Finais s. XIX - Inicios s. XX
Para comezar a falar de teatro en Redondela temos
que remontarnos ao século XVIII, cando xurde a figura de Sebastiana
Rosa Pereira "La
Gallega".(Ver
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sebastiana-rosa-pereira-la-gallega-s.html
)
A primeira
representación teatral que atopo na nosa vila é, en 1880, cando
actúa durante dous meses na sociedade Unión Redondelana a compañía
do Sr. Egea, representando obras como "Jorge el armador"
ou "Don Juan
Tenorio". Isto supuxo
para o Faro de Vigo unha lección do fomento da cultura, xa que esta
mesma compañía non se mantivera en Vigo nin quince días.
Consultando
o traballo de varios historiadores, considérase que a finais do
século XIX fórmanse os primeiros cadros de declamación en Galicia.
Polo que respecta a Redondela, nun xornal de abril de 1880 coméntase
que “un grupo de afeccionados
atópase ensaiando”.
En maio de 1897, o cadro de zarzuela
dirixido por Emilio Muñoz, que traballa en Redondela, fai o seu
debut en Ponteareas con “La leyenda
del monje” e outras obras. En
novembro dese ano unha sección de afeccionados de Redondela
representan as comedias “En el
garlito” e “No
hay mujeres”, do pontevedrés Antonio
Fernández Arreo.
Cadro do Centro Científico
Deportivo, 1913. Zarzuela "Molinos de Viento".
Foto publicada en Redondela.
Crónica gráfica dun pasado recente. María A. Leboreiro Amaro.
|
En plena Guerra de
Cuba, abril de 1898, a sección lírico-dramática de afeccionados
proxecta dar unha función para contribuír ao aumento da flota
naval.
A
principios do século XX, o teatro afeccionado foi promovido polos
diferentes colectivos de Redondela. Ata o de agora atopei que seis
destas sociedades contaban con cadros de declamación: Centro
Científico Deportivo,
Círculo Católico (dirixido
por Generoso Muíños e a parte musical corría a cargo do mestre
Sotomayor), Casino,
Liga Popular
e Círculo Recreativo,
todas de Redondela; e a Sociedad
Agraria de O Viso (creada
no inverno de 1923 polo mestre Claudio Sotelo Loureiro).
As obras celebrábanse nos salóns destes colectivos ou en cines e
salas privadas, como o Hotel España ou o Salón Míguez.
En
1930 a sociedade Veira d’o mar
organiza un cadro de declamación que
contaba con sección infantil. O nome de Veira
dó mar é o título dunha das obras de
Reveriano Soutullo,
compositor nado casualmente en Ponteareas e criado en Redondela que
foi un dos grandes culpables da popularización na nosa vila das
zarzuelas, pasodobres...
Lonxe
da nosa vila o Centro de Redondela y su
distrito, en Buenos Aires, celebra o 29
de maio de 1932 a Festa da Coca cun festival no que se representou a
revista “Redondela enxebre”.
Buenos Aires. Centro de Redondela y su distrito-"Redondela Enxebre", 1932. Vida Gallega |
Posguerra. Anos 40-50.
Despois da guerra, sería Amado González
Cardama,
asesor de propaganda da Organización
Juvenil de Falange o que fomentou
a creación do Cadro de Declamación de
Educación y Descanso, dirixido polo
procurador Bernardo Fernández Esteiro. Con
reorganizacións de por medio a iniciativa duraría duraría tres
anos, entre 1940 e 1943. No
seu programa estarían
obras como: “Lo
pasado o concluído
o guardado”, “El Hogar” ou
“La mala ley”. Tería continuación co Grupo
Teatral do Frente de Juventudes que
daría algunha actuación a inicios dos 50.
Tamén destacar o
labor de mestres que desinteresadamente inculcaron o teatro aos máis
novos. É o caso de Paulina Sánchez, que a mediados do século XX
organizaba zarzuelas, teatros, ballet...
Teatro de doña Paulina Foto
Mestras de Redondela. 1900-1945. Ed. Asociación de
Mulleres Xanela.
|
En
1955, nace a Agrupación Teatral
Redondela, dirixida por Mario Reboredo
e con Víctor
Ureña ao piano, tamén contaba con sección de ballet.
En
decembro de 1955, prepárase o Cadro de
Declamación do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, que
se atopa ensaiando a zarzuela “Los
Claveles”. Este grupo volta a
re-fundarse en decembro 1958, representando “Los
marqueses de Matute”. O reparto
estaría formado por Mª Carmen Muíños Lamas, Fita Brea Acosta,
Carmela Martínez Muíños, Mª Rita e Severo Rivas Tojeiro, Mª del
Carmen C. Alfonso, Mª de los Dolores L. Urtaza, Lamberto Reboredo
Rodríguez, Laureano e Francisco Araujo Martínez e Carlos Alonso
Martínez; sendo dirixidos por Mario Reboredo Rodríguez e apuntados
por Diego San José.
1957 Actuación no teatro García Barbon Foto: Ro S Montero |
Un
pouco antes, en Buenos Aires (Arxentina) os redondeláns alí
establecidos fundan o Cuadro Vocacional
Redondela. En 1955 presentan a obra
“Rocas y sangre”
escrita polo autor redondelán Conde Alvedosa. Forman o grupo: Severo
Míguez, Jorge Bujones, Francisco Cayetano, Donato F. Ron, Jesús
Fernández, Manuel Cayetano, Olga da Riva, Elvira Rodríguez, Zulema
Paz, Nora da Riva, Flor Moysi e Silvia da Riva.
Buenos Aires, 1955. "Rocas y Sangre" do autor redondelán Conde de Alvedosa. Foto cedida por Luisa Cayetano |
Finais do s. XX e Actualidade
O
Centro Recreativo y Cultural de Redondela ao que se foron sumando os
diferentes centros parroquiais, veñen sendo un punto de apoio ao
teatro afeccionado
en Redondela, creando as máis das veces os seus propios grupos
teatrais. Destacar aquí o traballo
de Suso Ben, que crea os grupos de teatro
Disonada
(1989) e Os
Viaductos (1996),
e Máximo, mestre do Instituto Mendiño,
que formou varios grupos teatrais cos seus alumnos.
No 2012 abre as
súas portas a Sala Discotasca, local no que o teatro ocupa unha
parte
importante da súa programación, máis a experiencia dura apenas un
ano. Precisamente nesta sala Paulo Medal, acompañado por Almudena
Zurita e Fran Machado, presenta Impro K-Baret.
Xandre
Vázquez, natural de Vigo pero con familia en Redondela, fundou a
compañía Educateatro,
sendo o produtor da mesma. Despois de debutar con Os
tres porquiños no 2015 estrea a súa
segunda obra, Carapuchiña Vermella, á
que seguirá Pinocho,
obras
estas dirixidas ao público infantil e con contidos pedagóxicos.
En
febreiro do 2016 a compañía local Escuadra17
Teatro,
da que tamén forma parte Paulo Medal,
presentou
a obra infantil O
Camiño de Santiago. No
2017 bota a andar unha nova compañía Monifate
Teatro coas
obras Maxín
e A
Espera.
A
todos estes habería que engadir outros grupos de teatro afeccionado
formados en centros recreativos, centro da terceira idade, escolas e
institutos; ademais
dos logros individuais como veremos máis adiante. Nos derradeiros
anos danse clases de teatro na Asociación Cultural y Social de
Chapela, o que deu pé ao nacemento da compañía Misturar
T e
a celebración do Festival
de Teatro Afeccionado.
Mención a parte merece a compañía de monicreques Tanxarina.
Esta compañía
foi
fundada
no 1983 por Esther Cabacés, Eduardo Rodríguez (Tatán),
Elías Araujo e Marga Maderal. Desta primeira formación tan só
continúa Tatán
acompañado
de Miguel Borines, dende 1984, e Andrés Giráldez. As súas
actuacións ademais
de percorrer numerosas cidades españolas leváronos a actuar en
varios países tanto de Europa como de América. Como veremos máis
adiante os seus integrantes compaxinan esta actividade coa
participación en teatro, cine e televisión. Tanxarina recibiu entre
outros os premios Xeración Nós, Xiria (a mellor actividade teatral)
e María Casares.
Disonada Teatro Foto cedida por Xesús C. Ben |
Os Viaductos Foto cedida por Xesús C. Ben |
Facebook Tanxarina |
Algunhas actuacións
Actuacións de grupos
de teatro afeccionado de Redondela
Algúns exemplos
de actuacións de afeccionados da nosa vila serían os seguintes:
1910,
xaneiro. O Cadro de Declamación do Centro Científico Deportivo
atopábase ensaiando as seguintes obras: Sin
vacaciones, Pido la palabra e Parada
y fonda; co fin de presentalas na
Sociedade de Agricultores de Teis. O 1 de maio dese ano actuaron
tamén no Liceo de Artesanos de Porriño.
1910, febreiro.
Traballábase para formar o Cadro de Declamación do Casino que
estará formado por distinguidas señoritas. Ademais anúnciase que
se farán obras no local de o Casino co fin de poder representar
obras teatrais
1910,
febreiro. O sábado de entroido no Círculo Católico representáronse
varias obras. Na comedia “Ganarse la
vida” destacou Lupita Sampedro. Tamén
estiveron acertados nos seus papeis o señor Muíños Arines e os
nenos Manuel Cacheiro, Pedro Otero e Pedro Fontenla. A zarzuela Dios
premie la caridad estivo interpretada
por Teresa Torrado, Lilita Ibáñez, Josefina Somoza, Sagrario Mos,
Carmen Bermúdez e varias nenas que formaban o coro. Para rematar, La
tía lechuza foi protagonizada por
Lilita Ibáñez, completando o reparto María Amoedo, Teresa Torrado,
Raquel Mos, María Díaz, Lupe Sampedro e Josefina Somoza. O mestre
Sotomayor acompañou ao piano á señora Ríos, que cantou Una
canción gitana da zarzuela de
Gaztambide, El estreno de una artista
e Penso de
Tostti. Ao luns seguinte tamén houbo teatro no Círculo Recreativo.
1910, 20 de
febreiro. A Asociación de Mariñeiros organizou unha velada
artística, literaria e musical no Café América, en beneficio das
familias duns mariñeiros que naufragaran en Bouzas, recadándose 900
pesetas. O programa foi o seguinte:
- Presentación a cargo do avogado Juan Amoedo Seoane.
- Rondalla
- Poema por Manuel Lustres Rivas, redactor de Faro de Vigo.
- Diálogo cómico “Un duelo pared por medio”, polos sres. Severo Rivas Gómez e Ramón Rodríguez Cabaleiro.
- Poema por Avelino Rodríguez Lustres, redactor de Faro de Vigo.
- “Pido la palabra”, comedia, polos señores Crespo Álvarez, Telmo Bernárdez, Lafuente, Maximino Táboas y Mos.
- Rondalla.
- “La huelga de los herreros”, monólogo por Juan Amoedo Seoane.
- “Parada y fonda” polos rapaces que forman o cadro de declamación do Centro Científico Deportivo (Eulogio Padín Lorenzo, Antonio Bernárdez Santomé, Jaime Mos y Francisco Criado).
1916 Círculo Recreativo-"Don Juan Tenorio". Vida Gallega |
1910, 13 de marzo.
Celebrouse unha función teatral no Café América.
1910,
abril. No Centro Científico Deportivo puxéronse en escena
os xoguetes cómicos Las dos infancias
e Noche toledana
e o monólogo Tío Gervasio.
Tamén actuou a rondalla.
1910, maio. Velada
teatral no Círculo Católico. Para recadar cartos para a festa da
Coca, no Café América houbo comedias, poesía e actuacións da
rondalla.
1910, outubro.
Puxéronse en escena varias comedias no Círculo Católico. Nos
entreactos, o mestre Marcos Sotomayor interpretou varios temas ao
piano.
