Neste apartado veremos a
evolución no tempo das instalacións deportivas e como se lle deu
prioridade para a súa construción aos dous principais núcleos de
poboación do concello, Redondela e Chapela.
Campos
de fútbol.
O primeiro lugar onde se
practicou o fútbol en Redondela foi a Xunqueira, que se empregou
durante 18 anos. Este campo sufría continuos asolagamentos, polo que
tan só se podía empregar no verán, xogando o resto do tempo nunha
zona con árbores. Outro problema é que era o lugar onde se
celebraban as feiras polo que antes de adestrar ou celebrar un
partido había que limpar e tapar fochancas. Nestes primeiros anos os
equipos infantís tamén empregaban a explanada da Ribeira.
Partido do
Redondela F. C. no campo de Petán en 1926.
Recoñecido o xogador da dereita, Jesús Figueroa. Foto Pacheco.
|
En 1924 fúndase o
Redondela F. C.
que se atopa coa imposibilidade de disputar os partidos oficiais en
Redondela por non contar cun terreo de xogo regulamentario. Vese por
tanto na obriga de construír un campo en terreos alugados aos donos
do pazo de Petán. A obra financiouse cunha porcentaxe da recadación
das entradas e coa venda de accións de 25 e de 5 pesetas. O
primeiro partido amigable celebrado neste campo xogouse o 28 de
setembro de 1924 contra o Athletic de
San Lorenzo, de Vigo, vencendo o noso
equipo 3-2. A inauguración oficial sería o 5 de outubro, cun
encontro entre o Redondela F. C.
e o Comercial
de Vigo, gañando os locais 4-3 e proclamándose campións da Serie C
sen perder un só partido.
Nesta época son
varios os clubs que non contaban con terreo de xogo. Entre eles
destacaba o caso do Alfonso XIII,
de Pontevedra, no que militaron varios redondeláns. Proclamado
varias veces campión da Serie B non se lle permitía ascender por
carecer de campo propio. Por contra, en 1928 permíteselles aos
equipos vigueses participar na Serie B inscribindo como propios
campos da península do Morrazo. Esta decisión federativa provoca
que o Redondela F. C., que
estaba a construír un equipo con serias aspiracións de ascenso,
renuncie a xogar a Serie B. Ante a perda de interese por non contar
cun club no campionato federado, o campo péchase en 1929 e non se
reabrirá ata 1940.
En 1945 nace o C.
D Redondela. Unha das primeiras medidas
desta sociedade é construír o campo de Santa Mariña. En realidade
o proxecto inicial era demasiado ambicioso, incluía campos de
fútbol, un de baloncesto e un velódromo onde celebrar probas
ciclistas e de atletismo. As limitacións económicas reducirían as
pretensións a un só campo de fútbol, chamado de Santa Mariña polo
barrio onde se situou. O traballo consistiu en levar terra dende o
monte da Telleira ata o fondo da Marisma, para este fin empregáronse
padiolas e dous carros de cabalos alugados polo Concello (un deles
propiedade de “Loreto”).
O traballo foi realizado polos propios xogadores coa axuda de amigos
e veciños. A localización deste campo provoca continuos
asolagamentos por mor das subidas da marea.
O seguinte equipo titular
da vila, o C. D. Choco, fundado en 1953, acomete obras de
mellora, no verán de 1958, que incluían o peche do recinto. As
obras realizáronse grazas ás achegas tanto individuais como dos
diferentes colectivos da vila. Pouco despois, no inverno de 1959 unha
tormenta derruba parte do muro e o terreo de xogo volve a encherse de
auga. Os problemas do campo coas mareas continuarían ata os anos 80,
cando o derradeiro recheo sepultou dous chanzos da bancada. A
mediados desta época tamén se construiría o campo anexo, para as
categorías inferiores, e que tras a súa remodelación no 2015
recibiu o nome de Manuel Conde Docampo como homenaxe ao fundador do
clube Casa Paco, posteriormente chamado Grupo C. P. 81.
A principios dos 90 as melloras continúan coa edificación dos novos
vestiarios. Nos primeiros anos do século actual dotaríase de
céspede artificial, e no 2012 sería totalmente reformado.
Non sería ata finais dos
anos 60, cando se empeza a construír campos nas demais parroquias,
grazas á colaboración veciñal. Hoxe en día contamos con campos
en: Cabeiro, Cesantes, Chapela, Reboreda, Redondela, Saxamonde,
Trasmañó, Ventosela e Vilar de Infesta. Habería que matizar aquí
que os de Cabeiro, Saxamonde, Trasmañó e Ventosela carecen de
equipo federado e o de Reboreda practicamente non se emprega dende a
desaparición do equipo titular. O campo Parada (Chapela) foi o
segundo en ser dotado de céspede e está proxectado que o do
Cesantes sexa o seguinte.
1975,
inauguración do campo de Reboreda. Foto cedida por Silvia Roza.
|
As primeiras
referencias da práctica do fútbol en Chapela datan dos anos 30,
competindo daquela en campos de Vigo, como o de Barreiro e A Florida.
Existen noticias de partidos de categorías inferiores en terreos da
factoría Copiba alá polos anos 40. Na
década seguinte, tamén se xoga no campo de Domaio, no que chegan a
organizar varios campionatos. Nesta época tamén empregan o de Santa
Mariña, aínda que tan só de forma esporádica, para adestrar e
xogar algún amigable. Os equipos de Vilar de Enfesta, como os de
Chapela, xa xogaban en Vigo alá polos anos 40.
No tocante ás
demais parroquias, unha noticia de 20 de marzo de 1932, déixanos
constancia da disputa dun encontro no campo de Cesantes, entre o
Alvedosa
de Reboreda e o Alegría
F. C. de Cesantes. Este terreo de xogo
podería corresponderse co da praia da Punta, lugar onde se xogaba ao
fútbol ante a falta de campos, xa que por proximidade se adoitaba
empregar o de Santa Mariña. Cesantes, sería a única parroquia que
chegou a contar con dous terreos de xogo, o do C.
D. Cesantes e
o do Arenas
de San Simón, este último construído
en 1971 e reconvertido actualmente en espazo de lecer con randeeiras
para os cativos e pista polideportiva.
Hai anos tamén existiu
un terreo de xogo na parroquia de Cedeira, no lugar onde en 1980 se
construíu a escola. Daquela iniciaríanse as obras dun novo terreo
de xogo pero nunca se chegou a rematar.
O Pozo e a dársena da
Ribeira.
A principios dos
anos 30 comézase a practicar a natación e o wáter-polo na dársena
da Ribeira. Nos anos 40 coa creación do C.
D. Redondela, seguíase a practicar a
natación no mesmo lugar pero o wáter-polo, pola pouca profundidade,
pasou a xogarse no lugar coñecido como “O
Pozo”. Os membros do equipo debían
colocar e recoller os flotadores e as porterías. Os rapaces
adestrábanse nadando contra as correntes da Marisma, o que os levou
a conseguir moitos éxitos. Os máis novos tiñan prohibido bañarse
no Pozo, polo seu perigo. Para seren autorizados debían pasar unha
proba que consistía en cruzalo ida e volta acompañado de dous
adultos.
Xullo de
1933. Partido de waterpolo Nautilus-Albatros.
Foto
publicada en “Bodas de Oro. Antonio Ocampo”.
|
Actualmente pode parecer
estraño practicar estes deportes no mar, pero daquela era máis
habitual do que pensamos. Ata a construción a finais dos anos 60 da
piscina do Club Náutico de Vigo, tan só A Coruña contaba con este
tipo de instalacións. As marcas conseguidas en auga salgada non eran
homologadas, polo que tan só eran oficiais as conseguidas polos
nosos nadadores na Coruña cando acudían aos campionatos galegos. A
primeira piscina cuberta de Galiza sería tamén inaugurada en A
Coruña en 1967.
O segundo problema
chegaría nos anos 60 coa popularización da técnica de somerxerse
dando unha reviravolta para facer a virada. Practicala no mar era
imposible xa que calquera tipo de soporte se enchía de algas
patinando os pés ao tomar impulso. Isto supuxo unha gran desvantaxe
para os nosos deportistas, chegando a deixarse de practicar estes
deportes na nosa vila. A situación trocaría coa inauguración da
piscina municipal en 1998, co nome de José Bernardo Núñez Estévez
"Colón", destacado nadador nos anos 40 e 50. En 2014
entraría en funcionamento a piscina de Chapela.
Deportes de salón.
Tenis de mesa,
xadrez ou billar son deportes que se popularizaron por poder xogarse
nos locais sociais independentemente do tempo que fixerse e con pouco
investimento. Comezan a practicarse nos anos 30 no
Centro Recreativo Republicano. Seguiríanlle,
nos 40, o C.
D. Redondela e, a partir dos anos 50, o
Centro
Recreativo y Cultural de Redondela
e o Circulo
Cultural Recreativo de Chapela.
Ximnasio.
Nos anos 40,
Redondela contaba cun local chamado “El
Coreano” onde se adestraban os
boxeadores da vila. Estaba situado na planta baixa dunha casa da rúa
da Prata, onde posteriormente abriría as súas portas o Pub
Venus.
Uns cincuenta anos
despois, constrúese un ximnasio municipal a carón do pavillón, que
era empregado polos equipos de traíñas, balonmán e fútbol de
Redondela. A mala xestión provocou a “desaparición”
da maior parte do material e o abandono
das instalacións que actualmente están destinadas a outros servizos
municipais.
Pista
da Xunqueira.
Faro
de Vigo, 1978
|
Pistas polideportivas e
pavillóns.
A
constitución dun equipo de balonmán por parte da Sociedad Atlética
de Redondela, consegue a construción en 1965 da pista de cemento da
Xunqueira, nunha obra que incluía vestiarios. Ademais de balonmán
alí practicábanse outros deportes como hóckey en patíns, tenis...
A finais daquel mesmo ano o club tentaba conseguir a iluminación
para poder adestrar de noite, instalándose pouco despois uns farois.
En outubro de 1969 convértese esta pista en polideportiva,
colocándose balados para poder practicar o hóckey en patíns.
Naqueles anos tamén contaba cun marcador de metal de máis de dous
metros de alto, pero carecía de bancadas.
Habería que agardar a
1.980 para a construción do pavillón de Redondela. Precisamente, a
finais desta década constrúense dúas pistas polideportivas de
asfalto a carón do pavillón. Estas pistas serían trasladadas anos
despois á localización actual xunto ao campo de Santa Mariña, por
mor da construción da piscina municipal.
En Chapela, que é a
outra parroquia onde se practica o balonmán, xogábase no campo do
Piñeiral do Crego, inaugurado en 1967. O pavillón de Chapela
construíuse a principios dos anos 90, pouco antes do ascenso á liga
Asobal do seu equipo titular. En novembro do 2018 o pleno do Concello
aprobou darlle o nome de Manuel González Soto, quen durante corenta
anos foi xogador, adestrador, directivo e presidente do club de
balonmán. Persoa que anteriormente xa fora recoñecida coa medalla
de ouro da Consellería de Deportes e da Real Federación Española
de Balonmán. O acto no que se faría efectivo o nomeamento
celebrouse o 30-3-2019. A súa figura tamén sería homenaxeada na
Gala do Deporte Feminino Galego 2018.
Logo
construiríanse pequenos pavillóns sen bancadas en Reboreda, nos
anos 90, e Vilar, en 2009. En 2015 remátase a construción do novo
pavillón de Redondela, chamado A Marisma, e en 2017 ábrense ao
público as pistas de pádel. A finais do 2018 comeza a construción
da pista de skate e a de baloncesto.
Autor: J. Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Antonio Ocampo Otero. Doctor en
Medicina y Cirugía. Bodas de Oro(1939-1989). Autobiografía.
Caderniños do Instituto de Chapela.
Coordenador: X. M. González Fdez. Nº1. As festas do Corpus en
Redondela (1875-1975). Nº3. O deporte no sur da provincia de
Pontevedra.
Chapela de onte a hoxe. Gonzalo
Mencía Castro. Ed. Xunta de Galicia.
Galeguismo e sociedade na Redondela
da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.
Redondela, crónica dun tempo
pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo
Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.
Seren Nº0 . A Sociedade Atletica
Redondela. Miguel López Docampo
Historia
del Tenis de MesaVigo-Galicia.
Mari
Paz López, 2011.
Aportacións: Sebastián Fernández,
Manuel Migueles, José Blanco Puga.
Prensa Local:
La Idea.
Nº194, 264 e ano 1910 (Nª419-510).
El Pueblo.
Nº318, 330, 334 e 345.
La Propaganda.
Nº22.
Outros xornais:
ABC
El Mundo Deportivo
Faro de Vigo
En
Galiciana-Biblioteca
Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El Compostelano (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires),
La Noche, El Noticiero Gallego (Pontevedra), La Opinión
(Pontevedra), El Progreso (Pontevedra), El Pueblo Gallego (Vigo),
Vida Gallega
No hay comentarios:
Publicar un comentario