lunes, 20 de abril de 2020

Sebastiana Rosa Pereira “La Gallega”. (S. XVIII) Actriz teatral


           Para comezar a falar de teatro en Redondela temos que remontarnos ao século XVIII, cando xurde a figura de Sebastiana Rosa Pereira, actriz coñecida como La Gallega. Destacouse actuando en traxedias e dramas, sendo o seu carácter forte polo que os seus compañeiros lle chamaban “Cara de pocos amigos”. Algúns autores a supoñen nada en Lisboa, pero sempre recoñecendo a súa orixe galega e que viviu nesta comunidade ata que comezou a actuar. O que podemos ter por certo é que o seu pai era Benito Lorenzo Pereira y Castro, natural de Redondela, e a súa nai Felipa Martínez Rosales. Sendo os seus avós paternos Benito Pereira e Sebastiana Pereira, naturais tamén de Redondela.
          Pereira fixo comedias en provincias, ata que en 1754 representou con éxito “Primeras damas” na corte. En 1756 ingresou como primeira dama na compañía de José Parra. Foron anos de actuacións en Madrid na Cruz e no Príncipe, compartindo éxitos con Águeda de la Calle e María Antonia Castro. O 6 de abril de 1760 pasou á compañía de José Martínez Gálvez, con Juan Ángel Valledor como autor. Na Pascua de Resurrección de 1762 Sebastiana Pereira pasou ó Príncipe, tendo como autora a Águeda de la Calle.
           En 1763, a famosa María Ladvenant logrou o posto de autora, favorecida por personaxes influentes. Un grupo de actores, entre eles Sebastiana dirixiron un memorial ó rei. Como resposta a Xunta de teatros encarcerou a Nicolás de la Calle e a Gabriel López Chinita. Se a nosa protagonista evitou a prisión foi porque finxiu estar enferma, chegándose a facer sangrar. Aínda así tomáronlle declaración, formándose o correspondente proceso por desacato. Despois disto non lle quedou máis remedio que irse a actuar ó teatro de Cádiz, que daquela tiña tanta importancia como o de Madrid.
En 1765 volveu á capital aproveitando a retirada de Ladvenant, figurando na compañía de Nicolás de la Calle. Ó ano seguinte, pasou á de María Hidalgo, pola volta da súa rival, na que seguiu ata que en 1771 a supresión dunha das compañías da corte obrigouna a ir a Andalucía. En abril dese mesmo ano volveu a Madrid á compañía de Martínez, na que continuaría ata 1776. Nese ano xa no declive da súa carreira pasa a facer papeis de “sobresalienta”, retirándose definitivamente o 3 de marzo de 1779.
A nivel persoal casou con Antonio Blanco, natural de Balaguer, irmán da cantante Casimira Blanco “La Portuguesa”, actriz da compañía de Parra. Tivo dous fillos: Faustino Ramón e Antonia Blanco, tamén actriz que en 1773 traballou coa súa nai na compañía de Martínez.
 
Autor: Juan Migueles

BIBLIOGRAFÍA
 Don Ramón de la Cruz y sus obras. Ensayo biográfico y bibliográfico. Emilio Cotarelo y Mori
Heraldo de Madrid, El. 03-09-1929
19030710 El eco de Galicia
19030415 El regional. Autor: Narciso Díaz de Escobar
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario