 |
| 1900-1910 Postal Eugenio Krapf. Museo de Costumbres y Artes Populares de Sevilla |
Neste apartado recollo o rueiro actual e, en caso de coñecer nomes
anteriores dunha rúa, estes aparecerán xusto debaixo.
R. do Adro (Atrio): Por estar
preto da Igrexa de Redondela.
R. Ramón
Franco (durante a II República):
Ramón Franco Bahamonde (Ferrol 1896-1938). Político, militar e
aviador. Irmán do xeneral Francisco Franco. Xunto con outros 3
tripulantes realizou o "Vuelo del
Plus Ultra", realizando o
primeiro viaxe en hidroavión entre España e América.
http://es.wikipedia.org/wiki/Ram%C3%B3n_Franco
Calle del Atrio (ata
a II República): Cando menos dende principios do s. XVII.
Calle de la Iglesia:
Nun documento de 1605.
R. Porta da Igrexa:
Nun documento de principios do s. XV.
 |
Rúa do Adro, 1968. Foto: Magar-Faro de Vigo
|
Pz. Alejandro Otero: Nome dado no 2013 como un dos actos do
“Persoeiro do ano”. Destacado xinecólogo e político redondelán.
Durante a II República xa recibira o seu nome a actual rúa
Reveriano Soutullo. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-fernandez-alejandro-redondela-14.html
)
Anteriormente
pertencía á rúa Alfonso XII,
agás
nos
dous períodos
seguintes.
Pz. de Rosalía de Castro
(durante a II República): Poetisa galega.
R. Xeneral Rubín.
Nome dado en xullo de 1895 e que apenas duraría uns meses. (Ver
a actual rúa Xeneral Rubín)
Pz. de María Cristina.
Nome dado en 1883. Esposa de Alfonso XII.
Nome Popular: A Praza de
Concha Velasco: Chamada recentemente así porque instalaron nela
unha fonte que votaba auga por fóra, na época no que na televisión
emitían o anuncio dun produto para as perdas de urina protagonizado
pola actriz Concha Velasco.
 |
| Pz Alejandro Otero. Foto cedida por Martín Fdez. Pérez |
Pz. da Alfóndega:
Etimoloxicamente
significa locais públicos para a venda, compra e deposito de graos.
Nesta praza, existían
un tellado con
tella do país e estrutura de madeira, debaixo se montaban os postos
de venta de millo, palla... Os noso maiores
lembran dous tellados con columnas de pedra un fronte a casa das
“Garinas” e outro fronte a das “Moquelas”. Eran coñecidos
popularmente como “Os Tinglados” e neles seguía a venderse
sementes e tamén pequenos animais. Tamén era coñecida como Praza
da Herba, tendo
a súa continuación na Rúa da
Herba,
actual Isidoro Queimaliños. Ao deixar de celebrarse mercados neste
punto derrubáronse os tellados e instalouse unha fonte de metal
cunha gran roda, pero a auga que extraía sempre foi de mala
calidade. Despois
converteuse nun parque infantil e, en
1982, a praza
sería empedrada e colocaríase un cruceiro. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/cruceiros-esmoleiros-e-petos-de-animas.html
)
R. Alfonso XII:
Rei de España e bisavó de Juan Carlos I.
http://es.wikipedia.org/wiki/Alfonso_XII_de_Espa%C3%B1a
R. Fermín
Galán (durante a II República):
Militar español defensor da República que foi fusilado tralo
falido alzamento de Jaca (Huesca) de 1930.
http://es.wikipedia.org/wiki/Fermin_Galan
NOTA: Son terreos gañados ao mar.
As dúas primeiras casas foron construídas en 1869 e o maior
crecemento sería a partires de 1879. O primeiro documento no que
atopo o nome da Rúa Alfonso XII data
de 1890. Tendo
en conta que este monarca reinou entre 1874 e 1885 o máis probable
é que lle deron o seu nome á rúa uns anos antes.
 |
| 1927-1936 R. Alfonso XII. Foto: António Passaporte. Arquivo Loty-IPCE |
R. Amieiro: Tipo de árbore que crece a beira dos ríos. Nome
de repertorio por estar preto do Salgueiral.
Camiño do Apeadeiro (No 2008):
Neste camiño se atopa o apeadeiro do ferrocarril.
Arango, Cño. de. María
Arango Rubín era sobriña do Xeneral Rubín. En maio de1900 casou en
Redondela con Justo Gómez Murias, fabricante de Astorga. Neste
camiño atópase a súa casa que en tempos era unha das destacadas
propiedades burguesas da zona.
R. Bidueiro:
Tipo de árbore propia das zonas húmidas.
Nome de repertorio por estar preto do
Salgueiral. (Ver
R. Canedo).
Nome posto no 2005. Con
anterioridade esta rúa e a rúa das Cardosas (na parte máis baixa)
non eran mais que un terreo sen edificacións e na súa maior parte
sen cultivar, coñecido popularmente como Campo de las Ranas,
pola existencia de charcas nas que habitaban moitos destes animais.
Pertencían ó barrio do Salgueiral (hoxe nome de rúa), na
parroquia de Vilavella.
R. Blanco Amor
(No 2008, formaba parte da R. Picota):
Eduardo Blanco Amor (1897-1979). Escritor, tanto en galego como en
castelán, nacido en Ourense.
http://es.wikipedia.org/wiki/Eduardo_Blanco_Amor
R. Cabo dos Fumeiros: Antes dos
recheos era un cabo que recibía este nome por ser o lugar onde
estaban os fumeiros, edificacións empregadas para afumar as
sardiñas. No s. XVII cítase en numerosas ocasións como Peirao e
Cabo dos Fumeiros, pero nun
documento de 1671 xa aparece como calle
de los Cabos de los Fumeiros.
Antes do 2005 esta rúa formaba
parte da R. Picota, pero popularmente era coñecida como Os
Canastros polos hórreos que existen no lugar. Tamén era
chamado Calexón da Conecha, probablemente por vivir alí
algunha persoa con ese alcume.
Campo do Pexegueiro. Nome
dado cando menos dende finais do s. XVIII e durante o s. XIX.
Chamado así polo río Pexegueiro.
 |
| Cabo dos Fumeiros inicios s.XX. Fototipia Thomas |
R. Campo das Redes: Xa existía no s. XVIII. Lugar onde os
mariñeiros secaban e reparaban as redes. En 1806 o Concello recadaba
24 mrrs. Polo Campo das Redes.
R. Canedo: Canedo ou canaval,
lugar poboado de canas. Nome de repertorio por estar preto do
Salgueiral, no 2005, o Concello decidiu poñer nomes de árbores e
plantas que nacen a beira dos ríos nestas zonas de nova construción.
R. do Carballo:
Había un carballo nun campo preto
ao cruceiro chamado, do mesmo xeito, do
Carballo. Neste lugar celebrábanse no
século XVII os concejos abiertos,
ou sexa, os plenos do goberno municipal aos que podían asistir os
veciños que o desexaran. Neste tramo o río Alvedosa tamén era
coñecido como
río Carballo polo menos ata o s. XVIII. Ademais
nesta rúa atopamos a coñecida como Casa do Carballo. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/casas-destacadas-de-redondela.html
)
R. das Cardosas: Fai referencia
á cor morada das amoras das silvas que poboaban o camiño (Ver R.
Bidueiro). Nome dado
no 2005. A
zona urbanizouse pouco antes
Atravesaba
o chamado Campo
das Ras,
que
xa citamos ao falar da rúa Bidueiro, por
ser unha zona inundable polo río Maceiras onde abundaba este
anfibio.
Ten
continuación na parroquia
de Cedeira cruzando a estrada nacional co nome de Camiño
das Cardosas. O lugar é
coñecido como As Cardosas.
Camiño do Carrascal: Nome do monte. Sitio onde abundan as
aciñeiras pequenas (carrascos).
R. Castelao:
Daniel Rodríguez Castelao. Político, escritor e debuxante
gráfico. Estivo moi ligado a Redondela onde deu numerosos mitins, e
tamén nos deixou o debuxo de Xan Carallás.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/search?q=Xan+Carall%C3%A1s
)
http://es.wikipedia.org/wiki/Castelao
R. Casto
Sampedro: Casto Sampedro Folgar.
Avogado que impulsou os estudios arqueolóxicos en toda a provincia.
A rúa leva o seu nome dende 1943. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html
)
R. Lorenzo Carballo:
Cando menos durante os anos 20 do pasado século. O mestre Lorenzo
Carballo Otero (Pontevedra, 1830) foi director da escola de
instrución primaria de Redondela, onde exerceu dende 1853 ata a súa
xubilación en 1891. Actuou como enfermeiro durante as epidemias de
cólera de Cambados (1853) e Redondela (1865). En 1872 foi proposto
para a Cruz de María Victoria de segunda crase.
 |
| R. Casto Sampedro. Foto: Carlos Dula-cinesdegalicia.educabarrie.org |
Pz. da Constitución: Dedicada á Constitución Española.
Pz. 18 de Julio
(durante o goberno de Franco): Día do alzamento nacional,
principio da Guerra Civil.
Pz. da República (durante
a II República)
Pz. de Montero Ríos.
Político
vigués e gran cacique galego no s. XIX. O nome foi dado en xullo de
1895 e tan só duraría uns meses.
Pz. da Constitución de
1812.
Pz. Nova. Para
distinguila da Praza Vella, que estaría no cruce da Rúa
Prata e a Rúa Loureiro.
Pz. do Mercado. A
finais do S. XVIII, por ser o lugar de venta.
Praza do Estaleiro.
Nome que recibía no s. XVII. Era a parte da praza que está ao
inicio da Rúa Reveriano Soutullo, o que explica a amplitude da
costa que une as dúas rúas. Era o lugar onde se construían e
reparaban as embarcacións porque ata alí chegaba o mar.
 |
1910 Praza Constitución.
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed.
Xunta de Galicia 2001.
|
R. Cooperativa: Urbanización construída mediante a
constitución dunha cooperativa.
R. Cruceiro: Nun terreo privado
había un cruceiro. Recibe este nome cando menos dende o s. XVIII.
 |
| R. Cruceiro, 1967. Faro de Vigo |
Calella de Don Basilio:
Nome recibido popularmente por ter alí a súa botica Basilio
Bernárdez Otero, pai de Telmo Bernárdez (Ver
Rúa Telmo Bernárdez)
R. Eduardo Pondal: Eduardo
Pondal (1835-1917). Poeta, tanto en galego coma en castelán, nado en
Ponteceso (A Coruña).
http://es.wikipedia.org/wiki/Eduardo_Pondal
R. dos Eidos: Pola división do
terreo en eidos (fincas pequenas). Ata a ordenación parroquial de
1904 pertenceu a Reboreda.
R. Ernestina Otero: Ernestina
Otero Sestelo. Catedrática de pedagoxía na Escola de Maxisterio de
Pontevedra en 1915. Déronlle o seu nome á rúa en 1991. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/otero-sestelo-ernestina-vilavella.html
)
Av. Alvedosa: Nome
do río que descorre ao seu carón.
Antes da
urbanización desta beira do río o máis probable é que se
correspondera co topónimo Banda da Maré,
castelanizado a Banda de la Marea.
R. Esfarrapada: Etimoloxicamente: 1. Que está moi gastado e
rachado. 2. Que está feito farrapos. 3. Farrapento, que está
vestido con farrapos. Unha teoría sería que fai referencia á
modesta roupa tendida neste barrio eminentemente mariñeiro e que
creceu fóra dos muros da vila. Este nome xa existía cando menos
dende o s. XVII, así como o Alto da Esfarrapada. No XVIII
tamén se facían as distincións da Calle del Medio de la
Esfarrapada, Plaza de la
Esfarrapada, Esfarrapada de Arriba ou Calle de Arriba.
Nun documento de 1799 aparece
tanto Esfarrapada como
Farrapada, sendo esta
última unha abreviatura que se popularizou chegando
ata os nosos días.
 |
| Esfarrapada. Arquivo J.A .Xesteira |
R. do Espírito Santo: Pola
existencia dunha capela chamada do Espírito Santo da que aínda se
poden observar restos. Cando menos dende principios do S. XVI.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/capelas-desaparecidas.html
)
 |
| Espíritu Santo. Concurso Concello-Barrio Típico. Autor Fotsca |
Av. da Estación e Cño. da Baixada á Estación. Fan
referencia á estación de ferrocarril.
R. Figueiral: Pola antiga
existencia de figueiras no lugar. Este nome aparece en documentos do
S. XVI e foi recuperado no 2008.
Pz. Fonte do Mouro: Praza de
recente urbanización. Recibe o nome dunha fonte na que aparece a
figura dun mouro. Existe a teoría de que pode pertencer a un grupo
escultórico máis grande no que estaría representado o Apóstolo
Santiago, coñecido popularmente como Santiago Mata-mouros. Pero
outras teorías máis recentes apuntan ás lendas dos mouros e ás
propiedades curadoras da súa auga. Moi
preto existiu unha leprosería e os enfermos acudían á fonte. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/fontes-e-lavadoiros.html)
R. do Hospital: Porque no solar
onde se atopa o cemiterio vello houbo un hospital.
1ª Travesía Rúa Eidos:
Antes do 2005.
Nos papeis de Casto Sampedro xa aparece no s. XVII: Sitio
y calle del Piollo,
tras el Hospital
 |
Escudo que puido pertencer ao Hospital na rúa Cruceiro. Foto: J. Migueles
|
R. Isidoro Queimaliños: Nado en Redondela o 22 de outubro de
1850, faleceu o 7 de decembro en 1904 na casa que o vira nacer.
Médico moi implicado cos menos favorecidos, subdelegado de sanidade,
político liberal e xornalista. Alcalde de Redondela. Faleceu o 7 de
decembro de 1904 ós 55 anos de pulmonía. En 1905 por subscrición
popular levantouse un mausoleo na súa tumba e pouco despois
puxéronlle o seu nome á rúa na que vivira.
R. Reveriano Soutullo
(durante a II República): Ver actual R. Reveriano
Soutullo.
R. do Val ou do Valle:
Xa no s. XIV recibía este nome.
R. Obispo Iglesias. Nome
dado en xullo de 1895 e que apenas duraría uns meses. Adicado a
Dámaso Egidio Iglesias Lago, natural de Vilavella (Redondela),
bispo de Ourense. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/iglesias-lago-damaso-egidio-vilavella.html
)
NOTA: O tramo de subida desta rúa
desde o cruce coa Praza Constitución e as rúas Telmo Bernárdez e
Cruceiro era coñecido como A Costa de Paradela,
apelido
dun popular veciño famoso por ter un loro que asubiaba o Himno
de Riego.
NOTA: Esta rúa tamén era
coñecida popularmente como rúa da Herba, porque,
como na praza da Alfóndega vendíanse produtos agrícolas (millo,
graos...).
NOTA: Cando menos desde principios
do s. XVII era chamada tamén R. do Medio (atopo este
nome en documentos de 1605). A explicación é que a nivel relixioso
as casas pares (despois do número12) pertencían ao párroco de
Reboreda e as impares a Redondela. Esta situación continuaría ata
o arranxo parroquial de 1890. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/de-cando-varias-ruas-de-redondela-eran.html
). Actualmente
aínda se chama Rúa do Medio á actual Reveriano Soutullo, a
explicación disto podería ser por chamarse así esta rúa no
período da II República.
R. da Porta
da Vila: Aparece como rúa a finais do
s. XVIII. Sería
a porta principal da hipotética muralla
que rodeaba Redondela (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/as-murallas-de-redondela.html
).
Estaría
situada ao inicio da rúa Isidoro Queimaliños, no cruce con
Cruceiro e Telmo Bernárdez.
Rúa do
Canto da Torre. Nome con que é citado
en 1799 o tramo comprendido entre a Casa da Alfóndega e a actual
Rúa Ribadavia.
 |
| Inscrición na Casa da Alfóndega. Foto: J. Migueles |
Pz. José Figueroa: José Figueroa Montero (Redondela
11-07-1880 / Vigo, 15-09-1912). Emigrante en Brasil con éxito no
sector da hostalaría, presidiu a Asociación de Hijos de
Redondela, promovendo a
construción dun hospital na vila. A praza recibiu o seu nome
o 17 de setembro de 1912, tan só dous días despois da súa
repentina morte ao pouco de casar. O hospital non chegaría a
construírse, pero si unha escola edificada na Xunqueira tamén
chamada José Figueroa. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/figueroa-montero-jose-redondela-11-07.html
)
 |
Pz. José Figueroa, 1962. La Noche
|
R. José Regojo: Empresario nado en Pontevedra e zamorano de
adopción. En Redondela fundou a fábrica téxtil que levaba o seu
nome e que, co tempo, converteríase no motor económico da vila.
