viernes, 4 de diciembre de 2020

Fábricas de gaseosas

Espumosos Guaraní. Anuncio Festas da Coca 1948.

 

            Houbo un tempo en que non existían as bebidas enerxéticas, nin os refrescos de cola e sabores e nin sequera os zumes envasados. Cando comezaron a comercializarse eran produtos de consumo en bares e que só se mercaban para casa en contadas ocasións. Na compra semanal o que non faltaba era a gaseosa, que era a bebida doce que consumía a rapazada e tamén, porque non dicilo, servía para mellorar viños difíciles de inxerir. Nos anos 80 do pasado século, o mercado estaba copado por Gaseosas La Pitusa, pero anteriormente fabricábanse gaseosas en case todas as vilas e os seus envases son agora cobizados por coleccionistas. Redondela non é unha excepción e na nosa vila existiron varias.

            Ollando os censos de actividades é curioso que non se recollen ás fábricas de gaseosas a finais do século XIX, cando temos referencias da súa existencia. A primeira recollida sería propiedade de Antonio Garrido, cando menos entre 1901 e 1904. Neste último ano tamén aparece a fábrica de Adolfo Abalo, que é a única rexistrada en 1908. Dous anos despois, en 1910, as fábricas do propio Abalo, Jesús Collazo e Antonio Silva y compañía. En 1932, Eduardo Sánchez Cerqueiro e Domingo Blanco Pérez.

            Outros datos que atopo serían os seguintes:


Gaseosas “La Primavera”

O seu dono era Ramón Feijoo Fernández, quen lla traspasou en 1891 a Constante Gregorio.


Gaseosas ¿?

            Propiedade de Antonio Garrido Otero en 1900, na praza da Constitución. En 1902 vendeulla a Adolfo Abalo, que a instalou nos baixos da casa da señorita Juana Sestelo.


Gaseosas “La Esperanza”

            O seu dono chamábase Domingo Blanco Pérez e tiña a fábrica de gaseosas no baixo da súa casa en Vilavella, na actual R. Padre Crespo constando xa no censo de 1932. Tanto el como a súa muller eran coñecidos como “os da Gaseosa”, pero o alcume que herdou a familia foi o das súas fillas, “as Gaseoseras”. Os maiores aínda lembran como recollían auga na fonte de Vilavella para elaborar a gaseosa. Trala morte do propietario a fábrica de gaseosas aínda continuou na década dos 50, baixo o nome "Vda. e Hijos de D. Blanco".

             A finais dos 40 tamén distribuía a cervexa Damm e, nos anos 60, o refresco de laranxa Citrania.

 

Gaseosas La Esperanza. Anuncio Festas da Coca 1948.

 


 

Espumosos Guaraní

            Entre os anos 40 e 60. Propiedade de Emilio Cal Fernández, quen abriu o negocio ao volver de Brasil, de aí o nome da marca. Era un refresco de gaseosa con sabor a froitas que se envasaba en distintos tamaños.

 

Espumosos Guaraní. Foto:todocoleccion.net

 

 


 

Gaseosas Franco

            En Chapela. Anunciábase con “manantial propio”. No que debeu ser unha segunda etapa aparece embotellada en Vilar de Infesta.


Gaseosas Franco. Foto: todocoleccion.net



Autor: Juan Migueles



BIBLIOGRAFÍA

Arquivo do Concello de Redondela: Matrícula Industrial: 1885-86, 1886-87,1887-88, 1889-90, 1890-91, 1891-92, 1892-93, 1893-94, 1899-1900, 1893-94, 1896-97, 1897-98, 1898-99, 1899-1900, 1900-1914.

www.hemerotecadigital.bne.es

Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración: 1879-1884, Revista de geografía comercial...

Censo de actividades 1905, 1910 e 1925. Publicado en www.todocoleccion.net

www.mcu.es:=> Varios xornais

Galiciana-Biblioteca Digital de Galicia. Xunta de Galicia: http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es => La Integridad, El Pueblo Gallego, Hoja Oficial del Lunes, El Progreso, El Lucense, La Correspondencia Gallega, Gaceta de Galicia, Diario de Galicia, La Noche, Vida Gallega...

La Idea

Aportes: Juan Carlos Villar (Gaseosas de Galicia), María Rosa Cal Pérez e Matilde Fernández.










No hay comentarios:

Publicar un comentario