lunes, 16 de noviembre de 2020

Crónicas do aire.

 

Mercedes Corominas subindo en globo. Foto:lamasdono.blogspot.com

Aterraxe forzosa.

            O día 3 de outubro de 1909, os mariñeiros de Chapela víronse sorprendidos pola caída ao mar dun globo aerostático. Ao auxiliar ao tripulante nas súas barcas descubriron algo máis sorprendente, a nave era guiada por unha muller. Tratábase de Mercedes Corominas, aeronauta barcelonesa casada co tamén célebre aeronauta Sr. Montero, natural de Lisboa, que andaba a facer unha exhibición en Vigo.

            Era a segunda vez que visitaba a cidade olívica, sendo en agosto de 1908, cando se converteu na primeira muller en sobrevoar Vigo. Chegara procedente de Lisboa, onde fora alcumada a “Raíña do aire”, invitada polo Vigo Foot-Ball Club. No seu primeiro voo, o día 25, sairía do campo do citado club e veríase obrigada a arroxar case todo o lastre para remontar o monte Galiñeiro, tomando terra en Arruidos, Gondomar. O día 30 repítese a experiencia, nesta ocasión acompañada polo deportista vigués Manuel Ocaña, que finalmente debe baixarse por falta de presión no globo. Finalmente Mercedes Corominas en solitario chegaría a ascender ata os 3.800 metros, pero ao chegar a Valadares é recibida imprudentemente con foguetes e bombas. Ante o inminente perigo vese na obriga de desviarse e aterrar en Zamáns.

            Despois destas peripecias, marcharía a Coruña onde tamén pasa apuros. Naquela cidade o forte vento empúxaa cara o mar polo que se desvía, tomando terra en Meirás.


Conflito por un aviador.

Leoncio Garnier. Foto: Mundo Gráfico
Leoncio Garnier. Foto: Mundo Gráfico
 

            No verán de 1911, o aviador francés Leoncio Garnier foi contratado para facer unha exhibición en Vigo. Cando chegou a estación de ferrocarril de Redondela o agardaba o oficial Sr. Varela acompañado de dous policías coa orde do Gobernador Civil, José Boente, de trasladalo a Pontevedra para que fixera alí a súa demostración. Apesares da oposición do aviador que quería cumprir o seu contrato foi obrigado a voar na Xunqueira, durante as festas de Pontevedra.

            A Cámara de Comercio de Vigo fixo chegar as súas queixa ao goberno central, miles de persoas saíron as rúas para pedir a dimisión do gobernador, saíron a relucir todas as diferenzas entre Vigo e Pontevedra, a corporación viguesa co seu alcalde tivo que dimitir por permitir a afronta...

            O Gobernador lonxe de asumir o seu erro ordenou pechar durante un mes o xornal “El Noticiero de Vigo” por “... publicar conceptos que inducen a la rebelión.” Outra das súas medidas foi ordenar á Garda Civil de Vigo a vixilancia da liña férrea ata Redondela ante a posibilidade do corte do tráfico de trens cara a Pontevedra. Mais a presión exercida por Vigo, con comisión desprazada a Madrid onde permaneceu negociando máis dun mes, rematou por provocar o traslado de José Boente a Zaragoza o 21 de decembro de 1911.

            En Vigo, para resarcirse, en setembro dese mesmo ano sobrevoa a cidade o célebre aviador francés Jules Védrines que non tivo ningún contratempo cando chegou á estación de Redondela. O Noticiero de Vigo destacaría as súas cualidades engadindo: Por aí, por unhas e outras cidades, coincidindo coas súas mellores festas anuais, andan outros aviadores, por outra parte moi estimables pero discípulos aínda, ensaiando voos cortos e realizando <<raids>> tímidos.”

 

Jules Védrines en Balaidos. Foto publicada en La Voz de Galicia


Accidente en Peinador

            O único accidente grave ocorrido en Peinador tivo lugar en 1994 cando un DC-9 de Aviaco procedente de Madrid tomou terra 75 metros antes de chegar á pista. Por sorte os ocupantes puideron abandonar a nave antes de que un incendio calcinara o aparato. O balance final sería de 14 feridos leves, entre os que se atopaba Antonio Gutiérrez, daquela líder sindical de Comisiones Obreras (CCOO), que rompeu unha perna ao lanzarse pola rampla de emerxencia. Tamén viñan no avión o daquela Senador e alcalde de Redondela, Xaime Rey e a súa esposa Fita Villaverde. Por aquela época tiveran outro accidente, desta volta de tráfico, nun desprazamento a Madrid, cando o condutor do coche oficial municipal bateu contra un cervo. Nos dous accidentes resultarían ilesos.

 

Estado no que quedou o avión. Foto: Atlántico Diario
Estado no que quedou o avión. Foto: Atlántico Diario

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

La voz de Galicia

Faro de Vigo

Atlántico Diario

Galiciana => El Correo de Galicia, El Noticiero de Vigo, Diario de Galicia, Diario de Pontevedra, El Eco de Galicia, El Pueblo Gallego



No hay comentarios:

Publicar un comentario