Faleceu o 14 de xaneiro de 1993 en Vigo. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/12/regojo-e-outras-empresas-textiles.html
)
Travesía de Vilavella. Nome
aprobado en febreiro de 1988.
R.
General Mola (durante o goberno de
Franco): Militar español. Nado en 1887, falecido en 1937. Un dos
líderes da rebelión militar do 36 que deu comezo á Guerra Civil.
http://es.wikipedia.org/wiki/General_Mola
R. Telmo Bernárdez (durante
a II República 1931-1936). (Ver a actual Rúa Telmo Bernárdez).
R. José del Río: Nome
dado en 1927. Nomeado fillo adoptivo de Redondela en 1925.
Comandante de infantería natural de Baiona, nomeado Delegado
Gobernativo
por Redondela en decembro de 1923, tralo golpe de Estado de Primo de
Rivera. (Ver
Curiosidades 8)
Travesía de Villavieja:
En 1902 apróbase a expropiación dos terreos para a construción
desta rúa pertencente á daquela estreada de terceiro orde de
Pontevedra a Camposancos.
 |
| Rúa José Regojo. Anos 20. Postal Alsina Madrid. n º 28. |
R. Juan Manuel Pereira:
Deputado por Redondela,
Enviado Extraordinario e Ministro
Plenipotenciario no Imperio da China e nos Reinos de Siam e Annam,
Gobernador Civil de Pontevedra e
Deputado ás Cortes por Ponteareas. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html
)
Barrio dos Pasais
(antes de 1931). Esta rúa pertencía a Reboreda, ata que
polo arranxo parroquial realizado polo Bispo en 1904, pasa a
pertencer a Redondela. Fai referencia aos pasos empregados para
cruzar o río antes da construción da ponte.
R. dos Fornos: Cando
menos dende 1521 e ata o s. XVIII. Rúa onde había varios fornos de
pan.
Calle de la Puente:
Nome co que aparece no s. XVII.
 |
R. Juan Manuel Pereira cara a 1910. Arquivo J.A .Xesteira
|
R. da Laxe. Nome
dado a esta rúa de recente urbanización no lugar As Laxes. O
colectivo Alén Nós reclamou chamar á Rúa das Laxes ao
tramo que pasa por diante da estación de tren e remata na rotonda. O
Concello decidiu darlle o nome a unha rúa perpendicular á proposta
e ademais, ao
existir xa un Camiño
das Laxes
moi preto (na
parroquia de Reboreda),
o Concello optou por empregar o singular para distinguilo.
Carreiro
do Carballo:
Esta zona era propiedade da Casa do Carballo. Cando se parcelou en
fincas deixouse un camiño que daba acceso ás mesmas, polo que
recibía este nome.
NOTA:
O citado tramo perpendicular a este camiño que remata na rotonda
era coñecido como O Gallal,
mesmo nome que as fincas ás que daba acceso.
R. da Leña: Nome recuperado no 2008. Xa se empregaba no
século XVIII, como Plaza de la Leña, sendo a praza a que
está fronte a entrada á reitoral, actualmente R. Adro. Era
onde se vendían leña e piñas
R. Loureiro: Nome de árbore con follas empregadas coma
condimento ou remedio medicinal. Nome dado cando menos dende 1521.
Pz. do
Leite: Chamada así por ser un punto
de venda de leite. Estaba situada
no punto da rúa Loureiro onde hoxe se conservan varias casas con
soportais. Co tempo o punto de venta de
leite trasladaríase
durante varios anos ao cruce das rúas Isidoro Queimaliños,
Cruceiro e Telmo Bernárdez.
Nun documento
de 1799 citada como Plaza
Vieja, fronte á Plaza
Nueva, que correspondería coa actual
Pz. Constitución.
R. Maceiras: Por estar a carón
do río Maceiras. Nun documento de 1799 citado como “Río que viene del lugar de
Lamazeira”.
R. da Marisma: Pola súa
situación na zona de marisma hoxe practicamente desaparecida.
R. Meixón Frío:
Xa aparece en documentos do
s. XVII. É un topónimo que se repite en
numerosos pobos de Galicia. Apesares das múltiples explicacións que
se teñen dado, a máis plausible é a que da filóloga Dolores
González de la Peña, que considera Meixón como
un derivado de miscere. Procedería
polo tanto do hidrónimo mestas (augas mestas) indicando a
confluencia de dous ríos, o que coincidiría coa unión do Alvedosa
e o Maceiras. O termo Frío repítese
en numerosos topónimos, como Riofrío
en Chapela.
Hai que ter en conta que esta rúa era ribeira do río.
Av. Mendiño:
Nome dado en febreiro de 1988. Trobador galego do S. XIII ou XIV que
adicou unha cantiga de amigo á Illa de San Simón.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/05/os-inicios-musicais-en-redondela-os.html
)
Carretera a la Playa de
Cesantes. Durante
a ditadura franquista.
Paseo Francisco de Federico.
Durante a II República, só parte da Av. Mendiño. (Antes e
despois deste período, recibía este nome a R. Padre Crespo).
En 1912 realizouse a construción
da estrada á praia cruzando a Marisma, posteriores recheos darían
lugar á avenida.
Camiño
de Miraflores. En documentos do s. XVII xa aparece citada
a Rúa de Miraflores. Outros topónimos desta época
serían: Barrio de Miraflores,
Sitio de las Congostras
de Miraflores.
R. do Muíño:
Camiño que conducía ao barrio dos Muíños,
punto do río Alvedosa onde
había catro muíños. Nome posto no 2008.
R. Muro: (Ver
Barrios). A finais do s. XIX
pertencía a Quintela, pasando en 1904 a pertencer a Vilavella. Pode
facer referencia ao muro do Convento de Vilavella, xa que hai que
bordealo para chegar a este punto desde Redondela.
R. 8 de Marzo:
Día da muller traballadora. Nome dado no 2005 a esta rúa que
anteriormente estaba ocupada pola fábrica
de Regojo (Ver Rúa
Regojo) e
forma parte do Barrio do Salgueiral.
R. Padre Crespo:
Fraile mercedario e investigador de heráldica e xenealoxía.
O nome foi dado o 18 de xullo de 1968 coa asistencia do homenaxeado e
a presenza do Gobernador
Civil. Ese día inaugurouse a biblioteca municipal, na que se
amosaron
as súas obras. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/crespo-pozo-jose-santiago-padre-crespo.html
)
NOTA: Do mesmo xeito que a rúa Padre
Sarmiento, esta rúa é mal galeguizada como Pai Crespo. No
Dicionario Xerais da Lingua atopamos: padre 2. Tratamento de
respecto que se lles da ós frades ou sacerdotes da relixión
católica (o padre Sarmiento).
Calle Vieja: Nome
popular que aínda hoxe se emprega para designar ó tramo
comprendido entre o viaduto vello e a Praza Ribadavia.
Travesía de Francisco
Federico: Despois da II República recupérase este nome.
R.
Nicolas Salmerón (durante a II
República): Presidente do poder executivo durante a I República.
http://es.wikipedia.org/wiki/Nicol%C3%A1s_Salmer%C3%B3n
Travesía de José del Río.
Comandante de infantería que coa chegada ao Goberno de
Primo de Rivera foi nomeado delegado gobernativo en Redondela en
decembro de 1924. Un ano despois foi nomeado fillo adoptivo do
Concello. Pouco despois deixará o cargo de delegado ao ser nomeado
Gobernador de León. Dáselle o seu nome á rúa en outubro de 1928
tralo seu repentino falecemento.
Travesía
de Francisco de Federico.
Francisco de Federico Martínez. Nado en Madrid e cuñado do Marqués
de Riestra. Foi elixido
Deputado ás Cortes por Redondela en 1893 e 1898. Mantívose no
cargo ata a súa morte en 1910, sendo substituído
polo seu fillo, Francisco de Federico Riestra. Tamén ostentou os
cargos de Ministro de Fomento e vicepresidente do Congreso. Déronlle
o seu nome á rúa en novembro de 1895. Durante a II República
déuselle este nome á actual Av. Mendiño.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/deputados-cortes-por-redondela.html
)
Calle de Elduayen. Político
vigués, que se presentara candidato a deputado a cortes por
Redondela en 1872. Nome dado en xullo de 1895, durando tan só 3
meses.
Calle de Villavieja (a
principios do s. XX): Xa aparece esta denominación a mediados do s.
XIX.
Calle del Campo de las
Monjas: A finais do s. XIX.
Calle Principal. No
s. XVII.
Rúa Real ou Val Real:
Chamada así por formar parte do Camiño Real, coincidía cun tramo
da vía romana e do camiño portugués. Parte de Vilavella
comprendida dende a Pz. Ponteareas (incluída) ata a Pz. Ribadavia
(actualmente rúas Padre Crespo e José Regojo).
 |
R. Padre Crespo 1967. Faro de Vigo
|
R. Padre Sarmiento: Pedro José García Valboa. Naceu en
Vilafranca do Bierzo (León) o 9 de marzo de 1695, falecendo en
Madrid o 7 de decembro de 1772. Os 15 anos ingresou na Orde dos
Bieitos, adoptando o nome de Martín Sarmiento. Precursor no estudio
da lingua galega no século XVIII, adicóuselle o Día das Letras
Galegas no ano 2002.
http://es.wikipedia.org/wiki/Fray_Mart%C3%ADn_Sarmiento
Paseo do Pexegueiro: (2005) Nome
do río.
R. Picota: Pola existencia dunha picota ou rollo, insinia da
autoridade señorial. Era o sitio onde se ataban aos delincuentes ou
aos responsables das obras gremiais mal feitas, para expoñelos á
vergoña pública.
Pz. Ponteareas: Irmandamento co
concello de Ponteareas. Nome dado o 17 de xuño de 1973 coincidindo
coa celebración da festa da Coca.
Anteriormente, formaba parte da
actual rúa Padre Crespo.
Campo de las Monjas. A
finais do s. XIX. O motivo é que parte da praza eran
terreos que, ata os anos 60 do pasado século, pertencían ao
Convento de Vilavella.
 |
Pz. Ponteareas 1963. Foto Fotsca. Deputción de Pontevedra
|
R. Prata: O nome pode estar asociado co oficio de prateiro. Xa
aparece con este nome en 1521.
R. Prego de
Montaos: García Prego de Montaos foi
o relixioso responsable da construción do Convento de Vilavella .
O seu brasón atopámolo
non só na Igrexa
de Vilavella, se non tamén na
casa Reitoral de Redondela, na Casa da Alfóndega,
na Casa da Torre, no Pazo de Petán, na Casa do Cristo de Limpias, na
Igrexa de Reboreda e no Pazo de Reboreda.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html
)
R. Raimundo Cal:
Naceu en Redondela o 22 de setembro de 1914,
falecendo en Vigo o 22 de xaneiro do 2003. Mestre represaliado.
Pertencía ao
partido galeguista e fixo campaña a prol do Estatuto. Foi detido en
1948 por formar parte do Socorro Rojo,
colectivo que axudaba ás familias dos presos políticos, sendo
condenado a 6
anos de cárcere. Nas primeiras eleccións municipais democráticas
(1979) foi elixido
concelleiro polo Partido Comunista.
R. das Regateiras: Nome recuperado no 2008. Fai referencia ás
vendedoras de peixe. Nos apuntes de Casto Sampedro aparece como:
Camino que baja a la Huerta de
las Regateiras e Sitio
das Regateiras. Nun
documento de 1799 tan
só é chamada
“Callejón que pasa al Campo del Pexegueiro”, pero
é nomeada como Fonte
das Regateiras a
Fonte de Santiago Apóstolo.
R. Reveriano
Soutullo: Naceu o 11 de xullo de 1880
en Ponteareas pero pasou gran parte da súa vida en Redondela, de
onde era orixinaria a súa familia materna, faleceu o 28 de outubro
de 1932. Compositor de zarzuelas, pasodobres...;
que recibiu un premio especial de composición outorgado
polo Conservatorio Nacional en 1906. O
nome foi dado o 18 de xullo de 1968 coa asistencia da viúva do
homenaxeado, Victoria San Emeterio, e a presenza do Gobernador
Civil. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/soutullo-otero-reveriano-ponteareas-11.html
)
R. Rivero
(durante o goberno de Franco):
R.
Alejandro Otero (durante a II
República): Ver actual Pz. Alejandro
Otero.
En xuño de
1910 o Concello acorda darlle o nome do recentemente
falecido, Cándido Otero,
deputado provincial. Non teño constancia de que se fixera efectivo.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/02/deputados-provinciais-polo-distrito-de.html
)
R. del Rivero. Recupera
o nome antigo.
R. de Federico. Adicado
ao político Francisco de Federico. Nome dado en xullo de 1895 e
durante pouco tempo. En 1896 recibe este nome a actual R. Padre
Crespo.
R. del Rivero:
Xa aparece con este nome no s. XIV por ser lugar de paso dos que
traían o viño do Ribeiro para embarcar no porto de Redondela.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/a-rua-do-ribeiro.html
)
NOTA: Coñecida
popular e erroneamente
como rúa do Medio,
porque en realidade era Isidoro Queimaliños a rúa chamada así
porque as casas pares pertencían a Reboreda e as impares a
Redondela. A confusión pode deberse a que esa rúa foi chamada
Reveriano Soutullo durante a II República.
Pz. Ribadavia: Irmandamento co
concello de Ribadavia. Púxoselle este nome durante as festas da Coca
de 1953. Uns meses antes en Ribadavia fíxose o propio dándolle o
nome de Redondela a unha das súas rúas.
Popularmente, é coñecida como A
Farola e, antigamente, tamén era chamada como a praza de Las
Tres Luces (nome hoxe perdido). A colocación do primeiro farol
no centro desta praza tería lugar en xullo de 1932, destacándose
nos xornais a súa utilidade para os automóbiles por ser o cruce
das estradas de Pontevedra, Vigo e Fornelos.
 |
| 1925 Praza Ribadavia. Foto: Saturno Cal |
Av. da Ribeira: Ver Barrios. Recupérase
o nome antigo (atópoo nun documento de 1605) en febreiro de 1988.
R. Jose Antonio
(despois da guerra): Adicada a Jose Antonio Primo de Ribera
(1903-1936). Político español. Uns dos fundadores da Falange
Española.
R. de
García Hernández (En 1930 e
durante a II República): Ángel García Hernández. Militar español
defensor da República que sería fusilado tralo fracaso
do alzamento de Jaca (Huesca) de 1930.
R. Severino Martínez Anido.
(Nome
dado o 21-04-1929).
Militar natural de Ferrol. Nomeado fillo adoptivo de Redondela en
1925 por conceder os fondos para as obras do Alvedosa. Nesta época
(ditadura de Primo de Rivera) ocupou os cargos Director Xeneral de
Seguridade e Subsecretario do ministerio da Gobernación.
Tristemente lembrado pola represión que exerceu como Gobernador
civil de Barcelona e por ser o creador da lei de fugas. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/fillos-adoptivos-durante-ditadura-de.html
)
C. de la
Ribera. Cando menos desde
1605.
 |
| 1926 Calle de la Ribera. Arquivo José Luis Rodríguez Figueroa |
R. Rita Otero: En abril do
2015 dáse o nome de Rita Otero Fernández, esposa do empresario José
Regojo e que fora nomeada Persoeiro
do Ano 2014, a
un tramo da R. Padre Sarmiento.
R. Salgueiral: Ver Barrios.
R. San Xoán de Arcal: Porque no
lugar de Arcal atopábase a capela de San Xoán Bautista, propia das
monxas do Convento de Vilavella. Este nome xa aparece nun documento
de 1753 en
Relación
de rentas que pertenceron ao mosterio de Melón.
(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/capelas-desaparecidas.html
)
Barrio dos Muíños:
Nome dado ata mediados do s. XX (cando se urbanizou) á zona máis
próxima ao casco urbano
pola existencia dos muíños de Pájaro
Pinto,
Domitila e Filomena.
A Canteira: Nome
popular dado pola existencia dunha canteira. Dela sacouse a pedra
coa que se canalizaron o río Alvedosa e o Maceiras.
Av. de Santa Mariña: Ver Barrios.
Atópoo xa nun documento de 1605. Recupérase o nome antigo en
febreiro de 1978.
R. Calvo
Sotelo: Durante o goberno de
Franco. Político (1893-1936). Foi Director Xeral da Administración
e Ministro de Facenda durante a ditadura de Primo de Rivera. O seu
asesinato converteuno nun mártir e precipitou a Guerra Civil.
http://es.wikipedia.org/wiki/Calvo_Sotelo
R.
Antonio Orellana: Entre
1930 e 1937. Antonio Orellana Pereira. Nado en Soutomaior. Avogado
Agrarista e Republicano, foi secretario no xulgado de Soutomaior,
concelleiro e secretario no concello de Redondela, masón e mentor
do grupo de mozos
con aspiracións políticas “Los
jóvenes turcos”.
Tamén foi xornalista sendo director de La
Escoba, director
interino de El
Pueblo e
redactor de El
Alvedosa, Gente Nueva, La Opinión e
La Propaganda.
Av. Santa Marina. Ata a
ordenación parroquial de 1904 pertenceu a Cesantes.
Pode
ser a Rúa da Revolta citada
nun documento de 1799.
Campo
de Santa Mariña.
Topónimo citado no
S. XVII.
 |
| Santa Mariña. Postal. Arquivo J.A .Xesteira |
Pz. Santiago Apóstolo: Nome do santo patrón da Igrexa de
Redondela. Nalgúns documentos antigos aparece como Pz. de San
Iago.
Pz. de la Rivera. Nome
co que aparece no catastro de Única,
en 1792.
Antes
do nome oficial era coñecido como Lugar
das Regateiras,
nome dado recentemente a unha rúa próxima.
 |
Pz. Santiago Apóstolo, 1909. Vida Gallega
|
Pz. da II República: Recoñecemento para os perdedores da
Guerra Civil. Anteriormente, formaba parte do paseo da Xunqueira.
R. Subida á
Estación: Subida á estación de tren,
antigamente situada
preto do viaduto vello (Ourense-Vigo).
Camiño da
Tafona: Tafona
significa establecemento onde se coce ou vende o pan.
Nun documento de 1762 aparece como
“sitio del Atafona”. En
portugués atafona é
un muíño, polo que o máis probable sería esta segunda opción,
dada a existencia dunha corrente de auga xa que neste punto está a
Fonte da Tafona.
R. Telmo
Bernárdez: Luis Telmo Bernárdez
Santomé. Nado o 10 de abril de 1885 na mesma casa que o Xeneral
Rubín. Médico de profesión, en 1923 foi elixido
alcalde de Redondela, posto que desempeñaría ata 1936. En abril de
1936 foi nomeado Compromisario coa encomenda de elixir
ao segundo
presidente da República. Delegado Gobernativo
en Redondela e Xefe provincial de Esquerda Republicana. Tralos
sucesos do 18 de xullo de 1936 percorreu as rúas de Redondela
tranquilizando e convencendo aos veciños de que non opuxeran
resistencia. Posteriormente, sería detido e encarcerado
en Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra, sendo fusilado o 12 de
novembro de 1936 na estrada de Campañó. Déronlle o seu nome en
1980, mais durante a II República, en 1931, foi chamada así á
actual rúa José Regojo. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/bernardez-santome-telmo-redondela-10-04.html
)
R. Oriente: Durante
a ditadura franquista recuperou
o nome antigo.
R. Pablo
Iglesias (1930 e durante a II
República): Pablo Iglesias Posse. Político, fundador do PSOE.
Inaugurada o 4 de maio de 1930 por iniciativa da Sociedade
Obreira da vila. http://es.wikipedia.org/wiki/Pablo_Iglesias
R. Oriente:
Debe o nome á súa orientación. Pertencía a Reboreda, ata que
polo arranxo parroquial de 1904 pasou a Redondela.
Pz. da Torre: Está situada na
parte traseira da Casa da Torre. Creada cando o edificio foi
adquirido pola Xunta de Galicia.
R. Vilaflores: Nome do
lugar. A proximidade co topónimo Miraflores (Ver Camiño
Miraflores), faime sospeitar se non será unha alteración do
mesmo.
R. dos Vimbios: Era o lugar onde
se vendían os vimbios para atar as viñas.
Av. Xeneral
Rubín: Militar e político heroe
da Guerra de Cuba. Déronlle o nome á rúa
o 21 de abril de 1929. (Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html
)
Antes de 1929 parte da Rúa
Ribeira.
Rúa Nova ou de Pedro Romay.
Cando menos dende principios do s. XVII. Tamén aparece como Calle
Nueva de la Rivera. Nel se atopaba o outro peirao da vila e a
Plaza del Pescado.
 |
| Xeneral Rubín, 1957. Foto: villamalea.eu |
Paseo da Xunqueira: Era unha zona de marisma poboada de xuncos
coma o seu nome indica. Este nome foi mal castelanizado como La
Junquera, cando en realidade a tradución correcta sería Juncal
ou Junqueral. Aparece xa
como Calle de la Junquera no
Catastro de la Única (1792) e en documentos anteriores como Campo
de la Junquera. Nun
mapa de 1890 aparece como Campo de la Feria, por
ser o lugar onde se celebraban as feiras de gando.
 |
A Xunqueira cara a 1910.
Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed.
Xunta de Galicia 2001.
|
Sen
Localizar
R. de la Carnicería:
Cara a 1333. Volve a
aparecer nun documento de 1628.
R. Ameixeira. No
S. XVIII. Zona Esfarrapada. Probablemente
sexa o acceso de escaleiras que une a Praza Santiago Apóstolo coa
Praza da Leña e o barrio da Esfarrapada.
Rúa
do Caneiro (tamén escrito Caeyro).
Citada
en Apeos
de bienes y hacienda del convento en la villa de Redondela, en las
feligresías de Santa María de Reboreda, San Esteban de Negros y
otros lugares, que pasaron ante Domingo de Caniagos. (1591).
R. Lameira.
No S. XVIII. Zona Esfarrapada.
Barrio de San Francisco. Zona
Esfarrapada.
Pz. do Pan: S. XVII
Rúa do Vicario: No
Catastro de la Única (1792).
Rúa do Vilar.
A mediados do S. XIX.
Antigos
nomes das calellas de Redondela.
Antigamente,
as calellas de Redondela eran coñecidas polo nome ou alcume dos
propietarios das casas.
A maior parte destes nomes xa non se empregan na actualidade. Tamén
dicir que en lugar do normativo “calella”
na vila se empregaba
o castelanismo “calexón”.
Calella das Chiquiñas. Entre a
Rúa Prata e a R. Ribeira.
Calella de Don Basilio. Entre a
R. Prata e a R. Ribeira. Chamado así por haber nela a botica de
Basilio Bernárdez Otero, pai de Telmo Bernárdez. Nome engadido ao
rueiro no 2008.
Calella da Gata. Entre a Rúa
Adro e a R. Isidoro Queimaliños.
Calella da Guidiña. Entre a R.
Ribeira e a R. Prata.
Calella da Pepita. Entre a R.
Prata e a Praza Santiago Apóstolo.
Calella de Povedo ou de Simón. Une
Reveriano Soutullo con Isidoro Queimaliños. Recibe o nome da
“zapatería de Povedo”, sendo Povedo o alcume do dono.
Este negocio chegou a ter, máis ou menos, 15 empregados, despois foi
herdada polos fillos do dono que o pecharon cando se xubilaron.
Calella da Salgheira.
Une a rúa Prata coa rúa Loureiro.
Calella de Teodora. Xunto á R.
Isidoro Queimaliños.
Calella do vello Axuntamento. Entre
Isidoro Queimaliños e Reveriano Soutullo.
Calella de Xan Xan. Une Xeneral
Rubín coa Rúa das Regateiras.
Autor:
Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
As vilas de Redondela nos tempos do
Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed.
Concello de Redondela.
Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga.
Manuel Puga. Ed. do Castro, 1992.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o
primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións
do Castro 2002.
Guía didáctica para escolares:
Nº3. Arquitectura
e urbanismo en Redondela. Alfonso Sotelo Ramos.
Nº5. Aproximación
á toponimia do Concello de Redondela. Álvaro Iriarte Sanromán
Nº7. Don Casto
Sampedro Folgar. Xosé Filgueira Valverde.
Fondo Casto Sampedro. Museo de
Pontevedra
SEREN
Nº3. A vila de
Redondela na Idade Media (S. XIII-XV). Xosé M. Sánchez Sánchez.
Os Nomes da Ría de Vigo II.
Gerardo Sacau Rodríguez. Instituto de Estudios Vigueses
(Fundación Provigo).2000.
Unidade didáctica. Personas que dan
nome as rúas e prazas de Redondela. Xosé Manuel Moreira
Docampo. (Inédito. Fondos da Biblioteca de Redondela)
Arredor de nós. Historia da
Policía Local 1863-2003. Gonzalo
Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003. Páx. 62-63. Rúa Pablo
Iglesias-Paseo Fermín Alfaya.
Catastro de Ensenada de Redondela e
Vilavella
Aportes:
Xosé Moreira
Docampo, Matilde Fernández, Manuel Seijas, Xurxo
Martínez (SNL Redondela),
Diccionario Madoz
Deslinde
parroquial de Santa María de Reboreda-Santiago de Redondela. Perito
Agrónomo Industrial, Castor Míguez. 1890. Arquivo Alejandro
Martínez Adán.
Blog da da filóloga Dolores González de la Peña:
http://arqueotoponimia.blogspot.com/
Arquivo familiar. Documentos S.
XIX.
Pares
http://pares.mcu.es
=>
Archivo Histórico
Nacional> Monasterio de Santa María de Melón.
Memorial cobrador de rentas
do Convento de Vilavella (1699-1779)
1762.
Expediente
de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de
Villavieja de Redondela (Mos, Tuy), efectuado por decreto de
diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución.
Arquivo Deputación
de Pontevedra. Contas de propios e
arbitrios xurisdición de Redondela Nova (1806).
Recoñecemento e medición das rúas de Redondela
(1799)
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia, La Correspondencia
Gallega, La Idea
Biblioteca
Nacional de España: www.bne.es
=> El Heraldo de Madrid, Diario
de avisos de Madrid
La Voz de Galicia
Deputación
de Pontevedra>Fondo Encinas Diéguez>Tres censos en Redondela
(1605)
Aportes:
Manuel Migueles, Manuel Seijas, Alejo Amoedo e Ramón P. Muíños