1910,
30 de outubro. O Centro Científico Deportivo organizou unha velada
no Café América no que actuou o cadro de declamación desta
sociedade, co que actuaron mulleres por primeira vez. Puxéronse en
escena as
comedias Ojito derecho (Celsa
Sánchez Cadavieco, Carmen Muíños, Ramón Muíños, Casiano Crespo,
José Taboas Pardo, Ramón Otero e Leodegario Bujones), dos irmáns
Quintero, e Entre doctores
(José Taboas, Ramón Otero e Leodegario Bujones), dos señores Abate
e Díaz. Ramón Rodríguez recitou o monólogo
El Indulto. Tamén participou a
rondalla Armonía, dirixida por Marcos Sotomayor. Interpretou o
pasodobre Cabo primero,
o vals-boston Cuando el amor muere,
o fado Liró
e a mazurca Gloria a las mujeres.
O propio Sotomayor tocou o piano que acababa de mercar esta sociedade
acompañado por un violinista de Vigo. Para rematar, o baile
prolongouse ata as tres da mañá.
1910,
decembro. O Centro Científico Deportivo organizou un festival no
Café América no que participaron a Banda Municipal e a Rondalla.
Levouse á escena
a obra cómico-lírica
Los
Africanitos. Outra obra, Los
tres, estivo tan ben interpretada por
Soledad Rodríguez, José Táboas e Jaime Mos, que tiveron que
repetila. Outros actores que participaron foron: Adelaida Rodríguez,
Ramón Rodríguez, Leodegario Bujones, Manuel Pérez e Bernardino
Míguez. O coro estivo composto por Arcadia Pérez, Josefa
Villanueva, Saladina Sanmartín, Celsa Sánchez, Carmen Muíños,
Otilia Fervenza, María Rodríguez, Camilo Figueroa, Augusto Míguez,
Roberto Sánchez, Casiano Crespo, Manuel Comesaña, Manuel López e
Manuel Crespo. O diálogo O miñato e
mais a pomba interpretado por Carmen
Muíños e José Taboas. E a zarzuela Como
está la sociedad. Os mestres de música
e escena foron
Marcos Sotomayor e Tomás Lago.
1910,
decembro. No Círculo Católico representouse a zarzuela La
lámpara de la virge, actuando as
señoritas: Elena Cacheiro, Ester Cacheiro, Felisa Pozo, Ramona
Fernández e María Arines; os homes: Eduardo Cuntín, Manolo
Cacheiro e Rafael Cacheiro; e no coro as nenas e nenos: Mercedes
Cacheiro, María Muíños, Soledad Sánchez, Paulina Sánchez, Carmen
Bermúdez, Justa Mos, Hermitas Mos, África Otero, José Lago e
Álvaro Sampedro. A comedia Avisos del
cielo (Elena Cacheiro e Álvaro
Sampedro). O sainete Miedo ridículo
(Eduardo Cuntín, Severo Rivas, Ramón
Lafuente e Manolo Cacheiro).
Buenos Aires. 1932, Centro de Redondela y su distrito. Vida Gallega |
1911,
febreiro. O Centro Deportivo de Redondela programou unha velada
dramática na que se levou á
escena Las
Campanadas e La
leyenda del beso.
1912,
xaneiro. A petición de moitos socios no Círculo Católico,
dirixidos por Generoso Muíños e coa colaboración do mestre
Sotomayor, representouse a zarzuela Los
tres gorriones interpretada pola
Srta. María Arines, os señores Rivas e Lafuente e a xóven
Manuela Barros. O coro de doncelas estaba formado por Lucila Serín,
Merceditas Cacheiro, Eufrasia Escariz, Beatriz Pérez, África Otero,
Pilar Otero e Purita Arines. Completouse o programa coas zarzuelas El
maldito dinero e Torear
por lo fino, postos en escea por:
Ramona Otero, María Arines, María Sánchez, Manuela Barros, Sr.
Lafuente, Sr. Rivas, Manolo Cacheiro, Sr. Adán, Fermín Arines e Sr.
Cuntín.
1912.
Un cadro infantil de declamación ofrece unha velada teatral para
recadar fondos para a Festa da Confraría do Señor de Vilavella. O
mesmo farían os cadros do Círculo Católico e Centro Científico
Deportivo que colaboraron coa
Festa da Coca.
1912,
novembro. O Círculo Católico organizou unha velada na que se
representaron: El gorro frigio, Los
asistentes e La
viejecita; sendo moi aplaudidos todos
os artistas. Formaban o cadro de declamación as señoritas María e
Pura Arines, Barros, Escariz, Soledad, Josefina e Ernestina García,
Pilar e África Otero, Abalde e Pérez; e os señores Eduardo e
Evaristo Cuntín, Ramón e Fermín Arines, Villaverde, del Campo,
Leirós, Adán, Becerra, Soto, Sánchez e outros.
1913,
maio. O Centro Científico Deportivo representou no Circo
Teatro da praza de Vicenti, en
Pontevedra, as obras: Molinos de viento,
Amor ciego e
La huelga de los herreros.
1914,
outubro. Os socios do Círculo Católico atopábanse ensaiando a
zarzuela Los Madgyares,
que habería de representarse na inauguración do seu novo local.
1915. No Centro
Científico Deportivo púxose en escena
a zarzuela Maña de los ángeles
dirixida polo profesor Sr. Velaz e interpretado por África
Cabaleiro, José Martínez, Benita Otero, Ramón Rodríguez, Aurelio
Adán, Juan Docampo, Eulogio Padín e Antucho Bujones. En setembro
dese ano no mesmo centro actuou a compañía de zarzuela e opereta
dirixida polo Sr. Sanz.
1916, maio. No
Centro Científico Deportivo celebráronse dúas veladas teatrais,
sendo posta en escena La Tosca polo cadro de declamación
desta sociedade. O salón quedouse pequeno e nas dúas funcións os
rapaces foron moi aplaudidos, distinguíndose á moza África Otero
no papel de Tosca, e os mozos Josesito Táboas e Antonio Bernárdez.
1916, 16 de
novembro. Despois de suspenderse a función no Círculo Recreativo
por afundirse unha grada, dous días despois volveu a poñerse en
escena o drama de Zorrilla Don Juan Tenorio. Actuaron con
éxito: Pura Arines, Beatriz Pérez, Maruja Muíños, Peregrina
Pazos, Joaquín Martínez, Joaquín Sánchez, José Patiño, Isaac
Cortizas, Jesús Miñán, Celso Pazos e Severo Rivas.
1916, 21 de novembro. O cadro de declamación do Centro Científico
Deportivo da dúas funcións representando El coro de señoras e
El tambor de granaderos. Na
primeira zarzuela o
coro de señoritas
Carmen Concepción, Trina Tuche, Elia Viruleg e Amalia Escariz,
estiveron maxistrais nos seus papeis, como Antonio Bernárdez,
Antonio Bujones, Manuel Pena, Ramiro Cantero e Aurelio Adán. En
El Tambor de Granaderos
Carmen Concepción amosou unha vez máis as súas actitudes
artísticas, véndose na obriga de repetir o seu solo. Tamén o
fixeron admirablemente Trina Tuche, Concepción Méndez, Antonio
Bujones, Ramiro Cantero, Antonio Bernárdez e Jaime Mos.
Pola
súa banda o cadro dramático do Círculo Recreativo desprázase a
Arcade para representar La Pasionaria.
1916, decembro.
Velada
teatral no Centro Científico Deportivo a prol dos máis necesitados.
O cadro dirixido por Marcos Sotomayor, representou as zarzuelas "Los
chicos de la escuela" e
"El tambor de
granaderos". Actuaron
Carmen Concepción, Trina Tuche, Concha Méndez, Elia Virulegio,
Benita Otero, Antonio Bujones, Pepe Martínez, Cantero, Aurelio Adán,
Jaime Mos e o mozo Tomás Docampo. O director da banda de Arcade, Sr.
Romay, dirixiu a banda de cornetas.
1921,
8 de decembro. O sacerdote Manuel Martínez e o procurador Generoso
Muíños
organizaron un festival para recadar fondos para o
Aguinaldo del soldado. Celebrouse
no Círculo Recreativo e actuaron o cadro de declamación e un novo
orfeón dirixido polo propio Manuel Martínez. A cantidade acadada
ascendeu ás 324 pesetas.
1921,
19 de decembro. Celebrouse no Círculo Recreativo unha velada teatral
a prol dos pobres. Púxose de novo en escena
Cristobalón
e o xoguete cómico en dous actos Un
drama de Calderón, de Muñoz Seca e
Pérez Fernández. Actuou tamén o orfeón interpretando cancións
tradicionais galegas e Canción del
soldado.
1921,
19 de decembro. No Centro de Mariñeiros celebrouse unha velada a
beneficio do "Aguinaldo do Mariñeiro". No festival
participaron o orfeón da vila e un coro formado por fermosas
rapazas.
1922, febreiro. Celebrouse unha función na Liga
Popular a beneficio da Asociación de Beneficencia. As obras postas
en escena foron
Flor de los Pazos, Cartas son cartas y
papeles son papeles e El
brazo derecho. O grupo de intérpretes
afeccionados estaba formado polas señoritas: Maruja Mandado,
Marcelina Docampo, Paulina Sánchez, Esmeralda Cal e Isabel Villar; e
os xóvenes: Ramón Feijoo, Antonio Bujones, Paulino García, José
Lago, César Campos, Pío Baltar, José Docampo, Amado Picón e o
neno Bernardo Sánchez.
1922, marzo. No
Círculo Recreativo, en marzo o cadro de declamación puxo en escena
o drama de José Echegaray, De mala
raza. Tomarán parte na velada o orfeón
da vila e un terceto de piano, violín e frauta, que actuará nos
entreactos.
1922,
setembro. Actuaron no Balneario de Mondariz o orfeón e o cadro de
declamación do Círculo Recreativo, xogándose ademais
un partido de fútbol
entre un equipo de Redondela e outro daquela vila. O cadro
interpretou o drama De mala raza e
o diálogo Macanás no más.
1922, novembro. No
salón do Círculo Recreativo de Arte y Cultura, celebrouse unha
velada teatral a cargo do cadro de declamación poñéndose en escena
o drama de José Zorrila, Don Juan Tenorio.
1922,
decembro. O cadro de declamación da Liga Popular deu comezo aos
ensaios do drama de Dicenta, Juan José,
que foi representado a prol dos pobres. Os principais papeis serán
interpretados polos Sres. Taboada e Campos, e as simpáticas Carmen,
Concepción e Concha Docampo.
1922, decembro. O
cadro de declamación do Círculo Recreativo tamén ofreceu neses
días unha función teatral a beneficio dos máis necesitados.
Leváronse a escena
as comedias La cartera del muerto
e Noticia fresca.
Destacaron nos seus papeis Carmen Casal e os señores: Martínez e
Bujones Baltar.
Zarzuela, sen data. Arquivo J. A. Xesteira |
1923,
outubro. Comezaron os ensaios do Cadro de declamación do Círculo
Recreativo, dirixido por Generoso Muíños Arines. A finais dese mes
levouse a escena
a comedia En clave de sol.
En novembro teñen que aprazar
a representación do drama de Zorrilla Don
Juan Tenorio por enfermidade do actor
afeccionado
Joaquín Martínez. A obra é un éxito polo que volve a
representarse en Redondela e estréase en Porriño, onde xa teñen
actuado en varias ocasións.
1924,
xaneiro. O cadro do Círculo Recreativo representou: La
mala ley e Tranquilo
y sereno.
1924, febreiro. Fundouse a sociedade Redondela
Foot-ball Club, no mesmo local que
ocupara a Liga Popular. Ese
mesmo mes, púxose en escena
a obra do poeta santiagués San Luis, titulada O
fidalgo.
1924, marzo. O
Círculo Recreativo programou unha serie de veladas teatrais a cargo
do seu cadro de declamación, representando obras como "La
mala ley", "La
clave de sol" ou "Tranquilo
y sereno".
1924,
maio. O mesmo cadro presenta o drama de López Pinillos, La
otra vida, e a comedia de Vital Aza,
Los dos tocayos.
1924,
xuño. Organizada
pola Xunta de Beneficencia celebrouse unha velada teatral no Círculo
Recreativo poñéndose en escena
"La mala ley" e
"Los dos tocayos".
