Mostrando entradas con la etiqueta transporte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta transporte. Mostrar todas las entradas

lunes, 27 de febrero de 2023

Sucesos (1950-1979)

 

1951, setembro. O Xeneral Franco pasa por Redondela en dirección a Porriño. Un vehículo da súa comitiva sofreu un accidente na ponte de Quintela, co resultado de varios feridos, entre eles un alto mando da Garda Civil.


1952, 2 de febreiro. A veciña de Negros, Elvira Crespo Rodríguez, denunciou que dun local a carón da súa casa fóronlle roubados media cabeza de porco, dous lacóns, un pedazo de costela e outro de touciño, valorado todo en 400 pesetas.


1953, xaneiro. Ao saír da taberna “La Concha”, en Quintela, discutiron varios veciños de Reboreda, resultando gravemente ferido Claudio Mouriño Lago, de 45 anos. Semella que o agresor foi José Campos Campos, de 30 anos de idade, completando o grupo José Mouriño, parente do ferido, Severino Vidal e dous máis.


1953, 1 de febreiro. Foron detidos Álvaro Alonso Couto, de Vigo; Valentín Craveiro de Jesús “Catito”, de Redondela; e José Antela Bugarín, domiciliado en Fozara (Ponteareas), que se declararon autores de 21 roubos. En Redondela: No establecemento de Nieves Boullosa, en Trasmañó, dúas veces, a primeira artigos por valor de 1.250 pesetas e a segunda 2.600 en metálico e 900 en prendas de vestir. No domicilio de Manuel Cabaleiro, en Rande, unha caldeira de cobre valorada en 3.500 pesetas. Tentaron entrar nun comercio de Cedeira, barrenando a porta, pero fuxiron ao ser descubertos. No comercio de Rosendo Álvarez, en Cabanas (Trasmañó) levaron cartos en metálico. No comercio de Natividad Bastos, en Vilavella, levaron obxectos por valor de 1.500 pesetas. No comercio de Carmen González, en Trasmañó, levaron parte dun porco, valorado en 800 pesetas. Nunha romaría de Cedeira, Antela levaba 15.000 pesetas, sendo atacado polas costas por Valentín para roubarlle, o que non conseguiu ao non perder o coñecemento o primeiro.


1953, 14 de marzo. A veciña de Redondela denunciou onte que ao baixar do autobús na rúa Alfonso XII, notou a falta dun paquete con 18 camisas valoradas en 800 pesetas.


1954, 8 de xullo. Na vila chocaron dous coches e outro con exceso de velocidade provocou danos no toldo do señor Moreno.


1955, 4 de maio. Foi instruído atestado contra Arturo Rodríguez Couñago, que manobrando un camión cargado de madeira falláronlle os freos, indo contra unha casa inmediata, ocasionando danos por valor de 3.000 pesetas.


1955, 10 de maio. No alto da Encarnación o ciclista Enrique Froeces Míguez, de 19 anos, de Redondela, foi atropelado por un camión causándolle graves feridas que exisiron o seu internamento nun sanatorio.


1955, 18 de maio. Cando traballaban no derribo duns barracón da Xunta de Obras do Porto de Vigo, derrubouse unha viga metálica sobre a que estaban os peóns Guillermo Domínguez Acuña, de 29 anos, casado e veciño de Teis, e José Mouriño, de 41 anos, casado e veciño de Redondela. O primeiro sufriu fractura das extremidades inferiores e un brazo e lesións na cara e cabeza de prognóstico grave. O segundo fractura dos dous pulsos, epístase, e numerosas feridas en cabeza e rostro de prognóstico grave.


1955, 14 de xuño. Foi detido en Redondela pola Garda Civil, Moisés R. G., quen nunha discusión co seu pai, Moisés R. B., deulle unha puñada que lle provocou unha fractura da mandíbula inferior.


1956, 12 de setembro. Cando circulaba pola parroquia de Cesantes un carro de bois levando enriba ao neno de 3 anos Casimiro Crespo Bouzón, este caeu rozándolle a cabeza unha das rodas. Trasladado a esta vila foi atendido polo doutor Antonio Ocampo Otero, quen lle apreciou ferida con racho en rexio occipital con perda de coiro cabeludo, prognóstico reservado. Hai pouco un irmán deste neno tamén sufriu un accidente que lle provocou a morte.


1957, 9 de maio. Nas Catro Pontes, límite de Chapela e Teis, bateron de fronte o coche conducido polo comerciante estabelecido en Lisboa, Arlindo Cal Corujeira, acompañado polo seu fillo de sete anos, co camión cargado de bocois de viño procedente de Redondela, conducido por Manuel Diz Montáns. Os feridos serían trasladados á Casa de Socorro e de alí á clínica do Dr. Troncoso. Arlindo Cal sufre fractura de esterno con forte contusión torácica e hemotórax, ferida contusa na fronte e múltiples erosións con forte schock traumático de prognóstico grave. O seu fillo, ferida inciso-contusa no xeonllo dereito, outra no queixo e outra no frontal, fractura dos ósos do nariz, conmoción cerebral e schock traumático e varias erosións de prognóstico reservado.


1958, 7 de setembro. En termos de Redondela, unha moto con dous ocupantes veciños da Cañiza, atropelou a un can que resultou morto. O condutor perdeu o control chocando cunha bicicleta con motor que viña en sentido contrario, conducida por Rafael Luca de Tena Lazo, farmacéutico veciño de Redondela. Resultou ferido de consideración o Sr. Luca de Tena e de menos importancia os ocupantes da motocicleta.

1959, 21 de maio. Ás 2 da madrugada incendiouse unha casa en Laredo (Chapela), quedando destruída na súa totalidade. Semella que foi debido a un descoido do único inquilino da vivenda, José González Gómez, quen pouco antes de durmirse caeulle a cinza dun cigarro nunha cama preto da súa, espertando coa casa en chamas. Era de planta baixa e propiedade de José Martínez Fernández.


1960, 12 de xaneiro. A Garda civil de Vigo rexistrou unha casa no Coto (Cesantes), atopando: 365 caixas de tabaco rubio (182.500 paquetes), 208 despertadores de mesa, 55 transistores, 140 pilas, 120 camisas de nylon e 36 pistóns para coche. En total 5.640 kg. valorados en 2.100.000 pesetas.


1960, 26 de agosto. Por funcionarios da Brigada de Investigación Criminal desta Xefatura Superior de Policía, foi detido na madrugada do pasado mércores, o habitual delincuente contra a propiedade, Gonzalo Currás Fonseca, de 29 anos de idade, alias “O Gorila”, natural e con residencia habitual en Vigo, como autor de varios roubos en Vigo, Redondela e A Coruña.

1961, 21 de outubro. O Tenente do Exército do Aire, don Juan Gagane, que procedía de Salamanca, pilotando unha avioneta, non puido entrar no aeródromo de Peinador a causa da falta de visibilidade. Voou despois sobre Redondela e intentou tomar terra na estrada de Reboreda, pero cando ía a facelo pasou por alí un camión e obrigouno a aterrar nun campo de millo. Unha das ás da avioneta bateu contra un cable do tendido do alumeado eléctrico, e fíxolle capotar. O piloto resultou con feridas na cabeza e a fractura dun brazo. Saíu á estrada polo seu propio pé e nun coche foi trasladado a Vigo, onde foi hospitalizado.


1964, 06 de setembro. Ás sete da mañá declarouse un violento incendio na fábrica de Copiba. O lume orixinouse ao entrar en funcionamento unha das novas cámaras frigoríficas que se están a instalar. Axiña acudiron os tres coches do corpo de bombeiros e os equipos anti- lumes do buque-factoría “Galicia” e da empresa Hijos de J. Barreras. Os traballos de extinción prolongaríanse ao longo do día. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/empresas-do-mar.html )


1966, 7 de xaneiro. En Redondela foi detido o veciño daquel termo J. B. R., como autor do roubo de 3.200 pesetas ao veciño do Viso, Manuel Martínez Barral.


1966, 21 de setembro. En Redondela foi alcanzado por un camión José Maquieira López. Resultou con diversas lesións polo que foi trasladado a un sanatorio pontevedrés.


1966, 15 de decembro. Un camión conducido polo veciño de Redondela, Manuel Pérez Rodríguez, chocou na estrada de Fornelos de Montes cunha moto, resultando o condutor con feridas de gravidade.


1968, 21 de setembro. Pola Garda Civil do posto de Bouzas foi detido, despois de laboriosas pescudas, Ramón Carro Navia, de 37 anos, natural de Vilagarcía, que se facía pasar por oficial da Mariña Mercante. Descubriuse que este individuo roubou un día unha maleta na estación marítima de Vigo que correspondía, efectivamente, a un oficial da Mariña Mercante e que contiña dous uniformes, un branco e outro negro, que empregaba segundo as circunstancias. Foi detido na estación de Redondela cando se dirixía en tren a Vilagarcía. No seu domicilio foron encontrados numerosos obxectos procedentes dos seus roubos. Con este mesmo truco contraeu matrimonio nesta mesma provincia, simulando no seu fogar que os obxectos subtraídos eran regalos á sua volta de viaxes por mar, que non facía. Calcúlase que os obxectos roubados sobrepasan en valor as 200.000 pesetas.


1969, 18 de xaneiro. En Redondela inundáronse algunhas rúas de Vilavella, e tamén a estrada xeral de Vigo a Pontevedra, impedindo o paso dos vehículos lixeiros, por chegar a auga á altura dos tubos de escape. Entre os inmobles afectados está a Central de Teléfonos, na que a auga chegou a alcanzar unha altura de 30 a 35 centímetros. En ningún momento quedou interrompida a comunicación telefónica, ó ser retirados os equipos a lugares máis altos, evitando así que foran deteriorados polas aguas.


1969, 13 de agosto. Sete mil piñeiros que poboaban máis de cinco hectáreas de terreo arderon como consecuencia dun incendio que se declarou no monte Mirallo, propiedade do Patrimonio Forestal do Estado, na parroquia de Negros.


1969, 3 de setembro. Nun incendio no monte "Mirallo", en Redondela, arderon 1.500 pinos de tres anos de plantación, que foron valorados en cincuenta mil pesetas.

 

1970, 27 de xuño. No domicilio do veciño de Redondela, Ramón Hernández Ramírez, produciuse un incendio, orixinado por un escape de gas na cociña. Os danos orixinados polo sinistro, foron valorados en 60.000 pesetas.


1974, 12 de xuño O veciño de Pontevedra, Angel González López, foi condenado á pena dun mes e un día de arresto maior, á privación do carné de conducir por tres meses e un día, e ao abono dunha indemnización de 508.500 pesetas, como autor dun delito de imprudencia. Conducindo un automóbil, atropelou en Redondela a José Costoya Amoedo, que sufriu feridas diversas, quedándolle varias secuelas permanentes.


1974, 9 de agosto. Manuel Martínez Rodríguez, de 15 anos, foi atropelado por un automóbil, ao tentar cruzar correndo na estrada do Viso. Trasladado ao Hospital Provincial, apreciáronselle feridas diversas, diagnosticadas de graves.


1974, 9 de setembro. O grupo escolar de Redondela, disposto para 32 unidades e que leva en funcionamento dous anos e medio, tivo que ser desaloxado. O curso non puido comezar, porque repisou cedendo de vigas e aparecendo gretas de gran tamaño, o que fixo que se considere perigosa a estancia dentro do recinto. Dáse a circunstancia de que o arquitecto que planeou a obra faleceu e ninguén quere asumir a responsabilidade de ditaminar cal pode ser o futuro do edificio. Ademais dos defectos de construción, un dos motivos puido ser que o edificio se construíra sobre pilotes no que antes fora una marisma.


1976, 24 de agosto. Tormenta en Redondela. Unha chispa eléctrica arrasou as instalacións do servizo telefónico. A avaría afecta a unha ampla zona do sur de Pontevedra. Diversos técnicos e persoal de servizos especializados, traballan intensamente para solucionar este grave problema.


1977, 22 de abril. Por culpa da compra dunha vaca recibiu un corte cun coitelo nunha man, o inválido de Saxamonde, Afasto Martínez Bernárdez, labrador inválido de Saxamonde comprara no mercado de Santiago unha vaca en 35.000 pesetas, deixando de sinal 2.000. Pero cando chegou a Redondela decatouse de que andaban tras a compra da citada vaca tres carniceiros da vila. Tiveron unha discusión e o Afasto recibiu un corte na man con coitelo. Foi atendido nun sanatorio de Pontevedra e tivéronlle que dar máis de 30 puntos.


1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.


1979, 28 de xaneiro. Ingresou nun sanatorio de Pontevedra a veciña de Redondela Peregrina Rodríguez Paz, atropelada por un turismo na súa localidade de residencia. As lesións son consideradas pouco graves.


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

 

Incendio dun autobús.

 

Algunhas das feridas. El Pueblo gallego-Foto: Siorty

 En setembro de 1961 iniciouse un incendio no autobús da liña Vigo-Redondela á altura das Catro Pontes. A causa atribuíuse a un fallo no funcionamento do tubo que leva o combustible ao motor. O condutor, José Cuervo, detivo o autobús en canto advertiu as lapas saíndo do motor. Apresares de que os pasaxeiros abandonaron axiña o vehículo tanto polas portas como rompendo os cristais, houbo sete feridos. Os veciños acudiron a socorrer os pasaxeiros e a extinguir o lume, que xa estaba apagado cando chegaron os bombeiros.

 

Unha das accidentadas. El Pueblo gallego-Foto: Siorty

 

Na Casa de Socorro da rúa Uruguai, de Vigo, foron asistidos Dorinda Lorenzo Lorenzo, de 60 anos, con domicilio en Soutomaior; Digna Lameiro Alonso,de 73, veciña de Rande; María del Carmen González Lourido, de 10, de Soutomaior; Gloria Pereira Alján, de 49, veciña do Viso; María Denis, de 30, veciña de Rande; Isolina Cobián Fernández, de 54, de Soutomaior; e José Acebedo Hermo, de 49, con domicilio no Viso. Este último foi o único dos feridos cualificado como leve, o resto dos accidentados sofren feridas de prognostico reservado. A máis preocupante é a nena con queimaduras graves en cabeza, costas e mans. Tanto ela como Dorinda Lorenzo e Isolina Cobián foron ingresadas no Hospital Municipal de Vigo e o resto de feridos por diferentes centros sanitarios de dita cidade.


Autor: J. Migueles


BIBLIOGRAFÍA

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Pueblo Gallego


 

lunes, 28 de marzo de 2022

O Aeroporto de Peinador.

 

1950 Peinador, a principios de los años 50 Faro de Vigo
Peinador, a principios dos anos 50. Faro de Vigo

O aeroporto de Peinador ocupa terreos de Vigo, Mos e Redondela. Está clasificado como de terceira categoría e clase internacional.

En 1928 constituíuse a Junta de construcción y explotación del Aeropuerto Nacional de Galicia, formada por: presidente, alcalde de Vigo; vicepresidente, presidente da Cámara de Comercio de Vigo; vocais, presidentes da Cámara de la Propiedad e da Junta de Obras del Puerto, director local de Navegación, tamén de Vigo, e os alcaldes de Redondela e Porriño.

A Gaceta do 1 de marzo de 1928 publica o proxecto de establecer o Aeroporto Nacional de Galicia en As Gándaras de Budiño (Porriño) e o Aeroporto Marítimo Nacional de Galicia na enseada de San Simón. Tamén se prevé o futuro traslado do aeroporto cando se rematen as obras de recheo no aeroporto marítimo de Cesantes. Este proxecto nunca chegaría a realizarse.

A principios de 1936 iníciase a construción que se levaba a cabo “a pico e pala”, obrigando a veciños dos concellos de Vigo, Teis, Lavadores, Mos e Redondela a traballar gratuitamente, podendo eludir esta obriga pagando unha cuota. Cada mes tocáballe aos veciños dunha zona. No caso de Redondela víronse afectadas catro parroquias como se recolle no texto seguinte:

REDENCIÓN A METÁLICO DEL MES DE ENERO DE 1937. Todos los residentes de los ayuntamientos de Vigo, Lavadores, Teis, Mos y de las parroquias de Infesta, Sajamonde, Cabeiros y Negros, del de Redondela, mayores de 20 y menores de 50 años que deseen redimirse de la obligación de efectuar la prestación personal de dos días del mes de enero para los trabajos de explanación del Aeropuerto de Vigo, deberán ingresar durante los días comprendidos entre el 31 del corriente y el 10 del próximo enero, la cantidad de 12 pesetas en las oficinas del Aeropuerto de Vigo o en los ayuntamientos respectivos, excepto los habitantes de las parroquias de Alcabre, Bouzas, Castrelos, Comesaña, Corujo, Coya, Freijeiro, Matamá, Navia, Oya, Sárdoma y Sayanes, que lo harán en el domicilio de sus párrocos.

Los que finalizado aquel plazo no hayan efectuado dicho ingreso, quedarán obligados a trabajar durante dos días del mes de enero en las obras del Aeropuerto.”

 

Veciños de Teis traballando en Peinador. Album Fotográfico de Teis, de A.G.Q.
Veciños de Teis obrigados a traballar en Peinador. Album Fotográfico de Teis, de A.G.Q.

 

 

Esta situación levou a que se popularizaran varias coplas:

Se vas a Peinador

mira o que vas facer,

que vas a traballar

e non vas a comer.


Si vas a Peinador

lo primero que vas a ver,

un pico, una pala

y un porrón para beber.

 

As carencias en época de posguerra e a proximidade do aeroporto de Santiago chegaron a paralizar as obras, que finalmente se levarían a cabo entre 1947 e 1952.

As obras de recheo para a construción das pistas provocaría á desaparición do barrio de Vilar de Infesta chamado A Lata, no que se atopaban leiras coñecidas como: O Pedre, Cobrada, Cerdeiras, A Martís... A estas se sumarían moitas máis coas ampliacións realizadas nas seguintes décadas.

A inauguración oficial do Aeroporto de Peinador tivo lugar o 25 de abril de 1954, tendo como estrea principal un U-290 do Exército do Aire.

En 1973 constrúese a torre de control e ao ano seguinte unha nova terminal.

En 1976 comeza a ampliación da pista que posibilitará a aterraxe de reactores DC-9. En 1980 os veciños de Vilar de Infesta afectados pola expropiación de terreos paralizaron o traballo das escavadoras en protesta polo prezo de 300 pesetas o metro cadrado en que foron taxados.

En 1981 ten lugar o primeiro voo internacional.

O único accidente grave ocorrido en Peinador tivo lugar en 1994 cando un DC-9 de Aviaco procedente de Madrid tomou terra 75 metros antes de chegar a pista. Por sorte os ocupantes puideron abandonar a nave antes de que un incendio calcinara o aparato. Entre os 14 feridos leves atopábase Antonio Gutiérrez, daquela líder sindical de Comisiones Obreras, que rompeu unha perna ao lanzarse pola rampa de emerxencia. Tamén viñan no avión o daquela Senador e alcalde de Redondela, Xaime Rey e a súa esposa Fita Villaverde, que resultaron ilesos. 

 

Accidente de DC-9 en Peinador. Foto Magar
Accidente de DC-9 en Peinador. Foto Magar

 

En 1995 constrúese un novo edificio terminal e amplíase a plataforma.

En 2005 acadou o millón de pasaxeiros.

En 2014 remátanse as obras da nova terminal e a ampliación do aparcamento.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego

Aportes: Ramón Pérez Muíños e Xosé Moreira Docampo.

 

 

 

martes, 24 de noviembre de 2020

As estacións de ferrocarril e de tranvía.

 

Estación de Redondela entre 1927 e 1936. Foto: António Passaporte. Arquivo Loty-IPCE
Estación de Redondela entre 1927 e 1936. Foto: António Passaporte. Arquivo Loty-IPCE

Estación de ferrocarril de Redondela

A primeira estación estaba situada nas inmediacións do viaduto vello e foi construída en 1881, ano no que se iniciaron as obras do tramo Redondela-Pontevedra. Desta vella estación aínda se conserva algunha edificación e o depósito da auga para as máquinas de vapor. Esta auga recollíase directamente do río Alvedosa e un motor situado na actual rúa Ernestina Otero propulsaba a auga ata o depósito.

Estación de Redondela. Diplomático alemán, 1930. todocoleccion.net
Estación de Redondela. Diplomático alemán, 1930. todocoleccion.net

 

En 1903 denunciábase o abandono da estación, en 1900 o xefe despedira aos mozos, polo que os pasaxeiros tiñan que realizar o transbordo da equipaxe, ademais as plataformas non estaban cubertos. Outras reclamacións que chegarían ao congreso serían a necesidade de crear unha dobre vía na estación e o perigo de derrube do túnel dos Valos, se ben era certo, que se solucionaran os problemas de asolagamentos ao desviarse o río que pasaba por riba.

Habería que agardar a febreiro de 1910, para que deran inicio os traballos para cubrir unha das plataformas, grazas ás xestións realizadas polo deputado a cortes Francisco de Federico.

En maio de 1914 comeza a construírse unha nova plataforma para os trens procedentes de Pontevedra e Portugal.

En 1922 comezan a realizarse unha serie de melloras: construción dun depósito para unha locomotora de reserva, ampliación do edificio para viaxeiros e do restaurante e a dotación dun almacén para mercadorías. 

Túnel da Portela que conducía á antiga estación, 2020. Foto: J. Migueles
Túnel da Portela que conducía á antiga estación, 2020. Foto: J. Migueles

 A construción dun trazado alternativo na liña Vigo-Ourense provocan a construción da nova estación, inaugurada o 16 de maio de 1971, e o posterior abandono do Viaduto de Monforte.


Estación de ferrocarril de Chapela.

En canto á estación de Chapela foi inaugurada en 1922. A finais de 1950 a dirección xeral de Renfe decide habilitala para realizar facturacións e recibir mercadorías. Con anterioridade a esta data os veciños de Chapela tiñan que desprazarse ata Vigo ou Redondela para coller o tren.

Estación Chapela. Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro.
Estación Chapela. Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro.


Estación de tranvía de Chapela.

O 13 do 1 de 1912 constitúese a compañía Tranvías Eléctricos de Vigo. Tiña como obxectivos a construción, explotación e aproveitamento do tranvía urbano e suburbano de Vigo, o interurbano de Vigo a Redondela e dos ferrocarrís eléctricos de Vigo a Val Miñor. En 1918 pasa a presidir a empresa Carlos E. Gunche fillo político do anterior presidente e moi vencellado a Redondela (o seu fillo, Raúl chegaría a ser alcalde de Redondela en 1943). 

Estación de tranvía de Chapela, 1923. Vida Gallega
Estación de tranvía de Chapela, 1923. Vida Gallega
 

En marzo de 1922 inaugúrase a estación San Fausto de Chapela. Tras a desaparición do tranvía a estación non pasaría a ser de utilidade pública ata 1984, ano no que serían mercados por 25 millóns de pesetas polo concello de Redondela. Nestes terreos construiríase pouco despois a alameda, que no 2018 sería denominada Rosalía de Castro.

Na Gaceta de Madrid de 30 de abril de 1924 anúnciase a saída a poxa pola construción do tranvía de Vigo a Redondela En setembro, o Gobernador Civil anuncia a concesión á sociedade Tranvías Eléctricos de Vigo da construción da liña de Chapela a Redondela. Comezan daquela os traballos para ampliar o servizo a Redondela, pero o proxecto non chegou a prosperar e o tranvía nunca chegaría á vila.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, El Diario de Santiago, La Ilustración Gallega y Asturiana, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La Idea Moderna, El Heraldo Gallego, El Áncora, La Correspondencia Gallega, El Compostelano, La Noche, El País...

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

Biblioteca Nacional de España www.bne.es => El Pabellón Nacional (Madrid), El Día, La Libertad, El Imparcial, La Correspondencia de España, El País, La Época, El Heraldo de Madrid, El Correo Español

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo. Hemeroteca


Cronoloxía do ferrocarril en Redondela.

1874 Viaduto de Ourense. Redondela a través do tempo. María A. Leboreiro Amaro.
1874 Construción Viaduto de Ourense. Redondela a través do tempo. María A. Leboreiro Amaro.

            1863, 24 de xuño. Inicio das obras da liña férrea de Ourense a Vigo.

            1876, 28 de xuño. Primeiro viaxe de proba en tren entre Vigo e Chapela.

            1876, 30 de xuño. O viaduto de Ourense supera as probas de forza, consistente no paso dúas veces dunha locomotora, e unha terceira vez con 8 vagóns cargados de terra.

1878, 14 de xuño. O Rey sanciona a ley pola que se aproba a construción do tramo Marín-Carril, co que se unirán os tramos xa construídos Redondela-Pontevedra-Marín e Carril-Santiago.

1878, 24 de maio. Anúnciase a combinación cunha empresa portuguesa, grazas a cal os pasaxeiros poderán tomar o tren de Redondela a Porriño e dende alí poderán continuar viaxe a Portugal.

1880, decembro. Real Orde adxudicando á compañía de Medina a Zamora a concesión de ferrocarril de Redondela a Pontevedra.

1881, 17 de marzo. Inauguración das obras do tramo do ferrocarril Redondela-Pontevedra, concedido á Sociedad Catalana de Crédito. No acto fixeron uso da palabra os señores: Eduardo Matos, gobernador civil da provincia; Rouvière, xerente da empresa construtora; Mugártegui; Bárcena, alcalde de Vigo; Tabuenca, enxeñeiro autor do trazado; Migueles; Pardo, alcalde de Redondela; e Llorente, gobernador militar.

1881, 9 de xuño. Saída do primeiro tren de Vigo a Ourense. Nos actos de inauguración da liña participaron numerosas autoridades: Bispos de Ourense e Tui, gobernadores das dúas provincias, alcaldes dos concellos por onde discorren as vías, representantes da compañía do ferrocarril, deputados provinciais... O tren regresou a Vigo no mesmo día. As obras máis importantes do tramo son o viaduto de Redondela e o túnel dos Valos.

1881, 18 de xullo. Sae de Vigo o primeiro tren de viaxeiros con dirección a Ourense.

1882, 7 de marzo. Colocación da primeira pedra do viaduto da liña Redondela-Pontevedra.

1884-Xuño-30. Inauguración oficial do viaduto de Pontevedra e con el a liña Redondela-Pontevedra.

Viaduto de Pontevedra, 1903. Postal Hauser e Menet
Viaduto de Pontevedra, 1903. Postal Hauser e Menet

 

1917, 4 de abril. A sociedade Unión Galaica que funciona en Buenos Aires cun capital social de 300 millóns de pesetas e da que son socios: Evencio Romasanta, de Lugo; Nicolás María López de Neira, de Betanzos; Emilio Rivera Santamarina, de Vigo; Ramón Pérez Soto, de Redondela; e Serafín Urquijo de Sotomayor, de Lalín; adquiriu os planos do trazado da liña férrea de Ourense á fronteira portuguesa feitos polo señor Ortaneda. Proponse en breve prazo continuar os traballos de construción, hoxe paralizados ata cumprir os trámites burocráticos necesarios. Esta importante sociedade é a primeira accionista nos ferrocarrís de Chile e Colombia, ademais de propietaria das minas de Copiapó na cordilleira dos Andes.

1963,13 de febreiro. O ministro de obras públicas inaugurou o novo ramal ferroviario ao porto de Vigo.

Estación de Chapela, inauguración variante ao Porto de Vigo FªSiorty-El Pueblo Gallego
Estación de Chapela, inauguración variante ao Porto de Vigo FªSiorty-El Pueblo Gallego

            1965, 9 de setembro. Iniciáronse os traballos da segunda vía en Chapela, presupostados en 38 millóns de pesetas.

1971. Inauguración da nova estación de Redondela e do novo trazado que deixa en desuso o viaduto de Ourense.

Inauguración da estación de Redondela. El Pueblo Gallego

 


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

SEREN

Nº4. Os viadutos de Redondela: Arquitectura, arte e estética. Carlos A. Antuña Souto e Javier Antuña Castro.

Redondela. Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego, El Diario de Santiago, La Ilustración Gallega y Asturiana, Vida gallega, El Correo de Galicia (Bos Aires), El Progreso, La Integridad diario católico, Galicia diario de Vigo, La Idea Moderna, El Heraldo Gallego, El Áncora, La Correspondencia Gallega, El Compostelano, La Noche, El País...

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es=> El Imparcial (Madrid), El Heraldo de Madrid, La Epoca (Madrid), El Siglo futuro (Madrid))

Biblioteca Nacional de España www.bne.es => El Pabellón Nacional (Madrid), El Día, La Libertad, El Imparcial, La Correspondencia de España, El País, La Época, El Heraldo de Madrid, El Correo Español

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Faro de Vigo. Hemeroteca

 

lunes, 16 de noviembre de 2020

Crónicas do tranvía

Desacarrilamento dun tranvia na Av. de Vigo. Publicada en:

Chapela de onte a hoxe. Gonzalo Mencía Castro

 

1912, 6 de setembro. Ao baixar do tranvía en Lourizán, a veciña de Salcedo Carmen Pereira Blanco, foi alcanzada polo automóbil de D. Manuel Amoedo, de Redondela. Trasladada á Cruz Roja, practicóuselle unha primeira cura, sendo despois trasladada en angarellas á súa casa.


1915, 14 de agosto. No alto do Toural, en Vigo, foi atropelada polo tranvía a veciña de Chapela María Fernández. Na Casa de Socorro aprecióuselle unha contusión na cadeira e outra na rexión fronto-auricular esquerda, con hemorraxia. O prognóstico é reservado. María ten preto de setenta anos e vive da caridade pública.


1917, 2 de maio. O día 18 Paulina Pérez Lourido ía pola Calzada de Teis levando un cesto na cabeza, cando ao tentar cruzar a vía foi atropelada por un tranvía. Recibiu un forte golpe na rexión occipital sendo recollida sen sentido. Trasladada á súa casa da Bouza (Chapela), antonte faleceu sen chegar a articular palabra. Ordenouse á Garda Civil pescudar o número do tranvía para proceder á detención do condutor e telegrafouse ao xulgado de Redondela para que se lle practique a autopsia ao cadáver.


1925, 22 de febreiro. Ás cinco do serán, pouco antes de chegar ás cocheiras de Chapela, ao tranvía da liña Vigo-Berducido rompeulle un eixo. O condutor tentaba frear o vehículo cando un coche que viña en dirección contraria obrigouno a realizar unha viraxe. O outro eixo tamén partiu e o tranvía envorcou. Por sorte tan só unha muller resultou ferida cunha contusión leve.

1934, 20 de outubro. En Vigo unha camioneta que ía con peixe cara a Redondela e na que ían varias mulleres ao chegar ao Areal atopouse nunha curva co tranvía de Chapela. Dolores López Fernández, de 56 anos, viúva e veciña de Redondela, crendo que ían chocar saltou da camioneta coa mala sorte de caer nas vías, sendo collida pola tranvía que lle seccionou a cabeza.

1950, 18 de outubro. Félix González Mosquera, domiciliado en Santa Tegra, caeu do tranvía en Chapela, sufrindo varias contusións e erosións.

1950, decembro. Os usuarios da liña de Chapela quéixanse do exceso de pasaxeiros polo que moitos deben viaxar na plataforma, da falta de alumeado no apeadoiro e da necesidade dunha dobre vía.

1958, 9 de novembro. Un camión sufriu unha avaría e quedou parado na vía do tranvía no preciso momento en que chegaba un destes vehículos, que fan o servizo de Cabral a Vigo, e que ía cheo de viaxeiros. O choque foi moi violento. Resultaron con feridas graves Benigno Collazo Alvarez, de 35 anos, veciño de Puente Cabra; Ramón Villar Iglesias, de 50, de Cabral; Manuel Crespo Creso, de 52. de Cabeiro-Redondela; Jesús Lamas Domínguez, condutor do tranvía, veciño de Teis; Eduardo Raujo Vila, de 44 anos, de Barradero, e Gerardo Jorge Villa-, de 40, da mesma veciñanza que o anterior. Tamén hai once feridos de prognóstico reservado e outros doce con lesións de escasa consideración.

1959, 9 de maio. En Laredo (Chapela), un turismo adiantou ao tranvía cando en dirección contraria viña un camión cargado de madeira, conducido por Benedicto Cabaleiro Villanueva. O camioneiro tentou pasar entre os dous vehículos pero non puido evitar chocar co tranvía, que quedou apoiado contra un poste eléctrico. Por sorte ta só resultou ferido leve nunha perna, o viaxeiro Benigno Torrado Hermo.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Galiciana- http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego, Galicia diario de Vigo, El Compostelano, La Integridad diario católico, El Correo de Galicia



Crónicas do aire.

 

Mercedes Corominas subindo en globo. Foto:lamasdono.blogspot.com

Aterraxe forzosa.

            O día 3 de outubro de 1909, os mariñeiros de Chapela víronse sorprendidos pola caída ao mar dun globo aerostático. Ao auxiliar ao tripulante nas súas barcas descubriron algo máis sorprendente, a nave era guiada por unha muller. Tratábase de Mercedes Corominas, aeronauta barcelonesa casada co tamén célebre aeronauta Sr. Montero, natural de Lisboa, que andaba a facer unha exhibición en Vigo.

            Era a segunda vez que visitaba a cidade olívica, sendo en agosto de 1908, cando se converteu na primeira muller en sobrevoar Vigo. Chegara procedente de Lisboa, onde fora alcumada a “Raíña do aire”, invitada polo Vigo Foot-Ball Club. No seu primeiro voo, o día 25, sairía do campo do citado club e veríase obrigada a arroxar case todo o lastre para remontar o monte Galiñeiro, tomando terra en Arruidos, Gondomar. O día 30 repítese a experiencia, nesta ocasión acompañada polo deportista vigués Manuel Ocaña, que finalmente debe baixarse por falta de presión no globo. Finalmente Mercedes Corominas en solitario chegaría a ascender ata os 3.800 metros, pero ao chegar a Valadares é recibida imprudentemente con foguetes e bombas. Ante o inminente perigo vese na obriga de desviarse e aterrar en Zamáns.

            Despois destas peripecias, marcharía a Coruña onde tamén pasa apuros. Naquela cidade o forte vento empúxaa cara o mar polo que se desvía, tomando terra en Meirás.


Conflito por un aviador.

Leoncio Garnier. Foto: Mundo Gráfico
Leoncio Garnier. Foto: Mundo Gráfico
 

            No verán de 1911, o aviador francés Leoncio Garnier foi contratado para facer unha exhibición en Vigo. Cando chegou a estación de ferrocarril de Redondela o agardaba o oficial Sr. Varela acompañado de dous policías coa orde do Gobernador Civil, José Boente, de trasladalo a Pontevedra para que fixera alí a súa demostración. Apesares da oposición do aviador que quería cumprir o seu contrato foi obrigado a voar na Xunqueira, durante as festas de Pontevedra.

            A Cámara de Comercio de Vigo fixo chegar as súas queixa ao goberno central, miles de persoas saíron as rúas para pedir a dimisión do gobernador, saíron a relucir todas as diferenzas entre Vigo e Pontevedra, a corporación viguesa co seu alcalde tivo que dimitir por permitir a afronta...

            O Gobernador lonxe de asumir o seu erro ordenou pechar durante un mes o xornal “El Noticiero de Vigo” por “... publicar conceptos que inducen a la rebelión.” Outra das súas medidas foi ordenar á Garda Civil de Vigo a vixilancia da liña férrea ata Redondela ante a posibilidade do corte do tráfico de trens cara a Pontevedra. Mais a presión exercida por Vigo, con comisión desprazada a Madrid onde permaneceu negociando máis dun mes, rematou por provocar o traslado de José Boente a Zaragoza o 21 de decembro de 1911.

            En Vigo, para resarcirse, en setembro dese mesmo ano sobrevoa a cidade o célebre aviador francés Jules Védrines que non tivo ningún contratempo cando chegou á estación de Redondela. O Noticiero de Vigo destacaría as súas cualidades engadindo: Por aí, por unhas e outras cidades, coincidindo coas súas mellores festas anuais, andan outros aviadores, por outra parte moi estimables pero discípulos aínda, ensaiando voos cortos e realizando <<raids>> tímidos.”

 

Jules Védrines en Balaidos. Foto publicada en La Voz de Galicia


Accidente en Peinador

            O único accidente grave ocorrido en Peinador tivo lugar en 1994 cando un DC-9 de Aviaco procedente de Madrid tomou terra 75 metros antes de chegar á pista. Por sorte os ocupantes puideron abandonar a nave antes de que un incendio calcinara o aparato. O balance final sería de 14 feridos leves, entre os que se atopaba Antonio Gutiérrez, daquela líder sindical de Comisiones Obreras (CCOO), que rompeu unha perna ao lanzarse pola rampla de emerxencia. Tamén viñan no avión o daquela Senador e alcalde de Redondela, Xaime Rey e a súa esposa Fita Villaverde. Por aquela época tiveran outro accidente, desta volta de tráfico, nun desprazamento a Madrid, cando o condutor do coche oficial municipal bateu contra un cervo. Nos dous accidentes resultarían ilesos.

 

Estado no que quedou o avión. Foto: Atlántico Diario
Estado no que quedou o avión. Foto: Atlántico Diario

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

Galiciana => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego



Crónicas do autobús

 

Accidente en Cans. Foto: Siorty-El Pueblo Gallego

 

1910, 12 de setembro. Sufriu un accidente o automóbil que fai o servizo Vigo-A Garda, cando vola desta. Preto de Rande rompéuselle a dirección e foi a montarse sobre un muro onde quedaron as rodas dianteiras. Viña cheo de viaxeiros pero tan só o condutor resultou con lixeiras contusións.

1912, 11 de maio. Foille imposta unha multa por infracción do Regulamento de Carruaxes a José Fernández Lago, por conducir un coche con exceso de viaxeiros de Redondela a Porriño.

1925, 25 de febreiro. Un autobús da liña Vigo-Coruña ao seu paso por Redondela atropelou a unha muller que cruzaba a rúa. A pesares de ir a pouca velocidade non puido evitar o accidente. A vítima atópase en estado grave.

1927, 18 de xaneiro. Un auto da empresa Castromil estivo a piques de sufrir un serio accidente e con el o s seus ocupantes. Ao pasar por Cesantes caeu un poste da liña eléctrica que estaban a colocar uns obreiros, golpeando na parte dianteira do vehículo.

1927, xaneiro. Na curva de entrada á Travesía, fronte a casa do establecemento de José Reboredo Blanco, chocou o coche de turismo de La Emprendedora cunha furgoneta da Compañía de Teléfonos. Saíu esta co eixo e o radiador rotos sen que, por fortuna, sucederan desgrazas persoais.

1927, 24 de decembro. A José Táboas Acuña de Cesantes, roubáronlle a carteira que contiña 600 pesetas en Soutomaior, mentres agardaba no coche de liña a que este arrancara.

1928, 08 de novembro. O ómnibus da liña de Castromil que pasa por Redondela as seis da tarde cara a Vigo, envorcou en Cabanas (Trasmañó). Afortunadamente non houbo desgrazas persoais.

1934, 10 de xullo. Dende Redondela foi trasladado á Casa de Socorro de Vigo José Ramón Bargiela, ao que atropelou un autobús causándolle unha ferida contusa de tres centímetros na rexión occipital e fractura de ilíaco. O seu estado foi cualificado de reservado.

1955, 26 de febreiro. A empresa de Pé de Pote sufriu un grave accidente en Cans (Porriño) no que faleceron 31 persoas e 8 resultaron feridas. Na lista das vítimas varias de Redondela. Florinda Couñago Filgueira viúva de 38 anos e a súa filla Florinda López de 10, veciñas do Coto-Cesantes; Nicolás Álvarez Carro de 47 anos de Astorga, traballador de Correos, e esposa, Lucía Puga Fernández, de 39 de Redondela e que residían na nosa vila; María Vidal Montero, de 20 de Cesantes e que servía ao matrimonio anterior; e Carmen Alonso Veiga, de 22 solteira de Saxamonde. Tamén faleceu Carmen Martínez Vila, de 54 anos casada de Vilar e que deixa 10 fillos; e a súa parente Carmen Vila Martínez, tamén casada e de Vilar que despois de estar nun sanatorio de Vigo faleceu na súa casa. Entre os superviventes: Jesusa Oitavén, de 36 anos, solteira de Redondela; e o condutor Antonio González Cabaleiro.

 

Accidente en Cans. Foto: Siorty-El Pueblo Gallego


 

1961, setembro. Incendio do autobús da liña Vigo-Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/02/incendio-dun-autobus.html )


1973, 1 de abril. No concello de Redondela na estrada que une esta vila con Fornelos, dous ómnibus que circulaban en dirección contraria chocaron nunha curva. Non hai que rexistrar feridos.

1973, 2 de xuño. Un autobús da liña Vigo-Redondela foi apedrado, calculándose os danos en 104.385 pesetas.

1976, 21de decembro. No alto de Cesantes un Castromil sufriu a rotura da ballesta dianteira ao iniciar a baixada. O condutor perdeu o control do vehículo batendo contra outro autobús, este da empresa "Gómez Castro". Resultaron feridas 26 persoas, cinco delas graves.

1977, 2 de maio. Unha das rodas dianteiras dun autobús que transportaba once escolares, desprendeuse do seu engrenaxe, cando o vehículo circulaba na estrada denominada de Os Valos. Non se rexistraron desgracias persoais, mais os escolares resultaron con lixeiras contusións.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Censo de actividades do partido de Redondela: 1905, 1910 e 1925.

Galiciana => La correspondencia gallega, El Correo de Galicia, El noticiero de Vigo, El pueblo gallego, La Noche, El Progreso

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/