Mostrando entradas con la etiqueta Agricultura e Gandería. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Agricultura e Gandería. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de noviembre de 2023

A mazá “Redondela”

 

Cartel da Festa da Mazá do 2009.

        Hoxe en día celébrase na parroquia de Negros a Festa da Mazá. A importancia desta froita na zona queda patente por darse no val do Río Maceiras. Un hidrónimo que nos deixa ben ás claras que a produción da mazá non é unha modernidade, porque sempre se dixo que o nome deste río ven polas mazás que caían ao mesmo. A mazá era empregada tamén para facer sidra e outro uso era aproveitar a que estaba en malas condicións como alimento para os animais.

        Ata o de agora non contamos ningunha novidade, pero o que non é tan coñecido é que estas mazás chegaron a venderse baixo a denominación “Redondela”. Así en novembro de 1962, no Mercado de Santiago de Compostela se conta que: “Vimos moita mazá. Vendíase ben desde 14 reais ata quince pesetas a ducia segundo a clase. As mellores eran as variedades «Alborona» e «Redondela».”

        Queda así patente que as nosas mazás chegaron a venderse en Santiago con denominación de orixe propia e cunha boa calidade, aínda que as boas críticas cambiaron totalmente ao ano seguinte noutro xornal. En 1962 fálase da gran cantidade de mazás nunca vista no mercado. Isto provocou a caída de prezos e que se puideran mercar cestos a cinco duros: As mazás máis prezadas eran “tabardilla parda”, “tabardilla real”, “deliciosa” e “sanroquera”. Non tanto a “redondela” que hai en abundancia e outras de escaso valor. Tamén se da conta da intención de varios empresarios de comercializar mazá francesa precisamente o ano de máis colleita. Esta apertura ás importacións pode ser a causa do abandono das colleitas de mazás no noso Concello.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>El Correo de Gallego, La Noche

 

martes, 31 de mayo de 2022

As tarefas do campo

 


A matanza do porco. Foto cedida por Isabel Martínez
A matanza do porco. Foto cedida por Isabel Martínez

As tarefas do campo eran labores comunais nas que participaba toda a familia e nalgunhas ocasións tamén veciños e veciñas. Eran momentos de encontro que adoitaban rematar en xantares e improvisadas festas onde non faltaban a música, os cantares, o baile e os xogos populares. Isto provocaba unha maior unión veciñal. Por contra, o abandono do campo, leva ao aumento da individualidade. Os motivos son de sobra coñecidos: endurecemento das normativas, prezos de venta baixos e encarecemento dos custes.

A continuación citarei algunhas destas labores do campo para as que se necesitaban moitas mans:


A matanza do porco.

A matanza do porco realizábase a coitelo polo que facían falta cando menos 5 homes, un para agarrar cada pata e o matarife. O primeiro era deitar de lado o porco no banco, tarefa nada sinxela que daba comezo aos berros do animal. Unha vez cravado o coitelo deixábase desangrar o porco, recollendo o sangue nun caldeiro, porque como di o dito, do porco aproveitase todo. Despois de morto queimábase con palla para eliminarlle o vello e quitábanse as unllas dos pezuños. O seguinte paso era colgalo polas patas traseiras para abrilo e baleirarlle as vísceras. O animal quedaba pendurado cuns paus de pata a pata para mantelo aberto en canal. Era o momento de afanarse na preparación de chourizos e das morcillas.

Na seguinte xornada procedíase ao despece do porco e ao salgado do mesmo quedando gardado na artesa para ir consumindo ao longo do ano.

As matanzas deron para máis dunha anécdota, desde o que se lle escapou o porco, ata o que o matou cun coitelo sen punta.

O 11 de novembro de 2013 comeza a aplicarse a normativa, de matar o porco con pistola para evitar o sufrimento do animal. Esta medida acelerou o abandono da tradición de criar porcos na casa.


Por San Martiño

mata o porquiño.



O gando.

Existen varias tarefas ligadas ao coidado do gando que se fan en grupo como son ir a apañar toxo ao monte para facer o batume (cama para manter quente aos animais) ou a realización de palleiros para ter palla ao longo do ano, que será empregada como alimento. Nos palleiros ou medas tamén se recollía o trigo ou centeo antes de mallalo para levalo a moer ao muíño.



Facendo a meda. Foto cedida por Isabel Martínez
Facendo a meda. Foto cedida por Isabel Martínez


O millo.

O cultivo do millo é moi laborioso. Despois da colleita aínda quedan varios procesos que sería a esfollada (retirada da folla) e o debulle (separación do gran). Despois gardábase no canastro para alimentar aos animais ou levábase a moer ao muíño para facer fariña. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )

A industrialización levaría ao debulle a máquina e a aparición do muíño eléctrico.

O seguinte dito, con moita sorna, fai referencia ás festas que se realizaban aproveitando as reunións xurdidas destas tarefas:


As esfolletadas de noite

non fan ben a ninguén.

Levei a miña muller

e esfolletáronma tamén.


1964. Desfollando o millo. Foto cedida por Carlos Cerdeira
1964. Desfollando o millo. Foto cedida por Carlos Cerdeira
 

O viño.

Os cuidados da viña durante o ano son labores que pode realizar unha soa persoa en pequenas explotacións. Neste caso o traballo comunal viría na vendima e posterior embotellado.


O augardente.

A figura do augardenteiro foi desaparecendo dos nosos barrios polo endurecemento da normativa que a rexe. Despois da vendima chegaba o augardenteiro que se instalaba na casa dun veciño que lle cedía un baixo ou alboio. Alí instalaba a súa pota e os veciños acudían cos seus bagazos pagando por potada, xa fora en cartos ou con parte do augardente.

Como o proceso é lento arredor do lume xuntábase a veciñanza e o augardenteiro, as máis das veces, entretiña á rapazada contándolles historias de medo, mentres os adultos aproveitaban para ir “catando o caldo”.

As potadas eran de augardente branca ou de herbas. O primeiro emprégase para facer todo tipo de licores (licor café, tostada...), pero de entre todos eles o típico de Redondela era o piscolabis.


As patacas.

A pataca é un alimento básico na nosa alimentación. Tanto o proceso de plantado como a recolleita son moi laboriosos, polo que son necesarias varias persoas para un campo pequeno. A rebaixa da carga de traballo pola chegada do tractor non evita o abandono dos campos polos baixos prezos do mercado.



Sachando as patacas, no Pereiro. Foto cedida por Adela Cabaleiro Hortas-Obradoiro Fernando Monroy
Sachando as patacas, no Pereiro. Foto cedida por Adela Cabaleiro Hortas-Obradoiro Fernando Monroy

Fiadas do liño.

Á fiadas do liño realizábanse á noitiña no inverno, porque é unha época onde o tempo impide botar horas a traballar no campo.

Esta tarefa deixou de realizarse hai moitos anos en Redondela, un dos motivos podería ser que as fiados do liño daban paso á seráns que en ocasións remataban con pelexadas e altercados, polo que en 1895 o Concello decidiu prohibir estas celebracións:

O alcalde Juan Manuel Otero Milleiro, secretario e gardas municipais dan unha batida en cruceiro e Eira Pedriña para prohibir os seráns das fiadas.”

O Alcalde multa ás donas das casas onde se celebran as fiadas en Cedeira por contravir as súas disposicións.”


O cardado da la.

A cría de ovellas e o posterior tratado da la era outro xeito de ter ingresos nunha casa. A la ademais de para a roupa empregábase para recheo de colchóns e almofadas.



Cardando la en Zacande. Foto cedida por Concha-Obradoiro Fernando Monroy
Cardando la en Zacande. Foto cedida por Concha-Obradoiro Fernando Monroy


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes orais.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

 

 

viernes, 1 de enero de 2021

O Convento de Agrelo

 

Vista do Convento de Agrelo onde se observa a planta en forma de cruz. Google Maps
Vista do edificio principal do Convento de Agrelo. Google Maps

Para comezar a falar do Convento de Agrelo temos que comezar por algúns feitos acontecidos na illa de San Simón. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-illa-de-san-simon.html ) A primeira igrexa levantada na illa baixo a advocación de San Simón sería construída no século XII polos Caballeros Templarios, orde de monxes guerreiros que naqueles tempos tamén posuían Vilavella. Trala disolución da orde o 22 de marzo de 1312 a Illa e Vilavella pasan a mans da Coroa.

Daremos aquí un salto no tempo para centrarnos no que realmente nos interesa que é a chegada dos pacualinos á Illa de San Simón. Sería en 1517 cando o franciscano andaluz Fr. Juan Pascual, fundador dos Padres Pascualinos Recoletos de San José, crea o cenobio Custodia de los Pascualinos de San Simón, aproveitando a antiga igrexa dos Templarios. Os ataques na Ría de Vigo do corsario inglés Francis Drake, en 1585 e 1589, provocan que os pascualinos abandonen a illa.

Pouco despois, concretamente en 1596, outra comunidade relixiosa, os monxes beneditinos de San Juan de Poio foxen da peste bubónica e instálanse na illa de San Antón. Cinco anos máis tarde os pascualinos reclaman os seus dereitos sobre á Illa de San Simón volvendo a establecerse nela, polo que os beneditinos vense na obriga de marchar.

Os pascualinos permanecen máis de cen anos na illa ata que en 1702 ten lugar a Batalla de Rande, que remata coa vitoria da flota anglo-holandesa sobre a franco-española, sendo a illa saqueada. A estes sucesos sucederanlle numerosas invasións polo que a orde franciscana obtén licenza para abandonar a illa no 1724. A idea é construír un novo convento menos exposto aos espolios e o lugar elixido será o de Agrelo en Cesantes, doado polo duque de Soutomaior. O nome que se lle deu sería o de Convento de San Antonio de Vista Real de Agrelo e o traslado realizouse a finais do ano 1746. Nada ten que ver este convento co Pazo de Agrelo localizado a unha certa distancia (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/pazos.html). Na descrición das novas instalación cóntase que dispón de capela, granxa, cemiterio, horta e unha importante captación de auga cunha galería de 200 metros. En 1768 a congregación estaba formada por arredor de 30 monxes.

Este convento sería atacado polos franceses entre o 12 e o 14 de abril de 1809. O exército de 2.000 homes comandado polo xeneral Macunne saíra se Santiago para auxiliar ás tropas francesas sitiadas en Tui. Ao seu paso prenderían fogo a numerosas casas de Redondela cos anciáns e enfermos que non puideran fuxir no seu interior. No convento de Agrelo matarían a tres monxes e ao lego do convento, Fr. Jacinto Alfaya, de 81 anos.

A pesares destes feitos os relixiosos continuarían no Convento de Agrelo ata a exclaustración da orde franciscana en 1836, motivada pola desamortización de Mendizábal. 

 A partires deste momento non sabemos que foi do convento. Supoñemos que pasaría a mans privadas e adicaríase á explotación agrícola. Os primeiros datos que atopo nos leva a un anuncio de venta de viño en 1919 e, a referencias a mediados dos anos 20, cando os terreos do convento son aproveitados para a cría de porcos e plantacións de legumes e árbores froiteiros, principalmente pereiras e viñas, ademais de prados e unha parte a monte con eucaliptos e piñeiros. Apúntanme que tamén se plantou tabaco, pero non puiden confirmar este punto e pode que sexa un erro relacionado cun suceso que veremos máis adiante.

Convento de Agrelo. Anuncio 1919
Anuncio 1919

Nesta época é propiedade de Serafín Reboredo Blanco. Propietario da tenda “Al buen gusto”, que debía ser continuación doutra que tivera co seu fillo chamada “El Siglo XX”. Xunto con Francisco Crespo Rivas, propietario do xornal El Pueblo. Tamén foi redactor de “La Opinión” e administrador de Consumos. En 1926 poría a finca en venta.



 

Nas seguintes décadas seguiría empregándose como granxa de porcos e explotación agrícola. Por referencias orais sabemos que a principios dos anos 40 o caseiro, don Jesús, e a súa esposa, dona Maria, que vivían sós na granxa porque non tiñan fillos, saían todos os días co carro de cabalo a Vigo a recoller lavadura para os porcos e sacos de pan reseso. Os nenos os perseguían á volta pero nunca lles daban nin un chusco co que matar a fame daqueles anos. Cando algún xornaleiro era sorprendido comendo froita da finca, aínda que estivera no chan e fora para os porcos, recibía uns vareazos.

En xaneiro de 1960 o Convento de Agrelo saltaría aos xornais pola incautación por parte da Garda Civil de Vigo dos seguintes artigos de contrabando: 365 caixas (182.500 paquetes) de tabaco rubio de diferentes marcas, 208 despertadores e de mesa, 55 transistores e 140 pilas, 120 camisas de nailon para home e 36 pistóns con camisa para coche. O valor da mercancía, cun peso de 5.640 quilos, superaba os dous millóns de pesetas. Daquela o dono da finca, que pasaría a disposición xudicial, era coñecido como don Joaquín, e tamén era propietario do Sete Torres, en Teis, e do Hotel Alameda e o garaxe Militon, na praza Compostela, Vigo.

          Pouco despois, a propiedade é adquirida por José Fernández, fundador entre outras empresas de Pescanova en Chapela e Zeltia en Porriño, que a converte en granxa porcina. Xunto ao enxeñeiro agrónomo Carlos del Río, en 1969, introduce o kiwi en Galicia plantando os primeiros cen exemplares nunha pequena finca en Gondomar. Pouco despois tamén se plantaría kiwi en Agrelo. Chamada orixinalmente Yang Tao (froita do Río Tang), recibiría o nome de kiwi cando foi introducida en Nova Zelanda, pola súa semellanza coa ave orixinaria daquel país. A publicación de Carlos del Río do libro Kiwi, el fruto del futuro, provocou unha revolución na agricultura galega.


 
        O
seguinte propietario da finca sería Eulogio Gómez Franqueira, de Coren (Cooperativas Orensanas), que ampliaría a produción do kiwi. Xa en 1982, na parcela de dúas hectáreas e media en Agrelo colleita un total de 31.000 quilos. A apertura do mercado abriu a posibilidade a plantar o kiwi noutras vilas. 

Parte da propiedade do Convento de Agrelo na actualidade Foto: Antonio M. Verdeal
Parte da propiedade do Convento de Agrelo na actualidade Foto: Antonio M. Verdeal

 

           En 1985 celebraríanse as primeiras xornadas sobre o kiwi en Vigo, organizadas pola Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da axencia de Extensión Agraria de Redondela, e a Deputación de Pontevedra. Todos os actos terían lugar no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo que, xunto coas entidades anteriores, patrocinaba o certame. Apostábase así abertamente pola alta rendibilidade desta nova froita fronte ás tradicionais plantacións de minifundio de millo, patacas...

Nesta época a finca de Agrelo pasa a mans de Antonio Escuredo, propietario de Frigolouro, que seguiría mantendo a granxa porcina e apostando fortemente pola produción de kiwi.

Un informe da revista «Coren» de 1987 considera que "a colleita de kiwi de 1986 foi a mellor do século". Neste artigo recóllese que "tan só nas cinco hectáreas que posúe Frigolouro en Redondela cultiváronse máis de 92.000 quilogramos, triplicándose a produción de 1985".

Na actualidade (2020) o edificio do convento apesares das numerosas reformas sufridas ao longo dos anos mantén a súa estrutura, sendo empregado pola escola hípica La Muralla. (42.296506, -8.599159)



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Aportes Antonio M. Verdeal, Xosé Couñago, Susana Ricón, Manuel Seijas e Carlos Couñago.

As Illas de San Simón. Aproximación á súa historia. J. A. Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia.1999.

Apuntamentos sobre o mosteiro de Vilavella (Redondela): Amado González Cardama. Separata de estudios provinciais Nº15/2000 – ISSN: 0211-5530

Catastro de Ensenada de 1752

1840 Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ria y alrededores

1768 España sagrada theatro geographico

Historia de Vigo y su comarca. José de Santiago y Gómez.

1809 Proezas del pueblo gallego. La muerte no fue su final. Celestino Viéitez

1809 Proezas del pueblo gallego. Orgullo, gloria y honor. Campaña napoleónica en Galicia. Celestino Viéitez.

Orgullo, gloria y honor. La provincia de Pontevedra en la guerra de la independencia. Celestino Viéitez

USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela>Páx. 56

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>

El Pueblo Gallego, La Noche...

La Voz de Galicia