viernes, 29 de mayo de 2020

Bandas de Música.

          Grazas á prensa temos numerosas referencias de actuacións de bandas nas festas de Redondela a finais do s. XIX. Daquela non só participaban nas procesións, se non que tamén ofrecían concertos e animaban os bailes nocturnos. As obras que interpretaban variaban dende a música clásica (Wagner, Shubert...) ata pasodobres e zarzuelas, preferentemente as compostas por Reveriano Soutullo. A situación trocaría a partires de mediados do século pasado, cando as orquestras e conxuntos musicais empezan a quitarlle protagonismo. A pesares diso en 1974, para as Festas da Coca, contratáronse 5 bandas de música, 5 orquestras e 4 conxuntos de moda.


Bandas de Redondela desaparecidas

Banda de Música de Cabeiro.

A primeira actuación que atopo sería en maio de 1905 na festa de San José en Lavadores. En 1906 na Festa da Coca actuou unha banda dirixida polo señor Lorenzo que con toda probabilidade sería esta de Cabeiro. En decembro de 1907, dáse por seguro o seu nomeamento como banda municipal, o que da dereito a recibir unha cantidade de cartos por amenizar os paseos.

En 1906 na Festa da Coca actuou unha banda dirixida polo señor Lorenzo que con toda probabilidade sería a de Cabeiro. En decembro de 1907, dáse por seguro o seu nomeamento como banda municipal, o que da dereito a recibir unha cantidade de cartos por amenizar os paseos.

En 1912 participou xunto á de Vilar na Festa da Confraría do Señor de Vilavella. En 1913 resultou vencedora nun certame de bandas celebrado na praza de touros de Pontevedra. As outras bandas participantes serían a de Cangas e “La Popular” de Pontevedra, sendo esta última descualificada porque entre os seus integrantes había varios músicos da banda municipal de Pontevedra.

 
Banda de Cabeiro Foto cedida Ángel Balado Rodríguez
Nas décadas dos 20 e 30 esta banda vive os seus momentos de maior actividade participando en numerosas festas da contorna e nos actos oficiais do Concello de Redondela. Nunha noticia de 1928 aparece o nome completo do seu director, Manuel Lorenzo Cabaleiro. A maior competencia entre as bandas dábase nas festas de Candeán e Cabral, onde as bandas tocaban e os veciños aplaudían, gañando a máis ovacionada, que era acompañada polos veciños polo monte ata a súa parroquia. A de Cabeiro era a que máis veces gañaba, sendo as súas maiores competidoras as de Guláns, A Lama, Arcade e Candeán, esta última, pese a non ter grande calidade, amosaba gran resistencia.
Dende 1930 nas súas actuacións exhibían unha batuta de prata gañada nun concurso celebrado en Pontevedra. A súa peza máis destacada foi "Faena del Cuartel", na que o trompeta saía da banda e desprazábase ata un campanario, dende onde contestaba á banda. Chegaron a tocar en Caminha (Portugal) e en Zamora, a onde se desprazaban nun camión, cobrando entre 80 e 100 pesetas por actuación.
Entre os músicos que pasaron por esta banda destacaron Saladino Castro "O do Ghallo" e José "Nicholas". Outros músicos serían: Alejo Amoedo Barros, José Balado Castro "Maniobras", José Castro "Pailán", José Fernández, Vicente Fernández “O do Tene”...
Semella que a principios dos anos 30 o director tivo papeiras pero como tocaba actuación nas festas da Coca e ademais viña outra banda de recoñecido prestixio, non dubidou en envolver cun pano a cara e saír a escena.
A finais de 1934, problemas internos provocan unha división da que xurdiron dúas bandas dirixidas por dous irmáns: Manuel e Ramiro Lorenzo Cabaleiro “Baillador”. A de maior éxito foi a de Manuel, que anos mais tarde sería dirixida polo seu fillo Plácido “de Baillador”.
A primeira actuacións da nova banda dirixida por Ramiro podería ser a das festas de San Mauro de Nespereira, en xaneiro de 1935.
Mentres tanto, a dirixida por Manuel actuaría en maio na festa da Coca e, en xullo, xunto á banda de música “La Cueva” dirixida por Filiberto Sobral, na de San Bieito en Vilar. Outras actuacións dese ano foron no enterro do xeneral Rubín e na inauguración das novas instalacións da Sociedade de Agricultores de Reboreda.
Co gallo desta división, Manuel escribiulle a seguinte copla ao seu irmán Ramiro:
No seas pavero hombre ignorante
que es una vergüenza ser un mangante.
Te conoces poco en la profesión
y haces tu papel de hombre chulapón.
Ay Jesús que tontería,
ay Jesús que tonto eres,
eso le pasa a hombres que se guían por mujeres.
Siempre andabas reclamando que te dieran la peseta,
como no te han considerado te hicieron la puñeta

En 1942 faise cargo da batuta, semella que con bo tino, Plácido Lorenzo Cabaleiro, fillo de Manuel. Nesta época da posguerra, en Redondela os rapaces para amolar aos compoñentes da banda cantábanlles:
A banda de Cabeiro
non sabe tocar.
Paparaba-papá,
paparaba-papá.

En 1961 estaba dirixido polo mestre Lorenzo (supoñemos que se trata de Plácido) e actúa en numerosas festas da contorna: Reboreda, Quintela, Cedeira, Nespereira... Pouco tempo despois a banda disólvese.
Toca Cabeiro
toca por Dios,
que o baile de ladrillo,
non vale pa nós.



Banda de Música de Vilar

A primeira referencia que atopei desta banda é cando en 1912 participou xunto á de Cabeiro na Festa da Confraría do Señor de Vilavella. Seguía en activo en agosto de 1923, cando actuou nas Festas de Sta. María e San Roque en O Viso. Probablemente volveu a fundarse en 1934 trala escisión da de Cabeiro, como vimos anteriormente.

 


Banda do Corpo de Exploradores
          Banda de cornetas e tambores que chegou a gañar un concurso provincial celebrado en Pontevedra. O consello local de exploradores constituíuse en outubro de 1917. Chegou a reunir a uns oitenta nenos que realizaban marchas e colaboraban na asistencia aos máis necesitados. En 1924 a banda de tambores e cornetas encabezou o recibimento dado ao xeneral Primo de Rivera na súa visita a Redondela. En outubro de 1927 este corpo desfilaría en Pontevedra ante o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria.
          Tamén visitarían a nosa vila os corpos de exploradores de Pontevedra, Vigo e Marín coas súas bandas.

 
O Corpo de Exploradores coa súa banda no funeral de Concepto López.
Foto:  Vida gallega, 1918

Banda do Frente de Juventudes
O Frente de Juventudes de Redondela chegou a ter unha escuadra de cornetas e tambores que, entre outras actuacións, abriu a procesión do Cristo de 1962.

Bandas de Redondela en Activo

Banda Municipal de Redondela.
Segundo os datos aportados por José Suárez, frauta da banda, a Casto Sampedro, a Banda Municipal de Redondela foi fundada na década de 1840 polo seu pai, tamén chamado José Suárez, secretario do Concello que tocaba o clarinete. Ademais dos anteriores formaban a agrupación: Severo Suárez (tamén fillo de José), requinto; os irmáns, Agustín Otero (corneta de chaves), José Otero (o flige) e Tomás Otero; Martín Sampedro, clarinete; Antonio Sestelo; Ángel Sestelo, fillo do anterior; Modesto Gándara e X. Pereira. O primeiro director sería o músico maior do Rexemento.
Pouco tempo despois debeu ter un descanso para volver a formarse en 1866, como se desprende do feito da celebración do seu centenario entre os días 17 e 18 de decembro de 1966. Co correr dos anos disolveuse por segunda vez ata que en 1892 José Manuel Fortes, mestre de música residente en Ponteareas e que xa dirixira a banda na etapa anterior, proponlle ó concello crear de novo a banda municipal. Nese mesmo ano de 1892, xa como director da Banda Municipal, José Fortes, nunha carta en “La Integridad” agradece a Andrés Gaos a calidade dos instrumentos “Schuster” que lle encargou o alcalde.
En abril de 1899, é nomeado director Ramón Patino, residente en Redondela e requinto da banda “La Unión”.
En 1910 esta banda dirixida por Isidro Puga participa nas procesións de Semana Santa, na Festa de San Xosé en Cabeiro, Festa da Coca, Festa do Santísimo Sacramento de Vilavella, Festa de San Bernardo en Cedeira, Festa da Inmaculada en Redondela...
En maio de 1912 unha sección desta Banda para conmemorar a Festa do Traballo recorreu as rúas deste pobo tocando alegre diana.

Banda de Música de Redondela, 1914. Foto: Vida Gallega

 O 16 de agosto de 1913 celebrouse na Praza de touros de Pontevedra un certame de pequenas bandas de música, na que venceu a de Redondela e no que tamén participaban a de Cangas e unha popular de Pontevedra.
En 1924 era dirixida por José Figueroa, en 1927 por Manuel Lorenzo e en 1932 por Arsenio Lorenzo, que seguía no cargo en 1934.
En xuño de 1933, actúan nas festas da Coca as dúas bandas do Concello a de Redondela e a de Cabeiro.
En 1936 tocan alboradas nas Festa da Coca, probablemente a súa derradeira actuación antes do estalido da guerra.
Trala Guerra Civil a Banda volve a formarse en 1952, chegando a un acordo co Concello para recibir unha subvención a cambio de tocar nas festas do Corpus, Semana Santa, Inmaculada e 18 de Xullo. O director da banda sería Victor Wenceslao Ureña, persoa que da nome ó conservatorio de Redondela trala súa colaboración con esta institución nos anos 90. En 1960 deixa a dirección, sendo substituído por Antonio Baquero González, quen xa dirixira ás bandas de Silleda e Guláns. En 1963 colle o relevo Enrique García Rey, natural de Ortigueira, que en 1966 deixa o cargo para dirixir a Banda Municipal de Pedro Muñoz (Ciudad Real). En 1967 faise cargo da batuta Raimundo Otero Castro. En 1998 pasa á dirección Jesús Martínez Álvarez, quen no 2015 sería homenaxeado ao cumprir 65 anos nunha banda na que entrou aos 10 anos.

1953, Banda de música de Redondela. Foto cedida por Avelino Cabaleiro (segundo, pola dereita, arriba) ao Obradoiro Fernando Monroy

Banda de Música de Chapela
O 26 de outubro do ano 1991 nace a Asociación Cultural e Social de Chapela que crea a Escola de Música de Chapela, co fín de formar unha banda de música. Deste xeito, o 11 de Febreiro de 1995, fai a súa presentación oficial a Banda de Música de Chapela, sendo o seu primeiro director Juan Carlos Díaz Álvarez. No seu primeiro ano, 1996, realizou unha xira polos centros culturais de Venezuela. Este mesmo ano, gravou o seu primeiro CD con pezas variadas do repertorio galego. Dende aquela teñen actuado en numerosas vilas tanto de España como de Portugal.
Entre os premios acadados destacan:
- 2º Premio no “XI Certame Nacional de Bandas de Música Ciudad de Murcia” (2001).
- 3º Premio na sección 3ª “III Certame Provincial de Bandas de Música Deputación Pontevedra” (2003).
- 2º Premio no “V Certame Provincial Bandas de Música Deputación Pontevedra” (2005).
- 2º Premio no “VI Certame Provincial Bandas de Música Deputación Pontevedra” (2006).
- 2ºpremio na sección 3ª no “Certame Galego de Bandas de Música” (2010).
Tamén destacar que no 2009 foi a representante galega no I Encuentro de Bandas de Música Españolas.
Entre maio do 2000 e febreiro do 2003 faise cargo da dirección Lourenco Filipe da Silva Cruz, que sería sustituido por Francisco Abal Rosales. Entre 2007 e 2010 a Banda de Música de Chapela foi dirixida por Severino Pedrosa Núñez. Dende setembro do 2011 leva a batuta Santiago Barreira Davila.
En 2013 a Banda de Música de Chapela publica o CD “18 años en clave musical” que será distribuído en toda España pola produtora MetaNetwork de Barcelona. A banda vive un bo momento, estando composta por máis de 40 músicos, con idades comprendidas entre os 9 e os 34 anos. Ademais a escola de Música trasládase este ano aos baixos do pavillón, onde se imparten clases de música tradicional, clásica e moderna, con 170 alumnos polo que o relevo está asegurado.
En 2016 a banda celebra o seu 25 aniversario homenaxeando ao seu fundador, Alejandro Bastos e organizando unha exposición fotográfica da historia da banda.
Banda de música de Chapela nos seus inicios. Arquivo Asociación Cultural e Social de Chapela


Banda de Música Victor Ureña do Conservatorio de Redondela
       Banda de recente creación. O programa do concerto de Nadal de 2019 celebrado no Multiusos da Xunqueira incluía: pasodobres, Christmas Prelude, bandas sonoras de John Williams, danzas cubanas de Robert Sheldon eThe Blues Brothers Revue.


Bandas Militares
         Dende finais do s. XIX e a principios do XX, soia actuar na nosa vila a Banda do Reximento de Murcia, batallón destinado en Vigo, por mor do conflito con Estados Unidos e como reforzo ante un posible ataque naval. É de supor que pola proximidade formaran parte desta banda músicos redondeláns. Ata o de agora atopei as seguintes noticias de músicos da nosa vila:
Xaneiro de 1900: “Debe presentarse na Comandancia militar de Pontevedra para recoller uns documentos, Evaristo Lusquiños, de Redondela, corneta que foi do Rexemento de Burgos”.
Xaneiro de 1922: “Terminado o desfrute de licencia regresou a Tetuán, o rapaz desta vila, Ceferino Fernández Ubeira, corneta do Batallón Expedicionario de Murcia.”
Outro que formou parte da banda do rexemento de Murcia, na súa xuventude, foi o compositor Reveriano Soutullo.
Tamén actuaron en Redondela outras bandas militares, como exemplo a do Rexemento de Zaragoza, nas Festas da Coca e nas do Cristo de Vilavella, en 1926; ou a da 82 División, na Coca de 1940.

Bandas Foráneas
Unha banda que por proximidade e calidade ven participando tradicionalmente nas festas da vila é a Banda de Arcade. Como exemplo en 1892 fora contratada para a Festa da Coca e, en agosto de 1910, participa nas festas das Angustias e San Roque. Pola súa proximidade era habitual o seu concurso nas festas do Viso. Nos anos 20 tamén atopo noticias de festas en Cesantes e Reboreda. Houbo músicos de Redondela que tocaron nesta e outras bandas de fóra do noso Concello. En 1875 fíxose cargo da dirección desta banda Manuel Martínez de Erena, que pouco despois cedeu o cargo ao redondelán José Pereira, pero este xa vello, renuncia e lla transfire ao seu fillo de mesmo nome, e que máis tarde será substituído por Jesús Reguera.
A principios do século XX, a Banda do Porriño tiña fama de tocar moi ben, dirixida daquela por Marcelino Giráldez e posteriormente por Zúñiga. En 1911 é contratada a xa laureada “La Lira” de Ribadavia, que repetiría nas seguintes edicións, e ao ano seguinte a municipal de Santiago. Outras serían as bandas de Lavadores, Mondariz Balneario, Paredes, Celanova, A Lama, Vilagarcía e tamén varias portuguesas. Nos anos 30 as de Ponteareas, Lantaño, A Estrada, Beade, Coia...
Unha banda que viña a miúdo ás festas de Redondela a mediados do s. XX e que gozaban de moita sona era a xa citada “La Lira” de Ribadavia. Outras bandas menos asiduas eran as de Celanova, Ponteareas, Mondariz, Lantaño, Porriño, Beade, Vilanova dos Infantes, Cuntis, Aloncos (Ourense) ou Silleda.

Instalacións.
           En 1924 construíuse o que probablemente sexa o primeiro palco da música do Concello de Redondela. Trátase do localizado na praza do Cruceiro, no Viso. A obra realizouse grazas a colaboración de varios veciños, encabezados polo adiñeirado capitalista, Antonio Sotelino Táboas.
 
Palco de música do Viso,  2009. Foto: Juan Migueles

 Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA
Caderniños do Instituto de Chapela. Coordenador: X. M. González Fdez.
  • Nº1. As festas do Corpus en Redondela (1875-1975).
Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento.Pax. 53 Cap. Julio Alonso Montegudo.
Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.
Aportes Fernando Casas e Ángel Balado Rodríguez
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=>El Pueblo Gallego (Vigo), El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Galicia diario de Vigo, La Noche, La Idea, La Correspondencia Gallega, Ecos del Distrito, La Integridad



miércoles, 27 de mayo de 2020

Folk

Os Precursores
Nos 90 xurdiron os dous primeiros grupos de música folk de Redondela e que tan só chegaron a dar concertos na nosa vila, compartindo escenario cos grupos redondeláns de rock daquela época.

Charramanduscas
Anos 90.
Pandeireteiras.
Compoñentes: Paqui, Chusa, Elva, Mada e Lis.

Mendiño
Anos 90. Pre-CHOUTEIRA.
Estilo: Folk.
Compoñentes: Olimpio, Pablo e Andrés Giráldez, Pili, Marta, Elva, Pablo “Geme” e “Chou”.
Mendiño Foto cedida Pablo Álvarez

Actualidade
Artesáns, Os
Dúo de arpa e zanfona do que forma parte Carlos do Viso.



Calcetín Furado
Ex-Os Croquetas
Estilo: Música tradicional / Folk na súa vertente máis festeira.
Calcetín Furado 2014 Foto: Fon Decon

Carapaus
Carapaus festas de Cacheiras 2014 Facebook
Grupo formado en Santiago de Compostela en 2010 co redondelán Olimpio Giráldez “Oli”na súa formación, ex-Chouteira.
Compoñentes: Emilio Lois (gaita), Oli Xiráldez (frautas), Gustavo Couto (voz e tamboril), Sabela Galbán (voz e acordeón) e Adrián Lareo (bombo e voz).
Discografía:
Carapaus, conservas de música tradicional (2013)
Déixao andar... (2015)









 
Chavellos , Os
Grupo de Pereiras (Mos) que conta con integrantes de  Reboreda, Chapela e Vigo. Destacar a presenza de varias zanfonas na formación. Tamén conta cun grupo de baile.
Discografía: Os Chavellos (2016)
Os Chavellos-Meixón Music 2012. Foto: O Escondidiño

Chouteira
Grupo folk con dous compoñentes de Redondela.
Compoñentes: Uxía Pedreira (Voz e pandeireta), Olga Nogueira (Acordeón caro e acordeón barato), Olimpio Giráldez “Oli” (Gaitas, requinta, bombo e coros), Anxo Graña (Saxos, gaitas, zanfona e coros), David Rodríguez (Trompeta, fliscorno e coros),
Manuel Villar “Lolo” (Tuba e coros), Francisco Estévez “Chuco” (Percusións) e
Alfredo Moldes “Fredi” (Percusións)
Discografía:
Chouteira
Folla de lata
Ghauaue
Chouteira Foto Marta Filgueira - Facebook Chuco Estévez
Os Croquetas
Pre-Calcetín Furado.
Estilo: Música tradicional / Folk na súa vertente máis festeira.
Primeira formación: Vento (Acordeón e guitarra), Toti (Castañolas) e Canducho (Gaita). Logo entra no grupo Ser (contrabaixo-lixo)

Os Croquetas. Fotos: Fon Decon

Eimiñavella
Grupo formado en Reboreda a mediados dos 90. Entre os seus compoñentes o gaiteiro Xulio Lorenzo, natural de Mos, que logo continuaría en solitario.

Fame Negra
Actuaron no Millo Verde 2016. Formación: Niko Sex (saxo), Vento, Óscar Charango (saxofón) e Berto Cuchillas.

Ghaveta
Grupo folk con compoñentes de O Viso e a Insua. Coinciden na E-Trad (Escola de música tradicional de Vigo), e posteriormente na Orquesta de Música tradicional Sondeseu, de onde decidirán consolidarse como formación.
Integrado por: Beatriz Martínez, arpa; Marta Martìnez, bouzouki, percusión e voz; Diego Langarika, guitarra acústica e bouzouki; Felipe Rodicio, violín.
Discografía:
Disque (2015)
A raíz do pensamento (2020)

Ghaveta, Facebook do grupo
Sobre Rodas
Dúo de zanfonas formado por Carlos Do Viso (O Viso, Redondela) e Luis Correa “O Caruncho” (Vigo).
Discografía:
Sobre Rodas
Portada Cd "Sobre Rodas"
Suripantas, as
Grupo feminino con gaitas, violín, acordeón e percusión. Debutaron na edición do 2014 do Festival de Títeres.

Suripantas, Festival de Títeres 2014. Foto: Alba Gulin

Tanto nos ten
Grupo do Viso que sufriu varios cambios na súa formación. Naceu como quinteto con: Manuel Cruces (gaita, frautas e voz); Pedro Blanco (acordeón diatónico e voz); Josinho da Teixeira (tambor, bombo e voz) e Carlos Do Viso (zanfona, pandeireta e voz).
Discografía:
Tanto Nos Ten (2011)
Cortando fíos (2020)
Melide2014. Facebook Tanto Nos Ten

Xulio Lorenzo
Gaiteiro de Mos moi vinculado a Redondela, que despois de formar parte de grupos como Eimiñavella ou Sabenga, lánzase á súa carreira en solitario.
Discografía:
Cantos da ialma (2017)
Volver soñar (2020)

Foto: xuliolorenzo.com

Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
culturagalega.gal
Gzmusica.com
Facebook
Xulio Lorenzo: xuliolorenzo.com




martes, 26 de mayo de 2020

Artesáns musicais (Luthier)

          O artesán de instrumentos musicais máis antigo do que atopo referencias sería Francisco Figueroa (1854-1930), de Vilar de Infesta, ao que xa tratamos como gaiteiro que acompañaba á danza das espadas. Era coñecido como "O Arquitecto", pola súa maña para todo tipo de manualidades, destacando entre os seus traballos a construción de gaitas
          En Chapela, Antonio Dávila "El Chaval", adicouse a reparar acordeóns ata os anos 60. Cando era mozo traballaba de mecánico torneiro e co que gañaba mercou un acordeón. Por tocalo, un día chegou tarde ao traballo e o seu pai tirou o acordeón pola xanela. Como non tiña cartos para outro, tivo que arranxalo. Foi o inicio dunha afección que mantivo toda a súa vida arranxando en Chapela acordeóns, principalmente para mariños que chegaban a Vigo.
          
Antonio Dávila "El Chaval". Foto Siorty-El Pueblo Gallego
          Actualmente son tres os artesáns do noso Concello que se adican á fabricación de instrumentos tradicionais galegos.

Oli Giráldez
Artesán de gaitas e requintas dende 1993. Ademais ten unha longa traxectoria musical como puidemos ver nos apartados correspondentes á música folk e aos gaiteiros que acompañan a danza das espadas. Como instrumentista, como xa vimos, destacar o seu paso por grupos como Chouteira ou Carapaus. Tamén ten realizado traballos de investigación da historia da gaita e os gaiteiros.
 
Foto: Facebook
Benito Queimaliños "Queima"
Creador de instrumentos de vento e percusión. Como moitos artesáns comezou tocando, cursando "CAIM Gaita" na Universidade Popular de Vigo baixo as ensinanzas do mestre Carlos Corral. 

Foto: Facebook Queima Instrumentos Tradicionais

Carlos “do Viso” (O Viso)
Mestre luthier de zanfona, vihuelas e percusión tradicional. O seu obradoiro surte de zanfonas e instrumentos de percusión tradicionais galegos aos grandes grupos do folk galego. Como vimos no apartado adicado á música folk, compaxina esta actividade coa de músico.

Foto: Twitter Carlos do Viso
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
La Voz de Galicia.
En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => El Pueblo Gallego.
Olimpio Xiraldez => http://www.olixiraldez.com/
Vídeos de Oli traballando (Torneiro) e tocando (Xuntanza de músicos) en:




Música e baile tradicional. Actualidade.

Airiños da Peneda 2010. Foto: Cal3
 
Airiños da Peneda (O Viso)
Grupo creado en 1998, como coro de ranchos de reis con dez compoñentes, chegando poucos anos despois aos 50. Está vinculado á comunidade de veciños de Saramagoso. No 2015 presentaron o seu primeiro CD, "Cantigas da Peneda".

Airiños de San Simón (Cesantes)
Grupo baile e de gaitas.

Grupo de baile Airiños de San Simón, Cesantes 1985 Foto Museo do Mar
 

Algareiros, os (Chapela)

Grupo de acordeóns do Centro Cultural de Cidadelle. A súa primeira actuación fóra do seu centro sería a Festa da Navalla de Chapela de 2019.

 
Aluarado (Vilar)
Grupo de gaitas.

Anaquiños (Chapela)
Grupo de pandeireteiras e grupo de baile fundado en 1976 por un grupo de pais de alumnos do C. P. Igrexa en Chapela.
Anaquiños-Chapela Foto anquinos.iespana.es
 
Arela (Saxamonde)
Pandeireteiras.
 
Asubíos de Portocedeira (Cedeira)
Grupo de gaitas.
 
Asubios de Portacedeira 2012 Foto Facebook

Beretes, os (Chapela)
Grupo de gaitas e percusión.
 
Os Beretes, 2013 Foto Facebook

Cacharelas (Chapela)
Grupo de Pandeireteiras formada en 1992 como acompañamento da “Agrupación Froles Mareliñas”.
 
Cacharelas.  Foto: www.chapela.org

O Carballo das Cen Polas (Reboreda)
Agrupación Folklórica formada no ano 1978 na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda. O grupo de baile actuaría por primeira vez nas festas de Santo Paíño de 1981.

1981  O Carballo das Cen Pólas. Foto: Cal3. Cedida por A.CouñagoLaxe

Chan das Pipas (Saxamonde)
Grupo de baile.

Choqueiras, as
Grupo de pandeireteiras de Redondela.

Follas Verdes (Vilar de Enfesta)
Pandeireteiras.

Fonte Do Ouro (Chapela)
Grupo de baile galego da Asociación Cultural e Social de Chapela.
 
Fonte Do Ouro. Día Da Muñeira Redondela.2015 Facebook ACChapela

Froles Mareliñas
Ver Música e baile tradicional. Historia

Grupo Folklórico Centro Cultural de Cedeira (Cedeira)
Nos anos 80-90. Grupo xa desaparecido.
   
Centro Cultural de Cedeira Facebook Recreativo Cultural

Grupo de Música e Baile Tradicional de Saxamonde (Saxamonde)
 
Grupo de Música e Baile Tradicional de Saxamonde, 2011. Foto: Facebook Chan das Pipas

Grupo de Nais Anaquiños de Chapela (Chapela)
A mediados dos noventa un grupo de mulleres que acompañaban aos seus fillos ás clases de baile galego no colexio Igrexa, deciden crear o seu propio grupo. Dende aquela soen bailar no Día da Muiñeira en Vigo e Redondela e teñen actuado no programa Luar da TVG.
Nais Anaquiños de Chapela 2011. Web do grupo

As Lagharteiras (Mos)
Grupo de pandeireteiras de Mos con algunhas integrantes de Redondela.

Ledicia (Trasmañó)
Pandeireteiras.

Pecios de Rande (Rande-Cedeira)

Coro folk da Asociación Deportivo-Cultural de Rande. Realizaron a súa estrea o 1 de maio de 2022 dentro do II Ciclo Folk organizado polo Concello de Redondela.


Pedriñas, as (Vilar de Infesta)

Grupo de baile. 

 

Os Rabaquetas (Saxamonde)
Formación: Aleixo Jablonski (acordeón), Bea López (pandeireta), Nacho Pérez (saxo), Daniel (tamboril), Miguel (bombo e pratos) e Pablo Jablonski (gaita)

Pandereteiras de Cidadelle (Chapela)

Coro de Danza e Bailes de San Román (Saxamonde)
Semente Nova (Chapela)
Grupo de pandeireteiras da Asociación Cultural e Social de Chapela nada o 6 de agosto de 1994. Dirixido nos inicios por Emilio Sotelino, sería substituído en 1997 por Francisco X. Vicente e, dende o 2000, por Beatriz Cela Rojo. No 2013 esta agrupación está composta por 25 persoas de diferentes idades, tendo actuado en numerosas vilas galegas, portuguesas e asturianas.
 
Semente Nova Foto Asociación Cultural e Social de Chapela

Tarabelo (Chapela)
Grupo de gaitas do Círculo Cultural Recreativo de Chapela.
 
Terra Meiga (O Viso)
Asociación que conta con grupos de baile, gaita e pandeiretas, organizando cursos deste tipo durante todo o ano, ademais de percusión tradicional.

Tirapuxa (Trasmañó)
Grupo de gaitas.

Os Topecañeiros (Chapela)
Grupo de gaitas. Naceron como grupo de acompañamento da “Agrupación Froles Mareliñas”.
 
Os Topecañeiros. Foto www.chapela.org

Treixadura
Grupo de gaitas e voces (Orfeón Treixadura) formada en Redondela en 1990, con compoñentes de Redondela e doutros concellos. Primeira formación: Toniño e Xoán López, Xaquín Xesteira, Paulo Nogueira (1995) e César Longa (1998).
Discografía:
Obrigado (1996)
Unha noite no muíño (1999)
Unha noite non é nada (2003)
Unha semaniña enteira (2006)
            Vendima tarda. 25 anos (2014)
 
treixadura-treixadura.com

Tres Estralos
Romances e cantos.

Xente Nova (Chapela)
Grupo de baile galego infantil da Asociación Cultural e Social de Chapela.

Xuveniles, Os (Chapela)
Grupo de gaitas da Asociación Cultural e Social de Chapela. Actuaron por primeira vez o 13 de maio de 1992, dirixidos por Manolo González Cruces e composto por dúas gaitas altas, dúas baixas, tambor e bombo. Na dirección sucedéronse Manuel Oliveira Rodríguez, Telmo Costas Comesaña, Alberto Miranda Sanromán, Diego González Mariño e Abraham Fernández López. Teñen actuado en numerosas vilas galegas e varias veces en Lisboa, Coimbra e Guimaraes. Ademais acompañan aos grupos Semente Nova, Xente Nova e Fonte do Ouro.
 
Os Xuveniles. Foto: Asociación Cultural e Social de Chapela

BIBLIOGRAFÍA
Facebook
Carteis
Aportes Fernando Casas.