativos de Redondela.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Vida Gallega, El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego...

Museo de Pontevedra

El Soplete