domingo, 1 de noviembre de 2020

Historias do Mar - S. XIX

           1843, 20 de xaneiro. Os mariñeiros de Redondela saudaron con foguetes a chegada procedente de Santiago de Antonio Arias Seoane, deputado a cortes pola provincia de Pontevedra e “rico hacendado” da cidade de Tui, pola defensa dos seus intereses. Despois de recibir tamén o agradecemento das monxas de Vilavella continuou viaxe cara a Tui.


1866, 16 de xuño. Na listaxe de baixas e feridos da Fragata Numancia, comandada por Casto Méndez Núñez, tralo ataque ao Callao (Cuba), aparecen dous mariñeiros de Redondela: o mariñeiro ordinario, Fermín Puertas, con contusión leve; e o grumete, Jose María Amoedo, ferido leve.


1870 O francés Philipe Hipolite Magen recupera 44 kg. de prata, canóns, vigas de carballo e cerámica do tesouro de Rande.


1876, 06 de decembro. Hai dúas noites o forte temporal provocou que un buque portugués estivera a piques de estrelarse na Guía, polo que tivo que facerse á vela e dirixirse ao Lazareto de San Simón, onde permanece fóra de perigo.


1880, 06 de novembro. Preto das illas Cíes foron atopados dous botes que deberon pertencer a un mercante inglés. Un foi recollido e remolcado a Redondela por uns pescadores deste porto e o outro por un falucho do Berbés. Isto pode indicar un naufraxio preto da costa debido ao mal tempo.


1882, 30 de xuño. A cría de balea que chegou á praia de Cesantes foi transportado a Redondela, por seres mercado por un veciño da vila.


1883, 21 de agosto. Por orde do Comandante de Mariña de Vigo, arroxáronse ao mar as ostras comisadas ao señor Amoedo de Redondela, que estaban a depósito a carón do barco con canóns "Segura".


1886, 15 de maio. O Bispo de Tui estableceu unha asociación benéfica para socorro das vítimas dos naufraxios que ocorran no Bispado. Estableceranse catro centros Vigo, Baiona, A Garda e Redondela. Coas esmolas, que gozarán dunha porción de indulxencia, atenderase ás vítimas e ás súas familias.


1889, 04 de abril. A lancha “Gracia de Dios”, con catro homes a bordo e patroneada por José Casal, saíu da Ribeira de Vigo cara a Chapela, envorcando no punto chamado Pedra do Pego, por mor dunha racha de vento. Un dos náufragos volveu a nado á Ribeira e os outros foron recollidos por outra lancha.


1892, 30 de febreiro. A Garda Civil de Redondela sorprendeu a un ferreiro con doce cartuchos de dinamita para adicalos á pesca.


1893, 18 de xaneiro. A tres cables de distancia da Ribeira do Berbés, unha racha de vento fixo envorcar un bote de pesca no que se atopaba o práctico do porto. Sete dos náufragos foron recollidos por un falucho de Bouzas e dous pola lancha de Chapela patroneada por José Castro.


1893, xuño. O Concello prohibe a venda de marisco ata despois de agosto.


1894. A lancha de Redondela chamada “Ramoncito” naufragou xunto ás Illas Cíes resultando morto un dos tripulantes.


1894, 4 de agosto. Preto da praia de Toralla, navegaba un bote tripulado por un home de máis de sesenta anos e dous fillos seus, todos de Chapela. O ancián sufriu unha conxestión cerebral e caeu ao mar. Apesares de que un dos fillos lanzouse tras el, non se puido máis que recuperar o seu corpo sen vida.

           1895, 1 de setembro. O inspector de vixilancia de Vigo recolleu no vapor "Magdalena" a Manuel Rodríguez Alonso, natural de Tui, tolo segundo din pola impresión que lle deu ao tocarlle a lotería. Foron a recollelo a súa nai e irmá acompañados polo cura de Reboreda (Redondela), serventas na casa deste. Fóronlle entregados os cartos que portaba, menos dez libras esterlinas para pagar os danos que ocasionou no vapor.

1896, 31 de decembro. Na noite pasada ocorreu preto das illas Cíes unha abordaxe entre os vapores de pesca Valentina e Alfonso XIII. O contratempo foi debido, segundo din, á néboa. O Valentina bateu de proa co Alfonso XIII, abrindo a este unha vía de auga que lle obrigou a varar na praia de San Martín para non afundir. O Valentina, que é propiedade do Sr. Guianzo, de Bouzas, sufriu bastantes avarías. O barco náufrago pertence aos Sres. Blanco e Compañía, de Redondela. Non houbo desgrazas persoais.


1897, 26 de xaneiro. No afundimento da cañonera Relámpago, resultou morto pola explosión Juan Campelo, de Chapela, que servía como reposteiro, e do que se ocupou a prensa polo proceso que se lle seguiu en New York, por mor dun asasinato do que sería absolto ao ser descuberto o verdadeiro autor do delito. Juan Campelo pasaría a servir na illa de Cuba no cruceiro Isabel II, do que pasaría ao Relámpago.


1897, marzo. Chegaron todos os mariñeiros para pasar unha semana coa familia e repartir os cartos gañados durante o ano. Están ancoradas no porto 21 lanchas e 37 na Portela, que é o total da frota de Redondela. O número de mariñeiros ronda os 500 e, aproximadamente, 20.000 pesos a cantidade repartida.


1897, 12 de decembro. Tendo en conta a manifestación de protesta contra o uso da traíña, a corporación municipal acordou redactar unha exposición dos feitos que elevará ao ministro de Mariña. No documento solicitarase a protección das familias afectadas. O Concello tamén ten que facer fronte á nulidade da puxa de consumos.


1898, 06 de xaneiro. Por fin chegaron á terra as 20 lanchas con 200 mariñeiros de Redondela. O temporal obrigounos a fondear en mar aberta, pasando tres días a pan e auga sen poder achegarse á costa. No porto afundíronse moitas barcas amarradas.


1898 Redondela, Cangas e Marín solicitan ó Ministerio de Mariña a prohibición de pescar con cerco de “jareta” ou traíña, xa que esta prohibición prexudicaba aos pescadores que empregaban artes tradicionais (xeito e boliche).


1898, 9 de setembro. Numerosa manifestación contra as traíñas. Asistiron os mariñeiros, as súas mulleres e fillos, que suxeitaron as embarcacións para que non saíran a pescar. O alcalde e a garda civil disolveron aos manifestantes.

Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Caderniños do Instituto de Chapela. X. M. González Fdez.

Nº2. Naufraxios no mar de Vigo (1854-1964).

Redondela, crónica dun tempo pasado. A Segunda República e o primeiro franquismo. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil. Edicións do Castro 2002.

As vilas de Redondela nos tempos do Catastro de Ensenada: Xoán Miguel González Fernández. Ed. Concello de Redondela.

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Historia de las Rías. (2 Vol.) J. A. Orge e Carlos Antuña entre outros. Ed. Faro de Vigo.

Fondo Casto Sampedro. Museo de Pontevedra. -Sampedro 65-10 Notas sobre rúas e lugares.

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

Faro de Vigo

La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

Ministerio de Cultura http://prensahistorica.mcu.es

Galiciana => El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, La Noche, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia de Gallega, El Eco de Galicia, Gaceta de Galicia, El Heraldo Gallego...


No hay comentarios:

Publicar un comentario