domingo, 13 de junio de 2021

Toponimia de Chapela (1 de 3)

 

Chapela, vista parcial. Foto: J. Migueles
Chapela, vista parcial. Foto: J. Migueles

CHAPELA (San Fausto): O “ch” inicial podería ser un galicismo como o de “rocha”, quedando así co significado de “capela”.

Barrios

  • Angorén: De orixe xermánico é difícil ofrecer un significado. Aparece nun censo de 1760, sittio de Angoren, e no Diccionario Madoz (1850).

  • Cidadelle: Do latín civitas-atis, derivado de civis (cidade), máis o diminutivo –ellus. Tería así, o significado de cidade pequena. No Catastro de Ensenada (1752) aparece Sida delle e noutro censo de 1760, sitio de Sidadelle. No Archivo General de Simancas (1762-63) e no Diccionario Madoz (1850), Cidadelle. No Catastro actual. No Rueiro (2007) Rúa de Cidadelle.

  • Igrexa. Nun censo de 1760, sittio de Yglesia. No Diccionario Madoz (1850), Iglesia. No Catastro actual. No Rueiro (2007) Camiño da Igrexa.

  • Laredo: Pola súa situación é máis probable que veña do latín glaretum, glarea (cascalleira, areal) que de larea (leira, veiga labrada). No Diccionario Madoz (1850).

  • Parada: Lugar de descanso no camiño entre dúas zonas de forte pendente. No Diccionario Madoz (1850).


Topónimos

Alto da Encarnación (Angorén). Recibe o nome da capela que existía no lugar. Nun documento de 1866 Encarnación. No Catastro actual. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/capelas-desaparecidas.html )

Amiales (Igrexa).

Angorén (Angorén). No Catastro actual. Ver Barrios.

Anxouriñas (Angorén(Chapela)/Trasmañó). No Catastro actual.

Arealonga (Laredo). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio darealonga. Ver Toponimia da Costa>Praia de Arealonga.

Atalaia (Cidadelle).

Avispeira (Cidadelle). Lugar onde habería moitas vespas. No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio de Bispeyra. No Diccionario Madoz (1850) aparece Vispeira. Nun documento de 1866 Abispeira. No Rueiro (2007), Camiño da Avispeira.

Fonte Ballotes (Laredo)

Barra Crista (Parada). Barra podería ser un lugar estreito e crista un lugar elevado. No Rueiro (2007) Camiño da Barracrista.

Barracrista Alta (Parada).

As Barxas. As barxas son terreos comunais.

Basaco (Laredo)

Bico o Burro (Cidadelle). No Catastro actual.

O Bosque (Angorén). No Catastro actual. No Rueiro (2007) Camiño dos Bosques. Anteriormente era Camiño do Bosque. A forma en plural pode deberse a unha decisión para diferencialo do Camiño do Bosque de Trasmañó.

A Buraca (Igrexa). Aumentativo de Buraco. Pode referirse a algunha cavidade, pero dado a que é unha costa moi pronunciada fai pensar na sensación de caer nun buraco cando a baixas. No Catastro actual. No Rueiro (2007) Subida á Buraca.

Cachada (Parada). Cachada é un pedazo de monte que se queima para plantar centeo ou trigo. No Catastro actual.

Carabineiro (Parada). No Catastro actual, Carabinero.

Camiño do Carro (Igrexa). No Catastro actual.

Camiño Real. Trazado de esta antiga vía de comunicación. No Arquivo General de Simancas (1763-64), cocho del Real de avajo. No Rueiro (2007), Camiño Real de Laredo e Camiño Real de Angorén.

O Campo (Igrexa). No Catastro actual.

Campo da Burra (Igrexa). No Catastro actual.

Campo do Medio (Cidadelle(Chapela)/Trasmañó). No Catastro actual.

O Castañal (Angorén). No Rueiro (2009) Camiño do Castañal.

As Catro Pontes (Laredo). Viaduto do ferrocarril con catro arcos de pedra. Da nome ao lugar.

Cavadiñas (Trasmañó/Angorén (Chapela)). Terras cavadas son as gañadas ao monte para o cultivo. Nun censo de 1760, sitio de Cavadiña.

Chan (Cidadelle). Pequena chaira nun lugar elevado. No Catastro actual.

Chan do Achado (Cidadelle). No Catastro actual.

Chan do Mestre (Parada). No Catastro actual.

Chan do Touciño

Changulleira (Laredo)

O Chocoe. Pode vir de chocolear, ruído que fan as ferraduras, normalmente por estar floxas.

Cintieira (Igrexa). No Archivo General de Simancas (1762-63): sitio de Senteyra, labradio en Senttieyra e Sentreyra.

As Cocheras (Cidadelle). Pode que fora o lugar onde se gardaban carros, dilixencia ou autobuses de alugueiro, pero ata o de agora non puiden confirmar este punto. Alcume, probablemente por ser descendentes de alguén que traballaba de cocheiro, condutor de carro ou dilixencia. No Rueiro (2007) Camiño de Cocheras.

