Mostrando entradas con la etiqueta Flora e Fauna. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Flora e Fauna. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de noviembre de 2023

A mazá “Redondela”

 

Cartel da Festa da Mazá do 2009.

        Hoxe en día celébrase na parroquia de Negros a Festa da Mazá. A importancia desta froita na zona queda patente por darse no val do Río Maceiras. Un hidrónimo que nos deixa ben ás claras que a produción da mazá non é unha modernidade, porque sempre se dixo que o nome deste río ven polas mazás que caían ao mesmo. A mazá era empregada tamén para facer sidra e outro uso era aproveitar a que estaba en malas condicións como alimento para os animais.

        Ata o de agora non contamos ningunha novidade, pero o que non é tan coñecido é que estas mazás chegaron a venderse baixo a denominación “Redondela”. Así en novembro de 1962, no Mercado de Santiago de Compostela se conta que: “Vimos moita mazá. Vendíase ben desde 14 reais ata quince pesetas a ducia segundo a clase. As mellores eran as variedades «Alborona» e «Redondela».”

        Queda así patente que as nosas mazás chegaron a venderse en Santiago con denominación de orixe propia e cunha boa calidade, aínda que as boas críticas cambiaron totalmente ao ano seguinte noutro xornal. En 1962 fálase da gran cantidade de mazás nunca vista no mercado. Isto provocou a caída de prezos e que se puideran mercar cestos a cinco duros: As mazás máis prezadas eran “tabardilla parda”, “tabardilla real”, “deliciosa” e “sanroquera”. Non tanto a “redondela” que hai en abundancia e outras de escaso valor. Tamén se da conta da intención de varios empresarios de comercializar mazá francesa precisamente o ano de máis colleita. Esta apertura ás importacións pode ser a causa do abandono das colleitas de mazás no noso Concello.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>El Correo de Gallego, La Noche

 

sábado, 11 de junio de 2022

Curiosos vexetais do Monte Mirallo.

 

Musgo luminoso Schistostega pennata. Foto: J. Migueles
Musgo luminoso, Schistostega pennata no Monte Mirallo. Foto: J. Migueles



        O Monte Mirallo, mal chamado Monte Penide, é moi coñecido pola súa riqueza arqueolóxica (Castro de Negros, petróglifos, mámoas...) e tamén polo chamado Mellor Banco do Mundo e rutas de sendeirismo e bicicletas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/monte-penide-monte-mirallo.html ). Se todos estes encantos non son suficientes tamén ten unha gran riqueza botánica. A continuación citarei tres raras especies vexetais que podemos atopar neste monte. Agardo que esta información sirva para concienciar da riqueza vexetal que temos e que debemos coidar.


Schistostega pennata.

      Trátase dun musgo luminoso chamado Ouro de Duende. É propio de zonas húmidas e escuras onde outras plantas non poden sobrevivir. Atópase en China, Xapón, Siberia, Europa e América do Norte. En 1921 o botánico Antonio Casares documentou os primeiros exemplares en Galicia na comarca de Lemos. Daquela tan só se tiña constancia da súa presenza nunha quincena de lugares en toda a Península Ibérica.

        En 2020 atopei esta especie nunha mina de auga do Monte Mirallo. En 2022 foi documentado en Beade, no veciño concello de Vigo.


Drosera rotundifolia.

        Tamén coñecida como "Rocío do sol" ou "Orballiña”. É unha pequena planta carnívora. As súas follas de cores vivas e vistosas chaman a atención dos insectos. Cando estes se posan quedan pegados e a planta aliméntase deles. Difícil de atopar, localizouse nas brañas do río Fondón. 

 

Drosera rotundifolia. Foto: A Citania S. L.
Drosera rotundifolia. Foto: A Citania S. L.


Prunus lusitánicus.

        En 2020 a Asociación de Veciños de Chapela notificou ao Departamento de Medioambente do Concello de Redondela o achado nas ribeiras do Pugariño da especie Prunus lusitánicus polo naturalista D. Afonso Salvador Rodríguez González. Este o publicou na páxina web "Biodiversidade Ameazada", na que participa a USC, a Universidade de Porto e a Xunta de Galicia, entre outras institucións. Podedes ver a publicación no seguinte enlace:

http://biodiversidade.eu/avistamento/prunus-lusitanica-l-/

        A presenza desta especie é moi escasa en puntos moi distantes do continente europeo,estando localizado en varios puntos de Galicia.

        O citado naturalista atopou na mesma zona outras especies de interese como: Sanicula europaea e Sucissa pinnatifida. Todo isto fai do Pugariño un lugar de interese porque apesares da presión urbanística conserva unha carballeira onde medran estas e outras plantas.

 

Prunus lusitánicus no Pugariño. Foto: J. Migueles
Prunus lusitánicus no Pugariño. Foto: J. Migueles



Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Visitas guiadas polo arqueólogo Xurxo Constela de A Citania S. L.

Visitas guiadas polo promotor da recuperación dos ríos de Chapela, Álvaro Diego.

Asociación de Veciños de Chapela.

El Correo Gallego.

Wikipedia.

 

Asociación de Veciños de Chapela.

El Correo Gallego.

Wikipedia.

As árbores senlleiras de Redondela

 

Sobreira da Peneda. Foto: CMMC do Viso
Sobreira da Peneda. Foto: CMMC do Viso

        En 2021 a petición d Comunidade de Montes do Viso a sobreira da Peneda entrou a formar par do Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Xunta de Galicia. A través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, estableceuse o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan no dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación. Polo tanto, terán consideración de senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

        Non era a primeira árbore de Redondela en entrar no catálogo. En total, en 2022, de 200 exemplares recollidos, o Concello de Redondela conta con 7 entradas. No Anexo I, Árbores senlleiras, aparecen ademais da citada sobreira:

Calocedro do Pazo de Torrecedeira. A pesares do estado de abandono (2022) do pazo, nos seus xardíns seguen existindo especies de interese botánico e no catálogo figura un exemplar de cedro de California Calocedrus decurrens.

Camelias e tuia do Pazo de Torres Agrelo. Tres especies dos xardíns deste pazo están incluídas no catálogo: as camelias das especies Camellia sasanqua e Camellia xapónica, ademais da tuia xigante (thuja plicata).

En 1982 celebrouse en Vilagarcía o Concurso-Exposición Internacional de la Camelia, obtendo a Camelia de Ouro, doada por S.M. a raíña, Eugenia Iturria, do Pazo de Torres Agrelo.

Sobreira do Cristo de Arriba. Chamada así porque diante colocáronlle un cruceiro con ese nome. Como a da Peneda é unha sobreira centenaria situada preto do torreiro das festas en Reboreda.


Sobreira do Cristo de Arriba. Foto: J. Migueles
Sobreira do Cristo de Arriba. Foto: J. Migueles


        No Anexo II, Formacións senlleiras, tamén figura:

Carreira de buxos da illa de San Simón. Coñecido como o paseo dos buxos é a imaxe máis icónica da illa de San Simón.


Paseo dos buxos. Foto: J. Migueles
Paseo dos buxos. Foto: J. Migueles

        Outros exemplares de árbores que poderíamos citar como destacadas serían:

O magnolio da Reboraina. Árbore de gran porte baixo cuxas polas acóllense ata cen comensais cando esta propiedade privada abre ao público como furancho.

Magnolio da Reboraina. Foto: A Reboraina
Magnolio da Reboraina. Foto: A Reboraina

 

O magnolio e a palmeira da casa de Avelino Giráldez. Árbore plantada a principios do século XX e que franquea á Subida á Estación xunto con outro gran magnolio situado na antiga finca de Don Pancho, que hoxe pasou a ser de dominio público trala súa urbanización. Nos xardíns da casa de Avelino tamén destaca unha palmeira de gran altura.

Magnolio de Avelino Giráldez.  Foto: J. Migueles
Magnolio de Avelino Giráldez.  Foto: J. Migueles

 

Monterraso. Propiedade en Cedeira que fica abandonada (2022) apesares do cal o cambio de cor das súas árbores seguen a anunciar a chegada do outono. Tamén destaca pola súa altura unha palmeira similar á da casa de Avelino Giráldez.

Monterraso. Foto: J.Migueles
Monterraso. Foto: J. Migueles

 
Palmeira de Monterraso. Foto: J. Migueles
Palmeira de Monterraso. Foto: J. Migueles

A oliveira do cemiterio de Chapela. Posiblemente é o exemplar máis antigo desta especie no noso Concello.

 

Os cedros da Alameda Castelao. Hai seis cedros na alameda, o máis alto ronda os 25 metros de altura. Este exemplar sufriu moitas agresións, xa que nos anos 70-80 adornábase con luces no Nadal. Aínda en 2021, uns electricistas fixéronlle varios furos durante a colocación da instalación eléctrica para abastecer as atraccións das festas do Nadal.

 

A alameda Castelao desde o viaduto de Pontevedra. Foto: J. Migueles
A alameda Castelao desde o viaduto de Pontevedra. Foto: J. Migueles

        Outra árbore exótica coa que contamos no casco urbano de Redondela é un exemplar de Ginko Biloba. Está árbore de orixe ruso é coñecida por sobrevivir á bomba atómica. É un símbolo de resistencia que foi plantada coma homenaxe á valentía das mulleres vítimas da violencia de xénero.


        Entre as árbores desaparecidas:

O Carballo das Cen Pólas. Mantense en pé apesares de que hai anos que secou. É parte da historia de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/o-carballo-das-cen-polas.html )

O Carballo da Lareira. Árbore situado preto da capela de Santa Mariña e que foi cortado a finais do século pasado.

 

Toco do Carballo da Lareira. Foto: J.Migueles
Toco do Carballo da Lareira. Foto: J.Migueles


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Espacios e especies de interese natural da bisbarra de Redondela. Grupo ecoloxista Xea. Coordinador Alberte Román.

https://amp.gl.info-about.net/270987/1/pazos-de-redondela.html#article

Xunta de Galicia. Concellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&sub=Arbores_senlleiras/

Faro de Vigo 

La Voz de Galicia

 

 

sábado, 5 de septiembre de 2020

Deporte con Animais.

DEPORTE CANINO

Gonzalo Figueroa e U-La
        Cada vez son máis os redondeláns que compiten coas súas mascotas. No 2015 celebrouse o I Mushing Concello de Redondela.
        Destacaremos neste apartado a:
Gonzalo Figueroa Couñago, natural de Ventosela e establecido en Mostoles (Madrid). Coa súa cadela U-La, practican o deporte chamado Obediencia FCI aínda que en España coñécese polas siglas OCI. Foron Campións da Copa de España 3 veces, nos anos 2009, 2011 e 2012 e Subcampións neste ano 2015. Neses mesmos anos representaron a España no Campionato do Mundo, sendo en 2009 e 2011 os únicos españois participantes. No ano 2012 en Salzburgo, acadaron a súa mellor clasificación, o posto 38 de 100 participantes. Gañaron tamén en Portugal o Trofeo Fernando Galhoz de Obediencia FCI nos anos 2012 e 2013, quedando 2º no 2011. Ademais, Gonzalo é Xuíz e Comisario, organizando e impartindo cursos e seminarios deste deporte. 

HÍPICA

Como antecedente atopo que nas festas de Vilagarcía de 1980 celebrouse un concurso hípico no que cabalos e xinetes do concello de Redondela participaron en probas de velocidade e trote. Na actualidade contamos con varios clubs hípicos.


HORSEBALL
Horseball La Muralla. Foto: Atlántico Diario
          O Club Hipico La Muralla é un dos referentes de Galicia nesta modalidade. Nas súas instalacións téñense celebradas probas da Liga galega. No 2020 conta con 4 equipos masculinos e femininos disputando a 2ª división.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
La Vozde Galicia
Faro de Vigo
Atlántico Diario
Aportes datos: Gonzalo Figueroa

lunes, 27 de abril de 2020

Cetáceos

       

Arroaz na ría 2017. Facebook Esther Bastos
          
        

        No blog do Arquivo Municipal de Redondela, Ana Gesteira nos da conta do seguinte achado no Libro de Actas de Pleno do ano 1882: "Presentada una cuenta importante setenta y cuatro pesetas cincuenta céntimos referente a los gastos ocasionados con motivo del ballenato que apareció en la Playa del Pazo en el mes de Julio último, después de examinada la Corporación se aprobó y acordó su pago con cargo al capítulo de Imprevistos del corriente ejercicio". Nun xornal dese ano cóntase: “El ballenato que se hallaba en la playa de Cesantes ha sido llevado a remolque hasta Redondela, por haberlo comprado un vecino de esa villa”.

Buscando, buscando... non atopo máis datos de cetáceos na nosa costa ata a época máis recente:
        En xullo de 1983 un barco de pesca atopou un delfín morto na Ría, e o arrastrou ata o peirao de Cesantes.
        O 5 de febreiro de 1999 apareceu a poucos metros do peirao de Cesantes, un exemplar de quenlla, concretamente un alopias supercilious. Medía 351 cm., dos que 167 correspondían á cola.
Unha investigación sobre os delfíns publicada en 2008 pola Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (Cemma), indica que unha manada de entre 15 e 40 exemplares, dependendo da época de cría, soe frecuentar a costa de Moaña e Cabo Home, abundando tamén grupos na ría de Aldán. Crese que isto se debe ás peores condicións da auga e ao maior tráfico marítimo, nas costas de Vigo e Redondela. Tamén se comenta que son menos as entradas de arroaces na ría pola diminución de sardiñas e crustáceos.
        En decembro de 2011 localizouse un delfín morto na praia de Cesantes, dándose a casualidade de que ese mesmo día tamén se atopou o cadáver dunha balea preto de Vigo.
        En maio de 2016 aparece unha balea morta na Portela. Tratábase dunha cría de rorcual común (Balaenoptera physalus), un macho de 5,70 metros e uns mil quilos con poucas semanas de vida. Os exemplares adultos de esta especie poden chegar a medir ata 27 metros. Apesares de atoparnos na ruta migratoria desta especie é moi estraño que se adentren na Ría de Vigo, polo que se cría que debeu desorientarse.

Balea na Portela, maio 2016. Foto Radio Redondela
         
        En setembro dese mesmo ano, recibimos a visita dunha parella de baleas alibrancas que se pasearon entre o porto de Vigo e Rande. O maior dos exemplares medía uns 10 metros e 5 o máis pequeno.
 
Baleas alibrancas Faro de Vigo, 2016
 
         Actualmente é habitual a visita de arroaces que entran na Enseada de San Simón perseguindo aos peixes.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

Arquivo Municipal de Redondela

La Voz de Galicia

https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es

Masmar.Tu portal naútico en internet. http://www.masmar.com/

Faro de Vigo

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es =>Gaceta de Galicia

 

O merlo

        O merlo de Paradela cantaba o Himno de Riego ao paso das procesións antes da II República. Foi tanta a súa popularidade que coa chegada da República, en decembro de 1932, Avelino Cal chegou a publicar un artigo comentando que a corporación se esquecera del ao poñerlle nome as rúas.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

Historias de caza

Ramón Carrera coa loba cazada en Negros. El Pueblo Gallego
 
O 27 de xaneiro de 1877 ás oito da noite, o mineiro Santiago Ubiña dirixíase a traballar na construción do túnel dos Valos cando o sorprenderon dúas luces diante súa. Pensou que se trataba dos candís dos seus compañeiros polo que seguiu avanzando ata que se decatou de que eran os ollos dun lobo. Tentou escapar pero a besta adiantábase aos seus movementos polo que decidiu enfrontarse a el. Co candil que levaba golpeou ao lobo que torceu a cabeza, aproveitando para cravarlle unha navalla. O animal ferido arremeteu contra Ubiña, que se defendía a golpes e navalladas. Os traballadores correron alarmados polos os gritos de auxilio, mais cando chegaron o lobo estaba morto e Santiago Ubiña ileso aínda que moi afectado.
En decembro de 1891, acosado por uns afeccionados á caza un xabarín refuxiouse na horta de Luciano Fernández. O notario Antonio Ferreras atinoulle cunha bala que lle esnaquizou a parte superior da boca. O xabarín fuxiu pola vía férrea sen que lle alcanzasen os disparos de Santos Lago e Eduardo Sánchez. Esgotado polo sangue perdido foi finalmente alcanzado en Trasmañó por uns labregos que o mataron a paus. Apesares de que os de Trasmañó pretendían quedarse co animal, os cazadores conseguiron facer prevalecer os seus dereitos traéndoo a Redondela, onde se repartiron a carne. Pesaba nove arrobas. Crese que este e outros xabaríns chegaron aos montes de Redondela fuxindo dunha batida que fixeron en Ponteareas.
En agosto de 1898 os xabaríns convertéranse nun problema, provocando desfeitas nos campos de millo de Cabeiro, Os Valos, Nespereira e Cepeda.
En marzo de 1900, os de xabaríns causaban desfeitas en Saxamonde polo que se formou unha partida de caza. Conseguiuse matar a un destes animais duns 60 quilos de peso preto do Mendo, entre Quintela e Louredo (Mos). Probablemente viña fuxindo daqueles montes o xabarín que poucos días despois, paseou polas rúas de Redondela causando o pánico dos veciños e internándose logo nun bosque próximo ao viaduto de Pontevedra. Saíron tras el varios cazadores sendo abatido polo señor Álvarez dun certeiro disparo. Pesaba uns 75 quilos.
En decembro de 1907 cinco cazadores que estiveron tres días no Suído (Fornelos) cobraron 83 perdices. Un deles, que ía cos de Redondela, Manuel González Fresco, de Vigo, de 65 tiros matou 62.
En decembro de 1908, en Reboreda, Narciso Míguez ao disparar cunha escopeta a un can, feriu ao seu compañeiro, Sabino Otero.
En abril de 1914 foi abatido en Padróns (Saxamonde) un xabarín que causara varios danos e que pesaba uns 70 quilos.
O párroco de Quintela Alfonso Álvarez Gil, matou en xullo de 1916 un xabarín que pesou unhas nove arrobas.
A finais de 1930, os paxaros chamados vulgarmente bicotorto común e en linguaxe técnico Loxia Curvirostra, provocaban moitas desfeitas nas árbores, polo que a Comisión provincial acordou pagar 25 céntimos por cabeza de ave. A sorpresa veu cando, o 8 de xaneiro, presentouse na deputación José Martínez, veciño de Redondela, con cen cabezas do citado paxaro.
En novembro de 1935, José Escudero, veciño de Trasmañó, sufriu unha ferida de prognóstico reservado con perda de tres dedos da man dereita. Produciuse a ferida ao disparárselle a escopeta de caza cando tiña apoiada a man no canón.
Ante os numerosos danos causados polos xabaríns, en agosto de 1938, organizouse unha batida nos límites entre Mos e Redondela. Despois de localizar unha manada, esta foi rodeada e plantouse lume na maleza. Os xabaríns saíron con tanta forza que derrubaron a varios cazadores causando a fuxida dos veciños.
A finais de 1954 unha disposición gobernamental dispón que se considere zona reservada para a caza os montes da parroquia de Cedeira. A Sociedad La Viguesa de Caza y Pesca, á que pertencían a maioría dos aficionados locais, realizaron unha solta de perdices por montes de Vigo, Chapela, Trasmañó, Cabeiro e Cedeira. A especie estaba practicamente extinguida na contorna, polo que estaba vedada a súa caza para tentar a súa implantación.
En 1962 os lobos causaron grandes prexuízos en Negros e Cedeira matando a trinta ovellas e multitude de galiñas. Esta situación levou a organización de servizos de vixilancia por parte dos veciños. A paciencia deu os seus froitos e Ramón Carrera Rodríguez, veciño de Negros, abateu unha loba de 47 quilos.
Recentemente, o 30 de novembro de 2017, seis xabaríns chegaron ao casco urbano de Redondela. Asustados ao ser perseguidos por un grupo de curiosos, saltaron dende o adro da igrexa á rúa Figueiral. Por mor da gran altura que existe un deles faleceu.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego, El Diario de Santiago, Gaceta de Galicia Diario de Santiago, El Diario de Pontevedra, La idea moderna, El Correo de Galicia

Pescas abraiantes

       

1960_anos Praia Arealonga - Foto cedida por EnriqueComesaña
        O peixe máis grande que se ten capturado en Redondela é o congro. A continuación enumero algunhas boas pescas:
        En xullo de 1959, no peirao da conserveira JOB, na Regasenda, Amador Pérez Sousa pescaría un congro de 11'5 quilos. En 1965 o mesmo pescador, en Rande capturaría outra peza de 11 quilos e 1’45 m. de lonxitude.
        En xullo de 1964 Genaro Alonso Bouzón pescou nun peirao de Rande dous congros, un dos cales era case da súa altura e superaba os dez quilos. Ao pouco tempo o propietario do bar “D’o Canario” de Rande, informa de que un veciño seu, Francisco Cabaleiro Couto “Campicho”, pescara un congro de vinte quilos. Este pescador afeccionado tiña realizadas as súas boas capturas, pero nunca unha desta envergadura.

1965 Amador co congro de Octavio Rotea. Foto: Gene-La Noche
    
1964 Genaro Alonso Foto Fotsca










   
       En 1965, sería o cura de Vilavella, Octavio Rotea, o que pescaría un congro de 1'90m. e 21'5 quilos, novamente no peirao da Conserveira JOB, na Regasenda. Este peixe sería exposto no Pardiñeiro polo propietario da imprenta Amador.
       En novembro de 1987, Laureano González Pereira pescaría en Rande un congro de 41'5 kg e case dous metros e medio.
Laureano González Pereira-Foto: Grobas-Faro de Vigo

Soto e Ángel na Portela. Facebook Aurora Soto

Milucho, Andrés e Mingos. Foto cedida por Irene Sobral a Obradoiro Fernando Monroy
       En febreiro do 2012, pulverizan aos anteriores, os submarinistas redondeláns Paulino Toucedo Otero e Juan Figueroa Couñago que pescan en Alcabre (Vigo), un congro de 2’35 metros e 57 quilos de peso.

2012 Paulino Toucedo e Juan Figueroa. Faro de Vigo
          Sirvan estes datos, como mostra das espectaculares capturas deste peixe que se teñen dado na nosa vila. Sen dúbida houbo moitas que quedan no tinteiro. As vellas fotos dan conta dalgunhas máis.
Pero as grandes capturas non se limitan aos congros. En maio de 1984, o veciño de Redondela, Melchor Vidal Novoa, pescou un salmón de 7'8 kg. no río Verduxo, concretamente no Pozo do Inferno (Soutomaior). Para conseguilo tivo que loitar máis dunha hora e ata se lle rompeu a cana.

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El pueblo gallego
La Voz de Galicia

domingo, 26 de abril de 2020

A raposa morta

        
 Foto descobrir-a-terra.blogs.sapo.pt
          No número derradeiro d’o periódico “La Idea” de Redondela, lin a noticia de que s’iba a estabecer un servicio de vapor, pra carga e pasaxeiros, entre aquela vila e Vigo.
          Non sería este un servicio novo, porque xa fai ben anos que o houbo, se non con barcos de vapor, con lanchas de vela.
          Era naquel tempo en que non había camiño de ferro nin seica dilixencias como has había n-o tempo d’a miña primeira mocedá.
          Quer decir qu’o servicio a que me refiro era anterior o meu nacimento, que, según vos teño dito moitas veces, xa vai un pouco longo.
          Eu sei qu’e había o tal servicio de pasaxe e carga, porque lémbrome de ter oído contar n-a miña casa unha cousa que presenciou un certo antepasado meu, axudante d’Obras Púbricas, que por selo, adoitaba facer moitos viaxes por Galicia adiante.
          En certa ocasión tivo qu’ir de Redondela a Vigo, e como a maneira máis cómoda que destonces había pra facer ise viaxe a d’ír embarcado, tomou pasaxe nunha lancha.
          Iban n-a mesma embarcación outras varias persoas, entre elas unhas mulleriñas que levaban un par de ducias de galiñas pra vender en Vigo.
Os animaliños iban metidos n-a bodega, y-as persoas sobr-a cuberta d’a embarcación. Así era qu’istas non vían o que pasaba embaixo.
        Mediado o viaxe, ou sexa cando iban pasando por aquel fermoso canal qu’hai entre Rande y a Guía, oiuse n-a bodega d’a lancha un forte cacarexar, máis nadie fixo caso, coidando que serían as galiñas que pelexaban unhas con outras, ou qu’algunha d’elas tiña posto un hovo, y-as demáis facíanlle unha festa, como sucede a veces.
         Durou aquilo uns poucos menutos e por fin parou.
         Cando a embarcación chegou a Vigo, foi varar a praia d’o Convento, porque entón inda non había muelles nin malecón, nin nada canto hai hoxe.
Os mariñeiros tiñan que coller as pasaxeiros o lombo e pousalosn-a erea, pra que se non mollaran; yasí encomenzaron os d-a lancha a poñer en terra os que iban n-a embarcación.
         Un d’os primeiros que pasou foi o meu parente, yas derradeiras, as mulleriñas d-as galiñas pra recoller a mercancía.
        Por certo que, cando se foron facer cargo d’elas alcontráronse c’un verdadeiro destrozo.
        Unhas cantas galiñas estaban mortas y outras a medio morrer, e tanto a estas como aquilas, faltábanlle moitas prumas y-anacos de carne.
        Aquilo soilo unha raposa o podía ter feito, y efectivamente, alí estaba a condanada d’a raposa, morta, sin duda algunha, d’o atracón de galiñas que se tivera dado.
        Certamente que, aproveitando un descuido d’os mariñeiros, metérase n-o barco dispois d’émbarcadas as galiñas, y-o cacarexar que se tiña oído, o que s’armara cando encomenzou o banquete.
        Pra convencerse de qu’estaba morta,déronlle couces os mariñeiros, arrastrárona pol-o rabo, e nada, a raposa non daba señales de vida.
        As mulleriñas berraban pol-a perda qu’a ladra da raposa lles fixera y-os mariñeiros rian coma parvos.
        Un d’eles colleu a raposa pol-o rabo, dándolle voo, zorregou con ela na area.
-Ehí vai iso pra que lle fagan o enterro-dixo.
-Ou pra qu’a leven a fonda das Catro Nacións-excramou outro mariñeiro-qu’ha de faguer bo caldo.
         Mais a raposa, aínda ben non tiña caido u-a area, deu un pulo e botou a correr coma si lle tiveran posto un foguete.
AVELINO RODRÍGUEZ ELÍAS

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
El Heraldo Gallego (Bos Aires) 24-09-1927

jueves, 14 de febrero de 2019

O Carballo das Cen Pólas

Carballo das Cen Pólas. Foto: J. Migueles, 2009.
      

O Carballo das Cen Polas é unha arbore centenaria que se atopa na parroquia de Reboreda. Mantense en pé apesares de que hai moitos anos que perdeu as súas follas.

Ás súas polas acolleron aos romeiros das Festas de Santa María dende tempos pretéritos. Era visita obrigada dos forasteiros, recibindo a personalidades como o ex-presidente da República, Emilio Castelar, en 1883, acompañado do máis destacado persoeiro desta parroquia, Juan Manuel Pereira (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html ). Tamén foi escenario de grandes papatorias, como a que serviu o Hotel España en 1921 para unha nutrida representación de secretarios de concello de toda a rexión, que celebraban a mellora das súas condicións laborais. Por non falar dos posteriores excesos da Peña de Xan Carallás e a Peña o Carballo das Cen Polas (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/as-penas.html ).

Os terreos foron adquiridos pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en 1997, sendo presentado o proxecto dun auditorio ao aire libre que contemplaba a conservación do carballo. Mais o cambio producido nas seguintes eleccións municipais provocou que nunca se iniciaran as obras. Apesares disto nos seguintes anos chega a celebrarse algunha actuación musical no lugar. Despois de varios anos de abandono en 2020 volveron a organizarse algúns concertos nesta carballeira.


Localización do prado onde se atopa o carballo: 42.281845, -8.590223

 


Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA

O que lembro do vivido. Andrés Couñago Laxe.

A nosa memoria. Vintecinco anos despois. 1975-2000. Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> La Integridad, Vida Gallega

Faro de Vigo