1924.
De cara ao Nadal preparaba unha velada a prol dos pobres o
recentemente
creado cadro da Sociedad Agraria de O Viso, que estaba dirixida polo
mestre Claudio Sotelo, que ademais
era presidente de dita asociación.
1925, maio.
Celebrouse unha velada na Sociedad Agraria de O Viso, que estivo moi
concorrida.
1925, xuño. O
local da Sociedade de Agricultores do Viso quedouse pequeno para a
cantidade de público que asistiu á velada teatral. Comezou o
festival coa comedia "De
pesca", interpretada
polos nenos Amelia Míguez e Luis Parada. Logo "Macanas
no más",
de Pepe Tafall, estivo representada por Valentín López e Domingo
Giráldez. Despois a señorita Belarmina Cabaleiro e os señores
Porfirio Pereira, Ramón Martínez e Valentín López, levaron a
escena
"La
aficción", de
Piamuga. Finalmente o presidente da sociedade, Claudio Sotelo,
presentou ao querido paisano, Manuel Soto, violinista procedente do
conservatorio D'andrea, de Buenos Aires, que foi acompañado ao piano
polo profesor de música do Colegio
de P. P. Jesuítas, de
Vigo, José Iglesias.
1941-42 Cadro de declamación Arquivo J.A .Xesteira |
1926, abril. O cadro de declamación da Sociedade de Agricultores do
Viso, tributará unha homenaxe ao seu director, o mestre da escola de
nenos desta localidade don Claudio Sotelo Loureiro, ao seu regreso
das oposicións a escolas que se están a celebrar en Santiago.
1926, decembro. Na
escola particular de Erundina Pérez, celebráronse dúas veladas
teatrais ás que asistiron moitas persoas invitadas.
1930,
3 de maio. Actuou o cadro de declamación da sociedade Veira
d’o mar no Salón García a prol das
familias dos náufragos de Bouzas e Redondela. Levouse a escena
o diálogo de Rodríguez Elías, O
miñato e mais a pomba, interpretada
polos nenos Josefina Rodríguez e Generoso Becerra Bujones; e a
comedia de Linares Rivas, Fantasmas.
1940, 21 de novembro. Promovida pola Organización
Juvenil da Falange, representouse no Cine Imperial a comedia de
Linares Rivas Lo pasado, o concluído o
guardado. Interviron as señoritas
Blanquita de Castro Arines, Jesusa Cabaleiro, Gela Vidal Avalle,
Fermina de la Rosa e Maruja Cardalda Táboas; e os mozos Enrique
Couñago, José Paz Villar, Carlos Torrado, Amado González e
Santiago Fernández Soto, sendo apuntados por Serafín Gesteira
Fernández e dirixidos por Bernardo Fernández Esteiro. Tamén
participou a rondalla Los Calaveras. Tivo tanto éxito que houbo que
repetir a función e meses máis tarde sería posta en escena
en Pontecaldelas.
1940, decembro.
Representouse El Hogar
de Fernández del Villar. Actuaron Blanquita de Castro Arines, Jesusa
Cabaleiro, Maruja y Fermina de la Rosa, Maruja Cardalda, Gela Vidal,
Isolinita Míguez e Manolita Pazos; acompañadas por Serafín
Gesteira, Carlos Torrado, José Paz Villar, Enrique Couñago,
Santiago Fernández e Carlos Contreras. Ademais
o xoguete cómico de Vital Aza De tiros
largos, con Blanquita de Castro, Maruja
de la Rosa, Berto Reboredo e Serafín Gesteira, apuntados por Manuel
Míguez.
1941, 30 de marzo.
Interpretouse no Salón Nacional, propiedade de Paulino García, a
obra de Linares Rivas La mala ley
e La leyenda del beso de
Reveriano Soutullo, con
Finita Criado e Juan N. Cardama como figuras e a actuación da
rondalla Los Calaveras.
1942, xuño. Debutan na Sala Parque a
rondalla e o cadro de declamación de Educación y Descanso.
1943, 13 de novembro. O cadro
artístico de Educación y Descanso actuou
no Cine Redondela dando vida á comedia dos señores Paso e Sáez,
titulada ¡Papanatas!. Destacar
o
labor da señorita Lela Otero, que con Pilita Rodríguez e Pablo
Ibarzabal, levou o peso da representación. A festa rematou con un
vals, bailado polas artistas.
1942 Teatro de Acción católica. Foto cedida por J Barciela |
1951, 28 de
decembro. O Concello, en colaboración coas delegacións locais da
Sección Femenina
e o Frente de Juventudes,
organiza un festival no Cine Redondela a prol dos nenos e anciáns
acollidos ao Auxilio Social con motivo da festividade de Reis.
Actuaron os grupos de coros e danzas da
Sección Femenina, e o grupo teatral
e a rondalla do Frente de Juventudes,
completándose o programa coa
proxección dunha película.
1952. Co fin de recadar fondos para a Festa da
Coca escenifícase Los novios de mis
hijas de Leandro Navarro e Un
drama de Echegaray, ¡ay! de Luis
Tejedor e Luis Muñoz Lorente. Actuaron Blanquita de Castro, Olimpia
Conde Garnelo, María de los Ángeles Lueiro Urtaza, Margot González,
Mary López Cardama, Pilarita Iglesias Ribadulla, María del Carmen
Tejo Rodríguez, Lupita Sánchez Míguez, Lourdes, Figueroa Camiña,
Rita Ramonet Figueroa, María del Carmen Blanco Lorenzo, Álvaro
Casal Tuche, Luis Cuntín Táboas, Alfonso Conde Garnelo, Manuel B.
Núñez, Laureano Araújo, Rodrigo Lueiro Urtaza, Jorge Vázquez
Villasanta, Carlos Vázquez Fervenza e Roberto López Hortas;
dirixidos por Mario Reboredo Rodríguez. Actuou a Rondalla de
Educación y Descanso. A obra repetiuse en Porriño.
1954, 18, 19 e 20 de febreiro. Para recadar fondos
para os pobres da vila, celebráronse no Cine Redondela varias
funcións teatrais, poñéndose en escena
a comedia entres actos dos irmáns Quintero, Las
de Caín. A obra foi interpretada por
un conxunto de mozas e mozos da nosa localidade. Completaba o
programa un vello afeccionado que contribuíu
con varios recitais de O Fidalgo.
Actuación nos anos 50. Foto: cedida por M. Migueles |
1955, xuño.
Celebrouse no cine Fantasio a primeira función benéfica da
Agrupación
Teatral Redondela,
dirixida por Mario Reboredo e co acompañamento ao piano de Víctor
Ureña. Representouse
a comedia de Carlos Llopis Nosotros,
ellas y... el duende. Os cantantes
Jaime Tornero e Joaquín Migueles entonaron a romanza La
tabernera del puerto, El
niño judío e varias canción
lixeiras. Pecharon o programa os cadros de ballet que interpretaron
Dominó e
Pavana. O
éxito foi tal que se repetiu a actuación ao día seguinte.
1958, setembro. O cadro de declamación do Centro Recreativo e
Cultural dirixido por Mario Reboredo Rodríguez, puxo en escena Los
Marqueses de Matute.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Galeguismo e sociedade na
Redondela da Segunda República. Lois
Barros. Edicións do Castro.
Arredor de nós. Historia da
Policía Local 1863-2003.
Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
Redondela.
Crónica gráfica dun pasado recente.
María A. Leboreiro Amaro.
Mestras
de Redondela. 1900-1945.
Ed.
Asociación de Mulleres Xanela.
Galiciana-
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El regional diario de Lugo, El Correo de Galicia, La
correspondencia gallega (Pontevedra), El Diario de Pontevedra, Gaceta
de Galicia, Marín, La Noche, El
Noticiero de Vigo, El Pueblo Gallego, El Regional (Lugo), La
voz de la verdad, El ideal gallego,
La Integridad diario católico, El Eco de Galicia.
En Consello da
Cultura. www.consellodacultura.gal:
Céltiga (Buenos Aires)
Faro de Vigo
Aportes Suso Ben e
Luisa Cayetano
No hay comentarios:
Publicar un comentario