martes, 4 de octubre de 2022

Emigración. De Redondela a Portugal.

 

Emilio Movilla baixo a bandeira na "Rondalla Juventud de Galicia", Lisboa 1909. Vida Gallega
Emilio Movilla baixo a bandeira na "Rondalla Juventud de Galicia", Lisboa 1909. Vida Gallega

A proximidade de Portugal con Galicia provoca que durante séculos houbera unha tradicional emigración de redondeláns cara Portugal, maioritariamente ás grandes cidades, Lisboa e Porto. Polo mesmo motivo houbo unha inmigración de cidadáns portugueses que se estableceron en Redondela ao longo dos anos. Centrándonos na emigración, esta viría non só polos vínculos das nobrezas redondelás e portuguesas (Francisco Nogueira e Zúñiga, veciño do Porto en en 1687, Manuel Salgado e Bacelar, Capitán en Estremoz en 1697, Francisca Soares Moscoso, María de Araújo…) senón tamén polas transaccións económicas entre Redondela e Portugal: Melchor Pérez e Antonio Cerin [Serín], membros do Gremio de Mareantes de Redondela e tratantes de sardiñas a Portugal en 1719, ou os irmáns Manuel e Cayetano Queimaliños Vallejo Domínguez del Monte veciños de Lisboa en 1762. Este continuo fluxo, aínda forte na primeira metade do século XIX, vai cambiar de xeito importante, tanto en cantidade como en dirección.


Durante a primeira metade do século XIX atopamos Porto e Lisboa como principais destinos:

Porto: Juan Antonio Miguéns Fernández e Lorenzo Montero Rial, veciños de Redondela en 1810; Francisco Lago Riva e o veciño de Padrón (Saxamonde) 1820; Juan Benito Garrido en 1861

Lisboa: Manuel e Jacobo Lago Martínez, irmáns e veciños de Seara (Saxamonde) en 1839; Miguel Mª Alfaya Milleiro de Redondela en 1856...

Algúns redondeláns chegaran a Portugal fuxindo tralo fracaso do levantamento de 1843 non podendo volver ata a amnistía de 1847. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1843-o-levantamento-de-vigo.html ). Este sería o caso de:

Evasio Rubín Oroña, militar que residiu en Peniche onde casou con Angélica Homent Magalhaes. Combateu xunto ao Xeneral Prim na Guerra de África e na do Norte co Xeneral Martínez Campos. Pai do xeneral Rubín. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ).


Os avatares e cambios políticos ao longo da historia provocaría non só unha emigración cara a Portugal, se non tamén a chegada de moitos portugueses a Redondela onde se estableceron e tiveron descendencia. Citar aquí a chegada de García Prego de Montaos (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html ) e a fonda pegada que deixaría a súa familia nos século XVI e XVII.

O xornal de Redondela La Idea. Semanario Independiente, anuncia en 1910 como correspondentes: en Lisboa, Casimiro Movilla e Manuel Vidal Álvarez; e no Porto, Jose Manuel Mouriño.


Casimiro Movilla Rodríguez (Soutoxusto-Oviso). Despois de emigrar a Portugal marchou a Brasil, onde se convertería en 1911 en Vicecónsul de España en Maceio. En Redondela sería nomeado alcalde en dúas ocasións. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/movilla-rodriguez-casimiro-o-viso.html ). Xunto co seu irmán, Emilio Movilla Rodríguez, (Soutoxusto-Oviso), figuran como comerciantes de ultramarinos na “Asociación Galaica de Socorros Mutuos de Lisboa” en 1906. En decembro de 1908, Emilio forma parte da xunta directiva como tesoureiro da agrupación Juventud de Galicia, participando como compoñente da rondalla desta sociedade. En 1925 aparece como veciño de Soutoxusto.


Outros redondeláns que emigraron a Portugal a principios do s. XX serían:


Clotilde Berchea. Solteira e natural de Redondela, faleceu no Porto o 9 de novembro de 1917, aos 21 anos.


Manuel Cal. Presidente da Asamblea General e a Dirección durante a visita dun ministro as sociedades galegas de Lisboa en 1898. Podería tratarse de Manuel Cal natural de Gaxate e casado con María Asunción Muíños, de Reboreda, pais de Saturno. A dúbida nos entra cando nun xornal de 1908 citan ao xove comerciante Manuel Cal, que coa súa señora e filla veu do Porto para asistir a unha voda.


Saturno Cal Muíños (Redondela, 1875/Mos, 1952). Fillo de Manuel Cal, de Gaxate, e de María Asunción Muíños, de Reboreda. Traballou nunha fábrica de Porto (Portugal) que o obrigou a viaxar a Inglaterra. En Portugal iniciouse na masonería. De volta a Redondela casa con Josefina Fernández Esteiro, residindo na rúa Alfonso XII. Fotógrafo. Alcalde de Redondela en 1924, de ideoloxía agrarista e nacionalista. Xestionou a canalización do río Alvedosa e a construción do cárcere. Entre os seus logros estiveron as melloras do matadoiro e da Praza do Mercado. Pertenceu ao grupo con aspiracións políticas “Los jóvenes turcos”, foi secretario da 6ª Asamblea Agrícola Gallega celebrada en Redondela. Organizou as Festas da Coca de 1911 xunto a Buenhijo Pérez. Presidiu o Centro Científico Deportivo e sería Secretario de Unión Patriótica. Faleceu traxicamente ao tentar subir a un tren en marcha. Cando menos o seu fillo Enrique Cal Fernández residiu en Lisboa a principios dos anos 30. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html )

Silo José Cal Muíños, irmán do anterior, estableceuse no Porto en 1905 empregándose na inglesa Casa Graham. Naquela cidade naceron os seus fillos Silo José Carlos Brandao e, os destacados políticos, Carlos Cal Brandao e Mario Cal Brandao.

(Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/cal-brandao-mario-porto-1910maia.html )


Florentino Carloto. Canteiro, de 19 anos, natural de Redondela que en 1908 atopábase no hospital de Valença. Fora recollido dun tren procedente de Lisboa por atoparse en estado grave.


María de la Gloria Contreras Alfaya. Casou en 1929 co comerciante de Lisboa, Arturo Hermida Aspera, fixando a súa residencia na capital portuguesa. Un irmán deste, Segundo Aspera Hermida, tamén comerciante en Lisboa, falecería en Redondela en 1932 aos 54 anos, cando se atopaba de visita na casa do pai de Gloria, Ricardo Contreras Valiñas, quen foi alcalde de Redondela en 1918.


Eulalia Contreras Valiñas (Redondela) foi mestra de Quintela desde 1901. Ao ano seguinte cásase con Apolinar Contreras Contreras, natural de Gaxate, que se establece en Portugal onde fai fortuna grazas á importación de tabaco. A finais de 1905 denúnciase o abandono da escola de Quintela por atoparse residindo co seu marido, Apolinar Contreras Piñeiro, en Lisboa. Anos máis tarde aparece nunha relación da Sección Femenina de Falange de Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/mestres-as-ata-mediados-do-s-xx-l.html ) Era irmá do político Claudio Contreras Valiñas. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/claudio-contreras-politico-troca.html )


José María Domínguez. Fillo de Benita. Aparece con 15 anos en 1905 nunha lista de españois inscritos no consulado de Porto que aínda non cumpriron o servizo militar.


Manuel Domínguez Crespo. En 1915 o cónsul do Porto anunciou o seu falecemento.


Mercedes González Cardama. Filla de Fernando González Gómez (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/fernando-gonzalez-gomez-rey-chiquito.html ) e irmá de Amado González Cardama, último alcalde franquista (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/alcaldes.html ). En 1927 residía en Monçao.


Serafín Martínez Izquierdo

Na audiencia provincial viuse un preito de divorcio do xulgado de Redondela, seguido por Serafín Martínez Izquierdo, residente en Lisboa, contra a súa esposa, Esperanza Pérez Castro, casados o 8-9-1923.


Manuel Martínez Serín. A principio dos anos 30 residía no Porto. Nos 40 exercería de concelleiro de Redondela, sendo daquela alcalde Raúl Carlos Gunche López.


Joaquín Migues Taboada. Comerciante de Lisboa casado con Lidia Vidal Rodríguez, natural do Viso e falecida en 1928.


Jose Antonio Otero Fernández. Faleceu en Lisboa en 1918.

Pereira Míguez, José Enrique (Redondela, 5-11-1884)

Médico licenciado en Menciña e Cirurxía pola Universidade de Santiago o 10-6-1907 con Sobresaliente, decidiu practicar a menciña na súa vila natal.


Manuel Pereira Míguez. Propietario do balneario de Pedras Salgadas, en Portugal, tamén posuíu un serradoiro en Saxamonde. Militante do Partido Liberal, en 1903 foi elixido concelleiro de Redondela. Casado con Dolores Míguez Pereira.

Fillos: José Enrique, médico; Florentino, procurador; Luis Juan, farmacéutico, Carmen, Elena, Manuel, avogado e Antonio.


Felipe Pérez. En 1924 atopábase no Porto traballando no Hotel Portugal, cando a súa esposa, a campesiña de Saxamonde, Agustina Vázquez Fernández de 42 anos de idade, deu a luz nun período de 12 horas a un neno e dúas nenas sendo un parto normal e sen complicacións. A nai xa tivera outros cinco fillos.


Juan Relín López “El Brujo” (Rande-Cedeira). Empregado como camareiro en varios hoteis en Portugal. De regreso en Redondela traballou de xeito esporádico no campo e en faenas do mar, gañándose a fama de curandeiro que tiña fama de curar os males provocados polo amor. En 1912 foi acusado de asasinato por envelenamento dunha veciña de Nespereira. Sería condenado a cadea perpetua e destinado ao Penal del Dueso (Santoña).

Antonio Retorta Correa. Natural de Redondela falecido en Lisboa en 1912.


Juan Val López. Panadeiro, natural de Redondela de 58 anos, falecido en Lisboa en 1912.


Clotilde Berchea. Falecida no Porto o 9 de novembro de 1917, de 21 anos, solteira e natural de Redondela.



Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

A emigración redondelá ás Américas. Introdución. Celso Milleiro.

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> Vida Gallega, El Correo de Galicia (ARX), El Pueblo Gallego, La Integridad, El Ideal Gallego, La Noche, Galicia, Gaceta de Galicia, El Noticiero de Vigo, El Diario de Pontevedra, El ideal gallego, La correspondencia gallega.

O Cemiterio dos Eidos. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela.

Arquivo familiar-J. Migueles-1861 Jacobo Otero venda terrenos

BOE => Gaceta de Madrid.