A matanza do porco. Foto cedida por Isabel Martínez |
As tarefas do campo eran labores comunais nas que participaba toda a familia e nalgunhas ocasións tamén veciños e veciñas. Eran momentos de encontro que adoitaban rematar en xantares e improvisadas festas onde non faltaban a música, os cantares, o baile e os xogos populares. Isto provocaba unha maior unión veciñal. Por contra, o abandono do campo, leva ao aumento da individualidade. Os motivos son de sobra coñecidos: endurecemento das normativas, prezos de venta baixos e encarecemento dos custes.
A continuación citarei algunhas destas labores do campo para as que se necesitaban moitas mans:
A matanza do porco.
A matanza do porco realizábase a coitelo polo que facían falta cando menos 5 homes, un para agarrar cada pata e o matarife. O primeiro era deitar de lado o porco no banco, tarefa nada sinxela que daba comezo aos berros do animal. Unha vez cravado o coitelo deixábase desangrar o porco, recollendo o sangue nun caldeiro, porque como di o dito, do porco aproveitase todo. Despois de morto queimábase con palla para eliminarlle o vello e quitábanse as unllas dos pezuños. O seguinte paso era colgalo polas patas traseiras para abrilo e baleirarlle as vísceras. O animal quedaba pendurado cuns paus de pata a pata para mantelo aberto en canal. Era o momento de afanarse na preparación de chourizos e das morcillas.
Na seguinte xornada procedíase ao despece do porco e ao salgado do mesmo quedando gardado na artesa para ir consumindo ao longo do ano.
As matanzas deron para máis dunha anécdota, desde o que se lle escapou o porco, ata o que o matou cun coitelo sen punta.
O 11 de novembro de 2013 comeza a aplicarse a normativa, de matar o porco con pistola para evitar o sufrimento do animal. Esta medida acelerou o abandono da tradición de criar porcos na casa.
Por San Martiño
mata o porquiño.
O gando.
Existen varias tarefas ligadas ao coidado do gando que se fan en grupo como son ir a apañar toxo ao monte para facer o batume (cama para manter quente aos animais) ou a realización de palleiros para ter palla ao longo do ano, que será empregada como alimento. Nos palleiros ou medas tamén se recollía o trigo ou centeo antes de mallalo para levalo a moer ao muíño.
Facendo a meda. Foto cedida por Isabel Martínez |
O millo.
O cultivo do millo é moi laborioso. Despois da colleita aínda quedan varios procesos que sería a esfollada (retirada da folla) e o debulle (separación do gran). Despois gardábase no canastro para alimentar aos animais ou levábase a moer ao muíño para facer fariña. (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/10/os-muinos-de-redondela-ao-longo-da.html ) (Ver https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2020/03/muinos.html )
A industrialización levaría ao debulle a máquina e a aparición do muíño eléctrico.
O seguinte dito, con moita sorna, fai referencia ás festas que se realizaban aproveitando as reunións xurdidas destas tarefas:
As esfolletadas de noite
non fan ben a ninguén.
Levei a miña muller
e esfolletáronma tamén.
1964. Desfollando o millo. Foto cedida por Carlos Cerdeira |
O viño.
Os cuidados da viña durante o ano son labores que pode realizar unha soa persoa en pequenas explotacións. Neste caso o traballo comunal viría na vendima e posterior embotellado.
O augardente.
A figura do augardenteiro foi desaparecendo dos nosos barrios polo endurecemento da normativa que a rexe. Despois da vendima chegaba o augardenteiro que se instalaba na casa dun veciño que lle cedía un baixo ou alboio. Alí instalaba a súa pota e os veciños acudían cos seus bagazos pagando por potada, xa fora en cartos ou con parte do augardente.
Como o proceso é lento arredor do lume xuntábase a veciñanza e o augardenteiro, as máis das veces, entretiña á rapazada contándolles historias de medo, mentres os adultos aproveitaban para ir “catando o caldo”.
As potadas eran de augardente branca ou de herbas. O primeiro emprégase para facer todo tipo de licores (licor café, tostada...), pero de entre todos eles o típico de Redondela era o piscolabis.
As patacas.
A pataca é un alimento básico na nosa alimentación. Tanto o proceso de plantado como a recolleita son moi laboriosos, polo que son necesarias varias persoas para un campo pequeno. A rebaixa da carga de traballo pola chegada do tractor non evita o abandono dos campos polos baixos prezos do mercado.
Sachando as patacas, no Pereiro. Foto cedida por Adela Cabaleiro Hortas-Obradoiro Fernando Monroy |
Fiadas do liño.
Á fiadas do liño realizábanse á noitiña no inverno, porque é unha época onde o tempo impide botar horas a traballar no campo.
Esta tarefa deixou de realizarse hai moitos anos en Redondela, un dos motivos podería ser que as fiados do liño daban paso á seráns que en ocasións remataban con pelexadas e altercados, polo que en 1895 o Concello decidiu prohibir estas celebracións:
“O alcalde Juan Manuel Otero Milleiro, secretario e gardas municipais dan unha batida en cruceiro e Eira Pedriña para prohibir os seráns das fiadas.”
“O Alcalde multa ás donas das casas onde se celebran as fiadas en Cedeira por contravir as súas disposicións.”
O cardado da la.
A cría de ovellas e o posterior tratado da la era outro xeito de ter ingresos nunha casa. A la ademais de para a roupa empregábase para recheo de colchóns e almofadas.
Cardando la en Zacande. Foto cedida por Concha-Obradoiro Fernando Monroy |
Autor: Juan Migueles
BIBLIOGRAFÍA
Aportes orais.
Arredor de nós. Historia da Policía Local 1863-2003. Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure. 2003.
No hay comentarios:
Publicar un comentario