Cocho da Viña (Igrexa). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio de cocho da viña.

Cornide (Igrexa). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sittio de Cornide. No Rueiro (2007), Camiño do Cornido, antes dese ano, Camiño da Fonte do Cornido.

Fonte Cornide (Igrexa). Fonte con lavadoiro que desapareceu por mor da ampliación da autoestrada.

A Costa (Igrexa/Laredo). Pola pendente. No Arquivo General de Simancas (1763-64), lugar da Costa e sitio de la Costa. No Diccionario Madoz (1850), Costa. No Rueiro (2007) Camiño da Costa.

Costeira (Cidadelle). Costa ou pendente. No Arquivo General de Simancas (1763-64), sittio de Costteyra. No Catastro actual.

A Coutada (Laredo). Coutada é un terreo que se acouta para adicar ao pasto. Nun censo de 1760, lugar da Couttada e sitio da Coutada do medio. No Diccionario Madoz (1850) e nun documento de 1866 Coutada.

Coutada de Arriba (Parada). No Catastro actual.

Coutada Grande (Parada).

Coutada da Viúda (Parada). No Catastro actual.

Muíño dos Currichos (Igrexa). Alcume familiar.

Devesa (Parada).

Devesa do Rei (Igrexa).

Devesa de Yañez (Parada).

Estencia (Igrexa).

Esterqueiral (Igrexa). Camiño desde a Igrexa ata Angorén.

Estripeiral (Angorén). Lugar poboado deste tipo de arbusto. No Archivo General de Simancas (1762-63) sitio de Estripeyral. No Rueiro (2009) Camiño do Estripeiro.

Ferraduras (Igrexa). Poden ser revoltas do camiño moi pechadas. No Catastro actual.

Fiáns (Laredo). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sittio de feanes, sittio de fíanes, labradío de Fianes e, tamén, labradío en Fianes de arriba. Aparece como nome dun barrio da parroquia no Diccionario Madoz (1850).

Folón (Angorén). Da nome a un tipo de muíño que emprega un mazo para a fabricación de panos. Aínda se conservan varios muíños fariñeiros nesta zona, pero ata o de agora non hai constancia de ningún que tivera este uso. No Rueiro (2007), Camiño do Folón.

Fonte (Cidadelle (Chapela)/Trasmañó). Nun censo de 1760, sitio do cocho da fonte. No Catastro actual.

Fonte Alta (Parada). No Catastro de Ensenada (1752) aparece como límite Chapela-Teis-Candeán, Fuente Alta. No Catastro actual.

Fonte Lugar Novo (Cidadelle (Chapela)/Trasmañó). No Catastro actual.

Fontiña (Cidadelle).

A Formiga (Laredo). Chamado no Rueiro, Camiño da Formiga ata 2007, cando o ascenden a Rúa da Formiga, para distinguilo do Camiño da Formiga de Cedeira.

A Fraga (Cidadelle (Chapela)/Trasmañó). Fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, cunha gran diversidade de flora e fauna. No Catastro actual Coutada de Fraga. No Rueiro (2007) Camiño da Fraga.

Gabotada (Igrexa).

Camiño do Gaio (Parada). Faría referencia a abundancia deste paxaro na zona. Durante anos empregouse erroneamente o nome de Camiño do Galo. No Rueiro (2007) a partires deste topónimo puxéronselle nomes de paxaros a moitos camiños.

Ginaria, finca da: Solar ao que en 2019 se traslada o CEIP Igrexa.

Gorgullón (Laredo). Lugar onde brota a auga en abundancia.

A Grila (Laredo). Sería un diminutivo de agra, extensión grande de labranza que pertence a varias persoas. Nun censo de 1760 aparece como Agrela /sitio da Grela / sittio deagrila / Sitio dagríla. No Rueiro 2009 Camiño da Grila.

O Herveiro.

Horta (Angorén). No Arquivo General de Simancas (1763-64) sitio de la huerta, sittio de huertta de avajo e outro lugar chamado labradío en Ortta de Lago. No Rueiro 2009 Camiño da Horta, antes do 2009 Camiño da Orta.

Japón(Igrexa/Parada). Ata o 2007 no rueiro estaba a Rúa de Japón.

Lagoeira (Laredo). Lugar con moita auga.

Lamosa. Lugar onde se forma barro. No Arquivo General de Simancas (1763-64), lugar de lamosa.

Laranxo (Angorén). No Arquivo General de Simancas (1763-64), labradio en laranjal. No Rueiro Camiño do Laranxo.

Laredo (Laredo). Nun censo de 1760 aparecen o sitios de: Laredo, Laredo de Abajo, Laredo de arriva e fondo de Laredo. No Catastro actual. No Rueiro (2007), Rúa de Laredo. Ver Barrios.

Lugar de Laredo de Abaixo (Laredo). Estaba no rueiro ata que en 2007 pasou a chamarse Camiño da Baliza, como veremos máis adiante.

Lugar de Laredo de Arriba (Laredo).Nun documento de 1866 Laredo de Arriba. Estaba no rueiro ata a actualización de 2007.

Leitón (Igrexa). Nun censo de 1760, lugar de leyton. Noutro de montes de 1845 atopo, Monte Leitón. No Rueiro (2007) Camiño do Leitón.

O Lo (Parada).

Lombardos (Igrexa). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio de Lombardia.

Louriña (Cidadelle). Pode provir da cor loura da terra ou dos cultivos que había. No Catastro actual. No Rueiro (2007) Camiño de Louriña.

Lugar do Mulo (Angorén/Cidadelle). No Catastro actual.

Maceira (Cidadelle).

Maceiras (Igrexa). Toma o nome do Rego Maceiras que veremos máis adiante. No Catastro actual, Maceiras. No Rueiro (2007) Subida á Maceira.

A Masuqueira.

A Meda. Significa “elevación orográfica con forma cónica”. No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio da Meda. No Diccionario Madoz (1850), Meda. Nun documento de 1866, Mida.

Monte de Afora (Parada/Cidadelle). No Catastro actual.

O Nisal (Igrexa). Pode ser un terreo con nisas, tipo de ameixeira. No Diccionario Madoz (1850) aparece lugar Donizal.

O Olmos (Angorén). Recibe o nome por haber estas árbores no lugar. No Rueiro Camiño dos Olmos. A partires deste camiño déronselle o nome de árbores a moitos outros.

Outeiro (Angorén). Pequena elevación do terreo. No Arquivo General de Simancas (1762-63): lugar doutteyro e sittio do outteyro. No Diccionario Madoz (1850).

Palomares (Cidadelle).

Pampillona (Angorén). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio de Pampillona.

Parada. No Catastro actual. No Rueiro (2007) Camiño de Parada. Ver Barrios.

Montes de Parada (Parada). No Catastro actual.

Paranova (Cidadelle(Chapela)/Trasmañó). No Catastro actual.

Pardiñeiras (Cidadelle).

Pasán (Igrexa). Trataríase dun paso onde se atravesaba o Rego Maceiras. No Rueiro (2007), Camiño de Pasán.

Pasón (Cidadelle (Chapela)/Trasmañó). No Catastro actual.

Pé do Pandeiro (Igrexa/Parada). En portugués existe un instrumento chamado Pandeiro de Pé, pero neste caso podería tratarse dun alcume. No Rueiro Camiño do Pé do Pandeiro. Ata o 2008 era chamado Subida ó Pé do Pandeiro.

As Pedriñas (Angorén).

Penisal (Igrexa). Derivado de Penizal, sería un lugar con moitas penas (rochas). A dúbida nesta explicación do topónimo viría pola existencia do Nisal que vimos anteriormente. Virá de Pé do Nisal? No Arquivo General de Simancas (1763-64) aparece Penisal, Pinisal e Pinizal.

Pereiros (Igrexa). No Arquivo General de Simancas (1763-64), sitio dos Pereyros e sitio al lugar de Peyreyros.

O Picoto / Monte do Picoto (Cidadelle). Picoto sería o cumio dun monte. No Arquivo General de Simancas (1763-64): lugar do Picotto, cochiño de Picoto e cocho de Picotto. No Diccionario Madoz (1850), Picoto. No Rueiro (2007), Subida ó Picoto.

O Piñeiral do Crego (Igrexa). No Rueiro aparece como Camiño do Piñeiral e antes do 2007 Camiño do Pinal. O edificio multiusos de Chapela recibiu o nome do topónimo, O Piñeiral do Crego.

Pinar de Cabrera (Parada). No Catastro actual.

Pinar do Rey (Parada). No Catastro actual.

Pinar de Tamez. (Parada). No Catastro actual.

Pinar de Tapias (Riofrío-Angorén). No Catastro actual.

Ponte dos Namorados.

Ponteseca (Laredo). Ao lugar se accede pasando baixo unha ponte do ferrocarril e alí atopamos unha fonte, polo que é de supor que esta ponte tería problemas coas augas da zona. No Rueiro Camiño da Ponteseca.

Porta do Sol (Igrexa).

Poste da Quinta (Cidadelle). No lugar habería un poste ou gran pedra que marcaría un linde. No Catastro actual, Poste da Quinta. No Rueiro (2007) Camiño do Poste.

Pousadoura ou Pousadoira (Laredo). Lugar de descanso no medio dunha costa. No Arquivo General de Simancas (1763-64) aparece lugar da Pousadoura e sitio dapousadoira. No Diccionario Madoz (1850), Pousadoira. No Rueiro (2007) Camiño da Pousadoura.

O Pouso (Cidadelle). No Arquivo General de Simancas (1763-64) aparece sitio do pouso. No Catastro actual.

O Pozo (Igrexa). Habería un pozo ou fonte que como no caso de fonte Cornide desaparecería coa ampliación da autoestrada. No Arquivo General de Simancas (1763-64) aparece sitio do Pozo. No Rueiro (2009) Camiño do Pozo. Ata 2008 era Baixada ó Pozo.


Segue en Toponimia de Chapela (2 de 3)


 Autor: J. Migueles

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario