Mostrando entradas con la etiqueta Saxamonde. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Saxamonde. Mostrar todas las entradas

martes, 11 de febrero de 2025

Inscricións en casas e muros.

 


Casa de Cabanas. Pedra 1. Foto: J. Migueles

       Neste apartado veremos inscricións antigas en casas e muros. Poderíamos engadir aquí a Cruz de Aviso á Súa Maxestade, en Cesantes, que xa conta co seu propio apartado (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruz-de-aviso-sua-maxestade-cesantes.html )

        Outros apartados que completarían esta entrada serían: As marcas apotropaicas e cruces (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/11/marcas-apotropaicas-e-cruces.html ) e As marcas de canteiro (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=marcas+de+canteiro ).


A Casa de Cabanas (Trasmañó)


           
           Existe unha casa na Estrada de Cabanas que para a súa construcción empregáronse pedras doutra construcción máis antiga. Na parte da fachada que da á rúa pódese observar, apesares da capa de pintura e o cemento, dúas pedras con inscricións. Unha está ubicada sobre unha das ventás e a outra a pouco máis dun metro do chan e facendo esquina no lado oposto.
        Coa dificultade que supón distinguir a escritura podemos ler o seguinte:
 
AVE MARIA
VALLERO Y _R
DEA ANO D
           
       
        Na outra pedra (os guións baixos son letras ilexibles):
 
VRISSIMA. JPH CA
NES DE LAGO: Y S: DESTA
78_
         
Pedra2. Foto: J. Migueles, 2018

 

        Semella que orixinalmente unha pedra estaría a carón da outra, polo que as dúas xuntas dirían algo como:

AVE MARIA PVRISSIMA. JPH CA
VALLERO Y _R__NES DE LAGO: Y S: DESTA
DEA ANO DE 178_
 
       

        Un posible nome a investigar sería: Joseph Cavallero y Arines de Lago.

        ¿Haberá máis pedras escritas na casa? Habería que inspeccionar as demais paredes exteriores, pero tamén as interiores para o que seguramente habería que picar as paredes, algo totalmente imposible ao tratarse dunha propiedade privada.

        ¿De onde proceden as pedras? A frase “AVE MARÍA”, fainos pensar nunha construción de tipo relixioso. O máis lóxico sería pensar no priorato de Rande, do que xa nos deixa constancia o Catastro de Ensenada de 1752. Outro documento de 1768 o localiza no Castelo de Rande, como capela e priorato sendo atendida por un monxe de San Bernardo. Na primeira pedra aparece claramente o número 7, que podería facer referencia a unha data do século XVIII o que coincidiría coa época na que existiu o priorato. Outra construción relixiosa desaparecida e un pouco máis lonxe sería a Capela da Virxe da Encarnación, no coñecido como Alto da Encarnación, en Chapela.

        Isto serían tan só hipóteses que tan só unha investigación máis profunda (realización de calcos, busca de máis inscricións, entrevistas...) podería confirmar.

        A finais do 2017 o propietario comezou a picar a cal das pedras poñendo en grave perigo estas inscricións, aínda que nun principio semella que non resultaron moi danadas.

 

A inscrición na Casa da Alfóndega (R. Isidoro Queimaliños-Redondela)

        Na fachada lateral da Rúa Isidora Queimaliños da Casa da Alfóndega casa podemos ver escritas en espello as letras “RLxunto a un símbolo en forma de frecha. Para algúns trátase dun límite con Reboreda, xa que cando menos desde principios do s. XVII e ata 1890, esta rúa era chamada popularmente Rúa do Medio porque as casas pares dependían do cura de Reboreda e as impares a Redondela. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html ) Como explico no artigo anterior, ata os nosos días chegou o nome de Rúa do Medio de xeito popular, pero dado erroneamente á actual rúa Reveriano Soutullo, probablemente por chamarse así esta rúa no período da II República.

        Outra teoría podería ser que fora un antigo indicador do camiño de Santiago ao seu paso por Redondela.






A inscrición da Carambola (Reboreda)

        Nas súas anotacións Casto Sampedro escribiu:


Escudos:

-1 Carambola inscrición

            Non teño noticias de que esta inscrición chegara ata os nosos días, pero deixo aquí constancia agardando atopar máis información.




Inscrición na Calella de Don Basilio (Redondela)

        Catalogada en xaneiro de 2025 despois de ser descuberta por Telmo Crespo Tojeiro nun muro de contención. Na inscrición lese “A R” na liña superior e “D V” na inferior. Na ficha realizada polo arqueólogo Xurxo Constela, este especula coa posibilidade de que a liña superior completa poda ser “ARA” o que lle conferiría un hipotética orixe da época romana.

 

Pedra na Calella de Don Basilio. Foto: J. Migueles


Casa cunha inscrición baixo o lintel dunha xanela (Cño. do Souto-Saxamonde)

Non fun quen de ler o que pon, polo que queda pendente dun estudo en profundidade.

https://goo.gl/maps/ngTdnzxVo9jfA25P9

 

Inscrición no Camiño do Souto. Foto: J. Migueles


Virxe na Praza Constitución

Na fachada dunha casa da Praza Constitución hai unha virxe. Baixo ela, escrito en grande a palabra “LUZ”. Debaixo e nos laterais pódense apreciar máis letras, só lexibles desde o balcón.


Virxe na Praza Constitución. Foto: J. Migueles


Algunhas inscricións de datas antigas.

         É habitual ver datas nos linteis das portas das casas antigas. Algunhas destas pedras rematan sendo reutilizadas en muros. Deixamos aquí algúns exemplos como curiosidade:

 

Muro no Peirao da Portela

“1826”. Pedra dada volta nun muro, preto de onde estaba o posto dos carabineiros.

42.287939, -8.626384


Data de 1826. Foto: J. Migueles

Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)

“ANO DE 1805”. Pedra reaproveitada nun muro.

Data 1805. Foto: X. Couñago
 

Muro no Camiño do Souto (Saxamonde)

“1767”. Pedra reaproveitada nun muro. Unha veciña comentou que pertencía a unha casa que se veu abaixo e puxeron a pedra no peche.


Data 1767. Foto. X. Couñago.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Deslinde parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro Martínez Adán.

Arquivo Deputación de Pontevedra. MUSEO DE PONTEVEDRA. Fondo Casto Sampedro.

1752 Catastro de Ensenada de Cedeira

1768 España sagrada theatro geographico

Aportes Xosé Couñago

 

 

viernes, 26 de enero de 2024

Canteiros de Redondela.

 

Aspecto actual da Igrexa de San Xián de Marín obra de Pedro González. Foto: Bene Riobó, 2012

 

        

Seguindo coa busca de antigos artesáns de Redondela, despois dos imaxineiros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/01/imaxineiros-ebanistas-de-redondela.html ) e os prateiros (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2023/12/rua-prata-cara-1930-foto-otto-wunderlich.html ), chega a quenda dos canteiros. Como nos casos anteriores é moi difícil atopar datos pero algún vai aparecendo.


XVI


Duarte Fernández. En 1585 despois de realizar obras no mosteiro de San Martiño, este canteiro veciño de Redondela, xunto co tamén canteiro Juan de Ramírez, deben desfacer unha parede no cuarto da xente de servizo e volver a facer cimentos.

Blas González. Mestre canteiro encárgase da obra da igrexa de Santa María de Reboreda. Con el traballa Juan Noble, tamén canteiro e veciño de Redondela.


Pedro González.

O veciño de Redondela Pedro González foi un reputado canteiro do seu tempo. Apesares da dificultade que supón atopar información daquela época ata o de agora descubrín varias obras realizadas por el.

Entre 1575 e 1576-07-28 percibe cartas de pago de Juan de Mondragón, racioneiro de Santiago, cumpridor da ánima e testamento do defunto cardeal Juan de Mondragón, pola construción da igrexa de San Xián de Marín.

En 1582 atopamos o pago da obra dunha igrexa de Domaio: “Remate hecho por el canónigo Juan Abráldez, obrero de la iglesia de Santiago, de la cuarta vacante del beneficio de San Pedro de Domaio en Pedro González, vecino de la villa de Redondela, por una suma de diecisiete ducados”.

Entre 1588 e 1594 realiza a capela de Nuestra Señora dos Dores (antes coñecida mo de Santa Catalina, Nuestra Señora da Anunciación e a Concepción) no Convento de San Francisco de Pontevedra. Esta capela construída en estilo renacentista, sería mandada levantar polo rexedor de Pontevedra Antonio García Rajoo.

O último que sabemos del é que aínda constaba como canteiro veciño de Redondela en 1611.

SXVII

Juan Alonso. Canteiro, veciño de Redondela e natural da freguesía de San Martiño de Basiláns, no término de Barçelos (Portugal), citado nun poder de 1669.


S. XVIII


Pedro Solla. Canteiro do s. XVIII que pode estar detrás da construción da Ponte de Solla (Chapela).


Domingo Pereira. Canteiro de Cedeira, que en 1774 o Procurador Xeral do Mar, Antonio Amoedo, contratou para construír unha ponte na vila, que ese mesmo inverno tería que ser reparada por mor dun asolagamento.


Outros canteiros desta época serían:

Mathias Campana. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Saxamonde.

Jacob Castellano. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de O Viso. Dono de 2 colmeas.

Martín de Couñago. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Reboreda. Dono de 1 muíño.

Andrés Estévez. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Reboreda. Dono de 1 colmea.

Bartholome Garzia. Canteiro citado no censo de Redondela de 1762.

Santiago García. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de Reboreda.

Martin Vidal. Canteiro citado no Catastro de Ensenada de O Viso. Dono de 2 colmeas.



S. XIX

Bertoldo de Xeve. Non temos constancia da súa existencia real, tan só citado nun artigo de José Fontela Cal como autor da Fonte de Santiago Apóstolo (Pz. Santiago Apóstolo) no que conta que, despois de medio ano de traballo, Bertoldo de Xeve rematou un Santiago Apóstolo ecuestre, labrado nun granito traído exprofeso das canteiras do Ulló en Arcade. Cando amosou o traballo aos seus compañeiros, estes ríronse del porque lle “faltaban as espuelas". Humillado ese mesmo día aforcouse na pensión na que paraba.


Miguel Acuña

Mestre Canteiro comproba o estado dunhas obras, 20-9-1846.


Antonio Díez

Citado como canteiro nos anos 1879-1980-81-84 do Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración.


Juan Fontán. Mestre canteiro veciño do Viso, que en 1842 se encargou do empedrado e dos bancos da actual Praza Constitución, ademais dos garda-rodas, ponte e paredes da praza da peixería. Por esa época tamén se encargou de encalar o cárcere. En 1843 encargouse da cavada desde o hospital ata Pousadouro.

 

O único dos bancos realizados por Juan Fontán que se conserva. Foto: Juan Migueles



Benito González (Cesantes)

"El Mayordomo de propios de Redondela entrega a Benito González maestro cantero vecino de la fra. de Cesantes 260 reales en que ajustó con este ayuntamiento bajar las piedras que arrojó el Rayo desde la torre del reloj en el techo del coro de la Yglesia de esta villa, de gn. ...1 de febrero de 1806."


Román da Veiga. Canteiro veciño de Saxamonde que, en 1806, cos seus oficiais repuxo a ponte que derruíu a riada no sitio do Canto da Torre en Redondela.


Manuel Vidal "Daniña". Canteiro do Viso que faleceu xa ancián na década dos 20 do século pasado. Obra súa é a zona vella do cemiterio do Viso e tamén as sepulturas e tampas esculpidas que se expoñen no adro da igrexa parroquial. Ademais foi un músico virtuoso, tocando a gaita e o clarinete. A súa descendencia aínda é coñecida como “Os do Gaiteiro”.

 

Fachada da reitoral do Viso con obras de Manuel Vidal. Foto: Juan Migueles


 

S. XX

O gremio de canteiros atopábase organizado a principios do século XX baixo a denominación Sociedad de Canteros. A directiva de 1924 estaría formada por: presidente, Luis Álvarez Carballo, vice, José Martínez Gil; secretario, Manuel Moreira; vice, Paulino Gómez; contador, Avelino Vidal; tesoureiro, Manuel Orge; vocais: Manuel Diz, Antonio González e Antonio Pérez. En 1927 Manuel García representaba a este colectivo nunha asamblea para tomar medidas contra a proposta de suprimir o xulgado de Redondela. Dous anos despois tomou posesión un novo presidente, Manuel González Narciso. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/colectivos-e-asociacions-ata-principios.html )



Antonio Amoedo Castro e Jesús García Graña (Negros)

En 1924 unha disputa entre estes veciños de Negros por rivalidade do oficio rematou co primeiro con feridas graves na cabeza producidas cunha regra de canteiro. Un mes despois por orde xudicial ingresou no cárcere do partido, Jesús García Graña.


Salustiano Bernárdez Martínez (Reboreda)

En 1965 restaurou o Cruceiro de Pousadouro e o Cruceiro do Alto do Viso que foran derrubados por impactos de vehículos. Construíu en 1990 o Cruceiro do Parque do Loureiro, se ben a cruz é obra de Eladio Martínez Arosa "o Mudo", canteiro de Bértola (Vilaboa).


Julio Bouzas Gallego

Canteiro que formaba parte da directiva da da Casa del Pueblo en xullo de 1936. Tamén pertenceu ao Grupo Masónico Alvar Yáñez nº 145.


Florentino Carloto

Canteiro, de 19 anos, natural de Redondela, que procedente de Lisboa, en 1908, foi recollido dun tren en grave estado e ingresado no hospital de Valença.


Antonio Corbal (Chapela)

Estando traballando con outros tres canteiros nunha obra en Cedeira, alcanzouno un raio. Contaba daquela 40 anos, estaba casado e con catro fillos. Resultou ferido grave, con grandes queimaduras especialmente no ventre. Os seus compañeiros saíron ilesos, apesares de quedar cegados e desorientados nos primeiros intres.


Enrique Freaza (Reboreda)

Realizou nos anos 60 a cruz do Cruceiro do Xogo dos Bolos de Reboreda, que hai poucos anos foi esnaquizada.


Ignacio García e Casimiro Ogando Cal

Canteiros procedentes da Lama e asentados no Viso. Realizaron, entre 1915 e 1920, o Cruceiro da Peneda, o Cruceiro do Alto do Viso e o Cruceiro da Mina.


José García Vidal (Rebordelo-Cotobade, 16-5-1829 / Redondela, 27-4-1905)

Canteiro asentado en Redondela a onde probablemente chegou para traballar na construción do viaduto de Ourense. Axiña converteuse no principal contratista do concello realizando numerosas obras públicas.

Ademais de arranxar numerosas rúas e pontes: En 1876 construíu o primeiro matadoiro da vila e en 1885 o cemiterio civil. En 1886 concedéuselle a construción da antiga praza de Abastos. As obras comezaron o 3-4-1887 e remataron o 24-3-1888. Prodúcese daquela a reclamación dos 3 médicos da vila por taparse 7 dos 15 ollos da ponte de Lima e impedir a entrada das mareas, non contando o proxecto con estudos técnicos ao respeto e padecer numerosos defectos lexislativos. Isto provoca o retraso da súa inauguración ata o 25 de xullo de 1891.

En Redondela tamén son da súa autoría varias casas nas rúas Telmo Bernárdez, Eidos e Alfonso XII.

Non se limitou ao noso concello e outras vilas realizou obras como o acceso que unía a estación de Guillarei (Tui) coa estrada nacional. Xunto a Antonio Garrido Otero e Abdón Pérez Martí, consegue no mes de xuño de 1892, en pública poxa, as obras de cantería do novo manicomio de Conxo, baixo o nome "José García Vidal y compañía".

Cándido Mouriño Lago (Reboreda)

En 1953 realizou o Cristo da Carreteira, o Cristo de Abaixo e a cruz do Cruceiro de Santo Paio en Reboreda.


Manuel Otero Lago.

En 1911 concédeselle o título de canteiro.


Manuel Rey Soto (Xeve-Pontevedra / Redondela,25-9-1938)

Canteiro citado nunha relación de militantes de Izquierda Republicana e que chegaría a ser tenente alcalde de Redondela durante a II República. Trala golpe militar do 36 estivo fuxido e cndo se normalizou a situación volveu a Redondela, onde permaneceu uns días preso no cárcere municipal.

A fachada da súa casa na rúa Isidoro Queimaliños deixa constancia da súa habilidade na labra fina, pero en Redondela exerceu máis como marmorista construíndo as escaleiras para varias casas de familias adiñeiradas.

 

Fachada da casa de Manuel Rey Soto. Foto: J. Migueles


Gerardo Senra Vilas (Saxamonde)

En 1973 realizou o Cruceiro do Adro da Igrexa de Quintela e , en 1982, o cruceiro da Alfóndega. Tamén reconstruíu o Cruceiro do Torreiro de Vilar de Infesta, en 1980, que fora derrubado por un camión. Na súa casa no Alto dos Valos podemos apreciar un cruceiro e varias obras da súa autoría.


Varias obras na casa de Gerardo Senra. Foto: J. Migueles


Manuel Sobrado

Obra súa é o Peto de Ánimas da Carretera (Cedeira), realizado en 1940.


Soliño

Empregado do Concello que en 1975 realizou o Cruceiro da Alameda aproveitando como fuste unha columna traída do parque infantil da propia alameda. Tamén e seu o traballo da escultura de Blanco Amor, que o "autor" se limitou a marcar na pedra. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/10/esculturas.html )


Jose Antonio Sueiro

Obra súa é o retablo do Peto de Ánimas do Cemiterio dos Eidos (1992), que substituíu ao antigo de madeira que foi roubado.


Enrique Vilas Alonso (Cedeira)

Canteiro que fora concelleiro de Redondela cando menos entre 1955 e 1960. Tamén formou parte da primeira directiva da Sociedade de Caza e Pesca de Redondela en 1929. En 1964 realizou o Cruceiro da Granxa da Ponte de Lima (ou de Don Pancho), a excepción da cruz coas imaxes que foi mercada nas inmediacións de Pontevedra. Encargouse da canteiría da Casa do Concello.




Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

O cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo. Concello de Redondela, 2022.

SEREN Nº2. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no concello de Redondela (2ª parte)

Carlos Alberto Antuña Souto, José Antonio Orge Quinteiro )

SEREN Nº4. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no concello de Redondela (3ª parte)

Carlos Alberto Antuña Souto, José Antonio Orge Quinteiro

SEREN Nº5. Cruces, cruceiros e petos de ánimas no Concello de Redondela (4ª parte e derradeira)

Carlos Alberto Antuña Souto, José Antonio Orge Quinteiro

Seren nº5

Apuntes para la historia del convento y comunidad de San Francisco de Pontevedra. Prudencio Leza Tello e Pilar Pérez Fermoso. Archivo IberoAmericano 74, nº 277-278 (2014): 141-505.

Arquivo do Marqués de Mos

Catastro de Ensenada de Saxamonde, O Viso e Reboreda.

Arquivo da Catedral de Santiago

Deputación de Pontevedra > atopo.depo.gal > Contas de propios e arbitrios xurisdición de Redondela Nova (1805) (1806), Contas municipais. Concello de Redondela (1841-1843) (1842) (1844). Poder outorgado para reclamar unha herdanza (1669). Fondo Casto Sampedro-MuseoPontevedra

1879-1980-81-84 Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración

Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la villa de Redondela (Redondela, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.

http://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/description/6088757?nm

Galiciana => El Pueblo Gallego, El Diario de Pontevedra, La correspondencia gallega, El Correo de Galicia

La Voz de Galicia

Xornais locais => La Opinión, Tramancazos

Aportes: José Luis Cofán