1904. Danza de Redondela realizando a figura da Áncora na praza de Pontevedra. Arquivo do Museo de Pontevedra |
En
1904 celebrouse un certame musical organizado
pola Sociedade Artística de Pontevedra. Na
ateigada praza de touros se celebrarían concursos nas diversas
modalidades: orfeóns, gaiteiros, cantos
populares... No tocante a
Redondela, a nosa vila estaría representada pola danza
de espadas, daquela
dirixida por Juan Puertas Fervenza “Ley”,
que se enfrontou
á danza de espadas de Marín, dirixida por Santiago Area
González, coñecido popularmente como "Calistro". A
diferencia da nosa a de Marín bailaba o día de San Miguel e non no
Corpus. Tamén se diferenciaban na indumentaria, en que os de Marín
lucían garabata e os de Redondela daquela levaban unha faixa cruzada
dende o ombro.
1904. Danza de Marín. Foto cedida por Celso Milleiro |
O
noso grupo gañaría
o premio de 250 pesetas,
sendo o resultado moi protestado polos de Marín que
se negaron a recoller o segundo premio de
125 pesetas. A
polémica seguiría nos xornais nos días seguintes. Nunha
carta ao director de Juan Martínez inclúe o seguinte: “...
por encargo especialísimo del Sr. Puertas, Maestro-director de la
danza de Redondela: He de decir a la de Marín, que cuando quiera
disputar el mismo premio ya ganado u otro distinto, o la simple
victoria sin premio alguno y ante otro Jurado especial, está a su
completa disposición; con una sola exigencia, eso si, la deque no se
entrometan en la lid otras personas que las que puedan contribuir al
mejoramiento de la Danza; y que, al fin, se den la mano vencedores y
vencidos, conformándose con el fallo; pues unos y otros trabajan por
restaurar y conservar los regocijos y recuerdos históricos de la
Patria grande y chica.”
1904. Danza de Marín ante o estandarte de San Miguel. Foto cedida por Celso Milleiro |
O
número de danzantes variou ao longo do tempo, coméntase que naquela
ocasión na de Redondela
bailaran 34, pero en
realidade semella que foron 32 máis a gaita e o tamboril. A
danza a compoñían: Gabriel
Ribera, Juan Bemposta, Salvador Aboy, David Posada, José Puertas,
Antonio Pérez, Manuel Vázquez, Andrés Barbeito, José Puertas,
José Collazo, Jesús Vázquez, Ramón Montero, Rosendo Amoedo,
Víctor Puga, Antonio Aguiar, Juan Vázquez, Constantino Fernández,
José Barros, Antonio Lago, Juan Puertas, Antonio Bemposta, Andrés
Amoedo, José Vázquez, Manuel Álvarez, Joaquín Viñas, Eugenio
Amoedo, Joaquín Soutullo, Domingo Pereira, Juan Blanco,
Manuel Novelle, Agustín Salgueiro e Manuel Iglesias. Acompañaban o
gaiteiro de Vilar, Francisco Figueroa
“O Arquitecto”
e o tamboril Antonio
Figueroa.
Coa
danza marchou a Pontevedra acompañada por
unha comitiva encabezada
polo médico e ex-alcalde,
Isidoro Queimaliños. Xa na capital, Ramón
Arines Bula,
redondelán recentemente
nomeado xefe daquela
estación, cedeulle as súas habitacións particulares para que os
bailaríns puideran mudarse. A
danza visitou ao Gobernador Civil, ao Concello, ao Centro Obreiro e
ao redondelán Casto Sampedro (Ver
Persoeiro S); e na
Caeira ao Marqués de Riestra, quen os agasallou con pastas e licores
e dooulles cen pesetas.
O
Deputado Provincial Cándido Otero García estivo moi atento coa nosa
danza, pagándolles
o
viaxe de ida e volta, o xantar e unhas
gorras brancas co nome “Redondela” que
exhibiron durante a actuación.
Cándido foi un político
liberal
nado
en Redondela e
un total descoñecido na actualidade.
Foi
alcalde da nosa vila en 1893 e Deputado
Provincial
por
Redondela-Pontecaldelas en varias ocasións, chegando
a desempeñar a vicepresidencia
da Deputación. Fixou a súa residencia en Vigo, sendo
presidente do Casino, Vice-presidente da comisión da Cruz Vermella,
e representante da compañía navieira
Lloyd Real Holandés. Tiña tamén as honras de xefe Superior de
Administración Civil.
De
regreso en Redondela ás nove da noite, a xente encheu as rúas para
aplaudir
a chegada dos danzantes.
Devolveron estas mostras de gratitude bailando fronte ao Casino, a
casa do xuíz de primeira instancia, Rafael
González Besada y Valdés; a
do párroco, Bernardino
Couñago Besada; e
as casas dos xa citados
Cándido Otero e Isidoro Queimaliños.
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes
Celso Milleiro, Josean Pazos
1904,
Agosto. La Idea
En Galiciana-Biblioteca
Digital de Galicia. Xunta de Galicia:
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
=> El
Áncora (Pontevedra), La Correspondencia Gallega, Diario de
Pontevedra, Noticiero de
Vigo, Gaceta de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario