martes, 12 de febrero de 2019

A Marca do Rei (Vilavella) e a Pantalla (Cesantes).

A Marca do Rei. Foto: J. Migueles
A Marca do Rei. Foto: J. Migueles

A ponte que cruza o río Maceiras ao entrar no casco urbano de Redondela por Vilavella e baixo a que se inicia a Senda do Maceiras, ten a ambos lados unha balaustrada cun monólito. Eran coñecidas popularmente como A Marca do Rei e dise que foron erixidas para conmemorar a visita dun Rei. Garda moitas similitudes con A Pantalla, en Cesantes.

Son leguarios do Camiño Real, ou sexa un fito que marca a distancia en leguas. O Camiño Real foi mandado construír dende a vila de Padrón a Redondela, en 1793, polo Arcebispo de Santiago, Sebastián Malvar y Pinta. O seu costo ascendería a dez millóns de reais da época. Cincuenta anos despois, en 1847, atópase tan deteriorado que, o daquela novo gobernador civil de Pontevedra, Francisco Paez de la Cadena, ordena a súa inmediata recomposición iniciándose as obras en xullo daquel ano.

A Pantalla. Foto: J. Migueles
A Pantalla, 2009. Foto: J. Migueles

 

O único que sabiamos ata o de agora é que a Marca do Rei foi construída, cando menos, no s. XIX, xa que aparece nunha acuarela do pintor G. Vivian, publicada en 1838 na súa obra “Spanish Scenery”, e que sería realizada entre 1831 e 1837. Neste cadro pódese apreciar que a ponte contaba co arco actual e con polo menos outros dous máis próximos ao centro da Praza Ponteareas. Tendo en conta que ata hai pouco existiu unha fervenza e unha pequena charca no monte que hai tras a praza podemos supor que baixo estes arcos pasaría a auga nacida neses montes. Por referencias orais sabemos que a mediados do s. XX existían dous arcos, o actual baixo o que discorre o río Maceiras e outro polo que pasaba a auga procedente do muíño Arañol. Un destes arcos sería tapado por José Otero González “Mañas” nos anos 50, durante as obras de reedificación do convento, no espazo no que os seus herdeiros construirían a nave que aínda hoxe (2021) se pode ver acaroada ao Convento de Vilavella, quedando a ponte co seu aspecto actual.

 


Acuarela de G. Vivian, 1838
Acuarela de G. Vivian, 1838. Marca do Rei

 

En visita nocturna acompañando a Imelda e Xurxo Constela, membros de A Citania S. L., puidemos comprobar que saíndo de Redondela no panel do lado dereito lese:

REYNANDO

EL SEÑOR


Por desgraza a terceira liña que correspondería co nome do rei está picada. Por contra ao revisar o lado esquerdo pasa o contrario, as liñas superiores están esnaquizadas e a inferior é a que se conserva:


ANO DE MDCCCVII


A data de 1807 lévanos ao reinado de Carlos IV, que remataría ao ano seguinte. A posterior invasión francesa en 1809 pode estar detrás da destrución do nome do rei e do que puxera no resto do texto. É unha sorte que poidamos coñecer esta data porque esta estrutura fora golpeada por un camión e durante moito tempo as pedras ficaron baixo as augas do río Maceiras, ata que a insistencia de Xosé Antonio Orge Quinteiro conseguiu que o Concello a reconstruíse.


Marca do Rei. Foto: J. Migueles
A Marca do Rei. Foto: J. Migueles


         As diferenzas estruturais con outros leguarios próximos como o de Vilaboa se xustifica porque serían marco-paneis onde se indicarían as distancias entre as distintas cidades. A eliminación das inscricións, parcialmente na Marca do Rei e na súa totalidade na Pantalla, impide ter máis datos. Ata o de agora tampouco se atopou documentación referente á súa construción que nos aporte máis información.

 

Leguario de Vilaboa. Google maps
Leguario de Vilaboa. Google maps


      O que sabemos de certo é que a Marca do Rei construíuse en 1807 e, probablemente, a Pantalla tamén, durante o arranxo das estradas principais de Redondela e Vilavella:15 de Agosto. Manda S. M. Que el señor Pedro de Acuña tome a su cargo la obra de las 325 f. de Camino, que deben costear las villas nueva y vieja de Redondela, las que a cuenta del arbitrio de un maravedid en quartillo que se consuma en su distrito y coto de Cedeira reintegrarán a la comisión los caudales que para dicha obra adelante. Nota. La citada estrada por no corresponder el conocimiento de ella a esta oficina, la recogió Joseph Mella strio. intno. de Rentas la mañana del día 8 de Mayo de 1806.”

 

 

Agresión. A Pantalla, 2020. Foto: Alén Nós.
Agresión. A Pantalla, 2020. Foto: Alén Nós.

 

       É curioso como ata o de agora estes elementos etnográficos pasaron desapercibidos para a meirande parte da poboación. Especialmente no caso da Pantalla que da nome ao barrio e nin sequera boa parte da veciñanza coñece este feito. Tanto é así que o propio Concello cometeu unha agresión no monumento ao colocar beirarrúas por non telo catalogado e non dotalo da protección axeitada. Por sorte, a protesta de varias asociación conseguiu a rectificación e a posterior restauración e posta en valor, mediante a colocación dun panel explicativo a finais do 2021.

       Hai anos os veciños de Cesantes tiñan a crenza de que, cando lanzabas unha pedra de costas á Pantalla, se quedaba na cornixa do tímpano era sinal de que ías casar. Pola contra, se caía é que ías quedar solteiro.

.

Panel de A Citania SL colocado na Pantalla, 2022. Foto: Obradoiro Fernando Monroy

 

       

        Actualmente (febreiro de 2022) estanse a levar a cabo as obras da praza Ponteareas nas que se ten recollido realizar tamén a posta en valor da Marca do Rei. Ao inicio destas obras causou expectación o descubrimento do muro, que sendo unha continuación da Marca do Rei, servía de contención da Praza de Ponteareas. Este muro era coñecido como O Petril polos veciños máis maiores que aínda lembran xogar a pasar por un pequeno conduto para as augas pluviais que atravesaba baixo a estrada.

 

Muro de contención. Foto: J. Migueles
Muro de contención. Foto: J. Migueles

 

.

Ubicación:

A Marca do Rei. Ponte que une a Praza Ponteareas coa Estrada de Vigo. 

42.278523, -8.611436

A Pantalla.

42.299342, -8.602540

A Marca do Rei. Foto: J. Migueles
A Marca do Rei. Foto: J. Migueles

 

 
Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Visita realizada con Imelda e Xurxo Constela, membros de A Citania S. L.

Aportes: Xurxo Constela, Matilde Fernández e Jose Antonio Orge Quinteiro.

Redondela a través do tempo. Jose Antonio Orge Quinteiro. Ed. Xunta de Galicia 2001.

Blog: Reloxos de sol. Descubriendo los relojes de sol de Galicia.

Esperanza, La (Madrid. 1844). 02-08-1847, página 2-Camiño Real

 
 Arquivo Deputación de Pontevedra. atopo.depo.gal
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario