sábado, 11 de junio de 2022

As árbores senlleiras de Redondela

 

Sobreira da Peneda. Foto: CMMC do Viso
Sobreira da Peneda. Foto: CMMC do Viso

        En 2021 a petición d Comunidade de Montes do Viso a sobreira da Peneda entrou a formar par do Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Xunta de Galicia. A través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, estableceuse o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan no dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación. Polo tanto, terán consideración de senlleiras as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

        Non era a primeira árbore de Redondela en entrar no catálogo. En total, en 2022, de 200 exemplares recollidos, o Concello de Redondela conta con 7 entradas. No Anexo I, Árbores senlleiras, aparecen ademais da citada sobreira:

Calocedro do Pazo de Torrecedeira. A pesares do estado de abandono (2022) do pazo, nos seus xardíns seguen existindo especies de interese botánico e no catálogo figura un exemplar de cedro de California Calocedrus decurrens.

Camelias e tuia do Pazo de Torres Agrelo. Tres especies dos xardíns deste pazo están incluídas no catálogo: as camelias das especies Camellia sasanqua e Camellia xapónica, ademais da tuia xigante (thuja plicata).

En 1982 celebrouse en Vilagarcía o Concurso-Exposición Internacional de la Camelia, obtendo a Camelia de Ouro, doada por S.M. a raíña, Eugenia Iturria, do Pazo de Torres Agrelo.

Sobreira do Cristo de Arriba. Chamada así porque diante colocáronlle un cruceiro con ese nome. Como a da Peneda é unha sobreira centenaria situada preto do torreiro das festas en Reboreda.


Sobreira do Cristo de Arriba. Foto: J. Migueles
Sobreira do Cristo de Arriba. Foto: J. Migueles


        No Anexo II, Formacións senlleiras, tamén figura:

Carreira de buxos da illa de San Simón. Coñecido como o paseo dos buxos é a imaxe máis icónica da illa de San Simón.


Paseo dos buxos. Foto: J. Migueles
Paseo dos buxos. Foto: J. Migueles

        Outros exemplares de árbores que poderíamos citar como destacadas serían:

O magnolio da Reboraina. Árbore de gran porte baixo cuxas polas acóllense ata cen comensais cando esta propiedade privada abre ao público como furancho.

Magnolio da Reboraina. Foto: A Reboraina
Magnolio da Reboraina. Foto: A Reboraina

 

O magnolio e a palmeira da casa de Avelino Giráldez. Árbore plantada a principios do século XX e que franquea á Subida á Estación xunto con outro gran magnolio situado na antiga finca de Don Pancho, que hoxe pasou a ser de dominio público trala súa urbanización. Nos xardíns da casa de Avelino tamén destaca unha palmeira de gran altura.

Magnolio de Avelino Giráldez.  Foto: J. Migueles
Magnolio de Avelino Giráldez.  Foto: J. Migueles

 

Monterraso. Propiedade en Cedeira que fica abandonada (2022) apesares do cal o cambio de cor das súas árbores seguen a anunciar a chegada do outono. Tamén destaca pola súa altura unha palmeira similar á da casa de Avelino Giráldez.

Monterraso. Foto: J.Migueles
Monterraso. Foto: J. Migueles

 
Palmeira de Monterraso. Foto: J. Migueles
Palmeira de Monterraso. Foto: J. Migueles

A oliveira do cemiterio de Chapela. Posiblemente é o exemplar máis antigo desta especie no noso Concello.

 

Os cedros da Alameda Castelao. Hai seis cedros na alameda, o máis alto ronda os 25 metros de altura. Este exemplar sufriu moitas agresións, xa que nos anos 70-80 adornábase con luces no Nadal. Aínda en 2021, uns electricistas fixéronlle varios furos durante a colocación da instalación eléctrica para abastecer as atraccións das festas do Nadal.

 

A alameda Castelao desde o viaduto de Pontevedra. Foto: J. Migueles
A alameda Castelao desde o viaduto de Pontevedra. Foto: J. Migueles

        Outra árbore exótica coa que contamos no casco urbano de Redondela é un exemplar de Ginko Biloba. Está árbore de orixe ruso é coñecida por sobrevivir á bomba atómica. É un símbolo de resistencia que foi plantada coma homenaxe á valentía das mulleres vítimas da violencia de xénero.


        Entre as árbores desaparecidas:

O Carballo das Cen Pólas. Mantense en pé apesares de que hai anos que secou. É parte da historia de Reboreda. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2019/01/o-carballo-das-cen-polas.html )

O Carballo da Lareira. Árbore situado preto da capela de Santa Mariña e que foi cortado a finais do século pasado.

 

Toco do Carballo da Lareira. Foto: J.Migueles
Toco do Carballo da Lareira. Foto: J.Migueles


Autor: Juan Migueles


BIBLIOGRAFÍA

Espacios e especies de interese natural da bisbarra de Redondela. Grupo ecoloxista Xea. Coordinador Alberte Román.

https://amp.gl.info-about.net/270987/1/pazos-de-redondela.html#article

Xunta de Galicia. Concellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&sub=Arbores_senlleiras/

Faro de Vigo 

La Voz de Galicia

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario