lunes, 23 de noviembre de 2020

Sucesos. Finais do S. XIX

 

1862, maio. Faleceu en Redondela o inspector de ferrocarril José Barral. O cura de Redondela negoulle sepultura e dous días despois o corpo continuaba sen enterrar. O finado traballara durante moitos anos como cocheiro para os Marqueses de la Vega de Armijo.

1876, 18 de outubro. Polo Goberno da provincia de Pontevedra encárgase a detención de Josefa González Gómez, xove de 15 anos, que desapareceu da casa paterna en Redondela.

1881, 19 de novembro. En Redondela houbo un intento de roubo no que se cruzaron varios tiros.

1882, 06 de outubro. O arresto en Vigo do tenente da garda civil do posto de Redondela, D. Antonio Fernandez Rios, obedece á disposición dun comandante fiscal, sin prexuízo de que no xulgado de primeira instancia do mesmo distrito se lle instrúa tamén causa por agresión á muller do carabineiro Domingo Seoane Barros, á que sorprendeu roubando madeira na estación.

1885, 13 de agosto. Pola Garda Civil de Redondela foi detido e posto a disposición do xuíz, Manuel Ramiro, natural de Cabeiro, que tentou ferir cunha fouce á súa nai e ao cura de dita parroquia.

1888, 03 de maio. Na noite de antonte detiveron a uns rateiros no camiño que sirve de atallo entre Redondela e a estación. Asaltaron ao mozo que transbordaba as sacas da correspondencia, confundíndoo co peón que conducía un prego de valores declarados.

1888, 25 de agosto. En Pontevedra foron detidos dous mozos de entre 14 e 15 anos de idade, naturais de Redondela e Santiago respectivamente, que pretendían marchar en tren a Portugal. Ocupáronselle 56 duros e 3 pesetas, que lle roubaron a un veciño de Campañó.

1888, 28 de agosto. En Redondela un pirotécnico no momento de prender a dinamita, estoupoulle, esnaquizándolle unha man.

1889, 1 de outubro. O venres pola noite forzaron a porta da igrexa de Chapela. Os ladróns non puideron atopar nada de valor polas precaucións que toman agora os curas.

1891, 8 de decembro. En Redondela, Ceferino Miguez, se foi atacado polo seu veciño alcuñado Patis”, que lle deu unha coitelada no costado. Por sorte, a ferida non é de gravidade.

1892, 10 de xullo. En Rande houbo un altercado entre carabineiros e veciños, no que resultou ferido unha persoa.

1892, 14 de xullo. Folga das mulleres da vila contra os consumos. O 23 e 24 folga en Pontevedra cun morto por baioneta e varios feridos de bala. Unha semana despois son as leiteiras as que se manifestan en Vigo, estando as de Chapela entre as máis exaltadas. Os disturbios chegarían a Ourense, morrendo un médico que presenciaba os sucesos dende un balcón.

1894, 6 de xuño. Roubaron na administración de consumos 1.500 pesetas, aparecendo a porta aberta sen ser violentada.

1895 Prohíbense as fiadas do liño, que congregaban moita xente, por mor das pelexas que se producían. O alcalde J. M. Otero Milleiro multou ás donas das casas de Cedeira onde se seguían a celebrar.

1895, 20 de xuño. Estando traballando en bombas Ramón Varela, fixo explosión unha delas, levándolle a única man que tiña.

1896, 13 de maio. Foi roubado por dous forasteiros o tendeiro de Cesantes Ángel Rodríguez. Tamén roubaron en Arcade.


1896, 5 de xuño. En Redondela foi roubado o Fielato Central, que existe nunha das dependencias da Praza de Abastos. Calcúlase que se roubaron 1.500 pesetas. Crese que o ladrón ou ladróns coñecían que alí se atopaban eses cartos que o Concello pensaba ingresar na provincia para atender aos seus débitos.

1896, 9 de outubro. En Quíntela foi detido por la benemérita o xove de catorce años Luís Piedras Camina, autor do roubo dun reloxo coa súa cadea ao párroco de dita parroquia.

1897, 15 de marzo. Aproveitaron a ausencia da veciña de Redondela Emilia Esteiro para roubar na súa casa algunhas xoias e 3.000 reais en metálico. Tamén roubaron en Reboreda, na casa de Antonia Vidal Bastos, de Otero, levándose nove onzas de ouro e varias xoias de bastante valor.

1897, 26 de xaneiro. Pola garda civil de Redondela foi detido José Álvarez Crespo, veciño de Negros, presunto autor do roubo de 8 puntóns de castaño ao seu veciño Manuel Pazos Álvarez.

1897, 19 de febreiro. Unha parella de Cabral foi atracada cun revólver á altura da granxa de Agrelo por un xove de 20 ou 22 anos que non puido ser identificado.

1897, 6 de agosto. Na Audiencia provincial ingresou onte o sumario de Redondela sobre roubo de 400 metros de arame e 10 postes da liña telegráfica.

1897, 24 de setembro. Unha parella da benemérita de Pontevedra conduciu un carro ata Redondela con obxectos roubados reclamados polo xulgado de Vigo. Nesta vila foron relevados polos gardas Onofre Vázquez e Marcelino Fojo que continuaron camiño. Preto da chamada "Taberna Nova" desbocáronse os cabalos, chocando nunha curva co coche de Miguel Iglesias. O carro dos gardas envorcou quedando debaixo o Sr. Vázquez que sufriu a fractura dun brazo e numerosas contusións. O Sr. Fojo levou un forte golpe na cabeza que o deixou inconsciente e o Sr. Iglesias tivo máis sorte saíndo ileso. Un inglés que viña en bicicleta trouxo a noticia á vila, presentándose no lugar o xuíz Sr. Serantes e o médico Sr. Queimaliños. Os feridos, pais de familias numerosas en Redondela, foron trasladados ás súas residencias.

1897, 14 de outubro. Forzaron a porta do restaurante da estación e roubaron setecentas e pico de pesetas e botellas entre outras cousas.

1899, 27 de marzo. Por unha “ela” tiveron un encontro dous rivais no adro da igrexa de Redondela. Dise que un é un “pai” e o outro un mozo que frecuenta o Concello, onde exerce un cargo dende hai tempo. Por mor da rivalidade soou o disparo dun revólver, que se converteu no tema de todas as conversacións. Felicitamos aos contrincantes por saíres ilesos da contenda.

 1899, 7 de abril. Roubaron na casa de José Gómez Cabaleiro, en Negros. Foron detidos Vicente (44 anos) e Antonio (36) Cabaleiro, e Manuel Fernández Álvarez (36), todos casados e veciños de Cabeiro.

1899, 8 de maio. Entraron a roubar na fábrica de curtidos do Sr. Ipiña, en Redondela, cruzándose varios tiros entre aquel e os ladróns.

1899, 19 de xuño. O día 8 roubáronlle a Eladia Muñiz, veciña de Redondela, cincuenta pesetas en metálica e varias prendas de roupa.

1899, 24 de xuño. En Saxamonde queimouse unha casa sen que houbera desgrazas persoais.

1899, 18 de xullo. En Sanxenxo foi detido pola Garda Civil o veciño de Dozón, Juan Antonio Castro, de 22 anos de idade que fuxiu da casa de Salustiano Méndez, onde servía coma criado, levándose os cartos que lle adiantara do seu salario.

189, 11 de agosto. O xuíz de Instrución interesa a busca e captura dos autores descoñecidos do roubo de roupa e carne, na casa de Benita Míguez Cabaleiro, veciña de Cesantes.

1899, 2 de novembro. A Garda civil de Redondela capturou a Manuel Otero Soto, María Benita Soto e Matías Soto Míguez, presuntos culpables do atentado cometido noites pasadas colocando dous cartuchos de dinamita na casa da súa veciña Vitoria Veiga, á consecuencia do cal, e pola explosión, quedou a casa convertida en ruínas, non perecendo por milagre a dona e un fillo dela que se achaban durmindo.



Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.

Galeguismo e sociedade na Redondela da Segunda República. Lois Barros. Edicións do Castro.

En Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es=> El Regional, El Pueblo Gallego, El Áncora, La Idea Moderna, El Progreso, Gaceta de Galicia, El Correo de Galicia, El Correo de Lugo, La Correspondencia Gallega...

Na Biblioteca Nacional de España: www.bne.es=> El Siglo Futuro, La Iberia, El Correo Español

La Voz de Galicia

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

No hay comentarios:

Publicar un comentario