martes, 1 de julio de 2025

Lorenzo Carballo Otero (Pontevedra, 1830). Mestre.

 

Rúa Casto Sampedro, anteriormente Rúa Lorenzo Carballo. Foto Carlos Muíños "Dula"-cinesdegalicia.educabarrie.org

        Director da escola de instrución primaria de Redondela, onde exerceu dende 1853 ata a súa xubilación en 1891. Exerceu como enfermeiro durante as epidemias de cólera en Cambados (1853-54) e Redondela (1865). En 1871 era o director da escola de instrución primaria de Redondela, cando o 22 de novembro a Dirección Xeral de Instrución Pública concede unha colección de libros, formada por 155 obras, para a creación dunha biblioteca popular neste centro. En decembro de 1872 foi proposto para unha cruz de María Victoria de segunda clase.

        Nun informe sobre o ensino en Redondela de 1879 recóllese:

Redondela (3000 almas) completa(106 niños-6<6anos, 60 de6-10,40>10, ordinariamente van 90)-Lorenzo Carballo Otero 49 años, casado más de 29 años de servicio, 23 de ellos en Redondela. El local es reducido y de malas condiciones.

        A súa labor como docente debía ser moi destacada como se destaca dun artigo publicado ao ano seguinte con motivo da Exposición rexional celebrada en Pontevedra:

A excepción do indicado e dunha colección de láminas de dibujo, de figura e planas, procedente da escola de Lorenzo Carballo Otero, de Redondela, nada vi que mereza a pena.

        Nun censo de 1883 consta que tiña o seu domicilio na rúa Alfonso XII.

        En xuño de 1891 foille concedida a xubilación. A principios do século XX a actual rúa Casto Sampedro levaba o seu nome. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/toponimia-rueiro-de-redondela.html )

        A nivel persoal casou con Dolores Pesqueira, natural de Santiago de Compostela. Probablemente fillo deles sería Francisco Carballo Pesqueira, quen exerceu como mestre da Escola incompleta de Quintela cando menos entre 1876 e 1879.

        A que sabemos con certeza que foi filla deles sería Consuelo Carballo Pesqueira, natural de Redondela, quen casaría con Luis Amado de la Riega, natural de Pontevedra, e que constaba como empregado. Serían pais de Luis Gustavo Amado Carballo (N. Pontevedra, 2-5-1901), máis coñecido como Luis Amado Carballo, poeta ao que lle adicaron o Día das Letras Galegas en 1982. Por parte de pai emparentado co tamén escritor Celso García de la Riega.

Luís Amado Carballo. Biblioteca Virtual Galega
 

        A primeira aproximación a unha biografía de Luis Amado Carballo sería publicada no xornal La Zarpa o 8 de setembro de 1929, no artigo “Amado Carballo. Datos biográficos” firmado por “X”. Se cadra o autor sería o redondelán Casto Sampedro que acostumaba firmar os seus artigos como “X” ou coas súas iniciais “C. S.”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sampedro-folgar-casto-antonio-redondela.html )


Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Contribución á biografía de Amado Carballo: Algúns datos inéditos e un poema non recopilado. Aurora Marco. Grial. Revista Galega de Cultura. Nº76. Abril-Xuño de 1982.

Historia y memoria de la educación. Sociedad Española de historia de la Educación. Universidad nacional de educación a distancia. Nº1, 2015

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Correspondencia de España, 1879-1884 Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración,La Ilustración Gallega y Asturiana.

Arquivo Universidade de Santiago>14-11-1879>F.U. ENSEÑANZA PRIMARIA, Caja 132, Porción 3ª, Ayto. de Redondela

Arquivo Deputación de Pontevedra. Censo electoral. Redondela (1883).