1957, Raias a secar nas barcas. Foto: villamalea.eu |
Antes da chegada das conservas eran varias as empresas de salga que había no noso concello. O sal era o principal conservante naqueles tempos, pero non o único.
Vendo fotos antigas de Redondela podemos comprobar que baixo o Viaduto de Pontevedra secábase peixe, porque ante a falta de medios dos que dispomos agora era unha forma de conservar o pescado de xeito económico. O que secaban deste xeito eran xurelos e raias. Os xurelos os estiraban nas pedras, mentres que as raias as colgaban das barcas ou mesmo dos ferros do viaduto ou colocaban paus con cordas para tendelas. Os xurelos poñíanse a secar directamente, mentres que as raias había que poñelas primeiro en remollo. Algúns lembran comer os xurelos crus despois de secar e din que era moi saboroso. Tamén contan que a raia debía ser máis forte pero non faltaba algún rapaz quen nun despiste lle botaba a boca nos anos da fame.
Hai que distinguir a raia da ouxa, coñecida como “raia brava”. Este é un peixe hoxe moi estendido porque non se comercializa, se ben é certo que había quen o pescaba para comer as ás, tirando o resto da carne. Ademais o seu aguillón faino perigoso para ser pescado. Outro peixe co que non a debemos confundir é a zapata. Peixe moi apreciado pero moi complicado de cociñar xa que para preparalo primeiro hai que sacarlle a pel.
Un pouco máis afastado do mar, concretamente na Canteira dous irmáns tiñan un secadoiro de bacallau, que logo levaban cun camión a vender a Vigo.
Outra técnica de conservación sería o afumado. Unha referencia clara en Redondela a atopamos no Cabo dos Fumeiros, topónimo dado por ser o lugar onde se afumaban as sardiñas.
Nas conversas mantidas para este artigo saíron os nome dun par de peixes dos “que xa non hai”:
O carabellón. O nome técnico empregado pola Consellería do Mar é Rei, podendo chamarse tamén: gaián, carabilla, pixón, saroupa, crico (as femias), escarabellón, lavanco, xoio, xoio azul, laberneiro (os machos) ou ghaiolo. Segundo din: “Era moi bonito baixo a auga”, “Parecido ao rubio, pero máis escuro”.
O escarpón. Do que contan que: “Era riquísimo”. Apesares de citalo como desaparecido, se hai sorte, aínda hai días que se pode atopar na Praza de Abastos, como pode comprobarse nesta reportaxe gráfica realizada por alumnos do instituto Mendiño.
http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmendino/?q=node/602
Raia a secar nunha barca. Foto cedida por J. A. Xesteira |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Sal, sardiñas e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo na Enseada de San Simón. Alberte Román Losada. Ed. Asoc. Alén Nós 2009.
Aportes orais.
La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario