martes, 14 de abril de 2020

Pazos

Casa da Torre. Foto: Juan Migueles, 2008
 
Casa da Torre (Praza Ribadavia-Redondela)
Edificio renacentista de principios do s. XVI fundada pola familia Prego de Montaos. Pasaría despois a ser propiedade dos Condes de San Román.
En 1911 o concello aluga a José Contreras González por 1.400 pesetas a Casa da Torre. Nun principio trasládanse as oficinas municipais, o xulgado de primeira instancia e instrución, e destínase o primeiro andar para a escola pública de nenos. En 1918 a escola abandona o edificio e en 1935 o xulgado fai o propio, quedando a Casa da Torre totalmente empregada para as dependencias municipais do Concello.



Nos anos 50 constrúese a actual Casa do Concello, pasando a Casa da Torre a ser ocupada por unha empresa de autobuses. En 1996 foi adquirida pola Xunta de Galicia, sendo restaurada para adicala a albergue de peregrinos, contando con salas de exposicións e biblioteca. Dende a súa inauguración está exposto un miliario atopado en Cesantes e cedido polo Museo de Pontevedra e, dende 2017, unha colección de cerámica de Sargadelos doada por Adriano Marques de Magallanes. É o único pazo de Redondela aberto ao público na actualidade, todos os demais son de propiedade privada, se ben é certo que o Pazo de Torres Agrelo está adicado á hostalaría.

 
Pazo de Petán. Foto: Juan Migueles, 2008.
 
Pazo de Petán ou de Santa Teresa (Rúa Padre Crespo-Redondela)

Fundado no século XVI por García Prego de Montaos y Sotomayor (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/garcia-prego-de-montaos-y-sotomayor.html )era coñecida nun principio como Granxa de Vilavella. Logo pasaría a Álvaro Prego de Montaos, abade de Cerveira, que en 1624 concedeu escritura de doazón con gravamen de vínculo a favor do seu sobriño Gonzalo de Avalle. Despois esta familia entroncou cos Sotelo pasando o pazo aos Sarmiento de Sotomayor. Destes últimos destacar a frei Sarmiento de Sotomayor, bispo de Jaca e Mondoñedo. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/sarmiento-y-sotomayor-antonio-alejandro.html )

 

 
A mediados do s. XVIII era propiedade do fidalgo Francisco Borja Sarmiento, señor xurisdicional das parroquias de Corzáns e Petán (A Cañiza), de aí o nome do pazo.
En 1904 María Valledor, veciña de Castropol (Asturias) que o tiña en venta, realiza xestións para inscribir este pazo, descubríndose que conservaba dereitos sobre el Fernando Rodríguez Trelles, xa falecido, polo que se inicia a busca dos seus herdeiros.
 

O Pazo finalmente pasaría a mans de Félix Suárez Eguía, que era o seu dono en 1917. Residía en Oviedo, pasando tempadas en Redondela, cando menos ata 1927. Precisamente en Oviedo posuía a Casa Félix Suárez Eguía, que é un exemplo de arquitectura modernista obra de Francisco García Nava coa colaboración de Emilio Fernández-Peña Villa.

Anos máis tarde, foi mercado en estado ruinoso polo industrial José Regojo Rodríguez, quen o converteu na súa vivenda e dende entón pertence a súa familia. A súa esposa daríalle o nome de Pazo de Santa Teresa. No 2009 iniciáronse novas obras de reforma no Pazo. Actualmente (2023) alúgase para a celebración de eventos.



Pazo de Pousadouro. Foto: expansion.com
 
Pazo de Pousadouro (Asnelle de Abaixo-Reboreda)
O Pazo de Pousadouro foi mandado construír no s. XVIII por Buenaventura Marcó del Pont, empresario catalán establecido en Vigo, cidade da que chegou a ser alcalde. Conseguiu da Coroa a concesión para Vigo de comerciar coas Indias (1773) e licenza de corso para acosar ao comercio naval inglés e aos seus aliados portugueses (1779). Dos seus fillos destacar a Francisco Casimiro Marcó del Pont, derradeiro Gobernador de España en Chile, e a Juan José Marcó del Pont, Conselleiro de Estado do rei Fernando VII e Ministro de Facenda do pretendente Carlos V. En 1834 por Real Orden Testamentaria póñense á venda o Pazo de Pousadouro e outras propiedades. No pazo pódese ver o brasón pertencente a esta familia. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/11/buenavenura-marco-del-pont-calella.html )
Por esta época o pazo pasou á familia Rivas. Entre os descendentes desta rama podemos citar a Maximino Crespo Rivas, xuíz municipal de Redondela a principios do S. XX.
 A finais do s. XIX, o pazo sería mercado por Fermín Alfaya Milijosa avogado, licenciado en filosofía e letras, que chegou a ser Deputado provincial. A súa neta María (Maruja) Feijoo Alfaya casou co empresario naval vigués Enrique Lorenzo Docampo , fundador de Vulcano (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/11/lorenzo-docampo-enrique-vigo-1892vigo.html ). Nos anos 50 o pazo sería reformado polo arquitecto Gómez Román, pero non se empregou como residencia se non como lugar para as celebracións familiares. O pazo sería herdado polos tres fillos da parella.
Sería en 1959 cando neste pazo se gravou a película “La casa de Troya”. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/peliculas-rodadas-en-redondela.html ). Co paso dos anos o pazo foi posto en venta e mentres atopa comprador é empregado pola TVG para a gravación do programa de cociña“Larpeiros”, presentado polo veciño de Chapela Benigno Campos (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/campos-benigno-chapela-redondela-1949.html ) e de diferentes series. Ademais é empregado pola Deputación de Pontevedra para diferentes obradoiros de emprego.



Pazo Reboreda. Foto: Juan Migueles
 
Pazo ou Casa de Reboreda (Reboreda)

Data do século XVII, foi fundada por García Prego de Montaos. Está unido á Igrexa Parroquial de Reboreda mediante un paso elevado. Este pazo pertenceu entre outros a Ignacio Manuel Pereira (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-ignacio-manuel-maria-reboreda.html) e o seu fillo, Juan Manuel Pereira de Castro (https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/pereira-de-castro-juan-manuel-reboreda.html ). En 2020 atópase á venda.


Pazo de Torrecedeira (Cedeira)

Construído no s. XVII por Joseph García del Portillo, dono do coto de Cedeira, co nome de Casa do Corredor, nome do lugar. Despois do ataque de ingleses e holandeses nos saqueos posteriores á batalla de Rande, sería rehabilitado por Joseph Pestaña, quen substituíu ao anterior á fronte do señorío.

 
Pazo de Torre Cedeira. Foto: Pazos y torres de la provincia de Pontevedra 
 

Entre outros foi propiedade de Manuel Bárcena y Franco (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/11/manuel-barcena-franco-vigo-26-8-1834.html ), que foi alcalde de Vigo, senador, fundador da Caixa de Aforros de Vigo a quen, polo Real Despacho do 3 de xaneiro do 1891, a Raíña Rexente concédelle o título de Conde de Torrecedeira, de aí o nome do pazo.

Tres anos antes (1888) este propietario acometeu a reforma do inmoble, encargando a obra ao arquitecto francés Michel Pacewicz quen deseñou a ala oeste. Este é un dos máis destacados arquitectos de Vigo, onde deixou obras como os da Escola de Artes e Oficios ou, en García Barbón, o edificio hoxe ocupado polo Hotel NH. En Cedeira tamén construíu a Casa de Monterraso e, moi preto, en Vilavella, a Casa Masiell. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/02/casas-destacadas-de-cedeira.html )

Con Pacewicz traballaba Louis Lombard, tamén francés, de Lyon, que se encargaba de deseñar os xardíns. Pouco sabemos del, tan só que son obras súas os xardíns do Pazo de Torrecedeira e do Castelo de Soutomaior. A nivel persoal, casaría en Rande (Cedeira), polo que moitos dos seus descendentes seguen levando o seu apelido, se ben é certo que perdeu o “d” final, Lombar. Entre eles citar á súa neta Petronila Lombar Amoedo, ama de chaves do pazo.

Neste xardín destacar un cedro californiano que está recollido no Catálogo de Árbores Senlleiras. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/06/as-arbores-senlleiras-de-redondela.html )

Pouco tempo despois instalouse o primeiro teléfono de Redondela, que comunicaba o Pazo de Torrecedeira coa casa que o seu dono tiña en Vigo, sen posibilidade de outras comunicacións.

A finais do século XX e principios do XXI, rodáronse varias no pazo, pasando por ela figuras como Paco Rabal ou Carmen Maura. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/peliculas-rodadas-en-redondela.html )

En 2002 saíu na prensa e nos programas do corazón, pola celebración dunha voda á que asistiron moitos famosos da época. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/a-voda-do-ano.html )

Hoxe en día (2022), o actual conde de Torrecedeira comparte a propiedade de este pazo con varios familiares, permanecendo baleiro e sendo empregado tan só en contadas ocasións para celebracións familiares.



Pazo de Torres Agrelo a principios do S. XX. Foto: Vida Gallega
Pazo de Torres Agrelo a principios do S. XX. Foto: Vida Gallega
 
Pazo de Torres Agrelo (Reboreda)

A orde franciscana establecida na Illa de San Simón trasladaríase en 1746 ao lugar de Vista Real de Agrelo en Cesantes, onde fundarían o Convento de San Antonio de Vista Real de Agrelo. Este convento sería destruído polos franceses en 1809 e en moitas ocasións cítase por error que estaba no mesmo lugar onde se construíu o Pazo de Torres Agrelo, pero non teñen nada en común máis ca súa proximidade. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/01/o-convento-de-agrelo.html )

 
Aclarado este punto, atopei unha noticia de 1834, na que se da conta que trala morte dos donos do Pazo de Pousadouro, por Real Orden Testamentaria ponse á venda o Bosque de Agrelo que contaba “con murallas” entre outras propiedades.
  
Non sería ata 1865, cando o Mariscal Leoncio Rubín de Celis (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-de-celis-y-orona-leoncio.html ), natural de Redondela, constrúe o Pazo de Torres Agrelo, no que aínda se pode observar o seu brasón. Tampouco se debe confundir a este persoeiro co seu sobriño, o xeneral Antero Rubín (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/rubin-homent-antero-evasio-redondela-3.html ).
En 1888, Montero Ríos alúgalle a propiedade á viúva do comerciante vigués José Carreras, para que desfrute coa súa familia do verán o presidente do Congreso, Cristino Martos.
En setembro de 1890 Norberto Velázquez Barrio, alcalde de Vigo, organiza neste pazo un acto de recibimento aos xefes e oficiais da escuadra española fondeada na ría.
En 1907 o médico madrileño Sebastián Recaséns pasa a tempada de verán coa súa familia no Pazo de Torres Agrelo. Lamentablemente falece o seu fillo, Manuel Recaséns Serrano, de 12 anos, nun accidente de caza.
En 1910 aparece nos xornais a noticia de que o pintor Joaquín Sorolla quería alugar este pazo para pasar o verán, pero non atopei constancia de que chegara a instalarse.
Pazo de Torres Agrelo. Foto: M.Alonso, 2017.

En maio de 1914 foi adquirido por Concepto López Lorenzo, quen rebautizou o pazo co nome de La Tapera, que en algúns países de América significa casa en ruínas e abandonada, e que hoxe en día non se emprega. Emigrante enriquecido na Arxentina, foi fundador e principal accionista de Tranvías Eléctricos de Vigo e tamén aportou capital á empresa de electricidade Electra Popular de Vigo y Redondela, polo que estivo moi ligado ao desenrolo industrial da Cidade Olívica. En 1918 faleceu accidentalmente durante a tala dunha árbore nesta propiedade. Era sogro de Carlos Gunche, enxeñeiro de orixe arxentino, e avó de Raúl Carlos Gunche López, quen sería nomeado alcalde nos anos 40. Concepto López falecería de forma tráxica en 1918 durante a tala dunha árbore nesta propiedade.  
 
En 1925 pertencía a José María Cruces Álvarez natural de Maceira (Covelo) que fixo fortuna establecendo unha fábrica de fariña preto de Lisboa, co nome de Cruces & Barros, polo ano 1915. Nos anos 20 ampliou os seus negocios coa empresa, Harinera Gallega Ltda., domiciliada en Vigo e con fábrica en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca).
En xuño de 1931 o pazo saíu a poxa pública porque os seus herdeiros: María de la Concepción, José Manuel Joaquín e Jaime Cruces y Cruces; non podían facer fronte ó pago dun préstamo que recibiran por 100.000 pesetas. En 1937 era propiedade de José Luis Iturria.

O pazo sería empregado como hospital polo exército alemán durante a II Guerra Mundial (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/04/1941-ii-guerra-mundial-i-alemans-en.html ) e refuxio na Guerra Civil.

Destacar tamén o seu xardín porque é o espazo do Concello de Redondela con máis especias no Catálogo de Árbores Senlleiras. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2022/06/as-arbores-senlleiras-de-redondela.html )

Nos anos 80 e 90 pertencía aos irmáns Javier e María Eugenia Iturria y Rodríguez-Eztenaga. Actualmente (2020) é propiedade da familia Marcote e está adicado á hostalaría.


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

SEREN

Nº1. O pazo como elemento diferenciador da cultura de noso. Telmo Crespo Tojeiro.

Nº1. A construcción da antiga casa do Concello da vila de Redondela en 1788. José Mtnez. Crespo.

Nº2. Facendo camiño en Cedeira. Dolores Míguez Montes.

Nº3. Heráldica de Redondela. Ernesto Iglesias Almeida.

Nº3. Unha igrexa barroca no arciprestado de Redondela: Santo André de Cedeira. María Iglesias Rodríguez.

Guía didáctica para escolares: Nº3. Arquitectura e urbanismo en Redondela. Alfonso Sotelo Ramos.

Pazos y torres. Inventario de la provincia de Pontevedra. Tomo I. Juan M. López-Chaves Meléndez / Grato E. Amor Moreno. Ed. Diputación de Pontevedra.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Historia de las Rías. (2 Volúmenes) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Redondeláns. Web de X. Docampo e C. Milleiro

Casto Sampedro Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Varios autores, 2013. J. M. Crespo

Universidade de Santiago de Compostela USC>Clero>Mitra1758> Mayordomía de Redondela

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional (Lugo), Hoja Oficial del Lunes (Vigo), Gaceta de Galicia (Santiago), El Correo de Galicia (Bos Aires), Diario de Galicia (Santiago), El Progreso (Pontevedra), Vida Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es =>El Imparcial...

Boletín Oficial de la Provincia de Oviedo

Faro de Vigo

http://www.farodevigo.es/servicios/hemeroteca/hemeroteca.jsp

La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

http://arquitecturavigo.blogspot.com/2007/02/don-manuel-brcena-de-andrs-franco-conde.html

http://www.senado.es/cgibin/BRSCGI?CMD=VERDOC&BASE=HISE&DOCN=000002914

http://www.camaravigo.es/es/manuel-barcena-y-franco-el-fundador.html

Aportes de Gonzalo Amoedo, Xosé Moreira Docampo e Sara María Lorenzo González.

http://es.wikipedia.org/wiki/Casimiro_Marc%C3%B3_del_Pont

https://vigopedia.com/biografias-buenaventura-marco-del-pont-y-bori/

Volumen 27 de Cuadernos de estudios gallegos. Escrito por José Luis Pensado

Pazo de Petán => http://castropol.blogia.com

Torres Agrelo => http://www.torresagrelo.com/

Galicia Agraria-blog. De Lisboa a Peñaranda. Los negocios harineros de un emigrante de Covelo

Torrecedeira => https://www.observersciencetourism.com/ga/punto-de-interes/jard-n-ingl-s-del-castillo-de-soutomaior?fbclid=IwAR3VDLAZRrsK-0Cc5Pl9FEElta0xqJOmE4lNVje8_6fJ7ijU-TA60jdOMVw#description


1 comentario:

  1. Benquerido mozo: tes que corrixir a fotografía do pazo dos Pereira, en Reboreda. Puxeches a fotografía do furancho da Reboraina, pero a casa do pazo é a que está pegada á igrexa. Graciñas pola túa atención.

    ResponderEliminar